A autoestrada Puxeiros-Val Miñor: a non prevalencia do monte
Latino Fernández Areal, presidente da
Mancomunidade de Montes do Val Miñor
1) – A análise do conflicto
Se ben pode discutirse sempre a necesidade da construcción dunha autoestrada, no noso caso a construcción da Autoestrada Puxeiros-Val Miñor é totalmente cuestionable en base ás seguintes consideracións:
a) Non comunica as localidades da bisbarra do Val Miñor.
b)
Destrúe máis de 100 Ha. de monte veciñal en man común.
c) O seu paso polos montes veciñais fíxose abusando dos terrapléns en lugar de facer túneles, provocando deste xeito un forte impacto ecolóxico e paisaxístico.
d) É unha autoestrada de peaxe, polo que non é aberta ó uso gratuíto dos habitantes da comarca.
O caso da autoestrada Puxeiros-Val Miñor é sintomático do desprezo que cara á cidadanía ten a Administración autonómica, do nulo valor que lle dá ó monte veciñal en man común (MVMC) a Consellería de Medio Ambiente e do descarado incumprimento da lexislación por parte da Xunta de Galicia.
I) - O desprezo cara á cidadanía
-Aproveita os meses de verán, cando moita xente está de vacacións, para abrir o prazo de presentación de alegacións.
-Non soamente non acepta ningunha alegación, senón que nin sequera contesta ás presentadas.
-Oculta que se quere construír unha autoestrada no termo inconcreto e indefinido de “vía de alta capacidade”.
II) - A nula valoración do monte.
-Atribúe ó MVMC o valor de terreo residual: 700 pta./m2).
-Non valora o arborado en idade non madeirable que arrasa a expropiación.
-Non lle dá ningún valor ás funcións ecolóxica e social do MVMC.
-E finalmente cando o Tribunal de Xustiprezo, que é un órgano da propia Administración pública, valora o monte expropiado no triplo do valor inicial e mesmo atribúe valor económico ó arborado en idade non madeirable, a Xunta de Galicia recorre esta sentencia.
III) - O incumprimento da lexislación.
-Incumprimento do art. 6 do Regulamento da Lei de Montes Veciñais en Man Común. Contrariamente ó que establece esta normativa, a Consellería de Medio Ambiente non escoita a opinión das comunidades de montes e o Consello da Xunta de Galicia sempre declara o monte como non prevalente, pero neste caso nin sequera hai acto de prevalencia. Evidentemente ante este caso de ilegalidade manifesta cabe interpoñer recurso e, aínda que sae caro e o único que se logra é unha victoria moral (xa que as obras non se paralizan), entendemos que é importante a súa presentación xa que deste xeito se demostra claramente á Xunta de Galicia que as comunidades de montes coñecen os seus dereitos e están dispostas a exercelos, e tamén porque se pode empezar a esixir que sexan contemplados valores como o ecolóxico, que é desprezado totalmente pola Administración galega.
- Abuso descarado da Lei de Expropiación Forzosa, unha lei concibida para unha situación de posguerra e que aínda non foi revisada. Unha lei que permite, co pagamento dunha porcentaxe mínima (sobre o 8 % do valor que establece a Xunta de Galicia) nas actas de ocupación previa, as empresas xa poidan invadir as propiedades e comezar a facer as obras. Esta situación agrávase pola tardanza desmesurada en pagar o importe das expropiacións (o Valedor do Pobo ten chamado “caloteira” á Xunta de Galicia publicamente nos seus informes anuais), dándose o paradoxo de que os donos das fincas teñen que pagar por usar unha autoestrada que se fixo nuns terreos que eran deles e que aínda non cobraron.
2) - As alternativas
Ante os abusos impresentables da Xunta de Galicia no tema das expropiacións, as comunidades de montes temos que loitar en dous niveis:
a)- A nivel político
-Esixir da Administración galega que cumpra a lexislación vixente.
-Esixir a modificación do acto de
prevalencia. Tal como está hoxe regulamentado, este requisito é unha espada de
Damocles pendurada sobre as comunidades de montes, dado que os criterios para
declarar o monte como prevalente queda ó libre parecer dos compoñentes do
Consello da Xunta de Galicia (tal órgano nunca declarou o monte como
prevalente), o cal é meter as ovellas na casa do lobo. Temos
que esixir que se definan os criterios que deben rexer esta declaración, pois
en caso contrario os nosos dereitos non están amparados.
-Esixir dos poderes públicos o recoñecemento do valor ecolóxico e social do MVMC, e non soamente o valor económico. Unha expropiación hipoteca para sempre a superficie de monte expropiada e, xa que logo, o valor ecolóxico e social ten que ser contemplado nas expropiacións.
-Reclamar a reforma lexislativa que posibilite que os cartos das expropiacións poidan ser destinados a mercar monte e que este sexa considerado como MVMC.
-Esixir a modificación da Lei de Expropiación Forzosa. Non sei se é moito pedir que os terreos se paguen no momento de seren expropiados, pero cando menos reclamamos que sexan pagados antes de que se inaugure a obra e veñan o Presidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de turno a cortar as fitas e saír na foto.
B)-
A nivel reivindicativo.
-Non aceptar nunca o valor marcado pola Xunta de Galicia e apelar ó Tribunal de Xustiprezo.
-Nas alegacións reclamar que non se valore soamente o terreo e o arborado madeirable, senón tamén o non madeirable, ademais do valor social e o valor ecolóxico destes terreos.
-Presentar recursos xurídicos perante calquera fisura de posible ilegalidade.
-Organizar batalla política (mobilizacións, presión social).
-Crear nas parroquias comisións de afectados (e coordinalas coas de outras parroquias), non soamente para facer un seguimento das obras, senón tamén para esixir a reposición dos estragos e reclamar obras de compensación. A desfeita que provoca unha obra destas características e enorme e o criterio que teñen as empresas é adiantar a obra como sexa sen pararse a avaliar os prexuízos. E nesta actuación vergonzosa contan co beneplácito da Xunta de Galicia e das corporacións municipais.-VOLTAR A ÍNDICE-