O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004
Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE

 

A Mancomunidade de Montes do Castrove-Salnés

CELSO MILLEIRO FARIÑAS, Presidente da Mancomunidade

A nosa Mancomunidade tenta de confederar ás comunidades de montes do Salnés e mailas das abas do Castrove co fin de ir paseni­ñamente poñendo en común os temas de xestión dos montes e ser un ins­trumento de defensa e promoción dos valores do monte ve­ciñal nas facianas económicas, sociais e ecolóxicas.  

Os Concellos que abrangue a nosa actuación son os de Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia, A Illa de Arousa, Pontevedra, Vilanova de Arousa, Meis, Vilagarcía de Arousa e Barro. Os membros da nosa Mancomunidade son as comunidades de San Salvador de Poio, Combarro, Noalla, San Vicente do Grove, Lois, A Illa, Campañó, San Vicente de Nogueira, Armenteira, San Lourenzo de Nogueira e Curro. Está en trámite de se asociar a comunidade de San Tomé de Nogueira. Ademais, a comunidade de San Martiño do Grove está en proceso de constitución legal.

Os primeiros pasos para constituírmos unha Mancomunidade na nosa zona déronse no 97, uns meses antes do I Congreso Galego de CMVMC de Poio, e foron promovidos pola Comunidade de San Vicente de Nogueira (Meis). Non foi doada a tarefa. A mais das eivas que xa hai para que unha comunidade funcione, no caso da Mancomunidade as eivas multiplícanse, sinaladamente a falla de confianza duns para outros. É posible que de non ser polo Imposto sobre Sociedades que nos puxeron no 2.000, aínda estariamos dándolle voltas ó asunto. Pero a preparación e asistencia á I Manifestación en Santiago foi o catalizador. Ver que cada comunidade non estaba soa, a ledicia de vermos moitas loitando xuntas, fixo ás xuntas de montes da nosa zona caer na conta de que a unión é o único xeito de saír cara adiante.

Case todas as xuntas de montes andamos na difícil tarefa de facer comunidade, e unhas poucas tamén andamos facendo futuro coa teima das mancomunidades. Matino que as “nosas vaguedades cumprido fin terán”. Moitas veces temos debatido nas nosas xuntanzas qué facer. Polo de agora, “mentres tanto”, á espera de tempos mellores, como unha vella toupa, todos os que estamos na Mancomunidade pensamos que é bo estar unidos. Aínda que só sexa por expoñer as nosas coitas e oír as experiencias dos demais xa é de abondo. De todos os xeitos a Mancomunidade tivo que loitar arreo nos pesadelos que andan a pasar as comunidades de San Vicente e San Martiño do Grove e máis Noalla de Sanxenxo: os voitres non paran.

Tamén no que se refire a colaborar coas as demais comunidades galegas, a nosa Mancomunidade ten estado presente en canta tarefa se lle pediu colaboración. Temos posto a nosa achega na loita contra o imposto sobre sociedades (nesta teima sabemos que “venceremos nós”), temos sido punta de lanza na loita contra a praga do eucalipto e concienciamos ás comunidades para que se integren a máis alto nivel na Organización Galega (a máis das fundadoras San Vicente do Grove, Combarro e San Vicente de Nogueira fóronse integrando Curro, Lois, San Lourenzo de Nogueira e A Illa de Arousa e, preto de nós, esperamos a incorporación de Trabanca Sardiñeira de Vilagarcía). Estamos abertos á colaboración coas zonas lindeiras (xuntanzas en Cuntis, Soutelo de Montes, Cerdedo...), matinamos nos problemas dos montes veciñais por mor da problemática periurbana, das costas e dos montes de predominio do uso social, damos a cara diante dunha Administración inoperante, quizais incompetente cando non corrupta, temos a escopeta cargada no que se refire ós parques eólicos na nosa zona, andamos a dar os primeiros pasos na ordenación do gando, temos un proxecto de explotación de cogomelos nunha comunidade que pode ser estendido a todas, esperamos ver qué acontece cos temas da xestión sostible, demos os pasos para nos xunguir á Plataforma Cidadá Nunca Máis e estendela á outros eidos. O clima non é propicio, mais andamos á espreita para cando escampe.

Comeza a saír polo horizonte unha nova ameaza contra as comunidades de montes: o Proxecto de Lei de Montes estatal e a galega. Imos loitar co fin de que, desta volta, fique clarexado o concepto de monte veciñal en man común e a fiscalidade que nos impuxeron, acaída. Loitando e resistindo “venceremos nós”.

Atopámonos nunha zona onde os niveis dos “tres ces” (caciquismo, clientelismo e corrupción) acadan niveis arrepiantes. A ver se, deste empurrón, a marea de dignidade nos atopa preparados para aproveitar a implantación das nosas ideas.

 “O Prestige do monte son os incendios, os eucaliptos, as maquinas escavadoras, ... loitemos e organicémonos para rematar con isto, e construamos un monte en consonancia co medio: ecolóxico, productivo e autoxestionado.” Comunidade de Lois (Ribadumia)

“A Mancomunidade é unha semente que espreita o intre de xermolar; o intre virá cando haxa moitas mans xuntas en todos os currunchos de Galicia.” Comunidade de San Vicente de Nogueira (Meis)

 “La Mancomunidad tiene el deber de tratar los diferentes problemas de las comunidades y procurar solucionarlos, en la medida de lo posible, para justificar su existencia.” Carmen Esperón Sartal, Comunidade de San Salvador de Poio 

“A Mancomunidade debe loitar por que os concellos lle teñan respecto ás comunidades de montes.” Comunidade de Noalla (Sanxenxo)

 

Ir ó Sumario Ir á páxina ANTERIOR Ir á páxina SEGUINTE
O Común dos Veciños
 Revista informativa da Organización Galega de Comunidades de Montes Ano 6 Número 7 Setembro 2004