Un exemplo de salvación microtoponímica

A importante riqueza toponímica de Galicia

Xesús Ferro Ruibal

Cando en 1860 se estaba a elabora-lo Nomenclátor oficial de España, o Gobernador da Coruña comunicoulle ós Servicios de Estatística a dificultade de recoller os nomes de tódalas aldeas de Galicia máis ou menos con estas palabras: ¡No puedo! Pero si creo que hay mas de quince mil nombres de núcleos...! ¡No pueden recogerse! A trancas e barrancas fóronse recollendo entre o século XIX e o XX, aínda que a obsesión de castelanizar España deu lugar a que nos listados oficiais moitos aparecesen deformados e, ás veces, de forma aberrante coma converter Niño d'aguia en El Niño de la Guía ou Xanrozo (un antigo Xeneroso) en Juan Rozo. No ano 2001 sabemos que, ben contados, non eran 15.000 senón uns 40.000 e xa están, por suposto, recollidos e purificados de toda manipulación gracias ó labor experto da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Estes nomes de lugar coñécense tecnicamente como toponimia e a toponimia galega é a máis voluminosa de toda España por razón da dispersión da poboación.

Pero Galicia aínda ten un segundo arquivo toponímico e este de valor xa incalculable, tanto en si como comparado ó resto da península. Como terra historicamente moi poboada e cultivada en réxime de minifundio cada camiño, carreiro, congostra, penedo, veiga, prado, monte ou val, praia, con ou punta ten o seu nome. Estes microtopónimos forman un conxunto de varios millóns de nomes máis; e non ten nada de aventurado afirmar que nada semellante hai en toda España.

Estes nomes escritos na nosa memoria e non sempre ben transcritos nos testamentos (e menos aínda nos catastros) son documentos tan valiosos coma calquera outro pergamiño medieval, porque nos transmiten informacións que moitas veces veñen aínda de máis atrás, da prehistoria (Veiga, Coto, Touza); outras veces, porque informan de que alí houbo flora ou cultivos que xa non hai, como Salceda (salgueiros), Reboreda (carballos) ou animais como Vuitureira (voitres), ou do tipo de chan, coma Laxe, Carregal (terreo laxento e pedroso), Ruibal (terra rubia) ou do nome de antigos posesores, como Osebe (Eusebio), Arcade (Arcadio), Casdemiro; ou de antigos incidentes, como Vilouchada (aldea queimada), ou de por onde pasaban os máis antigos camiños que o home fixo, coma Verea, Brea.

Mesmo polo patrón da parroquia podemos saber a antigüidade desa parroquia: unha Santa Baia, un Santo Estevo ou un San Lourenzo son probablemente máis antigos núcleos parroquiais ca un San Martiño, Santa María, San Pedro ou San Xoán. Pero estes son máis antigos ca unha Santa Xusta, San Cristovo, San Xenxo, San Cosme ou San Adrián. E estes son máis antigos ca Santa Comba ou San Breixo. E todas estas son probablemente parroquias de máis de mil anos de antigüidade.

Ningún nome se debe perder, porque todo nome dá información histórica valiosa. E non hai nome de camiño, carreiro, congostra, penedo, veiga, prado, monte ou val que non conteña información. E canto menos transparentes sexan, máis preciosa información conteñen.

Arde o máis antigo arquivo de Galicia

En Galicia existe un arquivo sen catalogar no que se calcula que existen máis de tres millóns de pezas documentais. Hai moito tempo que os expertos veñen avisando do deterioro e mesmo da continua desaparición de documentos polo abandono en que estaba aquela masa documental. Sobre ela cae po e humidade dun tellado deteriorado. A Real Academia Galega deu unha axuda a tres voluntarios e o Goberno galego mandou outros cinco, que recentemente aumentou en dez máis, para limpar, secar e catalogar un por un os documentos. A medida é acertada pero insuficiente, porque recentemente as alarmas denuncian a existencia de pequenos pero numerosos focos de lume xordo. Neste arquivo, que garda elementos únicos da nosa identidade cultural e da nosa historia, a situación é xa desesperada. Se se viñesen abaixo a fachada do Obradoiro e mailo Pórtico da Gloria, a vontade colectiva aínda erguería outra vez o monumento cos cascallos a as fotos que conservamos; pero nunca será posible recupera-la información deste arquivo que está a arder: só unha actuación urxente e combinada de múltiples institucións e entidades pode impedir esta desfeita irreversible.

A microtoponimia galega, os homes das veigas, dos camiños, dos curutos e dos accidentes da nosa costa, representan verosimilmente un tercio da microtoponimia de toda España pero vive unha situación desesperada; equivalente, sen hipérbole, á do arquivo do conto. En cinco anos Galicia pole perde-lo setenta por cen desa documentación, que é coma se alguén pasase un borrador sobre a nosa terra deixándoa en branco; coma se nunca antes nela vivira xente.

As pingueiras do tellado son o abandono masivo da actividade agraria, que fai que mesmo os propietarios das leiras non saiban nin os lindeiros nin os nomes de todas, se teñen menos de setenta anos ou se xa viven nunha cidade. O po e maila humidade que caen sobre os documentos son as deturpacións que eses nomes padecen en rexistros catastrais e censais, moitas veces obedientes a criterios xeneralizadores de institucións do Estado ou ás novas urbanizacións que acollen xente acomodada que foxe das cidades. Os focos de lume son as expropiacións feitas para encoros ou vías de comunicación, que non arquivan debidamente os topónimos que fan desaparecer, e o proceso da Concentración Parcelaria, que ó mesmo fallo anterior, ás veces engádelle nomes novos inventados para as vías ou parcelas novas que os técnicos trazan sobre o papel. Repárese en que, en certos casos, as institucións públicas encargan estas operacións técnicas a empresas privadas (nin sempre galegas) que carecen da necesaria sensibilidade para unha materia que para elas é marxinal.

Tódolos actores desta traxedia cultural teñen en maior ou menor medida conciencia de que isto non se está facendo co coidado debido, porque moitos dos topónimos desaparecidos son luces que nos chegan dende a nosa prehistoria e que, mentres están aí, axúdannos a comprender de onde vimos e, polo tanto, quen somos. Pero esa conciencia esta amordazada pola sensación de que a desfeita é irremediable; coma se os galegos fosemos incapaces de unir forzas heteroxéneas para salvarmos entre todos esta riqueza histórica incomparable na Península Ibérica.

E, sen embargo, todo isto podería ter remedio se lle acudimos cos medios debidos nun período inferior a cinco anos.

Na procura dunha intervención urxente e eficaz

A Real Academia Galega convocou un Premio Padre Sarmiento de Investigación en microtoponimia que puxo as bases para salva-la microtoponimia de dous concellos: Marín e Vilamartín de Valdeorras. A propia Xunta de Galicia, como dixen, puxo en marcha, a través da área de cartografía (SITGA) da S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, un pequeno equipo de traballo do que cómpre aplaudi-lo rigoroso método de traballo. Pero isto é insuficiente.

Cómpre, en primeiro lugar, crea-la conciencia de que esta traxedia pode consumarse en moi poucos anos; de que no 2005 pode ser xa tarde e que a eficacia está na urxencia da intervención.

Cómpre, en segundo lugar, aviva-la conciencia de que os galegos somos capaces de dar saltos cualitativos espectaculares. Igual que aconteceu noutros eidos da vida económica, aconteceu no lingüístico: hai un par de decenios a nosa lingua era unha descoñecida no eido da filoloxía románica e hoxe non só se coñece a súa existencia e perfil, senón que é a que mellor estudiados ten algúns dos seus aspectos gramaticais e, posiblemente, a lingua da que se coñece o seu mapa sociolingüístico con máis nitidez en Europa (se non no mundo), gracias á conxunción dos científicos e o intelixente patrocinio do Goberno autónomo, que tamén patrocinou dende a súa Comisión de Toponimia a revisión dos topónimos maiores.

A inigualable riqueza documental da microtoponimia galega pode salvarse se os que gobernan as nosas institucións queren. Precisaría menos diñeiro do que custou o pavillón de Galicia na exposición de Sevilla e sería un investimento máis duradeiro: chegaría con que se reforzase substancialmente durante cinco anos o traballo iniciado no SITGA; con que durante cinco anos a Consellería de Familia destinase axudas do paro a filólogos galegos que fixesen o levantamento microtoponímico do seu propio Concello (porque isto teñen que facelo lingüistas autóctonos se é posible). Chegaría con que a Consellería de Educación financiase este traballo ós Equipos de Normalización Lingüística que estivesen dispostos a facelo na forma debida; con que a de Obras Públicas coordinase os traballos da súa sección de Urbanismo; a de Agricultura, o seu servicio de Concentración Parcelaria; e a de Cultura, os seus traballos de Patrimonio coas pautas de levantamento toponímico xa establecidas pola Comisión de Toponimia. Precísase, polo menos, o apoio da Radio Galega e da Televisión de Galicia.

A inigualable riqueza documental da microtoponimia galega pode salvarse se a Cidade da Cultura, lonxe de ser unha moderna pirámide faraónica que implique o abandono do patrimonio existente, se converte nunha fonte de recursos e unha ferramenta para o estudio, ordenación e actualización funcional do noso patrimonio heteroxéneo e disperso.

A inigualable riqueza documental da microtoponimia galega pode salvarse se a FEGAMP e os Concellos que teñan máis recursos dedican a este fin unha pequena parte do seu orzamento durante un ou, como moito, dous anos; con eles poden e deben participa-las Comunidades de Montes, como está acontecendo na coordinación exemplar que estamos vendo nacer en Baiona, Gondomar e Nigrán.

A inigualable riqueza documental da onomástica galega pode salvarse se tódolos partidos inclúen no seu traballo político a recuperación da microtoponimia e outra operación necesaria que é a informatización do Catastro de Ensenada realizado entre 1750 e l754. Precísase compromete-lo I.N.E. e o I.G.E., que seguen sen utilizar tiles e eñes, co que é imposible distinguir, coma tal, Casas de Casás.

A inigualable riqueza documental da microtoponimia galega pode salvarse se as Fundacións e Empresas privadas acoden con urxencia a esta tarefa común, con ou sen beneficios fiscais, porque é probable que moitos concellos pequenos teñan dificultades para encontraren recursos, cando xa lles son insuficientes para cousas máis primarias.

Salvar este Patrimonio pode custar sobre 2 millóns de euros. Entre todos é posible xuntar eses recursos e iso honraría esta xeración para sempre. Dentro de cinco anos a desfeita sería irremediable. Hoxe estamos en tempo.

Unhas comunidades de montes exemplarmente cultas

Nove comunidades de montes de Baiona, Gondomar e Nigrán deciden unirse a institucións públicas para salvaren da desaparición os nomes da terra. Eu comprendo que eles, que son os de aquí de toda a vida, teñan esta sensibilidade, porque esta terra está sendo poboada de maneira compulsiva por turistas que tanto lles ten que isto se chame Baiona coma Miami Praia. O turista da beira do mar é moitas veces un turista desarraigado. Pero para os que aquí naceron e aquí se criaron, os nomes de sempre teñen moita importancia, porque son as súas raíces, a súa historia, a que os fai alguén.

E por iso quero consignar para a historia os nomes das comunidades de montes de Baredo, de Belesar e de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona), de Borreiros, de Chaín, de Mañufe, de Peitieiros, de Vincios (Gondomar) e de Camos (Nigrán) porque os honra a decisión de dedicaren unha parte dos seus recursos económicos a financiaren este traballo en colaboración coa Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e coa S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

Coido mesmo de xustiza consigna-los nomes dos presidentes destas Comunidades de Montes pola orde en que as mencionei: José Ferreira Carrero (Baredo), Delmiro Rodríguez (Belesar), Xosé Alfredo Pereira Martínez (A Ramallosa), Latino Rodríguez Areal (Borreiros), Plácido Salgueiro Méndez (Chaín), Miguel Ángel Rodríguez Alonso (Mañufe), Carlos Misa Domínguez (Peitieiros), Domingos González Alonso (Vincios) e Ana Rial Fernández (Camos). Sen eles, como animadores das súas comunidades, esta actuación de alto valor estratéxico no eido da cultura non sería posible.

Finalmente tamén me parece de xustiza consignar que esta novidosa conxunción de entidades tan heteroxéneas é posible gracias á capacidade de idear e conxuntar esforzos de Xosé González Martínez, do Servicio de Normalización Lingüística da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, a quen a nosa cultura debe varias das iniciativas máis dinamizadoras dos últimos vinte anos. A conxunción das comunidades de montes con outras entidades públicas e cos lingüistas é inusual nesta nosa Galicia desvertebrada pero é exemplar e representa o anticipo da Galicia que queremos.

Se este exemplo pega, se xorden colaboracións xenerosas e urxentes coma esta, entre todos aínda damos salvado da destrucción definitiva o noso gran arquivo microtoponímico. Se o conseguimos será un novo salto cualitativo do que Galicia poderá sentirse orgullosa. Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"