Celebrada a Asemblea Xeral da Organización Galega de Comunidades

O pasado 15 de marzo, a Organización Galega de Comunidades de Montes celebrou no Auditorio “V Centenario” de Baiona a súa Asemblea Xeral Ordinaria, cos puntos previstos en calquera asemblea anual: memoria de xestión, balance económico, etc. A asemblea aprobou o mantemento para o ano 2003 da cota anual de 120 € que xa leva varios anos en vigor e a alta de dez novas comunidades de montes na ORGACCMM.

Nesta ocasión os debates centráronse na elaboración dunha axenda anual de servicios, a Lei de Montes estatal que está a punto de aprobar as Cortes do Estado e que supón un novo ataque ó monte veciñal galego e a necesidade de informarse sobre a metodoloxía empregada nos dous sistemas actualmente existentes en Europa na certificación da madeira: o FSC e o PEFC.

Pola tarde celebrouse a VI Xornada monográfica sobre o monte veciñal, esta vez dedicada a “As mancomunidades de montes e o desenvolvemento local e rural” no que se deu un repaso á actividade das mancomunidades, os seus problemas e os seus éxitos.

Primeiramente Xosé A. Pereira, secretario da Mancomunidade do Val Miñor, presentou o relatorio “As mancomunidades de montes: administración e xestión”, para dar paso de seguido ó relatorio “Mancomunidades de montes e desenvolvemento local” a cargo de Claudio Quintillán, membro da Mancomunidade de Montes do Castrove. Tras un breve coloquio, comezou unha mesa redonda, moderada polo Coordinador Xeral da ORGACCMM David Díaz, con representantes das mancomunidades de montes do Barbanza, Pontevedra, Val Miñor e Monterrei, que falaron sobre as súas experiencias na xestión das mancomunidades, da súa importancia e das dificultades para organizalas. O acto finalizou coa lectura das conclusións a cargo de Xoán Collazo, vicepresidente da Organización. Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"