Constituída a “Mesa por un monte sen lumes”

 

Recollendo un mandado da súa Asemblea Constituínte, no pasado novembro a Organización Galega de Comunidades de Montes presentou á Dirección Xeral de Montes a proposta de creación da “Mesa por un monte sen lumes”, formada por todos os os sectores relacionados co monte (Administración galega, comunidades de montes, asociacións forestais, grupos ecoloxistas, centrais sindicais, rematantes de madeira e empresas forestais, sindicatos agrarios e grupos políticos) cunha dinámica de traballo baseada na análise das causas dos lumes forestais (distintas en cada comarca) co fin de ir artellando solucións, xa foran políticas, técnicas ou lexislativas.

O Director Xeral de Montes aceptou parcialmente a nosa proposta, pero pretendeu introducir cambios: propuxo a formación do que chamou “Grupo de Traballo Forestal” composto pola Administración galega, a Federación Galega de Municipios e Provincias, as asociacións de comunidades de montes e forestais, os rematantes de madeira e as empresas forestais. Acepta a nosa proposta de que a dinámica de traballo do grupo sexa a análise das causas dos lumes e o estudio de solucións específicas para cada caso. Nas propostas dalgunhas causas poden participar outros sectores relacionados co monte e co diagnóstico realizado.

Aínda que a proposta da Dirección Xeral de Montes non é exactamente a realizada pola ORGACCMM, optamos por aceptala polo noso desexo de que boten a andar canto antes iniciativas serias que traballen na solución desta catástrofe social, económica e ecolóxica. Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"