Animado polo éxito de público da primeira edición e durante catro días no Recinto Feiral de Pontevedra, abrirá as súas portas Forestalia, “II salón forestal, da madeira e medio natural” organizado pola Cámara de Comercio de Pontevedra. Do mesmo xeito que na edición do pasado ano, estas xornadas pretenden ser o punto de reunión da oferta e a demanda do sector, desde a reforestación ata a obtención dos diferentes productos da madeira, pasando pola producción de planta en viveiro, tratamentos silvícolas, prevención e extinción de incendios, restauración ecolóxica, aproveitamento e procesado da madeira, maquinaria, aproveitamentos secundarios do monte, lecer medioambiental, etc.
 
Paralelamente desenvolveranse xornadas técnicas dedicadas a aspectos como a sanidade  forestal, os proxectos forestais de cooperación internacional realizados en Galicia, a necesidade dunha mesa sectorial do monte e a madeira, a política de reforestación de terras agrarias, a análise do Plano Forestal Español e unha mesa redonda onde se debaterá sobre as motivacións dos incendios forestais.
 
Como xa tiña acontecido na primeira edición, a Organización Galega de Comunidades de Montes, por invitación da Cámara de Comercio de Pontevedra, forma parte do Comité Técnico de Forestalia e participa cun posto no Pavillón Feiral.