Avala a postura mantida pola ORGACCMM

Un estudio xurídico da Universidade de Vigo recomenda cambiar o réxime tributario das comunidades de montes

 

Un estudio realizado por Roberto I. Fernández López, profesor titular de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo (Campus de Ourense), critica fortemente a aplicación ás comunidades de montes do Imposto sobre Sociedades e propón a elaboración dun réxime fiscal específico para o monte veciñal.

 

O estudio xurídico, que leva o título de “Posibles alternativas ó vixente réxime tributario das rendas xeradas polos montes veciñais en man común”, foi elaborado por Roberto Fernández, especialista  que leva realizado diversos traballos sobre o tema e ten estudiado con detalle a imposición ós terreos comunais do modelo fiscal mercantil. Este informe comeza cun capítulo onde se analiza desde a normativa legal a figura singular dos montes veciñais, para pasar de seguido a estudiar as consecuencias da aplicación do Imposto sobre Sociedades a estas propiedades, especialmente no tocante ó absurdo de considerar ás comunidades de montes como entidades mercantís. O último capítulo propón outros modelos fiscais máis adaptados ós montes veciñais e de xestión máis simplificada. O estudio detense especialmente a analizar as consecuencias negativas da aplicación deste réxime fiscal nas zonas rurais do interior de Galicia, onde o impacto é aínda máis gravoso ata constituír un verdadeiro atranco para o desenvolvemento rural. O informe cualifica como moi prexudicial a aplicación do Imposto sobre Sociedades ó monte veciñal e considera que na lexislación fiscal vixente hai figuras máis adecuadas que se poderían aplicar, como poden ser a exención de rendas ou a atribución de renda directa, pola cal só tributan no IRPF aqueles veciños comuneiros que acaden rendas cos ingresos dos montes.

As conclusións do citado estudio xurídico coinciden coas posicións da Organización Galega de Comunidades de Montes, que xa desde o primeiro momento mantivo un aberto enfrontamento coa Administración por este tema e que veu ratificada a súa postura no II Congreso Galego de Comunidades de Montes celebrado en Pontevedra no pasado mes de xuño.

A organización dos comuneiros entregou copias do devandito informe a todos os grupos políticos do Parlamento galego, á Directora Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia e ós deputados do Congreso, Guillerme Vázquez do BNG e Ceferino Díaz do PSG/PSOE. Voltar ó ÍNDICE do nº 6 de "O COMÚN DOS VECIÑOS"