|
Falan os comuneiros O Parque eólico do Monte Xiabre, menudo negocio |
|
|
|
Como presidente da Mancomunidade de Montes do Castrove-Salnés, quero
dirixirme a todas as comunidades de montes en xeral e en particular ás
afectadas pola próxima instalación do Parque Eólico do Xiabre
(concellos de Vilagarcía, Catoira e Caldas de Reis), sobre todo pensando
que seguramente despois dese parque nos caerá o do Monte Castrove. Recadando datos, fixen algunhas contas, que presento a todos. A potencia
do parque vai ser de 20 Mw e o investimento de 17,4 millóns de euros. Os
ingresos anuais previstos son de 3,9 millóns de euros, os gastos de
amortización de 870.000 € e os de mantemento 780.000 €. Nos
gastos de mantemento inclúese o canon anual a pagar polo monte veciñal
ocupado, que supón un gasto previsto de 100.000 € anuais máximo. Os
gastos de amortización se calculan a 20 anos e non se contabilizan
intereses porque están subvencionados. Durante os vindeiros 20 anos, os beneficios anuais (ingresos
menos gastos) de ENGASA, a empresa concesionaria, serán 2,25 millóns de
Euros. Isto é: cada ano a empresa obterá 374 millóns de pesetas e as
comunidades de montes 16 millóns. ¿Non é desproporcionada a diferencia?
¿Poden instalar o parque noutro lugar que non sexa os nosos montes? ¿Non
sería máis xusto que os beneficios se repartiran entre as dúas partes,
isto é: 187 millóns de pesetas para a empresa e outro tanto a repartir
entre as comunidades de montes? Se é xusto este reparto proposto, o Goberno galego debe actuar na nosa
axuda. A Xunta de Galicia participa cun 5 % en ENGASA, e ademais ten que
defender o monte veciñal, segundo a Lei de Montes. Tendo isto en conta,
¿non pensades que as comunidades de montes afectadas por este parque
deberían recibir ese 50 % dos beneficios limpos anuais? As comunidades afectadas tedes que vos xuntar e defender con forza os
vosos dereitos. Sabedes, por casos anteriores, que os representantes da
empresa van tentar de reunirse convosco individualmente, ameazaranvos con
rachar as conversacións e pedir a expropiación, tentarán convencer a
algúns, ofreceranvos caramelos (obras de pouco gasto), culparanvos a vós
na prensa de non querer chegar a acordo. Teredes presións políticas de
todo tipo. A Xunta e os concellos deberían apoiarvos, pero non contedes
coa Xunta de Galicia. Cos concellos deberedes xuntarvos para explicarlles
a vosa postura e acadar o seu apoio. Non caiades na trampa de negociar segundo a extensión da ocupación.
Buscade asesoramento independente. Tedes que tratar sempre da potencia
instalada e pechar ben os contratos. E tede en conta que non soamente están
afectadas as parcelas ocupadas polos muíños, tamén hai que ter en conta
as servidumes (accesos, tendidos...). Estudiade a situación (usos,
aproveitamentos, limitacións) das parcelas que vos quedan arredor. Existe
en Galicia unha Asociación de Afectados polos Parques Eólicos (Terra
Eólica) que pode asesorarvos. Buscade un bo equipo de avogados; o
gasto é pouco comparado co que tedes que gañar. Neste intre hai instalados en Galicia uns 1.300 Mw de potencia eléctrica
eólica. Isto significa, polos meus cálculos, que lle están a esquilmar
ós propietarios (os comuneiros) uns 12 mil millóns de ptas cada ano.
Cando no 2010 estean instalados os 4.000 Mw previstos, o roubo será de 37
mil millóns de ptas. anuais. A Xunta de Galicia consinte este roubo de 37.000 millóns de pesetas
anuais, que podían ser empregados no desenvolvemento das comarcas
afectadas. Pero a súa política
de desenvolvemento rural é dunha hipocresía arrepiante. Por certo, ¿cal
é o presuposto da Xunta para Desenvolvemento Rural? Celso Milleiro Fariñas Presidente
da Mancomunidade de Montes do Castrove-Salnés |