O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE

 As mancomunidades de montes veciñais en man común: os beneficios da asociación
David Díaz Losada, Coordinador Xeral da Xunta Rectora da ORGACCMM

 O futuro do monte veciñal debe de estar baseado nunha boa planificación, nunha perfecta organización e na constante reivindicación. Para levar a cabo estes obxectivos faise precisa a unión e integración en mancomunidades das comunidades de montes  cercanas xeograficamente que, conservando a súa independencia e identidade, estean interesadas en traballar conxuntamente para:

1- Mellorar o seu funcionamento interno compartindo e intercambiando experiencias con outras comunidades de montes e simplificar as tarefas burocráticas.

2- Comezar a aplicar nos montes veciñais alternativas innovadoras.

3- Loitar para eliminar os condicionantes e eivas que ten o monte veciñal e que impiden o seu desenvolvemento harmónico.

O interese para a formación e agrupamento en mancomunidades das comunidades de montes basease en traballar conxuntamente buscando denominadores comúns e esquecendo as posibles liortas entre elas. Aínda que é certo que o territorio onde vai a traballar a mancomunidade, a longo prazo é un elemento importante a ter en conta (xa que o desenvolvemento de cada monte debe ser homoxéneo e continuo) nos primeiros momentos non debe ser un condicionante definitorio e debe deixarse para cando a mancomunidade se vaia consolidando.

Deste xeito o territorio da mancomunidade pode ser moi variable, dende unha comarca natural a unha serra de montes, pasando por concellos, varios concellos ou varias parroquias de distintos concellos. O interese en traballar mancomunadamente é a primeira chave.

Os factores para o funcionamento das mancomunidades de montes son varios, dos que podemos destacar:

-O respecto á vida interna de cada comunidade, que conserva totalmente a súa capacidade de decidir sobre as súas terras.

-O fomento da participación na mancomunidade, facilitándose a asistencias ás asembleas xerais para implicar a todos nos proxectos mancomunados que se afronten. Non hai que ter medo a convocar as asembleas que sexan necesarias segundo a importancia dos asuntos a tratar.

-Un escrupuloso funcionamento democrático. Aínda que cada comunidade ten un só voto na Asemblea, esta debe estar formada por todos os membros das xuntas rectoras para enriquecer os debates e facilitar a toma de acordos aceptados por todos. Débense permitir as discrepancias e respectar as opinións minoritarias.

-A cota anual da mancomunidade debe ser única e mínima, para permitir unicamente cubrir os gastos de xestión. Outros criterios, quizais máis xustos na contribución ós gastos (superficie do monte, número de comuneiros, ingresos anuais...) entorpecen a xestión e poden orixinar discordias.

As melloras no funcionamento das comunidades de montes integradas nunha mancomunidade aprécianse a distintos niveis:

-A nivel informativo e formativo, favorecendo a preparación dos membros das xuntas rectoras a través do intercambio de experiencias para resolver as frecuentes incidencias e atrancos na xestión das comunidades.

-A nivel administrativo, simplificando as tarefas burocráticas (elaboración de documentación e solicitudes de subvencións) e aforrando tempo.

-A nivel de planificación e reivindicación é onde máis se aprecian os beneficios da organización en mancomunidade. Podemos poñer como exemplos a loita contra os lumes forestais, campañas de divulgación forestal entre nenos e nenas de centros de ensino, xornadas de montes e medio ambiente destinadas a formación e divulgación, proxectos de aproveitamento dos productos dos nosos montes (canteiras, parques eólicos, biomasa, cogomelos, micoloxía, gando, etc). No aspecto reivindicativo soamente temos que lembrar que a unión fai a forza.

Proceso de formación dunha mancomunidade de montes

As mancomunidades de montes legalízanse ao abeiro do artigo 15.3 da Lei 13/89 de Montes Veciñais en Man Común actualmente vixente e o artigo 47 do seu Regulamento (Decreto 260/1992). O proceso para formación consta de tres fases:

Primeira.- Convocatoria ás comunidades de montes da bisbarra a unha xuntanza, da que se levantará unha Acta de Constitución asinada por triplicado polas comunidades de montes asistentes e na que debe figurar o acordo de constituír a mancomunidade e a elección dunha Xunta Xestora que cando menos estará formada polo presidente e dous vocais facendo as funcións de secretario e tesoureiro. A Xunta Xestora ten que ir elaborando o borrador dos estatutos da mancomunidade.

Segunda.- Aprobación nas asembleas xerais das comunidades de montes do acordo de integración na mancomunidade. De seguido se convoca unha asemblea xeral da mancomunidade para proceder a aprobar os estatutos.

Unha vez aprobados os estatutos, hai que dirixir unha instancia, asinada polo presidente da xunta xestora da mancomunidade de montes, dirixida ao Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común (Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común) para inscribirse no mesmo. Esta instancia ten que ir acompañada da seguinte documentación:

-Acta de Constitución da mancomunidade de montes por triplicado en coas sinaturas das comunidades asistentes.

-Estatutos aprobados da mancomunidade de montes por triplicado, e asinados polo presidente e o secretario da xunta xestora da mancomunidade en todas as follas.

-Certificación por triplicado do acordo asembleario de integración de cada comunidade de montes, asinado polo secretario e co visto e prace do presidente.

-Certificación da acta de aprobación dos estatutos da mancomunidade na asemblea convocada a tal efecto.

Terceira.- Unha vez rexistrada a mancomunidade e obtido o CIF da mesma, convocarase unha asemblea xeral extraordinaria para a elección da primeira xunta rectora.

Hai moitos problemas nas comunidades de montes que se resolven mellor

de xeito mancomunado. Ás veces é o único modo de resolvelos.

Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE
O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004