| Celebrada unha Sesión Pública sobre baldíos en Portugal | |
|
A Organización Galega de Comunidades de Montes foi
convidada o pasado decembro por Balflora (Secretariado dos baldíos do
distrito de Viseu –Portugal-) a participar nunha Sesión Pública de
Información sobre baldíos. Esta invitacion encádrase na relación que,
desde hai case un ano, mantén a entidade galega coa organización dos
baldíos portugueses Baladí por mediación do Sindicato Labrego Galego.
Nesta Sesión Pública de Informacion, na que os comuneiros galegos leron
un relatorio titulado “O monte veciñal en man común: desde soporte do
sistema agro-gandeiro tradicional ata peza para o desenvolvemento local e
rural”, analizáronse os problemas que padecen os baldíos (montes veciñais)
portugueses, moi semellantes ós dos montes veciñais galegos: intentos de
privatizar as terras en beneficio dos madeireiros, da empresa de
celulosas, de intereses urbanísticos e de empresas de turismo rural.
Estes intentos de privatización foron de gran envergadura, xa que mesmo
chegaron a debaterse na Asemblea da República (Congreso dos Deputados),
onde foron rexeitados gracias á movilización dos compartes (comuneiros).
Os outros problemas que debateron tampouco nos son alleos: convenios coa
Administración forestal portuguesa que non funcionan, abandono dos baldíos
polo Goberno, potenciación dun asociacionismo forestal alleo ós
intereses dos comuneiros coa intención de explotar unicamente a función
productiva do monte e roubarlle a xestión dos baldíos ós seus lexítimos
donos... Nesta Sesión Publica tamén se informou das liñas de
axudas que dende agora e ata o 2006 ten a Administración forestal
portuguesa dentro dos programas de política forestal da Unión Europea.
Os comuneiros galegos escoitaban con envexa ó representante da
Administración lusa, que ó contrario da Administración galega, non
entende ós seus baldíos como espacios exclusivamente forestais, de xeito
que abriu liñas de subvención moi variadas para os vindeiros catro anos: 1)- A liña que denominan ruris, semellante ás de
forestación de terras agrarias en Galicia. 2)- A liña denominada agro, pola cal os baldíos
portugueses reciben unha subvencion do 100% para potenciar todos os usos
das tres funcións do monte: plantacións, traballos silvícolas, gando,
productos agrícolas, apicultura, cogomelos, defensa do valor ecolóxico
do monte, zonas de lecer, defensa do patrimonio histórico dos montes...
|
![]() |
|
3)- A liña que nomean agris, que ofrece ós baldíos
portugueses axudas que chegan ó 100 % para: o fomento do asociacionismo
forestal, con capacidade para contratar personal técnico e dotación de
locais sociais, compra de ferramentas de corte e combate das plagas, etc.
Esta liña ten a súa trampa, xa que por medio dela subvenciónanse tamén
a empresas forestais alleas ós comuneiros. Como se pode comprobar, as liñas denominadas agro e
agris, que comprenden un abano de axudas para todas as funcións do monte
veciñal, non existen para a Administración galega, que entende o monte
comunal soamente como forestal. Ben podería aprender da súa análoga
portuguesa (por certo, tamén de dereitas), que cae tan preto, e copiar o
seu talante. Mellor nos iría a todos. A experiencia extraída da participación da Organización
Galega na Sesión Pública de Informacion sobre Baldíos foi moi
enriquecedora para os comuneiros galegos. Os problemas do monte veciñal
galego e dos baldíos portugueses son comúns, como comúns son tamén as
solucións para eles, xa que tanto os comuneiros galegos como os compartes
portugueses entenden que o futuro dos terreos comunais pasa pola súa
implicación co desenvolvemento do mundo rural no obxectivo de fixar a
poboación e evitar o éxodo. Xa que logo, hai un longo campo para
traballar conxuntamente en beneficio dos comuneiros e deste xeito en
beneficio das sociedades galega e portuguesa, dentro da política forestal
da Unión Europea.
|
|