O Tribunal de Defensa da Competencia está investigando se a empresa de celulosa ENCE está a aproveitarse da súa situación de dominio no mercado da madeira, xa que é a propietaria das únicas papeleiras do noroeste de España, para baixar os prezos que paga pola madeira de eucalipto.
Segundo informaron o Faro de Vigo e a Cadena Ser, a Asociación de Gandeiros da Coruña cooperativa que agrupa a un millar de propietarios de plantacións de eucaliptos do norte de Galicia- presentou unha denuncia contra Ence na que a acusa de prácticas de monopolio e de valerse da súa situación de dominio para impoñer prezos á baixa. Para iso presentou diante do Tribunal facturas para demostrar que esta madeira estase a pagar no resto do estado a 63
€ a tonelada, mentres Ence paga 42
€ como moito.
A asociación de propietarios tiña presentado denuncia diante do Servicio de Defensa da Competencia alegando que, desde 1999 en que Ence absorbe a papeleira Ceasa de Navia (Asturias) e se apodera do control do mercado
en todo o noroeste español, os prezos que vén pagando polo eucalipto non deixaron de baixar constantemente. O Servicio arquivou a denuncia por non atopar indicios de vulneración da lei, pero os demandantes recorreron ó Tribunal da Competencia, que admitiu a denuncia e está a investigar se a situación de dominio de mercado de Ence constitúe un abuso penado pola lexislación.
A Asociación de Gandeiros da Coruña, que agrupa a propietarios de máis de 25.000 ha. cunha producción anual de 750.000 toneladas de eucalipto, afirma que o recurso de tentar de vender a súa madeira a outras papeleiras como as de Zaragoza, Aranda de Duero ou Bilbao, non é rendible polos elevados custos de transporte da mercancía. Os denunciantes advirten que Ence, a través da súa filial Norfor, explota grandes plantacións de eucalipto en Uruguay, dende onde envía a madeira a España, o que lle permite abaratar os custos da materia prima e impide ós pequenos productores competir cos seus prezos.