Despois de que as comunidades de montes rexeitaran no II Congreso a aplicación do Imposto sobre Sociedades ó monte veciñal por inxusto e inaxeitado, a Organización Galega de Comunidades de Montes encargou á Facultade de Dereito da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) a elaboración dun informe xurídico sobre as “Posibles alternativas fiscais ó vixente réxime tributario das rentas xeradas polos montes veciñais en man común”.
A persoa que dirixe este estudio é Roberto I. Fernández López, Profesor titular de Dereito Financieiro e Tributario da Universidade de Vigo, que leva realizado diversos traballos sobre o tema e ten estudiado con detalle a imposición ós terreos comunais do modelo fiscal mercantil.
Este informe xurídico en proceso de elaboración comeza cunha introducción onde se analiza desde a realidade legal a figura singular dos montes veciñais,
para pasar de seguido a estudiar as consecuencias da aplicación do Imposto sobre Sociedades a estas propiedades, especialmente no tocante ó absurdo de considerar ás comunidades de montes como entidades mercantís. Un novo apartado propón outros modelos fiscais máis adaptados ós montes veciñais e de xestión máis simplificada. O informe conclúe que a aplicación do modelo fiscal das empresas (Imposto sobre Sociedades) é unha incongruencia no sistema tributario e defende a aplicación doutros modelos fiscais máis axeitado ó monte veciñal.
Aínda sen coñecer a redación definitiva do informe xurídico, as súas teses coinciden basicamente coa postura defendida pola ORGACCMM e refrendada maioritariamente polas comunidades de montes no seu II Congreso celebrado en Pontevedra o pasado mes de xuño.