A problemática das liñas eléctricas que atravesan os montes veciñais
Carlos Peón Fernández, secretario da CMVMC de Baroña (Porto do Son)

 Todas as comunidades de montes temos liñas eléctricas de media e alta tensión que atravesan os nosos montes en maior ou menor contía. Debido á usurpación que por parte do Estado se produciu da propiedade comunal nos denominados montes de utilidade pública ou do Patrimonio do Estado, as compañías eléctricas inzaron os montes discrecionalmente e sen ningunha indemnización ou compensación polas servidumes e dereitos sobre a propiedade comunal. Ademais, en moitos casos séguense a producir actos de prepotencia por parte das compañías eléctricas nos nosos días polo hábito adquirido en épocas pretéritas, así como pola conivencia cando non complicidade das diferentes Administracións públicas.

Afortunadamente o proceso de toma de conciencia por parte das comunidades de montes está facendo cambiar a situación e, por poñer un caso, a nosa comunidade xa emprendeu o lento proceso de solicitar a regularización legal e documental de todos os tendidos eléctricos de Fenosa que hai no noso monte, realizados con anterioridade á declaración polo Xurado Provincial como Monte Veciñal e que foran instalados cando o monte "era" do Estado e/ou as corporacións locais. Simultaneamente con esta regularización solicitamos o pagamento das correspondentes cantidades en concepto de dereitos de servidume que contempla a lexislación vixente e que nunca foron pagados por UNIÓN-FENOSA.

Curiosamente nos tempos que corren, a lexislación vixente máis importante neste tema é da época do anterior réxime, en concreto a Lei 10/66 de 18 de marzo “sobre expropiación forzosa y sanciones en materia de instalaciones eléctricas” e os Decretos 2617/66 de 20 de outubro “sobre autorización de instalaciones eléctricas” e o 2619/66 de 20 de octubre “por el que se aprueba el Reglamento de la Ley 10/66”.

Sintetizando o seu contido, estas normativas regulan o proceso para a instalación de tendidos eléctricos, que consta de tres fases:

1°) Solicitude polo peticionario da Autorización Administrativa para a devandita instalación, que basicamente consiste nunha instancia e un anteproxecto técnico. Existe un período de información pública de 30 días e un prazo de alegacións dos afectados

2°) Solicitude do peticionario da declaración de utilidade pública da instalación, que pode ser simultánea coa anterior.

3°) Unha vez resolto o expediente de autorización administrativa, empeza o desenvolvemento e execución da instalación, previa aprobación pola Delegación de Industria.

En todo este proceso son as Delegacións Provinciais de Industria as competentes para declarar a utilidade pública das liñas, así como para as propostas de urxente ocupación e para a ocupación e constitución de servidumes sobre bens e dereitos concretos respecto ás instalacións eléctricas de calquera tensión ou potencia. Será a criterio discrecional da Delegación de Industria a expropiación dos predios afectados a solicitude do peticionario por razóns técnicas ou de interese público (art. 24 do D.2619/66).

En caso de non chegarse á expropiación, a declaración de utilidade pública leva aparellado tanto a ocupación de bens (por exemplo, para a instalación de postes...) como as servidumes (o dereito de paso, a prohibición de plantar arbores nunha zona determinada baixo o tendido, etc).

A normativa contempla a posibilidade de modificar o trazado da liña polo propietario do terreo se non existisen dificultades técnicas, pero o custo de tal modificación do trazado irá a conta do peticionario.

A servidume extinguirase por retirada da instalación, polo non uso da mesma durante 9 anos ou por outras causas establecidas no Dereito Civil.

Por último, a valoración dos bens e dereitos a expropiar rexerase polos preceptos da Lei de Expropiación Forzosa.

No caso da imposición de servidume de paso, esta comprenderá os seguintes conceptos:

a) O valor da superficie de terreo ocupada por postes, apoios ou torres de sustentación ou, no caso de conduccións eléctricas soterradas, pola anchura da gabia.

b) O importe do demérito que ocasionen no terreo, tanto as servidumes como a liña aérea, así como as  limitacións no uso e aproveitamento do mesmo (por exemplo, prohibición expresa de plantar árbores) por razóns de seguridade, etc.

c) A indemnización por danos e prexuízos derivados dos traballos de instalación e explotación da liña.

Neste último caso tamén se estará ó disposto na Lei de Expropiación Forzosa de 16/12/1954 e o seu Regulamento de 26/4/57, aínda que o artigo 15 do Decreto 2619/66 permite o Acordo amigable entre o peticionario da expropiación, ocupación e/ou servidumes e os particulares afectados en canto á valoración dos bens e dereitos afectados.

Descoñezo os termos da Lei de Expropiación Forzosa, pero o que si é certo e que a indemnización a tanto alzado que nos ofrece UNIÓN-FENOSA oscila entre as 125 a 130 pta. por metro cadrado pola servidume de paso, que de feito vén sendo unha expropiación, pois as limitacións impostas ó uso do terreo por motivos técnicos ou de seguridade son tales que os fan improductivos dende o punto de vista forestal e de lecer.

É hora, pois, de empezar a pelexar para cambiar esta anacrónica situación de abuso e prepotencia por parte de empresas que están obtendo grandes beneficios a conta dos veciños coa complicidade da Administración.-VOLTAR A ÍNDICE-