- INCENDIOS FORESTAIS -
“ AS LAPAS DA TERRA NO DÍA DO
MEDIO AMBIENTE ”.
No ano en curso
contabilizáronse de xaneiro a maio 4.200 incendios, case que a metade de
tódolos do ano pasado e aínda non nos chegou o verán.
Cando non chove eu subo ao outeiro máis alto do meu
pobo e, dende alí, diviso o ceo e a terra; un ceo amplo no que caben tódalas
nosas ilusións e unha terra que, canto máis se afasta das rías e costeiros,
cada día queda máis soa: casas cada vez máis baleiras, campos, montes que
xorden dos vales, vagadas, regueiras, arboredos, toxeiras, pedregais, ladeiras
altivas que fan serras... Os vellos valados foron comidos por un tempo que non
pasa en balde para as pegadas do home; os carreiros perderon o seu trazado e as
fontes que un día nos deron de beber quedaron soterradas baixo as matogueiras.
Cando hai uns días sen rega as lapas volven á terra e o ceo fúndese con ela no
pano gris das fumeiras.
O ano pasado producíronse en Galiza 8.553 incendios
forestais que provocaron a destrucción de 20.000 hectáreas de monte; o 81,6 %
dos mesmos foron provocados. No ano en curso contabilizáronse de xaneiro a maio
4.200 incendios, case que a metade de tódolos do ano pasado e aínda non nos
chegou o verán. Cando chove, aumentan os niveis de eficacia na loita contra os
incendios. Cando non, miúdo rolo cando non.
Somos coma unha nora que perdeu o seu eixo hai tempo
e, sen rumbo, segue dando voltas. Levamos anos falando dos incendios forestais
e parecese que aínda non aprendemos moito. Non coñecemos os intereses ocultos
que persisten trala continuidade das lapas e nin sequera somos capaces de
identificar as maldades invisibles desta “trama”. Tan so sabemos de intrigas
mantidas e de ladaíñas estalicadas que non remedian unha enfermidade cada día
máis crónica. Estamos conseguindo un Medio Ambiente tan imprevisible coma nós
mesmos e así non hai maneira de facer sementeira e menos aínda de acadar os
froitos sementados.
Tras 14 anos de planos de desenvolvemento rural
financiados con fondos de cohesión da CEE -cunha inversión acumulada de case
que 1 billón das antigas pesetas-,
seguimos consumindo as entrañas e, canto máis falamos dos incendios,
máis cinzas atopamos. Acumulamos estatísticas interminables e falamos do asunto
de maneira viciada e incluso, as veces, cunha boca chea de toxos. Non pode
haber mestre nin xeneral que non faga profundas reflexións e busque outras
estratexias porque, diante desta lacra,
non hai pobo que soporte guerras interminables e menos aínda se, por
culpa do “tempo bo”, están perdidas de antemán. Sen dúbida algo falla no
sistema, algo que ninguén controla.
Os
conflictos hai que estudialos e, se hai vocación de resolvelos, teremos que
solucionalos antes de que nos leven a todos por diante. Non merecemos tantos
tolos soltos nin continuar pagando as consecuencias da reincidencia
incendiaria. A sustentabilidade do Medio Ambiente non pode ser trazada coma
unha entelequia distante da realidade.
Falemos do que non sucede, do que non se fai e permite que esta nora
absurda sega dando máis voltas. Mentres persistan as causas que provocan os
lumes, cada vez que non nos chova máis de catro días seguidos, os medios
implicados na contención das lapas estarán sometidos a un círculo vicioso.
É vital que algo se mova no conxunto da sociedade e
nas institucións que nos representan. Despois de tantos anos falando dos
incendios forestais, seguimos necesitados de respostas e intencións claras que
asenten as bases do noso desenvolvemento. A xestión e administración dos
recursos naturais terá que contar cos verdadeiros protagonistas, os pobos e as
sociedades rurais, piares básicos que deberan suxeitar a diversidade biolóxica
e a nosa paisaxe.
Neste Día Mundial do Medio Ambiente que hoxe
celebramos, as comunidades de montes veciñais sumamos as nosas mans para que,
dunha vez por todas, as causas que
provocan os incendios deixen de latexar na espesura do noso entorno.
5 de Xuño
de 2.004 -Día Mundial do Medio Ambiente- Luis Henrique Martín Uriarte. Asesor
Técnico da Mancomunidade de Montes de Vigo