O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE

 

O cultivo de cogomelos como recurso interesante para os montes veciñais

Claudio Quintillán, Presidente da CMVMC Rega dos Agros de Combarro (Poio) 

Cando estamos no tempo de saída o campo na procura dos cogomelos por parte de moitos/as afeccionados/as, este traballo nalgunhas comarcas forma parte dun complemento da economía familiar. O potencial que ofrecen os nosos montes debería de ser tratado de xeito máis meditado diante do que realmente pode supoñer a súa explotación racional e integral como un recurso máis, e ás veces dos máis salientables. 

A recolleita de cogomelos pode ir desde o eido recreativo-cultural-social (sendo un importante foco de atracción dado o interese crecente pola micoloxía) ata ser referente como fórmula de promoción turística de outono-inverno, pasando polo aspecto puramente económico (aínda que o anterior tamén o é) con planos de aproveitamento perfectamente estudados coa finalidade de explotación industrial-comercial.

Na Galiza aínda está por desenvolver realmente esta cuestión, e os expertos non se cansan de comentar e tratar de divulgar esas potencialidades. O problema tal vez radique en que ten que ser a iniciativa privada a que teña que "buscarse a vida" e acadar toda a información necesaria tanto dentro como fora do País (demandas de consumo, mercados, comercialización, xestión empresarial, etc.), xa que o "oficialismo" non está moito nin por esta nin por outra labor. De todos os xeitos, os particulares e os membros de comunidades de montes con iniciativa e gañas de afondar nas posibilidades deste mundo poden contactar con empresas que se dedican ás actividades relacionadas cos cogomelos para solicitar información. 

Desde o punto de vista forestal, á hora de planificar unha repoboación, as comunidades de montes deben ter en conta as especies vexetais compatibles cos cogomelos, mellorando inclusive a producción das primeiras, mediante a merca de plantas que veñen micorrizadas (inoculadas as súas raíces co fungo), inda que tamén se pode optar por micorrizar en árbores semiadultas ou adultas, e obter así en simbiose ese prezado cogomelo. Ademais existen varias técnicas que permiten obter variedades de cogomelos tendo como base diferentes restos e substratos vexetais.

O asesoramento é sempre aconsellable, tendo en conta que afortunadamente hai bos técnicos e investigadores. A ORGACCMM pode facilitar información deste recurso que as comunidades de montes deben ter en conta.

 
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE
O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004