O Común dos veciños ___ Ano 3 Número 3. Xaneiro de 2001

Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.

Edita: Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común

Director: Xosé Carlos Morgade Martínez, responsable de Comunicación Interna da Xunta Rectora.

Consello de Redacción:

Cándido Iglesias Alfaro, Xosé A. Pereira Martínez, Francisco Comesaña Diego, Xoán Collazo Pazó, Xermán Souto García, David Díaz Losada.

Organización Galega de Comunidades de Montes

Estrada Xeral de Valadares, 233

36314 Vigo (Pontevedra)

Tel. 986 46 86 84

Fax: 986 46 94 55

Revista O Común dos Veciños

Apartado 559

36080 Pontevedra

www.orgaccmm.org 

correo electrónico: OGCMVMC@teleline.es

ISSN: 241/00

Depósito Legal: Po-241/2000

SUMARIO

As Comunidades de montes están exentas de pagar o IBI

O PSOE presentou unha Proposición de Lei sobre aproveitamento sostible dos espacios forestais.

Seguimos loitando contra o imposto de sociedades.

O fracaso reiterado da política contraincendios da Xunta.

Celebrouse en Pontevedra a III Xornada monográfica sobre o monte veciñal.

Reducción do risco de incendios forestais mediante o pastoreo do cabalo galego de monte.

Observadas importantes deficiencias na actuación de Unión-Fenosa nas ocupacións do monte para liñas de tensión eléctrica

.

Xuntanza co Director Xeral de Industria para tratar as ocupacións do monte veciñal.

Falan os comuneiros: O Partido Popular e o Imposto sobre sociedades.

Novas:

Centro Social de Parga

Aclaración da Axencia Tributaria.

Creada a Mancomunidade de Montes de Carnota.

Detectadas deficiencias graves en repoboacións de coníferas.

IV xornada sobre o Monte Veciñal.

78 aniversario dos Mártires de Sobredo.

Reunión coa Asociación Forestal sobre os Parques eólicos.

Primeira Romaría de Comunidades de Montes.

Forestación de terras agrarias.

Recuperación do monte de Santa Baia (Rodeiro)

Propostas para o Orzamento do 2001

Manda Truco:

O Delegado de Medio Ambiente en Pontevedra é un golfista.

A vista do Subdirector Xeral de Montes.

Os argumentos do Concello de Bueu

En Catro Palabras.

A Organización Galega na TV

Acordo cos cazadores.

Teléfono para corts de madeira.

Vacas tolas e terras agrarias.

Vacas Tolas e Gando Bravo.

Publicacións de intereses.

"Candeán: Memórias dunha parroquia"

"Reboreda: Os camiños da identidade"

 

 

Portada da revista: [ Fotografía ]

 

As comunidades de montes están exentas de pagar o I.B.I.

Como xa temos avisado anteriormente, algúns concellos (por despiste ou mala fe) queren cobrarlle ás comunidades de montes o I.B.I. (Imposto de Bens Inmobles), das que están exentas por lei. No caso de que o concello reclame o pagamento deste imposto, hai que solicitar a exención e a devolución, no seu caso, das cantidades que a comunidade de montes tivera abonado anteriormente por este concepto.

De seguido adxuntamos un modelo de solicitude, para aquelas comunidades de montes que queiran usalo:

Comunidade de Montes de

Parroquia de

DON, maior de idade, con D.N.I. nºe con enderezo en , nº , parroquia de , concello de , Provincia de , Presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de , concello de, co NIF: , actuando en nome e representación da citada comunidade, diante de Vde. Comparece e como mellor proceda,

EXPÓN:

1º.- Que lle foi notificada, polo Servicio Provincial de Recadación, a liquidación n° de referencia: , relativa ó Imposto de Bens Inmobles (IBI) que gravaría a propiedade do Monte Veciñal en Man Común propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común referida no encabezamento deste escrito.

2°.- Que os Montes Veciñais en Man Común (MVMC), dada a súa natureza, non están suxeitos a gravame algún de base territorial, polo que procede o sobresemento do expediente de referencia.

Así se establece no artigo 64.B da Lei Reguladora das Facendas Locais: "Gozarán de exención os seguintes bens... b)...Os montes veciñais en man común."; e tamén no artigo 2° da Lei 13/89 do Parlamento de Galicia, de Montes Veciñais en Man Común: "Os montes veciñais en man común... non están suxeitos a ningunha contribución de base territorial".

3°.- Xustifícanse os ingresos indebidos aboados pola Comunidade que represento na documentación que obra ó efecto nese Concello.

4°.- Que interésase se faga devolución na conta que consta na certificación bancaria que se adxunta, na que figura como titular esta comunidade, o nome do banco e o número da conta na que se efectuará a devolución dos ingresos indebidos e os seus intereses.

SOLICITA: Que se teña por presentado este escrito e se acorde:

a)- A baixa da Comunidade de Montes que represento no I.B.I.;

b)- A devolución de todas as cotas satisfeitas pola comunidade referida en concepto de I.B.I. ata a data, xunto co interese legal correspondente.

En , a de de 2001

Asdo:

ILMO. SR. ALCALDE DO CONCELLO DE

voltar ó SUMARIO 

O PSOE presentou unha Proposición de Lei sobre aproveitamento sostible dos espacios forestais

O Grupo Parlamentario do PSOE no Congreso dos Deputados presentou, a comezos da presente lexislatura (24 de Abril do 2000), unha proposición de lei sobre " Uso e aproveitamento sostible dos espacios forestais". A Organización Galega de Comunidades de Montes, como acostuma cando hai propostas referentes ó monte, fixo una análise detallada, atopando moitos aspectos positivos por canto supoñen unha acertada visión do monte, acorde coa realidade social do mesmo, e unha concepción do medio rural como territorio de futuro e con grandes posibilidades.

Entre os aspectos positivos podemos salientar:

a- Considera o monte como un ben común, un ben social. De aí que entenda que a administración pública debe intervir na elaboración e execución das políticas forestais e na certificación dos productos forestais como sostibles.

b- Fai fincapé, sen desbotar a función económica, nas funcións social e ecolóxica que debe de cumprir o monte. Deste xeito, para definir os criterios de sostibilidade, relaciónaos co mantemento das poboacións do mundo rural.

c- Sitúa os obxectivos da Estratexia Forestal e do seu desenvolvemento en relación con outras políticas sectoriais, cos usos do solo, co medio no que estea emprazado o monte e coa tradición dos usos de cada zona. Estase referindo, xa que logo, á necesidade dunha ordenación de usos do territorio e da vocación histórica de cada monte.

d- Conta coa opinión e fomenta a participación dos sectores implicados, tanto na elaboración e execución das políticas forestais, como nas tarefas de educación ambiental.

e- Apunta a interesante idea de que, cando se expropie un monte, o beneficiado desta expropiación terá a obriga de compensar esta perda de masa forestal repoboando outra superficie similar con especies forestais semellantes ás destruídas pola expropiación. (Esta idea debería ser completada coa posibilidade de que os propietarios expropiados, coa indemnización da expropiación, puideran mercar unha parcela de monte que tivera as mesmas características cá superficie expropiada).

f- Establece que a Administración autonómica é a única competente na loita contra os incendios forestais, entendendo asemade que as actuacións previstas nas campañas de prevención dos lumes -onde se contempla o aproveitamento da biomasa forestal- serán financiadas publicamente .

Certamente hai aspectos desta proposición de lei cos que a Organización Galega de Comunidades de Montes non comparte e serían precisos algúns reaxustes no texto. Especialmente en temas como a falta de criterios para forestar terras agrarias, a falta de concreción das condicións para que un monte poida ser declarado en estado de grave abandono, a regulación detallada dos actos de prevalencia, etc. Pero cabe esperar que, dada a postura de defensa do monte veciñal en man común que tivo sempre o PSG-PSOE, estas diferencias poderían ser superadas en contactos posteriores. Polo que acollemos con satisfacción toda iniciativa lexislativa que, como esta, amose un estreito coñecemento do monte e propoña solucións de futuro viables e eficaces.

No último trimestre do ano chéganos a información de que esta proposición de lei xa foi debatida no Congreso dos Deputados e foi rexeitada cos votos do Partido Popular. O partido do goberno rexeita todas as iniciativas que presentan os partidos da oposición, pero non ofrece outros proxectos alternativos a elas.

voltar ó SUMARIO 

Seguimos loitando contra o Imposto sobre Sociedades

A ORGACCMM non desiste na súa loita contra a a inxustiza que supuxo a imposición ós montes veciñais en man común do Imposto sobre Sociedades, conscientes de que a constancia será unha das claves da eliminación deste absurdo e depredador imposto ás comunidades de montes. Os rectores desta organización, apoiados por numerosas comunidades, seguen promovendo iniciativas (das que damos información nesta revista) para concienciar ás xuntas rectoras e ós cidadáns en xeral dos graves prexuízos que trae consigo este imposto, para que se debata en todas as institucións os efectos negativos do mesmo e para tratar de convencer ós deputados galegos do Partido Popular (único partido que defende este imposto) no Parlamento de Galicia e no de España, das graves consecuencias (nos eidos económico, social e ecolóxico) da aplicación deste imposto soamente a Galicia.

Entre estas actuacións podemos salientar as iniciativas parlamentarias levadas a cabo polo PSG/PSOE e polo BNG, recollendo ambos os dous partidos o sentir das comunidades de montes de todo o país. O PSG/ PSOE presentou no Senado o 26 de setembro unha Proposición non de Lei que solicitaba a exclusión dos montes veciñais en man común do Imposto sobre Sociedades e pedía a elaboración dunha lei fiscal adecuada para o monte veciñal. O 28 de novembro e no Congreso dos Deputados, o BNG presentou unha Proposición de Lei pola cal, tras eximir ás comunidades de montes de tributar polo Imposto sobre Sociedades, propoñía a redacción dunha lei fiscal específica para o monte veciñal en man común.

Estas duas iniciativas parlamentarias foron rexeitadas polo Partido Popular, con dous argumentos falsos: 1)-Que a inclusión dos montes veciñais en man común no Imposto sobre Sociedades foi realizada contando coa opinión favorable das comunidades de montes. 2)-Que en Galicia hai consenso coas comunidades de montes na aplicación do Imposto sobre Sociedades.

A estas dúas mentiras descaradas do PP en Madrid, as comunidades de montes debemos responder mobilizándonos en todos os eidos posibles contra este imposto inxusto. Temos que poñer todo o noso esforzo en facerlle chegar ó Partido Popular que os seus argumentos para lavar a cara neste asunto terán a resposta que merece dos comuneiros de Galicia e que esta nova burla non serve precisamente para arranxar a cuestión. Estamos máis convencidos que nunca de que podemos botar abaixo este imposto aberrante e con unión e perseveranza habemos conseguilo.

Como novas medidas, a Organización Galega volve a reactivar a recollida de sinaturas entre toda a cidadanía contra este imposto e solicita de todas as comunidades de montes de Galicia que lle fagan chegar ó Partido Popular a súa protesta por esta nova carga fiscal. Tamén poden mandar ós enderezos da Organización os seus escritos, para despois seren enviados todos xuntos. A unión e a razón que nos asiste fará que tarde ou cedo desapareza este novo ataque contra os terreos comunais.

Asembleas informativas

O 26 de xullo do pasado ano rematou o prazo para que as comunidades de montes veciñais en man común presentaran a declaración do Imposto sobre Sociedades. Tributo inxusto e aberrante (non nos cansaremos de repetilo) que o Partido Popular desde o goberno central, co silencio submiso e cómplice do PP de Galicia, impuxo ó monte veciñal galego.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común foi a única entidade que se opuxo a esta inxustiza irracional. E aconsellou ás comunidades de montes que cubrisen a tramitación do Imposto do xeito mais favorable xa que, se a intención do goberno era que os veciños abandonasen os seus montes, cumpría precisamente facer o contrario para evitar que lograsen ese obxectivo perverso. Xa que logo, a ORGACCMM prosigue a batalla contra esta fiscalidade vergonzosa e seguirá pelexando deica que as comunidades de montes sexan excluídas do Imposto sobre Sociedades e se estableza unha fiscalidade adecuada para o monte veciñal.

Para explicar a súa posición, a ORGACCMM realizou unha rolda de asembleas informativas polas comarcas galegas. En todas elas as comunidades de montes apoiaron a postura da Organización e varias das asistentes pediron o ingreso na mesma. Os representantes da ORGACCMM amosaron a seguridade de que as comunidades de montes, con unidade e insistencia, poden gañar a batalla. Pero salientaron que é importante non desistir na presión veciñal en accións pacíficas pero sen desistir, entre as que propuxeron novas conversas cos partidos políticos de Galicia, xuntanza coa Federación Galega de Municipios e Provincias, remitir cartas ós medios de comunicación opoñéndose ó imposto e recollida de sinaturas sobre o mesmo tema. Tampouco descartaron que no futuro se realicen outras mobilizacións e manifestacións. [fotografía]

voltar ó SUMARIO

 

Sres. Presidentes de los Grupos Parlamentarios del Partido Popular en el Congreso de los Diputados y en el Senado:

Ante las iniciativas parlamentarias, tanto en el Senado (26 de setiembre de 2000, presentada por el Grupo Socialista) como en el Congreso de los Diputados (28 de noviembre de 2000, presentada por el representante del BNG a traves del Grupo Mixto), iniciativas ambas que solicitaban la exclusión de los montes vecinales en mano común del Impuesto sobre Sociedades y, al mismo tiempo, la elaboración de una ley fiscal adecuada a la figura de estas propiedades especiales; los portavoces del Partido Popular en ambas Cámaras votaron en contra alegando que lo hacian dado que entre las comunidades de montes vecinales en mano común de Galicia existia consenso en su aplicación.

Ante este argumento, totalmente falso y fuera de la realidad, la Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de , en la parroquia de , Ayuntamiento de , Provincia de

Manifiesta:

Que la comunidad de montes vecinales en mano común arriba indicada está en contra de que los montes vecinales en mano comun tributen por el Impuesto sobre Sociedades y solicita la elaboración de una fiscalidad adecuada a la figura de esta figura singular, propiedad vecinal de caracter germánico.

Le saluda atentamente

El Presidente da la Comunidad de Montes

Nombre:

DNI

Fdo

, de de 2001

Asembleas Informativas:

A Coruña: Lousame - Vimianzo

Lugo: Baralla - Guitiriz - O Corgo - Quiroga

Ourense: -Laza

Pontevedra: A Lama - A Paradanta - Combarro - Cerdedo - Moraña - Mos - O Condado - O Morrazo - O Rosal - O Salnés - Redondela - Pontevedra -Val Miñor

voltar ó SUMARIO

 

O fracaso reiterado da política contraincendios da Xunta

"A culpa de que ardan os montes téñena os propietarios porque non limpan os montes ou os alcaldes dos concellos porque non cumpren a lexislación vixente (lexislación franquista), pola cal eles son os responsables de tomar medidas para combater o lume". Estas palabras, que merecen estar enmarcadas na antoloxía do disparate, foron pronunciadas polo Conselleiro de Medio Ambiente, don Carlos del Álamo, no Parlamento Galego despois do desastre provocado pola vaga de incendios nos montes da zona de Valdeorras, incendios que supuxeron unha superficie de 4.000 has. de terreo queimado segundo a Consellería, pero que os concellos afectados e as organizacións ecoloxistas afirman que superou as 20.000 has. (incluíndo nelas máis de 5.000 castiñeiros e case 1.300 colmeares).

Malia a que se comprende moi ben que os acaloramentos producidos polos lumes provoquen frouxidades mentais, o declarado polo Sr. Del Álamo é un auténtico despropósito. E un intento de fuxir cara adiante para zafarse das súas responsabilidades, botándolle a culpa ós demais, sendo el o máximo responsable político na loita contra o lume. Se a responsabilidade das operacións contra dos incendios é dos propietarios, dos alcaldes e do tempo, non se entende logo cal é a función do Conselleiro e dunha política que gasta (¿ou malgasta?) miles de millóns cada ano en tentar de evitar os lumes no monte.

Todos entendemos que a causa destas declaracións disparatadas é o nerviosismo do Sr. Conselleiro de Medio Ambiente ante o fracaso evidente da política levada a cabo nos últimos anos polo seu departamento, na que investiu grandes cantidades de diñeiro. Unha política que se basea principalmente en destinar moitos recursos á extinción (con algúns éxitos parciais), pero que a penas ten en conta os labores de prevención, de xeito que se cometen erros como o apreciado en Valdeorras [fotografía], onde se mandaron costosísimos equipos de extinción para apagar un lume propagado tamén en cortalumes que non estaban limpos. A Xunta renuncia a coñecer as razóns polas que se producen en Galicia cada ano miles de intentos de incendio e tentar de evitalos para apostar por manter unha custosa infraestructura que poida poñer en menos de media hora un equipo de extinción no lugar onde comeza o lume. Pero este modelo de actuación tense demostrado ineficaz en toda a década pasada [ fotografía]. Bastan uns días de forte vento ou de calor excesivo para que os lumes pasen de conatos a incendios declarados e os equipos de extinción queden desbordados, como todos os cidadáns poden apreciar. Todos menos o Sr. Conselleiro, que segue teimando en dicir que a súa política é boa, en intentos patéticos (como o do pasado verán no Parlamento galego) de salvar a cara e o seu cargo á fronte da Consellería.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes temos xa hai anos unha posición clara. A maior porcentaxe dos recursos económicos obtidos no monte veciñal deben ser empregados no propio monte en labores de coidado, limpeza e ordenamento. O capítulo de obras sociais dos presupostos das comunidades de montes non debe esquecer esta realidade, salvo ocasións excepcionais (hai que lembrar que no 1º Congreso Galego de Comunidades de Montes no ano 97 solicitabamos unha reforma lexislativa para que a porcentaxe do presuposto para traballos no monte pasase do 15 % ó 33 %). De xeito que as xuntas de montes deben dedicar tamén máis atención a labores de prevención. Pero é evidente que os recursos das comunidades de montes son moi limitados e claramente insuficientes para levar a cabo unha axeitada política de prevención (que tamén daría como resultado, por outra banda, unha maior optimización dos recursos forestais), polo que cómpre unha definición decidida da Xunta de Galicia pola prevención como política contraincendios en forma de apoio con recursos técnicos e xestión de subvencións europeas. E neste sentido as actuacións da Consellería de Medio Ambiente significan un investimento ínfimo en relación cos cuantiosos recursos gastados en extinción, co resultado dunha acción preventiva raquítica e claramente insuficiente. E se don Carlos Del Álamo non está disposto a asumir o fracaso da súa política e mudar de modelo de actuación, o presidente da Xunta de mudar de conselleiro.

A ORGACCMM ten proposto actuacións concretas para atallar o problema. Os lumes no monte é un tema complexo, que require información, reflexión e actuación coordinada. Hai que coñecer as causas (nos últimos dez anos a Xunta non tivo interese en promover un estudio sociolóxico completo e definitivo sobre o tema, mentres paga unhacompoñente sondaxe electoral cada tres meses), que para nós ten un claro componente social e económico. E consensuar un plano de actuacións cos sectores implicados. Por iso hai máis dun ano as comunidades de montes pedimos ó Sr. Conselleiro a formación da "Mesa por un monte sen lumes", integrada por representantes da Administración, partidos políticos, comunidades de montes, sindicatos agrarios e organizacións ecoloxistas. Seguindo a máxima de que "os lumes do verán apáganse no inverno" esta Mesa promovería as seguintes actuacións:

1)-Analizar as causas dos incendios forestais (que son diferentes en cada comarca) como paso previo de accións diversificadas.

2)-Promover medidas silvícolas de prevención a realizar desde outubro a maio, abandonando a actual práctica de dar as axudas para os traballos de limpeza a comezos de verán.

3)-Iniciar unha decidida política de ordenación dos montes, que preserve as tres funcións destas terras e revisar a actual política de reforestación de terras agrarias buscando unha alternativa racional e viable ás terras abandonadas.

4)-Realizar un Plano Agroforestal de Galicia onde se potencien os productos do monte como productos de calidade e se realice un aproveitamento racional da biomasa forestal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes non quere entrar na guerra de cifras das hectáreas queimadas (inda que a política de ocultación de datos levada a cabo pola Xunta é sospeitosa). Pero constatamos, como tamén pode facelo a cidadanía en xeral, que o ano 2000 volve a ser outro ano negro para Galicia no tocante ós incendios. É daquela cando o Sr. Del Álamo se pon nervioso e bótalle a culpa a cantos se atreven a criticalo: ós partidos da oposición, ós propietarios dos montes, ós concellos, ó tempo...

Pero é evidente o fracaso desta política. Por iso desde a ORGACCMM aplaudimos a iniciativa dunha comisión cidadá de Ourense de crear unha mesa a nivel galego para esixir da Xunta de Galicia que mude de política forestal e promova unha actuación agroforestal axeitada ó noso País e que favoreza o aproveitamento integral do campo galego. Soamente desde esta perspectiva podemos afrontar a solución dos grave problema dos incendios forestais.

voltar ó SUMARIO  

Tratou da relación entre o monte veciñal e o equipamento público

Celebrouse en Pontevedra a III Xornada monográfica sobre o monte veciñal

[fotografía]A Organización Galega de Comunidades de Montes celebrou o pasado día 2 de decembro en Pontevedra a III Xornada monográfica sobre o monte veciñal, desta vez baixo o epígrafe "Monte veciñal e equipamento público", no que se tratou en profundidade a problemática xerada pola instalación de edificacións de diverso tipo con destino a equipamento público.

Cunha asistencia de máis de 150 persoas pertencentes a un cento de comunidades de montes -ademais de estudiantes, persoal de empresas do sector e sindicatos agrarios- iniciaron a sesión da mañá as palabras de saúdo a cargo do presidente da ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, destacando a importancia do tema a tratar. De seguido o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixiuse ós asistentes para darlles a benvida á cidade e convidalos a visitar e admirar os tesouros culturais e paisaxísticos que garda o monte comunal do concello pontevedrés.

Presentados por Claudio Quintillán, membro da comisión organizadora, foron intervindo os diversos relatores convidados. Belén Raposo, avogada especializada en temas relacionados co monte veciñal, abordou as distintas situacións xurídicas nas que poden estar as parcelas utilizadas para equipamento público e as posibles solucións legais. Manuel González Gómez, economista profesor da Universidade de Vigo, falou da cuantificación económica dos servicios ecolóxicos e sociais que presta o monte veciñal galego e da necesidade de valorar estes servicios nos expedientes de expropiación. Daniel Pino Vicente, urbanista de grande prestixio, tratou da necesidade de recoller a triple función dos terreos veciñais nas planificacións urbanísticas e de ter en conta estes valores nos planos de ordenación do territorio. Finalmente Xermán Souto García, vocal da Xunta Rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes, lamentou a concepción que a Xunta de Galicia e moitos concellos teñen do monte veciñal como reserva de terreos gratuítos para ocupalos con diversas instalacións sen pagar nada. Tras dun descanso, constituíuse unha mesa redonda con todos os relatores, que responderon ás preguntas dos asistentes.

Na sesión da tarde celebrouse unha segunda mesa redonda, desta vez con representantes de comunidades de montes, moderada por Celso Milleiro como membro da comisión organizadora e baixo o título "Equipamento público e comunidades de montes: as relacións coa Administración". Interviron Latino Rodríguez Areal, presidente da Mancomunidade de Montes do Val Miñor, que falou sobre o expropiación de montes veciñais para a construcción da Autoestrada Vigo-Baiona e denunciou as ilegalidades cometidas polas autoridades políticas neste proceso. Waldino Chicharro Riveiro, presidente da CMVMC de Meira (Cuntis), criticou a usurpación de monte veciñal da súa parroquia realizada polo concello de Cuntis e a instalación dun parque industrial sen autorización dos comuneiros. Carlos Peón Fernández, secretario da CMVMC de Baroña (Porto do Son) que incidiu nun problema que é xeral, dun xeito ou doutro, a todas as comunidades de montes: as abusivas condicións nas que as empresas do ramo instalan os tendidos das redes eléctricas. Xosé Carlos Morgade Martínez, secretario da CMVMC de Mourente (Pontevedra), denunciou os criterios usados polo Xurado provincial para non clasificar as parcelas usurpadas polas administracións e o desinterese destas en recoñecer as propiedades veciñais. David Díaz Losada, presidente da CMVMC de Sto. Estevo de Parga (Guitiriz), referiuse á problemática das concesións de canteiras, salientando que as empresas incumpren reiteradamente as normativas, especialmente ás referentes á corrección dos impactos ambientais e non rexeneran as escombreiras, ante a permisividade da Xunta de Galicia. Finalmente Cándido Costas Fernández, presidente da CMVMC de Camos (Nigrán) falou do conflicto que tiveron os veciños co alcalde deste concello por un vertedoiro de lixo municipal e de como, pola unión dos veciños e a súa negativa a consentir un punto de contaminación tan importante na súa parroquia, o asunto está en vías de solución.

Trala lectura das conclusións por Javier Ventín, membro da comisión organizadora, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, deu por clausurada a Xornada. [fotografía]

Conclusións:

Os procedementos seguidos ata hoxe polas distintas administracións públicas para o uso de terreos veciñais con destino a equipamentos foron variados: apropiacións, usurpacións, cesións e expropiacións. Moitos deles foron manifestamente ilegais e outros, aínda que legais, foron claramente ilexítimos. As comunidades de montes de Galicia non estamos en contra do uso, para aproveitamento público, de parcelas dos montes veciñais se responde a un axeitado ordenamento territorial e non ó desexo de aproveitarse de terreos gratuítos. Pero en todo caso hai que superar a situación actual, na que os dereitos dos veciños son minusvalorados, ignorados ou desprezados e as comunidades son sempre a parte débil das negociacións, se estas chegan a ter lugar. Cómpre corrixir unha chea de erros e defectos no proceso de apropiación de terreo veciñal para poder garantir a xustiza do procedemento e o respecto ós dereitos dos veciños. Por iso:

1.      Emprazamos á Xunta de Galicia a que defenda as características singulares do monte veciñal (indivisibilidade, imprescritibilidade, inalienabilidade e inembargabilidade) diante dos ataques que desde diversos ámbitos está a sufrir.

  1. Esiximos da Consellería de Medio Ambiente o cumprimento da Lei de Montes Veciñais en Man Común, especialmente no tocante ó seu deber de realizar os deslindes e de velar pola súa integridade do monte para evitar usurpacións e apropiacións.
  2. Solicitamos do Goberno galego a provisión de orzamentos suficientes para a realización dos deslindes, en base ós seguintes criterios:

a.      Aproveitamento histórico do monte.

    1. Demarcación das parroquias.
    2. Procura de acordos amigables entre comunidades.
  1. Reclamamos da Consellería de Medio Ambiente un funcionamento áxil e correcto dos Xurados Provinciais de Clasificación de Montes Veciñais. Consideramos imprescindible que as comunidades de montes academos o noso representante no mesmo, como garante dun funcionamento axeitado.
  2. Esiximos o recoñecemento como Veciñais en Man Común das parcelas que, antes da devolución dos montes ós seus lexítimos donos, foron cedidas polos concellos, verdadeiros usurpadores das mesmas, para equipamentos públicos e privados.
  3. Pedimos a regulamentación do Acto de Prevalencia, hoxe decisión unilateral da Xunta de Galicia e que na práctica significa unha verdadeira usurpación dos montes.
  4. Reclamamos que se valoren as funcións ecolóxica e social -ademais da económica- no caso de usurpacións, ocupacións e expropiacións forzosas.
  5. Solicitamos que as comunidades teñamos a capacidade legal de mercar terreos -cos cartos das expropiacións- que teñan o mesmo carácter dos expropiados; obrigatoriedade de repoñer a masa forestal e outros usos do monte noutro lugar a cargo do beneficiario da expropiación.
  6. Pedimos que as comunidades de montes sexamos consultadas na redacción de Planos Xerais de Ordenación.
  7. Defendemos a negociación, cando se trate de provisión de terreos para equipamentos públicos, entre os concellos e as comunidades de montes baixo os seguintes criterios:

a.      Recoñecemento do monte como veciñal e salvagarda do dereito de reversión.

    1. Planificación previa dos usos do territorio.
    2. Compatibilidade dos usos do monte.
    3. Compensación ás comunidades de montes afectadas.
  1. Esiximos da Consellería de Medio Ambiente e do Ministerio Fiscal que cumpran a lei e actúen de oficio nos casos de flagrante ataque ó monte veciñal nos casos de apropiacións por particulares, vertedoiros incontrolados, etc.
  2. Reclamamos do Parlamento de Galicia o desenvolvemento de numerosos aspectos xurídicos do monte veciñal que están aínda sen desenvolver nin regulamentar.
  3. As comunidades de montes reclamamos a capacidade de negociar as condicións de instalación dos equipamentos industriais, especialmente o alugamento dos terreos en base a cánones de productividade.
  4. Esiximos da Consellería de Medio Ambiente o cumprimento da legalidade vixente no tocante á inclusión, no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, dos datos relativos ós montes expropiados para asegurar o respecto ó futuro dereito de reversión.
  5. Solicitamos da Xunta de Galicia que esixa ás empresas mineiras o cumprimento da lexislación sobre impactos ambientais, recuperando os espacios das escombreiras, así como a reforma da Lei de Minas para posibilitar a libre concorrencia de empresas ós permisos de investigación.

voltar ó SUMARIO  

Reducción do risco de incendios forestais mediante o pastoreo do cabalo galego de monte

A. Rigueiro; M.R. Mosquera; L. López; J.C. Pastor; P. González; R. Romero; J.J. Villarino

Escola Politécnica Superior de Lugo

Os incendios en Galicia son un problema preocupante, a incidencia dos cales se mitiga nos últimos anos a través de grandes investimentos realizados polos organismos oficiais, en prevención e, sobre todo, en extinción; o cal, en definitiva, afecta a todos os cidadáns a través do pago dos impostos. Con todo, a pesar deste importante gasto, segue sendo moi alto o número de incendios e, aínda que a eficacia na extinción aumentou nos últimos lustros, aínda é considerable a superficie queimada cada ano, o que supón importantes perdas relacionadas cos investimentos realizados no monte co obxecto de producir madeira, é dicir, derivadas das operacións de plantación e tratamentos culturais e silvícolas:

a.       Contaminación ambiental; o aumento do C02 na atmosfera, debido á propia combustión que se produce no incendio e á eliminación da área foliar, pois as follas son os principais consumidores deste composto, xeralmente producido pola contaminación.

  1. Reducción do valor paisaxístico, xa que se adoita preferir unha masa arborada antes que un monte queimado.
  2. Finalmente, dependendo da pendente da área queimada, vese aumentado, en maior ou menor medida, o risco de erosión, coa conseguinte perda de fertilidade do chan.

A existencia de lumes forestais e os seus efectos están directamente relacionados coa cantidade e tipo de combustible vexetal, isto é, coa biomasa e composición floracións, humidade, etc. do sotobosque que se desenvolve so o arborado. Entre as especies arbóreas máis abundantes en Galicia están o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o eucalipto (Eucalyptus globulus), os cales, debido á forma das súas copas, deixan pasar cantidades importantes de luz ó solo e, polo tanto, permiten que se desenvolva unha importante cantidade de combustible vexetal vivo no sotobosque ([fotografía]fig. 1), que se pode cuantificar, en moitos montes galegos repoboados con estas especies, arredor das 40 ou 50 toneladas de materia seca por hectárea ó cabo de varios anos (acumulación anual de 3-5 toneladas por hectárea).

Este combustible vexetal pode reducirse por medio do pastoreo das especies herbáceas e arbustivas que o compoñen, con animais adecuados, como a cabra ou o cabalo, ata conseguir que se reduza o mato e vaia sendo substituído por un estrato herbáceo que pode alimentar animais que prefiren pasto menos lignificado, como a vaca ou a ovella. Os custos máis importantes derivados do establecemento destes sistemas silvopastorais son os relativos ó cercado e adquisición do gando, custos que, do noso punto de vista, se se pretende xeneralizar a implantación destes sistemas, debería ser subvencionados polas administracións.

Son tamén aspectos importantes a carga gandeira (cargas xerais dunha cabra cada unha ou dúas hectáreas ou dunha egua cada dúas ou catro hectáreas deron bos resultados en experimentos realizados en montes galegos) e o sistema de manexo do gando. Do noso punto de vista, os sistemas de manexo adecuados son o pastoreo continuo e o pastoreo rotacional.

O pastoreo continuo consiste no acceso do gando a toda a área sometida a pastoreo, de tal maneira que o gando deambula libremente por ela, cunha carga gandeira xeral e instantánea coincidentes. O principal inconveniente deste modelo é a selectividade do pastoreo (o gando tende a comer con maior intensidade e repetidamente aquelas especies que lle gustan máis, permitindo o desenvolvemento das menos palatables).

O pastoreo rotacional consiste na división da área de pastoreo en subparcelas polas que vai rotando o gando; nun momento dado o gando está a pastar de xeito libre nunha soa desas subparcelas, cunha carga instantánea máis alta cá carga xeral. Neste caso os custos de cercado son maiores que no anterior. Neste modelo chámase tempo de ocupación ó tempo que está o gando nunha parcela, e tempo de repouso o que transcorre desde que sae dunha parcela ata que volta a entrar nela a pastorear.

O obxectivo da experiencia desenvolvida no monte de San Breixo é coñecer o efecto destes dous sistemas de manexo (pastoreo rotacional e continuo) con cabalos en montes repoboados con piñeiro radiata na comarca lucense da Terra Cha. Para iso analizarase a influencia que os dous sistemas de pastoreo exercen sobre a producción de pasto, o control do combustible vexetal, a evolución da vexetación do sotobosque, o crecemento do arborado, os solos e a producción de carne de cabalo. Os resultados obtidos permitirannos realizar recomendacións sobre o sistema de manexo máis adecuado.

A experiencia lévase a cabo no Monte de San Breixo (parroquia de Parga, concello de Guitiriz, provincia de Lugo), situado a unha altitude de 500 m. O monte pertence á Comunidade de Veciños de San Breixo e ten unha superficie de 321 hectáreas, das que 24 son utilizadas para a devandita experiencia. As 24 hectáreas experimentais dividíronse en catro bloques cercados de seis hectáreas cada un, dous deles sen divisións interiores (dúas réplicas de pastoreo continuo) e os outros dous subdivididos en catro parcelas de 1,5 hectáreas cada unha (dúas réplicas de pastoreo rotacional). Na figura 2 pode verse un esquema xeral das parcelas do ensaio [fotografía].

O monte repoboouse hai 30 anos con piñeiro insigne e foi sometido a sucesivas claras, existindo na actualidade unha densidade de 800 pés/ha.

O tipo de gando elixido é o cabalo galego de monte ([fotografía]fig. 3), debido á súa adaptabilidade ó medio. O rabaño introduciuse na primavera do ano 2000 e consta de once bestas preñadas, con época prevista de partos na primavera, co obxecto de que coincidan as máximas necesidades do animal coas maiores produccións de pasto. Introducíronse tres animais por réplica de seis hectáreas, o que supón unha carga global de 0,5 cabalos por hectárea e unha carga instantánea de dous cabalos por hectárea nas parcelas de pastoreo rotacional, nas cales se utilizará, inicialmente, un tempo de ocupación de un mes e un tempo de repouso de tres meses.

Agradecementos

Esta experiencia realízase gracias ó financiamento da Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía, da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, de Unión Fenosa e da Asociación Galega de Propietarios e Criadores de Cabalo de Monte.

Tamén queremos agradecer á Comunidade de Montes Veciñais de San Breixo o seu permiso para levar a cabo a experiencia no seu monte.

voltar ó SUMARIO  

Observadas importantes deficiencias na actuación de Unión-Fenosa nas ocupacións do monte para liñas de tensión eléctrica.

A actuación da empresa Unión-Fenosa cando precisa unha ocupación do monte para a servidume de paso de liñas de alta e media tensión é impresentable e ademais ilegal. Das súas accións se desprende que esta empresa (monopolio eléctrico) considera ás comunidades de montes como entes indocumentados. Ou quizais, como un dos seus propietarios ostenta o título de Conde, pensa que aínda vivimos na Idade Media.

Unión-Fenosa envía unha empresa intermediaria (que está primada de xeito indirectamente proporcional ó prezo por metro cadrado que acepten os veciños) para lograr que as comunidades de montes asinen a aceptación da servidume de paso, amosando un documento cheo de deficiencias e ilegalidades. Entre outras, podemos apuntar:

1)- Non indica correctamente a superficie a ocupar. Pasa de metros lineais a metros cadrados por arte de maxia.

2)- Non constan os metros cadrados que ocupan os apoios.

3)- Non establece o prazo de duración da ocupación.

4)- Considera que abonda coa sinatura do presidente da comunidade de montes para poder iniciar as obras. Esta ilegalidade conta co beneplácito da Consellería de Industria.

5)- Propón uns prezos ridículos para as ocupacións: arredor de 125 ptas/m2 e 3.000 ptas por apoio.

O que as comunidades de montes deben saber

Nestes casos de ocupacións para servidumes de paso de liñas eléctricas, as comunidades de montes debemos ter en conta:

1)- A lei establece a anchura a ocupar nas ocupacións de servidume de paso, segundo sexan liñas de baixa, media ou alta tensión.

2)- Os acordos de cesión de parcelas para servidumes de paso teñen unha duración máxima de 30 anos e teñen que ser aprobados pola Asemblea Xeral de comuneiros/as, contando cun quórum en segunda convocatoria do 30 % dos veciños censados.

3)- O valor do voo para este tipo de cesións está entre o 60 e o 80 % do valor do solo.

As condicións que se deben esixir

Cando Unión-Fenosa presente unha proposta de cesión de terreos para servidume de paso de liñas eléctricas, as comunidades de montes deben presentar as súas condicións, entre elas:

l)- Reclamar a presentación pola empresa do proxecto de obra para coñecer de xeito exacto a superficie a ocupar pola servidume de paso .

2)- Negociar o prezo do valor do voo entre o 60 e o 80 % do valor do solo.

3)- Incluír no documento a duración da cesión.

4)- Tamén incluír no documento as condicións (prazos, sistemas) nas que Unión-Fenosa ten que proceder a limpeza dos terreos ocupados.

No caso de que a Xunta Rectora chegue a acordo nestes puntos con Unión-Fenosa, levarase a proposta á Asemblea Xeral de Veciños/as Comuneiros para a súa aprobación. É frecuente que a empresa ameace coa expropiación se non aceptan as condicións ofrecidas, pero as comunidades de montes non debemos temer isto. A expropiación non é un procedemento do gusto de Unión-Fenosa, porque a declaración de prevalencia atrasa o expediente. E ademais, aínda que se tarde en cobrar, os prezos que establece o Tribunal do Xustiprezo, son normalmente moito máis elevados cós que ofrece Unión-Fenosa. Non debemos ter reparo en usar todas as posibilidades que a lei nos dá en defensa do monte veciñal.

voltar ó SUMARIO  

Xuntanza co Director Xeral de Industria para tratar as ocupacións do monte veciñal

Representantes da Organización Galega de Comunidades de montes veñen de manter unha reunión co Director Xeral de Industria. Nela expúxose a problemática das ocupacións dos montes veciñais en man común, especialmente no tocante ás liñas dos tendidos eléctricos, pois moitas destas concesións foron outorgadas polos concellos antes de que os montes en man común fosen devoltos ós veciños e nos expedientes de clasificación non figuraban estas servidumes. A ORGACCMM solicitoulle ó Director Xeral de Industria que faga chegar ás empresas eléctricas a advertencia de que, con independencia dos anos de duración destas cesións, boa parte delas están prescritas (a Lei contempla un máximo de 30 anos) e as comunidades de montes iniciarán proximamente a revisión destas concesións. De xeito que as empresas eléctricas deberán solicitar ás comunidades de montes a oportuna autorización para entrar nos montes a realizar traballos de mantemento. [fotografía]

Tamén se lle solicitou ó Director Xeral de Industria que na concesión de novas liñas de tendido eléctrico se tivese en conta o valor social a ecolóxico do monte veciñal en man común, xa que na maioría dos casos soamente se realiza unha valoración económica dos custos das empresas e estas colocan os tendidos polos itinerarios menos gravosos para elas pero prexudicando grandemente outros usos do monte e hipotecando gravemente o seu futuro. Na maioría dos casos unha mínima desviación do trazado -que a penas supón aumento do presuposto da obra- reportaría unha mingua considerable no impacto ambiental dos terreos e axudaría a protexer o valor social e ecolóxico do monte veciñal en man común. As empresas deben entender que o monte non soamente serve para atravesalo con tendidos eléctricos e os veciños non están dispostos a que llos destrúan salvaxemente.

Na mesma xuntanza co Director Xeral de Industria tamén se lle expuxo a necesidade de elaborar un plano de recuperación das canteiras que existen no monte veciñal en man común e que, trala súa explotación, significan un verdadeiro atentado ecolóxico e un incumprimento evidente da lexislación vixente. Do mesmo xeito solicitouse que nas concesións dos parques eólicos, ademais de contar coa opinión das comunidades de montes, se tivera en conta a compatibilidade cos outros usos do monte.

A Xunta Rectora da ORGACCMM, quere agradecer publicamente a receptividade que amosou a Consellería de Industria e lamenta que outras consellerías con máis obrigas co monte veciñal (singularmente a Consellería de Medio Ambiente) non teñan unha postura tan aberta e non estean nin dispostas, cando menos, a escoitar as nosas peticións e propostas.

voltar ó SUMARIO  

Falan os comuneiros

O Partido Popular e o Imposto sobre Sociedades

O 28 de novembro do 2000, presentouse no Congreso dos Deputados unha Proposición de Lei "Reguladora del régimen tributario de los montes vecinales en mano común"; para que nos entendamos todos: sobre a fiscalidade do monte veciñal.

Esta proposición de lei foi presentada polo deputado Sr. Guillerme Vázquez en nome do seu grupo, o BNG. O Sr. Guillerme Vázquez defendía unha idea de fiscalidade coincidente coa que manifestamos polas rúas de Santiago de Compostela o 19 de febreiro pasado máis de 10.000 comuneiros e comuneiras [fotografía]. Daquela pedimos, dun xeito claro e rotundo, a supresión dun imposto inxusto, discriminatorio, aldraxante e exterminador para as comunidades de montes de Galicia: o Imposto sobre Sociedades.

A Proposición de Lei do BNG. non pide a exención fiscal para as comunidades de montes, pide un réxime específico para elas. No posterior debate produciuse o posicionamento dos distintos grupos parlamentarios: BNG, PSOE, IU e Grupo Mixto votaron a favor; PP e Coalición Canaria votaron en contra e CiU abstívose.

O Sr. Guillerme Vázquez fixo unha exposición de motivos argumentando as razóns polas que o BNG presentaba esta Proposición de Lei: a inxustiza que representa para as comunidades de montes o Imposto sobre Sociedades, a visión única e exclusivamente economicista que ten dos montes este imposto, os graves prexuízos que está a ocasionar nas comunidades, o perigo real que supón para conseguir parar o despoboamento do rural galego, a necesidade real de optar por unha tributación específica e non agresiva para as comunidades, a importancia de contemplar a función social e a función ecolóxica do monte, etc. Esta exposición de motivos foi ampliada logo polo deputado socialista Sr. Díaz Díaz e a deputada de IU Sra. Urán González argumentando a prol da Proposición de Lei. O partido Popular no expuxo ningún argumento para votar en contra; máis ben utilizou unha serie de desculpas para non apoiar a Proposición de Lei. A súa intervención perdeuse en cuestións menores de redacción que nada tiñan que ver co espírito do que alí se estaba a debater. A súa nula argumentación levouno a facer un discurso tecnico-xurídico colateral á situación que pretende solucionar esta iniciativa do BNG.

Coalición Canaria actuou de comparsa do PP, posición entendible dado o pacto de colaboración que ámbolos dous partidos manteñen desde o inicio desta lexislatura. Pero a actitude do PP é absolutamente incomprensible. Para máis escarnio de todos os galegos, o encargado de defender a postura de voto en contra da Proposición de Lei foi o deputado galego Sr. Pérez Corgos. Non só por ser galego, senón tamén por detentar o seu partido a maioría do Parlamento de Galicia e dirixir o Goberno da Xunta, debería ser coherente coa postura mantida polo seu partido naqueles concellos nos que se aprobou por unanimidade (na inmensa maioría dos casos) unha moción coincidente cos obxectivos da Proposición de Lei.

Unha proba evidente da incoherencia da posición do PP no Parlamento do Estado, no debate sobre a Proposición de Lei que estamos a comentar, é o seguinte texto recollido da súa intervención e que citamos textualmente: "El Grupo Popular entiende que la regulación a la que se llegó en ese consenso del que antes les hablaba es positiva, razonable y establece unos requisitos perfectamente objeto de cumplimiento por las comunidades vecinales en mano común. Quizá pudiéramos discutirlo en una futura Ley de Montes y Aprovechamientos Forestales ...". ¿En que quedamos? Se a actual lei fiscal é positiva, razoable e para as comunidades de montes o seu cumprimento non supón ningún atranco, ¿que sentido ten discutila nunha futura lei de montes? Xa din os vellos que se colle antes a un mentireiro que a un coxo.

Para rematar, despois de ler o contido do debate da Proposición de Lei do BNG, venme a memoria outra frase que di: "cando o dedo sinala á lúa, os parvos miran para o dedo".

Xesús García Couso, comuneiro da C.M. de Meira-O Morrazo

As cartas para esta sección deben ter unha extensión máxima dun folio. A redacción resérvase o dereito a resumir o contido. Deben dirixirse a O Común dos Veciños, Apartado 36080 Pontevedra.

voltar ó SUMARIO  

Novas Novas Novas Novas Novas Novas Novas Novas Novas

Centro Social en Parga [fotografía]

O Centro de Iniciativas e Turismo de Parga foi construído en 1968 en terreos privados cedidos para uso público. Consta de biblioteca, salón de actos, oficinas, cafetería, campo de fútbol-sala, campo de baloncesto, campo de voleiprado, piscina fluvial no río Parga e parque infantil. Desde 1963 comparten tamén estas instalacións a Asociación de Veciños "Raxeira" e a Comunidade de Montes. Esta última colabora no mantemento das instalacións, subvenciona boa parte das actividades que realizan as outras entidades e organiza charlas e conferencias para a formación dos veciños.voltar ó SUMARIO  

Aclaración da Axencia Tributaria

O Ministerio de Facenda non respondeu ás numerosas consultas que as comunidades de montes lle fixeron para aclarar moitas dúbidas sobre a declaración polo Imposto sobre Sociedades. Polas contestación que os axentes tributarios daban ás consultas persoais, parecía que nin eles o teñen moi claro en numerosas cuestións, polo que as veces daban respostas contradictorias.

A fins de setembro de 2000, a Axencia Tributaria respostou finalmente a unha das cuestións que máis repetidamente lle presentaron as comunidades de montes. Tratábase de saber cales eran os gastos en obras de interese social que se poden deducir da base impoñible á hora de realizar a declaración, poñendo algúns casos concretos:

a.       Apertura, acondicionamento e reparación de vías parroquiais e veciñais, que aínda sendo públicas, non dependen de ningunha administración municipal, provincial, autonómica ou estatal.

  1. Reparación e mellora da igrexa parroquial, zonas comúns do cemiterio, fontes públicas, cruceiros ou muíños.
  2. Construcción ou reparación de instalacións deportivas ou culturais locais.
  3. Contribucións para festas locais ou a asociacións de veciños, culturais ou deportivas da parroquia.

A resposta da Axencia Tributaria foi que "as cantidades entregadas con obxecto de ser destinadas ás finalidades anteriores han de considerarse como incluídas no concepto dos servicios públicos e, na medida en que non estean orientadas a beneficiar singularmente a determinadas persoas ou entidades privadas, poderán considerarse de interese social, polo que as devanditas cantidades darán dereito á reducción na base impoñible".

Pola nosa parte temos que aclarar que os gastos en profesionais do dereito e contables, tamén obxecto da mesma consulta, poden ser tamén descontados da base impoñible, pero non no apartado de "obras de interese social", senón no de gastos xerais de xestión, pois son gastos xerados pola xestión administrativa ou a defensa xurídica do monte veciñal. voltar ó SUMARIO  

Creada a Mancomunidade de Montes de Carnota

Trala xuntanza mantida, a invitación da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carnota, pola ORGACCMM con comunidades de montes deste concello, o pasado 4 de novembro constituíuse a Mancomunidade de montes de Carnota.

O obxectivo fundamental desta nova mancomunidade de montes creada é "a defensa e mellora do monte veciñal en man común nos seus aspectos social, ecolóxico, económico, cultural e todos aqueles de interese xeral". Son fins prioritarios desta nova entidade a información e asesoramento lexislativo, técnico e xurídico, o intercambio de experiencias que contribúan á mellora da xestión, así como a loita mancomunada contra os incendios forestais.

Esta nova mancomunidade vén a unirse ás xa formadas e ás que están en tramite de constitución, nun proceso asociativo que comezou hai uns anos e que cada vez é máis evidente en toda Galicia. As xuntas rectoras das comunidades de montes son cada vez máis conscientes de que non é eficaz afrontar os múltiples problemas do monte veciñal en solitario e de que é imprescindible organizarse e asociarse para traballar mellor na defensa e administración das propiedades veciñais. voltar ó SUMARIO  

Detectadas deficiencias graves en repoboacións de coníferas

Debido a demanda de plantas para repoboacións forestais ó abeiro das subvencións da Unión Europea, os viveiros acometeron un incremento da súa producción en envase, chegando -debido a competencia nalgúns casos- a non darlle saída ás plantas dunha savia e acumulándose nos viveiros para a súa venta ó ano seguinte.

Numerosos traballos de forestación utilizaron (sobre todo en coníferas), plantas con cepellón que, unha vez superada a etapa de asentamento (2-4 anos) comeza a presentar sinais de debilitamento no seu porte e asemade inclinacións por efecto do vento.

Realizadas inspeccións en varios dos rodais cos síntomas sinalados, atopamos con que o sistema radical non se desenvolveu con normalidade, formando retorcementos en espiral, escaseza de raíces e muñóns por estrangulamento da raíz principal. Temos comprobado en varias parcelas como cun simple movemento de abaneo dunha árbore de 5 anos, esta cede pola súa raíz e arrincase con toda facilidade. Do mesmo xeito moitas plantas de máis de tres anos adquiren tons amarelados, polo que, revisadas as raíces, compróbase que teñen o problema antes indicado. [fotografía]

Hai que dicir que a Consellería de Medio Ambiente ten coñecemento deste problema. Nembargantes, e malia a que afecta xa a varios centos de hectáreas, non se informou oficialmente das causas que puideran derivarse da evolución dos terreos forestados.

Fontes procedentes do mundo da investigación científica indican que os efectos descritos están relacionados co tempo de envasado do cepellón, viciándose a raíz en sentido de rosca. Tamén se apunta a que o sistema de apertura de furados a partir do paso do rexón arrastrado por tractor ou maquinaria pesada, nunha soa dirección e non cruzado (dificultades do terreo, encarecemento do traballo, etc.), podería influír no desenvolvemento da raíz. En todo caso a Administración, fiel á súa traxectoria de reaccionar tarde e mal ós problemas forestais, polo de agora non actuou para tentar de paliar as consecuencias desta deficiencia nin avaliou as perdas que xa está producindo, malia a ser o causante da situación descrita, pois é o xestor das axudas europeas e o ente que certifica a corrección das plantacións.

A Organización Galega de Comunidades de Montes ofrece o seu asesoramento a todas as comunidades de montes que teñan este problema nas súas plantacións. voltar ó SUMARIO  

IV Xornada Monográfica sobre o Monte Veciñal

A ORGACCMM celebrará o próximo día 17 de marzo a súa segunda Asemblea Xeral no Coliseo Noela de Noia coa orde do día habitual dunha asemblea ordinaria, agás un punto sobre a modificación dos estatutos.

Pola tarde celebrarase a IV Xornada monográfica sobre o monte veciñal, nesta ocasión baixo o título "O gando bravo no monte veciñal: situación e alternativas" coa participación de Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Ambiente, Francisco Mosquera Chivite, veterinario oficial da Paradanta, Eloy Villada Legazpi, profesor da Escola Superior Politécnica de Lugo e Xosé Lois Vilar Rodríguez, presidente da Mancomunidade de Montes "Serra da Barbanza". voltar ó SUMARIO  

78 aniversario dos Mártires de Sobredo

A Confederación Galega de Asociacions Veciñais "Rosalía de Castro" e a Organización Galega de Comunidades de Montes celebraron o pasado 26 de novembro na Carballeira da San Xosé, en Sobredo (Guillarei, no concello de Tui ) o 78 cabodano dos Mártires de Sobredo, homenaxe á loita que a primeiros de século levaron adiante as Sociedades Agrarias pola redención dos foros, que era un sistema de rendas ó que estaban sometidas as terras agrícolas de Galicia; nesta loita morreron tres persoas en Sobredo.

Na súa intervención no citado acto, o enxeñeiro de montes e artífice do plano de ordenación do Parque do Xurés, Xose Benito Reza, manifestou a necesidade de que a Administración acometa unha planificación axeitada do monte, establecendo un ordenamento dos usos de cada monte.Tamén subliñou que todos os galegos temos unha débeda coa terra, porque ela foi sempre algo que nos marcou como pobo. O Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais "Rosalía de Castro", Guillermo Fontán, sinalou que o exemplo dos Mártires de Sobredo debe ser un motivo para fortalecernos na idea de que os problemas colectivos soamente se poderán resolver desde posicións solidarias e colectivos organizados. O Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, relacionou a loita que as Sociedades Agrarias levaron daquela pola redención dos foros coa loita que están levando agora as comunidades de montes contra o Imposto sobre Sociedades, nova carga que pretende que os veciños abandonen os seus montes para seren xestionados por persoas alleas. Considerou que, a fin de contas, as dúas loitas significan o esforzo pola defensa da terra e pola dignidade humana.

O acto do 78 Aniversario en Homenaxe ós Mártires de Sobredo rematou coa entrega do primeiro premio a persoas ou institucións que salienten por manter viva a memoria histórica", recoñecemento que se pretende sexa anual. Neste ano recaeu na persoa de Manuel Estevez Valcarce, veciño de Parderrubias, persoa que gardou o pendón da Sociedade de Obreiros Agrícolas de Parderrubias, entidade significada na loita pola redención dos foros a primeiros de século. voltar ó SUMARIO  

Reunión coa Asociación Forestal sobre os Parques Eólicos

A solicitude da Asociación Forestal de Galicia (AFoGa) varios membros da Xunta Rectora da ORGACCMM asistiron a unha xuntanza o pasado mes de maio con Fernando Molina e Francisco Dans, presidente e secretario respectivamente da devandita asociación. A pretensión de AFOGA era coñecer a postura da nosa Organización e tratar de chegar a algún tipo de posicionamento común no tema da enerxía eólica, no que as comunidades de montes deberían ter moito que dicir.

Fóra dalgunha formulación moi xeral -como o feito de que o desenvolvemento dos parques eólicos é de gran envergadura e incidencia nas comunidades e se planificou e impuxo sen consulta ningunha con elas- poucas foron as coincidencias finais. AFoGa sostén que o Plano Eólico está xa en marcha e non pode ser modificado, polo que considera que cómpre tentar de aproveitar as súas vantaxes económicas para que os beneficios sexan os maiores nas actuais circunstancias. Propón que, a través de accións conxuntas ante a Administración e as empresas promotoras, debe tentarse presionar para que non só estas foran beneficiadas, senón que no reparto puideran entrar as comunidades de montes e outras asociacións. A postura da Organización Galega é ben diferente: se o Decreto do ano 95 reduce o papel das comunidades a simples inquilinos molestos dos parques eólicos, o que hai que reclamar é a súa modificación para que, como propietarios dos terreos, teñamos poder de decisión e poidamos realmente beneficiarnos dos aspectos positivos dun desenvolvemento racional da enerxía xerada polo vento. Para a nosa Organización o cerne da cuestión é eliminar a prevalencia da utilidade pública dos parques eólicos sobre a utilidade pública do monte, porque isto implica debilidade na expropiación e anula toda marxe de manobra das comunidades. Aquí AFoGa, que non quixo saber nada deste asunto, demostrou moi ben os intereses que de verdade defende, e caeu na contradicción de querer negociar o reparto do botín cando as comunidades, coa lexislación actual, están atadas de pés e mans e sen defensa diante das empresas eólicas.

Polo tanto, a postura de AFoGa non nos convenceu na ORGACCMM, pois só queren deixar as cousas tal como están, e aceptan a situación marxinada das comunidades de montes, apostando unicamente por pelexar polas migallas do pastel sen enfrontarse á Xunta nin ás empresas eólicas; sospeitamos que o seu interese non é defender os dereitos das comunidades, senón obter beneficios subíndose ó carro do Plano eólico, sen cuestionalo para nada. Tampouco están dispostos a solicitar reformas noutros aspectos polémicos, como a instalación de parques eólicos en zonas protexidas (Rede Natura e outras).

A ORGACCMM considera que é preciso realizar importantes modificacións para que o Plano Eólico sexa asumido polas comunidades, e por suposto nunca aceptaremos amaños que nos desvíen do obxectivo de defensa do monte comunal como propiedade de tipo xermánico, onde os veciños e veciñas deben ser os protagonistas da toma de decisións sobre as súas propiedades.voltar ó SUMARIO  

Primeira Romaría Galega de Comunidades de Montes

O pasado 20 de Agosto e no monte Galiñeiro, pertencente á Comunidade de Montes de Vincios (Val Miñor) celebrouse a 1ª Romaría Galega de Comunidades de Montes coa asistencia de gran número de veciños pertencentes a comunidades de montes de toda Galicia [fotografía]. Durante a celebración da festa fíxose a entrega de dous premios: O 1º Premio ó Labor en Defensa do Monte Veciñal foi entregado ós fundadores da Mancomunidade de Montes do Val Miñor e o 1° Premio ó Labor de Divulgación dos Valores do Monte Veciñal entre os nenos/as en idade escolar recaeu nos axentes forestais adscritos á comarca de Tomiño (Pontevedra).Tamén a Comunidade de Montes de Vincios recibiu unha placa conmemorativa do acto, que foi colocada no mesmo monte Galiñeiro. Completaron a festa varias actuacións musicais, folclóricas e xogos populares.

A Romaría Galega de Comunidades de Montes foi instaurada pola Asemblea Xeral celebrada en Lugo o pasado mes de marzo, como unha xuntanza lúdica das comunidades de toda Galicia para disfrutar do monte e como festa da convivencia dos comuneiros para reivindicar a importancia dos terreos comunais. Nesta primeira edición da Romaría, que contou coa axuda financeira de Caixanova, participaron grupos de veciños chegados de diversas comarcas de Galicia, que encheron de alegría e bo ambiente as caeiras do monte Galiñeiro nun clima de irmandade e animación. Tras esta celebración, podemos agardar que a Romaría teña en anos vindeiros novas edicións da festa. voltar ó SUMARIO  

Forestación de terras agrarias

A Organización Galega de Comunidades de Montes sempre mantivo unha postura crítica ante o Programa Europeo de Forestación de Terras Agrarias (PEFTA) por entender que esta política non é correcta sen a realización previa dunha ordenación do territorio, especialmente o ordenamento dos montes que establezan os criterios de forestación de terras agrarias e que defina claramente os terreos susceptibles de ser obxecto de aproveitamento forestal, máxime cando o asentamento da poboación rural que deteña o éxodo ás cidades debe ser un obxectivo primordial da política social e económica da Xunta de Galicia. Se o monte veciñal debe seguir cumprindo a triple función (económica, social e ecolóxica) que tradicionalmente desenvolveu, non pode ser tratado unicamente como espacio de posibilidades forestais.[fotografía]

Desde esta argumentación, a ORGACCMM considera lamentable e inexplicable que a Consellería de Medio Ambiente soamente tramite a liña de axudas do PEFTA, negándose a xestionar outras bolsas de axudas que a Unión Europea concede e que poden ser de aplicación no monte veciñal. Estamos a falar por exemplo de subvencións para silvicultura (traballos de poda, limpeza e clareo), ou axudas para a potenciación da función social do monte en terreos que o Plano Forestal de Galicia cataloga de montes urbanos e periurbanos; ou a negativa da Xunta a introducir na Axenda 2000 liñas de axudas e subvencións para a potenciación dos productos do monte como productos de calidade (mel, carne, cogomelos...), para o aproveitamento racional da biomasa forestal, para a eliminación e recuperación de canteiras, etc. Estamos deixando de aproveitar unha chea de subvencións moi interesantes simplemente porque a Xunta de Galicia non sabe ou non quere tramitalas.

E por se tivera poucos errores este xeito de xestionar as axudas do PEFTA (que malia a todo ten aspectos positivos), a normativa da Consellería de Medio Ambiente pon unha chea de atrancos para que as axudas non poidan ser aproveitadas polo monte veciñal en man común: esixe un mínimo de 10 has. en coto redondo, polo que moitas comunidades de montes non van poder acollerse a elas por carecer desa superficie despoboada; complica en exceso a presentación dos proxectos, polo que pon ás comunidades de montes nas mans das empresas forestais; e na orde de preferencia para ser obxecto de subvención, o monte veciñal está colocado en terceiro lugar, mesmo por debaixo do monte de particulares. En fin, o apoio ó monte veciñal que predica a Dirección Xeral de Montes está demostrado. voltar ó SUMARIO  

Recuperación do monte de Santa Baia (Rodeiro)

Os veciños/as da parroquia de Santa Baia, no concello de Rodeiro, logo das facilidades que deu o seu alcalde para instalar no monte veciñal da parroquia o observatorio astronómico "Ramón María Aller" (no que anda moi interesado o Sr. Cuíña), pediron asesoramento á Organización Galega de Comunidades de Montes.

Tras estudiar a situación, descubriuse que o monte veciñal de Santa Baia estaba sen clasificar, inda que os veciños/as facían uso del sen problema. No ano 1982 unha xestora formada na parroquia solicitara ó Xurado Provincial a clasificación do monte. Pero o proceso non continuou e o trámite quedou paralizado. É de lamentar que os veciños deixaran esmorecer o asunto (seguramente por descoñecemento do proceso), pero tamén hai que criticar a actuación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola súa desidia e polo incumprimento da Lei de Montes Veciñais ó non velar pola defensa do monte dos veciños.

Tralo asesoramento da nosa Organización, os veciños/as de Santa Baia continuaron o proceso para acadar a clasificación dos monte veciñais da parroquia. Os veciños deixaron claro que non se opoñen á instalación do observatorio astronómico (posiblemente acordarán a cesión na próxima Asemblea Xeral), pero queren que primeiro se lles recoñeza a súa propiedade. A Lei tamén o manda. voltar ó SUMARIO  

Propostas para o orzamento do 2001

A Organización Galega de Comunidades de Montes entregou nas consellerías de Medio Ambiente, Economía e Facenda ,ó Director Xeral de Montes e ós grupos políticos do Parlamento Galego, unha serie de propostas para que se inclúan nas partidas dedicadas á Consellería de Medio Ambiente nos orzamentos para o ano 2001 da Comunidade Autónoma Galega. Estas propostas, todas elas referidas ó monte veciñal en mau común, son as seguintes:

-Subvencións para a redacción de planos de ordenación do monte e planos técnicos de aproveitamento, eliminando a traba da esixencia mínima de 100 Has.

-Resolución dos problemas dos deslindes dos montes veciñais en man común e actuación decidida no caso das usurpacions por particulares.

-Planos urxentes de recuperación e replantación dos montes queimados no ano 2000 para evitar a erosión do chan.

-Funcionamento regular e racional dos Xurados Provinciais de Clasificación de montes veciñais en man común .

- Alternativas reais e viables ás terras abandonadas preto de montes veciñais, que son focos de incendios forestais.

- Tramitación de subvencións europeas para traballos de silvicultura (roza, poda, clareo..) e para a potenciación da función social do monte nas terras comunais urbanas e periurbanas.

-Tramitación de subvencións europeas para a potenciación dos productos do monte ( mel, carne, plantas aromáticas, cogomelos...) como productos de calidade.

-Subvencións europeas para o aproveitamento racional da biomasa forestal.

-Promover a obtención das axudas europeas para a eliminación e recuperación das canteiras dos montes.

-Axudas para a formación de membros das xuntas rectoras das comunidades de montes (en convocatoria pública, para evitar que se concedan ocultamente a asociacións amigas e clientelares, como ocorreu nos anos 98 e 99).

-Campañas de divulgación do uso e aproveitamento social do monte veciñal en man común destinadas a escolares. voltar ó SUMARIO  

Manda truco

O Delegado de Medio Ambiente en Pontevedra é un golfista

O Alcalde de Baiona colleu a teima de montar un campo de golf no seu concello. Parte destas instalacións estarían ocupando terreos veciñais dunha comunidade de montes do Val Miñor, pero o alcalde, sen falar aínda coa comunidade de montes (quizais considera que é un tramite sen importancia, ou quizais non pensa facelo), está a desenvolver unha forte campaña de promoción do campo de golf, vendendo o producto antes de aseguralo. Deste xeito os veciños da comunidade afectada están abraiados, vendo como o alcalde "vende" o seu monte comunal sen eles saberen nada.

Unha das adhesións que logrou foi a do Delegado de Medio Ambiente de Pontevedra, José Luís Díaz, que xa se desprazou varias veces a Baiona e manifestou reiteradamente nos medios de comunicación as excelencias dos campos de golf.

As comunidades de montes do Val Miñor non entran a valorar este entusiasmo polo golf (unha afección do Sr. Delegado), pero botan de menos que non amose o mesmo entusiasmo cando se trata do seu propio traballo en relación co monte veciñal. As comunidades están fartas de que o representante de Medio Ambiente en Pontevedra non dea resposta ós importantes problemas do monte: incendios, deslindes, gando solto, Xurado Provincial deficiente, etc. Para estas cuestións o Sr. Delegado di que ten artrite, pero corre lixeiro cando lle falan de xogar ó golf. voltar ó SUMARIO  

A vista do Subdirector Xeral de Montes [viñeta]

Don Plácido Baamonde, Subdirector Xeral de Montes e afeccionado a manipulacións varias nas súas horas libres (inda que ben pagadas), acaba de remitir unha carta á comunidade de montes de Belesar (Pontevedra) denegándolle a súa inscrición na Organización Galega de Comunidade de Montes alegando que o acordo da Asemblea da Comunidade na ORGACCMM tiña a cabeceira da propia Organización.

É de agradecer as ansias do Sr. Baamonde por vixiar escrupulosamente a legalidade de todo o relacionado coa nosa Organización. Pero a teima deste señor (non debemos esquecer que é un cargo público) en entorpecer na medida das súas posibilidades o funcionamento da ORGACCMM xa empeza a caer no ridículo. Sobre todo porque cada vez é mais evidente que emprega distintas varas de medir, especialmente coa asociación fantasma "Man Común", a quen o Sr. Subdirector Xeral de Montes mima con agarimo entenrecedor.

Recomendamos finalmente a don Plácido Baamonde que se mire no espello e pete na boca, consello que damos a todos os cargos públicos que reclaman dos demais o cumprimento escrupuloso da lei, cando eles mesmos deixan moito que desexar como administradores. voltar ó SUMARIO  

Os argumentos do Concello de Bueu [viñeta]

Os veciños/as de Ermelo (Bueu), no Morrazo, teñen en curso un expediente para clasificar como veciñais en man común varios montes da parroquia. Actualmente está en fase de alegacións, o que permite apreciar as trabas que algúns concellos seguen a poñer para tratar impedir que os montes veciñais sexan devoltos ós seus lexítimos propietarios.

O caso é que o Alcalde de Bueu, pertencente ó Partido Popular, co asesoramento do seu secretario, presentou dúas alegacións contrarias á clasificación dos terreos veciñais:

a.       Que estes montes non se poden devolver ós veciños/as de Ermelo porque están incluídos no Rexistro de Bens Municipais, e xa que logo, son propiedade do concello.

  1. En caso de seren devoltos, os montes deberían devolverse a todos os veciños do concello de Bueu.

Estas dúas alegacións son auténticos disparates sen sentido. Como non consta que foran redactadas nun momento de brincadeira nin en circunstancias pouco idóneas, debemos pensar que son un intento de seguir usurpando os terreos veciñais polo concello e o resultado dun fondo descoñecemento da Lei de Montes Veciñais e do seu Regulamento, o que é mostra da pouca preparación que teñen algunhas persoas para encabezar a xestión dun municipio. Deste xeito se explica que non saiban que:

a.      O feito de que un monte estea incluído en calquera rexistro público non impide a súa clasificación como veciñal (art. 27 do Regulamento).

    1. Os montes veciñais en man común pertencen ós veciños/as como grupos sociais, non como entidades administrativas (art. 1 da Lei e art. 1 do Regulamento).

voltar ó SUMARIO  

En catro palabras

A Organización Galega na TV [viñeta]

No programa "Campero" da vía dixital de Antena 3, dedicado a temas relacionados coa natureza e a economía agraria, o pasado mes de xuño, foi invitada a participar a ORGACCMM. O presidente e o coordinador xeral da Organización explicaron as características singulares do monte veciñal en man común e deron un repaso á problemática xeral que lle afecta: fiscalidade, incendios forestais, o abandono pola Xunta de Galicia...). Salientaron as grandes potencialidades (económicas, sociais e ecolóxicas) que ten o monte veciñal para rehabilitar a vida rural galega e a necesidade de realizar planos de ordenamento dos montes e de todo o territorio para realizar un desenvolvemento social integrado e harmónico.

Mentres tanto, o monte veciñal está totalmente ausente da TVG, a televisión que pagamos todos os galegos. voltar ó SUMARIO  

Acordo cos cazadores

A Comunidade de montes veciñais en man común de Meira (Moaña) chegou a un acordo coa Asociación de Cazadores do Concello de Moaña para a cesión dos dereitos cinexéticos no seu monte. Este acordo terá unha vixencia de 5 anos e nel especifícase que as actividades cinexéticas non poden interferir nos proxectos que a Comunidade queira desenvolver no seu monte. En caso de incompatibilidade entre dereitos cinexéticos e proxectos da Comunidade, estes últimos teñen preferencia. voltar ó SUMARIO  

Teléfono para cortas de madeira

Alberto Irisarri, presidente da Federación Galega de Serradores e Rematantes, infórmanos que esta entidade pon a disposición das comunidades de montes que teñan previsto cortar madeira, o teléfono 986.43.60.87 para dar información sobre a madeira á venda. Desde este teléfono a Federación informará ás empresas asociadas sobre as comunidades interesadas en vender madeira. voltar ó SUMARIO  

Vacas tolas a terras agrarias

Con independencia das responsabilidades que haxa que pedir a cada unha das partes implicadas, a actual crise das "vacas tolas" é unha mostra das consecuencias de priorizar o beneficio a curto prazo e das ansias por poñer a rendibilidade económica por enriba do sentido común e da orde natural. Galicia, cos seus milleiros de hectáreas de pasteiros, lameiros, folgadas, prados e monte baixo, está en inmellorables condicións de ofrecer miles de toneladas de carne alimentada con productos vexetais (isto é, gandería ecolóxica), para o cal son aproveitables boa parte das prácticas agrogandeiras tradicionais, debidamente revisadas. Alimentar a gandería galega cunha parte da biomasa (herbas, arbustos, toxos, etc) significaria que os productos cárnicos se poderían comercializar a mellor prezo (aí temos a experiencia da tenreira galega) e a atención a limpeza dunha parte da superficie galega tería dúas importantes consecuencias: sería un elemento determinante na loita contra o lume e un importante factor favorecedor do desenvolvemento rural para deter a regresión da poboación nas comarcas interiores de Galicia.

Pero está claro que, ata o de agora, apostouse polo modelo de gando estabulado e alimentado con pensos de alto contido proteico. Hai que ser competitivos e o mercado manda. E desde a Xunta non se favorece ningunha alternativa. Mentres, os prados énchense de xestas e toxos e a Consellería de Medio Ambiente xa comenzou a xestionar subvencións da Unión Europea para forestar miles de hectáreas de terras agrarias. ¿Non hai xeito de solucionar esta contradición? voltar ó SUMARIO  

Vacas Tolas e gando bravo

Durante anos, as comunidades de montes estivemos reclamando a regulación do gando bravo nos montes, pois causaba ás veces moito dano a ademais era gando sen sanear, cando as autoridades galegas dicían que xa todo o gando galego estaba saneado. Durante anos, reclamamos da Consellería de Medio Ambiente a elaboración dunha normativa que ordenara o pasto ceibo nos montes, especialmente despois de terse producido enfrontamentos entre comuneiros e donos deste gando. Pero a Consellería non fixo nada.

Hoxe que a crise das vacas tolas convertíu a este gando en posible transmisor do mal e ante as protestas dos gandeiros, a Consellería parece que agora empeza a moverse. Polo visto esa política de esperar a que se declare o lume a despois ir a apagalo cando xa está feito o mal non a aplica soamente ós incendios forestais. A ver se non é tarde.

voltar ó SUMARIO  

Publicacións de interese

Título: "Candeán: Memórias dunha parróquia" [ilustración]

Autor: Xerardo Dasairas

Edita: Comunidade de Montes de Candeán, Vigo 2000

A Comunidade de montes de Candeán, situada no Val do Fragoso no concello de Vigo, xestiona pouco máis de 92 Has. de monte en man común e está integrada por 200 veciños comuneiros e comuneiras. Por mor de ser unha parroquia moi poboada e achegada a unha gran cidade como é Vigo, o monte ten un marcado uso social e recreativo como o demostra a existencia do Parque Forestal do Vixiador, con preto de 25 Has. de plantacións de especies autóctonas e caducifolias. A maior parte dos cativos ingresos da Comunidade proveñen de cortas de piñeiros e son reinvestidos na mellora do monte -moi abandonado cando o xestionaba a Administración-, na loita contra a acacia e en investimentos e axudas sociais (asociación veciñal, colexio público, etc).

Este libro é unha mostra das posibilidades, incluso no terreo cultural, que teñen as comunidades de montes. Xerardo Dasairas, investigador e mestre do Colexio Público de Candeán, fai un percorrido pola historia, tradicións, toponimia, arqueoloxía, arquitectura tradicional, xogos populares e outros aspectos da parroquia. Destaca tamén a importante recompilación de fotografías, algunhas delas aportadas polos veciños/as que -xunto cos planos, debuxos e esquemas- completan o libro.

Esta publicación ten un claro interese pola súa oportunidade en recoller a realidade dunha parroquia que sufriu nos últimos 20 anos fondas transformacións, pasando dun carácter marcadamente rural a outro residencial e urbano. É unha ollada ás raíces como axuda á recuperación da propia conciencia a partir do coñecemento do pasado recente, e por iso debe servir de exemplo para outras comunidades do país.

A tiraxe foi de 1.000 exemplares, que se están a repartir de balde. Os interesados poden solicitalo á Comunidade de Montes de Candeán, Rúa Devesa 25, Vigo (CP 36317). A edición de libros desta temática por unha comunidade de montes é novidosa e unha interesante mostra de compromiso coa veciñanza. voltar ó SUMARIO  

Título: "Reboreda: os camiños da identidade" [ilustración]

Autor: Gonzalo Navaza

Edita: Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, Redondela 2000

Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, dirixe un grupo de traballo coordinado por Andrés Couñago e composto tamén por Xosé González Martínez e Xosé Couñago Rivera. Trátase dun traballo de recuperación e divulgación da microtoponimia de Reboreda, parroquia do Concello de Redondela. A publicación, editada pola Sociedade Labrego Cultural de Reboreda e subvencionada pola Consellería de Cultura, conta con fotografías de Vitor Vaqueiro.

Os topónimos son unha riqueza cultural do noso país que se está a perder de xeito irremediable. Miles de nomes de lugares, camiños, montes, aldeas, fontes, veigas e outros, van caendo no esquecemento. Pero esforzos coma este evitan que a perda sexa total. Neste caso non soamente se recuperan, explican e divulgan os nomes, senón que tamén se restauran e rotulan os lugares, camiños e fontes.

voltar ó SUMARIO