
Edicións Xerais de
Galicia, S. A. - Doutor Marañón, 12 - 36211 Vigo - Tlf: 986 214 888 - Fax: 986
20 13 66

Enderezo electrónico: xerais@xerais.es http://www.xerais.es
«os montes veciñais en man común»
Natureza, economía, identidade e democracia na galicia
rural
Este
libro, preparado por un equipo interdisciplinar de historiadores e economistas
do IDEGA da Universidade de Santiago, recolle unha investigación exhaustiva
sobre a historia e a situación actual dos montes veciñais e das comunidades de
montes en Galicia. Unha obra imprescindible para o coñecmento deste importante
patrimonio silente da galicia rural.
Os montes veciñais en man común
constitúen ao redor de 3.000 unidades produtivas comunitarias que ocupan en
torno ás 700.000 hectáreas da superficie de Galicia. Ao longo da segunda metade
do século pasado experimentaron varios réximes institucionais, ata que a partir
de 1968 comezou un proceso de devolución da propiedade do monte ás comunidades
de veciños, proceso que se foi consolidando coa lei 13/1989 do Parlamento de
Galicia, instituíndo un réxime legal vixente até a actualidade. Coa devolución
das superficies comunais aos seus lexítimos propietarios agardábase non só
outorgar a estes un recoñecemento moral e político, senón tamén facilitar a
mobilización produtiva das terras a monte e o desenvolvemento das áreas en que
os montes veciñais teñen maior presenza. Estas expectativas están lonxe de ser
colmadas, a día de hoxe. Por que estes activos físicos susceptibles de ser
mobilizados produtivamente non suscitan a autoorganización das comunidades? Por que os montes veciñais en man común están, como media,
lonxe do nivel de explotación óptima? Como modificar
ou inverter esta situación? Ata o momento os montes veciñais
en man común carecían en Galicia dun estudo de referencia que cunha sólida base
empírica permita, na actualidade, efectuar xuízos informados e contestar aos
interrogantes anteriores.
Este libro, preparado polo Grupo dos Comúns, formado por un equipo
multidisciplinar de economistas e historiadores do IDEGA da Universidade de
Santiago, recolle unha investigación exhaustiva sobre o problema converténdose
nunha ferramenta imprescindible para o coñecemento da situación actual dos
montes veciñais e das comunidades de montes en Galicia. Así, na primeira pare, A propiedade veciñal na historia,
presenta a súa evolución desde o momento anterior á implantación do réxime
liberal até os nosos días, atendendo non só á configuración legal e ás funcións
do monte no sistema agrario. Na segunda, A
situación actual dos montes veciñais, aborda plural realidade presente de
montes e comunidades, afrontando unha avaliación das relacións entre ambos, á
luz dos resultados económicos e ambientais. Por último, na terceira, Os determinantes da situación actual,
estuda o impacto dos montes veciñais sobre o desenvolvemento rural partindo da
súa diversidade e analizando o impacta das dinámicas do mercado e das políticas
públicas.
O Grupo dos Comúns (Grupo de Estudios da
Propiedade Comunal, GEPC) do IDEGA da Universidade de Santiago está formado por
Xoaquín Fernández Leicega (doutor en
Economía e membro do Consello Científico do IDEGA), Edelmiro López Iglesias (doutor en Economía e director do IDEGA), Manuel Jordán Rodríguez (doutor en
Economía e membro do Consello Científico do IDEGA), Begoña Besteiro Rodríguez (economista e investigadora do IDEGA), Pablo Viso Outeiriño (economista e
investigador do IDEGA), Xesús Leopoldo
Balboa López (doutor en Historia e membro do Consello Científico do IDEGA),
Lourenzo Fernández Prieto (doutor en
Historia e membro do Consello Científico do IDEGA) e David Soto Fernández (doutor en Historia).