Planeamento urbanístico e propiedade veciñal
Daniel Pino Vicente

 En primeiro lugar quero agradecer ós organizadores por dous motivos: en tanto que profesional,  por terme convidado a participar nesta Mesa Redonda; e como cidadán, por ter convocado e desenvolvido estas xornadas tan necesarias, non só para os titulares dos montes senón para o conxunto do noso país.

 

I.- Os montes veciñais en man común na ordenación territorial.

Como acontece con toda realidade socioeconómica e territorial,  tamén os montes veciñais en man común (MVMC) constitúen un fenómeno poliédrico e, xa que logo, resulta necesario contemplalos dende diversas ópticas: histórica, xurídica, cultural, económica, antropolóxica, etc. E hoxe en día, mesmo como elemento de importancia para o urbanismo.

Todas elas son válidas. Poren, para a presente ocasión coido que interesa  partir dunha perspectiva menos sectorial e máis global, é dicir, dunha unha perspectiva integral do tema. E é precisamente a plasmación territorial a que facilita ese tratamento integrador.

Dende hai dez anos veño reclamando a necesidade de elaborar, tramitar e aprobar unhas Directrices Territoriais para Galicia. En 1995 aprobouse a Lei de Ordenación do Territorio (LOT), pero as Directrices Territoriais (DDTT) –figura chave da andamiaxe que pretendía a LOT- a día de hoxe, máis de cinco anos despois, aínda están sen elaborar ou alomenos sen tramitar. E digo que son peza chave na medida en que esas DDTT deveñen en  fundamentais para a aprobación de planos ou proxectos de carácter sectorial e, como non, para os planos xerais (municipais, comarcais) de ordenación. Coido que é obvio dicir que me estou a referir a unhas DDTT consensuadas económica, social, política e territorialmente; non a unha imposición pura e simple do goberno de turno; porque un instrumento normativo con vocación de permanencia ó longo de moito tempo forzosamente se ten que consensuar do modo máis amplo.

E se digo isto é porque estou convencido de que é dispondo dun instrumento director previo como se pode e se debe aclarar o papel do monte para o século que vai comezar axiña. Sen ter claro o papel do monte en xeral para o futuro do noso país, e dentro daquel, o de propiedade en man común, malamente poderemos ter seguridade de se obramos ben á hora de ordenar un territorio dado.

 

II.- ¿Qué é ordenación do territorio?

O territorio é o escenario onde representan as súas vidas as comunidades humanas. O territorio é un medio físico, mais tamén o producto da acción humana a través dos séculos.

O territorio, contra do que pensan algúns, sempre se ordenou, por máis que na meirande parte da historia, esa ordenación obedecese a prácticas consuetudinarias. Mais no momento en que se desfán as estructuras tradicionais e, sobre todo, se se desfán de modo tan acelerado como acontece no presente, é cando hai que recorrer a procedementos científicos e métodos técnicos para ordenar aqueladamente ese escenario: ordenar os recursos, as infraestructuras productivas, de comunicación e de servicios, ordenar  a morada, ordenar as dotacións equipamentais, ordenar o lecer... E iso supón conxugar intereses particulares e intereses  xerais.

Pero como toda ordenación ten que se alicerzar nuns obxectivos xerais e desenvolverse mercé a eleccións duns criterios igualmente xerais, cada un pode amosar cadansúa proposta distinta para a mesma realidade.

No que a min respecta, en todos os traballos que teñen desenvolvido os equipos técnicos dirixidos ou coordenados por min (mais aqueles nos que eu teño participado como colaborador), sempre tivemos colocado como cuestión cardinal e central, como obxectivo a perseguir co noso traballo, o garantir a permanencia, a continuidade do ser humano  sobre o territorio da súa comunidade, por entender que só se se está no territorio é como se pode controlar. Mais, ¿con que criterio abordar a consecución deste obxectivo? Aplicando o principio de que hai que tratar igualitariamente aquilo que por esencia é ou debe ser igual,  e de modo desigual ou distinto aquilo que, tamén por esencia,  é ou debe ser diverso.

Actuar así xa supón enfrontármonos coa propia lexislación aplicable. As leis que rexen para a ordenación territorial e o urbanismo adoitan non diferenciar os territorios. E así, hai que poñer o mesmo traxe para andar por Vigo que para andar por Vilariño de Conso ou Rodeiro. E para min iso constitúe a suprema desigualdade.

 

III.- A diferencia territorial, funcional e estructural dos montes.

Cos montes pasa o mesmo que cos concellos. Non se poden tratar por un igual todos os montes. Non pode ser igual o tratamento a dar ó monte, poño por caso, nun territorio enteiramente rural e despoboado que facelo nun territorio metropolitano e con densidades de poboación altas. Non é o mesmo un MVMC nunha estructura de concello uniparroquial (como pode ser o caso da Illa de Arousa) que outro monte nunha estructura municipal ou comarcal acusadamente  poliparroquial (como acontece adoito).

 

IV Os cambios funcionais.-

As funcións tradicionais do monte, segundo Abel Bouhier[1] eran: estrume,  pasto, leña e madeira, cultivo de cereal, obtención de froitos (castañas, noces...) aproveitamento de xunqueiras, etc, etc.

As funcións de hoxe en día, na meirande parte dos casos, fan referencia á case exclusiva identificación do monte coa producción de madeira. Nesta función pasouse da repoboación do monte comunal logo da Guerra Civil con  piñeiros,  á extensión -que non cultivo- do eucalipto, producida por medio do lume. Todo isto sen mediar nin ordenación integral nin tan sequera do propio monte.

Co monte non houbo máis ordenación que a de facto, organizada polos novos e fortes demandantes  de madeira sen desenrolar (con destino a pasta de papel ou ós taboleiros aglomerados).

Por desgracia son aínda moi poucas as áreas e comunidades nas que se ten encetado o labor dun aproveitamento integral do monte.

 

V.- As funcións que se lle deben pedir ó monte hoxe en día.

            Na miña opinión, no momento presente é preciso que no monte se dean as seguintes funcións:

-         A producción, canto mais diversificada (polo xeral), mellor.

-         A protección dos valores ecolóxicos e medioambientais que o requiran segundo a importancia de cada área.

-         O uso social que o monte ten que ofrendar á cidadanía en xeral.

Sobre a base destas tres grandes funcións a desenvolver polo monte, elaborouse a Iniciativa lexislativa popular asinada por 34.000 persoas e rexeitada polo Parlamento de Galicia. Sen embargo, de estarmos de acordo nisto, xa non sería tan difícil de acadar a condición sine qua non para calquera racional proxecto futuro para o monte. Refírome ó necesario consenso (político, económico e social) que debe presidir toda planificación do monte a longo prazo.

VI.- A diferente -e sen embargo aquí non fundamentada- consideración da propiedade dos montes: privados e públicos.

            Ó meu xuízo, actualmente:

-         A lexislación protexe con efectividade a propiedade privada.

-         A lexislación protexe con certa efectividade a propiedade pública (do estado, das CCAA ou dos entes locais, sobre todo a de dominio público).

-         A lexislación protexe, pero sen efectividade, a propiedade veciñal e comunal.

 

¿Por qué esta distinta consideración protectora?

En realidade, a falla de efectividade na protección da propiedade veciñal é posible que se deba á propia decadencia do modelo que deu pé a este tipo de propiedade, centrada sobre todo na hecatombe demográfica e/ou no cambio das estructuras productivas tradicionais. 

Resulta sintomático que nunca como ata o de agora cobrase tanta raiceira un dito popular  nefasto e de consecuencias tan dramáticas: o ben común non é ben ningún.

 

VII.- Os montes de man común e o urbanismo.

Cinguíndonos estrictamente ó eido do urbanismo -sobre o que se me pediu que centrase a miña intervención- teño que comezar por subliñar un feito capital: segundo a lexislación hoxe vixente, os MVMC non poden ser obxecto de desenvolvemento urbanístico. Poren, diante desta prohibición tan tallante, eu teño que dicir que, alomenos en abstracto, nada se debería opoñer a que estes montes, na medida que pertencen a toda a comunidade, teñan que ter como lindeiro de destino o serviren para garantir o maior benestar desa comunidade.

Se actualmente as comunidades rurais en boa parte xa non basean o seu existir colectivo e individual no modelo de producción agraria tradicional, se este xa non é o seu modo de vida, parecería lóxico que o monte servise como asento para outros mesteres diferentes dos que eran as funcións que aquelas estructuras lle demandaban. E nese senso, tamén de primeiras, semella que non debería haber notorias  diferencias entre un monocultivo de eucalipto e un parque industrial, que non hai por que pensar que unha repoboación de piñeiros nunha área determinada do monte é mellor que un complexo dotacional: educativo, sanitario, deportivo, asistencial ou calquera outro. Dito doutro xeito, a min me custa crer que esa utilización intensiva do monte a base exclusivamente das especies forestais de crecemento rápido como as citadas, responde ó que nas leis urbanísticas se denomina “utilización natural dos predios”. Doutra parte, os MVMC sempre acolleron construccións, nomeadamente as de carácter productivo (muíños, presas, cadoiros, canles, etc.). ¿Por qué non acoller esoutras construccións dotacionais?

Sen embargo a cuestión non é tan sinxela. En realidade o tema, dende o punto de vista da ordenación, é distinto. O monte tivo -e debe seguir tendo- un rendemento económico directo para os veciños. O que acontece é que, na esencia da existencia do monte en man común, hai un mecanismo, por suposto tamén económico, pero de carácter indirecto: o ecolóxico, non menos importante para a pervivencia a longo prazo da propia comunidade.

Porque a propiedade comunal soamente pode ter cumprida xustificación se devén en garante da pervivencia da propia comunidade sobre o territorio. Isto é o que devén en esencial á hora de fixar a función primordial do monte, tamén no que afecta á ordenación urbanística e ás determinacións dos planos urbanísticos.

O que acontece é que as repoboacións, en moitas ocasións (poño por caso a dos montes consorciados), non só non garanten esa pervivencia da colectividade sobre o territorio, senón que  axudan ó absentismo. Iso sábeno ben todos vostedes.

E, doutra parte, a ocupación indiscriminada, inxustificada e arbitraria do monte con dotacións urbanísticas que tantas veces se localizan nel -por mor dunha concepción equivocada de entender o  urbanismo- e os mecanismos ou sistemas de execución,  poden levar ó mesmo fin: devir en instrumento para expulsar á colectividade do seu territorio en troques de fixala.

Xa que logo, en principio coido que ningún dos usos citados é bo ou é malo de seu. Porque as repoboacións poden abordarse de moitas maneiras (eu poderíalles citar, na banda positiva, un paradigma: a experiencia levada a cabo en Allariz), e a previsión de áreas dotacionais, pode efectivamente devir en motor de desenvolvemento integral da comunidade, por máis que sabemos que adoito non acontece isto.

A Xornada de hoxe céntrase, precisamente, nas malas  prácticas que se están a estender con profusión dende hai anos en case todos os concellos onde hai MVMC, consistente en utilizar anacos destas propiedades para acoller dotacións que precisan normalmente unhas poboacións que non se corresponden coas das comunidades propietarias.

En principio esta práctica de agresións -gratuítas en tantos casos- ó monte non son alleas á falla de conciencia sobre o que é o ben común, como dixen e, polo mesmo, do que é o reparto equilibrado de plusvalías. Un exemplo de desvirtuación abondo xeneralizado é o das concentracións parcelarias, levadas a cabo, en teoría, para potenciar a producción agraria, pero convertidas en bastardo instrumento de urbanización, pasado un tempo, por mor do abandono das explotacións agrarias.

Na concepción urbanística aplicable en todos os países onde o solo urbano é de propiedade privada, resulta meridiano e capital o principio de reparto de cargas e beneficios; e para iso tanto as lexislacións como as regulamentacións que desenvolven aquelas, estableceron mecanismos para que ese reparto sexa equilibrado. Sen embargo en España, entre a uniformación lexislativa (que tentou aplicar a mesma lei para todo o territorio do Estado e, dende hai pouco, os mesmos mecanismos e o mesmo réxime xurídico para o conxunto do territorio galego), a ausencia de cultura urbanística e as abondosas prácticas especulativas levaron a buscar o remedio de tanto desastre xa cometido, perseguindo o solo barato (e mesmo gratuíto) nos montes de man común, para localizar (adoito de  mala maneira) equipamentos tantas veces necesarios pero, como calquera actuación, tamén eles necesitados dunha boa e axeitada programación e igualmente aquelada localización.

Os demandantes deses equipamentos, perante da súa falla, dirán amén a calquera localización; os propietarios do monte –os cales, na maioría dos casos nos últimos tempos, minusvaloran a súa propiedade-  son doadamente enganados polas promesas de desenvolvemento (tantas veces infundadas) que a localización deses equipamentos vai traer para o conxunto da parroquia.

 

VIII.         Aproximación a un condicionado mínimo para a utilización de áreas dos montes en man común para  usos equipamentais.

Se me piden a miña opinión, en tanto opinión de quen se viu en moitos casos no dilema de ter que tomar unha decisión que se inscribe en supostos parellos, terei que dicir que:

1º.-  Soamente se debería autorizar a localización dun equipamento  que implicase edificación ou instalacións  complexas (non é o caso de dotacións compatibles co uso integral do monte, como poden ser parques públicos forestais, percorridos de sendeirismo, establecementos de acampada compatibles cos valores do monte e, en xeral, aquelas que non  atentan contra do uso natural deste), se previamente se estableceu unha ordenación integral do territorio (non so do monte), e sempre que na elaboración se tivese producido a participación efectiva da poboación afectada. Isto é, cun PXOM ou Comarcal, Plan Director ou Directrices Comarcais, realizados, tramitados e aprobados con todas as garantías (técnicas, de viabilidade económica e, repito, de participación).

2º.- De calquera maneira, a instalación de dotacións equipamentais ou edificacións, construccións e instalacións de interese xeral da caste que sexa, debe garantir as compensacións das que son merecedores os titulares do monte, máis alá dos beneficios que ós comuneiros lle poden vir da súa condición de veciños residentes no territorio do T.M. e beneficiarios como outros calquera veciños de ditas instalacións.

Todos veriamos como inxusto que un propietario privado se puidese opoñer sen máis á realización de calquera equipamento público pola sinxela razón do sacro dereito de propiedade. Teriamos, poren, a mesma consideración de inxustiza se a apropiación da súa posesión non levase parella a debida e xusta compensación.

Hai que entender que fronte dunha demanda xusta dun equipamento dado por parte dunha colectividade ampla, os propietarios do MVMC non se deberían negar a facilitar os terreos para ela, se se demostra a necesidade de que é alí onde hai que a materializar (condición xa exposta no punto 1º) ¿Por qué, entón, non debe satisfacerse igualmente ós propietarios do monte pola desposesión? Eu non vexo ningunha razón.

Pero ollo, mentres as compensacións a un propietario privado adoito se poden materializar en metálico (como instrumento normal de cambio), as compensacións ós propietarios de bens comunais  teñen que ir na procura dese obxectivo irrenunciable da presencia da colectividade no territorio, non nun hipotético equivalente monetario, difícil ou imposible de fixar con xusteza.

 

3º.- Como terceira condición habería que garantir que a instalación de calquera equipamento nos terreos de MVMC se producise porque:

a)      É absolutamente preciso que tal instalación se instale  no medio rural, lonxe das poboacións. Xa que logo, colexios, pavillóns polideportivos, centros sanitarios e un longo etcétera, non terían cabida, de primeiras, agás que se dese unha ordenación integral previa que o xustificase. Exemplo: a pretensión dos concellos da área de Pontevedra de dar directrices xerais para un territorio máis amplo co do concello, sería unha ordenación integral desa natureza.

 

b)      E asegurando que, de entre todas as posibilidades existentes, a elixida é a mellor (en función da comunicación, dos menores impactos ambientais, etc). Nunca en función de que alí custa menos.

 

IX.- Potencialidades do monte

Mais, por riba da cuestión concreta da utilización do monte en man común como soporte de construccións e instalacións de -real ou suposto- interese xeral,  entendo que o grande debate pendente é cómo facer dunha das máis grandes potencialidades de Galicia o xermolo dun futuro esplendoroso. Ó meu xuízo. iso pasa por ordenar e planificar en función de todos os intereses e consensuar decisións de futuro a medio e longo prazo. -VOLTAR A ÍNDICE-



[1] Pesie á súa nacionalidade francesa, un dos principais tradistas do medio rural galego.