A Xunta de Galicia toma medidas contra a praga do eucalipto

A Organización Galega de Comunidades de Montes foi convidada a unha reunión na Subdirección Xeral de Montes e Industrias Forestais en Compostela para ser informada dos traballos desenvolvidos por ese departamento na loita contra a praga do gonipterus no eucalipto galego.

O método empregado parte dun estudio no que se contemplan 5 graos de afectación da masa forestal segundo unha mostraxe realizada a través de parcelas. Unha vez coñecido o grao de intensidade da praga en cada parcela, a Consellería de Medio Ambiente promove un tipo de tratamento que nun principio estaba centrado na loita biolóxica a través dun insecto parasitador das postas do gonipterus chamado Anaphens nítens, e que actualmente (sobre todo nas zonas máis castigadas) compleméntase previamente coa loita química utilizando un antiquitinizante comercializado baixo o nome de Cascade, que aplicado en doses de U.B.V. (ultrabaixovolume) impide ás larvas converterse en insectos adultos.

A Organización Galega de Comunidades de Montes fíxolle saber o Subdirector Xeral das graves perdas económicas que están a sufrir coa praga moitas comunidades de montes. Considera que a Administración tivo unha actuación moi tardía, polo que tralo necesario estudio de danos, deberían indemnizarse.

A Consellería informa que, segundo os estudios de que dispoñen, a praga comeza a ser controlada e que actualmente contan con equipos nas catro provincias para realizar un seguimento diario da súa evolución. Tras unha petición da Organización, a Xunta accedeu a que, nos casos graves, aquelas comunidades que precisen asesoramento técnico para introducir melloras que contribúan a paliar os efectos da praga, poden solicitalo. As comunidades de montes tamén insistiron na necesidade de dispoñer de subvencións a fondo perdido para superar a praga. A Xunta recolleu a petición e está disposta a subvencionar con 12.000 € por hectárea o cambio de cultivo, isto é, a replantación con outras especies dos eucaliptais afectados pola pragaVoltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"