O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE

 

Constituído en Pontevedra o Grupo Galego de Apoio á Certificación Forestal FSC

O pasado 17 de xullo constituíuse en Pontevedra o Grupo Galego de Apoio á Certificación Forestal nunha reunión celebrada no Pazo da Cultura á que acudiron representantes da ORGACCMM, das Mancomunidades de Montes de Pontevedra, Castrove-Salnés, Val Miñor e Terra Cha, Unión de Tecores de Galicia, Asociación Micolóxica Galega, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais e a Asociación ADENA. Xustificaron a súa ausencia a Universidade de Santiago, Sindicato Labrego Galego, Federación Ecoloxista Galega e Federación de Rematantes da Madeira (FEARMAGA).

Os presentes, tras un debate, aprobaron o texto dos estatutos do Grupo de Apoio, do que a representante de Adena indicou que podería funcionar como unha delegación en Galicia da Asociación para Promover o Uso Racional dos Productos e Servicios do Monte, que está a constituírse a nivel de toda España con numerosas entidades.

A maioría dos colectivos representados indicaron a conveniencia de que se realizara en Galicia certificación forestal polo modelo FSC para que nun futuro próximo os montes galegos contaran con madeira certificada polos dous modelos. Varios representantes amosaron a súa desconfianza polo xeito en que se estaba a implantar o modelo PEFC e criticaron o apoio declarado da Xunta de Galicia a este modelo, incumprindo gravemente o establecido pola Lei de Montes española, que prohibe discriminar os diversos tipos de certificación forestal. A implicación da Consellería é de tales dimensións que estudia certificar de xeito forzoso 50.000 has. de montes veciñais conveniados, sen consultar coas comunidades de montes, furtándolle unha vez máis o poder de decisión. Outras voces indicaron que mesmo a Consellería ampliaría o feito a 25.000 has. máis se non hai oposición das comunidades de montes.

Finalmente as entidades constituíntes pasaron a integrarse nos tres Cámaras que forman o Grupo de Apoio Galego: a Cámara Social, a Económica, a Ambiental e a Consultiva. Acordaron convidar as entidades relacionadas co sector (empresas, profesionais, organismos públicos e entidades privadas) a participar neste Grupo de Apoio.

División en catro cámaras

O Grupo Galego de Apoio estará integrado por catro cámaras:

Cámara Social

ORGACCMM

UNITEGA (cazadores)

Sindicato Labrego

Col. Enxeñeiros Técn. Forestais

Cámara Económica

FEARMAGA

SERFOGA (madeireiros)

VIFOGA

Mancomunidades de Montes

Cámara Ambiental

Federación Ecoloxista

Asociación Micolóxica Galega

Cámara Consultiva

Universidade de Santiago

Administracións Públicas

 

Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE
O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004