O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O problema dos residuos sólidos urbanos no monte veciñal de Peitieiros (Gondomar) Alfredo López, vocal da Comunidade Nos planos de desenvolvemento urbano e metropolitano de moitos concellos contemplábase a recollida e retirada do lixo, pero non se contemplaba como, nin onde depositalo, e deste xeito os residuos urbanos aparecen no rural, que non tiña nin recollida nin eliminación, ou convértese nalgúns casos en almacén dos residuos. Así, moitos montes comunais convertíanse nun rosario de montañas de lixo por todos lados. A parroquia de Peitieiros en Gondomar non foi menos, comezando a acumular o lixo procedente de todo o concello de Gondomar nun recinto que nun primeiro paso foi valado e pechado para evitar o espallamento dos restos por todo o monte. A posta en marcha da Comunidade de Montes como xestora do monte denunciou o problema e tratou de levalo a unha situación controlada, pero a pesar das esixencias ao concello para que eliminara esa lacra ou, como mal menor, dotara a instalación dun mínimo de infraestructura, a situación non mudaba. A partir dos anos 90, pola presión da Comunidade de Montes, o valado foi reformado, canalizouse un regato que baixaba polo medio do vertedoiro e construíuse un dique de vertido. Aínda así o vertedoiro ardía continuamente xerando unha morea de residuos volátiles perigosos procedentes de plásticos e cinzas, provocaba incendios nos arredores, vertía sen control escorrentas contaminantes, etc. A partir dese momento os comuneiros esixiron a sinatura dun convenio co Concello no que, ademais de compensación económica polo uso da superficie do monte que ocupaba a instalación, se contemplaban melloras na recollida, tratamento e mantemento do vertedoiro. Naquel momento, o simple mantemento do peche na súa integridade, o control do lume sobre o lixo, a eliminación dos residuos inertes ou a compactación do lixo con maquinaria era unha tarefa titánica e que se levaba a cabo polo estreito control da Comunidade de Montes sobre o Concello. A xunta rectora era consciente de que parte da solución ao problema da eliminación dos residuos pasaba por sensibilizar a veciñanza co tema e por iso nos convenios dos anos 1997 a 2000 fixo que figurase a esixencia de maior número de colectores de lixo, a implantación de recollida selectiva, de puntos limpos ou de campañas de sensibilización, cuestións ás que se comprometía o Concello ao asinar o convenio. Coa posta en marcha do Plan Sogama e a adhesión do goberno municipal ao mesmo, a comunidade de montes esixiu o peche do vertedoiro nas seguintes negociacións do convenio. Finalmente recíbense o anteproxecto de peche e o proxecto de selado en superficie, que son estudiados pola comunidade de montes, asesorada por técnicos especialistas na materia, e realizando propostas que modificaron e melloraron o proxecto. Durante o ano 2001 asínase o último convenio entre o Concello e a comunidade de montes no que se especifican as particularidades do peche, reclamando na negociación que a comunidade de montes formase parte da Comisión de Seguimento do Selado e que este fose supervisado por técnicos nomeados pola comunidade. As obras transcorren ao longo do ano 2002 mantendo un estreito control das mesmas, sobre todo no relativo á desviación da canalización de auga que atravesa o vertedoiro para evitar que aumente o volume dos lixiviados, pois faría inviábel o mantemento da obra. Actualmente o selado parece estábel, logo de pasar o duro inverno do 2002, aínda que non se baixa a garda no relativo á vixilancia da situación do mesmo, a superficie do vertedoiro está a disposición do Concello durante 20 anos, aínda que non pode ser usada con outros fins. Ter conseguido un selado firme e serio, evitar que o lixo vaia para os montes, insistir na concienciación social sobre o problema, apoiar a reciclaxe e máis evitar os vertedoiros de entullo e lixo incontrolados no monte é a “pequena” contribución da comunidade de Peitieiros ó problema dos residuos sólidos urbanos. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||