O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
Os modelos de certificación forestalA Xunta de Galicia favorece abertamente o modelo PEFC en detrimento do FSC A certificación forestal é un procedemento de etiquetado dos productos dos montes, xestionados de acordo con principios de sustentabilidade internacionalmente aprobados, de xeito que os consumidores poidan identificar os productos procedentes dunha explotación forestal economicamente viable, beneficiosa socialmente e apropiada ambientalmente. O principal obxectivo da certificación forestal é a adopción dun modelo de xestión forestal conforme aos principios de conservación e desenvolvemento sustentable. Os sistemas de certificación forestal ofrecen aos productores forestais a posibilidade de asegurar un mercado de productos procedentes de montes ecoloxicamente certificados. Actualmente funcionan en Europa dous modelos de certificación forestal: o FSC (Consello de Xestión Forestal) e o PEFC (Certificación Forestal Paneuropea). Da análise comparativa dos dous sistemas podemos tirar as seguintes conclusións: 1)- O FSC nace para a xestión de montes primarios, explotados sobre todo por empresas comerciais, sendo pois de ámbito mundial. O PEFC nace máis tarde, pensado para montes explotados basicamente polos seus propietarios, sendo de ámbito soamente europeo. 2)- O FSC nace pola acción das organizacións ecoloxistas logo das conclusións de diversos cumios mundiais de medio ambiente. O PEFC nace dos intereses das industrias da madeira e dos propietarios forestais particulares. 3)-O FSC mantén 10 principios (xa publicados nesta revista), que van desde o respecto á lexislación forestal de cada país ata que as plantacións teñan que cumprir as tres funcións tradicionais (social, económica e ambiental), sen esquecer que os seus primeiros beneficiados deben ser o donos dos montes, defendendo os dereitos dos traballadores forestais e relacionando o desenvolvemento do monte co desenvolvemento local. Ao modelo PEFC non se lle coñecen principios semellantes e o seu obxectivo fundamental é lograr ter un selo de certificación forestal, sen vinculación cos criterios de desenvolvemento sustentable e co único fin de ter no mercado madeira "certificada" para poder vender. 4)- O FSC ten tres modelos de certificación forestal: mundial, de grupo e individual. O PEFC tamén ten tres modelos de certificación forestal: rexional, de grupo e individual. O modelo "rexional" do PEFC pode ser un modelo axeitado para o monte galego. O FSC español está traballando para definir o seu modelo “rexional”. |
||
|
|
||
|
A certificación forestal, xunto coa garantía dunha xestión sustentable dos montes, significa tamén un aumento dos custos de explotación para as comunidades de montes. Estes custes aínda están sen determinar, aínda que poderían andar polos 2 €/ha. A Organización Galega de Comunidades de Montes entende que a situación da certificación forestal en Galicia ten moito atraso, aínda que recoñece que en pouco tempo pode ser unha cuestión importante na venda de madeira polo mercado cada vez maior que teñen os productos certificados. Por isto leva anos preocupándose do tema para ofrecer a maior información ás comunidades de montes á hora de optar polo modelo que entendan mais conveniente. A día de hoxe, ten apreciado que o modelo FSC ofrece maiores garantías. Neste tema a Consellería de Medio Ambiente mantivo unha aptitude descaradamente a favor de incluír a Galicia no modelo de certificación forestal PEFC de xeito exclusivo, en contra da lexislación vixente, que establece que as administracións públicas procurarán que as condicións de transparencia, voluntariedade, ausencia de discriminación e libre competencia se cumpran por parte de todos os sistemas de certificación forestal; e que tamén promoverán o recoñecemento mutuo dos diferentes sistemas dentro do territorio do Estado. Soamente a partir dunha denuncia presentada no Parlamento Galego pola ORGACCM e da que se fixeron eco os grupos parlamentarios do BNG e do PSdG/PSOE, a Consellería de Medio Ambiente abandonou a súa postura de flagrante ilegalidade. Pero incluíndo unha parte dos montes veciñais consorciados no modelo PEFC (ás veces sen permiso das comunidades de montes), deixou o terreo achanzado para que a certificación PEFC sexa a única existente en Galicia, en detrimento do modelo FSC ou de outros modelos que están aparecendo. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||