Saúdo do Ilmo. Sr. D. Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde-Presidente do Excmo. Concello de Pontevedra.

A celebración en Pontevedra da III Xornada Monográfica sobre o Monte Veciñal, dedicada ao tema “Monte veciñal e equipamento público”, permitiu abordar con profundidade e diversidade de puntos de vista unha realidade que deixou na historia do noso Concello –como na de moitos outros ao longo da xeografía do noso país- innumerábeis exemplos da utilización irracional e inxusta do monte comunitario.

En épocas aínda ben recentes, tanto o Concello como outras administracións públicas, fixeron uso do monte como fonte barata –cando non gratuíta- de terreos para equipamentos públicos, sen a mínima previsión e planificación e ignorando os dereitos e a opinión dos lexítimos propietarios. Como consecuencia deste proceso, hoxe en día Pontevedra perdeu unha parte importante do seu patrimonio natural, destacando neste sentido a ocupación e posterior desaparición de grande parte da Xunqueira do Lérez, sometida a sucesivos recheos e actualmente ocupada por edificios e equipamentos públicos. Outro tanto se pode dicir das Xunqueiras das Gándaras e do Covo, tamén na parroquia de Lérez, que se viron sometidas ao longo das últimas décadas a innumerábeis agresións promovidas pola Administración en forma de vertedoiros de lixo, recheos, estradas, proxectos de parques empresariais, edificacións, etc.

 

Todas as parroquias de Pontevedra se viron afectadas por estas actuacións, por máis que foron aquelas máis próximas ao casco urbano as que sufriron en maior medida a perda do seu patrimonio forestal. A lista de agravios é interminábel, comprendendo as máis diversas fórmulas: apropiacións, usurpacións, cesións ou expropiacións.

Con todo, cumpre tamén destacar a actitude veciñal en defensa do patrimonio común, que permitiu a conservación e o aproveitamento comunitario de importantes espacios do noso Concello. O caso das Xunqueiras da Gándara e do Covo, admirablemente defendidas polos veciños de Lérez fronte ás tentativas de ocupación e alleamento, é un exemplo ilustrativo dunha loita de décadas na que participaron de maneira persistente e tenaz, en defensa dos seus lexítimos dereitos, os veciños de Pontevedra e de toda Galicia.

Afortunadamente, na actualidade aflora unha nova sensibilidade, compartida por axentes sociais, colectivos veciñais e organizacións políticas, que debe permitir establecer un novo marco de relación entre a administración e os propietarios do monte comunal. O cada vez maior grao de autoorganización das comunidades de montes e o necesario cambio de actitude por parte das administracións públicas  abre un camiño no que o uso como equipamento público dos montes comunais estea presidido por criterios de xustiza, ordenación racional do territorio e dos usos do monte e respecto aos dereitos dos lexítimos propietarios.

Como punto de partida, debemos atender unha serie de criterios xerais que se derivan dos acordos adoptados pola Organización Galega de Comunidades de Montes e recollidos a modo de conclusión na III Xornada Monográfica celebrada en Pontevedra. A defensa desde a Administración autonómica das características singulares do monte veciñal en canto á súa indivisibilidade, imprescriptibilidade, inalienabilidade e inembargabilidade; a realización dos deslindes tendo en conta o aproveitamento histórico do monte, a demarcación das parroquias e a procura de acordos amigábeis entre comunidades; recoñecemento da titularidade comunal daquelas propiedades cedidas polos concellos antes da devolución dos montes aos lexítimos propietarios; recoñecemento e valoración das funcións ecolóxica e social –ademais da económica- nos espacios comunais usurpados para equipamentos; o control das explotacións mineiras e outros usos industriais; o desenvolvemento completo do marco legal e xurídico do monte comunal, etc. son piares básicos do novo marco de relación que entre todos debemos contribuír a crear.

Polo que atinxe á relación entre comunidades e concellos para a provisión de terreos para equipamentos, os criterios fixados no encontro de Pontevedra en canto á necesidade de ordenar e planificar os usos do territorio, ao recoñecemento do monte como veciñal e a salvagarda do dereito de reversión; a compatibilidade dos usos do monte; e a compensación ás comunidades de montes afectadas, son tamén principios positivos que deben ser tidos en conta pola Administración local á hora de negociar o asentamento de novos equipamentos públicos.

Comezaremos así unha nova xeira na que o monte comunal deixe definitivamente de ser considerado como unha fonte barata de terreos para pasar a entenderse na súa globalidade, creando as condicións que compatibilicen o seu máximo rendemento económico coa biodiversidade, a diversificación de aproveitamentos, a potenciación de produccións complementarias, harmonizando os aproveitamentos económicos e as dimensións ecolóxica e social.

Temos por diante un amplo campo de traballo a desenvolver. Un traballo que debemos abordar conxuntamente, actuando con responsabilidade e espírito constructivo, sumando enerxías e vontades nun proxecto colectivo do que todos sairemos gañando e do que sairá beneficiado o noso país, Galiza, que ten no sector forestal un valioso patrimonio ecolóxico e unha fonte de recursos que é preciso administrar con racionalidade, eficacia e sentido da xustiza. -VOLTAR A ÍNDICE-