O COMÚN DOS VECIÑOS @ Ano 2 Número 2 Xuño 2000 @

Versión para internet. Para facilitar a carga da páxina prescindimos de engadir as fotos. sentímolo. Aínda que poderas velas se pulsas os enlaces que se indican ó largo da Revista. Como por exemplo ( Foto da portada ).

Descarga aquí a revista no teu ordenador en formato compatible RTF: revista2.zip

Edita: Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común

Director: Xosé Carlos Morgade Martínez, responsable de Comunicación Interna da Xunta Rectora.

Consello de Redacción:

Cándido Iglesias Alfaro, Xosé A. Pereira Martínez, Luis Enrique Martín Uriarte Francisco Comesaña Diego, Xoán Collazo Pazó, Germán Souto García, David Díaz Losada.

Organización Galega de Comunidades de Montes

Estrada Xeral de Valadares, 233

36314 Vigo (Pontevedra)

Tel. 986 46 86 84

Fax: 986 46 94 55

 

Revista O Común dos Veciños

Apartado 559

36080 Pontevedra

www.orgaccmm.org 

OGCMVMC@teleline.es

ISSN: 241/00

Depósito Legal: PO-241/200

SUMARIO..

Limiar

Antonio Díaz Fuentes: Imposto inxusto sobre montes veciñais

19 febreiro: Manifestación contra o réxime fiscal

Asemblea Xeral Anual da Organización Galega.

Presentada unha Proposición de Lei para un novo réxime fiscal.

¿De quen é o monte baldío?

Os parques eólicos: ¿espolio ou negocio? 

O problema dos deslindes de montes

A Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza.

A Ermida: a recuperación da cultura tradicional

Asesoría Xurídica.

Falan os Comuneiros.

Novas

¡ Manda truco !

Publicacións de Interese.

LIMIAR

Contra un imposto inxusto.

O pasado 19 de febreiro foi un día histórico para o monte veciñal. Comuneiros e comuneiras de toda Galicia xuntáronse en Santiago para protestar contra a aplicación do Imposto sobre Sociedades, para reclamar do Parlamento de Madrid a retirada dun imposto que vai destruír á maioría das comunidades de montes e para esixir un sistema fiscal especial para o monte veciñal, que recoñeza e valore as funcións social e ecolóxica que o monte cumpre.

Se os poderes públicos galegos coidaron que o monte veciñal xa non interesaba a ninguén, hoxe deben recoñecer que estaban equivocados. Na primeira mobilización convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes, máis de seis mil persoas presentáronse en Santiago para deixar claro que o monte veciñal é moi importante para a calidade de vida dos veciños do rural (e o mantemento de gran número de actividades sociais, culturais e deportivas) e que non van deixar que o ataquen de xeito tan torpe.

Porque é evidente que a inclusión das comunidades de montes no Imposto sobre Sociedades foi un torpe (e inapropiado e inxusto) intento da Administración por controlar os recursos das comunidades de montes. Realizado deste xeito revela unha gran ignorancia dos promotores sobre a realidade xurídica e social do monte veciñal en Galicia. Foi como tentar de matar moscas a cañonazos, como querer facer circular un barco pola vía do tren. Podiamos preguntar onde estaban os deputados galegos do Partido Popular e a súa implicación na operación: ¿Non se enteraron dela ou non lles interesou o tema? Porque o mal paso é evidente, como recoñecen agora medios locais e autonómicos do partido gobernante coa boca pequena. ¿Serán capaces de recoñecelo tamén publicamente –como fixeron en moitos concellos- e reclamar abertamente ós seus compañeiros de Madrid unha rectificación en forma de lei fiscal específica para o monte veciñal? ¿Serán sabios ou soberbios?

A Organización Galega de Comunidades de Montes xa deixou clara a súa postura de rexeitamento total deste réxime fiscal. A súa oposición continuará mentres estea en vigor. Non soamente porque o imposto é inxusto, irracional e discriminatorio con Galicia, senón porque suporá na práctica a desaparición de moitas comunidades de montes, especialmente no interior de Galicia. Se non teñen outra saída, as comunidades seguirán mobilizándose. Defenden o seu, o de todos.

Hoxe xa poucos defenden publicamente este réxime fiscal. As "asociacións forestais" xa se calaron, forzadas polas protestas da comunidades de montes. Os asesores fiscais recoñecen as dificultades para "encaixar" ás comunidades no caixón das empresas. As axencias tributarias dubidan ante as preguntas solicitando aclaracións e temen de novo unha enchenta de recursos xudiciais. Os partidos políticos da oposición reclaman a retirada da normativa e as comunidades reclaman atención. As axencias tributarias dificilmente lle van cobrar ás comunidades de montes, pero cada ano centos de millóns, que ata hoxe se investían en obras sociais en Galicia, perderanse entre xestorías, papeleos e consultas. Esta será a "eficacia" desta normativa fiscal. Non pode ser defendida por un partido que di defender a Galicia. A pelota está no tellado do Partido Popular.

A Organización Galega de Comunidades de Montes xa está en Internet. Todas as persoas interesadas en informarse das actividades da Organización poden visitar a nosa páxina Web. O enderezo é: http://www.orgaccmm.org 

SUMARIO

 

IMPOSTO INXUSTO SOBRE MONTES VECIÑAIS

 

Antonio Díaz Fuentes

Avogado, ex-deputado da UCD

A Lei de Acompañamento ós Presupostos do Estado para 1999 dispuxo a aplicación do Imposto sobre Sociedades ás comunidades de montes veciñais en man común, sen deixar de estar suxeitas, ademais, as cantidades repartidas entre os comuneiros, ó Imposto individual sobre as Rendas das Persoas Físicas.

Isto xera un fenómeno de dobre imposición que, saltando a regra da exclusión tradicional recíproca entrambos os dous impostos, vén a implantar un cobro inxusto e discriminatorio.

Rexía o réxime de atribución de rendas, segundo o cal as obtidas polas comunidades de bens, carentes de personalidade xurídica, asígnanse ós comuneiros ou partícipes (artigo 10 da Lei do IRPF), porque as entidades neste réxime non estarán suxeitas ó Imposto sobre Sociedades (IS). Quérese dicir: ou paga o colectivo ou pagan os individuos, pero non ambos os dous pola mesma renda.

Agora veuse a producir cos montes veciñais en man común (MVMC) unha anomalía rotunda, a creba dun principio explícito do sistema tributario, dándolles un tratamento de discriminación ou castigo verbo de situacións ou figuras afíns, xa que, non estando suxeitas ó IS as sociedades civís nin as comunidades de bens en xeral, ¿por que se lles dá a condición de suxeitos pasivos do mesmo as colectividades de MVMC, que son sinxelos grupos sociais sen máis ligazón que a veciñanza, carentes de personalidade xurídica e que non pasan de ser simples comunidades?

A inxustiza agrávase porque tales comunidades non teñen natureza voluntaria. As sociedades, a parte de ser as grandes protagonistas da actividade económica do noso tempo, dotadas de personalidade para actuar en procesos productivos que revolucionaron a vía económica, ter un alto grao de independencia verbo dos socios e proporcionar a estes limitación de responsabilidade, son sempre de orixe voluntaria e disólvense por decisión dos seus propios socios. En troques, as comunidades de MVMC son forzadas e perpetuas, non admiten división.

Mesmo causa estrañeza o novo réxime fiscal se comparamos a súa natureza coas demais comunidades de bens, pois as de MVMC están menos patrimonializadas por mor de que o seu obxecto é inalienable. Hai motivo de abondo para consideralas menos susceptibles de tal imposición que calquera outra, e nembargantes soamente a elas se lles suxeita ó citado gravame, que non ás demais comunidades.

E como, por outra parte, a comunidade de MVMC non ten personalidade xurídica propia e diferenciada dos seus membros, senón que é unha sinxela pluralidade de persoas, o tributo do que falamos carece de xustificación para implantarse, e máis como independente do que grava a renda das persoas físicas que perciben rendementos do monte.

Finalmente, o imposto grava os rendementos de unha caste de bens que ocupan aproximadamente un cuarto da superficie xeográfica de Galicia, e dado que os MVMC constitúen unha institución enxebre desta terra (que non existe no resto do territorio español), ó non ser suxeitos pasivos os demais tipos de comunidade, resulta implantada unha recarga especial sobre o noso país.

Por iso aparecen cómicas as voces de aplauso que temos oído de medios gobernamentais de Galicia, así como a actuación dunha asociación creada pola longa manu do partido imperante, xunto con algúns alcaldes do mesmo signo, afanados en que as comunidades de montes se sometan ó desaforado réxime fiscal. Actúan contra os intereses dos seus pobos, para non sacar as vergonzas ós promotores de tan abominable reforma.

Galicia non ten ministros no Goberno central, nin representantes no Parlamento, posto que non a preservan de tanto e tan inxusto dano. (Publicado en La Voz de Galicia o 31 de marzo pasado)

SUMARIO

 

MANIFESTACIÓN CONTRA O RÉXIME FISCAL

O pasado 19 de febreiro miles de comuneiros e comuneiras encheron as rúas de Compostela protestando polo trato que está sufrindo o monte veciñal. Baixo o lema "O monte non é unha empresa. Non ó Imposto de Sociedades", miles de veciños de Galicia, convocados pola ORGACCMM desfilaron en defensa do monte veciñal como propiedade colectiva (e, xa que logo, social) e contra un sistema fiscal inxusto e discriminatorio coas comunidades de montes.

Os veciños protestaban pola confusión que entre monte e sector forestal hai en Galicia, alimentada polas asociacións forestais co apoio da Xunta de Galicia. Os veciños reclaman atención integral para o monte veciñal e respecto ás súas outras funcións (social e ecolóxica). Os manifestantes culparon ó Partido Popular de impoñer esta fiscalidade e contaron co apoio de partidos políticos (BNG, EdG, PSOE) sindicatos agrarios (SLG, UUAA), grupos ecoloxistas, agrupacións de mulleres, asociacións de veciños, APAs, sociedades de cazadores e toda a realidade social que xira arredor do monte veciñal (grupos musicais, asociacións culturais, entidades deportivas, bandas de música...).

A manifestación saíu da Avenida de Lugo para dirixirse pola rúa do Hórreo, a Senra, o Franco, Xelmírez deica desembocar na Praza do Obradoiro. Entre as pancartas tamén se puideron ver o lema "O Monte é Noso", vello emblema da Coordinadora de Montes de Pontevedra que nos anos 70 tanto traballou para conseguir que os montes fosen finalmente devoltos ós veciños, os seus lexítimos donos.

Máis de 7.000 comuneiros responderon á chamada da ORGACCMM e concentráronse no Obradoiro para reclamar do Goberno de Madrid e dos deputados galegos do PP a retirada deste sistema fiscal inxusto coas comunidades de montes. Acusaron ós promotores desta iniciativa tributaria de descoñecer a realidade do monte veciñal galego ou de querer eliminala.

A concentración rematou coa lectura dun Manifesto polo presidente da ORGACCMM que remataba do seguinte xeito:

A ORGACCMM vai seguir adiante a onde faga falta e coas medidas necesarias para reparar esta inxustiza, outra máis das que se cometen contra o monte veciñal en man común. Queremos un trato xusto co monte veciñal e nunca renunciaremos a esta reclamación.

Esta manifestación non é o punto final, é un punto e seguido. As comunidades de montes tumbaremos o Imposto de Sociedades. Claro que o tumbaremos.

Nos anos 70 manifestabámonos reclamando a devolución dos montes veciñais baixo o lema "O monte é Noso". Hoxe seguimos berrando "O Monte é Noso". E berrámolo forte para que mañá os nosos fillos poidan dicir satisfeitos "O Monte é Noso".

( Mira aquí as fotos da manifestación )

SUMARIO

 

ASEMBLEA XERAL ANUAL DA ORGANIZACIÓN GALEGA

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común celebrou o pasado 25 de marzo en Lugo a súa primeira Asemblea Xeral desde a constituínte celebrada en Vigo o pasado ano. Nesta asemblea as comunidades de montes acordaron seguir opoñéndose á inclusión destas entidades no Imposto sobre Sociedades e reclamar a súa substitución por un control da Administración sobre as contas das comunidades co obxecto de coñecer o destino dos recursos dos montes veciñais. Ante o próximo comezo do prazo para a primeira declaración a Asemblea acordou aconsellar ás comunidades que realicen a declaración coas interpretación máis beneficiosa para a comunidade e onde non se teñan datos suficientes (o que se dá en varios apartados) facer constar que as axencias tributarias non responderon ás peticións de información e a Consellería de Medio Ambiente non facilitou o estado contable dos montes consorciados.

A Organización Galega iniciou en maio a celebración dunha nova rolda de asembleas informativas por todas as comarcas de Galicia para dar información detallada sobre o novo sistema fiscal e como afecta ó monte veciñal, ademais de asesoramento sobre as declaracións tributarias a presentar.

SUMARIO

 

Xa hai unha alternativa ó Imposto sobre Sociedades

PRESENTADA UNHA PROPOSICIÓN DE LEI PARA UN NOVO RÉXIME FISCAL

O Bloque Nacionalista Galego, a través do Grupo Parlamentario Mixto, presentou na pasada lexislatura (29/11/99) no Congreso dos Deputados unha Proposición de Lei de Réxime fiscal dos aproveitamentos das comunidades de montes veciñais en man común. Non deu tempo a tramitala, polo que O BNG volveu presentala en Madrid ó empezar a nova lexislatura. Trátase dunha iniciativa para dotar dun réxime fiscal específico ás comunidades de montes. A Organización Galega de Comunidades de Montes estudiou este texto con atención e, inda que nalgún aspecto pode ser mellorable, valora positivamente esta alternativa en base ós seguintes aspectos:

a-Saca ás comunidades de montes do Imposto sobre Sociedades e de toda a burocracia que arrastra: inventarios, incrementos de inventario, Plan Contable, estimación de rendas, pagamentos fraccionados, etc.

b-Simplifica a tramitación do imposto, xa que establece unha única declaración anual e a exención da tributación para as anualidades con ingresos inferiores a un millón de pesetas. Mantén cinco libros de control (debería ser máis sinxelo), pero de tramitación máis doada. E tamén mantén que as obras deben ser debidamente xustificadas ou certificadas pola Administración competente (asunto problemático e discutible), aínda que este aspecto queda pendente de aclarar cun regulamento posterior.

c-Esta proposición de lei establece que as subvencións, indemnizacións por expropiacións e incrementos de patrimonio por melloras no monte quedan exentas de tributación.

d-Contempla desgravacións da base impoñible para aquelas comunidades que dispoñan de Planos de Ordenamento ou Xestión Agroforestal que atendan ós recursos agrogandeiros, plantacións de especies autóctonas e defensa da biodiversidade. Bótase en falta que tamén deberían desgravar os planos de loita contra o lume, os que o solicitaran á Administración en cumprimento da lexislación vixente e os planos técnicos de aproveitamento do monte.

Evidentemente esta proposición de lei non é exactamente a que nós desexariamos, e algúns artigos dependen para a súa aclaración dun regulamento que deberá saír despois. Aceptamos que as comunidades de montes deben ter un control de contas que garanta o destino dos seus recursos, e quizais puidera simplificarse aínda máis o sistema de declaración. Pero consideramos que, contrariamente ó que ocorre co Imposto sobre Sociedades, con este réxime fiscal se garante a pervivencia do monte veciñal tal e como viña existindo tradicionalmente e é un sistema tributario moito máis xusto e adaptado as comunidades de montes.

Outro dos aspectos positivos da presentación desta proposición de lei é que deixa sen coartada a impresentable campaña de AFG, Silvanus, Man Común e AFRIFOGA en favor do Imposto sobre Sociedades escusándose en que era o único posible. Agora demóstrase que era posible facer unha normativa que non poña en perigo o futuro do monte veciñal e que sexa respectuosa coa súa vocación histórica, que é garantía de calidade de vida. Se é certo que as entidades antes citadas defenden ás comunidades de montes como unha realidade singular do noso país, deben imitar os actos que levará a cabo a ORGACCMM enviar peticións a todos os grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados solicitando o apoio para esta Proposición de Lei.

Pola súa parte, agardamos que o PSOE apoie esta iniciativa en Madrid, tendo en conta a súa tradicional defensa do monte veciñal e as súas críticas ó Imposto sobre Sociedades. E o Partido Popular ten a oportunidade de amosar claramente a súa postura. Se na maioría dos concellos apoiou a moción reclamando un sistema fiscal específico para o monte veciñal e a exclusión do Imposto sobre Sociedades, as comunidades de montes non entenderiamos que os deputados do Partido Popular (especialmente os deputados galegos) votasen en contra desta iniciativa. Nesta ocasión (como pasou nos concellos) os intereses de partido deben quedar apartados en favor dos intereses de Galicia. Todos os comuneiros deste país estarán atentos ó que pase. Confiamos en que o sentido común se impoña.

SUMARIO

 

Un xuíz, tras recoñecer que un terreo é baldío, consente a súa apropiación por un particular

¿ DE QUEN É O MONTE BALDÍO?

O xuíz de 1ª Instancia nº 5 de Pontevedra, Manuel Almenar, vén de dictar unha sentencia que levantou forte polémica entre as comunidades de montes, pois recoñece que un terreo é baldío, pero non impide que un particular trate de engadilo á súa propiedade levantando un muro.

O conflicto foi provocado polo intento dun particular de apoderarse dun resto de monte veciñal de 200 m2 en zona periurbana na parroquia de Mourente, Concello de Pontevedra, o que obrigou á comunidade a tentar paralizar a construcción presentando un interdicto de obra nova. En apoio das súas teses, a comunidade de montes aportou numerosas probas, entre elas a certificación do monte clasificado como veciñal, os informes da Delegación de Medio Ambiente de Pontevedra -que tramita un expediente de sanción contra o particular polo intento de apropiación- e da Policía Municipal, a acta notarial que demostra a existencia dun muro do demandado que deslinda o terreo en litixio e a declaración de varios veciños que demostran o uso antigo desa parcela polos naturais da zona.

Malia a todo isto, na sentencia o xuíz desestima a demanda e non paraliza a construcción do muro por entender que a comunidade de montes non demostrou os dereitos dos veciños no terreo en litixio. Sen embargo, unha lectura atenta da sentencia amosa unha chea de contradiccións: o xuíz acepta que ...la finca [del demandado] contaba con un muro de cierre antiguo que la separaba de una porción de terreno baldío ubicada entre la mencionada finca y la carretera a Montecelo (así lo afirmaron la totalidad de los testigos... y refrendó el propio demandado)... Máis adiante o xuíz acepta que ...la referida porción de baldío se encuentra abierta y accesible desde la carretera... (reconocido por el demandado). Pese ó anterior, o xuíz declara que ...no consta si el mencionado baldío es un resto del monte comunal "Montecelo" que en su día quedó aislado tras la construcción de la Residencia Montecelo y de la carretera pública o si, por el contrario, dicha porción forma parte de la finca adquirida por [el demandado]..., inda que a continuación admite que dúas testemuñas referendaron a posesión polos veciños do terreo baldío e unha terceira alegou tamén o aproveitamento agrario.

Finalmente o xuíz di que ...el debate se centra en determinar si la Comunidad de Montes de Mourente tiene la propiedad u otro derecho real sobre la porción de terreno existente entre la carretera pública y el muro de cierre antiguo de la finca del demandado... Aunque es cierto que existen algunos elementos... como es el hecho de la existencia del muro de cierre antiguo que separa la porción de terreno baldío de la finca del demandado, o el dato del anterior aprovechamiento por los vecinos de la porción de terreno baldío, no es menos cierto que tales indicios son absolutamente insuficientes en orden a tener por acreditada la propiedad de la parcela. Adviértase que el título a que se remite la Comunidad no es otro que la Resolución del Jurado Provincial de Montes en Mano Común...

Nas comunidades de montes da comarca de Pontevedra cualificase de contradictoria esta sentencia, por canto acepta as probas de posesión a favor dos veciños sobre a parcela en litixio, para a continuación consideralas insuficientes. Pola contra, o demandado non soamente non aportou proba algunha sobre a propiedade do terreo, senón que admitiu que o mesmo era baldío, que era terreo distinto do da súa propiedade (admitiu que o muro vello delimitaba a súa finca) e que era aproveitado polos veciños.

Nalgúns medios coméntase con retranca que quizais a explicación estea en que o xuíz non coñeza o significado que a palabra "baldío" ten en Galicia (terreo inculto, libre, de todos e, xa que logo, dos veciños). En todo caso, é unha mostra do desinterese con que algúns medios xudiciais reciben os asuntos da protección dos dereitos dos veciños sobre os terreos veciñais. Este desinterese faise extensivo ó Ministerio Fiscal, que está obrigado pola Lei de Montes a defender os terreos veciñais da apropiación polos particulares, e non o fai nunca. A desidia é manifesta.

A Comunidade de Montes de Mourente considera escandalosa esta sentencia e xa presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial. Entre as comunidades de montes da zona considérase un perigoso precedente que en medios xudiciais soamente se dea por probada a propiedade veciñal cando estea documentada claramente, porque isto está en contradicción con numerosa doutrina xurídica anterior e porque posibilitaría na práctica a apropiación dos terreos veciñais por particulares.

Finalmente se conclúe que as actuacións da Xunta de Galicia (que non deslinda os terreos veciñais, ó que está obrigada pola Lei de Montes) e a Administración Xudicial (que, por non haber deslinde, moitas veces non considera probada a propiedade veciñal) poden estar actuando, na práctica, como unha pinza que está destruíndo terreo veciñal e converténdoo en particular, ante a pasividade dos fiscais e a alarma e o desánimo dos veciños.

SUMARIO

 

Xornada sobre os Parques Eólicos

OS PARQUES EÓLICOS, ¿ESPOLIO OU NEGOCIO?

Despois da celebración da Asemblea Ordinaria da Organización Galega de Comunidades de Montes o pasado 25 de marzo, tivo lugar en Lugo unha Xornada sobre parques eólicos e comunidades de montes. Segundo o programa, estaba prevista unha mesa redonda onde se abordase a realidade do aproveitamento da enerxía eólica nos nosos montes e convidados a expoñer as súas visións estaban un representante da Asociación Eólica de Galicia (EGA); que agrupa ás empresas promotoras de parques eólicos, un representante da Organización Galega de Comunidades de Montes, un avogado con coñecemento e experiencia sobre a lexislación de referencia, un representante da Federación Ecoloxista Galega e o presidente dunha comunidade de montes do Barbanza, afectada pola instalación de aeroxeneradores dun parque eólico. ( foto: aeroxeneradores )

Inda que non houbo tal mesa redonda polo veto do representante da Asociación Eólica, a Xornada foi moi positiva, pois serviu para proporcionar información ás comunidades de montes e axudarlles a aclarar moitas dúbidas que tiñan sobre os parques eólicos. Na súa intervención Iñaki Muniozguren, secretario da Asociación Eólica de Galicia, amosou axiña a razón do rexeitamento desta patronal a compartir mesa co resto dos convidados. Logo de tentar convencer ós asistentes das grandes virtudes de sementar o país de aeroxeneradores e queixarse do maltrato que lles daba a Administración, dedicou os seus esforzos a tentar de acadar clientes para as empresas que representaba. Isto explica a súa negativa a debater cos outros convidados, pois o seu único interese era aproveitar a xuntanza de moitos membros de xuntas rectoras (miles de hectáreas de monte veciñal a man) para vender o seu producto. Pero foi inútil. Os representantes das comunidades de montes demostráronlle que, aínda que moi limitados á hora de manter unha negociación que non as prexudique, xa non comungan con muíños de vento de 60 metros de altura. As preguntas e intervencións que os representantes das comunidades lle fixeron a Iñaki. Muniozguren descubriron a verdadeira faciana das empresas eólicas hoxe en día ó denunciar a súa actitude prepotente apoiada pola Administración autonómica, a falla de vontade negociadora, os inxentes beneficios das empresas eléctricas que non repercuten nos montes, na veciñanza nin na zona onde se instalan os parques eólicos, a lexislación e planificación á medida dunhas poucas empresas que nin sequera son galegas, o recurso constante á expropiación do monte... Durante máis dunha hora o representante de EGA, que dedicara o seu tempo a "vender" os parques eólicos como a panacea para todos, tivo que aturar as críticas dos comuneiros. Cando rematou a súa intervención, abandonou o auditorio sen escoitar as intervencións do resto dos frustrados contertulios. ( foto: camiño polo cume dun monte para un parque eólico )

Pouco lle quedou por dicir ó representante da ORGACCMM despois do escoitado. Soamente insistir na grande repercusión do Plano Eólico nos montes veciñais, denunciar a prevalencia da utilidade pública da instalación de aeroxeneradores sobre a utilidade pública do monte, reclamar un desenvolvemento ordenado da enerxía eólica que beneficie a todos e sinalar o posicionamento parcial da Xunta a prol das empresas e nunca atendendo ós intereses das comunidades.

A intervención do avogado Calixto Escariz analizou o Decreto 205/95, onde se regula o aproveitamento da enerxía eólica, cualificándoo de aberrante e demostrando as importantes eivas que ten, as cales colocan ás comunidades de montes nun total desamparo ante os procesos expropiatorios e as ata de pés e mans nas negociacións, nos posibles recursos, etc. Puxo como exemplo a tramitación do Parque Eólico "Monte Treito", onde GAMESA, logo de non chegar a acordos cos propietarios dos terreos pola irrisoria oferta que lles presentou (65.000 ptas/Ha anuais durante 30 anos), presentou ante a Xunta a declaración de utilidade pública do parque. Isto terá como consecuencia a expropiación forzosa do monte ás máis de 15 comunidades da zona, e a urxente ocupación dos terreos; ante o cal as posibilidades de recorrer son moi escasas.

O representante da Federación Ecoloxista Galega salientou que, se ben a enerxía eólica pode ser positiva dende uns puntos de vista, tamén ten unha consecuencia negativa que pode afectar moi gravemente para o medio ambiente. Denunciou as falsidades que se publican, como que é enerxía limpa e que beneficia ó conxunto da sociedade. Dixo que é un tipo de explotación que dista moito de ser racional, que é un magnífico negocio para as compañías eléctricas e que non é asumible ambientalmente no seu deseño actual, sen planificar nin limitar os lugares e número de aeroxeneradores a instalar, afectando mesmo a parques naturais declarados pola propia Xunta.

O presidente da Comunidade de Montes de Xuño, en Porto do Son, falou da súa experiencia cos intentos de instalación dun parque eólico e das "negociacións" mantidas, onde a empresa fixo valer en todo momento a súa posición de forza. Insistiu na perversidade das actuacións das empresas eólicas e da Xunta de Galicia ó reducir ás comunidades de montes a un mero obxecto sen capacidade de negociación, negándolle todo tipo de iniciativa e poder de decisión.

En definitiva, a conclusión máis clara ó remate da Xornada foi que cada vez son máis as comunidades de montes afectadas polos parques eólicos, que non teñen coñecemento das consecuencias e problemas que traen ó non contar coa suficiente información, situación aproveitada polas empresas eólicas que negocian desde unha postura de forza e, co apoio da Xunta de Galicia e cuns proxectos con gran impacto medioambiental, pretenden explotar os recursos do país (que excede a lexítima busca de beneficios das empresas para converterse en saqueo ante a indefensión dos propietarios dos terreos, ) ó dar con comunidades de montes desinformadas, desconcertadas e desunidas e están sacando talladas de miles de millóns de pesetas. Denunciouse que a Xunta de Galicia confunde o interese xeral co negocio duns poucos, o trato desprezativo que dá ás comunidades de montes e reclamouse da Administración unha reformulación do Plano Eólico que non sexa discriminatorio nin destructor dos montes. Fíxose un chamamento ás comunidades de montes para que se unan, fagan escoitar a súa voz e defendan os seus dereitos ante o espolio a que se ven sometidas. O primeiro paso xa se comezou a dar en Lugo coa celebración desta Xornada. Cómpre agora afondar na busca de información e intercambio de opinións e experiencias entre as comunidades. O desartellamento, a desunión, o facer a guerra cadaquén polo seu lado soamente nos trae prexuízos neste tema como en tantos outros.

SUMARIO

 

A INACTIVIDADE DA ADMINISTRACIÓN NA PRÁCTICA DOS DESLINDES DOS MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN

Calixto Escariz - Avogado

Sen remontarnos máis atrás, comezaremos dicindo que a Ley 55/1980 de Montes Vecinales en Mano Común non impón á Administración a obrigatoriedade de deslindar a totalidade dos montes clasificados como veciñais en man común. A devandita lei limítase a declarar no art. 14 que "La Administración asumirá, con respecto de los montes vecinales en mano común, entre otros, los siguientes cometidos: 1-Proceder al deslinde y amojonamiento de los mismos, si fuera necesario". A Administración, ó abeiro desta lei, practicamente non tramitou ningún expediente de deslinde administrativo naqueles montes que baixo a vixencia da citada lei e sen ter sido deslindados anteriormente, foron clasificados como veciñais en man común. Do mesmo xeito e verbo dos montes de utilidade pública e nos montes de libre disposición, a Administración outorgou plena validez e eficacia ós deslindes administrativos existentes previamente á súa clasificación como veciñais.

Posteriormente se aproban a Lei 13/1989 de Montes Veciñais en Man Común de Galicia e o Decreto 260/1992 polo que se proba o Regulamento para o desenvolvemento desta lei. Ambos os dous son máis ambiciosos ó impoñer con carácter xeral á Administración a obriga de practicar o deslinde de todos os montes clasificados como veciñais. Neste sentido a Lei 13/1989 establece no seu art. 11.4 que "unha vez clasificado o monte, fixarase a superficie e os lindeiros do mesmo, achegando á resolución planimetría suficiente, cos datos descritivos precisos, e procederase ó seu sinalamento e deslinde, que levará a cabo de forma gratuíta a Consellería de Agricultura. Así mesmo figurará o estado económico de aproveitamentos, usos, concesións e consorcios". Do mesmo xeito o Decreto 260/1992 sinala que "o deslindamento e a marcaxe dos montes veciñais en man común, unha vez clasificados, e a resolución en vía administrativa das cuestións que con el se relacionen, é de competencia da Administración e efectuarase de acordo cos mesmos requisitos e formalidades que os esixidos para os montes de utilidade pública".

De xeito que tanto a Lei 13/89 como o Regulamento acollen unha reclamación histórica das comunidades de montes ó impoñer á Administración con carácter xeral a obriga de tramitar os expedientes dos montes clasificados ó abeiro destas disposicións. Sen embargo, e dado que o tratamento normativo contido en materia de deslinde en ambos os dous textos legais é deficiente, cómpre unha remisión xenérica ó Reglamento de Montes del Estado, concretamente ó disposto nos Títulos III e IV do mesmo.

Este déficit normativo da lexislación galega mesmo foi salientado polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sentencia nº 823 de 10/12/1992 que resolveu o recurso contencioso-administrativo interposto pola CMVMC da parroquia de Tameiga, concello de Mos, fronte á resolución do Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra) que veu poñer de manifesto e resaltando que a aplicación e interpretación que a Administración fai do Reglamento de Montes del Estado en materia de deslinde ten que realizala en todo caso atendendo á natureza específica do monte veciñal e especialmente ó carácter imprescritible que proclama o art. 2 da Lei 13/89. ( foto: marco entre dous montes )

De todos os xeitos a práctica demostra que a aplicación que a Xunta de Galicia está realizando das disposicións contidas na Lei 13/89 e o seu Regulamento en todos estes anos deu como froito o inicio dalgún expediente de deslinde administrativo nos MVMC, dos cales algúns están sen rematar e outros conteñen numerosos defectos. Hoxe en día a actividade da Consellería de Medio Ambiente en materia de expedientes de deslinde é totalmente nula.

Convén salientar que, no ámbito dos procedementos xudiciais ordinarios, a posibilidade de que prosperen accións reivindicatorias e mesmo posesorias que se aparezan entre particulares e comunidades de montes vén condicionada polos tribunais á existencia ou non de deslinde administrativo. De xeito que, na práctica, e con carácter xeral, naqueles casos nos que o monte veciñal non está deslindado, desestímanse as demandas por entender que o obxecto do procedemento (o monte veciñal) non está identificado. Pola contra, cando o monte foi deslindado, os tribunais consideran que está perfectamente identificado, recaendo na maioría destes casos sentencias estimatorias a favor das comunidades de montes baseadas na natureza imprescritible dos MVMC.

É indiscutible que o mandato contido na Lei 13/89 e no Regulamento non pode ser burlado pola inactividade material da Xunta de Galicia. Esta inactividade, que é claramente contraria a dereito, debe ser denunciada ante os tribunais da xurisdicción Contencioso-administrativa. Isto faise agora máis patente coa nova Ley 29/1998 reguladora de la Jurisdicción Contencioso-administrativa, que ofrece unha solución longamente demandada pola doutrina fronte á referida inactividade da Administración. E isto é así porque se amplía o obxecto material do proceso contencioso-administrativo permitindo o enxuizamento directo da inactividade da Administración inda que se trate dunha mera situación fáctica e non dun acto, sen necesidade de recorrer á anterior técnica do silencio administrativo, e dando solución ó problema do silencio administrativo positivo que precisamente afecta ó caso que agora tratamos. Así no art. 29 da citada lei disponse:

  1. Cuando la Administración, en virtud de una disposición legal que no precise actos de aplicación o en virtud de un acto, contrato o convenio administrativo, esté obligada a realizar una prestación concreta a favor de una o varias personas determinadas, quienes tuvieran derecho a ella pueden reclamar de la Administración el cumplimiento de dicha obligación...

  2. Cuando la Administración no ejecute sus actos firmes podrán los afectados solicitar su ejecución, y si esta no se produce en el plazo de un mes desde tal petición, podrán los solicitantes formular recurso contencioso-administrativo...

Por outra parte parece conveniente que as comunidades de montes formulen reclamacións de danos polos prexuízos que se lles ocasione con motivo da inactividade material da Xunta de Galicia á hora de practicar os deslindes administrativos, naqueles casos en que recaese unha sentencia desestimatoria da propiedade baseada na inexistencia de deslinde administrativo a unha comunidade de montes que repetidamente o tivera reclamado da Administración.

Para rematar, facemos desde aquí un chamamento ás comunidades de montes para que non abandonen o empeño de solicitar ante a Consellería de Medio Ambiente a práctica do deslinde administrativo dos seus montes clasificados. Se a resposta é (como ata o de agora) a calada ou a escusa de que non hai medios, non dubiden en acudir ante a Xurisdicción Contencioso-administrativa para esixir a realización do deslinde. E igualmente propoñemos ás comunidades de montes que reclamen ante os tribunais (recorran a procedementos de responsabilidade patrimonial da Administración) naqueles casos nos que a falta de deslinde administrativo dos seus montes tivera como consecuencia un prexuízo certo e efectivo.

Aviso importante- En relación a este tema e como xa informamos nunha circular pasada, a Organización Galega de Comunidades de Montes está a preparar un informe detallado para presentar perante o Valedor do Pobo para denunciar este incumprimento da Xunta de Galicia. Por iso solicitamos de todas as comunidades de montes que nos manden fotocopia de ter solicitado o deslinde á Consellería, xunto coa resposta se a houbo. As comunidades de montes que non teñan solicitado o deslinde, pedímoslle que o fagan (mesmo que o repitan, se xa o fixeron hai tempo) e nos envíen copia.

SUMARIO

 

A MANCOMUNIDADE DE MONTES "SERRA DO BARBANZA"

Xosé Lois Vilar Rodríguez Presidente da mancomunidade de montes "Serra do Barbanza".

A nosa xeografía

A península do Barbanza está asentada entre as rías de Muros-Noia e a de Arousa. Nesta bisbarra emprázanse os concellos de Lousame, Noia, O Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. No centro da península, coma se fose a súa espiña dorsal, aséntase a Serra do Barbanza. Unha extensa zona montesía que garda importantes restos megalíticos e arqueolóxicos , que posúe ricas posibilidades forestais, gandeiras, micolóxicas, ecoturísticas, e que ten unha grande parte do seu monte clasificado como monte común . ( foto: Monte da Curota )

Os precedentes

Desde o ano 96 prodúcese en toda a bisbarra unha revitalización das comunidades. Este movemento, que tamén é paralelo co que está a acontecer en toda Galicia, é detectado por algunhas asociacións forestais que se crean para a ocasión. Estas asociacións (no noso caso singularmente a Asociación Forestal de Galicia) tratan de tutelar o movemento ofrecéndolles ás xuntas rectoras a xestión do monte. No caso do concello do Porto do Son (tamén no de Lousame) algunhas das comunidades optan por unha xestión autónoma dirixida integramente por elas mesmas. Estas comunidades son as que se adhiren desde o primeiro momento á Organización Galega de Comunidades de Montes e as que convocan ó resto das comunidades do concello para a creación dunha mancomunidade. Despois dun longo proceso de debate, constitúese a mancomunidade á que se adhiren 8 comunidades das 10 que existen no concello. Destas 8 comunidades, 4 están integradas na Organización Galega, 2 na AFG e o resto non está relacionado con ningunha organización.

A aparición da mancomunidade

A Mancomunidade Serra do Barbanza abrangue pois na actualidade a 8 comunidades que reúnen unha extensión aproximada de 4.000 has. e un total de l.600 comuneiros. A súa constitución data do mes de maio de 1999 e nestes momentos é a única mancomunidade existente na provincia da Coruña. Aínda que o seu percorrido é aínda moi curto, a súa existencia xa ten xerado froitos importantes.

Os primeiros logros

Por vez primeira e para todos os colectivos e entidades da bisbarra (concellos, asociacións de gandeiros, medios de prensa...) existe unha organización claramente identificada que representa e emite opinión autorizada sobre a existencia e xestión do monte veciñal. Desde a existencia da mancomunidade, os problemas deixan de ser anécdotas particulares de veciños ou comunidades illadas e pasan a converterse en asuntos de transcendencia social.

E por vez primeira tamén as administracións relacionadas co monte entran en diálogo directo cos comuneiros e mesmo proxectan a formulación dun plano de ordenación nos montes da mancomunidade. Os asuntos de urxencia Pero por mais que esta primeira andaina resultou proveitosa na mesma medida en que avanzamos, vanse abrindo asuntos que reclaman solución e que permanecían agachados debido á debilidade anterior para afrontalos.

Como problema máis preocupante temos a relación cos gandeiros. As nosas teses xa foron publicamente expostas, sentíndose aquel colectivo molesto coas nosas decisións. No intento de buscar un vía de solución consensuada, estamos a elaborar uns estatutos para o aproveitamento gandeiro e temos xa citada unha mesa de diálogo entre os dous colectivos. A resolución deste problema é asunto vital nuns montes que están a aturar un exceso de carga gandeira foránea que campa sen lei nin acordo e a agresión cíclica e reiterada do lume, problema este intimamente relacionado co anterior. ( Foto: Gando no Barbanza )

Tamén nos preocupa a relación coa Administración. Unha Administración lenta, burocrática, ó antollo dos seus responsables, escurantista e despreocupada. Así coma nós cambiamos, ela tamén ten que cambiar. Somos paisanos, mais non "paisaniños". Sabemos de contas e de montes. Queremos que as solicitudes se contesten, que se nos presente o estado de contas certificado, que se cumpran os prazos de corta, que se ingresen o diñeiro ó seu tempo, que se defina a función dos gardas forestais, que se proceda cando median denuncias... Este estado de cousas ten que rematar e así llo fixemos saber ó Director Xeral nas entrevistas e na visita que realizou á zona. Do proxecto de ordenación do que antes falabamos, esperamos, entre outras cousas, a redefinición total das relacións entre a Administración e as comunidades. Outros asuntos

Outra serie de asuntos están sendo estudiados na procura dunha solución: a caza, os parques eólicos, os aproveitamentos da pedra, a formación dos comuneiros, os lindes con outros concellos, tamén a ampliación da mancomunidade coa entrada de novas comunidades... Desde aquí animamos a todos a facer un camiño parecido, e se poden, a facelo mellor

SUMARIO

 

A ERMIDA: A RECUPERACIÓN DA CULTURA TRADICIONAL

A Comunidade de Montes da Ermida, no concello de Pazos de Borbén, é un exemplo singular de dinamización e cohesión social dunha parroquia por medio da recuperación da memoria histórica e das tradicións culturais.

A Ermida, situada nas caeiras asolladas do Coto das Garotas, concentra as súas casas e terras de labor entre os altos de pedra do monte e o río Pequeno que flúe entre carballeiras. Con menos de 120 habitantes polo despoboamento das últimas décadas, a Comunidade de Montes, constituída no ano 1982, conta con 44 comuneiros/as que participan case ó cento por cento nas asembleas e xuntanzas e xestiona unhas 260 ha. de monte veciñal. A meirande parte da superficie está a mato e a Comunidade non conta con ingresos regulares por venda de madeira; hai pequenos eucaliptais que pretenden ordenar e controlar; e en anos pasados moitas hectáreas foron repoboadas con especies autóctonas coma o carballo gracias a subvencións da Unión Europea. Como outros lugares, a parroquia tamén padece os problemas dos lumes e do gando bravo que dana as plantacións da Comunidade.

Pero o singular da Comunidade da Ermida é o labor desenvolvido a prol da recuperación das tradicións populares. A antiga escola unitaria foi recuperada en 1994 polos veciños e veciñas e convertida en Casa de Sociedade. Onde había pardiñeiros comestos polas silvas abre agora as súas portas un local que, inda que modesto, acolle as actividades das asociacións da parroquia (veciñal, comunidade de montes e comunidade de augas) que compete co adro da igrexa á hora de ser punto de encontro da vida social do pobo.

Por iniciativa da Comunidade de Montes, dende hai tres anos a Casa de Sociedade dedica a maior parte do seu espacio a expoñer un interesante conxunto de obxectos relacionados coa vida parroquial ata hai poucos anos e que se están a perder rapidamente. A exposición, que non ten nada que envexar a moitos museos en canto ó numero e antigüidade dos seus fondos, é permanente e ás veces celebra unha mostra sobre un tema concreto para as que os veciños ceden por uns días diversos obxectos. ( Foto: Exposición de obxectos na Ermida )

As pezas ordénanse en distintas estancias como se estivesemos nunha casa antiga. Na cociña está a lareira co seu pote e a gramalleira, o forno, ó que non lle faltan as pas para o pan nin a vasoira de xilbarbeira para a borralla, a artesa, a alacena, etc. No cuarto aparecen as camas de ferro e madeira coas sabas de liño e o colchón de follato. No comedor vemos unha mesa para o xantar, con vellos pratos, garfos, coitelos, xerros, gardanapos (os panos para limpar as mans e os beizos nas comidas, pois non só se recuperan os utensilios, senón tamén as palabras que as denominaban)... Os elementos precisos para o aseo tamén teñen o seu espacio, dende os usados na casa máis podente ata os da máis humilde. Outra pequena estancia acolle os traxes antigos, tanto os utilizados nas tarefas cotiás como os das festas sinaladas, e non falta a coroza de palla para gardarse da chuvia, que aquí chaman carapucho. Os distintos oficios tradicionais están representados nos obradoiros do cesteiro, o ferreiro, a costureira, o zapateiro..., que posúen unha completa mostra das súas ferramentas, así como dos utensilios que fabrican (cestos, chaves, zocas...). Malia ó pouco espacio dispoñible, un carro de bois serve de base a unha completa colección de apeiros agrícolas, dende unha grade ou un arado antergo a un fouciño ou unha serra, pasando polos sachos, legóns e os grandes serróns que debían manexar dúas persoas. Dos poucos espacios baleiros das paredes penduran vellas fotos, documentos e outros obxectos antigos, nalgúns casos do século pasado ou anteriores, e que tamén proceden das parroquias lindeiras.

A mais desta exposición, a Comunidade de Montes, co seu presidente Domingos Amoedo á cabeza, impulsou a recuperación de varias celebracións tradicionais como a "Noite das farrucas", o "Bandullo do entroido" ou os "Seráns", que xa soamente ficaba na lembranza adurmiñada dos máis vellos. Estas actividades foron moi ben acollidas polos veciños e veciñas da Ermida, que participaron moi activamente nas mesmas, colaborando tamén xentes doutras parroquias e concellos lindantes.

Estas experiencias ensínannos que unha comunidade de montes pode ter unha gran capacidade de fomento da participación veciñal e a cohesión social dunha parroquia. As actividades anteriormente expostas ben puideran estar organizadas e financiadas polo Concello, pero neste caso é a Comunidade de Montes, como entidade máis próxima ós veciños, a que canaliza as inquedanzas da poboación e aporta unha solución ou unha alternativa. Quizais a estructura dos concellos non está adaptada á realidade sociocultural galega.

SUMARIO

 

ASESORÍA XURÍDICA Xermán Souto, avogado

Hai uns anos dividimos unha parte do noso monte veciñal en tenzas que repartimos entre os que daquela eramos comuneiros ¿Cal é o tempo máximo de duración desta partición?

R/ A división física dun monte vicenal en man común -normalmente dunha sección do mesmo- en tenzas, sortes, lotes, varadas (aínda que este termo acae máis ben ós montes de varas), etc, entre os comuneiros que compoñen nese momento a comunidade, estará sempre limitada temporalmente. En canto á duración da división hai que ter en conta primeiramente que o artigo 22.1 da Lei de Montes Veciñais en Man Común limita as divisións a un máximo de 11 anos. Sentado isto, para coñecer a duración dunha división concreta haberá que estar en primeiro lugar ó establecido nos estatutos da comunidade: comprobaremos se rebaixan o tope legal máximo ou se establecen un tempo determinado de duración para cada división. Por último, teremos que estar ó que diga o Acordo da Asemblea Xeral que autoriza a división, que sempre ha de respectar o establecido nos estatutos e na Lei.

¿Que ocorre se se superou este tempo e ninguén da comunidade pide facer nova partilla?

R/ Unha vez chegado o termo, cumprido o tempo máximo de duración da parcelación e seguindo interesada a comunidade en que o monte continúe parcelado, o que procede é facer unha nova parcelación ou, se non variou o número de comuneiros, podemos facer simplemente unha rotación de varadas, tendo en conta sempre que a ninguén se lle poderá adxudicar de novo a parcela que viña traballando. Isto é a teoría, a práctica demóstranos que as divisións dos montes veciñais en man común esténdense por moitos máis anos dos inicialmente previstos, superándose na maioría dos casos o tempo máximo legalmente establecido (11 anos). Isto plantea a incógnita da situación na que se atopan os comuneiros respecto ás parcelas que seguen aproveitando. Legalmente estariamos nunha situación transitoria. A comunidade tería que optar entre facer unha nova parcelación ou tornar ó sistema de aproveitamento en común. O caso é que esta opción non ten por que facela dentro dun prazo determinado, co que esta situación provisional pódese alongar de forma indefinida no tempo e pode, curiosamente, superar en moitos anos a duración da propia partición. Ó tratarse dunha situación transitoria, prevista na lei (art. 22.3), namentres a comunidade non exercita esa opción, cada comuneiro sigue gozando do dereito a aproveitar en exclusiva a parcela que levaba.

¿Pode un comuneiro chegar a facerse dono ducha tenza co paso dos anos se ninguén lla reclama?. R/ Non se pode adquirir por prescrición unha tenza de monte veciñal en man común, por moitos anos que transcorran no seu aproveitamento por un comuneiro. Como di o artigo 2 da Lei de MVMC, os montes veciñais son imprescritibles, é dicir, ninguén pode ganar a súa propiedade polo uso. Estamos ante unha propiedade de tipo xermánico, na que unha das súas notas diferenciadoras coa de tipo romano (a que todos coñecemos) é precisamente a da súa imprescritibilidade.

¿Colle algún outro tipo de dereitos?

R/ Non colle ningún tipo de dereitos, senón ó contrario. Cando se fai unha adxudicación dun lote por X anos, o comuneiro beneficiario terá neses X anos o dereito de efectuar o aproveitamento con toda normalidade, sen que ninguén o inquiete nin prexudique, nin sequera a propia comunidade; pero unha vez superados eses anos, a comunidade poderá acordar de facer o que queira coa parcela que traballaba. Por outro lado o valor do seu dereito é menor co paso dos anos, pois vai en función da expectativa de producción dos anos que restan.

Na miña comunidade repartiuse o monte en varadas entre os veciños. Ó primeiro todo o mundo traballou a súa, pero agora unha parte deles sementaron as súas parcelas de piñeiros. ¿Isto é legal? ¿Qué se pode facer? R/ Non é legal. Os lotes repartidos pola comunidade entre os veciños-comuneiros só se poden dedicar a usos agrarios ou gandeiros: así o establece a Lei de Montes (art. 22.1), polo que dedicala a uso forestal é poñerse nunha situación ilegal. A Lei de MVMC prevé unha sanción clara contra o comuneiro que fai uso distinto do acordado: a reversión inmediata do lote, sorte ou tenza á situación de aproveitamento colectivo (art. 22.2). E ademais o dono da plantación corre o serio risco de non verse amparado pola presunción de que plantou de boa fe (só o que planta de boa fe en terreo alleo conserva o dereito ós froitos). Nas comunidades que poidan ter este problema convén que advirtan ós comuneiros.

As comunidades que desexen facer a súa consulta deberán facelo por carta a "O Común dos veciños" Apartado 559, 36080 Pontevedra

SUMARIO

 

FALAN OS COMUNEIROS

 

Gracias a todos os comuneiros.

O pasado sábado día 19 en Santiago tivo lugar unha manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) para protestar pola imposición ás comunidades de montes da tributación do Imposto sobre Sociedades. A asistencia, cifrada nunhas seis mil persoas, superou amplamente todas as expectativas e as rúas de Santiago enchéronse de comuneiros de toda Galicia para amosar a súa oposición a este novo ataque contra o monte veciñal.

En nome da ORGACCMM quero agradecervos a todos os comuneiros a vosa presencia en Santiago. Pola rúa do Franco, diante do Parlamento ou no Obradoiro resoaron firmes as vosas voces, veciños do Salnés, do Val Miñor, de Guitiriz, da Paradanta, de Vigo, do Barbanza, do Morrazo, das aldeas e parroquias de toda Galicia. Como hai 20 anos volvestes a demostrar que o monte é voso e que se equivocan aqueles que pensan que o monte veciñal non lle interesa a ninguén. Ós comuneiros si que vos interesa, porque sodes conscientes que hoxe como antano o monte veciñal é riqueza, futuro, calidade de vida. E demostrástelo en Santiago, vindo de toda Galicia, un sábado pola mañá unidos na defensa do noso, en compaña de sindicatos agrarios, partidos políticos (faltou o que primeiro tiña que estar), ecoloxistas e asociacións de veciños. Todos xuntos, berrando que o monte veciñal é importante, que a Xunta de Galicia ten que cumprir a lei, que o Imposto sobre Sociedades para as comunidades de montes é unha aberración e unha inxustiza.

Despois, o de sempre. Os xornais miran para outro lado. Outras manifestacións menos numerosas ocupan máis espacio. Outras noticias, que afectan a moita menos xente, ocupan toda a atención. Soamente falan do monte cando sacan os incendios ou os vertedoiros de lixo; soamente os temas negativos. Os intelectuais e comentaristas, coma sempre, falando de cousas que á maioría da xente non lle interesan. Ningún deles dedicou nos días seguintes unha palabra a esta protesta dos comuneiros, a primeira en vinte anos. O monte comunal non é importante.

Pero vós, comuneiros, sabedes que o monte comunal é importante. Ben que o sabedes. Del sacamos moito: toxo, leña, pedras, madeira, centeo, herba, terra, xabre... No monte comunal hai fontes, muíños, campos de fútbol, zonas de recreo, camiños, cruceiros, pontes, bosques, xunqueiras, areais, canteiras, hospitais, colexios, autoestradas, traídas de auga, institutos... Por iso non o queredes perder. Queredes poder decidir o que vai ser do monte. Por iso o sábado en Santiago había seis mil gorxas berrando: ¡O monte é noso! Malo o que deixa o seu nas mans dos políticos.

Desde a ORGACCMM queremos agradecervos o voso alento e dicirvos que a vosa loita é a nosa loita. Que tombaremos o Imposto sobre Sociedades, tarde ou cedo. Que non renunciaremos a que desapareza este novo ataque ós nosos montes, a meterlle na cabeza ós políticos xa está ben de chapuzas inxustas cando se lexisla sobre o monte veciñal. Este é o noso compromiso. Xa sabemos que contamos coa vosa confianza. E por iso vos estamos agradecidos.

Xosé Alfredo Pereira Martínez

Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes

 

 

O Monte: o gran esquecido

Para os que levamos xa moito tempo (mesmo desde antes da instauración da democracia no Estado Español) loitando pola defensa e o desenvolvemento do monte veciñal en man común, este foi sempre o gran esquecido do noso país.

Nos medios de comunicación social e nas plumas dos "creadores de opinión", o monte veciñal en man común non existe, ou existe soamente cando se queren salientar os aspectos negativos. Para eles a loita dos veciños por recuperar os seus montes, a creación da Coordenadora de Montes de Galicia en 1989, a formación das mancomunidades, o I Congreso Galego de comunidades de montes, a creación da Organización Galega, a loita contra a fiscalidade..., isto é, todos os movementos positivos arredor do monte veciñal a penas son dignos de mención. Pola contra os incendios forestais, as liortas entre comunidades de montes, os conflictos entre comuneiros... isto si que ten interese, e mesmo morbo. ¿Isto é obxectividade informativa?Por iso encheume de satisfacción cando lin na prensa o pasado mes de marzo, un artigo de opinión asinado por don Antonio Díaz Fuentes sobre a fiscalidade dos MVMC (imposto inxusto, agravio para Galicia, falta de políticos que defendan a nosa Terra) senón por ser unha das moi escasas veces en que unha persoa de gran prestixio social (avogado, relator da Lei de montes veciñais de 1980, ex–deputado nas Cortes Españolas) falase sobre o monte veciñal.

Oxalá houbese máis persoas como Antonio Díaz Fuentes. As comunidades de montes necesitámolos. E o monte veciñal en man común tamén.

Latino Fernandez Areal

Presidente da Mancomunidade de Montes do Val Miñor

SUMARIO

 

NOVAS

Inauguración de locais sociais

A Comunidade de Montes "Rega dos Agros" de Combarro, no Concello de Poio, inaugurou o pasado 26 de febreiro un local social nun terreos mercados a particulares no lugar de Maceira. Desta parcela, a metade foi cedida para construír o Centro de Saúde e o resto utilizouse para a construcción dun local de 440 m2 repartidos en dous andares e que acolle as actividades dos diversos colectivos da parroquia (veciñais, culturais e deportivos), os cales durante anos estiveron agardando con ansia a construcción deste local, que vén a completar as instalacións deportivas e recreativas de Chan da Armadiña.

A Comunidade de Montes "Rega dos Agros" conta con monte veciñal de 146 ha, arrasado na súa maioría polos incendios forestais en 1989.Desde aquela unha eficaz xestión do monte pola Comunidade proporciona unha fonte estable de recursos para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Tamén inaugurou o seu local social a Comunidade de Montes de Borreiros, no Concello de Gondomar. As instalacións servirán de centro de actividade dos diversos colectivos existentes na parroquia (asociación de veciños, comunidade de montes, asociación cultural e comunidade de augas), así como doutros que se vaian formando. ( foto do local )

Ambas as dúas inauguracións contaron coa asistencia de representantes da Or.Ga.Co.Mo. por invitación expresa das respectivas comunidades de montes.

Xornadas de formación de xuntas rectoras de comunidades de montes

Nos meses de outubro e novembro pasados e organizados pola Consellería de Medio Ambiente e a Escola Galega de Administración Pública, celebráronse en 16 localidades de Galicia uns "Cursos de formación de xuntas rectoras de comunidades de montes en man común de Galicia. A idea era boa e o material facilitado (unha carpeta con información legal e técnica) bastante completo, inda que ben con moito atraso. Sen embargo observáronse certas deficiencias que lle restaron eficacia e levantaron sospeitas entre as comunidades de montes. O marco legal e administrativo foi explicado por avogados novos e inexpertos, os cales con frecuencia non souberon dar resposta a moitas cuestións plantexadas polos asistentes e ás veces caían en contradiccións. Os contidos técnicos foron reducidos á explotación forestal, evitando tratar outros aproveitamentos e posibilidades de explotación do monte. Finalmente o último día foi dedicado á tributación das comunidades de montes polo Imposto sobre Sociedades en charlas impartidas por persoal das axencias tributarias, os cales tamén con demasiada frecuencia amosaron a súa inseguridade nas respostas ás preguntas dos asistentes e recoñeceron o seu descoñecemento en varios apartados do novo sistema impositivo aplicado ó monte veciñal. Como vén sendo norma e sacando os axentes tributarios, o resto do persoal contratado para impartir estes cursos son empregados da Asociación Forestal de Galicia e de Silvanus, entidades pertencentes á rede clientelar da Consellería de Medio Ambiente, da que reciben millonarias subvencións.

Xornada sobre a nova fiscalidade aplicada ó monte veciñal

A ORGACCMM celebrou o pasado 11 de decembro en Santiago unha "Xornada sobre a nova fiscalidade aplicada ó monte veciñal en man común". Na primeira mesa redonda estudiouse o tema desde o punto de vista legal, cualificándose de discriminatorio con Galicia e que grava dobremente os recursos das comunidades de montes, ademais de criticar duramente o medio empregado para aprobalo no Parlamento de Madrid. A segunda mesa redonda estudiou o réxime fiscal desde o ámbito técnico e tributario, cualificándoo de como irracional por aplicalo a unhas entidades distintas das sociedades e as dificultades que vai traer a tramitación do mesmo. Finalmente e tras un amplo debate, as comunidades de montes acordaron seguir as mobilizacións de rexeitamento a este sistema fiscal e reclamación dun sistema fiscal específico para o monte veciñal.

Os xurados de clasificación seguen incompletos 

Entre os reiterados incumprimentos da Lei de Montes Veciñais por parte da Consellería de Medio Ambiente está a ausencia dun representante das comunidades de montes da provincia nos Xurados Provinciais de Clasificación. Este representante sería unha figura importante á hora de reclamar un funcionamento máis axeitado, áxil e respectuoso coas comunidades de montes dos xurados provinciais.

Pero a elección deste representante en cada provincia debe realizarse co voto favorable da maioría das comunidades de montes asistentes a unha asemblea na que estean representadas a maioría (cando menos o 51%) das comunidades de montes desa provincia. Dadas as dificultades de celebrar esta asemblea, a ORGACCMM solicitou a colaboración da Dirección Xeral de Montes, a cal, a volta de correo, limitouse a citar a lexislación ó respecto. Polo visto este departamento coñece os requisitos para o nomeamento dos membros dos xurados provinciais, pero non está disposto a colaborar para que se cumpra.

 

Xornadas sobre o monte en Carnota

A ORGACCMM foi convidada pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carnota (A Coruña) a participar nunhas xornadas sobre a problemática do monte veciñal (gando bravo, formación de mancomunidades, incendios forestais, fiscalidade...). Nestas xornadas, que contaron coa asistencia de comunidades de Montes de Carnota, Mazaricos e Muros, participaron tamén representantes das mancomunidades do Barbanza, Val Miñor e o avogado Calixto Escariz.

Entre as conclusións destas xornadas destaca que a fiscalidade que o Goberno de Madrid, co apoio da Xunta de Galicia, lles impuxo ás comunidades de montes incluíndoas no Imposto sobre Sociedades é unha clara inxustiza. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carnota comprometeuse a presentar no seu concello unha moción rexeitando esta fiscalidade inxusta e reclamando a elaboración polo Parlamento de Galicia unha lei fiscal axeitada o monte veciñal galego.

 

Xornadas sobre competencias profesionais no sector forestal en Lugo

Na cidade de Lugo, os días 30 e 31 de marzo celebráronse as Xornadas sobre Competencias Profesionais no Sector Forestal de Galicia, convocadas polo sindicato Unións Agrarias de Galicia (UUAA). Participou tamén a ORGACCMM na persoa do seu presidente, Xosé A. Pereira, que presentou o relatorio "As comunidades de montes, elemento dinámico do sector forestal".

No acto de clausura das Xornadas, o responsable de UUAA en Lugo deu lectura ás conclusións das mesmas:

-o monte veciñal en man común (MVMC) pola súa orixe, características e singularidade, está nas mellores condicións para levar adiante unha política forestal diversificada e integradora.

-a Administración autonómica ten abandonado o MVMC e incumpre sistematicamente a Lei de Montes Veciñais.

-a aplicación do Imposto sobre Sociedades ás comunidades de montes é absurda e inxusta. Cómpre unha normativa fiscal axeitada ó MVMC galego.

Estas conclusións foron aprobadas coa presencia do Director Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto. ¿Tomará nota a Consellería de Medio Ambiente?

 

A concienciación dos máis novos 

A comunidade de montes de Borreiros, no Concello de Gondomar (Pontevedra), celebrou a finais do pasado mes de decembro unha "Xornada sobre o monte" no seu local social acabado de estrear. En palabras do seu presidente, Latino Rodríguez, "a celebración desta primeira xornada sobre o monte na nosa parroquia responde a un dos acordos tomados no I Congreso Galego de Comunidades de Montes, que dicía que temos que acadar que os veciños comuneiros participen na administración dos seus montes e achegar ó monte veciñal a xente máis nova porque aí está o futuro, a pervivencia do monte. Nesta primeira xornada en Borreiros participaron axentes forestais da zona, representantes do Grupo Ecoloxista Erva, o Vicerrector da Universidade de Vigo e experto en aproveitamento da biomasa forestal Salustiano Mata e o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

 

Rede Natura 2000

A Comunidade de Montes de Vincios no concello de Gondomar (Pontevedra) esta traballando para lograr que unha parte do seu monte, o Alto do Galiñeiro, sexa declarado parque natural. O Alto do Galiñeiro é un zona de gran beleza, situado á beira do Monte Aloia (Tui), xa declarado Parque Natural, pero non foi incluído na proposta da Xunta de Galicia para a Rede Natura 2000. A comunidade de montes de Vincios presentou a súa iniciativa perante a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, no Padroado do Monte Aloia e no Concello de Gondomar. Tamén aproveitou a Xornada sobre o monte celebrada hai pouco na parroquia para tratar o tema nunha mesa redonda. Os grupos da oposición (BNG, PSOE) manifestaron o seu apoio a esta iniciativa; a postura do grupo de goberno (PP) non se coñece porque rexeitou participar na mesa redonda.

 

Colaboración con Adena

A Organización Galega de Comunidades de Montes foi invitada pola por Adena (Asociación de Defensa de la Naturaleza) para formar parte do grupo de traballo que elaborará o documento cos principios mínimos que han de rexer a expedición da "certificación forestal do aproveitamento sostible do monte". A Organización Galega formará parte das comisións de "Medio ambiente" e "Social".

 

Greenpeace publica o informe "Deforestación e Pobreza en África Tropical"

Este informe trata da responsabilidade que ten España na deforestación dos bosques tropicais do continente africano. En particular, fala dos 10 principais países que subministran madeira tropical a España. Apórtanse datos sobre a deforestación e a situación dos bosques, así como os espacios protexidos e os restos de fronteiras forestais (bosques intactos) que quedan nestes países. Enmarca este informe o espolio dos bosques nunha situación de pobreza, endebedamento económico, corrupción política, programas de axuste estructural inapropiados e conflictos bélicos. Neste escenario, os países importadores da madeira tropical como España, non están xogando un papel activo no desenvolvemento económico e social destes países.

Saliéntase especialmente o papel destructor da industria madeireira internacional como responsable directa das altas taxas de deforestación e da insostibilidade da explotación forestal. Advirte dos riscos de que a industria madeireira continúe esquilmando os recursos en países sen sistemas políticos estables, e establece que a compra de madeiras a estas empresas madeireiras é, en boa parte, un comercio de destrucción.

Greenpeace cre que nin os importadores españois nin as empresas forestais de capital español poden garantir que a madeira africana que entra en España procede da explotación sostible dos bosques e conclúe o informe solicitando dos importadores de madeira, ás empresas consumidoras de madeira tropical, ós consumidoras e ó Goberno español que esixan estas certificacións como única posibilidade de deter este espolio desertizador.

 

Conflicto por vertidos de cuncha de mexillón no Grove

A decisión das empresas conserveiras da zona de verter, "polas bravas" e coa autorización do Concello, moitas toneladas de cuncha de mexillón na parcela coñecida como Coviña do Inferno, sen permiso da Comunidade de Montes de San Vicente do Grove, propietaria do terreo, estivo a punto de provocar un serio altercado entre as dúas partes ante a pasividade da Delegación de Medio Ambiente.

As presións das empresas conserveiras, a prepotencia dalgúns membros do equipo de goberno (que se negaban a a ofrecer contrapartidas ós comuneiros) e a inexistencia dun proxecto fiable de rexeneración ambiental para a zona aumentaron ante o nerviosismo do alcalde e as saídas de ton dalgúns concelleiros, os cales, en deplorable espectáculo acompañado dunha furibunda campaña de prensa, chegaron a cuestionar a propiedade veciñal (malia a estar clasificada a parcela) e fixeron chamamento público (e mesmo invasión violenta) para asaltar pola forza unha propiedade privada. A instancias da comunidade de montes afectada, a Organización Galega solicitou da Delegación de Medio Ambiente que exercera a súa función de defensa do monte veciñal e pediu ó Concello do Grove que respectara unha propiedade legalmente constituída. Finalmente parece que as augas volveron ó rego, pois a instancias da ORGACCMM e da Mancomunidade de Montes, todas as partes retomaron o diálogo para tentar de chegar a acordo, que confiamos sexa posible.

Este é un caso máis no que se demostra que algúns concellos aínda queren gobernar sobre os terreos veciñais como se foran propios e son remisos a recoñecer que estas propiedades non son municipais. Gustaríanos que tamén fose un caso no que se demostrara que a negociación entre concello e comunidade de montes é a única vía civilizada para solicitar terreos para uso público, na cal (cómpre que non o esquezan os representantes municipais) a asemblea veciñal ten sempre a última palabra.

 

Congreso de Ordenación e Xestión Sostible dos Montes

En Santiago de Compostela e do 6 ó 9 de outubro pasado, celebrouse o "Congreso de Ordenación e Xestión Sostible dos Montes", organizado, entre outras entidades, pola Consellería de Medio Ambiente. A asistencia de representantes das comunidades de montes atopaba dous atrancos importantes: as xornadas eran durante todo o día e a inscrición custaba 55.000 ptas. Por outra parte, a Consellería non considerou conveniente convidar á ORGACCMM (segue coa súa política de marxinala e negarlle representatividade) aínda que foron convidadas as asociacións forestais.

Polo demais, os relatorios e conclusións deste Congreso coinciden coa postura sostida pola Organización Galega e supoñen unha forte crítica á política medioambiental da Xunta de Galicia. Entre as conclusións podemos salientar:

-Potenciar as funcións ecolóxica e social do monte, pois os seus beneficios superan ós da madeira. O imposto sobre Sociedades trata ás comunidades de montes soamente como empresas económicas:

-Tentar de minimizar o impacto visual das plantacións, respectar os bosques autóctonos e outras vexetacións de gran valor ecolóxico. A Consellería de Medio Ambiente segue adiante cunha salvaxe política de reforestación de terras agrarias, mesmo con eucaliptos.

-Poñer limitacións legais á modificación da paisaxe, e crear centros de planificación da multifuncionalidade do monte. A Administración galega apoia a elaboración do Estatuto da Propiedade Forestal no que os propietarios de bosques poidan decidir sobre os mesmos sen ningunha traba legal.

-A sociedade debe ser corresponsable na xestión dos montes, tanto as administracións como os sectores implicados. A Xunta de Galicia mantén desde hai 20 anos en total abandono o monte veciñal, incumprindo reiteradamente a lexislación vixente.

-Debe promoverse a actividade forestal (deberiamos dicir a actividade no monte) como elemento fundamental para fixar a poboación rural desenvolvendo as súas posibilidades. A Administración responde coa imposición ás comunidades do Imposto sobre Sociedades, que vai ser na práctica un serio atranco para o funcionamento das comunidades de montes, especialmente nas zonas do interior de Galicia. Quizais a Administración quere seguir o modelo franquista de repoboar polas bravas botando primeiro do monte ós veciños.

Deste xeito, vistas estas conclusións e o que lle gusta ó Conselleiro de Medio Ambiente falar de "xestión sostible do monte", non ten máis que dúas saídas: ou cambiar totalmente de política ou deixar de organizar congresos que critican a da súa Consellería. Curiosamente, estas conclusións avalan totalmente os plantexamentos da Organización Galega de Comunidades de Montes.

 

Campaña de Divulgación Forestal no Val Miñor

A última Asemblea Xeral da Mancomunidade de Montes de Val Miñor aprobou a realización da VI Campaña de Divulgación Forestal nos 15 centros de ensino primario dos Concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar. Esta campaña, que conta coa colaboración dos axentes forestais, consistirá na proxección de diapositivas cos estragos dos incendios forestais e os métodos de prevención e extinción. Os escolares realizarán carteis sobre o tema que serán expostos nos centros sociais das parroquias e nos accesos ós montes veciñais.

 

Curso de dereito civil galego para xuíces

Expertos en dereito civil de Galicia están a impartir en Santiago, entre o 23 de maio e o 13 de xullo, un "Curso Superior de Especialización en Dereito Civil de Galicia" como parte das actividades de formación de xuíces e maxistrados. Organizado pola Consellería de Xustiza en colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e as tres universidades galegas, o curso trata eidos específicos do dereito galego como a titularidade dos montes veciñais, a servidume de paso, a herdanza ou o réxime xurídico das augas.

Desde as comunidades de montes valorouse positivamente esta iniciativa, demandada desde hai tempo para todos os xuíces que exercen en Galicia e que descoñecen frecuentemente estas peculiaridades do dereito galego, perfectamente recollidas na lexislación. Son cada vez máis comúns as queixas de comunidades de montes diante de sentencias que non respectan as características do monte veciñal (especialmente a imprescritibilidade e a inalienabilidade) e que aplican criterios de dereito romano (escrito) a unha realidade de tradición xermánica (consuetudinaria). A Organización Galega de Comunidades de Montes xa solicitou que esta actividade se repita en todas as provincias para evitar que moitos xuíces estean xulgando asuntos relacionados cos montes veciñais sen a preparación debida.

 

Xornadas San Cidre en Lugo

A Organización Galega de Comunidades de Montes, na persoa do seu presidente, participou nas Xornadas San Cidre celebradas na Escola Politécnica Superior de Lugo co relatorio "As comunidades de monte: situación e problemática". Nel amosou a frecuencia con que se confunde o monte co sector forestal, cando este soamente é un eido do monte (e nin sequera o máis importante), e que as comunidades de montes son o elemento máis dinámico dos que actúan sobre o monte. Considera que, pola súa orixe, tipo de propiedade e características, o monte veciñal pode ser unha das bases dun desenvolvemento harmónico de Galicia, pero está bloqueado por unha problemática complexa (incumprimento da lexislación vixente e abandono das súas obrigas pola Administración, fiscalidade irracional e abafante) da que responsabilizou á Xunta de Galicia e que impide ás comunidades de montes desenvolver as súas grandes posibilidades.

 

Xornadas sobre o Sector Forestal na Semana Verde en Silleda

A ORGACCMM participou nas Xornadas sobre o Sector Forestal na Semana Verde de Galicia celebrada en Silleda os pasados 5 e 6 de maio e centrada este ano en dous temas: o asociacionismo no sector forestal e a fiscalidade de particulares e comunidades de montes. Nas mesas redondas celebradas, a Organización Galega expuxo a súa postura: as comunidades de montes, mediante o asociacionismo, presentan enormes posibilidades de futuro, pero atendendo ó desenvolvemento social do rural e sen estar teledirixidas desde o poder. As asociacións forestais, pola súa parte, centraron no forestal o interese do monte e ofreceron os seus servicios técnicos, recoñecendo que recibían millonarias subvencións da Consellería de Medio Ambiente. Ningunha delas concedeu ás comunidades de montes ningún protagonismo nas súas intervencións.

Deficiencias da organización das xornadas imposibilitaron que se abordase o tema da fiscalidade forestal. Non houbo oportunidade de amosar as posturas de cada entidade, por outra parte moi coñecidas: Asociación Forestal de Galicia, Silvanus, AFRIFOGA e Man Común están de acordo coa inclusión das comunidades de montes no Imposto sobre Sociedades e defenden este imposto como positivo para as comunidades de montes. A ORGACCMM cualifica de irracional, inxusta e chapuza xurídica este sistema fiscal e considera que significará a desaparición da maioría das comunidades de montes. As posturas son totalmente distintas: as asociacións forestais pretenden vivir profesionalmente do monte, a Organización Galega pretende garantir a supervivencia do monte veciñal.

 

Homenaxe ós Mártires de Sobredo

O domingo 27 de novembro tivo lugar en Guillarei (Tui) o acto conmemorativo do 77 aniversario dos "Mártires de Sobredo". Este acto, que contou cunha representación da ORGACCMM, é unha homenaxe anual en honra de tres veciños desta comarca que foron mortos o 28 de novembro de 1922 por disparos das forzas de orde pública por opoñerse ó cobro de rendas forais.

Os labregos galegos daquela época organizáronse en Sociedades Agrarias para loitar pola redención dos foros, para defender o dereito a ser propietarios plenos da terra que traballaban sen ter que pagar unhas rendas abusivas. Hoxe en día, tamén os veciños temos que defender ó monte comunal dunha chea de problemas: o abandono da Xunta de Galicia, que incumpre a lei; as apropiacións de moitos particulares, as comenencias dos concellos por ter terreo de balde, as expropiacións, os intentos de desfacer a propiedade xermánica e ultimamente a imposición dun sistema fiscal aberrante. Pero con unión e con firmeza esta loita gañámola tamén. Os labregos daquela conseguiron (catro anos despois das mortes) que se eliminara o pago das rendas forais. Nós tamén estamos defendendo o noso.

 

Os concellos tamén reclaman unha fiscalidade xusta para o monte veciñal

Como parte da campaña contra o Imposto sobre Sociedades, a Organización Galega de Comunidades de montes promoveu desde finais do pasado ano a aprobación en concellos e deputacións de mocións reclamando a derrogación desta normativa e outro réxime fiscal para o monte veciñal que recoñecera a súas funcións social e ecolóxica. Esta moción, presentada pola ORGACCMM na maioría dos casos, e as veces polos propios alcaldes ou os grupos políticos, foi aprobada por unanimidade na Deputación de Pontevedra e nos concellos de Pontevedra, Vigo, Moaña, Nigrán, Gondomar, Meis, A Illa de Arousa, Cerdedo, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Crecente, Poio, Pontecaldelas, Portomarín, Lousame, Soutomaior e Porto do Son. Na Guarda a moción foi aprobada cos votos en contra do PP e en Bueu e Covelo foi rexeitada pola oposición do Partido Popular. Xa son 20 os concellos que aprobaron a moción, e a Organización pretende que se trate na maioría dos municipios galegos.

 

Normativa publicada no D.O.G.

Teñen a finalidade de favorecer a xestión e conservación da flora e fauna silvestres, así como o coñecemento de espacios naturais protexidos. Poden acollerse ás axudas os propietarios dos terreos onde existan especies de alto valor ambiental. Existen 20.000.000 de pesetas para estas axudas.

SUMARIO

 

¡MANDA TRUCO!

Xornadas sobre fiscalidade forestal

Organizadas pola Consellería de Medio Ambiente e a Escola Galega de Administración Pública, os días 3 e 16 de novembro pasados celebráronse en Santiago unhas "Xornadas sobre fiscalidade forestal" que pretendían servir "para expoñer o punto de vista das organizacións de propietarios forestais cara á actual normativa fiscal dos montes veciñais en man común", segundo a información que se distribuiu. Efectivamente, os representantes dos propietarios forestais (Asoc. Forestal de Galicia, Silvanus, AFRIFOGA e Man Común) deron o seu punto de vista: a inclusión das comunidades de montes no Imposto sobre Sociedades é positivo para elas (o representante de AFRIFOGA chegou a dicir que "o Imposto sobre Sociedades consolida o monte veciñal") e hai que aceptalo, defendelo e aconsellar a tributación ás comunidades de montes. Soamente a Asoc. Forestal de Galicia recoñeceu algúns problemas para facer a tramitación. Xosé Alfredo Pereira, en nome da ORGACCMM, rexeitou categoricamente este sistema tributario para as comunidades de montes por irracional, inxusto e discriminatorio con Galicia e dixo non entender como entidades que se presentan como representantes das comunidades de montes poden dicir publicamente que este réxime fiscal é positivo para o monte veciñal, "salvo que haxa favores que agradecer". Quedou claro alí que a Organización Galega era a única que se opoñía ó imposto. Na segunda xornada, a mesa estaba integrada por representantes dos ministerios de Economía e Facenda. Empezaron nun ton moi didáctico e paternalista, explicando ós asistentes o sistema para tramitar a declaración, pero acabaron recoñecendo que non coñecían a normativa legal sobre o monte veciñal e que descoñecían o xeito en que se podían resolver moitas dúbidas sobre a aplicación do imposto. Nas roldas de preguntas, os moderadores (en especial Plácido Bahamonde, Subdirector Xeral de Montes da Xunta de Galicia) realizaron un vergonzoso exercicio de manipulación, marxinando as preguntas críticas coa Consellería de Medio Ambiente ou as entidades que defendían o réxime fiscal. Á saída un comuneiro preguntou: ¿por que unhas xornadas sobre o réxime fiscal das comunidades de montes lle chaman "Xornadas sobre fiscalidade forestal"?, ¿por que están presentes empresas que fan traballos forestais e non representan ás comunidades de montes? Ninguén lle soubo contestar. ( foto: un pouco de humor )

A Consellería de Medio Ambiente alimenta a súa rede clientelar

A Consellería de Medio Ambiente incluíu nos seus presupostos para o ano 2000 unha partida de 60 millóns de pesetas para "Formación e asesoramento de Xuntas Rectoras" e outra de 50 para "Información sobre xestión racional dos recursos ós veciños comuneiros". Deste xeito a Consellería dedica 110 millóns (o ano pasado foron 100) a "formación das xuntas rectoras e das comunidades veciñais". Sen embargo, non se ven estas actividades de formación a non ser uns cursiños impartidos nalgunhas comarcas por persoal inexperto con información parcial e respostas contradictorias. Este persoal pertence á Asociación Forestal de Galicia e a Silvanus e AFRIFOGA, asociacións ligadas á patronal agraria Asociación de Jóvenes Agricultores (ASAJA) e que reciben subvencións multimillonarias de xeito escuro (non público) da Xunta de Galicia.

A Organización Galega de Comunidades de Montes, no seu ano e medio de existencia legal, xa ten realizado máis de 50 xuntanzas por toda Galicia, con asistencia de máis de 5.000 persoas de 1.200 comunidades de montes pertencentes a 84 concellos; ademais da celebración de xornadas monográficas; Actualmente está realizando unha nova quenda de reunións. Nestas xuntanzas dáse información e asesoramento sobre o novo réxime fiscal e a problemática legal e administrativa da xestión dos montes veciñais, o que supón o labor de formación e concienciación máis importante que se está facendo hoxe nas comunidades de montes. A Organización Galega solicitou o pasado ano unha axuda económica para a celebración destas actividades, pero a Consellería de Medio Ambiente nin respondeu.

Os estados de contas. Nin estados nin contas.

Na comunidade de montes de Eiré, en Ferreira de Pantón (Lugo) andan abraiados. Solicitaron na Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente o estado de contas dos montes conveniados e a resposta foi que non se lle podían dar porque na Delegación levaban as contas por comarcas e non tiñan os conceptos separados por comunidades. Diante desta resposta impresentable (mostra de cómo funcionan certos departamentos na Consellería) a xunta rectora da comunidade fixo outra pregunta. ¿Cómo poden afirmar logo na Delegación que o monte veciñal de Eiré ten unha débeda de máis de 21 millóns de pesetas?

O Parlamento español descoñece o idioma galego.

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou unha moción reclamando ó Parlamento español a retirada da aplicación do Imposto de Sociedades ás comunidades de montes. O alcalde tramitou a moción e enviouna ó Congreso dos Deputados para o seu coñecemento. Pasados uns días, recibiu unha copia da moción e o "ruego de que remita la versión en castellano". Ante esta situación, podemos preguntarnos: Se reciben unha comunicación en inglés do Parlamento Europeo ¿Contestan do mesmo xeito? ¿Canto custa contratar un traductor para as outras linguas españolas? Polo que parece, o galego é menos que unha lingua estranxeira para o Parlamento español.

A praga do defoliador do eucalipto

Diante das fortes perdas que está causando a praga do defoliador do eucalipto (gonipterus scutellatus), introducido en Galicia polas importacións de eucaliptos realizadas por Ence, a Organización Galega de Comunidades de Montes solicitou unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, co obxecto de coñecer a extensión e importancia da praga e as actuacións que a Consellería ten previstas para loitar contra a mesma. O Conselleiro contestou que trasladaba a petición ó Director Xeral de Montes, xa que era un problema "técnico". Desde aquela (hai moitos meses) seguimos agardando a chamada do Director Xeral. Polo que parece, as comunidades de montes (propietarias da maioría dos eucaliptos afectados polo mal) non teñen dereito nin sequera a recibir información e moito menos a seren recibidas.

subhastas de madeira

Nunha gran parte das subhastas de madeira celebradas polas comunidades de montes, malia ó método empregado (sobre pechado), pola mínima diferencia entre poxas apréciase que os madeireiros están compinchados para quedarse coa madeira ó menor prezo e para decidir o adxudicatario de cada lote. Despois puidemos coñecer que algunhas prácticas ilexítimas son usadas por moitos "profesionais" do sector: pagarlle a persoas que fagan ofertas inferiores ás súas, repartirse territorialmente as subhastas, pagarlle ós forestais que marcan a madeira para que a taxen en menor prezo do que vale, etc. Nas subhastas que celebra a Xunta de Galicia coa madeira de montes conveniados tamén se aprecian estes chanchullos, ante a indiferencia (cando menos aparente) da Consellería.

As comunidades de montes deben tentar de eliminar tales prácticas. Deben escoller soamente persoas de confianza para marcar e valorar a madeira, fixar prezos de saída equivalentes ó prezo taxado, chamar ás subhastas a madeireiros que non sexan da súa zona, etc. Non podemos consentir que os recursos do monte engorden o peto de catro espabilados. A cada un o seu.

Curiosa lección de cómo se deben facer os traballos no monte

A Consellería de Medio Ambiente dedicouse no pasado outono a realizar cortalumes e limpar os existentes da maleza que tiñan. Deste xeito centos de hectáreas de terra ficaron levantadas, xusto nos meses de setembro e outubro, cando as chuvias xa empezan e as xurreiras polo monte podían facer máis dano. ¿Que técnicos fixeron ese plano de traballo? ¿En que despacho se aprobou? As veces desde a Consellería nos dan unha curiosa lección de cómo se deben facer os traballos no monte.

SUMARIO

 

PUBLICACIÓNS DE INTERESE

Título: Montes vecinales en mano común

Autor: Antonio Díaz Fuentes

Edita: Editorial Bosch, Barcelona 1999

Esta traballo ten un interese especial. Trata do monte veciñal, pero non desde o punto de vista histórico, senón desde o aspecto xurídico e legal. Fala das características do monte veciñal, do seu réxime xurídico, da formación e funcionamento das comunidades de montes e da situación legal dos montes. Apoia os seus comentarios e interpretacións coa doutrina xurídica emanada dos tribunais de xustiza, aclarando moitos puntos coas sentencias dictadas. Deste xeito queda ó descuberto a pobreza de medios e defectuoso funcionamento dos xurados provinciais de clasificación, a torpeza e inexactitude de moitas das súas resolucións, o abandono "de facto" do monte veciñal por parte da Administración galega e a pervivencia do interese da maioría das administracións públicas (locais, provinciais e autonómica) en seguir dificultando o lexítimo e legal dereito dos veciños das parroquias e lugares en recobrar a plena propiedade do monte veciñal e en xestionar e planificar o seu uso e aproveitamento. O aumento desmesurado de litixios sobre o monte veciñal nos últimos anos responde a un aumento do interese dos veciños en xestionalo e tamén da oposición das administracións públicas a consentilo.

 

Título: Los derechos reales en la Ley 4/1995, de 24 de mayo, de Derecho Civil de Galicia (Montes vecinales en mano común, aguas, servidumbre de paso y serventía)

Autor: Angel Luis Rebolledo Varela

Edita: Revista Xurídica Galega, Pontevedra 1999

Este é outro interesante traballo xurídico sobre os montes veciñais galegos. O autor, catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela, realiza un repaso, desde o punto de vista xurídico, sobre algunhas figuras recoñecidas polo Dereito Civil galego, como son o uso das augas, as servidumes de paso, as serventías e, en especial, os montes veciñais en man común. Neste último aspecto, que é o que máis nos interesa, o autor repasa a lexislación sobre o tema e algúns aspectos non totalmente aclarados, como é a condición de veciño, a inalienabilidade e imprescritibilidade do monte veciñal, a clasificación ou a organización das comunidades de montes. Todo tamén facendo referencia a sentencias habidas nos últimos tempos e a interpretacións xurídicas da lexislación sobre o monte veciñal.

 

Título: O monte comunal na Galicia contemporánea: Unha historia de resistencia

Autores: Dionisio Pereira, Alfonso Magariños, Xoán Xosé Molina e Fabián Estévez

Edita: Edicións Fouce, A Estrada 1999

Esta publicación, coordinada por Dionisio Pereira e prologada por Xosé A. Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, está composta por cinco traballos: O monte en Galicia no século XX: Documentación básica e Os montes da parroquia de Arcos de Furcos (Cuntis) nos s. XIX e XX, os dous de Alfonso Magariños, Incidencia da política da repoboación forestal na provincia de Lugo durante o franquismo, de Xoán Xosé Molina, A recuperación dos montes veciñais en man común, de Fabian Estevez e Os montes veciñais en man común e o agrarismo de anteguerra, de Dionisio Pereira. Inclúe tamén un apéndice documental.

Estes traballos inciden sobre a historia do monte veciñal (especialmente nos dous últimos séculos) como a historia da teima dos veciños por conservar o seu uso e da resistencia dos mesmos contra os intentos das administracións por usurpalo ou dirixir o seu aproveitamento segundo criterios alleos ós propios intereses dos propietarios.

SUMARIO