O
Común dos Veciños
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
INFORME ESPECIAL Os sectores especulativos seguen tentando a súa desapariciónO proxecto da Lei de Montes de Galicia prexudica ao monte veciñal en man común Primeiro intento totalitario En marzo pasado, a Consellería de Medio Ambiente fixo chegar en secreto a entidades afíns do sector un borrador da Lei de Montes autonómica no que se establecía a creación do ente autónomo “Montes de Galicia”, formado por representantes da Xunta e das entidades amigas, e que xestionaría, entre outros, os montes veciñais consorciados e conveniados. Este ente estaría financiado con fondos públicos e coa contribución obrigatoria dos montes veciñais, como taxas pola xestión ou porcentaxes de ingresos (talas de madeira, rendas por alugueres, expropiacións...). A creación de tal organismo significaba na práctica a apropiación da xestión dos montes veciñais, polo que a ORGACCMM preparou unha campaña de denuncia pública, acusando á Xunta de atacar a autonomía das comunidades de montes. Vistas as cousas, a Consellería deu marcha atrás e retirou tal organismo do seu borrador da Lei. |
||
|
|
||
|
As deficiencias do proxecto de lei O Director Xeral de Montes presentou en xuño pasado ás entidades relacionadas co monte o borrador da Lei de Montes de Galicia. Estudiado detidamente e debatido en Asemblea Extraordinaria, a ORGACCMM atopou grandes deficiencias neste borrador, especialmente arredor de tres cuestións: 1- Considera ós montes veciñais como privados, para de seguido negarlle as exencións fiscais que recoñece ós montes particulares. Non soamente non recoñece o carácter xermánico desta propiedade, senón que pretende apropiarse da xestión dos montes veciñais consorciados e conveniados, usurpando o poder de decisión das comunidades de montes. 2- O proxecto de lei soamente potencia (e de xeito parcial) o uso forestal dos montes veciñais, ignorando outros usos tradicionais (agrogandeiro, mel, cogomelos...). Non recoñece os recursos endóxenos do monte (canteiras, enerxía eólica...), desprezando sectores importantes para o desenvolvemento rural. Cando establece que se debe fomentar a cadea monte-industria, refírese soamente á industria relacionada coa madeira, ignorando a importancia da cadea monte-industrias agroalimentarias. 3- A Conselleira de Medio Ambiente tenta resolver, mediante a reforma legal oportuna, a súa incompetencia e os seus incumprimentos da Lei de Montes Veciñais. O proxecto de lei de montes derroga o artigo 25 da Lei de Montes Veciñais, que establece as obrigas e tutelas da Xunta de Galicia sobre estes montes (velar polo súa integridade, elaborar planos de traballos forestais, asesorar ás comunidades de montes... ). Mesmo libera á Administración Galega da obriga de realizar os deslindes, condenando ás comunidades de montes a un futuro de preitos por dereitos de propiedade. Ademais, o proxecto de lei exime á Consellería de Medio Ambiente da súa responsabilidade na loita contra as pragas no monte e contra os lumes forestais, obrigando aos donos das terras a facer estes traballos baixo as súas instruccións, ameazando cun expediente sancionador se non cumpren coas tarefas ordenadas. As funcións social e ecolóxica dos montes veciñais (que se ven afectados polas pragas e polos lumes forestais) benefician a toda a sociedade no seu conxunto. Xa que logo, o Estado debe ter a responsabilidade nesta loita e encabezala. E a colaboración cos propietarios non debe ter a forma de subvención ou axuda, senón como investimento público, como ocorre coas dotacións de servicios e infraestructuras públicas. A política negativa contra o monte comunal do Partido Popular acada tal intensidade, que a aprobación deste proxecto de lei impedirá a devolución ós seus lexítimos propietarios de máis de 400.000 has. de monte veciñal que aínda están sen clasificar. |
||
|
|
||
|
Elemento pernicioso Nesta política nociva contra o monte veciñal hai un personaxe que ten salientado en todos estes anos pola súa filosofía contra as comunidades de montes: o Director Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, que con varios conselleiros ten encabezado esta filosofía de acoso e derribo ás terras comunais. Cando por lei o seu cargo ten encomendado o traballo de defender o monte veciñal, este personaxe ten protagonizado os máis furibundos ataques contra estas propiedades en diversos foros e por variados métodos. Considera ó monte comunal como privado soamente cando lle convén, para de seguido facelo branco dunha política intervencionista que non se atrevería cos montes particulares. Moi singular o seu xeito de entender a propiedade privada e as funcións dos montes veciñais. Unha lei imposta Na presentación do borrador da Lei de Montes de Galicia, o Director Xeral de Montes reiterou ata a fartura que era vivo interese da Consellería de Medio Ambiente o chegar a un texto consensuado coas entidades do sector para acadar o máximo acordo. Pero axiña se comprobou que era leria barata. A filosofía do novo borrador non mudou unha miga e as liñas mestras seguen sendo as mesmas. A Organización Galega presentou 55 alegacións á lei, pero a Consellería soamente aceptou 1 e parte de 4. ¿Onde está o consenso pregoado polo Director Xeral de Montes? ¿.Entenderá que o consenso e pasar pola aro e tragar con rodas de muíño ? ¿Confunde consenso con imposición? Puidera pensarse que o criterio da ORGACCMM é moi particular e a Xunta tivo interese en consensuar coas outras entidades do sector. Pero non, a Consellería aceptou moi poucas alegacións: as 13 entidades relacionadas co monte presentaron un total de 267 alegacións, das que a Xunta aceptou 27 e parcialmente 5 máis. ¿U-lo o consenso? |
||
|
|
||
|
Outro ataque ó monte veciñal O borrador da Lei de Montes de Galicia que elaborou a Consellería de Medio Ambiente supón na práctica a desaparición a medio prazo da figura do monte veciñal en man común ó quedar ferido de morte e sen posibilidade de desenvolver os seus recursos e servicios. Das 13 entidades relacionadas co monte que presentaron propostas, catro delas (un 30%, Comisións Obreiras, Sindicato Labrego Galego, Unión de Tecores de Galicia e a ORGACCMM) presentaron alegacións para que se definise correctamente o monte veciñal en man común como unha propiedade singular, nin pública nin particular, cunhas funcións importantes, e para que na lei se diferenciaran os conceptos monte e forestal porque non son sinónimos. A Xunta de Galicia fixo caso omiso destas alegacións presentadas por catro entidades distintas, representativas do sector. Ante este novo intento de eliminar a figura do monte veciñal como unha propiedade de carácter xermánico e de titularidade veciñal, vemos redobrada a intención de entregar estas terras a intereses privados e especulativos. As comunidades de montes, de novo encabezadas pola ORGACCMM, preparan unha dura batalla para a defensa das súas propiedades. De novo están dispostas a encararse cos inimigos do monte comunal (encabezados pola Dirección Xeral de Montes e sectores do Partido Popular) na defensa do monte veciñal en man común como terras de gran interese social e ecolóxico, e propiedades inembargables dos veciños dos lugares e parroquias de Galicia. As comunidades de montes non están dispostas a que lles rouben mediante unha lei as súas propiedades. A nova lei permítelle á Xunta de Galicia roubarlle ós veciños a xestión dos montes comunais conveniados e consorciados Con esta nova lei, a Xunta de Galicia escápase de facer os deslindes dos montes veciñais, que levan esperando máis de vinte anos. A Consellería non aceptou a maioría das alegacións que presentaron as entidades relacionadas co monte, pero di que a lei foi consensuada. O Partido Popular pretende evitar que se clasifiquen as 400.000 has. de monte veciñal que aínda non se recoñeceron, furtando os dereitos dos veciños ás súas terras. |
||
|
|
||
| Ir ó Sumario | Ir á páxina ANTERIOR | Ir á páxina SEGUINTE |
|
O Común dos Veciños Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004 |
||