O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
O monte veciñal nos parlamentosInterpelación socialista no Senado No mes de setembro do pasado ano, o senador lucense do PSdG/PSOE Luís Ángel Lago Lage, presentou no Senado varia emendas á Lei Básica de Montes: -Que se recoñeza ao monte veciñal en man común como unha propiedade especial, xa que non é nin monte de titularidade pública nin monte de titularidade privada común. -Que se corrixa o que a lei chama “aproveitamentos forestais” como aproveitamentos do monte. -Que se inclúan como aproveitamentos do monte todos os recursos que ten o monte, ademais dos forestais: canteiras, cogomelos, enerxía eólica... -Que se recoñeza na lei que Galicia ten competencias exclusivas sobre o monte veciñal. Estas emendas supoñen a defensa da figura do monte comunal como unha propiedade dos veciños e a solicitude de que se lle permita desenvolver todos os seus recursos. As emendas foron rexeitadas polo Partido Popular, que ten demostrado un abandono absoluto polas terras veciñais. A entrada do novo goberno do PSOE abre un horizonte de esperanza para o monte veciñal. Agardamos que os deputados socialistas galegos traballen na liña marcada polas emendas do Sr. Lago Lage para recoñecer os importantes servicios que presta á sociedade os montes veciñais galegos e solucionar o problema fiscal e outros pendentes. Iniciativas do BNG no parlamento galego O Grupo parlamentario do BNG na cámara lexislativa ten presentado nos meses pasados varias iniciativas sobre o monte veciñal: -Dúas interpelacións sobre se a Xunta de Galicia ten previsto tomar algunha medida para a participación das comunidades de montes no deseños de planes e medidas de loita contra os lumes forestais e sobre se a Xunta de Galicia participou na elaboración do anteproxecto da Lei de Montes estatal. -Unha pregunta para saber se a Xunta de Galicia ten previsto presentar no Parlamento Galego unha lei que regule o gando ceibo nos montes, promovendo acordos entre gandeiros e propietarios dos montes. -Dúas proposicións non de lei para que a Xunta de Galicia forme unha “Mesa contra o lume” na que estean representadas as entidades relacionadas co monte e para que a Xunta de Galicia suprima o Imposto sobre Sociedades que grava os montes veciñais en man común. -Proposición non de lei sobre a Reforma do Plano Forestal no que promova a reforestación con frondosas autóctonas e favoreza a diversidade vexetal. -Proposición de habilitar unha liña de asesoramento e axudas para medidas silvícolas en colaboración cos propietarios das terras e as sociedades de caza. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||