Compañeiras e compañeiros, algo houbo na viaxe de Ulises que encheu de negro o noso corazón: Itaca ardía. Como meses antes ardeu o mar. Era unha onda negra que levou os nosos brazos a fundirse cos brazos da area, a bicar o sol que había de arribar de novo ás costas do Atlántico, para non chorar, porque talvez outros xa choraron por todos nós. Por iso, porque non choramos, estamos na rúa de novo gritando o NUNCA MÁIS que engrandece e solivianta esta patria de Bóveda e Castelao, esta república dos soños onde pode máis a forza do corazón que a forza do lume e dos canallas. Estamos aquí contra eles: contra os que queiman o noso monte e queren queimar o noso futuro, contra os que venden a súa alma e queren vender a nosa tamén, contra os que incendian, contra os que consenten, contra os cómplices, contra os que ordenan. Estamos aquí para gritar que non van vencer, porque venceremos nós. Para proclamar o vento da esperanza, e do trigo, e dos carballos e piñeiros e castiñeiros enchendo de verde o malva do solpor –tan lindo- na Fisterra. Estamos aquí para dicir non á derrota de cada inverno, que son os meses de calor que sufrimos estío tras estío. Os meses que rompen os nosos ecosistemas, ensucian a nosa auga, contaminan o aire que respiramos… os que nos envelenan. Porque cando arde o monte todos perdemos, e non só perdemos madeira, osíxeno, protección, beleza. Perdemos a dignidade, perdemos o respecto por nós mesmos. Perdemos a liberdade e perdemos a beleza. É un asunto económico, pero tamén é un asunto medioambiental, social, cultural, sanitario. Un asunto entre eles e nós. Cando Ulises viaxaba a Itaca pensaba que a súa era a patria máis fermosa do mundo coñecido, que daquela non era máis grande que a nosa pequena e grande terra, Galiza. Todos nós somos Ulises. Os que cantamos versos ao mar negro e os que cantamos, hoxe, un porvir sen lume nin lágrimas. Polo tanto reclamamos a quen proceda que non arda máis o monte de Galiza, que Xunta e Estado poñan os medios precisos para que non volva suceder, NUNCA MÁIS, o que leva tantos anos sucedendo: golpe a golpe, miseria a miseria. Na Auria de Blanco Amor e de Otero Pedrayo, a provincia de Curros e Celso Emilio, proclamamos un verso de esperanza para vencer ao infortunio. Somos un país que leva anos loitando contra a adversidade. Un país con instinto suicida que, no límite do abismo, recúa e aposta pola supervivencia. Este verán o país chegou a ese límite e non cabe, só, dar marcha atrás. É tempo de derrotar por sempre a desventura. Tempo de levantar a nobreza de Nós, terra de irmandiños, de bos e xenerosos. Non volverá arder o mar, non arderá o monte. Galiza, esta terra fermosa, está en pé. Galiza está de novo nas rúas reclamando un porvir sen canallas, sen lume, sen feridas, sen miseria. Compañeiras e compañeiros de viaxe, como Ulises, non queremos que Itaca arda. Queremos unha Galiza de pombas e trigo e luz. Compañeiras e compañeiros de viaxe chegou o momento de berrar, outra vez, e para sempre… NUNCA MÁIS.

 

 

 

Xosé Carlos Caneiro

Para a Manifestación Nacional contra o lume