O Común dos veciños ___ Ano 3 Número 4
Portada

Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes. Ano 3 Número 4 Setembro 2001

Fotografía

Sumario provisional                                                                                                       páxina

 

Limiar  .            .            .            .            .            .            .            .            .            .            3-4

As relacións das comunidades de montes co PP: crónica dun desprezo                      5

O monte veciñal no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego .            6

O 22 de setembro en Santiago, II manifestación contra o ´rexima fiscal            .            7

A preparación do terreo para plantacións            .            .            .            .            .            8-9-10

As subvencións da Consellería de Medio Ambiente                     .            .            .            11-12

A Mancomunidade de Montes do Morrazo            .            .            .            .            .            13-14

Alarma eólica no Couto Misto            .            .            .            .            .            .            15

Falan os comuneiros: ¿quen pode ser comuneiro?            .            .            .            .            16-17

Forestalia            .            .            .            .            .            .            .            .            .            18

A clasificación dos montes de Ermelo: un fraude de lei            .            .            .            19-20

Os tribunais paralizan as obras da Vía Rápida do Salnés  .            .            .            21

Novas  .            .            .            .            .            .            .            .            .            .            22-25

Manda truco            .            .            .            .            .            .            .            .            .            26

Publicacións de interese            .            .            .            .            .            .            .            27

Celebrada en Noia a IV Xornada Monográfica sobre o Monte Veciñal

 

 

--------------------------------------------

Edita: Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común

Director: Xosé Carlos Morgade Martínez, responsable de Comunicación Interna da Xunta Rectora.

Consello de Redacción:

Cándido Iglesias Alfaro, Xosé A. Pereira Martínez, Francisco Comesaña Diego, Xoán Collazo Pazó, Xermán Souto García, David Díaz Losada, Celso Milleiro Fariñas.

 

Organización Galega de Comunidades de Montes

Estrada Xeral de Valadares, 233

36314 Vigo (Pontevedra)

Tel. 986 46 86 84

Fax: 986 46 94 55

 

Revista O Común dos Veciños

Apartado 559

36080 Pontevedra

www.orgaccmm.org

correo electrónico: ogcmvmcelso@terra.es

ISSN:

Depósito Legal:

A Organización Galega de Comunidades de Montes xa está en Internet. Todas as persoas interesadas en informarse das actividades da Organización poden visitar a nosa páxina Web. O enderezo é: www.orgaccmm.org e tamén en buscadores como altavista, terra ou voila. Recomendamos o galego www.vieiros.com. Buscar polos termos “monte”, “montes”, “comunidades”, “comun”, etc. correo electrónico: OGCMVMC@teleline.es

LIMIAR

O monte veciñal, o Imposto sobre Sociedades e as eleccións autonómicas: algunhas reflexións

O monte veciñal en man común, desde hai dous anos, está sometido ó Imposto sobre Sociedades por un enmenda no Senado do Partido Popular á Lei de Acompañamento dos Orzamentos Xerais do Estado. Isto é, mediante unha acción parlamentaria que obedecía a unha determinada visión política do monte comunal.

Tras dous anos de aplicación deste imposto, a análise feita desde o primeiro momento pola Organización Galega de Comunidades de Montes (imposto inxusto, cheo de contradiccións e co único obxectivo real de  que os veciños e veciñas comuneiros abandonasen os seus montes), era acertado. Este imposto é unha pesada carga para o monte veciñal galego.

Hai diversas formas de tentar botar abaixo esta tributación. Hoxe en día, a ORGACCMM opta pola vía política, pola vía parlamentaria. Os parlamentos elaboran, modifican ou derogan as leis. E os parlamentarios son elixidos polos cidadáns, polos veciños. De aí que para o mes de setembro, e sen ánimo de entorpecer a campaña electoral, a Organización teña convocada a 2ª manifestación para sacar os montes veciñais do Imposto sobre Sociedades e acadar unha fiscalidade adaptada ó monte comunal galego. A data da manifestación está tomada a mantenta porque entende que en periodos preelectorais os grupos políticos son máis receptivos á opinión e ás peticións dos cidadáns, polo que é o momento xusto para recordarlle ó partido do goberno (PP) que ten que poñer os medios para resolver este problema e para recordarlle ós partidos da oposición (BNG, PSdG/PSOE, EG) que sigan loitando, como o teñen feito ata o de agora, por conseguir un réxime fiscal que se adapte á singularidade do monte veciñal galego.

A ORGACCMM, como organización libre e independente, non vai solicitar o voto para ningún partido. Pero, como organización de comunidades de montes, ten como obxectivo a defensa dos intereses do monte veciñal en man común en todos os eidos; ten a obriga de coñecer as ideas dos partidos políticos sobre os problemas do monte veciñal en man común e das súas alternativas ós mesmos; ten a obriga de facerlle chegar ós partidos politicos as súas propias solucións e discutilas con eles. E a manifestación, ademais de ser un dereito democrático, é unha das ferramentas para facerse oír e cumplir estes obxectivos.

Nunha sociedade democrática como a nosa, a información é un dereito fundamental. O BNG, o PSdG/PSOE e EG teñen levado adiante iniciativas parlamentarias para liberar ós montes veciñais do Imposto sobre Sociedades e para lograr unha tributación racional das propiedades comunais. O Partido Popular, que é o que máis podía facer por aportar solucións, sempre rexeitou estas iniciativas.

Gustaríanos poder informar que o PP tamén se ten manifestado en contra da inclusión dos montes veciñais no Imposto sobre Sociedades, porque isto significaría o comenzo da solución do problema en tanto que o PP goberna en Galicia e en Madrid. Pero o Partido Popular, agás nalgúns concellos e na Deputación Provincial de Pontevedra, rexeitou sistematicamente todas e cada unha das propostas que fixeron a Organización e os partidos da oposición para resolver o problema, sen aportar alternativas que axudasen a remedialo e mesmo dando respostas ridículas e mentireiras que non fixeron outra cousa que ofender ás comunidades de montes e ás súas xuntas rectoras.

Nas vindeiras eleccións autonómicas elixiremos ó Parlamento, a representación democrática da cidadanía galega. E o Parlamento galego ten a capacidade de lograr un réxime fiscal axeitado ó monte veciñal como realidade singular de Galicia. Os cidadáns deben reflexionar sobre o seu dereito ó voto, e os veciños e veciñas comuneiros deben meditar pousadamente sobre os deputados que van ter a capacidade de facer as leis de Galicia. Logo, cadaquén debe actuar como mellor entenda, porque isto é o fundamento da democracia.  voltar ó SUMARIO  

As relacións do Partido Popular coas comunidades de montes: Cronoloxía dun desprezo.

25 febreiro 2000- A Organización Galega de Comunidades de Montes envíalle un escrito ó Secretario Xeral do Partido Popular de Galicia solicitándolle unha reunión para tratar da problemática da fiscalidade dos montes veciñais en man común . O PP non dá resposta.

26 maio 2000- A ORGACCMM volve a enviarlle outro escrito o Secretario Xeral do PP de Galicia no mesmo sentido. Non hai resposta.

13 xuño 2000- En vista da falta de resposta, unha delegación da Organización desprázase á sede do Partido Popular de Galicia en Santiago e logra falar co Coordenador de Organización, José Luis Gorostizu, que tenta de xustificar a falta de respostas anteriores. Fíxase unha xuntanza á que asistirá o Secretario Xeral do PP de Galicia para o 15 de xuño.

15 xuño 2000- Ten lugar a reunión, á que asiste durante uns intres o Secretario Xeral do PP de Galicia. Acórdase que lle enviemos un escrito coas nosas alternativas para establecer unha fiscalidade axeitada ó monte veciñal, para logo formar unha comisión de traballo Partido Popular-ORGACCMM.

19 xuño 2000- A Organización envíalle o escrito e queda á espera de que o PP convoque para a primeira semana de xullo a comisión de traballo.

1ª semana xullo 2000- O Partido Popular apraza a xuntanza alegando que a convocará na semana seguinte.

2ª semana xullo 2000- O PP volve a aprazar a reunión e, alegando que vén o veran enriba, retrásaa deica a primeira semana de setembro.

1ª semana setembro 2000- O Partido Popular de Galicia non dá sinais de vida.

2ª semana setembro 2000- A ORGACCMM ponse en contacto co PP, que tenta de explicar o inexplicable e informa que xuntanza terá lugar na seguinte semana.

4ª semana setembro 2000- Como o PP de Galicia volve a estar mudo, a Organización ponse en contacto con el e fíxase unha reunión para os días seguintes, cousa que non ocorre pola incomparecencia do PP.

11 outubro 2000- En vista destes reiterados desprezos do Partido Popular, unha delegación da ORGACCMM desprázase a Santiago para forzar a reunión tantas veces aprazada.Logra falar na rúa co Coordenador de Organización e márcase a xuntanza para o 25 dese mes.

24 outubro 2000- O PP desconvoca unilateralmente a reunión marcada para o día seguinte e anuncia que se celebrará nos días seguintes. Non hai tal.

16 abril 2001- Acompañada de 117 sinaturas de comunidades de montes das catro provincias galegas contra o Imposto sobre Sociedades, a Organización volve a solicitarlle ó Partido Popular de Galicia unha xuntanza para falar da fiscalidade dos montes veciñais. O PP responde dicindo que a reunión solicitada terá lugar nos próximos días. Pero non tivo lugar.

4 xuño 2001- A ORGACCMM, agora con 25 sinaturas máis de comunidades de montes contra o Imposto sobre sociedades, volve a solicitar a xuntanza ó PP, que fixa a reunión para o 20 de xuño.

20 xuño 2001- Ten lugar a reunión, á que asiste polo Partido Popular soamente José Luis Gorostizu, Coordinador de Organización, que informa da intención do partido de incluír no seu programa electoral para as vindeiras eleccións autonómicas a

proposta dunha lei fiscal especial para o monte veciñal en man común, recoñocendo de feito a inxustiza da tributación actual.Tamén afirma que a comisión de traballo ORGACCMM –Partido Popular terá lugar na terceira semana de xullo.

3ª semana xullo 2001- O PP suspende a xuntanza da comisión de traballo.

 

O resumo da relación do Partido Popular de Galicia coas comunidades de montes é o seguinte: 9 desprezos e mentiras, 2 encontros breves, 2 xuntanzas e 1 promesa electoral. Este é un exemplo claro do interese do Partido Popular de Galicia por axudar a resolver os problemas do monte veciñal en man común, algúns deles (como o novo sistema tributario) creado por este partido.  voltar ó SUMARIO 

 

O monte veciñal no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego

 

Un dos obxectivos que se marcou a ORGACCMM desde a súa formación foi reforzar a presencia do monte en man común no debate da sociedade galega, pois considera que este tipo de propiedade veciñal, a pesar de ser un feito diferencial de Galicia, é o gran descoñecido da opinión pública galega.

 

Neste sentido, a constitución e actividade da ORGACCMM na vida política e social de Galicia foi un paso adiante moi importante para que o monte veciñal en man común empezara a ter presencia nos debates e nas institucións políticas.

 

O pasado mes de maio, no debate sobre o estado da nación que tivo lugar no Congreso dos Deputados -un dos debates mais importantes desta cámara lexislativa-, o deputado do BNG Francisco Rodríguez na súa intervención fixo referencia ós montes veciñais en mán común no aspecto da fiscalidade, que considerou unha inxustiza e que foi un problema creado polo PP onde non o había.

 

Na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Galego, na sesión do 6 de xuño pasado, o deputado de PSdG/PSOE Francisco Sineiro, interrogou ó Goberno galego sobre o motivo polo que non se declaraba como veciñal en man común da parroquia de Ermelo do concello de Bueu, solicitado polos veciños desde hai máis de catro anos. Respostou o Director Xeral de Montes tentando xustificar unha actuación impresentable e, escapándose pola tanxente, alegou problemas varios. Debería recoñecer o Director Xeral de Montes que non se clasifican montes como veciñais en man común porque os Xurados provinciais non funcionan polo abandono da Consellería de Medio Ambiente. E cando funcionan, a súa actividade está presidida por tres prácticas ilexítimas: calquera alegación de particular ou institución prevalece sobre os dereitos dos veciños, os prazos da lei non se cumpren e en todo o proceso se prohibe a presencia dos verdadeiros propietarios do monte: os veciños.

 

Tamén Francisco Sineiro e na mesma comisión do Parlamento Galego en sesión do 22 de xuño pasado, preguntou pola razón de que á comunidade de montes de Eiré no concello de Ferreira de Panton, se lle deran as contas do seu convenio mesturadas coas doutras comunidades da mesma zona, o que provoca que a comunidade de montes de Eiré non poida saber finalmente as contas do seu convenio. Tamén aquí o Subdirector Xeral de Montes tentou de explicar este proceder propio da etapa franquista, pero ó cabo non tivo máis remedio que recoñecer que o que denunciaba o deputado do PSdG/PSOE é inadmisible e que se poría inmediatamente en comunicación co Xefe de Producción Forestal da provincia de Lugo para resolver a situación.

 

Por certo que, nesta mesma sesión, o Sr. Sineiro fixo unha defensa da ORGACCMM como unha organización de comunidades de montes nacida das mesmas e sen dependencias alleas, e que precisamente por este motivo é desprezada pola Administracion Forestal Galega. Ó Subdirector Xeral de Montes non lle gustou nada escoitar isto e tentou de buscar razóns, pero finalmente tivo que recoñecer de novo a veracidade da denuncia e alegou que ultimamente xa había unha relación da Adminstración coa ORGACCMM. Efectivamente nos últimos meses empezan a normalizarse as relacións entre a Organización e a Consellería de Medio Ambiente, inda que de momento desde a Administración Galega pouco máis houbo que declaracións de intencións.

 

A ORGACCMM agradece ós deputados Francisco Rodríguez do BNG e Francisco Sineiro do PSG/PSOE, que representan ós cidadáns no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego, que levaran a estas institucións os problemas que ten o monte veciñal galego. Coñecer os problemas do monte é o primeiro paso para solucionalos.  voltar ó SUMARIO 

 

Seguimos loitando contra o Imposto sobre Sociedades

 

O 22 de setembro en Santiago de Compostela, segunda manifestación contra unha fiscalidade inxusta

 

O tempo acaba deixando cada cousa no seu sitio. E a estas alturas as comunidades de montes teñen xa claro que a única organización do sector que está a loitar contra a inxusta tributación que o Partido Popular lles impuxo ós montes veciñais en man común foi a Organización Galega de Comunidades de Montes. As outras asociacións achantan con este sistema. A Asociación Forestal de Galicia deféndeo publicamente, pois considérase a promotora del nunha campaña na que non dubidou en sacrificar ás comunidades de montes en beneficio dunha tributación máis beneficiosa para os montes particulares. As demais entidades, Afrifoga, Silvanus e Man Común, calan e deixan pasar por estaren subornados polas millonarias subvencións que reciben por debaixo da mesa da Consellería de Medio Ambiente, a pesar de que son moitas as comunidades de montes que lles reclaman que critiquen publicamente este sistema tributario por inxusto, discriminatorio e aberrante.

 

Durante todo este tempo, a Organización Galega de Comunidades de Montes enviou ás Presidentas do Congreso e do Senado, ó Partido Popular de Galicia e ós grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, 150 sinaturas de comunidades de montes veciñais en man común que se manifestaban contra este réxime fiscal. Presentoulle ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Secretario Xeral do Partido Popular de Galicia máis de 8.000 sinaturas de cidadáns que se manifestan contra esta inxusta fiscalidade. Logrou que o Partido Popular, aínda que non publicamente, recoñeza a inxustiza desta tributación e se comprometa (veremos se o fai publicamente) a levar no seu programa electoral das proximas eleccións autonómicas, un proxecto de lei fiscal especial para o monte veciñal en man común.

 

Todos estes feitos son froito dun traballo incansable que se está levando a cabo desde a Organización, cumprindo o compromiso adquirido publicamente coas comunidades de montes na manifestación contra o Imposto sobre Sociedades do 19 de febreiro do pasado ano, de non ceder ata que este tributo estea derogado. E temos indicios de que por fin somos capaces de mover o inmenso penedo que nos botaron enriba e que podemos ceibarnos del. Porque estamos fortalecidos para seguir loitando deica botar abaixo este tributo inxusto e aberrante e acadar un réxime fiscal que recoñeza o valor social e ecolóxico do monte veciñal e que respecte as súas singularidades.

 

Temos que conseguir que a promesa electoral do Partido Popular non quede nunha simple promesa electoral, das moitas que non se cumpren. Temos que facerlle ver ó PP de Galicia que se non defende ó monte comunal, moitos veciños llo van ter en conta.

 

Por todo isto é moi importante que veciños, comuneiros e membros das xuntas rectoras das comunidades de montes de toda Galicia acudamos á II manifestación contra a fiscalidade que padecen os montes veciñais en man común, que terá lugar o sábado 22 de setembro en Santiago de Compostela. Que a Administración Galega vexa que ós veciños lles interesa (e moito) o que acontece cos seus montes veciñais, e que non estamos dispostos a que gobernen sobre eles sen contar connosco.  voltar ó SUMARIO 

 

A preparación do terreo para plantacións

 Francisco Comesaña

Enxeñeiro Técnico Forestal

 

Son variadas as fórmulas de adecuación das distintas plantacións nun determinado contorno forestal. En calquera caso, e sempre pensando en acadar o maior grao de eficacia nas nosas repoboacións, é aconsellable realizar unha preparación previa do terreo, de maior ou menor intensidade, coa que paliar en parte a aleatoriedade e probable dificultade na saída das plantas nas primeiras etapas. Por medio destas liñas intentaremos dar unha información básica a unha relación de medios de preparación adecuados a cada caso.

 

En termos xerais a preparación do solo sirve para poder acoller a planta ou semente no monte ou finca e ademais para facilitar o enraizamento e o primeiro desenvolvemento dos anovos, xeralmente fráxiles. Con esta preparación acadaremos mellorar as características edáficas, polo xeral deficientes, do contorno forestal. Os obxectivos perseguidos son os seguintes:

 

-Aumentar a profundidade útil do terreo por medio dunha acción mecánica.

 

-Aumentar a capacidade de retención e redistribución da auga nun terreo co fin de aumentar a velocidade de infiltración e reducir a escorrentía hídrica.

 

-A labra do terreo facilitará a penetración das raíces por medio da rotura das distintas capas e a mellora da aireación do solo.

 

-Defender a planta introducida fronte a posibles especies invasoras.

 

Os procedementos

 

Pola extensión

 

Segundo a extensión superficial na que queiramos actuar, a preparación pode ser puntual (en lugares concretos), lineal (seguindo tiradas ou liñas que cobren toda unha extensión de plantación) e a eito (onde por motivos diversos vémonos na obriga de actuar en toda a extensión da parcela).

 

Por regra xeral, canto peor sexa o terreo maior será a necesidade de intervención. Debemos ter en conta que un subsolado lineal vainos permitir influír na dirección que vaia tomar a auga que discorra polo monte; así en zonas onde a choiva sexa escasa, unhas liñas en dirección perpendicular ó discorrer natural da auga, facilitará a súa distribución. Esta tamén é unha boa solución cando se trate de pendentes acusadas con perigo de lobadas e correntes fortes. Neste caso tamén é efectivo un oportuno corte das liñas de subsolado cada certo número de metros para reducir a forza da auga que discorre e que podería acabar por arrastrar solo fértil e mesmo plantas. Noutros casos, como o de zonas elevadas e con risco de xeadas ou de encharcamentos frecuentes, cómpre facilitar a saída da auga por medio de liñas de subsolado na máxima pendente do monte.

 

Cando falamos de sementeiras debemos ter en conta que cando as facemos a voleo a preparación debe ser total ou a eito, e cando as fagamos por golpes deberemos facelas de forma puntual.

 

b) Polo labor previo

 

Segundo a necesidade ou non de remover e inverter os horizontes ou capas que conforman o solo. O labor en forma de labrado, tan característico en explotacións agrícolas, consegue inverter as capas do solo traballado e, por conseguinte, permite unha renovación parcial do mesmo, pero tamén implica unha perda de calidade remediada en agricultura co aporte de substancias calcarias e minerais. Este proceso resulta de dubidosa utilidade cando falamos dunha explotación forestal, dado que esta fertilización unicamente se dá na base da planta, creando unha zona rica moi reducida a destinada soamente á proliferación do anovo; xa que logo, unha continua labra do terreo produciría un empobrecemento gradual que non é recomendable.

 

En terreos calcarios esta inversión de capas do solo aínda é máis desaconsellable debido á posible aparición de calcarias activas e de ph excesivamente básicos, totalmente prexudiciais para moitas especies do noso contorno.

 

Existe aínda outra razón que aconsella desbotar estes procesos: certos tipos de coníferas crían entre a flora das raíces secundarias unha serie de fungos e bacterias que afectarían negativamente á planta se saíran á superficie, chegando mesmo a proliferar elementos altamente perigosos e transmisores de enfermidades e pragas.

 

c) Polo xeito de execución

 

O criterio que con maior frecuencia usaremos á hora de decidir o tipo de preparación dun terreo é a forma de execución da preparación, isto é, se será manual ou mecanizada.

 

Basicamente a elección destes procedementos virá en función de tres factores;

 

-Se asumimos que a preparación mecanizada do terreo é desexable polo que supón en aforro de tempo e diñeiro, soamente se poderá realizar se as condicións da pendente o permiten, xa que para caeiras excesivas mesmo a maquinaria máis axeitada corre o perigo de non realizar o subsolado de forma correcta e mesmo pode sufrir accidentes graves.

 

Tamén a pedregosidade da superficie pode facer que o proceso de mecanizado non sexa todo o continuo e da calidade agardada, motivo polo cal optaremos polo traballo manual. Este factor unido ó anterior poden crear condicións de perigo para o maquinista.

 

-Ás veces un terreo excesivamente lamacento, fondo ou encharcado fai imposible calquera intento de traballar con maquinaria pesada ou semipesada.

 

d) Pola profundidade da labra

 

Por último diremos que estimamos tamén o criterio da profundidade esixida no traballo. Para as sementeiras non será preciso unha labra de máis de 10 cm. de profundidade. Cando traballemos en terreo de calidade ou con pouca seca estival, non será necesario aumentar a profundidade. Nestes factores inflúe a calidade, estado e tipo de planta a introducir, xa que a esixencia da planta, o medre das raíces e o feito de vir transplantada en terrón ou a raíz núa, son factores que nos poden levar a variar o traballo dende os 30 ós 60 cm. de profundidade.

 

A plantación

 

Botaremos agora unha ollada ós sistemas e ferramentas máis utilizadas nos traballos de reforestación no noso país.

 

-A furada manual consiste na apertura dun burato de arredor de 40x40x40 cm. por medios manuais coa axuda dunha aixada e máis recentemente unha laia ou pa plana á que se engade un ferro transversal á altura do remate do mango para facer forza co pé.

Este sistema pode realizarse en terreo onde antes se fixo un subsolado lineal (do que máis adiante falaremos) ou en zonas sen traballo previo, o que vai repercutir no rendemento obtido, xa que con traballo previo a profundidade xa está acadada a só nos preocuparemos de dimensionar o burato ó ancho.

 

Este é un procedemento caro e utilizarémolo nas plantacións de frondosas con marco (distancia entre anovos) amplo.

 

-A raspa (tamén denominada casilla) consiste no cavado do terreo en dimensión de 40x40 cm. sen extracción da terra removida. Cando non supera os 10 cm. de profundidade considérase superficial e con 30 cm. chámase picada.

 

Como no caso anterior, podémola realizar en terreo con subsolado previo ou non; no primeiro caso a casilla situarase na liña realizada a deberá sobresaír lixeiramente da cota do terreo, por mor de impedir que as augas que discorran polo rego laven ou leven a planta introducida, mediante barrón ou ferro de monte co que furamos a casilla a metemos a planta.

 

A casilla úsase en plantacións de coníferas e frondosas pouco esixentes situadas en marco medio ou reducido.

 

-A furada con barrena helicoidal é un método semimecanizado consistente na realización de buratos mediante o uso de barrenas helicoidais accionadas por motor, alcanzando profundidades que van dende os 40 cm. a 1 m. Estas barrenas poden ser portátiles e manexadas por dous operarios, sistema pouco operativo e caro, ou enganchadas á toma de forza dun tractor de 75 CV, moito máis operativo. En menor medida e só en casos de plantas de gran tamaño, no momento de ser transplantadas usarase a furada con cazo de retroescavadora.

 

-O subsolado a as súas distintas modalidades constitúen o sistema de preparación do terreo de maior aceptación o uso en repoboacións galegas. Consiste en producir cortes no chan con profundidades arredor dos 40 cm, sen alterar as capas do solo, mediante un apeiro chamado ripper. Como xa mencionamos anteriormente, a dirección tomada á hora de traballar dependerá de diversos factores (escorrentías, pedregosidades, etc).

 

O sistema habitual de traballo é o realizado por un tractor con barra portaapeiros de elevación hidráulica con ripper incorporado traballando en liñas paralelas con distancia determinada polo marco. Tamén é frecuente ver tractores de cadeas co mesmo apeiro ou mesmo con dous ripper para dobrar o rendemento, mais este sistema pode resultar desaconsellable en casos de traballo en pendente pois o ripper superior non pode afondar o suficiente por mor da inclinación.

 

Existe tamén o chamado subsolado cruzado, consistente na realización de cruces perpendiculares de subsolado, conseguindo puntos de plantación nas interseccións. Este sistema soamente é aconsellable en montes planos a sen pedregosidade polo que supón de impactante a excesiva labor.

 

Outros sistemas de socalcos ou encabalgamentos cualificarémolos como pouco aconsellables dado que provocan unha modificación da superficie do monte que pode chegar a supor un grave impedimento para os labores posteriores de mantemento e desbroce.

 

Asi mesmo hai que salientar como moi desaconsellables os procedementos seguidos como traballos previos a algunhas plantacións de eucaliptos, consistentes nun decapado por medio de Bulldozer da superficie a plantar, coa conseguinte perda de terreo fértil, elevadísimo impacto, imposibilidade de mantementos posteriores e favorecemento de escorrentías non controladas.

 

Para rematar diremos que a preparación do terreo por calquera dos métodos descritos está obtendo unha aceptación cada vez maior entre o sector forestal galego, polo que supón de mellora das condicións de subsistencia e crecemento das especies plantadas no momento do seu proceso vital en que máis necesitan da nosa axuda, e en que máis activamente potenciamos os futuros beneficios.  voltar ó SUMARIO 

 

 

As subvencións da Consellería de Medio Ambiente: a filosofía da teima forestalista e burocrática.

A Consellería de Medio Ambiente vén de sacar no mes de xuño dúas liñas de axudas para os montes veciñais en man común baixo os epigrafes "Fomento da silvicultura e ordenación de montes arborizados" e "Fomento da forestación de terras agrícolas". A primeira liña de axudas, a máis axeitada para o monte veciñal en man común, levaba case tres anos sen saír.

Sobre estas axudas, a Consellería de Medio Ambiente amosara dúas novidades positivas. Unha era o feito de ter convocado por primeira vez á ORGACCMM para escoitar as súas propostas sobre os contidos das mesmas; a outra era a idea de que se ía englobar no epígrafe "desenvolvemento rural" as liñas de axudas que en anos anteriores viñan baixo os epígrafes de silvicultura e ordenación dos bosques. Este cambio parecía acertado, xa que o monte veciñal en man común pode e debe ser unha peza importante das actuacións para o desenvolvemento rural.

Unha vez comprobado o D.O.G., estas espectativas quedaron en fume de canas. A Consellería fixo caso omiso das suxerencias da Organización de Comunidades de Montes e o que ían ser liñas de axudas para o desenvolvemento rural mudaron en axudas para o fomento da silvicultura, volvendo outra vez a quedar demostrado que para a Xunta de Galicia monte e terreo forestal son sinónimos.

Pero aínda había máis novidades negativas. Para as dúas liñas de subvencions, a Consellería de Medio Ambiente complicou os trámites burocráticos ata límites insalvables para moitas comunidades de montes. Así acontece coa esixencia de presentar as certificacións do Catastro, pois ademais de supoñer cando menos dous desprazamentos á capital da provincia, tal certificado vai ser imposible de obter pola mala confección do Catastro, do que resulta a ausencia catastral de moitos montes, a adscrición de moitos deles aínda ós concellos e a diferencia entre a superficie real e a catastral. Ademais e no caso de que todo o anterior se solucione, vai supoñer un importante desembolso de diñeiro para as comunidades de montes, xa que o Catastro parcelou o monte ó seu xeito, sen contar que o monte veciñal en man común é unha unidade, de maneira que unha comunidade de montes que o teña dividido en 100 parcelas terá que pagar 300.000 ptas, sen ter a certeza de lograr a subvención.

No tocante ás posibles liñas de axudas para o desenvolvemento dos montes, estas axudas quedan reducidas ó fomento da silvicultura, de xeito que as suxerencias da ORGACCMM de que fosen subvencionadas actuacións como a potenciación dos productos do monte (carne, cogumelos, mel...), o aproveitamento racional da biomasa forestal, medidas para o fomento da función social do monte, a recuperación e eliminación dos vertedoiros producidos polas explotacións mineiras e de canteiras, medidas de sensibilización e divulgacion dos valores do monte, e outras non foron tidas en conta. E mesmo desde o punto de vista do fomento da silvicultura, na orde de axudas deste ano, elimínase a roza nos montes de coníferas (piñeiros), co cal se veta totalmente a posibilidade de moitas comunidades de montes de acollerse ás axudas, co conseguinte perigo de lumes forestais.

Verbo das axudas para o fomento da forestación de terras agrarias, a Consellería de Medio Ambiente non fixo caso da principal suxerencia da ORGACCMM, que era a necesidade de definir en primeiro lugar o concepto de terra agraria susceptible de ser forestada, co cal se evitaba que se foresten sen xeito nin dereito pasteiros, prados e terras de cultivo, máxime cando o 70% dos montes estan a matogueira.

Coas liñas de subvencións para o fomento de silvicultura e forestación de terras agrarias, a Consellería de Medio Ambiente volve a caer no mesmo erro de exercicios pasados e volve a manifestar a súa teima forestalista. De novo volve a unha confusión interesada: tomar o monte por terreo forestal, cando o aproveitamento forestal non é máis que unha das alternativas productivas do monte.

O monte veciñal en mán común precisa axudas para desenvolver todos os seus usos e potenciais, incluído o forestal, pero esta non é a idea da Conselleria de Medio Ambiente. É lamentable que a Xunta de Galicia non entenda que o monte veciñal é unha peza básica para o desenvolvemento harmónico de Galicia e que vexa os terreos comunais como un problema do que se quere ceibar como sexa.  voltar ó SUMARIO  

 

A Mancomunidade de xuntas de montes veciñais en mancomún do Morrazo 

Belarmino Barreiro Rosales, secretario da Mancomunidade

Corría o mes de xullo de 1996 cando decidimos botar a andar unha comisión xestora presidida por Xesús García Couso de cara á formación dunha mancomunidade de xuntas de montes veciñais en man común no Morrazo que basicamente nos levase a romper o illamento comunicativo entre as comunidades como agrupacións cidadás vivas co grande mérito de estarmos administrando un patrimonio veciñal único e.que ó mesmo tempo nos defendese da Administración, isto é, da súa incompetencia e dos seus ataques depredadores O substrato territorial tiñámolo claro: mentres os técnicos e outros entendidos apostaban por unha federación provincial de comunidades, nós pola contra, co firme convencemento de que o xeito natural organizativo era a parroquia e tras dela o eixo comarcal e logo o país; sabendo que calquera idea futura de ámbito superior tiña que partir da célula viva que é a parroquia e non de arriba para abaixo, tentamos de establecer pois o marco comarcal en detrimento do ficticio provincial por canto o mundo social e os problemas máis directamente relacionados coas comunidades conforman espacios xeográficos definidos uns dos outros converxendo no eido comarcal. En principio, esta teoría veuse corroborada nos meses seguintes nos que outra comisión paralela de traballo encargábase de representar ó Morrazo na organización do que logo sería o Primeiro Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais, celebrado no mosteiro de Poio en maio de 1997 baixo o lema “Unha voz na defensa do monte comunal” e do que logo sairía a xestora da actual Organización Galega de Comunidades de Montes. Dende estas liñas quero deixar constancia do labor a entusiasmo -non sen traballo nin escatimación de medios persoais- que puxeron os meus compañeiros en prol deste outro xeito de posuír que coñecemos como montes veciñais en man común. Así pois, un vintedous de novembro de 1997, na Casa de Xuntas "A Tioura" da Comunidade de San Martiño de Moaña, tiña lugar o acto fundacional da Mancomunidade de Xuntas Veciñais en Mancomún do Morrazo, que acollía ás xuntas de montes de San Martiño de Moaña, Santa Eulalia de Meira, San Pedro de Domaio (concello de Moaña), Santa María de. Darbo e San Salvador de Coiro (concello de Cangas), San Hadrián de Cobres e San Martiño de Vilaboa (concello de Vilaboa), Santa María de Cela xunto coas xuntas xestoras de Santiago de Ermelo e Santa María de Beluso (concello de Bueu), así como San Tomé de Piñeiro do concello de Marín. Máis recentemente incorporaríase a refundada de San Andrés do Hío do concello de Cangas, baluarte da loita veciñal na defensa dos seus montes comunais. A primeira e actual directiva, baixo a presidencia de Plácido Calvar Otero, está composta por Juan Carlos Pereiro Santiago como vicepresidente, Jesús Gestido Camaño como tesoureiro a como vocais Santiago Souto García, Cándido Rosendo Calvar, Ramón Álvarez Cortegoso, Luís Santos Gómez, Rosalino Casal Boullosa, José Manuel Estévez Portela, José Salvador Estévez Porto, Ángel Otero García e como secretario quen subscribe estas liñas, recaendo o nomeamento do representante da comarca na Organización Galega de Comunidades de Montes en Xesús García Couso. Cun termo medio de catro sesións anuais; lévanse artellando asuntos que garanten a unidade de criterios, tales como a fiscalidade dos montes veciñais, a aplicación da Lei 4/1997 de caza de Galicia; a defensa contra o lume; o seguimento dos expedientes de clasificación durmidos longamente no Xurado Provincial de Clasificación e os atentados da Administración e de grupúsculos sociais que pretenden ignorar a existencia deste ben común e social en casos como o da Vía de Alta Capacidade do Morrazo, os vertidos incontrolados, o freo ás corporacións locais nas súas ansias de terreos gratuítos para equipamentos e cacicadas municipais cando non como fonte extra de financiamento nos proxectos politicos da súa competencia. Todo isto queda supeditado ó grande fin de manter a comunicación entre comunidades e a chama viva da presencia dunha entidade no eido público que vixíe e garde constantemente polo monte veciñal en man común. Tendo claro o fin, só restou a conformación dun equipo humano disposto a dalo case todo, cando menos tempo e entusiasmo altruistamente; cremos que o estamos conseguindo.

Ó voso dispor para calquera asunto no enderezo seguinte: Secretaría da Mancomanidade de Xuntas de Montes Veciñais en Mancomún do Morrazo, A Torre de Cela, núm. 48; 36939 Bueu (Pontevedra). -Tfno. 986322609  voltar ó SUMARIO  

 

Alarma eólica no Couto Misto por X.L. Méndez Ferrín-Escritor 

 

Lemos na prensa diaria unha noticia, se cadra confusa. Ocorre no antigo Couto Misto, a república independente de Portugal e España que sobreviviu até 1864 e que, hai un nada, fixeron renacer os escritores e os historiadores, como anos atrás acontecera co viño de uva albariña. Seica os descendentes dos antano orgullosos mistos, místigos ou místicos, habitantes de Rubiás e Santiago que, con Meaos, formaban as tres poboacións do Couto Misto, andan alporizados. Parece, polos xornais, tan indignados como cando hai máis de século e medio os caciques de Montalegre lles arrincaban as plantas de tabaco. Tan rabeosos como cando, nos améns da monarquía borbónica de Isabelona, os gobernos de Lisboa e Madrid lles fixeron perder as liberdades para sempre.

Os ex-místigos de Rubiás e Santiago están en cólera porque unha sociedade de enerxía, Emersis, lle anda a chantar as bases duns muíños eólicos no que semella ser un monte comunal de seu. Non sei se a compañía invasora é ou non portuguesa, mais tanto ten. O caso é que Galicia enteira vive hoxe a ameaza dos chamados parques eólicos: estrafalarios muíños metálicos que van ocupar ou ocuparon xa os máis valiosos altores do País para producir enerxía eléctrica e beneficiar a alguén que nin coñecemos nin é parte da nosa sociedade.

Oportunamente recibo carta de Celso Milleiro Fariñas, da comunidade de montes (non digamos “comuneiros”, que é castellano de Castilla) comunais (así se chamaron sempre) de Meis. Mándame documentación sobre o plan de implantación de parques eólicos de Galicia. O mapa da nosa Terra está empedrado de puntos negros (un ou máis parques aprobados) e puntos cinsentos (zonas en proceso de aprobación). Resume Milleiro: “É arrepiante o feito da superficie abranguida polos parques eólicos xa concedidos ou en proceso de investigación: máis de 600.000 has; a provincia de Pontevedra ten 490.000 has. de superficie total”.

Non pode cabernos na cabeza que non haxa ninguén que lle explique á opinión galega que é o que está a pasar cos parques eólicos tendo en conta a magnitude da operación. Seiscentas mil hectáreas de territorio de Galicia ocupadas por calquera actividade que sexa esixe, cando menos, informar ao pobo sobre o sentido xeral de semellante invasión. Ao pobo lle corresponde, a non ser que estea amortecido, investigar quen é o que vai sair beneficiado e como se chaman os beneficiados do lucro a fin de se opoñer ou, eventualmente, pedir parte no reparto.

Moito medo teño eu de que, no asunto dos parques eólicos, se agoche un fabuloso negocio particular contrario aos intereses nacionais de Galicia. Xúntanse así estes parques eòlicos aos rosarios de mini-hidráulicas, ás desfeitas das canteiras e pizarreiras e á catástrofe ecolóxica (e histórico-artística) perpetrada pola Concentración Parcelaria onte na Limia e estes días, por exemplo, nas terras do concello de Covelo.

Temos a obriga de explotar os nosos recursos naturais con prudencia, e sobre todo, non podemos espencer a claridade informativa e a aquiescencia popular á hora de formular plans e promover iniciativas. O asunto dos parques eólicos é outra amósega máis de que a polítixca medioambiental de Fraga Iribarne e Del Álamo (ou Del Eucalipto) faise de costas ás forzas sociais e culturais desta Terra.

Publicado no xornal Faro de Vigo  voltar ó SUMARIO  

 

Falan os comuneiros

 Debate sobre o monte veciñal: ¿quen pode ser comuneiro?

Escribo esta carta para abrir o debate sobre a función que debe cumprir e está a cumprir o monte comunal hoxe en día. De sempre os montes comunais teñen sido fonte de recursos fundamental para campesiños e gandeiros dos lugares de Galiza, que obtiñan do monte comunal esquilmos, pastos, leñas, madeira, que contribuían ó seu benestar e á mellora e mantemento das súas explotacións agrarias ou gandeiras. Polo tanto, o monte comunal está ligado estreitamente á actividade agraria e gandeira dos seus copropietarios e non se entende o carácter comunal destes montes se non é en relación con esa actividade económica e, polo tanto, esa debe ser a vocación do monte e dos seus aproveitamentos e beneficios: contribuír a mellorar as estructuras de desenvolvemento agrario e gandeiro e o benestar dos seus copropietarios. Sen embargo, dende que se iniciou a devolución dos montes ós seus lexítimos propietarios, vimos observando como se perde esa finalidade do monte comunal, converténdose nunha especie de entidades administrativas que dedican os beneficios a actividades propias dunha Administración, en moitos casos suplantando ós concellos. O común pódese dicir que hoxe non existe, ou que cando menos o seu espírito quedou totalmente deturpado por varias causas:

-Diante do abandono de funcións por parte dos concellos, moitos veciños ven nos recursos do monte o financiamento dos servicios ou infraestructuras das que carecen.

-                     Diante da flexibilidade na consideración de veciño comuneiro prevista pola Lei e polo Regulamento, moitos absentistas, totalmente desligados da realidade agraria e gandeira e mesmo da realidade rural, teñen recoñecida esa condición de comuneiros e en moitos casos fanse co control das Comunidades montando administracións paralelas de prestación de servicios públicos. Así, persoas alleas á realidade campesiña, que mesmo só viven de xeito estacional no lugar, son quen por maioría deciden o destino dos beneficios do monte, sen ter presente que deben dedicarse ó propio monte e á mellora do sector agrario, gandeiro e forestal e ó benestar do lugar.

 Diante desta situación comuneiros campesiños que loitamos pola recuperación dos montes vémonos indefensos xa que, por unha banda, na vía xudicial se recoñece a condición de comuneiro ós absentistas, e por outra, nas propias comunidades onde os absentistas son maioría, os campesiños vémonos marxinados ó non poder mellorar o noso nivel de vida e a nosa actividade económica porque os recursos se dedican a cuestións tan variopintas como arranxar igrexas, casas rectorais, dar subvencións a asociacións, asfaltar pistas públicas, facer parques, centros culturais, pistas deportivas... todo isto de carácter público para disfrute de comuneiros ou non comuneiros. Non quero dicir con isto que non estea de acordo en dotar ás parroquias ou lugares destes servicios, pero iso debe facelo quen xestiona os impostos, e non cos recursos dunha copropiedade privada e colectiva que deben dirixirse á mellora da producción agraria e gandeira. Creo que para saír desta situación e para que o monte beneficie ós labregos e gandeiros e cumpra a súa fnnción de contribuír ó benestar dos comuneiros e ó desenvolvemento económico agro-gandeiro dos lugares -e polo tanto de Galiza- son precisas unha serie de medidas:

-                     En primeiro lugar, cómpre non permitir a condición de comuneiro ós absentistas desligados da realidade agraria, gandeira a forestal, e que teñan a condición de copropietarios só aqueles que manteñan algunha explotación agraria ou gandeira. Nesa liña deberíase modificar a condición de comuneiro recollida tanto na Lei como no Regulamento.

-                     En segundo lugar, en canto á participación nos aproveitamentos económicos, cómpre garantir a finalidade do comunal e salvagardar os dereitos económicos de todo copropietario, aínda que estea en minoría dentro da Asemblea. Por iso deberíase modificar a Lei e o Regulamento para que os rendementos que produza o monte, despois de dedicar ó propio monte o que lle corresponde, se repartan por igual entre os comuneiros. Unha vez que teñan recibido os beneficios correspondentes, se así o desexan e sempre con plena liberdade, poderán acordar facer investimentos no lugar ou lugares de residencia ou dar subvencións a quen queiran, sen que por isto ningún comuneiro estea obrigado a adherirse a tal decisión. Só deste xeito o monte axudará a mellorar o agro e a gandería, cunhas rendas complementarias que permitirán a adquisición de maquinaria en común, a creación de cooperativas, en definitiva, a modernización destes sectores económicos.

Rufino Boullosa Dominguez • Ponteareas

As cartas para esta sección deben ter unha extensión máxima dun folio. A redacción resérvase o dereito a resumir o contido. Deben dirixirse a “O Común dos Veciños”, Apartado 559 – 36080 Pontevedra.  voltar ó SUMARIO  

 

A ORGACCMM participa cun pavillón

Forestalia abre as portas en Pontevedra do 17 ó 21 de outubro

 

Entre o 17 e o 21 de outubro celébrase no Pavillón Feiral de Pontevedra Forestalia, o “I salón forestal, madeira e medio natural”, organizado pola Cámara de Comercio de Pontevedra e coa participación da Organización Galega de Comunidades de Montes. Estas xornadas pretenden ser o punto de reunión da oferta e a demanda do sector, desde a reforestación ata a obtención dos diferentes productos da madeira, pasando pola producción de planta en viveiro, tratamentos silvícolas, prevención e extinción de incendios, restauración ecolóxica, aproveitamento e procesado da madeira, maquinaria, aproveitamentos secundarios do monte, lecer medioambiental, etc.

 

Paralelamente desenvolveranse xornadas técnicas dedicadas a aspectos como a certificación forestal, ó futuro da producción forestal de Galicia ou a conservación de espacios naturais. Mención especial merece a xornada do sábado 20, onde ó longo da mañá se celebrarán unha mesa redonda dedicada á administración e xestión dos montes veciñais con asistencia do presidente da ORGACCMM.

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes, por invitación da Cámara de Comercio de Pontevedra, forma parte do Comité Técnico de Forestalia e participa cun posto no Pavillón Feiral.  voltar ó SUMARIO 

 

Xornada dedicada ó monte veciñal

Sábado día 20

Mesa redonda: A xestión e administración das comunidades de montes.

-Xosé A. Pereira, presidente da ORGACCMM

-Francisco J. Fernandez, presidente da Asoc. Forestal de Galicia

-Antonio Pérez Angulo, director técnico de Silvanus

-Mariano Scola, director de AfriFoGa.  voltar ó SUMARIO 

 

Continúa o funcionamento vergonzoso dos xurados provinciais de clasificación

A clasificación dos montes veciñais de Ermelo: un fraude de lei 

Belarmino Barreiro Rosales

secretario da Mancomunidade de Montes do Morrazo

 

O trinta de abril de 1996 os veciños de Ermelo interesan do Xurado Provincial de Clasificación de Pontevedra a iniciación do expediente de clasificación dos seus montes comunais con toda a documentación necesaria. Desde o Xurado, tras invitar ós veciños amigablemente a que voluntariamente desistisen daquelas parcelas de menor superficie, ó cabo conformaron o expediente 17,4 Has. repartidas en cinco parcelas, case unha mesquindade comparativa de non ser uns terreos moi vistosos, ben situados e cobizados. Consta como data de incoación o tres de novembro de 1997, pero como a instrucción do mesmo dilatábase no tempo, o Pleno da Corporación de Bueu o 10 de xuño de 1999 declarou “de interese xeral e público” o expediente clasificatorio elevando ó Xurado rogo de instrucción e resolución consonte á Lei 13/1989.

Tras varias apelacións á Institución do Valedor do Pobo de Galicia, en xullo de 2000 inicíase o trámite de audiencia pública do procedemento. Sorprendentemente persóase a Alcaldía de Bueu -que non o Concello e contradicindo o acordo municipal- en contra da clasificación de todos e cada ún dos montes veciñais. Non será este o único e último caso. As motivacións aducidas: estar no Libro Inventario de Bens Municipais, a non existencia de montes dos veciños no municipio, pese a figurar como comunais inmemoriais e sen que conste título de adquisición na documentación municipal e non como patrimoniais e negando o aproveitamento en relación co carácter de comunidade ou agrupación dos veciños da parroquia, xa que en todo caso serían dos habitantes de todo o término. Nada máis lonxe e aberrante da realidade social. Todo vale en evitación da aplicación do artigo 1 da citada Lei 13/1989 e non na mellor defensa dos intereses públicos xerais. Esta terxiversada interpretación agacha a intención de evitar a aplicación do artigo 27 do Decreto 260/1992 do 4 de setembro que establece que a inclusión en catálogos, rexistros e inventarios públicos dos montes non será obstáculo para a súa clasificación. Mesmo se propón asignarlle e facer constar un pretendido uso municipal inesistente ós montes.

Basándose na abusiva presunción de tutela, a Admón. local quere preservar para si un patrimonio que non lle corresponde (coma non corresponde dicir aquí qué intereses e fins lle agardan ó monte veciñal en mans municipais) ¿Acaso é máis inmemorial a existencia do propio Concello que os montes que tutela? ¿Cando, como e  a quen os mercou con fondos públicos o Concello? Máis ben ó revés. Os Concellos seguen a servirse dos comunais dos veciños como principais depredadores dos montes veciñais en man común en Galicia como o recoñece o título preliminar da propia lei galega. ¿Está ó tanto o Concello do contido do artigo 20 e da Disposición Adicional Cuarta da Lei 13/1989 en canto ós dereitos atribuídos á parroquia no marco xurídico desta Lei e do Estatuto de Galicia?.

E logo vén o Xurado Provincial, verdadeiro alcahuete do abuso local que en mans de determinados elementos desasisten á comunidade veciñal, para apoiar a usurpación. O propio presidente, desvinculado da realidade galega cal nobreza foránea que despreza aquilo do que vive, desaconsella os expedientes de devolución. Ó cabo a instructora iniciática de despacho propón que un dos montes de Ermelo non se clasifique porque, segundo consta no informe do servicio de montes, “se encuentra apropiado por colindantes”, descoñecendo o costume que fai marcar por tenzas ou lotes o aproveitamento comunal do monte no lugar e se así non fose ¿que fai a Administración que non actúa ante unha presunta apropiación de ben imprescriptible de tutela pública?. Máis aparato administrativo desinteresado e alleo (Servicio Provincial de Montes). O catro de abril de 2001 tivo lugar a Resolución do expediente, nin que dicir ten que a Alcaldía de Bueu recurriu en vía de reposición contra o acordo en evitación última da devolución do monte ós seus lexítimos propietarios e tamén os propios veciños porque non estamos dispostos a deixar atrás esa quinta parcela de sete mil metros cadrados. Van cinco anos e o expediente continúa.

Ante os argumentos prepotentes e claramente ilegais do Concello de Bueu, a Organización Galega de Comunidades de Montes presentou alegacións en favor das teses da Comunidade de Montes de Ermelo.  voltar ó SUMARIO  

 

Os tribunais paralizan as obras da Vía rápida do Salnés por invadir monte veciñal  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paralizou a fins de maio as obras que estaba levando a cabo a Xunta de Galicia na Lanzada para desdobrar a Vía Rápida do Salnés. A sentencia dáballe a razón á Comunidade de Montes de Noalla (Sanxenxo), que tiña denunciado a ocupación dos seus terreos comunais, clasificados desde 1996, sen o pertinente expediente de expropiación.

Desde aquela o asunto foi acumulando unha chea de despropósitos. Os primeiros correron a cargo do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Política Territorial, pois mentres Fraga Iribarne declaraba que as obras rematarían de todas formas, Cuíña aseguraba publicamente que había que chegar a un acordo cos tribunais para seguir as obras; e mentres tanto, a Consellería de Política Territorial aproveitaba que inda non recibira “notificación oficial” da sentencia para darlles o remate, traballando os obreiros a correr, de noite e mesmo en domingo, práctica denunciada pola Comunidade de Noalla con acta notarial perante o Tribunal.

 

Para axudar a mellorar as cousas, algúns concelleiros do Grove utilizaron a demagoxia para caldear o ambiente, axudados polo sensacionalismo dos corresponsais da prensa na zona. Algúns políticos quixeron mobilizar ós veciños contra os de Noalla alegando que os terreos en cuestión pertencían ó Concello do Grove, esquecendo ou ignorando que lindes municipais e lindes de montes veciñais non sempre coinciden. Mesmo quixeron involucrar ás comunidades de montes grovenses, San Martiño e San Vicente; todo mesturado con contínuas saídas de tono (“estamos en contra da existencia de comunidades de montes”, “quérennos robar as terras”...) que facía aparecer como delincuentes ós comuneiros de Noalla, cando a realidade era que estes o único que fixeran era defender da usurpación e ocupación pola Xunta de Galicia dunhas terras das que son lexítimos propietarios, como era a súa obriga legal como directivos dunha comunidade de montes.

Neste ambiente de tensión, apareceu queimado un barco de pesca que tiña colocado como adorno o Concello do Grove no linde co de Sanxenxo. Algúns acusaron sen probas ós veciños de Noalla, nunha irresponsabilidade ben aireada pola prensa local. Cando pouco despois se descubriu ó responsable da queima, como non era da Comunidade de Noalla, nin noticia foi.

Desafortunadamente podemos observar que, cando a política municipal se ocupa dos montes veciñais, é moi frecuente que o grao de descoñecemento desta realidade por parte de moitos concelleiros contribúa a facer aínda máis dificil a xestión dos mesmos. Resulta desalentador comprobar como boa parte dos membros das corporacións municipais demostran unha gran ignoracia sobre o monte veciñal e son dos maiores detractores dos mesmos. O asunto da Lanzada está pendente de varias resolucións xudiciais. A tensión vivida non foi a mais polo sentido común dos veciños do Grove e de Noalla, non polo talante dalgúns cargos políticos do Grove.  voltar ó SUMARIO 

 

NOVAS NOVAS NOVAS NOVAS

Local social da Comunidade de Montes de Marcón

A Comunidade de Montes da parroquia de Marcón, no concello de Pontevedra, constituíuse legalmente en 1989. A súa xunta rectora, formada por trinta persoas en representación de todos os lugares da parroquia, vén desenvolvendo un importante labor social ante a carencia de asociacións veciñais ou culturais.

No tocante á xestión do monte, a xunta rectora está realizando un importante labor de concienciación dos comuneiros sobre a riqueza que supón o uso e posesión do monte veciñal. Consonte con isto, vén realizando fortes investimentos en apertura de pistas, cortalumes, pozos, limpeza de regueiros e fontes, ademais do acondicionamento dunha zona de lecer, o Outeiro do Navío, con fermosas vistas sobre as Rías de Pontevedra e Vigo.

Verbo das especies forestais, a parroquia de Marcón apostou claramente polas frondosas: castiñeiro, carballo do país e americano, cerdeira, tileiro, ameneiro, liridendeón... Permítese o eucalipto onde está consolidado, pero con labores de control para que non invada as outras plantacións e nos seus planos de ordenación, esta é unha especie a extinguir. Nas coníferas repoboouse con piñeiro do país ou bravo (pinus pinaster) pola súa calidade, rexeitando as outras variedades polo seu valor inferior e por seren portadoras de pragas.

Os importantes recursos que xenera o monte permiten tamén atender outros eidos sociais da parroquia: arranxo de camiños, cruceiros, fontes, lavadeiros, cemiterio parroquial, campo da festa... e a construcción dun local social que desenvolve unha incansable actividade de actos, charlas e xuntanzas culturais, agrarias, deportivas e musicais. Para atender ás actividades dos mozos e mozas, creouse na comunidade de montes de Marcón a asociación xuvenil “A Landra”.   voltar ó SUMARIO 

 

Os ecoloxistas denuncian a ilegalidade dun aeródromo

A asociación Erva-Ecoloxistas en Acción Galiza denunciou a mediados do pasado mes de agostoá Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente e á empresa Tracsa pola construcción ilegal dun aeródromo, asegurando que "supón un grave atentado ambiental e incumpre a totalidade da lexislación que regula este tipo de ínstalacións" . Aseguran que esta acción produciu a destrucción de importantes áreas do espacio natural protexido da Serra do Suído, feito do que foi avisado o servicio do Seprona da Garda Civil do Carballiño. Ademais, engaden que "nas obras de Tracsa no Suído a empresa carece das autorizacións administrativas precisas para iniciar esta actividade".

Os ecoloxistas afirman “que resulta incomprensible que a propia Consellería de Medio Ambiente incumpra o procedemento de avaliación ambiental dun proxecto. Comentaron que o feito se agrava pola extraña situación que se produce ó no estar oficialmente incluída a Serra do Suído na proposta para integrar a Rede Natura 2000. Erva oponse firmemente á construcción do aeródromo promovido desde hai anos polo Concello de Beariz no Espacio Natural da Serra do Suído e asumido hoxe pola Consellería de Medio Ambiente.  voltar ó SUMARIO 

 

Creada a Mancomunidade de Montes de Monterrei

O pasado 27 de maio, no concello de Laza (Ourense) asinouse a acta de constitución da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común da Bisbarra de Monterrei, que comprende os concellos de Castelo do Val, Laza, Cualedro, Monterrei, Oimbra, Riós, Vilardevós e Verín.

As comunidades de montes veciñais en man común destes concellos amosaron deste xeito a súa capacidade de autoorganización e adquiriron o compromiso de traballar unidos e coordinados para mellorar o funcionamento das súas comunidades a través do intercambio de experiencias, a aplicación nos seus montes de alternativas innovadoras e integradoras e loitar para acadar unha política de montes axeitada a realidade de Galicia.

 

A Organización Galega de Comunidade de Montes apoiou desde o primeiro momento a creación desta Mancomunidade de Montes da Bisbarra de Monterrei, asistindo ó acto de constitución de mesma o Presidente e o Coordinador Xeral por invitación das comunidades de montes fundadoras.

A ORGACCMM saúda a constitución desta nova mancomunidade de montes por entender que este é o camiño para que as comunidades de montes de Galicia reforcen a súa coordinación e poidan ter máis forza na defensa do monte veciñal galego.  voltar ó SUMARIO 

 

Proxecto de aproveitamento da biomasa forestal no Val Miñor

A Mancomunidade de montes veciñais do Val Miñor (sur de Pontevedra) acaba de elaborar un proxecto denominado "Complexo Medioambiental-Forestal do Val Miñor" que estudia as características do aproveitamento da biomasa forestal -coa posibilidade de incorporación de algas mariñas e restos vexetais- para a producción de abonos e substratos, acompañado dunha aula de interpretación do monte veciñal en man común.

 

Este aproveitamento da biomasa forestal presenta como principal novidade que a súa dinámica vai ser marcada pola explotación dos montes da bisbarra e non polo ritmo de producción da planta, pois o obxectivo é un proxecto integrador que garanta a rexeneración dos terreos e evite a súa esquilmación.

A integración de usos que se contempla neste proxecto vén dada pola compatibilidade de diversas actuacións sociais e políticas como medidas preventivas da loita contra os lumes forestais, mellora da producción forestal, recollida selectiva do lixo, creacion de postos de traballo, proteccion do medio ambiente con elementos de educación ecolóxica, potenciacion do turismo rural e natural, desenvolvemento de recursos endóxenos e, xa que logo, desenvolvemento da economía local.

 

O proxecto do Complexo Medioambiental-Forestal do Val Miñor é unha alternativa interesante para o monte veciñal en man común, de aplicación básica a outros montes veciñaisde Galicia. Por iso a ORGACCMM, ademais de apoiar á Mancomunidade de Montes do Val Miñor para levar adiente este proxecto, ten solicitado da Consellería de Medio Ambiente que proxectos deste estilo sexan considerados como actuacións a incluír nas liñas de subvencións de melloras dos montes.  voltar ó SUMARIO 

Seminario sobre propiedade comunal e desenvolvemento rural

O Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia ((IDEGA) da Universidade de Santiago celebrou no pasado mes de decembro o seminario “A propiedade comunal e o desenvolvemento rural”, ó que foi invitado a ORGACCMM. Presentouse o Proxecto Europeo sobre propiedade e xestión comunal e as súas implicacións para o desenvolvemento rural das zonas periféricas, no que participan equipos de traballo de Galicia, Reino Unido e Portugal. O equipo galego está composto polos profesores Xesús Balboa e Lourenzo Fernández Prieto, da Facultade de Historia, e Manuel Jordán e Edelmiro López Iglesias da Facultade de Ciencias Económicas; o coordinador do equipo, Xaquín Fernández Leiceaga, tamén pertence a esta facultade. A presencia da profesora Katrina Brown, do Macaulay Land Use Research Institute de Aberdeen, e de Fernando Oliveira, do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa, permitiu comparar o caso galego coas características das “terras altas” escocesas e dos “baldíos” portugueses.

Os investigadores galegos manifestaron que o seu estudio tiña tres obxectivos: o estudio dos terreos veciñais como elemento dinamizador do desenvolvemento rural, como obxecto de estratexias específicas na Unión Europea, e a obtención dun detallado coñecemento estadístico dos montes veciñais (situación legal, formas de xestión e tipos de aproveitamentos) e das comunidades de montes (o contexto socioeconómico e agrario do contorno, a xestión e usos do monte...). Actualmente se está realizando unha 3ª fase para coñecer as condicionantes sociais do monte veciñal, a aplicabilidade das políticas comunitarias no comunal e a sostibilidade dos aproveitamentos nestas terras, para a cal se están recabando datos das comunidades de montes, da Administración e das empresas.

No seminario desenvolvéronse dúas mesas redondas: unha baixo o título “O marco legal da propiedade comunal” e outra co tema “Iniciativas e dinamización das comunidades”, na que participou o presidente da ORGACCMM. Os historiadores e economistas do equipo galego espuxeron que os primeiros datos do estudio amosan que as comunidades de montes teñen moitos problemas pero resisten os embates de todo tipo que sofren, inda que se pretende ofrecer unha visión pragmática das súas posibilidades. Neste sentido está en análise a influencia que no monte veciñal poden ter procesos en curso como a desagrarización da sociedade galega, as novas necesidades de uso social e económico e a regresión demográfica. Especial atención se prestará no estudio á especificidade das comunidades de montes por comarcas e ó papel (fundamental, a xuízo dos investigadores) que cumpre e debe cumprir a Administración.  voltar ó SUMARIO 

Prezos orientativos de diversos servicios, cesións de uso e recursos dos terreos veciñais

Iniciamos neste número esta información, que pretende ser orientativa dos prezos que corren para os recursos do monte veciñal., polo que poden cambiar segundo as circunstancias concretas de cada caso. Vista a desorientación que amosan algunhas xuntas rectoras diante destas situacións, recomendamos que, con carácter xeral, se sigan sempre as seguintes pautas:

 

-                     Esixir das empresas interesadas a súa oferta por escrito, asinada por persoa autorizada.

-                     Asesorarse convenientemente xurídica e técnicamente sobre as contrapartidas e a legalidade do posible contrato, así como sobre a redacción final do mesmo.

-                     Debater seria e pausadamente na xunta rectora as consecuencias de asinar o contrato para os veciños e valorar os custos (económicos, sociais, ambientais) que vai supoñer.

-                     Levar á asemblea xeral da comunidade o contrato proposto, pois sen a aprobación da asemblea non ten validez.

Agradecemos fondamente toda a información que se nos poida remitir desde as comunidades de montes para completar ou rectificar a que aquí se facilita. Mandar a “O común dos veciños”, Apartado 559, 36080 Pontevedra.

C A N T E I R A S

Canón por pedra en bloque, saída da canteira: 4.750 ptas./m3 máis I.V.E. Pedra para moer 10-20 pta/tonelada.

(Coidado cos problemas dos vertidos e rexeneración futura).

 

P A R Q U E S   E M P R E S A R I A I S

3.600 ptas./m2

O Xurado de Expropiacións nunca valorou estes terreos por debaixo das 3.000 ptas. Débese valorar a posibilidade de que a comunidade se reserve parte dos terreos urbanizados para alugar os terreos.

 

P A R Q U E S   E O L I C O S

Varias formas:

Por kilavatio: 626 ptas/kw (cada aeroxerador de 600 kw, 380.000 ptas. anuais)

Canón anual por aeroxerador: 400.000 ptas anuais. (Fóra de Galicia hai casos de 585.000 por aeroxerador e ano)

Sistema de porcentaxes: 1,5 % da producción bruta os 10 pri­meiros anos e o 4 % despois.

Sistema variable: ata 2.400 horas de producción, 400.000 ptas por aeroxe­rador; desde 2.500 horas, 458.333 ptas. por aeroxera­dor.

A N T E N A S   D E   T E L E F O N I A   M O V I L

600.000 ptas ano (máis IVE) e subida anual polo IPC.

MADEIRA

O valor da tonelada de Eucalipto estaba en 1995 a 8.900 ptas; hoxe págase a 6.900 ptas, o prezo de 1990. Un bo tema para a reflexión e o debate.

Prezo do piñeiro: De Primeira, 14.000 pta.; de 2ª 9.000; de 3ª 6.000.  voltar ó SUMARIO  

 

 

Recuperación dos topónimos nos montes e nas parroquias do Val Miñor

O pasado mes de xuño a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e a Mancomunidade de Montes do Val Miñor asinaron un convenio que ten como obxectivo a realización do inventario da microtoponimia dos núcleos de poboación e dos montes da comarca do Val Miñor.

 

Recuperar a toponimia do territorio e inventariala é unha tarefa importante, xa que a toponima e un dos sinais da memoria común que reflicte na linguaxe a relación da poboación co medio físico ó longo da historia.

 

Outra volta as comunidades de montes -neste caso as da bisbarra do Val Miñor- dan mostra de gran dinamismo e capacidade de iniciativa. Demostran, unha vez máis, que non son soamente entidades que se dedican á venda de madeira, senón organismos sociais que loitan pola mellora e o desenvolvemento do monte e de súa zona de influencia de xeito integrador.  voltar ó SUMARIO 

 

II Romaría Galega de Comunidades de Montes