III relatorio

O monte veciñal en man común como peza

para o desenvolvemento local.

Introducción

a) Monte veciñal e desenvolvemento local

b) Criterios e función do monte veciñal como peza do desenvolvemento local

c) Eivas e condicionantes

d) As mancomunidades de montes 

Introducción

As comunidades de montes veciñais en man común son institucións propias de Galicia desde tempo inmemorial. En época contemporanea, o ordenamento lexislativo (como a Desamortización de 1855, a Lei Hipotecaria de 1946 ou a Lei de Montes de 1957) non recoñeceu as súas características, deixándoas fóra do artellamento xurídico e colaborando activamente na súa eliminación. A recuperación democrática desde 1975 posibilitou a aparición da primeira Lei de montes veciñais en man común, recoñecéndolle as súas características de propiedade privada colectiva.

Pero o daño realizado fora moi importante. A creación polo franquismo do Patrimonio Forestal do Estado en 1941 favoreceu as repoboacións masivas con criterios cientifico-técnicos do século XIX e con fortes custes sociais e ecolóxicos. Os veciños foron expulsados dos seus montes utilizando todo tipo de medidas coercitivas (entre elas multalos por usos menores do monte, como o pastoreo ou o aproveitamento de leñas), o que contribuiu á crise do sector agro-gandeiro por rachar a aportación do monte ó sistema agrario tradicional.

Xa antes da promulgación da Lei de Montes Veciñais de 1980, nalgunhas comarcas os veciños comenzaran a reclamar a devolución dos montes e a organizarse na súa reivindicación. Pero a constitución das comunidades de montes foi lenta e irregular, tanto polos atrancos das distintas administracións á devolución dos montes como polo divorcio xa existente entre os veciños e os montes, especialmente entre as xeneracións nacidas trala guerra civil.

Estes parámetros aínda hoxe están presentes. O medre dos núcleos urbanos converteu ós montes das súas bisbarras en reserva de chan de balde para a dotación de equipamentos públicos; nas zonas rurais, a crise do sector primario alimenta a emigración ó exterior e o éxodo ás urbes, avellentando a poboación. Deste xeito, nas zonas máis poboadas os comuneiros teñen que defender o monte veciñal das ameazas das administracións e dos particulares, mentres nas comarcas rurais os problemas principais son o abandono e a falta de iniciativa. Non é de extrañar pois que soamente un tercio das comunidades de montes galegas estean legalmente constituídas e conten con xunta rectora.

Considerando que os MVMC teñen un papel importante que cumprir no porvir de Galicia, a evolución do labor das comunidades de montes debe responder a estratexias que melloren a súa xestión, a súa asociación en mancomunidades e a súa contribución ó desenvolvemento socio-económico do país.    voltar ó comezo    

 

a) Monte veciñal e desenvolvemento local

De xeito simplificado podemos dividir a evolución dos MVMC en tres fases: a autárquica (uso comunal e soporte do complexo agro-gandeiro), a industrial (usurpación pola Administración e monoproducción de madeira) e a actual (devolución ós seus donos, eivas das fases anteriores e nova relación do monte co desenvolvemento local).

Establécese actualmente unha nova relación do monte veciñal co desenvolvemento local. Esta relación, aínda buscando a compatibilidade de todos os usos do monte, terá que producirse en cada caso sobre algún uso concreto do monte, sexa o complexo agro-gandeiro, a producción forestal, o turismo rural ou outros. Todo isto segundo as características do monte, a situación xeográfica e humana da comarca e a vontade dos veciños e veciñas comuneiros expresada en acordo asembleario.

Esta relación fai aparecer o concepto de economía social, entendido como unha economía asentada no medio, con implicación das poboacións da bisbarra nos proxectos a levar a cabo e que contribúe ó desenvolvemento integral da zona e á conservación da identidade da comarca.

Entendendo a  relación do monte veciñal co desenvolvemento local como xeito de integración dos usos tradicionais do monte nun proxecto de futuro, non estamos inventando nada. Estamos plantexando novas formas en vellos sistemas. Salvando as distancias históricas, podemos comprobar que existe un paralelismo entre os usos tradicionais do monte e os usos que debe ter hoxe o MVMC. Soamente hai que mudar “comunidade labrega” de onte por “comunidade veciñal” de hoxe e “soporte do complexo agro-gandeiro” de onte por “soporte para o desenvolvemento da economía social” de hoxe. E en ámbolos dous sistemas, mantéñense dúas constantes: contribución ó medio de vida e ó fixamento da poboacion.

A  relación do monte veciñal co desenvolvemento local debe ser integrando os usos tradicionais do monte en proxectos diversificados que compatibilicen a rendibilidade económica para fixar poboación coa observancia de políticas ambientais.     voltar ó comezo    

b) Criterios e función do monte veciñal como peza do desenvolvemento local

O despoboamento das comarcas rurais é un dos problemas que presenta o futuro de Galicia. Neste contexto, alúdese moitas veces a que os MVMC destas zonas poden ser obxecto da aplicación de políticas de desenvolvemento rural, por varias razóns: a súa extensión, as súas posibilidades de aproveitamento máis intensivo, a súa superficie media e o seu impacto, inda que desigual, en todo o territorio galego. Sen embargo estas ideas non pasan de simples declaracións de intencións. A aplicación do programa de forestación de terras agrarias é un claro exemplo da inadecuada actuación da política forestal en Galicia, pois foréstase todo menos o monte.

De todos é sabido que os MVMC, coas tres funcións que debe cumprir e coa multiplicidade de usos que elas permiten (industria da madeira e derivados, aproveitamento da biomasa forestal, turismo rural, artesanía...), poderían producir un gran valor engadido que favorecería o fixamento da poboación na zona de influencia do monte. Sen embargo, as únicas axudas que teñen os montes veciñais son de tipo forestal, e frecuentemente escasas e inadecuadas.

Está demostrado que  actividade silvícola crea emprego no medio rural e, xa que logo, axuda a fixar poboación. Pero esta actividade por si soa non basta se non vai acompañada por unha política global que faga atractiva a vida no medio rural. Se non se lle proporciona á poboación rural todos os servicios do medio urbano para acceder a unha mellor calidade de vida, non se fixa poboación e a actividade silvícola será unha actividade de tipo feudal. As empresas forestais (cal señor feudal), na epoca das subvencións para traballos silvícolas (a colleita), van ó rural a sacar o beneficio (a renda), para logo volver ó medio urbano co seu producto.

Por outra banda, o emprego creado pola actividade silvícola é precario e de terceira categoría. As relacións laborais deste sector non estan reguladas, non hai convenios colectivos e as empresas forestais contratan ós traballadores e traballadoras polo réxime especial da seguridade social agraria e non polo réxime xeral. Este sistema de afiliación significa non ter dereito ó paro en períodos de desemprego forzoso, non ter dereito a vacacións e ter prestacións de miseria no caso de enfermidade, accidente ou maternidade. Se se procura a calidade do traballo forestal, hai que procurar tamén a cualificación profesional do traballador ou traballadora forestal. Aceptando que a superación desta situación é responsabilidade da Xunta de Galicia, que debe promover unha iniciativa parlamentaria para lexislar nesta materia, cómpre recoñecer tamén a parte que lle corresponde ás comunidades de montes, que contratan ós traballadores tamén polo réxime especial da seguridade social agraria ou contratan a empresas que teñen os seus empregados neste sistema.

Dada a estreita relación que hoxe debe ter o MVMC co desenvolvemento da economía local e social, entendemos que, sen desbotar outras fórmulas, o xeito máis axeitado sería o traballo cooperativo polas súas características: o monte identifícase como elemento xerador de rendas, hai planificación dos diversos usos, xérase traballo no mesmo lugar onde se asenta o monte, os propios vecinos/as comuneiros poden ser os socios cooperativistas, o investimento dos beneficios faise no mesmo lugar de actuación, etc. Sen embargo, as fórmulas cooperativas existentes non poden ser aplicadas no monte veciñal.

A explotación dos diversos recursos do monte veciñal ha de ser sostible económica e ecoloxicamente. Debe procurarse que a planificación das actuacións para o desenvolvemento local teña en conta a escaseza de recursos para non hipotecar as potencialidades do monte nin o seu disfrute polas xeracións vindeiras. Non poderiamos chamar desenvolvemento se fora basicamente depredativo, que actúe no curto prazo e desprece as implicacións externas que se xeren. A busca do crecemento económico sostible é garantía de pervivencia para o MVMC.

A explotación futura dos diversos aproveitamentos do monte veciñal ha de ser sostible económica e ecoloxicamente. As actuacións para o desenvolvemento local deben ter en conta os recursos existentes para non hipotecar as potencialidades do monte nin o seu disfrute polas xeracións vindeiras.     voltar ó comezo    

 

c) Eivas e condicionantes.

Por mais que as potencialidades do monte veciñal son diversas e nalgúns casos moi importantes, debido a diferentes condicionantes internos e externos, as comunidades de montes, non foron quen aínda de dar ese paso en toda a súa lonxitude. A cuestión é saber como se pode liberar a enerxía potencial que atesoura o MVMC e transformala en enerxía cinética para que mova a economía local. Cómpre eliminar os condicionantes internos e externos que padecen as comunidades de montes para acadar un funcionamento axeitado.

Entre os condicionantes internos que padecen as comunidades de montes podemos citar:

a) A conciencia colectiva negativa con que foron devoltos os MVMC, forxada ó longo dos anos e que vai dende a promulgación da Lei do Patrimonio Forestal (que enche os montes galegos de piñeiros e eucaliptos) ata a esixencia, na primeira Lei de montes veciñais en man común, dun quorum excesivo para legalizar as comunidades de montes, pasando pola Lei Hipotecaria que usurpou o monte ós veciños e veciñas. Isto provocou unha fenda na simbiose monte-veciñanza e que, nun primeiro momento, as comunidades de montes actuasen como substitutas das funcións dos concellos e mesmo amortecedores das reivindicacións veciñais diante das corporacións municipais. Hoxe en día esta conciencia negativa vaise virando e xa moitas comunidades de montes teñen como obxectivo principal o coidado do monte.

b) A escasa concienciación dos veciños e veciñas comuneiros sobre a importancia do monte veciñal. Cómpre buscar fórmulas para resolver a falta de quorums nas asembleas xerais, facer campañas de mentalización entre os comuneiros, empezando pola xente mais nova, para que vexan a propiedade comunal como súa, como riqueza actual e potencial. Hai que lograr que as comunidades de montes sexan creativas, isto é, capaces de xuntar ós veciños mais alá dos aspectos meramente económicos. Que se poidan dotar dun dinamismo interno que leve as súas iniciativas a toda a sociedade.

c) A febleza organizativa das comunidades de montes. Só o 32% das comunidades de montes que hai en Galicia tenen os seus órganos de goberno funcionando e, xa que logo, o 68 % das comunidades de montes non estan organizadas, o que fala do moito camiño por andar. Pero cómpre lembrar  que as comunidades de montes son entes organizativos novos (por vez primeira está recollido na lei o seu funcionamento), que as mais vellas aínda non acadan os 25 anos de existencia e que algunhas comunidades de montes son quen de superar a súa propia xestión parroquial e unirse en mancomunidades. Mesmo sen paternalismos, dirixismos nin axudas da Administración pública e baixo os principios de autoorganización e independencia, un grupo de comunidades de montes foron capaces de crear unha organización de ambito galego, entendida como parte da sociedade civil que se organiza para defender os seus intereses e para reivindicar solucións ós seus problemas, polo que hai que recoñecer que tamén se leva un bo camiño andado. Posiblemente unha parte da responsabilidade desta febleza organizativa está nas propias comunidades de montes, pero a maior responsabilidade está no labor da Xunta de Galicia e o seu escaso compromiso co desenvolvemento destas entidades.

d) Por ser o monte veciñal "outra forma de pusuír", unha propiedade de tipo xermánico que ten que sobrevivir nunha sociedade artellada xuridicamente nos principios do dereito romano. Esta situación dificulta a aplicación de fórmulas cooperativistas polas comunidades de montes para desenvolver as súas potencialidades, a imposibidade de recuperar terra no caso das expropiacións, que os membros das xuntas rectoras recaian en responsabilidades civís e penais no exercicio da súa xestión cando son cargos non remunerados e horíficos, etc. É precisa unha lexislación específica para que os MVMC, sen perder as súas características, poidan desenvolver as súas posibilidades na sociedade na que vivimos.

e) Polas súas características físicas e productivas. Estas características impiden capitalizar o monte en sentido empresarial. A madeira, producto maioritario actual dos montes, ten unha rendibilidade económica a longo prazo (20, 35 ou máis anos, dependendo das especies) e está sometida a unha serie de riscos como os lumes forestais ou as pragas. Soamente as comunidades de montes que teñan ingresos "atípicos" (expropiacións, arrendamentos para polígonos industriais, parques eólicos, canteiras...) poden ter capitalización. Pero estes ingresos teñen unha contrapartida negativa (a eliminación fisica do monte ou a inutilización indefinida do seu uso) e, xa que logo, é mais unha aportación limitada ou rendista que dinamizadora.

Tamén se aboga ás veces por profesionalizar a xestión das comunidades de montes coa creación da figura do xestor profesional. Pero esta idea non ten aplicación polo seu custe económico (suporía un gasto anual de 18.000  a 30.000 € -de 3 a 5 millóns de pta.-), o que o converte en inasequible para a maioría das comunidades, salvo que se resintan gravemente as partidas dedicadas a gastos administrativos, coidado do monte e obras sociais.

f) A ausencia do monte veciñal no debate social. Lamentablemente os medios de comunicación social e os creadores de opinión tratan dos MVMC soamente nas novas negativas (lumes forestais) ou os conflictos tribais (liortas entre comunidades de montes ou entre comuneiros). O dinamismo e os traballos positivos das comunidades de montes non teñen presencia mediática.

Entre os condicionantes externos que padecen as comunidades de montes podemos citar:

a) O incumprimento sistemático dunha Lei de montes veciñais en man común que ten 22 anos por parte do goberno da Xunta de Galicia: non acomete os deslindes, non vela pola integridade do monte ante as usurpacións das administracións e as ocupacións por particulares, non asesora ás comunidades de montes, non realiza planos de aproveitamento, non permite a representación das comunidades de montes en mesas sectoriais nin consellos consultivos, etc, etc.

b) O abandono pola Consellería de Medio Ambiente dos MVMC: incumprimento do Plano Forestal de Galicia (sobre todo no tocante a porcentaxes de especies plantadas e atención ós montes urbanos e periurbanos), incumprimento dos convenios e consorcios, inmovilismo da Administración Forestal pola incapacidade de adaptarse á nova realidade do monte veciñal, etc, etc.

c) A valoración por parte da Consellería de Medio Ambiente dos MVMC como terreos sen valor, o que provoca que a Xunta de Galicia nunca os considere prevalentes ante calquera obra que intereses alleos e necesidades propias queiran facer nos montes, sexan autoestradas, parques eólicos, campos de golf ou calquera outro equipamento. Esta consideración negativa produce a indefensión do monte veciñal ante lexislacións colaterais (lei de caza, de estradas, de costas, do solo...), nas que se dispón do monte sen contar cos propietarios.

d) A potenciación exclusiva da función productiva dos MVMC, despreciando ou minusvalorando as funcións social e ecolóxica. Buscar a máxima rendibilidade económica do monte non debe ser o único criterio de goberno. Aspectos ecolóxicos e paisaxísticos deben ter cada vez maior importancia. Manter soamente o baremo da rendibilidade económica será moi negativo para o monte veciñal e toda a sociedade.

e) Políticas e lexislacións inadecuadas (incendios forestais, reforestación de terras agrarias, fiscalidade, aproveitamento eólico...).

Nos seus 20 anos de historia, as comunidades de montes foron quen de evolucionar, malia a todos os atrancos e condicionantes internos e externos. Das comunidades de onte que actuaban como amortecedores das reivindicacións veciñais diante dos concellos ás de hoxe que, ademais de preocuparse da mellora do monte, empezan a plantexar alternativas innovadoras para as súas terras, hai un intenso camiño de dedicación e sacrificio. Que o monte veciñal poida ser peza importante do desenvolvemento da economía social depende da súa capacidade de superar os condicionantes internos e externos, para o cal as comunidades de montes deberán mellorar a súa xestión e funcionamento, especialmente en tres eidos de xeito simultáneo:

1) Mellorar o funcionamento interno das comunidades de montes. Traballar pola concienciación, formación e participación dos veciños e veciñas comuneiros. Atender á xente nova como única garantía de supervivencia do MVMC. Mellorar a xestión da xunta rectora.

2) Empezar a aplicar nos montes alternativas innovadoras que compatibilicen os diversos usos e que favorezan o desenvolvemento harmónico da zona de influencia do monte. Que manteñan e aumenten a capacidade económica, a calidade de vida e o  fixamento da poboación. Algunas destas iniciativas xa en marcha son: aproveitamento do gando, da biomasa forestal , turismo rural, centrais de coxeneración. E para levar adiante estas alternativas, cómpre que as comunidades de montes se doten da figura precisa. Figuras productivas que non deben contradicir o espírito e as características do MVMC.

3) Traballar para eliminar os condicionantes e as eivas que padece o monte veciñal e lograr unha política de montes axeitada que permita o desenvolvemento das súas potencialidades.

Para camiñar cara a un mellor funcionamento nestes eidos, as comunidades de montes deben organizarse tamén en tres niveis, que son:

1º) Mellorar a formación e a información de comuneiros e rectores como medio de tomar as decisións con responsabilidade. É preciso potenciar as relacións con outras comunidades de montes e con outros comuneiros para intercambiar experiencias e opinións.

2º) Promover as relacións con outras comunidades e a necesidade de afrontar problemas comúns e iniciativas compartidas lévanos a unirnos en mancomunidades, xa sexan por concellos, comarcas, agrupados por montes ou a través de formulas mixtas.

3º) Favorecer a relación entre mancomunidades e a necesidade de dar resposta conxunta e buscar solucións consensuadas obriga á unidade a nivel galego. Esta unidade posibilita o incidir na política de montes e favorece a relación con outras entidades e institucións a nivel estatal e europeo.

As comunidades de montes, nos 25 anos de existencia, percorreron un longo camiño de mellora do seu funcionamento, que as levou a organizarse en mancomunidades e asociarse a nivel galego. Pero aínda arrastran importantes eivas debido a condicionantes internos e externos. Cómpre mellorar a súa xestión a todos os niveis, especialmente nas zonas interiores.     voltar ó comezo    

 

d) As mancomunidades de montes

Nestes tres niveis de organización destaca a figura das mancomumidades, por ser o enlace entre eles. As mancomunidades de montes son unha entidade intermedia, que enlaza o nivel primeiro (información, asesoramento) co nivel terceiro (reclamar unha política de montes axeitada), ó tempo que é clave do nivel dous, onde se poden concretar os proxectos e alternativas a levar a cabo nos MVMC a nivel local ou comarcal.

A mancomunidade de montes é unha asociación de comunidades que comparten intereses semellantes, sofren problemas comúns e posúen territorios lindantes. Está gobernada, o mesmo que as comunidades, por unha asemblea xeral da mancomunidade, da que forman parte todos os membros das xuntas rectoras das comunidades de montes asociadas e que ten as mesmas funcións que as das comunidades. Aproba os obxectivos e elixe a xunta rectora da mancomunidade. As comunidades asociadas disfrutan de total independencia de xestión dentro da mancomunidade, de xeito que cada unha delas decide os proxectos nos que se involucra mancomunadamente.

A xunta rectora da mancomunidade planifica os traballos a levar a cabo de xeito mancomunado. Para iso debería contar con asesores técnicos da Administración. A función destes asesores sería consultiva e carecerían de capacidade decisoria sobre asuntos propios da mancomunidade. Asi mesmo, a Administración debería proveer de persoal administrativo (de xeito semellante ás confrarías de pescadores) para levar a xestión administrativa das mancomunidades, incluíndo aqueles que as comunidades asociadas precisen.

Para a realización dos proxectos aprobados polas mancomunidades, se deberá adoptar en cada caso pola fórmula máis axeitada (contratos con empresas, traballadores propios, formación de cooperativas, etc. A mancomunidade deberá coidar que os traballos se fagan de xeito equitativo, priorizando os máis urxentes ou os que revirtan nun maior beneficio da mancomunidade.

Na participación do monte veciñal co desenvolvemento local será decisiva a formación e o funcionamento de mancomunidades de montes, pola súa posición intermedia entre as comunidades e a organización a nivel galego e por ser o nivel onde se poden concretar os proxectos e alternativas a levar a cabo nos MVMC a nivel local ou comarcal.     voltar ó comezo