O Común dos Veciños ______nº 1
Agosto de 1999
Edita
Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común
Director:
Xosé Carlos Morgade Martínez, Responsable de Comunicación Interna da Xunta Rectora.
Consello de Redacción:
Cándido Iglesias Alfaro,
Xosé A. Pereira Martínez,
Luis E. Martín Uriarte,
Francisco Comesaña,
Xoan Collazo Pazó,
Xermán Souto García,
David Díaz Losada.
Organización Galega de Comunidades de Montes
Estrada Xeral de Valadares, 233 36 314 Vigo (Pontevedra)
Tel. 986 46 86 84
Fax: 986 46 94 55
Revista O Común dos Veciños
Apartado 559
36 080 Pontevedra.
O Común dos Veciños
Lembranza de Daniel García Ramos
Clausura da Asemblea Constituínte
As Mancomunidades de Montes de Galicia
Informe especial: O novo sistema fiscal
Monte e Universidade: entrevista a Eduardo Rico
Monte e Ecoloxía: Certificación forestal da madeira
As Comunidades de montes no espello: Santo Estevo de Parga, o aproveitamento da pedra.
Xa sae do prelo este primeiro número de O Común dos Veciños, a revista da Organización Galega de Comunidades de Montes. A nosa Organización, que celebrou a súa Asemblea Constituínte o pasado 16 de xaneiro en Vigo, é a primeira asociación legalmente constituída ó abeiro da lei 13/1989 que agrupa a comunidades de montes.
O Común dos Veciños era a expresión máis frecuente con que na documentación administrativa se designaba ó monte veciñal. Aínda que moitas veces a Administración utilizaba o termo de "monte comunal" (normalmente de xeito interesado, para converter en pública unha propiedade privada), a loita dos habitantes das aldeas e parroquias foi obrigando ó Estado a distinguir entre propiedade municipal ou estatal (pública) e propiedade veciñal (privada). E non era pequena a distinción, porque a propiedade pública en Galicia era escasa e os montes do común dos veciños era a práctica totalidade da propiedade colectiva.
A Organización Galega de Comunidades de Montes consolídase como a gran asociación de comunidades de montes. Independente de partidos políticos, sindicatos e poderes económicos, declara a defensa do monte veciñal e a súa natureza de base xermánica como o seu obxectivo fundamental, para o cal propugna unha maior concienciación do veciño e un maior respecto e colaboración da Administración cara ó monte veciñal, reclamando da mesma o cumprimento da Lei de Montes Veciñais.
O Común dos Veciños está aberto a todas as opinións e informacións, á participación de todos. Queremos que a nosa revista sexa un fiel reflexo do pensar e do sentir do monte veciñal. Todas aquelas aquelas persoas e Institucións que reciban a revista, e especialmente as comunidades de montes, teñen as portas abertas para presentar as súas informacións e expoñer as súas opinións sobre calquera dos aspectos que teñen que ver coa propiedade veciñal. Recibiremos con moito gusto as súas cartas e colaboracións, tamén as súas críticas, noticias e consultas (tanto técnicas coma xurídicas) que deberán remitir á Revista O Común dos Veciños, apartado 559, Pontevedra, Código Postal 36 080.
Constituída Legalmente a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común.
" Independencia, unidade e defensa do aproveitamento do monte" son os seus emblemas
O pasado 16 de Xaneiro en Vigo naceu a Organización Galega de Comunidades de Montes, tras máis dun ano de traballo da Xunta Xestora. Sucesora directa do espírito que animou o I Congreso Galego de Comunidades de Montes celebrado en Poio en 1997, esta Organización pretende reunir ás comunidades de montes de Galicia desde o convencemento de que soamente coa unión poden as comunidades afrontar os importantes problemas que abafan ó monte veciñal e poden desenvolver as súas inmensas posibilidades.
Declara a súa total independencia de partidos políticos, sindicatos e poderes económicos, pero amosa a súa disposición a dialogar con toda a sociedade galega (empezando polo propio goberno) sobre o papel que debe cumprir o monte veciñal hoxe e reclama o lugar que lle corresponde nas decisións que lle afecten. De momento xa acolle a máis dun cento de comunidades de toda Galicia.

Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común Celebrou o pasado 16 de xaneiro no Centro Cultural Caixavigo a súa Asemblea Constituínte coa asistencia de 90 comunidades. Tras un traballo de varios meses, a Xunta Xestora presentou o proxecto de estatutos, que foi aprobado con algunhas emendas. De seguido debateu a Asemblea o problema do sistema fiscal recentemente imposto polo Goberno Central, acordándose o rexeitamento a este sistema tributario e a continuación das xestións para conseguir un novo sistema fiscal que recoñeza as funcións social e ecolóxica do monte veciñal. Co establecemento dunha primeira cota de 10.000 pts. para presente ano 1999 finalizou a sesión da mañá.
Polo serán a Asemblea elixiu a primeira Xunta Rectora, saída da candidatura propiciada pola Xunta Xestora onde figuraban unha parte dos seus membros. A candidatura saíu elixida por unanimidade, o que cabe interpretar como un respaldo á Xestora.
Unha vez tomadas as decisións máis importantes, a Asemblea Constituínte puido dispoñer de tempo para outros actos relacionados co monte. Iago Santos Castroviejo, catedrático de Economía Aplicada, presentou a revista Cooperativismo e economía Social da Universidade de Vigo, que dedica o seu último número ó monte veciñal.
De seguido rendeuse homenaxe ó maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, don Daniel García Ramos, recentemente finado. O Xuíz Luciano Varela Castro, maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra e Cándido Iglesias Alfaro, vicepresidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, interviron para salientar a calidade humana e profesional do falecido e a súa defensa do monte veciñal como expresión sobranceira do seu amor a Galicia. A viúva do homenaxeado, presente na sala, recibiu o recoñecemento de toda a Asemblea.
A continuación o escritor Alfonso Álvarez Cácamo deu lectura ó manifesto "podemos vencer o lume", elaborado pola Organización e ó que se uniron entidades sociais e políticas.
O acto de clausura estivo ocupado pola intervención do escritor Manuel Rivas, que se dirixiu ós asistentes animándoos a defender as funcións do monte veciñal e, con el, a verdadeira identidade de Galicia como país.

SUMARIO
Elixida a primeira Xunta Rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes

primeira Xunta Rectora foi elixida na Asemblea Constituínte celebrada en Vigo o pasado 16 de xaneiro. Foi elixida por unanimidade, co voto favorable das 90 comunidades de montes presentes. Formada por directivos das comunidades integradas, está constituída polas seguintes persoas:
Presidente: Xosé Alfredo Pereira Martínez, de Santa
Cristina de Ramallosa (Baiona)
Vicepresidente: Cándido Iglesias Alfaro, de Coruxo (Vigo)
Secretario: Miguel Anxo Rego Sampedro, de Xuño (O Porto do Son)
Vicesecretario: Xoán Collazo Pazó, de Candeáns (Vigo).
Tesoureiro: Francisco Comesaña Diego, de Valadares (Vigo).
Vicetesoureiro: Xosé Malvar, de Cuñas (Ponte Caldelas).
Responsable de comunicación social.: Xesús García Couso, de Meira (Moaña).
Responsable de comunicación interna.: Xosé C. Morgade Martínez, de Mourente (Pontevedra)
Coordinador Xeral: David Díaz Losada, de Santo Estevo de Parga (Guitiriz).
Vocais:
Antonio Barreiro Busto, de Ces (Lousame). José Ramón Janeiro Gil, de Santa Cruz de Avelán (Dodro).
Xoán Vila Vila, de Ribasieira (O Porto do Son). Manuel Villanueva Gómez, de Chavín, Rubial e Soutolubián, Fonteita (O Corgo). Maximino Lodeiro Méndez, de Sambreixo (Guitiriz). Xermán Souto García, de Vilaxuste (Portomarín). Julio Álvarez Vázquez, de Cova (Pobra de Trives). Celso Milleiro Fariñas, de San Vicente de Nogueira (Meis). Claudio Quintillán Vallejo, de Rega dos Agros Combarro, (Poio). Ramón Lourido Pérez, de Rebordechán (Crecente). Francisco Javier Ventín Vázquez, de Chaín, A Insua (Ponte Caldelas) Ismael Salgueiro Troncoso, de Vincios (Gondomar) Santiago Souto García, de San Martiño (Moaña).
Manifesto aprobado na Asemblea Constituínte o 16 de xaneiro de 1999
Durante séculos, o monte significou en Galicia unha fonte imprescindible de recursos. Abonda con recordar que foi soporte básico da economía agraria tradicional e que, aínda hoxe, representa os dous tercios do territorio galego. Daquela o lume non era un problema.
Esta simbiose monte-veciñanza ráchase basicamente a partir dos anos 40 coa intervención da Administración. A Lei Hipotecaria, pola cal os montes veciñais en man común son usurpados polos concellos, a Lei do Patrimonio Forestal, que promove as repoboacións masivas dos montes con eucaliptos e piñeiros, e o paso dunha economía de autoconsumo a outra de mercado, viñeron a significar o desartellamento definitivo do modelo tradicional e a emigración forzosa da poboación rural, co conseguinte abandono de terras e que os montes quedarán "a monte". Nesta situación ten o seu comezo a problemática dos incendios forestais, condicionada despois por diversos factores de tipo político, económico, social e mesmo psicolóxico.
Pola contra, a Administración autonómica mantén, verbo deste fenómeno, unha postura fatalista. Os lumes son algo inevitable, coma as xeadas ou as chuvias do inverno, achacables ás condicións naturais ou atmosféricas. Desde esta óptica, para a Administración o monte é un problema en vez dunha das bases do desenvolvemento harmónico do país. E o mellor xeito de loitar contra o lume forestal é tentar de ser eficaz nos labores de extinción (con bastante fracaso, por certo) e non afrontar unha política preventiva que supere as causas que o provocan. Esta política é a que botamos en falta.
Por todo o anterior manifestamos a nosa convicción de que os incendios forestais erradicaranse o día en que o monte volva cumprir nidiamente as funcións que tradicionalmente desenvolvía, cando haxa vida á súa beira e os veciños das aldeas vivan del e con el. E temos que esforzarnos en acadalo. Compre encetar o camiño. Esta é a nosa proposta:
Primeiro.- Constitución da "Mesa por un monte sen lume", integrada pola Administración, as comunidades de montes e tódolos sectores relacionados co mundo agroforestal. Esta mesa pode ser o resultado da transformación do Comité Galego de Defensa contra os Incendios Forestais, organismo totalmente burocrático (formado polas tres administracións do Estado) e soamente eficaz na elaboración de estatísticas de lumes producidos.
Segundo.- Análise das causas dos incendios como primeiro paso para o establecemento dunha política preventiva que supere os factores que inciden no conflicto, factores diferentes en cada comarca de Galicia e que esixen unha resposta diversificada.
Terceiro.- Realización, sen máis demoras, de planos de ordenamento dos montes que contemplen as tres funcións tradicionais (social, económica e ecolóxica), que son tamén a mellor garantía de futuro, e revisión da política de reforestación das terras agrarias.
Cuarto.- Elaboración dun plano agroforestal que aposte pola promoción dos diversos productos do monte como productos de calidade, a compatibilidade de todos os aproveitamentos e usos do monte, a utilización racional da biomasa forestal e o establecemento dunha alternativa ás terras abandonadas.
A Daniel García Ramos, in memoriam
Eu quero traer hoxe aquí a figura de don Daniel García Ramos, Xuíz maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que clausurou hai dos anos o I Congreso Galego de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e que uns meses despois finaba de xeito inesperado deixándonos a todos orfos na nosa andaina. Aínda resoan as verbas ceibadas naquela ocasión: " Se ós vosos oídos chegan cantos de serea, rexeitádeos. Sería a morte irreversible dos montes veciñais". Estábase a referir ó intento de poderosos intereses económicos e políticos de privatizar os montes veciñais. A súa denuncia expresaba, de xeito sorprendente, o medo que aniñaba no corazón dos presentes, representantes de máis de 140 comunidades de montes. Todos sentimos que tiñamos unha voz máis, unha voz autorizada e competente, para unir ás nosas na defensa do monte veciñal.
Con voz clara e firme, rotunda e emocionada, o Sr. García Ramos foi debullando o seu discurso. A súa voz atronadora bramou apaixonada para ofrecernos o seu apoio: na defensa do monte veciñal, do carácter xermánico da súa propiedade, na oposición á súa privatización por aplicación de criterios empresariais ás comunidades, na defensa dos terreos veciñais como espacios multifuncionais. Denunciou os "intereses espurios" que están á espreita de botarlle as gadoupas. E animou a esixir da Administración galega que cumpra coa Lei de Montes e a defender nos tribunais, se fai falta, os nosos dereitos. Os alí presentes, cansos tras dous días de debates, ficamos coa boca aberta. Por fin un home sabio dicía o mesmo que os vellos das parroquias; por fin unha voz autorizada, experta e independente, defendía de xeito contundente a nosa idea do monte veciñal. Cando don Daniel rematou aínda estabamos abraiados. De contado, unha fervente vaga de aplausos percorreu o local e aniñou entre os presentes durante moitos minutos. Os veciños das parroquias non cansaban de aplaudir a un maxistrado. Unha fermosa sesión de clausura. Unha memorable intervención para un Congreso histórico.
Os bos vanse axiña. E don Daniel marchou sen facer ruído, despedido soamente polos amigos. As comunidades de montes perdemos un importante valedor. Pero temos moito del. O seu discurso de clausura, editado cos relatorios do Congreso, está hoxe nas mans de centos de comunidades de montes de toda Galicia. É o mellor discurso en defensa do monte veciñal que se ten feito en moitos anos. O máis autorizado e o máis apaixonado. E temos tamén o seu exemplo. De independencia e integridade. De amor á terra, a súa lingua e á súa singularidade.
A Organización Galega de Comunidades de Montes está en perfecta sintonía cos postulados defendidos por don Daniel naquel Congreso. E declara a súa defensa insubornable do monte veciñal, das súas características e da súa multifuncionalidade. Prometemos traballo e tesón nos tempos que se aveciñan, tempos de grandes esforzos pero tamén de grandes esperanzas. E don Daniel, dende onde estea, ha guiar os nosos pasos. O seu exemplo segue a animarnos.
Cándido Iglesias
SUMARIO Palabras de Clausura.
Sei que é un atrevemento tomar aquí a palabra porque veño a falar e teño diante xente que me podería aprender moitísimas cousas que teñen que ver co monte. En todo caso aceptei gustoso a invitación e estou aquí moi satisfeito e con orgullo porque tamén é importante transmitirvos agradecemento e tamén palabras de ánimo. Algunhas palabras, e sobre todo certas palabras que son moi utilizadas na retórica parece que sempre andan sobrevoando por aí, pero á hora da verdade, en determinados momentos e determinadas épocas, en circunstancias decisivas, as palabras parece que teñen a propiedade de que se van usar xusto como se fosen bolboretas nas persoas, nas xentes, nos colectivos que mellor lle acaen, é dicir, que mellor encarnan o significado desas palabras. Eu estaba pensando agora na palabra honra. Esta tarde de treboada, que para moitos de vós seguro que foi un sacrificio estar aquí, o primeiro que vos teño que dicir é que representades hoxe a honra de Galicia. Para un obsevador coma min, este encontro tráelle á cabeza a idea da unión libre, que é o contrario do que as veces se practica cando se concibe a un pobo como unha especie de gardería infantil á que hai que conducir por un capatazgo, por un patrón permanente, e vós representades xustamente o contrario do rabaño, o contrario da idea de que a política soamente se debe consumir nalgúns momentos e en rebaixas. Falo do sentido máis nobre e alto da política, que é participar nos asuntos colectivos. Isto é o que eu como observador destaco máis sobranceiro deste encontro, a unión libre construída pola base fronte á idea de facción, que é un tipo de unión e confluencia baseada nos intereses egoístas, que toma o debuxo do poder. É fundamental esta idea de deixar de ser extraterrestres na nosa propia Terra.
E é importante tamén porque falamos moitas veces de ecoloxía e tamén deberiamos aplicar a ecoloxía á linguaxe, ás palabras. Fronte a esa retórica que ás veces nos afoga, a falsidade das palabras, o imaxinario que se foi construíndo do pobo galego ó longo da triste Historia. Como as estrelas do cinema, que sempre queren que os fotógrafos lle retraten o lado bo, ó noso pobo sempre lle retrataron o lado feo, ese conxunto de tópicos que, repetidos, convértense nunha especie de orde natural, xenética, como se sempre todo o mundo fora así. A insolidariedade, o minifundismo, o galego rancoroso cos veciños e submiso co poderoso, todo ese conxunto de cousas que se repiten constantemente ata chegar a un punto de que é a realidade do espello; como di Galbraith, un moi interesante economista, se ´´os funcionarios, ó médico do seguro ou á empresa pública se lles está a dicir sempre que non serven para nada, despois de 20 anos rematarán non servindo para nada. Actos coma este son decisivos para darlle a volta a ese espello tan deformado, pois sempre se nos porá enriba coma unha pedra eses tópicos. Porque existe outra tradición, se desandamos os camiños construídos polos nosos devanceiros nos montes, terras e camiños que servían para comunicar, non para dominar. Iso que os franceses chaman chemin de remembrement, que son camiños do recordo. Se reandamos eses camiños, eses recordos, podemos atopar voces doutra tradición distinta. A tradición que ten que ver coa solidariedade, moitísimas asociacións que levan ese nome, as sociedades agrarias, a tradición da axuda mutua sempre, nas parroquias, nas aldeas cando había unha desgracia ou para colaborar nas tarefas comúns. É dicir, unha tradición de complementariedade exemplar entre o privado, o persoal ( son dos que penso que o campesiño a terra debe sentila coma súa, para sentir os froitos tamén como seus ) e o colectivo, o veciñal, iso que nunca soubo entender o poder, o estado, empoleirados alí nos seus miradores, onde non entenden ( e seguen sen entender ) ese espacio tan distinto, que non ten que ver nin coa colectivización por parte do estado nin coa ideoloxía privatista, isto é, un espacio onde poden convivir os intereses de cada familia e os intereses comunais. Neste sentido non estamos a falar só de tradición, senón tamén dun exemplo futurista. Por iso non soamente estamos a falar de séculos atrás, que é importante e ademais foi o pobo o que conservou iso. Neste país o que paga a pena conservouno o pobo: os tesouros culturais, as cantigas que seguimos cantando... . Se consideramos a Galicia como un libro sagrado, o pobo conservou as mellores páxinas, as do manuscrito da Terra.
Eu teño na memoria un poemiña de Bertolt Brech que fala do fume, que non é o fume dos incendios, que por desgracia é o único que aparece na senda informativa, nas prioridades dos poderosos, o único que fai visible o monte, pois o resto do tempo é un espacio fantasmagórico. O poema di así:
Vexo un bosque,
un fermoso bosque que rodea un lago
e a carón do lago vexo unha casiña,
e esa casiña ten unha chaminé,
e desa chaminé sae un fío de fume.
¡ Que desolación se non existira ese fío de fume !
Cando se fala de natureza, hai que unila ó factor humano, pois a natureza tamén é unha construcción humana. Pode ser unha desfeita ou aproximarse á idea do paraíso, a esa utopía de cidade-xardín da que falou Castelao . Por certo que Castelao falaba da santísima trinidade galega, que eran a vaca, o peixe e a árbore. Eu onte mesmo estaba en Corme, un escenario mariñeiro e comentábanme como despois de moito tempo de loitar contra atavismos e lastres, conseguiron organizarse para a colleita do percebe e dicían que vivían do Roncudo cen familias. ¿ quen pode facer hoxe unha fábrica que dea traballo a cen familias ? Máis ben canto máis diñeiro ganan menos emprego xeran, que o mundo está do revés e ninguén o entende. E hai pouco en Ourense dicían: Seica as castañas dan pouco, pero vivimos unas mil duascentas familias. ¿ Que fábrica poderíamos facer hoxe que dea traballo a mil duascentas familias ? . E ademais que o vai dar sempre e pode dar máis. E xa non digamos das vacas. Resulta que eu escribín un libro que se chama " Un millón de vacas " e a min dinme na Coruña: y tu que eres de La Coruña, ¿cómo escibiste un libro que se llama " Un millón de vacas"?. Como se as vacas foran dinosaurios ou animais doutro planeta. En grande medida seguimos vivindo desa santísima trinidade, que son as tres grandes esperanzas que temos, e estou seguro de que imos conseguir vivir mellor, que non é só gañar máis senón que atinxe á calidade de vida. O monte foi a trabe que sostivo a sociedade agraria tradicional, - sabédelo mellor ca min -, e estou convencido de que vai ser tamén unha das trabes que sosteña o futuro de Galicia. E iso vai se así gracias ó factor humano, non gracias ó dirixismo dos que ignoran a realidade do país no que viven, senón gracias a vós.
Galicia ten que deixar de ser un bonsai podado, e temos que tentar conxugar esa idea de rendabilidade, de desenvolvemento sostible e tamén diso do que ás veces se ri a xente, que é a paisaxe e fermosura. Porque a min cabréamo moito cando escoito eses tópicos que " Hay que superar la Galicia de la gaita", ( eu non sei que dano lle fixo a gaita a estes elementos ) e " Del paisaje no se come " ( cando queren facer algunha falcatruada ); pois si, da paisaxe tamén se come, pero non no sentido de " ¡ Que van dicir os que veñen de fóra ! ". ¿ Por que temos que pensar na paisaxe en relación cos de fóra, e non en nós mesmos, no nosos fillos ? ¿ É que non nos gusta que a nosa paisaxe sexa fermosa ?.
E por último venme á cabeza outro texto, que fala dos conxurados, dos reunidos, que en principio pode parecer que non ten moito que ver, pero que para min expresa moi ben todo o que significades. É un poema que escribiu Borges falando de cómo naceu Suiza, o primeiro país libre que naceu hai uns oitocentos anos, máis ou menos no tempo en que aquí houbo a loita dos Irmandiños e foron derrotados. Eles, aqueles Guillermo Tell, eran campesiños que baixaban das montañas, eran ó principio só tres cantóns e conxuráronse, xunto con artesáns dos burgos, para facer un país libre, para non ser servos nunca máis. Nunha parte dese texto dicía:
No centro de Europa están conspirando,
o feito data de mil douscentos noventa e un,
trátase de homes e mulleres de diversas estirpes
que profesan diversas relixións e que falan diversos
idiomas.
E tomaron o estraño acordo de ser razoables,
resolveron esquecer as súas diferencias
e acentuar as súas afinidades.
No centro de Europa, nas terras altas de Europa
medra unha torre de razón e de firme fe.
Mañá serán todo o planeta.
Acaso o que conto non é verdadeiro,
Pero ogallá sexa profético.
Pois a min tamén me gustaría ser profético, dicir que mañá será Galicia, non no centro de Europa, senón nesta beira do Atlántico. Só dicirvos: felicidades, sodes un exemplo ( este acto que puiden ver é admirable ) e recordando o saúdo tradicional dos pioneiros galeguistas, que cando se encontraban dicían : Saúde e Terra, irmáns; eu dígovos: ¡ Saúde e monte, irmáns !
As Mancomunidades de Montes de Galicia
A MANCOMUNIDADE DE MONTES DO VAL MIÑOR
Xosé A. Pereira Martínez. Presidente da Mancomunidade de Montes do Val Miñor
A súa orixe
Os primeiros pasos cara á formación da Mancomunidade de Montes do Valmiñor ( Concellos de
Baiona, Gondomar e Nigrán ) son de decembro de 1991 e a legalización acadouse en maio de 1992. Os antecedentes hai que remontalos na experiencia de varias comunidades da bisbarra desde a formación da Coordinadora de Montes de Galicia, nacida con motivo da elaboración da Lei de Montes do ano 1989. Durante unha primeira etapa ( 1992-96) o funcionamento da mancomunidade foi irregular, para acadar a partir deste último ano unha mellor actuación. Actualmente está formada por 15 das 19 comunidades de montes da comarca.O seu funcionamento
A experiencia acumulada nestes anos demóstranos que as claves do funcionamento son as seguintes:
As vantaxes da Mancomunidade
Na formación.
Non descubrimos nada novo se afirmamos que é moi importante que as comunidades de montes conten cun sistema de información. As mancomunidades deben contar con este servicio, tanto no referente á normativa e axudas publicadas
( D.O.G., B.O.E.) como a outras publicacións ( libros, revistas, informes, etc ) que sexan de interese para as comunidades.Na Xestión.
As mancomunidades de montes poden abaratar considerablemente ( reducindo custos, tempo e dificultades ) a xestión administrativa das comunidades: viaxes ás delegacións provinciais, solicitudes de subvencións, asistencias a subhastas de madeira, etc. ). É unha das grandes vantaxes para as comunidades de montes que están lonxe da capital provincial.
Na formación.
É outro ámbito importante de actuación. A mancomunidade pode organizar xornadas, encontros e xuntanzas para tratar temas de interese: divulgación forestal, relación do monte coa parroquia, etc. No Val Miñor acostumamos facer unhas Xornadas cada ano ( xa van catro ) dirixidas tanto para nenos como para adultos. Estas actividades están parcialmente subvencionadas, polo que non supoñen un gasto elevado.
A loita contra o lume.
Vense facendo no Val Miñor pola Mancomunidade desde hai anos. Tamén están subvencionadas en parte pola Delegación de Medio Ambiente, polo que o gasto para cada comunidade está arredor de 200.000 Pts. Cada campaña permítenos contar con 10 traballadores, 2 capataces e 2 vehículos todoterreo durante dous meses e medio. Mantemos estas cuadrillas sempre no monte, pois cando non están apagando no lume realizan labores de prevención (limpeza, rareo...). Deste xeito e tendo en conta que estes traballos supoñen a limpeza de 1 hectárea por comunidade, podemos dicir que o custe destas cuadrillas contra o lume é moi baixo.
Problemática que se están tratando actualmente.
O afrontamento de problemas e a busca de solucións e alternativas é, en xeral, máis doada se o facemos na Mancomunidade. Dúas cuestións estamos tratando actualmente:
O problema do gando solto.
Nos montes veciñais do Val Miñor, este é un problema importante. O gando bravo pasta sen control e consideramos que é a principal causa dos incendios forestais. Os donos deste gando non son veciños comuneiros e ás veces mesmo non viven nos concellos da zona. estes " gandeiros " presionan ás comunidades de montes máis débiles para que lles asinen unha autorización de pasto, co que despois levan o seu gando a pastar a calquera das comunidades ( inda que isto sexa alegal ). A Mancomunidade ten estudiado o problema e non se opón ó pastoreo deste gando, sempre que esta actividade sexa regulada e controlada. Aprobouse a seguinte estratexia:
Neste momento estamos traballando no punto 3º.
O aproveitamento da biomasa.
Cada ano as comunidades de montes do Val Miñor gastamos uns 40 millóns de pesetas en traballos do monte: limpeza, poda, rareo... Os restos leñosos destes traballos, a biomasa, queda abandonado no monte. Isto supón un perigo serio de incendio. Ou ás veces quéimase, co que queimamos moitas toneladas de recursos forestais. A Mancomunidade está estudiando as posibilidades de aproveitar a biomasa, para o cal ten encargado un estudio de viabilidade dunha planta de tratamento destes recursos á
Universidade de Vigo a través da Asociación " Cooperativismo e Economía Social ".
A MANCOMUNIDADE DE MONTES DE VIGO
Cándido Iglesias Alfaro, Vicepresidente da Mancomunidade de Montes de Vigo.
Vigo e os seus montes.
A cidade de
Vigo está situada no interior da gran ferradura verde pola que discorre a cadea montañosa que conforma o perímetro do municipio. Na súa estructura morfolóxica os montes describen un arco interior aberto ó mar que teñen continuidade nos concellos lindeiros. A franxa forestal descrita representa máis da cuarta parte da superficie do Concello, aproximadamente 3.000 hectáreas sobre as 10.934 totais. Delas case 2.000 hectáreas están clasificadas como montes veciñais en man común ( ou doutros titulares colectivos, como a Entidade Local Menor de Bembrive ) e as restantes 1.000 hectáreas son parcelas particulares.Constitución da Mancomunidade.
A primeiros de 1996, despois de diversas xuntanzas entre as entidades propietarias e de diversas xestións encamiñadas ( sen éxito ) a acadar as correspondentes corresponsabilidades das administracións, tomamos a decisión de xuntar os nosos esforzos. Para tal fin, acolléndonos á vixente Lei de Montes Veciñais, acordamos a constitución dunha comisión xestora co cometido de asumir os trámites oportunos cara á creación dunha mancomunidade de montes.
O 20 de xullo do mesmo ano os representantes das comunidades de montes de Beade, Cabral, Candeán, Castrelos, Coruxo, Saiáns, San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia, Sárdoma,
Valadares, Zamáns e da Entidade Local Menor de Bembrive, reunidos en Asemblea constituínte, procedemos á aprobación dos estatutos e á elección da primeira Xunta Executiva. A mancomunidade de Montes de Vigo acababa de nacer. Baixo o lema " O monte, o noso proxecto, o noso futuro . Disfrútao e cóidao connosco ", e na compaña de representantes sociais, das administracións e dos medios de comunicación, a xornada festiva completouse cun xantar de irmandade no Parque Forestal de Beade. Actualmente a comunidade de montes de Teis tamén forma parte da Mancomunidade.O compromiso que adquirimos é a defensa e mellora dos montes do municipio de Vigo en tódolos eidos: económico, social, ecolóxico, cultural e de relación. Unha suma de esforzos na procura do intercambio de experiencias, a formación e o asesoramento técnico e xurídico conxuntos, a promoción de planos de desenvolvemento integral dos montes, a prevención de incendios e pragas forestais, a adquisición de maquinaria para uso mancomunado e a esixencia conxunta ás administracións do cumprimento das súas obrigas. Tódalas comunidades de montes manteñen plena independencia no seu funcionamento interno, delegando na Mancomunidade as competencias recollidas nos Estatutos.
Desde tódolos ámbitos é recoñecida a importancia e a función dos espacios naturais localizados nas proximidades das grandes cidades. O contorno natural que administramos configura un conxunto de recursos esenciais para a cidade de Vigo e a súa bisbarra. Os seus valores social, cultural, ecolóxico e paisaxístico, por enriba da rendibilidade económica conforman, sen dúbida, a mellor garantía de calidade de vida dos habitantes. Os nosos espacios están abertos ó uso e disfrute de todos, mais o aproveitamento social que se faga en ningún dos casos deberá atentar contra a calidade do medio.
Desgraciadamente a relación da sociedade urbana co seu contorno natural, a asimilación da súa principal función, non se caracteriza por un trato de consideración e respecto. Os comportamentos agresivos deveñen en consecuencia devastadoras, ás veces irreversibles, sobre os montes, as parroquias e a comunidade en xeral. A realidade cotiá danos mostras diso: A moeda que recibimos dos que coidan os montes veciñais son un saco sen fondo está a vista de todos. Unha multitude de lixos ocupan as beiras das pistas forestais. Canda día vértense, na máis absoluta impunidade, toneladas de materiais de todo tipo nas propiedades veciñais. Os seus efectos sobre a estabilidade do medio e para a saúde supoñen un perigo de graves consecuencias que cómpre remediar. Pola súa dimensión, ó non prestar as autoridades competentes unha colaboración eficaz na persecución deste tipo de delictos, o problema desborda as posibilidades de acción das comunidades de montes.
Os montes están abertos a todos, mais algúns, levados pola moda do momento, convértenos en circuitos de carreiras. "Deportes" agresivos como o motocross ou a conducción incontrolada de automóbiles 4x4 provocan un gran deterioro do terreo e da súa vexetación, e supoñen un atentado ás funcións que debe desempeñar o monte. É precisa a urxente aplicación de medidas contempladas na Ordenanza Municipal de Zonas Naturais e Espacios Verdes, que regula a circulación deste tipo de vehículos e a intervención da policía na persecución destas conductas tan prexudiciais. Fronte ó uso indiscriminado e agresivo, carente da máis mínima sensibilidade co medio natural, facemos un chamamento ás administracións ( ás veces esquecidas das súas obrigas ) e en xeral a tódolos cidadáns a súa cota de responsabilidade.
A Mancomunidade de Montes de Vigo traballa polo desenvolvemento dos montes veciñais baixo uns principios básicos de equilibrio e cooperación entre os cidadáns e a natureza. Neste sentido o noso proxecto ten unha idea clara: a cidade da que todos somos parte non pode medrar a calquera prezo. Outras cidades medraron sen xeito. No seu espallamento, o seu impulso devorador levounas a unha situación irreversible; cando se decataron xa era demasiado tarde. Para que isto non suceda en Vigo pensamos que o futuro témolo que crear dende o presente contando coas partes e cos intereses xerais. As medidas que agora se tomen deben servir para moitos anos.
O novo sistema fiscal
Outro intento de destruír as propiedades veciñais
O talante "democrático" do
Partido Popular.Desde primeiros deste ano, as comunidades de montes veciñais en man común fomos incluídas no
Imposto de Sociedades . Esta acción foi posible por unha emenda do Grupo Parlamentario do Partido Popular do Senado á Lei de Acompañamento dos Presupostos Xerais do Estado para o ano 1999.¿ Cal foi a razón de que o
PP metese ás comunidades de montes no Imposto de Sociedades pola vía rápida ? A razón está na necesidade de salvar a cabeza de varios axentes tributarios que nalgunhas zonas de Galicia ( Vigo, Foz, O Barbanza, Pereiro de Aguiar....) desde hai anos tiñan embargadas as contas bancarias de comunidades de montes, nunha acción ilegal, por entender que lles era aplicable o Imposto de Sociedades. E cando empezaban a saír as resolucións xudiciais declarando a ilegalidade desta aplicación e a obriga de devolver o diñeiro cobrado con intereses de demora, o Partido Popular fixo a xogada e inventouse unha nova letra no apartado de suxeitos pasivos do Imposto de Sociedades, colocándonos dentro del e sen facer caso das propostas que desde as comunidades de montes lle fixemos.Impoñerlle ás Comunidades de montes o
Imposto de Sociedades mediante unha emenda de última hora á Lei de Acompañamento ( no último minuto e sen facer caso das peticións das comunidades ) amosa o talante antidemocrático dalgúns comportamentos do PP ( e o sumiso que son os parlamentarios galegos ) xa que elimina a posibilidade de debate no Congreso dos Deputados. Unha reforma desta envergadura para Galicia ( que pode facer desaparecer na práctica á maioría das comunidades de montes ) debería ter sido discutida e debatida no Congreso e no Senado, con oportunidade de presentar propostas.Pero ademais de antidemocrática, esta actuación é tamén anticonstitucional, pois vulnera o artigo 134.7 da Constitución que di que "a Lei de Presupostos non pode crear tributos". E vulnérase tamén a Disposición 9ª da propia Lei de Acompañamentos, xa que esta non contempla a posibilidade de modificar o ámbito persoal do imposto.
Un dos acordos que tomou a Organización Galega de Comunidades de Montes na súa Asemblea Constituínte é a intención de presentar recurso de inconstitucionalidade contra esta lei, o que conseguimos coa axuda inestimable do
PSOE. Deste xeito, a inclusión das comunidades de montes no Imposto de Sociedades está recorrida ante o Tribunal Constitucional.
As consecuencias da nova tributación.
¿ Qué significa este novo imposto?.
A mala fe da nova imposición.
Admitimos que se debe efectuar un control económico das comunidades de montes para garantir que estas entidades cumpran coa normativa vixente. Pero a inclusión no imposto de sociedades soamente garante un trato de empresa privada con beneficios, deixando clara a mala fe dos lexisladores:
As razóns desta nova contribución.
Visto que a inclusión das comunidades de montes no Imposto de Sociedades é irracional, inxusta e demostra a ignorancia e desprezo do que é o monte veciñal galego, ¿ que se pretende con este Imposto? Se din que moitos investimentos son desgravables ¿por qué nos obrigan a levar tantos libros contables? . Para a Organización Galega de Comunidades de Montes isto é un paso mais en algo que viñamos denunciando desde hai anos: a destrucción do monte veciñal como tal e a súa conversión en bens mercantís. A excesiva burocracia a nos obrigará, a dificultade de xustificar algúns gastos e a responsabilidade penal en que van a caer as xuntas rectoras que non leven a contabilidade correctamente, vai provocar que moitos directivos opten por abandonar uns cargos non remunerados e nos que soamente atopan problemas e pouco apoio. Moitas comunidades de montes que aínda non teñen xunta rectora non a constituirán, outras quedarán sen ela e o abandono da xestión do monte será unha tendencia en aumento no futuro.
Nesta situación, o beneficiado non vai a ser o Estado, senón intermediarios como xestorías, asesorías fiscais ou empresas forestais, que van levar o diñeiro que hoxe investimos en obras ou no monte. Favorecidas pola Administración, ca comezan a aparecer empresas (algunhas mesmo se presentan como asociacións de comunidades de montes) que se ofrecen para levar a contabilidade (vostedes asinen aquí que nos encargámonos de todo). Detrás virá o aluguer dos montes ou a cesión directa mediante convenios para que as empresas poidan facer negocio co noso monte. Os veciños, de novo, serán expulsados do comunal. ¿Quen defenderá entón os montes?
As contradiccións deste imposto
A aplicación ás comunidades de montes dun imposto pensado para as empresas mercantís provoca contradiccións evidentes:
1.- O inventario. Para empezar a declarar hai que facer antes un inventario: monte, extensión, recursos que teñen..., o que xa supón un gasto importante (as comunidades que teñen problemas de lindes tamén terán un problema máis). Este inventario ten que ser actualizado cada ano -outro gasto máis-. Cada ano os recursos aumentan (maior volume de madeira no monte), polo que hai que pagar o 25% deste incremento. Isto supón cotizar por unha madeira que aínda non se vendeu. Se despois hai un incendio forestal, pagaches polo que non terás. Unha auténtica aberración.
2.- O pagamento fraccionado. Cada catro meses hai que facer un pagamento. A contía destes pagamentos vai en relación coa cantidade pagada o ano anterior. Se un ano se fixo unha declaración positiva, hai que pagar cantidades elevadas inda que ese ano non se reciban ingresos. Despois, se se pode, xa se descontarán. Outra contradicción contable.
3.- A estimación de rendas. A lei do imposto de sociedades establece que as cesión de bens e dereitos nas distintas modalidades presumiranse retribuídas polo seu valor de mercado. Aplicando esta estimación de rendas á caza, os recursos cinexéticos do monte tributarán ó 25%. Vexamos un exemplo: un monte ten 100 cazadores e a Axencia Tributaria considera unha media de 10 coellos por cazador, 1.000 pts por coello (valor de mercado); xa que logo a comunidade de montes gana 1.000.0000Pts pola caza pagará 250.000 Pts. ¿Qué vai pasar?, pois as comunidades de montes non deixarán cazar nos montes so os cazadores non pagan esta contribución que reclama Hacienda. Podemos estar ante un problema social moi grave.
4.- Gastos de difícil xustificación. Todos os que estamos na xestión de comunidades de montes sabemos que hai unha chea de gastos de difícil xustificación. Ás veces custa moito ter un comprobante de certos traballos. Son gastos pequenos no orzamento ( pequenos transportes, gastos de teléfono...), pero imprescindibles para a xestión da comunidade. Estes gastos non poden entrar dentro da declaración do imposto, polo que, ou os directivos corren con eles ou haberá que contratar a unha persoa para que se faga cargo deles. En todo caso outro problema.
A postura da Organización Galega de Comunidades de Montes.
Algunhas voces malintencionadas andan dicindo que nós estamos contra o control dos recursos ( ingresos e gastos) das comunidades de montes. Non é certo. A Organización Galega de Comunidades de Montes é partidaria do establecemento dun sistema fiscal xusto, racional e axeitado á realidade do monte veciñal. A nosa postura, da que son sabedores tódolos partidos políticos, a
Consellería de Medio Ambiente e a Dirección Xeral de Tributos do Ministerio de Economía y Hacienda (xa presentamos varias propostas) está contida en 3 puntos:
A actuación das organizacións forestais.
As outras organizacións forestais e de comunidades existentes ( Silvanus, Afrifoga, Asociación Forestal de Galicia, Man Común), relacionadas unhas con outras e con subvencións millonarias por parte da Xunta de Galicia, están a favor da inclusión do monte veciñal no imposto de sociedades, posto que vai supoñer un importante aumento dos seus ingresos a conta do diñeiro das comunidades de montes. Recoñecen que vai haber moitas dificultades para aplicar esta tributación, pero teñen a desvergonza de dicir que este é o mellor imposto que lle podía caer ó monte veciñal. Cantas máis dificultades teñan as comunidades de montes máis precisarán dos seus servicios.
A Organización Galega de Comunidades de Montes, aínda que contraria a este imposto, conseguiu da Dirección Xeral de Tributos o compromiso de negociar coas comunidades de montes e organizacións forestais unha aplicación clara e que simplificase a burocracia. Os constantes chamamentos nosos ás outras organizacións para asinar conxuntamente unha carta reclamando esta negociación foi respondida negativamente por todas elas. Era lóxico; se se negociaba un sistema sinxelo de declaración, as comunidades de montes xestionaríano elas mesmas e acabouse o negocio. Esta é a defensa do monte veciñal que todos din que fan.
O traballo da Organización Galega de Comunidades de Montes.
Ademais de presentar un recurso de inconstitucionalidade (realizado polo
PSOE) e de tentar que a aplicación deste tributo fose sinxelo e claro (reclamación que tivemos que realizar nós sós, porque as outras organizacións negáronse a apoialo), seguindo o aprobado pola Asemblea Constituínte celebrada en Vigo o pasado mes de xaneiro, comezamos varias iniciativas cos partidos políticos galegos. O PP non quixo saber nada de nós (eles apoian a lei actual), pero os outros partidos apoian a nosa postura. O 30 de xuño o PSOE presentou unha proposición non de lei para que o Parlamento Galego fixera unha nova lei fiscal para os montes veciñais galegos; apoiouna o BNG e EG, pero rexeitouse cos votos do PP. Pero non imos desanimarnos. Temos o compromiso do PSOE e do BNG de presentar no Parlamento Galego unha nova Proposición non de Lei sobre a fiscalidade do monte veciñal en man común. os dous partidos ofrécennos participar na elaboración da mesma.A aplicación do imposto de sociedades vai provocar una difícil situación nas comunidades de montes e mesmo pode poñer en perigo a xestión de moitas delas. Pero non debemos caer no desánimo e abandonar a pelexa. Se os nosos avós nos miraran, botaríannolo en cara. Eles tiveron que loitar tamén contra a Administración, que daquela tiña moito máis poder que hoxe. O monte veciñal sufriu moitos ataques ( desamortización, apropiacións do Estado polo forza,
Lei Hipotecaria, usurpación polos Concellos ) pero, malia a todo, hoxe inda temos aí os montes veciñais. Ós nosos pais lles dixeron nos anos 40 que os montes non volverían a ser dos veciños. Se eles se desanimasen, hoxe non habería nada. Os veciños e veciñas somos o elemento máis dinámico desta problemática. E se estamos unidos, non somos fáciles de vencer.Por iso non hai que desmoralizarse. Non escoitedes a todos os que vos digan que o monte veciñal non ten futuro, nin ós que vos aconsellen que é mellor deixalos nas mans de empresas, nin de que hoxe hai que se un experto para xestionar o monte veciñal. Non debemos se pesimistas. Hoxe, por sorte, temos máis ferramentas para defender o monte das que tiveron os nosos avós: a democracia, os medios de comunicación, a concienciación, as mobilizacións, as eleccións.... Debemos usalos todos, se chega o caso.
Aínda estamos na época de opoñernos frontalmente a esta fiscalidade, e creemos sinceiramente que con unión podemos tumbala. E xa teremos ocasión máis adiante de reclamar seriamente unha aplicación racional da mesma.
Todo é posible se temos claro cal é a nosa meta e nos unimos para conseguilo. Isto ou o que veña despois. O que o monte vaia a ser no futuro depende do que fagan os partidos políticos, nin a
Xunta de Galicia, nin os poderes económicos. Depende de nós.
A continuación transcribimos os artigos da Lei de acompañamentos dos presupostos xerais do Estado para 1999 que nos afectan:
Ley 50/1998, de 30 de diciembre, de Medidas Fiscales, Administrativas y del Orden Social (B.O.E. nº 313, de 31 de decembro de 1998, páxinas 44414 e 44417)
TITULO 1.- Normas tributarias.
Sección 1ª: Impuesto de Sociedades.
Artículo 1. Modificaciones en la Ley 43/1995, de 27 de diciembre, del Impuesto de sociedades (...)
Undécimo. Se añade un nuevo capítulo XVI al Título VIII de la Ley 43/1995, de 27 de diciembre, del Impuesto de Sociedades:
Capítulo XVI
Régimen de las comunidades titulares de montes vecinales en mano común.
Artículo 135 bis. Régimen de las comunidades titulares de montes vecinales en mano común.
1. La base imponible correspondiente a las comunidades titulares de montes vecinales en mano común se reducirá en el importe de los beneficios del ejercicio que se aplique a:
La aplicación del beneficio a las indicadas finalidades se deberá efectuar en el propio período impositivo o en los tres siguientes. En caso de no realizarse la inversión dentro del plazo señalado, la parte de la cuota íntegra correspondiente a los beneficios no aplicados efectivamente a las inversiones descritas, junto con los intereses de demora, se ingresará conjuntamente con la cuota correspondiente al período impositivo en que venció dicho plazo.
La administración tributaria, en al comprobación del destino de las inversiones indicadas, podrá solicitar los informes que precise de las Administraciones autonómicas y locales competentes.
2. Las comunidades titulares de montes vecinales en mano común tributarán al tipo impositivo previsto en el apartado 2 del artículo 26 de esta ley.
3. Las comunidades titulares de montes vecinales en mano común no estarán obligadas a prestar declaración por este Impuesto en aquellos períodos impositivos en que no obtengan ingresos sometidos al mismo, ni incurran en gasto alguno, ni realicen las inversiones a que se refiere el apartado primero.
4. Los partícipes o miembros de las comunidades titulares de montes vecinales en mano común integrarán en la base del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas las cantidades que les sean efectivamente distribuidas por la comunidad. Dichos ingresos tendrán el tratamiento previsto para las participaciones en beneficios de entidades en el apartado 1 del artículo 23 de la ley 40/1998, de 9 de diciembre, del Impuesto sobre la Renta de las Personas Físicas y otras normas tributarias, y les resultarán aplicables los porcentajes correspondientes a las entidades del artículo 26.2 de la presente Ley
.Entrevista a Eduardo Rico
Eduardo Rico, Profesor da Universidade de Santiago. " A repoboación forestal do franquismo botou ós veciños do monte "
Eduardo Rico Boquete, nado na Coruña en 1962, é profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago e especialista na recente historia forestal de Galicia con varios traballos sobre o tema. Especial interese teñen as súas publicacións Política forestal e repoboación en Galicia 1941-1971 e
Celulosas de Pontevedra y su influencia en el sector forestal de la provincia.
Vostede estudiou a repoboación dos montes galegos polo Patrimonio Forestal do Estado no franquismo. ¿Cales foron as causas desta actuación ?
Hai varias razóns: as ideas sobre os beneficios derivados do aumento da producción forestal que tiñan na Escola de Enxeñeiros de Montes xa desde o século XIX, os experimentos con especies de crecemento rápido realizados nos anos 20 especialmente en Pontevedra e a influencia sobre este tema do ideario do fascismo italiano e o nazismo alemán. Trala Guerra Civil, dúas circunstancias importantes viñeron a sumarse: a autarquía voluntaria, isto é, a idea que tiña o goberno franquista de que España sería máis rica se producía aquí todo o que necesitase e o poder coercitivo da Dictadura, que podía exercer unha política autoritaria sen oposición. Todos este elementos, xunto coa necesidade de abastecer ás grandes industrias da madeira e da minería, fixeron posible este proceso repoboador, que foi moi intenso.
¿Cales foron as características desta repoboación?
As necesidades de producción de madeira fixeron que as especies utilizadas foran as de crecemento rápido: pinus pinaster e insignis. A inexistencia de montes do Estado en Galicia obrigou ó Patrimonio Forestal a buscar os consorcios con deputacións e concellos, que naquela época tiñan a administración dos montes veciñais. Con isto conseguiron xuntar grandes zonas para a repoboación coa plantación de grandes masas uniformes, o que facilitaba o seu control e tratamento.
¿Qué papel cumpriron os Concellos?
Os concellos debían ofrecer os terreos a repoboar e ofreceron os montes veciñais, que acababan de incluír nos seus inventarios. Neste proceso foron meras comparsas, inda que despois van percibir unha parte dos beneficios, entre o 5 e o 35% chegando ó 60% no caso de consorcios directos, sen intervención das deputacións. Normalmente os concellos colaboraron de xeito entusiasta, inda que nalgúns casos opuxéronse, especialmente onde había unha cabana gandeira importante. Foron os menos, pero nunha época de poder absoluto do Estado esta oposición ten moito valor. Sen embargo, a maioría colaborou e mesmo incumpriu a obriga de repartir cos veciños os beneficios económicos da repoboación, como establecía o Regulamento de Montes de 1962.
¿E como responderon os veciños?
Os veciños non contaban. As parroquias non tiñan personalidade xurídica e, xa que logo, capacidade legal para actuar. Os seus montes están en mans dos concellos e son expulsados deles, pois non se permiten os usos tradicionais: leñas, pastos, estivadas... Isto significa na práctica a ruptura do sistema agrario tradicional, nun momento ademais de forte presión agrogandeira sobre o monte, pois son os anos da fame. Por iso son frecuentes os casos de oposición.
En todo caso unha oposición dentro dunha orde establecida.
Dentro e fóra. A oposición veciñal foi moito máis forte do que se ten dito. Non soamente con escritos, reclamacións e demandas xudiciais (mesmo protestaron moitas Hermandades Nacionales de Labradores y Ganaderos, de obediencia estatal) senón tamén con oposición física: destruíron viveiros e plantacións, pararon os traballos no monte e chegaron a corres de alí ós enxeñeiros e outro persoal técnico. Nalgúns casos os traballos tiveron que facerse coa vixiancia da
Garda Civil. Nos anos 40 manter estas actitudes supoñía un gran risco, polo que debemos tomalo como unha mostra do grao de desesperación dos veciños, que se vían desposuídos dos seu medios de subsistencia.
A veces se ten falado de que esta repoboación tan intensa e tan extensa foi unha das causas da emigración iniciado nos anos 60.
A día de hoxe os estudios realizados non nos permiten coñecer polo miúdo esta cuestión. Pero en todas as reclamacións ( e teño contado máis de 2.000) os veciños sempre falan da emigración coma consecuencia inevitable da repoboación foresta. Salientan que se lles nega a posibilidade de seguir usando o monte para os seus aproveitamentos de sempre e que as familias non poderán sobrevivir sen o monte veciñal. Aínda que non hai estudios específicos e os efectos sociais foron diferentes dunhas comarcas a outras, podemos afirmar que, cando menos, a repoboación forestal axudou á desaparición do sistema agrario tradicional e, polo tanto, favoreceu a emigración. Hai que recalcar que os veciños non estaban en contra de que houbera repoboación forestal, senón do xeito en que se estaba facendo, tan irracional e tan precipitada.
Visto desde hoxe, ¿ qué tivo de positivo e de negativo a repoboación do franquismo?
Como consecuencia positiva, o aumento da superficie forestal de Galicia e a xeración de materia prima para abastecemento da industria madeireira. Como principal efecto negativo o axudar a destruír o sistema agrario galego por non ter en conta a función complementaria da economía agraria que tiña o monte. Outras consecuencias negativas, xa previstas desde o principio, son os incendios forestais e as pragas polas especies escollidas ( despois viría o eucalipto, cando foi atractivo para as celulosas) e por favorecer a formación de grandes masas sen os coidados de mantemento necesarios. Buscouse sempre o beneficio económico inmediato sen favorecer un aproveitamento equilibrado nin un tratamento das masas acorde dos principios dasonómicos.
Vostede estudiou tamén a implantación dunha
fábrica de celulosas en Pontevedra. ¿ A qué obedeceu a construcción desa fábrica?.Enmárcase dentro da política autárquica do franquismo e para evitar a importación de pasta celulósica. Construíuse en Pontevedra por varias razóns: xa había un proxecto anterior de 1927, era unha provincia que nos anos 50 xa dispoñía de masas forestais e de industrias de primeira transformación da madeira... No tocante ó emprazamento concreto tívose en conta a súa situación equidistante de grandes masas forestais (Barbanza, Val Miñor, zona interior), o abastecemento de auga do Lerez e a existencia de boas comunicacións.
¿Non se tivo en conta o seu impacto ambiental?
Curiosamente este foi un dos argumentos que decidiu a súa ubicación na ría de Pontevedra. Estudiáronse outros emprazamentos, por exemplo na desembocadura do Ulla, pero o maior aproveitamento marisqueiro da Ría de Arousa disuadiu ó I.N.I. de construíla alí. Decidiu a instalación de Pontevedra para aforrar fortes investimentos en medidas medioambientais. En realidade tiñan informes que salientaban a forte contaminación que se ía provocar na Ría de Pontevedra, pero desprezaron claramente o uso marisqueiro destas augas.
Pero houbo unha certa oposición dos mariscadores da Ría.
Houbo moita oposición, sobre todo polas mariscadoras de Lourizán. Houbo viaxes a Madrid, manifestacións diarias e accións de sabotaxe. Chegou a intervir a infantería de mariña, que cargou fortemente contra os veciños. Se isto pasa nos anos 50, hai que falar de forte oposición.
En todo caso, o emprazamento acabou demostrándose erróneo.
Si, pero daquela non preocupaba nada. A contaminación producida ou os danos no marisqueo, consecuencias xa previstas polo INI, eran efectos negativos inexistentes porque non se ía tentar de evitalos e polo tanto non tiñan custe para a empresa. O único que se valorou foi a rendibilidade económica e neste sentido o emprazamento foi considerado axeitado.
Xa para rematar, unha última reflexión: ¿ Unha política forestal desordenada e precipitada, que busca sobre todo a rendabilidade económica rápida, coa promoción de especies de crecemento rápido, ten sentido hoxe, coa internacionalización da economía?
Penso que debe haber unha política forestal máis equilibrada e sostible, con maior diversificación das especies. A madeira non debe ser o único recurso a favorecer. Un enxeñeiro de montes, Luis Ceballos, dicía que o mellor monte era aquel que satisfacía ó veciño, ó industrial, ó cazador e ó paisaxista, isto é, á maioría da poboación. Deixouno escrito en varias obras súas nos anos 30. Por suposto o franquismo non lle fixo caso, pero tralo acontecido nas últimas décadas, a opinión de Ceballos, expresada cun concepto novo, vai camiño de impoñerse: é a multifunciónalidade.
CERTIFICACION FORESTAL DA MADEIRA
Cara a implementación dunha xestión forestal sostible
Miguel Angel Soto.
Campaña de bosques
A certificación forestal da madeira é, actualmente, a iniciativa máis interesante que se está levando a cabo para mellorar a xestión forestal nos bosques do planeta. En España, da man dun cada vez maior número de consumidores preocupados pola orixe dos productos que consume, o etiquetado ecolóxico da madeira está a punto de ser implantado. Algúns cidadáns xa empezaron a preguntar en tendas e grandes almacéns: A madeira destes mobles ¿ de onde vén?, ¿foi extraída de bosques xestionados de forma sostible?.
As cifras coñecidas sobre os niveis e o ritmo de deforestación dos bosques, sobre todo os tropicais e boreais, falan dun futuro incerto, dun futuro sen bosques. A falta de control da explotación forestal en numerosos países, o aumento da demanda de materias primas forestais e a falta de escrúpulos de numerosas empresas madeireiras están facendo estragos en Brasil, Surinam, Rusia, Indonesia ou Canadá. Noutras zonas, a intensificación da xestión forestal e as plantacións de turno curto xeran problemas ambientais de todo tipo e pérdidas de biodiversidade preocupantes.
Ata agora, tódalas iniciativas gubernamentais para frear o proceso de pérdida de superficie forestal e biodiversidade foron insuficientes. As instancias internacionais viron desaparecer selvas ó tempo que proclamaban a necesidade de conservalas ou mudar os modelos de xestión. Algúns dos pasos dados foron importantes...pero había que crear un mecanismo de control sobre a totalidade da cadea, que implicara tanto ós propietarios como á industria, ó consumidor ou ás asociacións ambientalistas.
Entre as iniciativas en marcha,
Greenpeace está apostando pola certificación FSC ( Forest Sterwadship Council ou Consello de Manexo Forestal ). A Certificación FSC propón, desde o consenso, o sistema máis coherente cos tres principios esenciais para unha xestión forestal sostible: que sexa económicamente rendible, socialmente beneficiosa e ecolóxicamente apropiada. O FSC foi fundado en 1993 por un diverso grupo de institucións ambientalistas, comerciantes da madeira, profesionais forestais, organizacións indíxenas, grupos forestais e entidades de certificación de productos forestais. O seu obxectivo é establecer as normas que deberían rexer e reunir as organizacións que certifican a sostibilidade dos bosques productivos. No proceso de creación do FSC participaron representantes de máis de 40 países tan distantes como Bolivia ou Cimbaue, divididos en tres cámaras: económica, ecolóxica e social. Os membros xúntanse en Asemblea Xeral cada tres anos. A creación do Consello de Manexo Forestal foi un logro salientable, xa que cingiu a grupos tradicionalmente opostos para traballar cara a solucións prácticas que levan a mellorar a xestión dos bosques en todo o mundo. O FSC é unha organización non lucrativa.O Consello de Manexo Forestal (FSC) non inspecciona bosques por si mesmo. A súa principal actividade é acreditar ás entidades certificadoras que realizan a inspección da xestión forestal ou da cadea de transformación (cadea de custodia), así como de recoñecer procesos rexionais de certificación que estean inspirados nos seus dez municipios. En España xa existe algunha empresa con capacidade de operar para inspeccionar e certificar explotacións forestais. Debido a que o sistema FSC é independente de productores e comerciantes, os consumidores poden elixir un producto con etiquetado FSC e estar seguros que provén dun bosque ben manexado.
Os principios do manexo forestal do
FSC veñen reflexados nunha guía básica coñecida como os " Principios e criterios " (Ver máis abaixo )Unha vez que estes principios e criterios foron adoptados, moitos países crearon iniciativas nacionais para axudar a aplicalos nos bosques particulares na súa parte do mundo. Estas iniciativas están sendo coordinadas por grupos de traballo do FSC. En España a iniciativa nacional do FSC empezou a funcionar hai pouco. Leváronse a cabo varias xuntanzas encamiñadas a impulsar este proceso de certificación. Foron convocadas máis de 300 persoas/representantes de diversas industrias transformadoras, administracións, propietarios, investigadores, consumidores, sindicatos, ecoloxistas, etc. o Grupo de Traballo, que se vai poñer a funcionar durante este ano, terá a misión de adaptar os Principios e Criterios do
FSC ás peculiaridades dos nosos bosques e cultivos forestais.Nos vindeiros anos imos ser testigos dun aumento da demanda de madeira certificada. Moitos consumidores, cada vez máis coñecedores dos problemas globais, son xa conscentes da necesidade de racionalizar o consumo de madeira. Coa súa elección diaria, os cidadáns teñen (temos) unha poderosa ferramenta de cambio: a opción de premiar coa nosa compra determinados productos do mercado cun aval que garanta a súa procedencia ou a súa "calidade ambiental". O logotipo do FSC será a garantía máís fiable de que a xestión das explotacións forestais e a súa posterior transformación foi realizada conforme a criterios claros e probables de sostibilidade.
A certificación forestal é un fenómeno imparable. A fins de 1998 xa se tiña certificado segundo o sistema FSC 13 millóns de hectáreas de bosque en preto de 150 países. E o número aumenta cada día.
É unha boa oportunidade. Para os propietarios de montes, sexan bosques ou cultivos forestais, a adaptación das explotacións ós criterios e principios do FSC pode facer medrar de xeito importante o valar da súa madeira. Mesmo a destinada a tableiro ou pasta. En principio, existen moitos puntos en común entre os obxectivos que persegue a certificación forestal FSC e a filosofía e acción da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: unha explotación do monte que manteña e respecte os seus valores sociais, a súa importancia para a biodiversidade e, dende logo, o seu interese económico.
Desde
Greenpeace gustaríanos que unha organización tan importante como a que edita estas páxinas participara no proceso de definición dos stándares nacionais do FSC. Tamén vos animamos para que nun futuro próximo vos plantexedes a certificación forestal dos vosos montes.
PRINCIPIOS DO FSC.
Principio 1: Observacións das leis e os principios do FSC.- A xestión forestal deberá respectar tódalas leis nacionais, os tratados e acordos internacionais dos que o país é asinante, e deberá cumprir con tódolos principios e criterios do FSC.
Principio 2: Dereitos e responsabilidades de tenza e uso.- A tenza e os dereitos de uso a longo prazo sobre a terra e os recursos forestais, deberán estar claramente definidos, documentados e legalmente establecidos.
Principio 3: Dereitos dos pobos indíxenas.- Os dereitos legais e consuetudinarios dos pobos indíxenas para posuir, usar e manexar as súas terras, territorios e recursos deberán ser recoñecidos e respectados.
Principio 4: Relacións comunais e dereitos dos traballadores.- A xestión forestal deberá manter ou erguer o benestar social e económico a longo prazo dos traballadores forestais e das comunidades sociais.
Principio 5: Beneficios do bosque.- A xestión forestal deberá promover o uso eficiente dos múltiples productos e servicios do bosque para asegurar a viabilidade económica e unha ampla serie de beneficios ambientais e sociais.
Principio 6: Impacto ambiental.- Toda xestión forestal deberá conservar a diversidade biolóxica e os seus valores asociados, os recursos de auga, os solos e os ecosistemas fráxiles e únicos, además das paisaxes. Ó realizar estes obxectivos, as funcións ecolóxicas e a integridade do bosque poderán ser mantidos.
Principio 7: Plano de xestión.- Un plano de xestión conforme á escala e intensidade das operacións propostas, deberá se escrito, implementado e actualizado. Nel deberanse establecer claramente os obxectivos da xestión e os medios para acadar estes obxectivos.
Principio 8: Seguimento e avaliación.- Deberán avaliarse, conforme á escala e á intensidade do manexo forestal, a condición do bosque, o rendementos dos productos forestais, a cadea de custodia e a actividade do manexo e os seus impactos sociais e ambientais.
Principio 9: Mantemento de bosques con alto valor de conservación.- As actividades de xestión en bosques con alto valor de conservación manterán ou incrementarán os atributos que definen ós devanditos bosques. As decisións verbo destes bosques deberán tomarse decote desde a precaución.
Principio 10: Plantacións.- As plantacións deberán ser planeadas e manexadas de acordo cos criterios dos presentes principios. Malia a que as plantacións poden proporcionar bastantes beneficios socioeconómicos e poden contribuir a satisfacer as necesidades de productos forestais do mundo, deberán complementar a xestión dos bosques naturais, reducir a presión sobre eles e promover a súa restauración e conservación.
Santo Estevo de Parga:
O aproveitamento da pedra
David Díaz Losada
Presidente da Comunidade de
Montes de Santo Estevo de Parga
A parroquia de Santo Estevo de Parga (Guitiriz) está no norte da provincia de Lugo e atravesada polo
río Parga, por certo moi rico en troitas. Ten unha poboación dunhas 800 persoas que habitan arredor de 200 casas conformadas en 8 lugares e a vila de Parga e que forman a comunidade de montes, posuidora dunhas 1.000 has. de monte veciñal en man común, das que foron clasificadas 375 polo Xurado Provincial no ano 1975 e as restantes atópanse repartidas entre os comuneiros dende hai 80 anos sen criterio de proporcionalidade.Así que para centrarnos no tema imos falar do terreo clasificado. En 1992 apróbase en Asemble Xeral a sinatura do convenio co I.C.O.N.A., negocíandose a plantación de pinus pinaster nunha parcela de 40 has. e reservándose a Comunidade a explotación das canteiras de granito. En 1999 amplíase o convenio a 20 has. máis, formando unha gran masa forestal.
No monte da Croa e desde 1979 vaise constituíndo unha gran área de extracción de granito, das máis grandes do mundo, concedida por contrato temporal á empresa Ingemarga S.A., que proporcionou á Comunidade de Montes uns importantes recursos económicos dos que se beneficiou toda a parroquia: A.V. Raxeira, C.I.T., Parga F.C., comisións de festas, Colexio Público e Igrexa Parroquial, colaborando ademais en moitas iniciativas culturais (minibiblioteca, concurso de canteiría, intervención aqueolóxica...) e comunitarias (traídas de auga, limpeza do río e limpeza e conservación do Cemiterio Parroquial e de espacios públicos como a área recreativa " A Carballeira " ou a fonte de augas mineromedicinais de Valdobín ), ademais doutros traballos en colaboración co Concello ( arranxo de camiños, construcción de pistas, eliminación de vertedoiros incontrolados, compra de terreos privados para equipamento...). Finalmente salientar que se reservou unha parte importante dos recursos para actuacións de mellora do monte e que se intestiu en total o 100% do xerado polo monte, sen repartirse ningunha cantidade entre os comuneiros.
Na actualidade estamos a levar a cabo un proxecto de gran trascendencia para a nosa parroquia e comarca, como é a eliminación de 15 escombreiras de pedra que temos espalladas por todo o monte e a súa transformación en actividades que xeren productos para o mercado ( perpiaño, bordillo, taco ), o que crearía 10 postos de traballo de xeito inmediato e 30 ou 40 máis no prazo dun ano. Para levar a cabo este proxecto contamos xa cunha axudo do
Plan Leader II e promovido pola Fundación da Terra Cha, de 24.500.000 Pts. e estamos á espera de acadar outras axudas comprometidas, inda que todo supeditado ó acordo coa empresa Ingemarga, S.A., pois ela ten a prioridade, segundo a Lei de Minas, para a explotación dos recursos mineiros. E isto a pesar de que durante os vinte anos que leva traballando no monte nunca levou a cabo o plano de restauración e rexeración ambiental previsto e que a Administración debía esixirlle. Malia a isto, agardamos poder levar a cabo este ambicioso plano de explotación dos nosos recursos, que axudará tamén á rexeración ambiental do noso monte.Por mais que haxa diferencias coa empresa Ingemarga, S.A. polo xeito en que se está a facer a explotación das canteiras de granito, recoñecemos que esta explotación posibilitou un labor social e económico moi importante na nosa parroquia e na comarca enteira, como é mostra o feito de que en toda a comarca non haxa paro.
Asembleas Informativas Sobre a Fiscalidade.-
A Organización Galega de Comunidades de Montes está a realizar asembleas informativas por toda Galicia desde o pasado mes de marzo. Nestas Asembleas informativas, que contar cunha asistencia media de 100 persoas pertencentes a 50 comunidades de montes, os representantes da Organización Galega de Comunidades de Montes explican os obxectivos da entidade ( por e para as comunidades de montes ) e o seu espallamento por toda Galicia. De seguido dáse una extensa información sobre o significado da inclusión do monte veciñal no Imposto de Sociedades e a aberración que isto supón para as comunidades, ó tempo que reclaman un sistema fiscal xusto e axeitado á propiedade vecilñal.
Asembleas celebradas:
A Coruña: Boiro, Lousame e Dodro.
Lugo: Portomarín, O Corgo, Parga, Becerreá, A Fonsagrada, Quiroga, Viveiro e Monforte.
Ourense: Laza e Rúa do Petín.
Pontevedra: O Morrazo, O CastroveSalnés, Ponte Caldelas, Val Miñor e Moraña.
Premio á nosa Organización.-
No pasado mes de marzo a Irmandade Moncho Valcarce outorgou o seu premio Defensa da Terra, na súa sexta edicción, á Organización Galega de Comunidades de Montes. Segundo a Irmandade, os méritos que fan á OGCMVMC merecedora deste premio son a defensa do concepto xermánico da propiedade veciñal, da súa triple función e do establecemento do monte veciñal como básico para o desenvolvemento harmónico de Galicia.
Os representantes da OGCM presentes no acto de entrega do premio, agradeceron a súa concesión á Irmandade Moncho Valcarce e ratificaron a súa firme vontade de seguir por este camiño, por se obxectivo fundamental da Organización.
Inaguración de Casas Veciñais
A Comunidade de Montes de Cuñas (Ponte Caldelas) inagurou hai uns meses a súa Casa do Pobo, que serve de local social da Mancomunidade de Montes de Ponte Caldelas.
Tamén a Comunidade de Montes da Parroquia de Baedo (Baiona) inagurou a súa Casa Veciñal o pasado mes de maio. Construída cos recursos do monte veciñal, esta Casa será o local social de todas as entidades asociativas da parroquia.
Estas son dúas mostras dos investimentos das comunidades de montes en obra social e comunitaria, que beneficia a toda a sociedade, e onde non chega a acción dos concellos. Pon de manifesto a aberración de incluir ó monte veciñal no Imposto sobre Sociedades.
Xornadas de Montes e Medio Ambiente
Os días 7 e 8 do pasado maio, a Mancomunidade de Montes do Val Miñor celebrou as IV Xornadas de Montes e Medio Ambiente, que tiveron por marco o Salón de Plenos do Concello de Nigrán. Nestas Xornadas, declaradas de interese medioambiental, tratáronse temas como o aproveitamento gandeiro do monte veciñal, o turismo rural e natural no monte e o monte veciñal e o recoñecemento xurídico da parroquia. Actuaron como ponentes varios membros da Organización Galega de Comunidades de Montes ou expertos como os avogados Calixto Escariz e Belén Raposo ou o veterinario Francisco Chivite.
Patrulla Ecolóxica
A Comunidade de Montes de Vincios (Gondomar), en colaboración coa Asociación de Veciños do Galiñeiro, montou unha Patrulla Ecolóxica formada por nenos e nenas do Colexio Público da parroquia. Esta Patrulla Ecolóxica, co acompañamento dalgúns adultos, percorre os sábados os montes da parroquia para defendelo das agresións que sofre e recoller todo tipo de lixo. Varios sacos foron enchidos e retirados do monte. O futuro do monte veciñal depende do que sobre el pensen os nenos de hoxe, comuneiros do mañá.
Axudas ó pastoreo extensivo
O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) ten un Programa agroambiental para a conservación da paisaxe e prevención de erosión en sistemas extensivos de pastoreo.
Obxectivos: Manter os pasteiros de montaña de uso comunal pastoreados por razas autóctonas de vacún, ovino e cabalar axeitadas a este sistema de pastoreo, co fin de manter o equilibrio ecolóxico da flora e da fauna, previr os incendios e a erosión, e contribuir ó mantemento da poboación rural.
Beneficiarios: Comunidades de montes veciñais en man común legalmente constituídas e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 22 da orde do 4 de novembro de 1996.
Contía: Axudas anuais máximas durante un período de 5 anos.
* 15.000 pta/ha de superficies para alimentos conservados.
* 10.000 pta/ha de superficies con control por sega mecánica.
* 3.000 pta/ha de superficies con control por pastoreo.
Normativa das axudas:
Normativa da Unión Europea:
* R(CEE) 2078/92
* DC(CEE) C(95) 18 do 19 de xaneiro
Normativa española:
* R.D. 51/1995 do 20 de xaneiro (BOE nº 33, do 8 de febreiro).
Normativa galega:
* Orde do 4 de setembro de 1996 (DOG nº 181, do 16 de setembro)
* Orde do 26 de agosto de 1997 (DOG nº 184, do 24 de setembro).
Puntos de información:
* Axencias do Servicio de Extensión Agraria.
* Servicios provinciais do ILGG.
* Servicio de Axudas Estructurais do ILGG en Santiago.
Non temos que pagar o IBI
A algunhas comunidades de montes estanlle a reclamar (ou reclamáronlle en anos pasados) o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI). As comunidades de montes estamos exentas deste imposto, como o establece o artigo 64.B da Lei Reguladora das Facendas Locais: "Gozarán de exención os seguintes bens: ... b)... Os Montes Veciñais en Man Común... non están suxeitos a ningunha contribución de base territorial..."
As comunidades de montes que pagasen algún recibo do IBI deben dirixirse á Facenda Local do seu concello e solicitar a devolución por pagamentos indebidos dos recibos que aboasen, solicitando tamén a baixa no IBI.
A Xunta prohibe o pastoreo e a caza en montes queimados
A Xunta de Galicia aprobou un decreto (nº 45/99, DOG do 2 de marzo) establecendo a esixencia de solicitar autorización previa da Consellería de Medio Ambiente para aproveitar a madeira queimada, de calquera especie, e impoñendo limitacións ó pastoreo e á caza en zonas afectadas polo lume. Poderanse subvencionar accións destinadas á protección e restauración de madeiras queimadas. Tamén se establece un control sobre a recualificación urbanística dos terreos rústicos ou protexidos que sufriran incendios, e asi mesmo, promóvense medidas de seguridade en materia de urbanismo referidas ás novas construccións, establecendo as distancias das vivendas ás masas forestais.
Para darnos unha idea:
Restriccións en canto ó aproveitamento da madeira queimada:
* Precísase a autorización da Consellería de Medio Ambiente, solicitando a corta de madeira. A Dirección Xeral de Montes pode denegar o permiso cando considere que a corta afecta á conservación do Medio Natural ou á defensa dos ecosistemas e condicións ecolóxicas do monte.
* Os titulares dos terreos ou, se é o caso, os perceptores de calquera axuda á forestación terán a obriga de de comunicarlle a Medio Ambiente os terreos afectados polo lume.
* A Consellería poderá esixirlle ó propietario que presente un plano de rexeneración natural do terreo queimado. Cando non sexa posible esta rexeneración natural ou cando a Administración o considere necesario en razón das circunstancias do caso, poderá impoñerlle ó propietario que a reconstrucción da zona afectada polo lume se faga mediante o investimento de todo ou parte do diñeiro obtido coa venda de productos dese monte. Para isto, a Dirección Xeral de Montes conformará e visará os contratos que subscriban os propietarios dos montes queimados co comprador dos productos, coa finalidade de que se axusten ás condicións económicas do mercado e inspeccionará os traballos para comprobar que se investiu neles a porcentaxe da venda ordenada pola Consellería.
Prohibición do pastoreo e da caza en montes queimados:
* Nas áreas afectadas polos incendios a Xunta Prohibe o pastoreo; para volver a pastorear nestas zonas será necesario un informe favorable da Consellería de Medio Ambiente de que se cumpriron as condicións de restauración.
* Se a zona queimada é de matagueira cunha porcentaxe de pendente de máis do 40%, a prohibición de pastoreo manterase durante un mínimo de 2 anos a partir do sinistro, e durante un mínimo de 1 ano cando a porcentaxe sexa menor do 40%, agás que medie unha autorización da Consellería de Medio Ambiente por concorrer circunstancias especiais, logo do informe da Consellería de Agricultura.
* No tocante ó aproveitamento cinexético nas terras queimadas, e segundo dispón tamñen a Lei de Caza de Galicia, a Xunta prohibe o exercicio da caza durante dous anos.
Prohibición de construir en zonas próximas a masas forestais:
* O decreto establece que as novas construccións en zonas forestais deberán ter unha área de seguridade dun mínimo de vinte metros.
Axudas para a restauración
A Consellería de Medio Ambiente subvencionará ós propietarios de montes (personas físicas, xurídicas ou comunidades de montes) para accións forestais destinadas á protección e restauración de zonas queimadas. Terán prioridade para a obtención destas subvencións os propietarios de terreos cunha pendente media superior ó 40% e os propietarios de terreos situados en espacios protexidos.
Noticias curiosas
O Servicio de información administrativa da Xunta de Galicia ofrece por internet
http://www.xunta.es/adm/guia/0111/ag607a.htm a seguinte información:AG607A- AUTORIZACIÓN PARA OCUPACIÓN TEMPORAL DE MONTES PÚBLICOS XESTIONADOS POLA ADMINISTRACIÓN E/OU VECIÑAIS EN MAN COMÚN.
Se vostede está interesado en ocupar temporalmente un monte veciñal en man común ou público inscrito no Catálogo de Montes, ou establecer nel unha servidume de calquera clase ou natureza, débeo solicitar da Xunta de Galicia para que acredite a compatibilidade da ocupación co fin e utilidade pública que clasifica o monte.
Se a ocupación non excede trinta anos, fixerase a contía do canon anual que lle deberá pagar vostede, como beneficiario, ó dono do monte. Este canon revisarase cada cinco anos.
Se a ocupación durase máis de trinta anos ou por tempo indefinido, será preciso aboar en concepto de indemnización, por unha soa vez, a cantidade que correspondiese como prezo de taxación no suposto de expropiación.
Autonómica: Lei de montes veciñais en man común, do 13 de outubro de 1989. Decreto 260/1992, de 4 de setembro polo que se aproba o regulamento da Lei de montes veciñais en man común.
Estatal: Lei de montes, do 8 de xuño de 1957. Decreto 485/1972, do 22 de febreiro.
REQUISITOS/DOCUMENTACIÓN NECESARIA
Solicitude que recolla as características da ocupación e a súa extensión.
Plano da zona.
Autorización da propiedade do monte no seu caso.
¿ONDE ACUDIR?
CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA
SERVICIO DE GESTIÓN DE MONTES
DELEGACIÓNS PROVINCIAIS-SERVICIOS DE MONTES E INDUSTRIAS FORESTAIS
A Xunta promove a venda (expropiación) ou aluguer (ocupación temporal) de montes veciñais en man común para o seu aproveitamento por empresas privadas. Non cumpre a Lei de Montes e busca vías de privatización. Pero ademais de incumprir a Lei nos artigos que falan das súas obrigas, forza os artigos que lle convén para favorecer a desnaturalización da propiedade veciñal ata o punto de situarse fóra da Lei. A cesión de monte veciñal por tempo indefinido soamente é posible en favor das Administracións públicas (art. 5) e nunca en favor de particulares. ¿Acaso a Xunta está pensando en expropiar os montes veciñais para despois cederllos ás empresas privadas? E por suposto, isto decídeo a Xunta pola súa conta, sen contar coas comunidades de montes. Para o que lle convén, a Xunta trata ó monte veciñal como monte público.
Carta aberta á Asociación "Man Común"
Cando os que traballamos pola unión das comunidades de montes coñecimos que en decembro se constituíra unha nova asociación de comunidades, acollimos con alegría a noticia. Sempre é positivo que as comunidades de montes se organicen. Pero nos sorprendía o xeito en que naceu, tan rápido e con tanto segredo. Desde o ano 95 as mancomunidades de Vigo, Val Miñor e Morrazo viñan traballando neste sentido. Celebrouse o I Congreso Galego de Comunidades de Montes no 97, aprobando unhas conclusións amplamente espalladas por todo o país. Neste mesmo ano constituíuse a Xunta Xestora da Organización Galega, que celebra Asemblea Constituínte o 16 de xaneiro deste ano, consolidando así unha tendencia, iniciada catro anos antes, cara ó asociacionismo. Este proceso é público e amplamente coñecido polas comunidades de montes. Por iso nos sorprendeu tanto a súpeta aparición de Man Común. Houbo moitos que atribuíron esta precipitada fundación ó interese que tiña a Administración de buscar un interlocutor submiso, menos reivindicativo e menos crítico, nun momento en que esta tendencia se estaba espallando practicamente por toda Galicia. Pero as persoas (e as asociacións) coñécense polos feitos e hai que dar unha marxe de confianza.
Pero os meses transcorridos non son alentadores. Fronte ós múltiples problemas (xurídicos, administrativos, económicos) que abafan ó monte veciñal, o labor realizado por vostedes, señores de Man Común, semella máis a unha empresa de servicios (moi complaciente coa Xunta de Galicia, por certo) que a unha asociación de comunidades de montes. Dá a impresión de que a defensa do monte veciñal contra todos os perigos que o ameazan non vai con vostedes. Xa que logo ¿para que naceu Man Común?
A súa actuación no tocante ó novo sistema fiscal, señores de Man Común, é unha clara mostra do que digo. Van vostedes dicindo por aí, nas súas xuntanzas, que este novo sistema que nos asoballa coa inclusión no Imposto sobre Sociedades, é unha bendición de Deus, o mellor que nos podía pasar en materia tributaria. Visto o que significa este novo imposto (nesta revista vai unha mostra) ou son vostedes uns inxenuos ou, peor aún, están vostedes dispostos a traballar a favor dos que lle queren quitar o monte comunal ós veciños. Despois, coa boca pequena, recoñecen que esta tributación vai afogar en papeis ás xuntas rectoras, que hai unha chea de problemas para establecer o que hai que tributar e que estamos nas mans dos axentes tributarios e do que a cada un lle pete reclamar. Pero non importa, porque iso vai significar que os seus padriños e valedores (as empresas forestais), ademais de gañar millóns en subvencións e en plantacións que despois non atenden, tamén van beneficiarse agora de facer de xestorías fiscais das comunidades. Xa lle ofrecen facerlle a declaración fiscal de balde o primeiro ano para que vaian picando. ¿Son vostedes partidarios desa sangría que vai sacar millóns de pesetas ás comunidades para favorecer ás xestorías fiscais? ¿Están vostedes de acordo en converter ás comunidades en empresas que necesiten varios administrativos para levar a contabilidade?
Dáme a impresión, señores de Man Común, que vostedes non queren ningún trato connosco. Como a Organización Galega de Comunidade de Montes é unha institución independente e insubornable en defensa do monte, que está nun proceso de expansión imparable e acelerado, andan vostedes tentando desprestixiarnos dicindo que somos políticos, que somos uns revolucionarios e outras calumnias sen pés nin cabeza. A isto temos que dicirlles que somos políticos, efectivamente, porque os nosos plantexamentos sobre o monte son políticos (o mesmo que os seus, non se confundan) e porque sabemos que se queremos defender o monte e as súas funcións históricas (económica, social e ecolóxica), temos que dialogar e negociar con todos os partidos políticos para convencelos coas nosas razóns e os nosos argumentos, e coa nosa forza, se fixera falta. Pero vostedes son máis que políticos, señores de Man Común, vostedes son sectarios. Vostedes están facendo unha defensa descarada do Partido Popular e da súa visión do monte, cando saben perfectamente que o Partido Popular aínda hoxe acepta de mala gana a devolución do monte ós veciños e fai o que pode por impedilo; vostedes defenden este sistema fiscal e propugnan un uso soamente forestal do monte, deixando abandonados os moitos problemas que ten a propiedade veciñal. ¿Onde están as súas reclamacións á Administración sobre os deslindes, o gando bravo, a caza, as usurpacións polos concellos, o mal funcionamento dos xurados provinciais, etc? En varios mitins do Partido Popular durante as pasadas eleccións municipais, foron vostedes a explicarlle ós veciños como se constituía unha comunidade de montes e a súa xunta rectora, e despois técnicos das empresas forestais explicáronlle como se poden plantar de balde especies de crecemento rápido con axudas da Unión Europea.
Estes feitos deixan en evidencia a súa visión do monte veciñal. Vostedes identifican monte veciñal con aproveitamento forestal; pensan que o mellor uso que se pode facer de todo o monte é plantalo de árbores para madeira, e se pode ser de especies que medren rápido, mellor. Así pensaban as autoridades franquistas, que iniciaron nos anos 40 a repoboación forestal de Galicia, dicindo que o máis importante era a madeira para as empresas de celulosas e que botaron ós veciños do monte. ¿Pensan vostedes o mesmo?
Desde a Administración estase a potenciar un funcionamento absentista das comunidades de montes, no que non fai falta ir ó monte senón soamente plantar e despois agardar para cortar (despois o Conselleiro quéixase disto cando fala dos incendios, pero éste é outro tema). A aparición dunhas empresas forestais que andan á caza das primas da Unión Europea foi potenciada desde a Xunta e desde poderosos sectores económicos. Hai moitos que din que Man Común está preparando o camiño para que despois veñan os grandes poderes económicos da madeira a alugar os montes para plantalos de piñeiros e eucaliptos. Gustaríanos non acreditar nesta acusación.
Conclúo esta carta aberta cunha súplica. Quixeramos contar cunha asociación de comunidades que non fale dos montes soamente en términos forestais, que reclame da Administración o cumprimento da Lei de Montes, que tente de afrontar os moitos problemas do monte veciñal e que traballe pola defensa dos montes como fixeron os nosos devanceiros. Se están dispostos a facer isto, aquí estamos os da Organización Galega para darlles a man e dispostos a ir xuntos no longo camiño que nos queda por diante, que son moitos os problemas para perder tempo. Se non están dispostos a isto, díganllo ás súas comunidades asociadas e non as enganen. Os veciños que están nas xuntas rectoras non o merecen.
Carlos Morgade
Responsable de Comunicación Interna da Xunta Rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes
Título: O Monte é noso
Autor: C.I.E.S-Coordinadora de Montes Comunais
Editorial Galaxia, Vigo 1979
Non podiamos abrir esta páxina dedicada a salientar os estudios sobre o monte veciñal galego sen comezar por citar este traballo colectivo que é expresión da loita levada a cabo pola "Coordinadora de Montes Comunais" para a defensa e recuperación polos veciños das súas propiedades. "O Monte é noso foi o grito unánime que presidiu as movilizacións daqueles anos e que posibilitaron a aceleración dos traballos dos Xurados Provinciais de Clasificación para a devolución dos montes veciñais. As colaboracións, asinadas por figuras como Gerónimo Escariz, Pedro López, Santiago Castroviejo, Plácido Bahamonde ou Francisco Sineiro, inciden sobre a historia, situación xurídica, aproveitamentos ou posibilidades de futuro dos monte veciñais. Libro testemuña dun momento histórico, amosa a forza das comunidades de montes cando camiñan unidas cara a un mesmo obxectivo.
Título: Montes vecinales en mano común
Autor: Antonio Díaz Fuentes
Editorial Bosch, Barcelona 1999
Esta traballo ten un interese especial. Trata do monte veciñal, pero non tanto desde o punto de vista histórico como desde o aspecto xurídico e legal. Trata das características do monte veciñal, do seu réxime xurídico, da formación e funcionamento das comunidades de montes e da situación legal dos montes. Apoia os seus comentarios e interpretacións coa doutrina xurídica emanada dos tribunais de xustiza, aclarando moitos puntos coas sentencias dictadas. Deste xeito queda ó descuberto a pobreza de medios e defectuoso funcionamento dos xurados provinciais de clasificación, a torpeza e inexactitude de moitas das súas resolucións, o abandono "de facto" do monte veciñal por parte da Administración galega e a pervivencia do interese da mayoría das administracións públicas (locais, provinciais e autonómica) en seguir dificultando o lexítimo e legal dereito dos veciños das parroquias e lugares en recobrar a plena propiedade do monte veciñal e en xestionar e planificar o seu uso e aproveitamento. O aumento desmesurado de litixios sobre o monte veciñal nos últimos anos responde a un aumento do interese dos veciños en xestionalo e tamén da oposición das administracións públicas a consentilo.
Título: Los derechos reales en la Ley 4/1995, de 24 de mayo, de Derecho Civil de Galicia (Montes vecinales en mano común, aguas, servidumbre de paso y serventía)
Autor: Angel Luis Rebolledo Varela
Edita: Revista Xurídica Galega, Pontevedra 1999
Este é outro interesante traballo xurídico sobre os montes veciñais galegos. O autor, catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela, realiza un repaso, desde o punto de vista xurídico, sobre algunhas figuras recoñecidas polo Dereito Civil galego, como son o uso das augas, as servidumes de paso, as serventías e, en especial, os montes veciñais en man común. Neste último aspecto, que é o que máis nos interesa, o autor repasa a lexislación sobre o tema e algúns aspectos non totalmente aclarados, como é a condición de veciño, a inalienabilidade e imprescriptibilidade do monte veciñal, a clasificación ou a organización das comunidades de montes. Todo tamén facendo referencia a sentencias habidas nos últimos tempos e a interpretacións xurídicas da lexislación sobre o monte veciñal.
Título: O Monte en Galicia
Autor: Xesús L. Balboa López
Edicións Xerais de Galicia, Vigo 1990
Este é un dos mellores estudios sobre o monte veciñal galego desde punto de vista histórico que se teñen publicado. O autor, profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, estudia de xeito profundo e detallado a situación xurídica, administrativa e histórica do monte veciñal en man común desde a Desamortización de Madoz en 1855 ós anos 20 do presente século.
Desde xeito podemos apreciar os avatares polos que pasou esta propiedade xermánica: os seus usos, as teorías sobre a súa orixe, o seu papel no sistema tradicional agrario galego, os ataques que, por descoñecemento ou con afan recadatorio, sofre do Estado e o constante perigo de intervención e usurpación administrativa ó longo da historia, que obrigou, á fins do século XIX e primeiros do XX, a que moitos veciños se repartiran unha boa parte do monte veciñal para garantizar o futuro da economía agraria familiar. Finalmente o triunfo das teorías dos enxeñeiros de montes sobre os beneficios do aproveitamento forestal que provocaría as repoboacións deste século.
Título: Política forestal e repoboacións en Galicia (1941-1971)
Autor: Eduardo Rico Boquete
Edita: Universidade de Santiago de Compostela, 1995
O autor, profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, está especializado en política forestal española nos últimos séculos. Este é un estudio da política forestal elaborada e posta en práctica polo Patrimonio Forestal do Estado (organismo creado polo franquismo) ó longo dos trinta anos da súa existencia. No seu tempo, foi considerada como un dos mellores exemplos de capacidade da dictadura para crear riqueza e, deste xeito, redimir o campo galego.
Eduardo Rico analiza neste traballo os métodos empregados, os obxectivos acadados e as consecuencias socioeconómicas que tivo, demostrando que a repoboación franquista foi profundamente negativa para o rural galego. A repoboación buscou a producción de materia prima para celulosas e industrias da madeira, pero botou ós veciños do monte e ignorou as súas repetidas queixas de que o monte era imprescindible para soster o sistema agrario tradicional. Deste xeito a repoboación, precipitada e desordenada, axudou a botar ós labregos polos camiños da emigración.
Este traballo aporta, ademais, dúas ideas novedosas. A de que a oposición dos veciños á usurpación dos seus montes foi forte e desesperada, e a de que non tódolos enxeñeiros de montes eran partidarios da política que o Patrimonio Forestal do Estado levou a cabo. Algúns avogaban por unha repoboación máis lenta, integrada co sistema agrario e dando preferencia ás especies autóctonas. Pero o franquismo non a tivo en conta.
¡A tódalas comunidades de montes de Galicia!
Ultima actualización:
17 de Maio do 2.002A Organización Galega de Comunidades de Montes quere ser a entidade que xunte a tódalas comunidades de montes de Galicia. A xestión, administración e defensa do noso monte veciñal ten tal cantidade de problemas (económicos, xurídicos, administrativos...) que con moita frecuencia sobrepasan a capacidade de traballo da xunta rectora dunha comunidade de montes. Soamente asociándonos temos a posibilidade de superar con éxito tódalas dificultades e de defender axeitadamente unha propiedade colectiva que nos foi legada polos nosos antepasados e que é a mellor garantía dunha mellor calidade de vida no futuro.
¡Que ninguén quede fóra! ¡Todas debemos xuntarnos! Ricas ou pobres, grandes ou pequenas, con madeira ou sen ela, de lugar ou de parroquia... todas debemos tratar os nosos problemas na Organización e buscar entre todos, co asesoramento de expertos, as solucións máis adecuadas ó monte veciñal.
Requisitos para pertencer á Organización Galega de Comunidades de Montes:
1- Solicitude escrita da Xunta Rectora da comunidade de montes á Organización.
2- Acordo, tomado en Asemblea Xeral, de integración na Organización.
3- Pagamento da cota anual. (A Comunidade que non poda pagala cota PODE PEDILA EXENCIÓN : o importante é estaren xunguidos
A Asemblea celebrada o pasado mes de Febreiro nos Remedios de Maceda, aprobou, para o presente ano 2.002, unha cota de 120 Euros., a aboar na conta nº 2080-0072-70-0040006299 de CaixaVigo, sucursal de Sabarís - Baiona (Pontevedra).
Para máis información, chamar ó Presidente, Xosé Pereira, tels. 986.35.42.48 ou 649.23.34.74 ou ó Responsable de Comunicación Interna, Carlos Morgade, tel. 986.84.40.07
SOLICITUDE DE INTEGRACIÓN
A Xunta Rectora da Comunidade de Montes de................................, parroquia de ...................., concello de ....................................., con enderezo en .................................................................., código postal .................... e provincia de .........................., en xuntanza celebrada o día ...........,
Acordou solicitar a integración da nosa comunidade na Organización Galega de Comunidade de Montes, sen prexuízo de que o acordo de integración sexa ratificado na próxima Asemblea Xeral da Comunidade.
O Presidente
Nome completo: ...................................................................
DNI nº .................................... Teléfono .............