Campaña para coñecer
o monte veciñal
A Organización Galega de Comunidades de Montes está
preparando unha campaña para promover o coñecemento do monte veciñal en man
común, “ese ben singular que recibimos dos nosos antepasados e que debemos
legar ós nosos descendentes nas mellores condicións posibles”. A campaña
abrangue tres grupos de actividades:
1) Cursos sobre a xestión e administración de
comunidades de montes, destinados á formación de membros das xuntas rectoras e
tamén a veciños e veciñas comuneiros.
2) Xornadas sobre montes e medio ambiente, destinadas ós
comuneiros e á cidadanía en xeral e celebradas a través de mesas redondas.
3) Campaña de educación forestal, destinada a nenos e
nenas en idade escolar e a celebrar no “Día Mundial do Medio Ambiente” ou
no “Día da Árbore”, co apoio de medios audiovisuais.
Para o financiamento desta campaña, a ORGACCMM solicitou
no pasado novembro unha axuda económica á Consellería de Medio Ambiente. Como
en anteriores ocasións, este organismo nin se dignou contestar, mentres
subvenciona campañas semellantes a outras asociacións forestais. Xa é práctica
habitual do señor Conselleiro o uso de fondos públicos con carácter sectario,
favorecendo desvergonzadamente a entidades “amigas” con diñeiro de todos
mediante “convenios” que non saen á luz pública.
Coma
decote, este trato discriminatorio e caciquil da Xunta de Galicia non impedirá
que a Organización Galega leve a cabo as actividades programadas, polo que as
comunidades de montes e mancomunidades interesadas na campaña “Para coñecer
o monte veciñal”, deben poñerse en contacto coa ORGACCMM para coordinar as
actividades.