Celebrada en Pontevedra a segunda edición de Forestalia

No pasado mes de outubro o Recinto Feiral de Pontevedra acolleu o II Salón “Forestalia”, no que a Organización Galega de Comunidades de Montes estivo presente  cun pavillón e participando nun foro de debate sobre o sector.

A presente edición tivo unha duración de catro días e contou cunha notable asistencia de público. No pavillón da ORGACCMM repartiuse gran cantidade de folletos informativos e exemplares do último número da revista ás numerosas persoas que se achegaron para solicitar información sobre as actividades das comunidades de montes e a actualidade das terras veciñais. Ademais mantivéronse numerosos contactos, tanto con membros rectores das comunidades de montes como con empresas do sector forestal e medio ambiente natural. Salientou a xuntanza mantida cos representantes da Feira Forestal Internacional de Tineo (Asturias), que convidaron á ORGACCMM á mesma e ofreceron ampla información sobre os montes veciñais asturianos. Para a defensa dos mesmos acaban de constituír a súa Federación de Montes Veciñais.

Por outra parte, no foro do sector celebrado no Pazo de Congresos, a Organización Galega estivo representada polo seu presidente Xosé A. Pereira. Cunha escasa asistencia de representantes das comunidades de montes, quizais debido a deficiencias na publicidade do acto, volveu salientar negativamente a intervención do representante da Consellería de Medio Ambiente, que esqueceu a función de moderador que tiña establecida para mudarse en defensor extemporáneo da Administración que lle paga.

Outra das cuestións debatidas nas conversas coas pequenas e medianas empresas é a necesidade de unificar esforzos asociativos e fomentar un código deontolóxico á hora de acometer os planos de traballo, tratando no posible de contribuír á creación de emprego estable no medio rural.

No acto de clausura, a Cámara de Comercio de Pontevedra, organizadora da Feira, anunciou que posiblemente Forestalia terá no futuro carácter bianual, ritmo aconsellado pola aparición de novidades no sector e o seguimento de investigacións e experimentos. Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"