As
alternativas para o monte veciñal en man común
a) A producción de madeira e os aproveitamentos menores do monte
b) A caza
c) O aproveitamento da biomasa forestal
f) O turismo rural e natural. A Rede Natura 2000
l) A explotación de minas e canteiras
As alternativas de futuro para o MVMC deben pasar polo desenvolvemento integrado e compatible tendo en conta as tres funcións tradicionais: a social, a ecolóxica e a productiva. Cada unha destas funcións determina diversos usos, polo que o desenvolvemento deberá ser diversificado e compatibilizar estes usos.
Os usos do monte veciñal cara ó porvir deberán ser enmarcados por catro parámetros: as normativas emanadas dunha política de montes axeitada, o concepto de sostibilidade, o desenvolvemento integral da comarca e a soberanía dos veciños e veciñas comuneiros reunidos en Asemblea Xeral. Dentro deste marco, os usos do MVMC deberán posibilitar que, sen hipotecar os aproveitamentos futuros do monte, contribúa á mellora da calidade de vida dos veciños e axude a fixar poboación no medio. Pola contra, un mal uso do monte vecinal será todo aquel que non axude ó desenvolvemento da comarca ou hipoteque os restantes usos do monte, favorecendo a longo prazo a despoboación da zona.
Esta filosofía debe ser aplicable a calquera uso do monte veciñal: producción forestal, enerxía eólica, aproveitamento do gando, utilización da biomasa forestal, turismo rural, caza e outros moitos presentes ou futuros. voltar ó comezo
a) A producción de madeira e os aproveitamentos
menores do monte.
O 33 % da superficie forestal galega, isto é, unhas 661.000 ha, son propiedade das comunidades de montes, cunha superficie media de 225 ha. por comunidade veciñal. Isto significa que os MVMC non precisan de concentración parcelaria, non existe minifundismo e teñen unhas dimensións idóneas para acometer unha política forestal racional.
Unha boa parte
da superficie forestal galega está a matogueira, o que a convirte no escenario
axeitado dunha política de extensión forestal, facendo innecesaria a
desastrosa politica de forestación de terras agrarias que esta levando adiante
a Xunta de Galicia. Significaría que, sen destruír terras agrarias ou
susceptibles de cultivo, se pode incrementar a producción de madeira e os seus
derivados e, xa que logo, facer medrar o producto interior bruto galego e
mellorar as condicións de vida dos habitantes das zonas que contan con montes. A productividade da madeira en Galicia estímase en 11 m3/ha/
ano, fronte ós 2,5 m3/ha/ano de media na producción europea. Se a
isto engadimos que hai un alto déficit de madeira, sobre de todo de madeira de
calidade, tanto no resto do Estado español como na Unión Europea, podemos
apreciar que nos atopamos nunha zona de producción forestal privilexiada. se en
vez de vender madeira en rolo se vendese o producto elaborado ou semielaborado,
estariamos aumentando en 10 o PIB forestal galego coa conseguinte contribución
á economía xeral do país e á potenciación do desenvolvemento local.
Contra estes argumentos en favor da rendibilidade económica dunha producción forestal racional en Galicia, temos a realidade actual do estado das nosas masas arbóreas, herdeira da política forestal dos sucesivos gobernos do Estado Central dende a promulgacion de Lei do Patrimonio Forestal do ano 1941. Esta política fixo que o MVMC galego pasase de ter uns usos múltiples asociados ó sistema agro-gandeiro a un abandono do 50 % da súa superficie e case un monocultivo forestal no outro 50 %. Isto é, absentismo e productivismo, os cales provocaron a reconversión salvaxe do uso dos montes veciñais da multifunción ó monocultivo forestal, cunha producción escasamente rendible en termos financeiros, ineficaz para configurar un patrimonio forestal diversificado e capitalizado, e que supuxo a eliminación das outras funcións (social e ecolóxica) que o monte debe cumprir.
Esta política repoboadora acabou destinando para o uso forestal terreos axeitados para usos agrícolas e gandeiros (e continúa hoxe coa forestación de terras agrarias dos últimos anos), o que provocou o enfrontamento de intereses da poboación do mundo rural. Executouse esta política con especies de crecemento rápido - esquecendo totalmente as frondosas de crecemento lento-, máis rendibles a curto prazo, pero que non favorece á industria de transformación da madeira e é incompatible co papel ambiental e social que deben de cumprir estas terras. Por outra parte, esta repoboación provocou a renovación dos pés en idade de corta soamente para o eucaliptus e non para as outras especies de frondosas, de xeito que a superficie de coníferas e frondosas diminúe e soamente medra a superficie dedicada a eucaliptus, condenando ó MVMC a dispoñer de pouco valor engadido.
Deste xeito, esta política repoboadora soamente pode considerarse como positiva desde unha concepción dos montes veciñais encamiñados á obtención de rendibilidade financeira pola producción de madeira, promovendo masas monoespecíficas de crecemento rápido en terras productivas e monte desarborado no resto, modelo apoiado pola a Administración pública forestal e que coincide cos intereses dos axentes privados. Non podemos esquecer que a Consellería de Medio Ambiente, ata hai ben pouco, subvencionou descaradamente a plantación de eucaliptus en Galicia.
Pola contra, é preciso camiñar de contado cara a un modelo de monte multifuncional axustado ás demandas dos veciños e veciñas comuneiros e a toda a sociedade. Se ben é certo que non se pode volver a un MVMC como soporte do complexo agro-gandeiro en exclusividade, non é menos certo que hoxe ten que estar relacionado con usos ecolóxicos, recreativos, xeración de emprego, fixación da poboación rural, desenvolvemento dos recursos endóxenos, etc. Neste modelo de monte multifuncional, a producción de madeira compatible cos demais usos é a das especies de crecemento medio e lento e, xa que logo, este modelo de monte é inviable en termos financeiros privados. De aí que se considera imprescindible que, conxuntamente coas comunidades de montes, a Administración galega asuma o custo das funcións sociais e ecolóxicas dos montes e abandone o actual papel de subsidiaria da simple demanda de madeira de dúas ou tres especies en apoio exclusivo do mercado e colaborando na destrucción do aspecto multifuncional que tivo tradicionalmente o monte vecinal.
Nesta encrucillada atópanse as comunidades de montes. Por unha banda temos un monte herdado en malas condicións, producto dunha política repoboadora que potenciou a producción de madeira con especies de crecemento rápido e, pola outra, cómpre avanzar cara á consecución dun monte diversificado no que se cumpran, de xeito compatible e integrador, as funcións ecolóxica, social e productiva.
E para camiñar cara adiante, o sentido común di que hai que aproveitar o que temos para lograr o que queremos, polo que é necesario acadar os mellores prezos para a nosa madeira. Esta madeira, no seu aproveitamento industrial, pasa por diversas mans (madeireiros, fragueiros, pequenos e grandes rematantes de madeira...), cada unha cos seus intereses, o que determina que o mercado da madeira sexa local, pouco transparente e con grandes fluctuacións de prezos. Nesta situación, todos os sectores profesionais se benefician da madeira dos nosos montes en mellores condicións cós propios donos da mesma. Teñamos en conta que os grandes rematantes de madeira compran a madeira ós intermediarios máis pequenos, obtendo bos beneficios porque poden negociar coas industrias un sobreprezo ou unha prima adicional pola cantidade de madeira que poden entregar nun determinado prazo. Este maior prezo poderiamos obtelo as comunidades de montes se superamos a debilidade que temos para negociar cos grupos empresariais e no dificil equilibrio entre unha oferta atomizada e unha demanda concentrada.
Por mor disto, cómpre que as comunidades de montes deamos un paso máis, que nos organicemos para vender a madeira conxuntamente. Deste xeito obteremos mellores prezos e poderemos fuxir das fluctuacións á baixa do mercado (por ser a madeira un ben non perecedeiro) negociando a entrega de certa cantidade de madeira nun tempo determinado. Pero organizar as comunidades de montes para comercializar conxuntamente a madeira significa que as mancomunidades de montes teñen que xogar un importante papel, pois é a través da mancomunidade como mellor se pode organizar cada comunidade de montes para dotarse dun Plano de Ordenación (ou cando menos dun Plano Técnico) homoxéneo cos das outras comunidades. E tamén convén que cada mancomunidade de montes se dote dun Plano de Xestión Integral dos montes da mancomunidade. Porque a unificación da comercialización da madeira debe facerse a través da propia mancomunidade de montes mediante a xestión directa ou, no seu defecto, mediante a creación entre comuneiros dunha cooperativa de servicios. Deste xeito, ademais de lograr uns mellores prezos para a nosa madeira, estariamos xerando emprego no mundo rural e potenciando a economía social a través da creación de cooperativas entre veciños e veciñas comuneiros.
Este modelo de xestión (directa ou a través de cooperativas) polas mancomunidades de montes, á parte da comercialización da madeira, podería servir para outras xestións: o aluguer de maquinaria para uso común, a adquisición de plantas e abonos a prezos máis baixos, o mellor control da prevención de pragas e enfermidades do arborado (diminuíndo os seus gastos por aplicarse nunha superficie maior), a negociación con empresas de servicios forestais para traballos no monte, e labores futuros como o das certificacións forestais e outros.
Dentro duns anos, o mercado rexeitará os productos madeirables non certificados (ou pagaráos a baixo prezo), xa que non poderán probar que son producidos con criterios de sostibilidade. Neste tema da certificación forestal optamos polo modelo FSC porque, en contra do sistema PEFC, recolle os acordos internacionais da Cumbre de Río de 1992, establece con rigor os criterios para unha axeitada xestion forestal e nel participan todos os sectores interesados de xeito equitativo. Pero á marxe desta postura, parécenos axeitada e aproveitable a posibilidade real que existe de lograr certificacións forestais territoriais. E aqui teñen entrada as asociacións das comunidades de montes en mancomunidades, de xeito que é posible que as mancomunidades de montes poidan acadar a súa propia certificación forestal.
Cómpre pois avanzar cara á unión organizada das comunidades de montes para a comercialización da madeira e outros aproveitamentos menores do monte compatibles coa producción da madeira: mel, cogomelos, froitos, plantas medicinais... Tamén para a unificación doutros servicios, ben a través da xestión directa das mancomunidades de montes ou da creación de cooperativas entre comuneiros. Esta unificación da xestión posibilitará a obtención de mellores prezos para os productos do monte, favorecerá a creación de emprego e fomentará o desenvolvemento da economía social.
A producción de madeira
(e especialmente o monocultivo de especies de crecemento rápido) non debe ser a
única producción dos MVMC, senón que se deben promover outros productos. O
capital forestal dos nosos montes debe ser aproveitado e rendibilizado, polo que
as comunidades de montes debemos buscar fórmulas asociativas e de xestión para
a comercialización da madeira e os outros productos.
b) A caza
A caza é un aproveitamento tradicional do monte veciñal e, polo tanto, un dereito dos veciños e veciñas comuneiros. En Galicia a maioría dos terreos onde se practica a caza son MVMC. Sen embargo, a Consellería de Medio Ambiente, consecuente coa súa reiterada actitude de desprezo ás comunidades de montes, non contou con elas para a elaboración da Lei de Caza (Lei 4/1997, de 25 de Xuño) e do seu Regulamento (Decreto 284/2001, de 11 de Outubro) actualmente vixentes. Este desprezo amosa, non soamente unha actitude antidemocrática lexislando de costas ó sector afectado, senón que invade a capacidade de decisión das comunidades de montes, propietarias dos terreos onde se realiza maioritariamente a aplicación da Lei.
Esta Lei de Caza actualmente vixente clasifica, a efectos cinexéticos, os terreos en de réxime cinéxetico común e de réxime cinéxetico especial. Estes últimos, pola súa parte, clasifícanse en: reservas de caza, refuxios de fauna, terreos cinexeticamente ordenados (tecor), terreos cinexéticos deportivos e explotacións cinexéticas. Os terreos non comprendidos nalgunha destas categorías convértense en terreos cinexéticos comuns. Nestes terreos o exercicio da caza será libre naqueles terreos que superen as 500 ha. e terán a condición de refuxios de fauna (con prohibición de cazar neles) os terreos que non acaden esta extensión. A xestión dos terreos de réxime cinexético común é realizada pola Consellería de Medio Ambiente. Isto é, aquela comunidade de montes que posúa mais de 500 ha. continuas de monte e que non ceda os dereitos cinexéticos a unha sociedade de cazadores, o exercicio da caza nas súas terras será libre e xestionado pola Consellería de Medio Ambiente. Isto é un despoxo legal do seu dereito de xestión da súa propiedade.
Ademais desta invasión de competencias das comunidades de montes pola Xunta de Galicia, o menoscabo da capacidade de xestión dos comuneiros sobre o monte veciñal se reafirma e aumenta nos seguintes aspectos da actual Lei de Caza:
a) A Xunta de Galicia pode aprobar por decreto as zonas de reserva de caza, correspondendo a súa explotación á Consellería de Medio Ambiente, sen contar para nada coas comunidades de montes, propietarias das terras.
b) A Xunta de Galicia pode declarar de oficio as zonas como refuxio de caza, ou a proposta de entidades científicas ou culturais públicas e privadas. As comunidades de montes nin sequera teñen dereito a presentar alegacións.
c) A Consellería de Medio Ambiente poderá ser titular dos terreos cinexeticamente ordenados (tecor) de carácter autonómico, co fin de garantir o aproveitamento das especies cinéxeticas e de favorecer o acceso dos cazadores galegos á actividade cinexética. Estes “tecores autonómicos” constituiranse sobre terreos cinexeticos de Galicia ou sobre terreos de aproveitamento cinexético común. A xestión destes tecores poderá ser realizada directamente pola Consellería de Medio Ambiente.
A xestion, intervención e capacidade de decisión das comunidades de montes, titulares dos terreos onde se practica a caza, queda reducida á cesión dos dereitos cinexéticos na formación dos “tecores societarios” e a ter un representante nos comités provinciais de caza, e isto sempre que a Administración non faga unha lectura restrinxida do punto e) do artigo 55 do Regulamento da Lei de Caza, que di que “os comités provinciais de caza terán na súa composición un representante das asociacións de propietarios dos terreos cinexéticos, designado por acordo entre elas”.
Entendemos que a práctica da caza é un aproveitamento do monte veciñal e, xa que logo, aceptamos que as comunidades de montes cedan os seus dereitos cinexéticos ás sociedades de caza, tanto de xeito oneroso como gratuíto. Sen embargo, nesta cesión deben prevalecer os intereses dos MVMC, polo que estas cesión deben contemplar os seguintes requisitos:
a) As sociedades de caza que opten a disfrutar dos aproveitamentos cinexéticos deberán presentar un seguro que cubra os accidentes e danos producidos na práctica da caza. Este é un asunto moi importante, xa que compre recordar que os donos dos terreos (neste caso as comunidades de montes) son responsables subsidiarios no caso de accidentes ou mortes derivados da práctica da caza nos seus terreos.
b) Dado que a actual Lei de Caza establece un tempo de 5 a 15 anos de prazo na cesion dos dereitos cinexéticos, as comunidades de montes deben optar polo prazo máis curto.
c) A Lei de Caza esixe ás sociedades de caza a presentación dun “Plano de Aproveitamento Cinexético”, polo que as comunidades de montes deben asegurarse de que este plano non contradiga o Plano de Ordenación do propio monte, nin que impida calquera actuación que a comunidade de montes acorde realizar no propio monte.
d) O Imposto sobre Sociedades, que obriga ás comunidades de montes, establece que a Administración tributaria pode exercer a “estimación de rendas” (cálculo dos rendementos, en valor de mercado, dos dereitos cedidos a terceiros, aínda que esta cesión sexa gratuíta). De reclamarse esta estimación de rendas, terá que correr a cargo das sociedades de caza.
As comunidades de montes, sobre todo as das zonas do interior de
Galicia, deben comezar a pensar no aproveitamento da caza maior, que hoxe en día
está sendo potenciado por intereses particulares con ánimo de lucro, para o
cal están adquirindo a cesión de grandes extensións de monte para instalar
coutos de caza maior. Os beneficios destes coutos de caza maior deben ir
destinada ás comunidades de montes e non a intereses alleos.
A caza é un uso tradicional dos MVMC, polo que debe ser unha competencia das comunidades de montes. En caso de cesión dos dereitos cinexéticos ás sociedades de caza, nos convenios deben prevalecer os intereses das comunidades de montes e o seu dereito a ordenar as súas terras. voltar ó comezo
c) O aproveitamento da biomasa forestal
A evolución que tiveron as comunidades de montes na última década, onde pasaron de actuar de amortecedores das reivindicacións veciñais diante dos concellos (ó facer case en exclusiva obras de carácter social e comunitario) a facer traballos de coidado nos seus montes, fixo medrar os restos de maleza espallada polos montes tralos traballos silvícolas. O destino destes restos era quedar amoreados, con perigo de favorecer os lumes forestais, ou eran queimados, co cal se estaba eliminando materia vexetal susceptible de ser aproveitada. Dalgún xeito, parte do diñeiro investido nos traballos silvícolas quedaban convertidos en fume.
As comunidades de montes comezaron a recoñecer a necesidade de aproveitar esta biomasa forestal producida polos traballos de poda, clareo e desbroce. Diversas experiencias amosan que estes recursos poden ser utilizados para a producción de compost ou como materia prima nas plantas de coxeneración eléctrica. Deixando á parte as centrais de coxeneración, xa que dupoñen un proceso industrial complexo e, xa que logo, fóra do alcance da iniciativa das comunidades de montes, cómpre analizar a utilización da biomasa forestal para a producción de compost, un proceso industrial de menor entidade e asequible á iniciativa das comunidades de montes.
Os proxectos do aproveitamento da biomasa forestal para a producción de abonos e sustratos ou para a producción de compost son proxectos integradores que favorecen, de xeito diversificado e compatible, diversos usos do monte a través de:
a) Potenciación do desenvolvemento dos recursos endóxenos da zona e promoción da economía local e social.
b) Loita contra os incendios forestais. Un monte coidado non elimina de xeito radical o problema dos incendios, pero fai diminuír o risco e a intensidade do lume.
c) Defensa da biodiversidade, xa que se anova a cuberta vexetal mellorando os pastos para o gando e ábrense espacios nas matogueiras que favorecen a fauna e a producción doutros recursos menores dos montes como son os cogomelos.
d) Aumento do valor da producción forestal pola mellor organización dos traballos de selvicultura.
e) Creación de emprego, tanto nos traballos de selvicultura como na planta de producción de abonos e sustratos.
f) Potenciación do turismo rural e ecolóxico coa mellora da paisaxe e do disfrute do monte no aspecto socio-cultural (zonas de lecer, rotas de senderismo, xacementos arqueolóxicos, arquitectura popular, prácticas deportivas ó aire libre...).
g) E se engadimos unha “Aula de interpretación do monte veciñal”, estamos aportando elementos para unha política educativa pola posibilidade de organizar visitas dos escolares. Estes centros de intepretación do monte veciñal poderán mudar a longo prazo en centros de documentación, investigación, divulgación e estudio dos MVMC.
Os proxectos de aproveitamento da biomasa forestal para a producción de abonos e sustratos ou compost son proxectos nos que doadamente se debería acadar a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e dos concellos da comarca, no primeiro caso porque supón unha explotación diversificada do monte e porque o producto obtido ten unha importante aplicación na rexeneración das terras queimadas. No caso dos concellos da comarca porque se poderán incorporar a este proceso os restos de xardíns públicos e algas mariñas e polo que favorece o turismo rural e ecolóxico.
Por todo o anteriormente exposto, fica claro que a rendibilidade social deste tipo de proxectos é evidente. Pero ademais, segundo os estudios técnicos (de momento teóricos), tamén son rendibles economicamente. Segundo os datos deste estudio, a limpeza de 200 ha. producen arredor de 3.000 m3 de maleza, dos que se obteñen 499 Tm. de compost, cunha rendibilidade, trala dedución de gastos, de 2.800.000 pta/ano. E se a producción de compost é maior, aumenta a rendibilidade económica.
É precisamente
esta última variable a que pode presentar o verdadeiro problema neste tipo de
aproveitamentos: se a dinámica da producción é marcada pola planta industrial
de compost ou polo monte, isto é, se o monte vai traballar para a planta ou
esta somanete vai recoller a maleza que suministre o monte segundo o seu Plano
de Ordenación ou segundo o acordado polos veciños/as comuneiros en Asemblea
Xeral. Entendemos que a dinámica debe ser marcada polo monte, e a planta de
compostaxe debe recoller o restos silvícolas que lle suministre o monte, xa que
doutro xeito poderiamos obrigar ás terras veciñais a producir unha cantidade
excesiva de recursos vexetais que supuxese a degradación de monte sacándolle
nutrientes de máis. Nesta escolla as comunidades de montes teñen a capacidade
de decisión, polo que os comuneiros deben ter unha postura clara e non deixar
que as árbores lles impidan ver o monte, isto é, que a rendibilidade económica
non debe cegalos nin entendela como único beneficio. E
máxime nestes momentos en que están en marcha proxectos industriais de
producción de compost en grandes cantidades con vistas a aproveitar a biomasa
forestal para a producción de combustible para motores.
Outros problemas que presenta este tipo de aproveitamentos son a súa comercialización dos productos elaborados e o xeito de explotación da propia planta de compostaxe. Neste último caso, existen diversas opcións para a explotación da planta de compostaxe (pola comunidade de montes, como proxecto conxunto na mancomunidade, a través da formación de cooperativas entre os veciños e veciñas comuneiros ou alugala a unha empresa), das que pensamos que as máis proveitosas son as dúas primeiras, porque deste xeito non perderiamos o control da producción nin do funcionamento da planta de compostaxe.
O aproveitamento da biomasa forestal é tamén un uso tradicional do monte veciñal. Cómpre unha política enerxética que favoreza a súa explotación sen degradar ó monte. voltar ó comezo
d) Os parques eólicos
O MVMC ten unhas potencialidades inmensas para desenvolver proxectos de aproveitamento da enerxía eólica que se dá nos cumios da maioría das serras galegas. Esta riqueza debe ser ollada con interese por parte das comunidades de montes, xa que a valorización do monte a través do aproveitamento do seu potencial eólico pode supor grandes rendementos económicos e tamén a diversificación dos xeitos tradicionais de explotar o monte. Ademais, este tipo de enerxía, por ser renovable, contribúe a un desenvolvemento sostible e ó aproveitamento integral dos nosos montes veciñais, finalidade que tan ben cadra coa sua natureza. Non embargantes, debemos ser moi prudentes á hora de valorar os beneficios e prexuízos que os parques eólicos traen ás comunidades de montes. Se baixamos á realidade da recente implantación de aeroxeneradores nos terreos veciñais, as críticas que se poden facer son moitas, polo que debe terse presente que a enerxía eólica non é totalmente boa ou mala en si, senón que haberá que saber aproveitala para beneficio de cornuneiros e comuneiras en primeiro lugar, e de toda a sociedade en xeral.
No ano 94 a Xunta decidiu apostar forte pola enerxía eólica a través da implantación de parques eólicos por empresas privadas. No Decreto 205/95, que regula o aproveitamento deste recurso, facilítaselle ás grandes empresas eléctricas de fóra do país, de xeito escandaloso, a concesión de inmensas áreas dos nosos montes para poder explotar a enerxía do vento. Todo isto non soamente sen o acordo cos lexítimos propietarios do monte, senón de costas a eles pois, sen que se tivese a máis mínima informacion, Gamesa, Seawest-Made, Endesa, Fenosa, Desarrollos Eólicos e Energía Eólica de Galicia SA (ningunha delas con sede no país), por citar só as máis importantes, conseguiron da Administración pública durante o ano 96 o dereito de implantación preferente de parques eólicos en máis de 600.000 ha. de monte, na súa maioría veciñais en man común. As comunidades o máis que puideron facer foi tirar de mapa e coordenadas UTM para ver se o que se publicaba no D.O.G. caía pola súa zona. E normalmente caía.
Pero a falta de información, consulta e participación das comunidades do que se quería facer co monte, con ser grave, non era senón o comezo do que se foi confirmando
co tempo. Os parques eólicos comezaban a instalarse ou a solicitarse polas compañías eléctricas sen restrición de ningún tipo, nos catro puntos cardinais do país e sen planificación, ordenamento do territorio, compatibilización con outros usos do monte nin tendo en conta os efectos negativos que o elevado número dos previstos afectase á natureza, ás paisaxes ou ó disfrute social do mesmo. Non podemos ignorar que o suposto beneficio ambiental xerado pola producción de enerxía eólica que substitúe a outras fontes contaminantes ou esgotables, vese claramente superado de ducias de parques que implican a destrucción hábitats naturais únicos, invasión de áreas incluídas na Rede Natura 2000, ameaza para fauna e flora, construcción masiva de pistas e liñas eléctricas, contaminación acústica polos rotores, etc; e todo isto nun país que é excedentario de enerxía. Pola contra, a deficiente distribución eléctrica que pedacen empresas e cidadáns (e veciños comuneiros en particular) por vivir en núcleos urbanos manterase sen mellora algunha.
As comunidades de montes, desinformadas e cunha Administración totalmente do lado das empresas, en moitas ocasions vían como as negociacións para instalar un parque eólico non pasaban dun simple e rápido formalismo a cubrir polos promotores. Nalgún caso mesmo nin formalismo se gardou e a ameaza aberta foi a arma empregada. Así, o habitual foi que no fabuloso negocio eólico, no que un só parque lle pode custar ó promotor máis de 8 millóns de euros (3.000 millóns de ptas), o arrendamento dos terreos non lle suporá en 30 anos máis do 5 % do investimento total, cando un parque eólico pode estar amortizado nun prazo inferior a dez anos.
As comunidades exercen de convidado prescindible e molesto no reparto da riqueza que se produce nos seus terreos. Deben acatar unhas normas que non puideron debater, e teñen que reclamar constantemente os seus dereitos, que ollan pisoteados cada vez que, non por iniciativa propia, unha empresa as embarca nun proxecto de parque eólico. ¿Onde está, pois, a utilidade pública do monte? Coidamos que esta é a clave da cuestión. A utilidade pública do MVMC, recoñecida na lei 13/89, debería ser a garantía para que as comunidades puidesen negociar cun mínirno de forza ante as empresas eléctricas. A posibilidade mesma de desbotar a construción dun parque eólico nos seus montes debería entrar dentro do posible e as empresas eólicas de seguro tratarían ós propietarios doutro xeito e afinarían moito máis as súas ofertas. Pero a lexislación da Xunta que desenvolve o Plano Eólico recolle que os aeroxeneradores, os novos muíños de vento, tamen son de utilidade pública. En ningún caso dos que as comunidades reclamaron a prevalencia da utilidade pública do monte sobre os parques eólicos, conseguiron resolución favorable do goberno galego, senón que sistematicamente se resolveu ó contrario. Isto é, xa non se trata dun problema de leis, senón dunha decisión política que sitúa ó MVMC no último posto da súa escala de prioridades, e desde logo sempre por debaixo do lucro privado, doado e rápido das compañías eléctricas. A consecuencia directa é que de non haber acordo entre as partes, a Administración procederá a expropiación do monte veciñal para servilo en bandexa ós promotores eólicos, e polo tanto nas negociacións as comunidades se atopan vendidas por completo.
As comunidades de montes debemos tratar de rachar con esta dinámica e retomar a explotación da enerxía eólica de xeito racional e a medida dos nosos intereses. O novo decreto de fins de 2001, que modifica o anterior do ano 95, foi unha oportunidade perdida para caminar nese sentido e dar entrada ás demandas que fixeron a Organizacion Galega de Comunidades de Montes e os propietarios afectados. A nosa participación no Libro Branco da Enerxía impulsado pola Administración autonómica non existiu e o contexto político non parece favorable a que se produza un troco na lexislación na medida en que reclamamos. Asi e todo debemos seguir esixindo o ordenamento da explotación eólica dos montes e a nosa participación na toma de decisións. Como reclamación básica para defender axeitadamente os intereses das comunidades, propugnamos a regulación da prevalencia da utilidade pública do monte, por medio duns criterios obxectivos que valoren as funcións sociais, económicas e ecolóxicas dos MVMC.
Debemos conseguir ter a iniciativa na implantación de parques eólicos e non soamente ir a remolque das intencións puntuais das empresas, por medio da recuperación das concesións feitas e non desenvolvidas por estas no prazo establecido e para que se faga unha moratoria de novas concesións. Ó tempo débense desenvolver proxectos de pequenos parques polas propias comunidades nos seus montes, co apoio da Xunta e a participacion das empresas eólicas. Para isto a Administración debe aportar axudas, asesoramento e a posta en funcionamento de experiencias piloto.
No curto prazo é necesario un impulso da unión das comunidades de montes e todos os afectados polos parques eólicos, para compensar a actuación organizada e conxunta das empresas promotoras. O intercambio de experiencias, as reclamacións conxuntas á Xunta a as negociacións non individuais fronte ás compañías eólicas, son necesarias e xa van callando na creación dunha asociacion de afectados polos parques eólicos.
Mentres a ameaza da expropiación do monte continúe, as negociacións coas empresas eléctricas carecerán de forza suficiente para acadar contrapartidas xustas pola implantación de aeroxeneradores nos montes. Inda así, mediante a información, a unión, o estudio polo miúdo dos proxectos, o tesón na defensa do monte e dos nosos intereses, a calma e o asesoramento poden aportar bos réditos ás comunidades. É importante, logo de establecer unhas contrapartidas económicas mínimas, facer depender o diñeiro a recibir dunha porcentaxe da producción eléctrica a máis alta posible.
O aproveitamento da enerxía eólica pode ser un recurso interesante para as comunidades de montes, pero a súa regulamentación é claramente insuficiente. Deben establecerse claramente as zonas de instalación prohibida de parques eólicos, as zonas de instalación restrinxida e as zonas de instalación permitida. Nas dúas últimas, as comunidades de montes, como propietarias dos terreos, deben ter a capacidade de decisión sobre a instalación.
A Administración galega debe replantexar o actual desenvolvemento da enerxía eólica mediante unha planificación racional, deixando ás comunidades de monte a decisión última sobre a instalación do parque. Cómpre que a lexislación recolla a prevalencia da utilidade pública do monte sobre as instalacións eólicas para garantir negociación xustas e impedir a expropiación forzosa. voltar ó comezo
e) O aproveitamento do gando
O monte veciñal foi o soporte do sistema agro-gandeiro, polo que mantiña en boa parte a cabana gandeira. Esta actividade tiña un carácter polivalente, xa que o gando, ademais de apoio á fertilizacion das terras, producía alimentos básicos (leite e carne) e servía de forza de traballo para as tarefas agrícolas. O gando que se explotaba nos montes era sobre todo vacún, inda que nalgunhas zonas tamén era importante o lanar, cabalar, caprino ou porcino. O seu sistema de explotación era diverso, desde a total liberdade -especialmente cos cabalos- ó sistema de pastoreo –como no caso das vacas-. O pastoreo común practicábase máis que nada co gando lanar e caprino. O gando de toda a veciñanza xuntábase para ser confiado a un pastor, que facía longas estadías no monte; era o sistema das roldas ou veciñas, práctica usada en boa parte das comarcas galegas. Deste xeito establecíase entre o aproveitamento do gando e o monte veciñal unha perfecta simbiose: o gando exercía un labor de poda nas árbores e un control das malezas, impedindo os lumes forestais e fertilizando as zonas onde pastaba; pola súa parte, o arborado facía de corte natural para o gando, servíndolle de abrigo necesario para os ventos e as choivas no inverno e de sombra nos días de calor.
Esta simbiose ráchase no comenzo da posguerra cando, botando man da Lei do Patrimonio Forestal (1941) e da Lei Hipotecaria (1946), os montes galegos son usurpados ós veciños e invadidos polos piñeiros primeiro e os eucaliptos despois. Cando nas décadas dos 70 e 80 os MVMC son devoltos ós seus lexítimos donos, o sistema gandeiro tradicional xa estaba en crise e os montes comenzan a encherse de gando bravo.
Hoxe é moito máis numeroso este gando, composto exclusivamente por cabalos e vacas cun sistema de aproveitamento salvaxe, máis propio da Prehistoria que dos tempos actuais: un gando que nace e vive no monte, en estado salvaxe, sen ningún tipo de soporte alimentario e con deficiente ou nulo control sanitario. Na maioría dos casos os seus propietarios non pertencen á comunidade de montes onde pasta o seu gando, o que provoca continuos conflictos entre propietarios dos montes e donos do gando. Estes últimos usan deste pastoreo como actividade secundaria case absentista, polo que amosan escaso nivel de capacitacion profesional, baixa racionalidade productiva para aplicar á explotacion do gando e carencia absoluta de xestión dos aproveitamentos destes pastos e de autorizacion para a solta de animais novos.
Esta situación favorece a libre solta de animais novos no monte, ocasionando importantes problemas:
a) Este gando carece normalmente de control sanitario previo, constituíndo un serio perigo de contaxio para os animais que xa estan no monte.
b) É un perigo para as plantacións novas levadas a cabo polas comunidades de montes, as cales se ven obrigadas a repoñer as plantas destruídas polo gando e realizar extensos cercados.
c) A ameaza de incendios. A coincidencia entre zonas de pastoreo e proliferación de lumes forestais está demostrada e admintida mesmo pola Consellería de Medio Ambiente.
d) O aumento do gando bravo fai escasear os pastos, polo que os animais baixan ás zonas de cultivos do propietarios particulares, causando fortes estragos.
Esta situacion conflictiva está sendo alimentada pola actitude da Consellería de Agricultura, Gandería e Politica Agroalimentaria co silencio cómplice da Consellería de Medio Ambiente. Para facilitar o acceso dos donos do gando bravo ás primas para saneamento e forraxe, a Consellería de Agricultura non lles esixe a certificacion da Asamblea Xeral da comunidade de montes onde pasta o seu gando, senón que acepta calquera papel asinado polo presidente, favorecendo a aparición de situacións irregulares, trampas e picaresca sobre un acto de disposición do monte.
As comunidades
de montes consideramos insostible a situación actual. Aceptamos inequivocamente
que o pastoreo é un dos usos do monte veciñal e, xa que logo, un dereito dos
veciños e veciñas comuneiros; consideramos que o uso gandeiro debe ser
compatible cos outros usos dos MVMC e que este uso, de xeito ordenado e
controlado, é unha fonte de ingresos e un medio para combater os lumes
forestais, xa que controla o crecemento do mato. Así establecido, o pastoreo non supón ningún conflicto.
Pero para isto cómpre regular este uso: a Asemblea Xeral da comunidade de
montes debe aprobar un regulamento sobre o pastoreo onde se establezan parámetros
como o tipo de gando permitido, a carga de gando en cada parcela, as zonas de
pastoreo, a rotación do pasto, o control das altas e baixas, os cercados e
mesmo a posibilidade da explotación do gando por parte da comunidade veciñal.
Por mais que actualmente a lexislación posibilita o apresamento das reses
ceibas nos montes sen autorizacion e mesmo, de non aparecer o dono, proceder á
súa subhasta, esta solución require esforzos, dificultades e gastos. Sen
desbotar nalgúns casos o uso desta lexislación, cómpre resolver o conflicto
coa regulación do pastoreo libre do gando dun xeito controlado e ordenado. E
nesta ordenación a Administración galega ten un importante papel que xogar.
Faise imprescindible a elaboración
dunha normativa legal que sente as bases para regular o pastoreo no monte e
estableza as obrigas e responsabilidades dos gandeiros, os tipos de gando que
poden pastar en cada monte (resolvendo tamén a carencia de identificación ou
rexistro oficial nin certificado de saneamento do gando cabalar), etc.
Este marco legal servirá de referencia no establecemento de convenios para a explotación do gando bravo entre as comunidades de montes (ou as mancomunidades) e os propietarios do gando, nun proceso que beneficiará a ambas as dúas partes. Ás comunidades de montes porque lles permitirá:
- Coñecer o numero de cabezas de gando que pasta nos seus montes e os donos do mesmo.
- Poder elaborar planos de aproveitamento integral dos seus montes e determinar a carga gandeira que poden soportar.
- Ter garantido o estado sanitario do gando que pasta nos seus montes.
- Poder capturar o gando non autorizado.
- Percibir taxas por este uso do monte.
Os donos do gando bravo saen favorecidos porque poderán:
- Eliminar a incertidume de ter que enfrentarse a planos de forestación aprobados sen a súa participación.
- Contar con terreos suficientes para o pastoreo do gando autorizado.
- Construccion de abrigos, mangas de
tratamento, curros, etc.
- Ter garantido o control sanitario de todo o gando do monte.
- Acceder a axudas para a mellora da súa explotación.
A situación
do gando bravo nos montes veciñais, consentida e favorecida pola Xunta de
Galicia, é conflictiva e insostible para as comunidades de montes. Cómpre unha
normativa legal que regule o pastoreo ceibo de xeito racional e compatible cos
outros usos do monte veciñal; esta normativa favorecerá a sinatura de
convenios entre as comunidades de montes (ou mancomunidades) e os donos do
gando, beneficiando ás dúas partes.
f) O turismo rural e natural. A Rede Natura 2000.
Os MVMC desempeñan un
importante labor medioambiental en beneficio da sociedade. É determinante o seu
papel no efecto antierosión, na moderacion do clima, almacenamento de augas
para a formación dos solos, sumidoiro de carbono, mantemento da biodiversidade,
consolidación das paisaxes e dos hábitats. Dous datos cuantificados axudan a
comprender esta contribución:
1- 1 Ha. de monte arborado elimina 500 kg de C02 por ano.
2- A “construcción" de 1 ha. arborada por ano andaría dos 1.500 ós
6000 € (de 250.000 a un millón de pesetas).
Os bens medioambientais, antes abondosos, agora son escasos. Xa que logo, é imprescindible buscar un desenvolvemento sostible baseado no concepto de perdurabilidade e non soamente no crecemento económico. Os bens medioambientais xerados polos montes, moi especialmente polos MVMC, redundan en beneficio de toda a sociedade e, en boa lóxica, terá que ser ésta no seu conxunto a que colabore no seu mantemento e na mellora dos seus recursos.
Nos montes veciñais existe un número importante de vestixios prehistóricos, historicos e de arquitectura popular: petroglifos, castros, mámoas, equipos de moimenta, calzadas, muíños, sistemas de regadíos, valados... Vemos pois que nos montes veciñais conxúganse dous elementos (patrimonio ambiental e patrimonio histórico e arquitectónico) que, xunto coa potenciación dos recursos naturais (ríos, bosques autóctonos, paisaxes...), poderían ser as bases para o desenvolvemento dun turismo rural e natural. Un turismo onde, ó disfrute de bens sociais (natureza e cultura), se podería engadir o desenvolvemento da economía local (comercio, artesanía, aulas da natureza) co conseguinte incremento do producto interior bruto da localidade e, xa que logo, coa mellora das condicións de vida dos habitantes da bisbarra do monte.
Malia a estas posibilidades, a Administración galega non ten unha política de axudas para a defensa do medio ambiente nin para o estudio, restauración e conservación dos elementos históricos e arquitectónicos que xacen nos montes veciñais. A Xunta de Galicia soamente está disposta a apoiar a explotación dos productos non madeirables do monte. Esta política contravén as directrices forestais da Union Europea, que establecen a necesidade de potenciar a “explotación diversificada dos productos do monte, a proteccion do medio ambiente e a atención dos usos sociais e recreativos das masas boscosas”. As funcións social e ecolóxica dos MVMC non van atopar “padriños privados”; terá que ser a sociedade no seu conxunto quen defenda e potencie estes recursos. Este é o papel que debe cumprir e non compre a Administración galega. Na actualidade os fondos FEOGA están a investir importantes recursos económicos que en Galicia non se destinan a aplicar políticas de mellora dos espacios rurais dende o punto de vista da paisaxe, da biodiversidade, do valor recreativo e da capitalizacion dos bosques tradicionais. A política de forestación de terras agrarias levada adiante pola Xunta de Galicia é un bo exemplo da carencia de apoio ós usos forestais e ecolóxicos do monte veciñal.
Neste contexto é onde cumpre analizar o papel da Rede Natura 2000. A Rede Natura, directiva da Unión Europea, está motivada pola adopción das directrices aprobadas no Cume de Río de Janeiro de 1992 e baseada nos conceptos de sostibilidade e biodiversidade, na liña das características que teñen os MVMC e por iso asumible. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, e logo de varias modificacións e ampliacións, eleva como espacios a protexer o 11 % do territorio galego. E aínda que a superficie queda curta e a Xunta de Galicia nesta inclusión de territorios comete diversas irregularidades que non concordan coa filosofia da Rede (espacios delimitados na súa superficie, inclusión de grandes superficies mariñas...), o máis grave foi a actitude amosada na elaboración da proposta, actitude inadecuada e custionable por varias razóns:
1- Non informou ós propietarios do significado da inclusión dos seus terreos na Rede Natura 2000.
2- Non recabou a opinión dos propietarios afectados (sobre todo comunidades de montes) para estudiar propostas de inclusión na Rede Natura.
3- Non aceptou as propostas de diversas comunidades de montes, que pedían a inclusión dalgúns dos seus terreos na Rede Natura.
4- Non foron considerados como imcompatibles a inclusión na Rede Natura co establecemento de instalacións agresivas co medio ambiente (parques eólicos, canteiras, minas, aproveitamentos hidráulicos, autoestradas...). Deste xeito, a inclusión na Rede Natura 2000 de espacios con instalacións agresivas co medio ambiente non só cuestiona a accion protectora, senon que a anula.
Este xeito de actuar do goberno galego é prepotente e inaxeitada, provocando conflictos que deberan ser evitables polos beneficios xerados pola protección do medio ambiente e a explotación sostible dos recursos dos montes. Esta conflictividade está provocada pola falta de información e diálogo da Xunta de Galicia e a desconfianza das comunidades de montes e que a inclusión de terreos na Rede Natura 2000 pode hipotecar os usos actuais do monte e limitar as expectativas económicas dalgunas zonas. Estes enfrontamentos non terían lugar se o proceso para a inclusión dos terreos na Rede Natura se fixera con información e con diálogo, pero a Consellería de Medio Ambiente amosou unhas formas autoritarias e prepotentes que non facilitan o consenso.
A proposta do goberno galego de inclusión dos terreos na Rede Natura 2000 está pendente de aprobación pola Unión Europea. Unha vez aprobada, a Xunta de Galicia ten que elaborar os Planos de Ordenacion dos Espacios Naturais e de seguido elaborar os Planos Rectores de Usos e Xestión dos Espacios Naturais. Como este desenvolvemento lexislativo aínda esta por facer, as comunidades de montes solicitamos que a aplicación da Rede Natura en Galicia se desenvolva dende a concordia e o consenso necesarios para acadar as maiores cotas de aceptacion social, pois as comunidades de montes defendemos a función ecolóxica dos montes.
Para acadar este obxectivo, as comunidades de montes esiximos que a Xunta de Galicia non desenvolva a aplicacion da Rede Natura a traves de decretos e o faga a traves de convenios cos propietarios dos terreos, que recollan os seguintes puntos:
1- Posibilidade de que as comunidades de montes que entendan que o seu monte reúne as condicións para ser incluído na Rede Natura 2000, poidan solicitar a súa inclusión.
2- Elaboración dun estudio sobre a incompatibilidade da inclusión do espacio na Rede Natura 2000 con certas explotacións agresivas para o medio ambiente.
3- Establecemento de compensacións pola limitación de certos usos do monte.
4- Participacion das comunidades de montes na redacción dos Planos de Ordenación dos Espacios Naturais.
5- Participación das comunidades de montes na redacción dos Planos Rectores de Uso e Xestión do Espacio Natural e nas Xuntas Rectoras que se creen a tal efecto para a súa xestión.
Finalmente debemos recordar que existen unha chea de puntos sensibles (contorno de ríos, regueiros, lagoas...) que son enclaves puntuais de gran valor paisaxístico ou ambiental e que quedan fóra da Rede Natura 2000. A Xunta de Galicia, por medio de axudas e convenios, debe colaborar decididamente na limpeza e conservación destes enclaves.
A Rede Natura está baseada nos conceptos de sostibilidade e biodiversidade, conceptos defendidos tamén polas comunidades de montes porque son básicos para o desenvolvemento das funcións social e ecolóxica dos montes e favorece o turismo rural e natural. As comunidades de montes esiximos que o desenvolvemento da Rede Natura en Galicia non o faga a Xunta a través de decretos, senón de convenios cos propietarios dos terreos, onde se conte coa opinión e participación das comunidades de montes. voltar ó comezo
Como é sabido
de todos, o MVMC cumpriu na sociedade tradicional galega un papel de complemento
indispensable da economía agraria familiar. Pero non soamente a productiva era a única función do monte. Xunto a ela,
e con parella importancia, aparecían a social e a ecolóxica, aínda que era
frecuente que estas tres funcións se mesturaran nun mesmo uso ou costume dos
veciños.
Para comezar, a función social está presente na práctica totalidade das
actuacións dos veciños no monte veciñal. A propia xestión do monte ten un
compoñente social de fondo significado, pois para gobernar as terras comunais
é necesario o consenso e os veciños son os que deciden o uso e destino do
monte, propiciando así un nivel de relacións sociais que favorecen a
convivencia.
Tradicionalmente a función productiva do monte tiña tamén unha forte
dimensión social. Os usos e costumes de vello procuraban o equilibrio dos
repartos dentro das desigualdades sociais existentes e algúns aproveitamentos
eran de libre uso para os que os precisasen, de xeito que as terras do común
eran tamén propiedade dos que non tiñan terras propias, permitindo así cos
seus recursos (estivadas, pastos, esquilmos, leñas...) o mantemento dun nivel básico
de explotación agrogandeira á capa social máis desprotexida. Mesmo este nivel
de “economía social” se extendía a outra práctica moi frecuente en etapas
de aumento demográfico ou de crise económica: o de facilitar ós “pobres de
solemnidad” sen casa onde vivir, os terreos necesarios para erguer unha chouza
mínima na que acollerse.
Pero a función social podemos percibila tamén noutras prácticas de diverso signo, como culturais ou relixiosas. Terras veciñais eran case sempre as que acollían as festas, as romarías, as edificacións colectivas de diverso tipo como muíños ou cruceiros, mesmo as construccións relixiosas (igrexas, capelas, ermidas) mentres a Igrexa non as inscribiu ó seu nome. Nos montes do común estaban os restos arqueolóxicos de petroglifos mámoas e castros, os espacios comunitarios de feiras, pontes e eiras, boa parte dos camiños e outras moitas estructuras materiais e mentais da comunidade veciñal. Mesmo tiña unha clara carga social a conciencia ecolóxica de non usar o monte de xeito que o seu aproveitamento puidera mermar no futuro.
Hoxe en día algúns aproveitamentos mudaron, pero a función social do MVMC non minguou. É certo que xa non procura solar para os pobres (función hoxe asumida por outros servicios da Administración), pero boa parte do exposto máis arriba segue a cumprirse actualmente. Mesmo a xestión veciñal do monte adquiriu un novo significado, pois ó írense perdendo os costumes comunitarios, actualmente o funcionamento da comunidade de montes é o máis importante modelo de democracia directa que se mantén nas parroquias.
Pola contra, a función social colle maior dimensión ó ser destinatario o monte veciñal de novos usos, como os de tipo deportivo, turístico ou de lecer. E os investimentos en obras comunitarias (camiños, fontes, redes de sumidoiros e iluminación, etc.) veñen a encher as carencias dos presupostos municipais nas infraestructuras rurais. Mesmo na Galicia interior, os ingresos do monte poden servir como complemento ós baixos niveis de renda das economías familiares de poboacións avellentadas.
No tempos que veñen, novos usos de forte contido social están chegando. Os equipamentos públicos xa se instalan en gran parte nos terreos veciñais, e na medida en que sigan sendo as asembleas xerais de comuneiros as soberanas sobre o destino dos terreos do común, as súas decisións terán a cotío unha clara dimensión social.
Por todo o anterior, é inxusto e irracional aplicar criterios economicistas ou de rendibilidade monetaria ó MVMC, cando menos mentres non sexan valoradas cos mesmos criterios as importantes aportacións que nos eidos social e ecolóxico realiza o monte veciñal a toda a sociedade.
Así pois, a función social do monte veciñal (favorecedora da convivencia entre veciños e de apoio ós máis necesitados) apréciase claramente nos costumes de uso e de xestión, e hoxe esta función mantense e mesmo se incrementou co funcionamento das comunidades de montes. As leis e normativas aplicables ós MVMC deben respectar e valorar esta función polos servicios que desenvolve e como favorecedora da cohesión social. voltar ó comezo
Denominamos “montes periurbanos” ós MVMC das parroquias lindantes coas vilas e cidades de Galicia. Estes montes, pertencentes ás parroquias rurais do núcleo urbano ou dos concellos lindantes, debido á proximidade das urbes, reúnen unhas características específicas:
I) Por unha banda están sometidos a maiores servidumes debido á presión demográfica:
a) Debido ó seu carácter de montes abertos, acollen con maior intensidade os usos sociais (culturais, relixiosos...).
b) A proximidade dunha poboación en expansión obrígaos a adoptar novos usos (deportivos, de lecer, turísticos...).
c) Acollen a práctica totalidade das novas infraestructuras e instalacións de equipamento.
II) Pola outra, o dinamismo da poboación amósase na maior concienciación da poboación e na maior capacidade de xestión das xuntas rectoras, o que se traduce na maior explotación dos seus recursos (forestais, mineiros, hidrolóxicos, gandeiros...) e na mellor defensa e xestión do seu patrimonio.
Con todo, esta mellor xestión non evitou que, nos últimos tempos, estas terras veciñais da bisbarra das urbes foran as que sufriran unha maior merma na súa extensión, ata o punto de que, de seguir este proceso, están abocadas á desaparición en poucas décadas. Este risco vén dado por:
a) Unha maior presión social sobre os lindes dos montes grandes e sobre as parcelas menores, producida pola expansión dos núcleos urbanos e o forte aumento do prezo do solo. Esta presión social evidénciase no aumento das apropiacións por particulares, comuneiros ou non, como o demostra que o maior número de denuncias das comunidades se localizan nestes montes periurbanos.
b) Paralelamente á situación anterior, a actitude da Consellería de Medio Ambiente é de desprezo e indolencia cara ó monte veciñal. Malia a que a Lei lle confire un papel tutelar sobre os MVMC, a Administración galega clasifica mal e tarde (nas provincias nas que o fai), négase a clasificar os anacos inferiores a 1 ha, non deslinda o terreo clasificado e nos casos de apropiación por particulares, a súa actuación, de producirse, é totalmente inútil.
c) No caso da Administración local, o panorama non é mellor. Os concellos, depositarios na etapa franquista da administración dos montes veciñais, en moitos casos néganse á clasificación cando non está realizada, e nos casos en que os montes están devoltos ós veciños, esperan que estes cedan de balde os terreos para os equipamentos necesarios. Sacando honrosas pero moi escasas excepcións, as corporacións locais, non soamente non teñen unha política de apoio e recoñecemento ó MVMC, senón que a súa condición de administradores a curto prazo as enfronta a cotío ás comunidades de montes, coidadoras dun patrimonio a longo prazo.
d) Entre os cómplices da destrucción dos terreos veciñais por omisión hai que incluír sen dúbida ó Ministerio fiscal, o cal, malia ás obrigas que lle encomenda a Lei de Montes Veciñais de actuar en defensa da integridade dos mesmos, nunca o fai, aínda sendo requerido polos veciños.
e) O proceso de destrucción dos terreos veciñais e a súa conversión en particulares foi medrando nos últimos anos co seu alleamento abusivo polas distintas administracións para a instalación de equipamentos e infraestructuras mediante expedientes de cesión ou expropiación forzosa. Rematado o destino da cesión ou expropiación, as Administracións non teñen escrúpulo en vender estas parcelas sumándose impudicamente ós movementos especulativos do mercado inmobiliario. Non se coñece caso de parcela veciñal cedida á Administración que volvese ós seus antigos propietarios.
E nembargantes a eliminación de terreo veciñal nos arredores de vilas e cidades é unha eiva que vai determinar a calidade da vida urbana no futuro, pois a preservación dos MVMC permitiralles desenvolver as seguintes funcións:
a) Seguir cumprindo o tradicional papel de cohesionador social e escenario das manifestacións festivas, relixiosas, deportivas e turísticas da poboación, se manteñen o seu carácter de terras abertas.
b) Servir de pulmón para uns núcleos urbanos que, cando menos durante décadas, seguirán aumentando as súas emisións contaminantes.
c) Na medida en que os montes veciñais conserven as súas características especiais (imprescriptibilidade, indivisibilidade, inembargabilidade e inalienabilidade), estarán fóra do comercio das cousas e, xa que logo, serán un baluarte para a rebaixa da presión urbanística, en suba imparable polo de agora.
d) Como MVMC, estas propiedades terán garantizado o uso aberto e indiscriminado para toda a poboación, espacio de espallamento e lecer, espacio común de identidade cultural e social.
Para
asegurar estas funcións para o porvir, cómpre
deter urxentemente o proceso de eliminación dos terreos veciñais. A
Xunta de Galicia ten que acometer de contado o deslinde destas propiedades
(atendendo a criterios de aproveitamento histórico do monte, demarcación das
parroquias e procura de acordos amigables entre comunidades), ó tempo que ela
mesma e o Ministerio fiscal deben asumir as súas responsabilidades en defensa
da integridade dos MVMC. As administracións
deben iniciar unha política eficaz para preservar as características
singulares do monte veciñal (imprescriptibilidade, indivisibilidade,
inembargabilidade e inalienabilidade) a través dunha normativa (decreto,
regulamento, protocolo ou convenio) que signifique unha defensa efectiva –hoxe
inexistente- das terras do común. Esta normativa deberá atinxir á Xunta de
Galicia (pola función tutelar do MVMC que lle confire a Lei de Montes Veciñais
e polas súas competencias no tocante á ordenación do territorio), ós
concellos (polas súas competencias en ordenación urbana e dotación de terreos
para equipamento público) e ás comunidades de montes (como entidades
propietarias). Esta normativa deberá valorar a contribución dos servicios
prestados polos MVMC á poboación urbana de Galicia polo seu carácter de
montes abertos e especialmente os servicios ecolóxicos e sociais; indicará a
cuantificación destes servicios e establecerá as canles de compensación a
través de axudas encamiñadas a preservar estas funcións das propiedades veciñais.
Igualmente nos planos de ordenación urbana garantizará a preservación do carácter
veciñal destes terreos, independentemente do uso final que lle asignen,
mediante a negociación coas comunidades de montes.
Os montes veciñais periurbanos
sofren unha forte presión demográfica e un proceso de destrucción acelerado
ante a pasividade da Administración galega e do Ministerio fiscal. Debe
establecerse unha normativa específica para estas terras que garanta no futuro
as súas funcións social e ecolóxica e estableza mecanismos de compensación
dos servicios que presta á sociedade a través de convenios, axudas e subvencións.
Colexios, centros sanitarios, parques industriais, instalacións deportivas,
canteiras, vertedoiros de lixo, vías de comunicación, parques eólicos,
centrais eléctricas e outros usos ocuparon e ocupan moitas parcelas de terreo
veciñal, destinadas polas administracións públicas (concellos, deputacións,
Administración autonómica e central) a equipamentos, sen contar as concesións
a organismos públicos, mixtos ou privados (Renfe, Audasa, Unión-Fenosa, Telefónica,
etc). Podemos dicir sen esaxerar que a maioría do equipamento instalado a
partir dos anos 50 realizouse á conta da progresiva merma dos terreos veciñais.
Dous factores favoreceron este proceso. Por unha parte a administración das
propiedades veciñais estaba en mans dos concellos, os cales atoparon neles un
filón de terreos gratuítos que ofrecer para novas instalacións, inda que
distorsionaran gravemente as planificacións urbanísticas e o crecemento
equilibrado das vilas. Pola outra, estes terreos, xa en declive o seu uso
tradicional de fornecedores de recursos complementarios para as explotacións
agropecuarias familiares, eran vistos como terreos de pouco valor (ermos, baldíos,
resíos) e ningún proveito, especialmente por aquelas mentalidades que
identificaban o progreso unicamente co cemento, as máquinas e o asfalto. Aínda
hoxe esta idea de que o monte non ten valor e debe empregarse para calquera
outro uso é frecuente nalgúns ámbitos.
A situación xurídica destas parcelas é variada. As máis foron apropiadas
polos concellos e cedidas de balde ás distintas administracións, que as
consideran súas e non respectan o dereito de reversión que teñen os veciños
sobre elas. A complicidade dos xurados provinciais de clasificación, que se
negan a recoñecer como veciñais estas parcelas alegando que hoxe teñen outro
uso, obriga ás comunidades de montes a recorrer ós tribunais de xustiza para
facer valer os seus dereitos, con diverso éxito. Outras moitas parcelas, xa
devoltas ós veciños, son expropiadas nun proceso no que as instancias
xudiciais teñen verificado ás veces como non axustado a dereito e onde a miúdo
se produce un estado de indefensión dos dereitos dos veciños, especialmente á
hora de declarar o estado de prevalencia, pois o uso tradicional do monte veciñal
nunca é protexido ante o novo uso que se lle pretende dar polas Administracións,
sexa este cal sexa. Un terceiro grupo está formado polas parcelas clasificadas
como veciñais e a expropiación non pode ir polo trámite de urxencia. Nestes
casos as Administracións públicas tentan que os terreos lles sexan cedidos,
nunha parodia de negociación onde as comunidades de montes son sempre a parte débil
e na que os representantes veciñais reciben toda clase de presións, promesas
insostibles de obra municipal e, se se negan a “regalar” o monte, son
acusados de atrancar a chegada do progreso á parroquia. Todas estas actuacións supoñen, como sabemos, a destrucción paulatina
dos terreos veciñais.
As comunidades de montes
de Galicia non están en contra do uso, para aproveitamento público, de
parcelas dos montes veciñais se responde a un axeitado ordenamento territorial
e non ó desexo de aproveitarse de terreos gratuítos. Pero en todo caso hai que
superar a situación actual, na que os dereitos dos veciños son minusvalorados,
ignorados ou desprezados e as comunidades están indefensas diante da
prepotencia da Administración. Cómpre corrixir unha chea de erros e defectos
no proceso de apropiación de terreo veciñal para poder garantizar a
racionalidade e xustiza do procedemento e o respecto ós dereitos dos veciños.
1- A Xunta de Galicia
debe asumir as súas responsabilidades legais
para evitar a conversión de terreo veciñal en propiedades públicas no
camiño do alleamento. Debe evitar e impedir o uso abusivo polas Administracións
dos expedientes de expropiación forzosa, así como o recoñecemento como Veciñais
en Man Común das parcelas que, antes da devolución dos montes ós seus lexítimos
donos, foron cedidas polos concellos, verdadeiros usurpadores das mesmas, para
equipamentos públicos e privados.
2- Cando se trate da provisión de terreos para equipamentos públicos, debe
abrirse un proceso de negociación entre os concellos e as comunidades de montes
baixo os seguintes criterios:
a- Planificación previa dos usos do territorio.
b- Compatibilidade dos usos do monte co destino da parcela a ceder.
c- Compensación ás comunidades de montes afectadas, mellor a través dun canon anual durante todo o tempo da cesión que a través dunha indemnización no momento da cesión.
d-
Expropiación forzosa soamente para casos extremos. Nestes
expedientes debe incluirse explicitamente o recoñecemento do monte como veciñal
e a salvagarda do dereito de reversión. Tamén
deben incluirse, no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, os datos
relativos ós montes expropiados para asegurar o respecto ó futuro dereito de
reversión.
3- As comunidades de montes deben ter recoñecida a capacidade de negociar
as condicións de instalación dos equipamentos industriais, especialmente o
aluguer dos terreos en base a cánones de productividade.
A necesidade de dotar de equipamentos públicos á poboación é cuberto
polas Administracións co cómodo recurso ás propiedades veciñais, o que
significa a medio e longo prazo a eliminación das mesmas. Debe deterse o abuso
destas actuacións, abrindo canles de negociación coas comunidades de montes
que garanticen o mantemento do carácter veciñal dos terreos e establezan o
correspondente canon de arrendamento.
l) A explotación de minas e canteiras.
A explotación de minas e canteiras é unha das posibilidades de uso do MVMC. A algunhas comunidades de montes proporciónalles ingresos importantes, inda que a conta de ir destruíndo unha parte do seu patrimonio natural.
A Lei 22/73 de Minas (B.O.E. 24-07-1973), que veu substituir á Lei de Minas de 1944, establece o réxime xurídico da investigación e aproveitamento dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos, calquera que sexa a súa orixe. Todos os xacementos de orixe natural e demais recursos xeolóxicos existentes en España, mar territorial e plataforma continental son bens de dominio público, polo que a súa investigación e aproveitamento poden ser realizados polo Estado directamente ou cedelos na forma e condicións que se establecen nesta Lei e demais disposicións vixentes. Estes xacementos minerais clasifícanse nas seguintes seccións:
Sección A- Os xacementos de escaso valor económico e comercialización restrinxida e aqueles que o seu aproveitamento único sexa a obteción anacos de tamaño e forma apropiados para a súa utilización en obras de infraestructura, construcción e outros usos que non esixan máis operacións que as de arranque, triturado e calibrado.
Sección C- Os xacementos que non están incluídos noutras clasificacións e sexan obxeto de aproveitamento conforme a esta Lei.
Quedan fóra do ámbito desta Lei a extracción ocasional e de escasa importancia, calquera que sexa a clasificación dos recursos, sempre que se leve a cabo polo propietario do terreo para o seu uso exclusivo e non esixa aplicación de técnica mineira algunha.
As actividades mineiras, nas que está incluída a explotación das canteiras, contan con lexislación abundante e detallada, pero amosan eivas importantes, tanto no tocante á redacción da normativa como na aplicación da mesma. Esta Lei preséntase xa caduca en boa parte do seu articulado, producto da etapa franquista na que foi redactada. Está especialmente anticuada no tocante ó outorgamento de dereitos ás empresas –que constitúen na práctica un monopolio-, á concesión dos permisos de investigación e explotación, e na declaración de utilidade pública, sempre beneficiando ás concesionarias en detrimento dos propietarios dos terreos. Resulta paradóxico que xunto unha normativa anticuada conviva cunha absoluta falta de aplicación pola Administración galega de partes importantes da Lei, particularmente no referente ás normas ambientais, descaradamente incumpridas polas empresas (resulta sangrante o abandono de vertedoiros, verdadeira lacra da explotación mineira en Galicia) ante a pasividade cómplice das Consellerías de Industria e Medio Ambiente, que consente ás empresas aforrar os investimentos en rexeneración de rebos sen abrir expediente sancionador e, cando o fai, as sancións son irrisorias.
Fronte a esta
situación lamentable, cómpre unha actuación decidida da Xunta de Galicia que
estableza o equilibrio entre a explotación mineira e o respecto á lexislación
ambiental e que recoñeza os dereitos dos propietarios dos terreos. As
solucións deben pasar por:
-Actualización da lexislación
vixente, adaptada ás normativas europeas sobre explotacións mineiras e que
recolla os dereitos dos propietarios dos terreos.
-Limitación na concesión de permisos de investigación e explotación,
reducindo as cadrículas mineiras e evitando os monopolios actuais.
-Establecemento de depósitos de garantías cuantificados coa dimensión e
duración da actividade a realizar.
-Normativa axeitada á lexislación ambiental no tocante á emisión de fumes, cheiros, gases e residuos conforme ás directiva europeas na materia.
-Obriga clara polas empresas concesionarias de rexeneración de vertedoiros.
-Establecemento de fortes sancións polo incumplimento das normativas e esixencia de responsabilidades derivadas da explotación ou actividade.
Na explotación
de minas e canteiras cómpre unha actuación decidida da Xunta de Galicia que
faga compatible entre a explotación mineira e o respecto á lexislación
ambiental e que recoñeza os dereitos dos propietarios dos terreos.