O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Concello de Pazos de Borbén homenaxea ás comunidades de montes de Galicia
O Concello de Pazos de Borbén rendeu, o pasado 14 de Decembro, unha sentida homenaxe ás comunidades de montes de Galicia nun acto entrañable e multitudinario no que colaborou a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e na que participaron representantes de mais de 400 comunidades de montes de toda Galicia. O acto principiou cunha conferencia sobre a historia do monte veciñal a cargo de Xosé Carlos Morgade, historiador e membro da xunta rectora da ORGACCMM. De seguido o alcalde e o presidente da ORGACCMM descubriron un monolito en homenaxe ás comunidades de montes de Galicia na Praza do Concello. A continuación realizouse unha plantación de especies autóctonas polos nenos e nenas dos centros de ensino de Pazos de Borbén e ofreceuse un viño galego ós numerosos asistentes. Esta celebración é froito dun acordo plenario tomado por unanimidade na Corporación Municipal de Pazos de Borbén, a proposta da oposición (BNG, Independentes e PSG/PSOE) que o goberno do PP asumiu tamén. Esta homenaxe é a primeira que unha institución (neste caso un concello) lle rende ó monte veciñal e ás comunidades de montes de Galicia. Os representantes das entidades presentes valoraron especialmente a xustiza desta homenaxe, que supón un recoñecemento ó labor dos veciños dos lugares e parroquias e ós seus órganos de xestión (asembleas xerais e xuntas rectoras) na administración democrática dunhas terras de gran valor ecolóxico, social, económico, cultural e histórico. Os rectores da ORGACCMM acolleron esta celebración como unha homenaxe a todos os homes e mulleres que dende o anonimato, co seu esforzo e xenerosidade, loitaron primeiramente por recuperar para os veciños os montes comunais que foran usurpados polos concellos franquistas, logo traballaron para poñer en marcha as comunidades de montes e agora seguen ofrecendo o seu traballo para estudiar nos montes veciñais alternativas viables que, baixo o concepto de sustentabilidade, sirvan para que estas terras sexan pezas importantes para o desenvolvemento rural e local. Considérase pois un merecido recoñecemento a un labor de moitos anos loitando pola defensa das propiedades dos veciños. |
||
|
|
||
|
Os representantes das comunidades de montes valoraron moi positivamente esta celebración promovida polo concello de Pazos de Borbén, que debe ser un primeiro paso nun camiño de entendemento común: -Que as administracións publicas, mesmo os concellos, deixen de conceptuar aos montes veciñais como unha reserva de chan barato no que se pode instalar calquera tipo de dotación. -Que os concellos se entendan cos comuneiros recoñecendo este tipo de propiedades como veciñais. -Que concellos e comunidades de montes colaboren para potenciar as funcións social e ecolóxica, que benefician a toda a sociedade. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||