O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
Unha representación dos baldíos portugueses visita os montes veciñais galegosOs pasados días 13 e 14 de decembro e a través do convenio de colaboración que ten asinado co Sindicato Labrego Galego, a Organización Galega de Comunidades de Montes participou na planificación dunha visita de traballo que realizou ós montes veciñais galegos unha representación dos baldíos portugueses das zonas de Porto, Xerés e Viana do Castelo. Nesta visita de traballo os compartes (comuneiros) portugueses percorreron os montes veciñais en man común de Santa María do Rosal –nos que coñeceron o seu parque de maquinaria forestal-, os de Pontecaldelas –nos que funciona unha explotación gandeira dos propios comuneiros- e os de Laza (Ourense), unha comunidade de montes en zona desfavorecida que ten os montes veciñais ordenados como peza para o desenvolvemento rural. Os compartes do veciño Portugal tamén cursaron visita a empresa Abonos Lourido, na parroquia de Rebordechán (Crecente, Pontevedra), onde se produce compost e abonos ecolóxicos a partir do aproveitamento do mato dos montes. |
||
|
|
||
Problemas comúnsLogo da recepción que ofreceu o alcalde do Concello de Pontevedra, a representación dos baldíos portugueses e membros da Organización Galega de Comunidade de Montes mantiveron unha sesión de traballo para intercambiar experiencias. As conclusións desta reunión de traballos foron as seguintes: 1)- Os montes veciñais en man común de Galicia e os baldíos de Portugal están sendo tentados para a súa apropiación e a súa privatización por poderosos intereses económicos co consentimento das administracións galega e portuguesa. 2)- As administracións forestais galega e portuguesa teñen os montes veciñais en man común e os baldíos en total abandono. 3)- Diversas directrices agrarias e forestais da Unión Europea como a “política agraria común” e a “forestación de terras agrarias”, teñen repercusión nos montes veciñais e nos baldíos, castigando as explotacións agrarias familiares e creando conflictos entre sectores do mundo rural . 4)- As asembleas de compartes e as comunidades de montes entenden que o futuro do monte veciñal en man común e dos baldíos se atopa na implicación destes co desenvolvemento local e rural; desenvolvemento que permita, dende o concepto de sustentabilidade, o desenvolvemento de todas as potencialidades dos montes cara a fixar poboación no mundo rural. As dúas representacións constataron que os problemas que afectan a baldíos e montes veciñais son semellantes, como tamén o son as alternativas estudiadas, polo que se acordou iniciar unha etapa de traballo conxunto. Durante os vindeiros meses a Asociación para a Cooperación dos Baldíos e a Organización Galega de Comunidades de Montes elaborarán un proxecto conxunto de aproveitamento dos baldíos e os montes veciñais para presentalo no ano 2005 ó Proxecto Interreg da Unión Europea para rexións fronteirizas. |
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||