FARO DE VIGO. Edición Digital VIERNES 18 AGOSTO 2006 
Edición digital n. 2724
OS CAMIÑOS DA VIDA
 
Dous millóns de hectáreas
 

Desputouse sobre incendios. A idea de sabotaxe política está na comparecencia do Presidente da Xunta. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN


Desputouse sobre incendios. A idea de sabotaxe política está na comparecencia do Presidente da Xunta. Primeiras páxinas de El Mundo e ABC centráronse na idea de que a esixencia do coñecemento do idioma nacional é unha das causas da proliferación dos lumes, o que repetirían con gozo un Rajoy no derradeiro tramo (ou trama) da súa carreira bugallalista e ese xornalismo colonial con data de caducidade. Todo nos incita á relectura do Informe Virginio Fuentes, máis vixente ca nunca. O arresto de apagalumes contratados (e non rexeitados pola Xunta actual) fainos meditar sobre quen lles mandou facer o segundo choio (e lles pagou) ou resulta que se moveron por pulsións libidiñais.
Todos falan e erguese balbordo de opinións. Entre a sabotaxe e a patoloxía psíquica individualista pódense percibir series organizadas de argumentos, non demasiado diversas pro si infinitamente moduladas: industria do lume, especulación inmobiliaria, desleixo do monte. Perfil do incendiario: por que partido vota? Quen pagou o incendiario non tolo e realmente preso?
No que se refire ás raiceiras, ás causas de fondo, poucas luces. Fálase escasamente de política e de ausencia de política a respecto dos dous millóns de hectáreas de patria galega que arden ou poden arder con facilidade. Estamos en intres de patetismo, de indignación, de crise.
Os que saben combater o lume en Galicia e non mundo (e tamén os que saben plantar lume) teñen na cabeza a regra do 30. Ventos de máis de trinta quilómetros por hora, máis de trinta graus de calor, menos de trinta por centro de humidade relativa ambiente. É aí onde saltan os incendios. Pro fica - por parte- outro factor: a existencia de masa susceptíbel de ser inflamada con facilidade. Este último elemento é sobre o cal pode o home actuar mediante a política. Unha ausencia de política para os montes é o que houbo sempre en Galicia e hai hoxe. Por iso aparece a sabotaxe política.
E cando falamos en ausencia de política para o monte galego estamos a falar de política para máis de dous millóns de hectáreas de solo patrio, na súa maioría preparadas para arder. Extínguese xa os incendios do verán aínda que poderán vir outros. Logo, a algarabía convertirase en silencio e a ansiedade deixará paso ao esquencimento apaciguador. Os particulares e as xuntas seguirán a facer o que lles pete cos seus montes e milleiros de quilómetros cadrados máis de terras agrícolas abandonadas iranse sumando ao Grande Baldío, á Vasta Poula, ao Ermo no que Galicia está a transformarse. Cando pasen a vindima e a castañeira falaremos de política e de incendios: prométollo.
Entre tanto, por qué cando dicimos monte só pensamos en árbores e canteiras? Por qué o toxo, a queiroga, a herba do raposo, as gramíneas selvaxes, os arbustos e as bagas, a urce, as ovellas, as cabuxas, as eguas de pura raza galega, as vacas, non valen e os eucaliptos e os piñeiros si que valen?