Na pasada primavera, a empresa Blockdegal pretendía iniciar no monte veciñal da parroquia de Vincios (Gondomar) traballos de investigación para a explotación da pedra e a creación dunha canteira de máis dun millón de m3. Este intento de ocupación do monte veciñal foi rexeitado pola Asemblea Xeral da Comunidade de Montes de Vincios, pois o seu plano de ordenación do monte establecía para aquela zona un uso forestal e social e ademais o proxecto da canteira supoñía a destrucción dunha estación de arte rupestre con representación de armas máis importante da península Ibérica.
Todas estes argumentos non impediron que a empresa lograse da Administración galega todos os permisos pertinentes para iniciar a investigación mineira, polo que a
ORGACCMM, a petición da comunidade de montes de Vincios, mantivo xuntanzas cos tres grupos políticos do Parlamento galego (PP, BNG e PSOE) para facerlle chegar a información que demostraba a non idoneidade da apertura da canteira. Estas xestións, xunto coa mobilización dos veciños de Vincios, provocaron a paralización provisional do proxecto e que o Consello da Xunta de Galicia non declarara aínda a esta explotación prevalente sobre os usos anteriores do monte, requisito indispensable para a aprobación da concesión. Por unha vez o sentido común impúxose a tempo e as autoridades recoñeceron os importantes servicios que o monte comunal presta á sociedade.
A comunidade de montes de Noalla (Sanxenxo) celebrou este ano o Día Mundial do Medio Ambiente coas nenas e nenos do colexio de educación primaria da parroquia. Neste acto, no que interviron o presidente da comunidade de montes e o da ORGACCMM, proxectouse un traballo elaborado pola Mancomunidade de Montes do Val Miñor titulado “A natureza desde a escola” e os nenos plantaron un carballo no recinto escolar. Parabéns á comunidade de montes de Noalla por este labor de formación de futuros comuneiros responsables.