O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE

 

O Partido Popular aceptou a petición da Organización Galega de Comunidades de Montes

A Lei de Montes española recoñece a singularidade do monte veciñal galego

O proxecto da Lei de Montes estatal, no primeiro borrador elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, non recoñecía as características especiais do monte veciñal. No capítulo de clasificación dos montes establecíase que "Os montes veciñais en man común son unha propiedade especial e a todos os efectos desta lei serán considerados como montes privados". Este texto significaba o inicio da equiparación legal cos montes particulares e da desaparición como propiedade singular.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) iniciou contactos cos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados, especialmente cos deputados galegos, por entender que era unha iniciativa que prexudicaba a Galicia. Pediu a presentación de emendas a este proxecto de lei para que se definiran correctamente a identidade e significado dos montes veciñais en man común e ficara salvagardada a súa natureza

Os deputados e deputadas galegos do BNG (Grupo Mixto) e do PSG/PSOE asumiron a iniciativa e comprometéronse a apoiala nos trámites parlamentarios.

Meses despois, o grupo parlamentario do PP, por medio da deputada ourensá Ana Vázquez, convida a representantes da Organización Galega a unha xuntanza no Congreso dos Deputados con membros da Comisión de Medio Ambiente para negociar a aceptación dalgunha emenda que preservase a natureza especial do monte veciñal en man común. Finalmente a redacción do capítulo referente á clasificación dos montes queda ampliada do seguinte xeito: "Os montes veciñais en man común teñen unha natureza especial por ser unha propiedade común que está limitada polos conceptos de inembargabilidade, imprescritibilidade, inalienabilidade e indivisibilidade .

 A ORGACCMM sentiuse satisfeita coa modificación conseguida. Aínda que tiña reclamado outras rectificacións (especialmente no tocante ós aproveitamentos do monte), recoñece que a aceptada era a máis importante porque especificaba de xeito inequívoco a natureza xermánica do monte veciñal. Agradeceu a todos os grupos parlamentarios a súa sensibilidade cara ó monte en man común e recordou que foi a única organización que saíu en defensa do monte.

Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE
O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004