Certan os que pensan que en Galicia hai
frustración na dereita | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
A dereita de España tamén soña. E a súa
fantasía política puido proxectarse a partir dunha catástrofe. Nas
mentes deles hai dúas ideas obsesivas. Unha, que o triunfo do PSOE en
España foi un roubo que lles fixeron debido ao horror dos atentados que,
contumaces, siguen atribuíndolle a ETA non por paranoia senón por
cálculo e mentira propagandística. Outra, que o triunfo da actual
coalición de Galicia foi debido, non menos, á utilización política
doutra catástrofe, a do Prestige, o que tamén constituiu un roubo.
Certan os que pensan que en Galicia hai frustración na dereita. É aí
onde a alguén se lle puido ocorrer que se Zapatero manda debido a unha
catástrofe e se Touriño Quintana mandan debido a unha catástrofe, eles
tamén poden volver mandar mediante unha catástrofe. Sábese que a dereita
española coida que o poder lle pertence por dereito divino e que, nas
raras veces nas que o perde, todos os métodos lles poden resultar bos
para recuperalo. Revisen a Historia de España desde 1812 e vexan se é
verdade ou non o que lles eu digo. Tamén se sinte na dereita española
que a recuperación do poder ocorrerá pola intercesión de Galicia. Que
Franco fose nado en Galicia e que o ministro de propaganda de Franco
gañase varias eleccións en Galicia antes de Aznar fai que a dereita
española teña fe na boina, no primitivismo, no devorador de empanada e
polbo, no indíxena manso, no fillo do "Marisco", no cacique galego (o
que non impide que tamén Génova sinta noxo e desprezo por todo iso). So
así se explica a presenza de Rajoy no vértice do PP, nese posto de
interino no que vostedes o están a distinguir agora facendo os
derradeiros deberes antes de pasar ao asilo onde Fernández Mancha agarda
por el para tomar café.
E ben, unindo unha catástrofe, natural ou asistida, á idea da Galicia
bárbara, ou caníbal, ou contrabandista arousá, ou impedida, por
atrasada, de calquera xesto independentista, xorde o soño da
conspiración para a sabotaxe. Persoalmente non penso que os da Festa do
Albariño nin sequera soñasen nunha organización con células, programas,
símbolos falanxistas, pasamontañas e todas esas cousas. Pro si que,
mesmo desorganizados, polixenéticos, autofinanciados, dos seus pozos
negros de resentemento é capaz de que abrollasen os mónstruos que o soño
da razón (Goya) soe enxendrar. Tales soños terribeis, conxugados cunha
climatoloxía óptima para o desastre, ocasionarían que unha queima
deliberada dos montes se convertise en acto de sabotaxe destinados a
aguilloar un movemento cuxo fin fose: a) a ruptura do bipartito (modelo:
BNG-PSOE, Vigo); b) a posta en vigor dunha reacción masiva (tipo Ucraíña
e antichavismo) que culminase na Reconquista de Galicia e de España por
parte dos seus lídimos Herren, palabra alemá que se traduce por
Señoritos da Merda. O doutor Marx, que non quixo nunca profetizar, tivo
unha feliz idea cando, no 18 Brumario, lle explicou á posteridade que a
Historia deflágrase unha volta en forma de traxedia pro que soe
repetirse a xeito de farsa. É preciso ter moito coidado co que se soña. |
|