O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
|
||
|
Limiar A maior ameaza para o monte veciñal “É imprescindible o protagonismo dos propietarios forestais na xestión sustentable dos seus montes”. Isto dicía o punto cuarto da Declaración de Compostela, asinada pola Xunta de Galicia trala conclusión do Congreso de Ordenación e Xestión Sustentable de Montes celebrado en Santiago en 1999. A hipocrisía da Consellería de Medio Ambiente non ten límites. Leva xa dúas décadas asinando compromisos e actuando en sentido contrario, dicindo unha cousa e facendo outra. E os problemas non se resolven, senón que se enquistan e mesmo se agravan. En 15 anos non foi quen de afrontar as causas últimas dos incendios forestais. Pero están todos contentos, como se as árbores que medran no monte fora mérito deles. No tocante ao monte veciñal, a Xunta de Galicia non resolve ningún dos problemas que ela mesma axudou a crear (clasificacións chapuceiras, deslindes inexistentes, fiscalidade abusiva, inoperancia ante as apropiacións...) senón que se converteu na ferramenta dos sectores especulativos que soamente ven no monte veciñal as posibilidades de beneficio económico. Se o Partido Popular mudou a lei para ofrecer en bandexa ás empresas o apoderarse de parcelas comunais (parques eólicos, nova Lei do Solo...), agora afronta pola vía directa mediante unha Lei de Montes galega a usurpación de todo o monte veciñal atribuíndose a capacidade de decidir polos veciños. Vendo como a Consellería de Medio Ambiente mima ós propietarios de montes particulares e despreza e ataca ás comunidades de montes, os veciños teñen cada vez máis claro que a existencia de montes veciñais é un problema que a Administración quere resolver coa eliminación progresiva dos mesmos. Aqueles que están obrigados por lei a tutelar e defender os montes en man común son os principais responsables da súa desaparición. Pero non van poder coas comunidades de montes. Mal que lles pese, nas parroquias de Galicia vai medrando nos veciños (malia a todos os atrancos) a conciencia de que as terras comunais son unha riqueza que se debe defender, xestionar e conservar porque é un factor de calidade de vida e pode selo de creación de emprego no rural e porque é a herencia máis valiosa que lles podemos deixar ós descendentes. E non estamos dispostos a que o que custou tantos séculos conservar sexa rapiñado por aqueles que xuraron defendelo. A Xunta de Galicia non pode acabar converténdose na maior ameaza para o monte veciñal. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||