80 cabodano dos Mártires de Sobredo

O pasado 24 de novembro e organizado conxuntamente pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” e pola Organizacion Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común celebrouse na parroquia de Guillarei (Tui) o “Homaxe ós Mártires de Sobredo” no seu 80 cabodano. Neste acto anual lémbrase a memoria de Cándida Rodríguez, Xoaquín Estevez e Venancio González, labregos asasinados polas forzas represivas o 28 de novembro de 1922 cando se estaban solidarizando cun veciño por negarse a pagar os foros seguindo as directrices do Congreso Agrario de Tui celebrado no mes de xullo anterior, que consideraba ós foros un imposto medieval que condenaba á clase labregas á miseria permanente.

Nesta ocasión inteviu o presidente da Confederación Galega de Asociacions Veciñais “Rosalía de Castro”, que rendeu un homenaxe a Xosé Antonio Bastos, fundador da Coordenadora Veciñal que deu a coñecer os tráxicos sucesos de Sobredo. De seguido o presidente da Comunidade de montes de Cabral lembrou a Amante Caride Rodríguez, membro da Xuventude Cultural-Agrícola de Cabral e presidente do Sindicato de Agricultores desta parroquia na decada dos anos 30 que en 1936 foi tamen asasinado polo fascismo. A continuación o presidente da Organizacion Galega de Comunidades de Montes que manifestou que os desgraciados feitos que conmemoraban non foron inútiles, pois en 1917-23 o movemento agrario galego levou a cabo unha intensa actividade pola redención e abolición do réxime foral, que acadou a eliminación masiva dos contratos forais mesmo antes de que a Dictadura de Primo de Rivera promulgase no ano 1926 a “Lei de Redención de Foros”. Finalmente inteviu o maxistrado da Audiencia de Pontevedra, Benito Montero, que afirmou: “Hoxe, no ano 2002, 80 anos despois daquel desgraciado día en que morreron neste lugar tres labregos por solidarizarse cun veciño a quen lle ían embargar inxustamente os seus bens, temos que preguntarnos se aínda existe ese espírito de rebeldía, se somos capaces de seguir loitando por un mundo mellor e máis xusto. Non son tempos de morte, pero si son tempos de protesta, de loita, de esixencia, de reivindicación da mellora de vida para os que aínda hoxe viven do campo en Galicia”.

A homenaxe ós Martires de Sobredo rematou cunha ofrenda floral ó pé do monumento e co canto do himno galego.Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"