I Congreso Galego
de
Comunidades de Montes
Mosteiro de Poio
24 e 25 de Maio de 1997
Antecedentes
Comisión Organizadora
Mesa do Congreso
Saúdo da Comisión Organizadora
Saúdo do Ilmo. Sr. Alcalde de Poio
1º Relatorio:O monte veciñal: da devolución ó abandono,
camiño da privatización
1- O recoñecemento e a devolución dos montes veciñais.
2- As comunidades veciñais de montes en man común.
a- A súa actuación no marco da Lei 13/1989.
b- O seu significado como ente organizativo.
c- A súa actuación como substitutos da acción dos
concellos.
d- A concienciación das comunidades de montes.
3- O abandono da Administración.
a- Os deslindes.
b- Os apoios técnicos.
c- As apropiacións por particulares.
d- A consideración do monte nunca como prevalente.
e- Os problemas de inscrición no rexistro da propiedade.
f- As expropiacións.
g- Os montes en estado de abandono.
h- As relacións coas xuntas rectoras.
i- O Plan Forestal Galego.
4- O camiño da privatización.
a- A xustificación da Administración.
b- Poder vender, dividir e embargar.
c- A desnaturalización dos órganos de goberno.
d- A redefinición da condición de comuneiro.
5- As alternativas.
a- O monte non soamente como productivo.
b- O monte como ben común e social.
c- Integración da política forestal nunha
política económica xeral.
d- Adecuación da Administración ás características
das comunidades de montes.
2º Relatorio:
A lexislación e a política de montes necesaria.
1- A importancia do monte.
a- A necesidade de madeira en Europa.
b- Outros usos do monte.
c- A importancia da propiedade comunal.
d- A productividade do monte.
e- As dimensións das parcelas.
2- Os problemas do monte.
a- Os convenios coa Xefatura de Producción Forestal.
b- Os incendios forestais.
c- O gando bravo.
d- Os vertedoiros de lixo.
e- A caza e outros deportes.
f- O monte como reserva de terra.
g- A fiscalidade.
h- A lexislación colateral.
i- As parcelas desafectadas pola Administración.
l- As subvencións.
3- A lexislación necesaria.
a- O monte en tódolos aspectos.
b- A diversidade cuantitativa e cualitativa do monte
veciñal..
c- O recoñecemento xurídico da parroquia e o ordenamento do
territorio.
d- O papel da Administración Galega.
e- O papel dos concellos.
Conclusións do Congreso aprobadas en
pleno
COMUNICACIÓNS
Comunicación nº 1.- Institución: Bloque Nacionalista Galego, Lector: Emilio López Pérez, deputado no Parlamento de Galicia.
Comunicación nº 2.- Institución: CMVMC de Santo Estevo de Budiño (Salceda de
Caselas), Autor: Aquilino González Fernández, presidente da Comunidade, Lector: Cándido Iglesias Alfaro, moderador da mesa do Congreso,
Título: O Monumento ós Mártires de Sobredo, símbolo do
asociacionismo e movemento veciñal agrario.
Comunicación nº 3.- Institución: Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas,
Lector: José Manuel Quintáns González
Comunicación nº 4.- Institución: Sindicato de Traballadores Forestais -
Confederación Intersindical Galega, Lector: Claudio Quintillán Vallejo
Comunicación nº 5.- Autor: Francisco M. Chivite Mosquera, veterinario oficial da
comarca da Cañiza., Título: Situación sanitaria e productiva da gandería que
aproveita pastos veciñais en réxime extensivo (proposta organizativa).
Comunicación nº 6.- Autor: Fabián Estévez Rodríguez.
Comunicación nº 7.- Autor: José Antonio González Ferreira, enxeñeiro agrónomo,
Título: La gestión de los Residuos Sólidos Urbanos y los
montes vecinales en mano común.
Comunicación nº 8.- Institución: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de
Mondariz, Autor: Xosé Manuel Mera Iglesias.Título: Na procura dun aire anovador no rural.
Comunicación nº 9.- Autor: Alberto Irisarri Castro, enxeñeiro de montes.Título: El monte comunal en mano común en el contexto de la
propiedad privada.
Comunicación nº 10.- Autores: Estudiantes de Enxeñería Técnica de Industrias
Forestais e Enxeñería Superior de Montes. Lector: Daniel Castelo Guerrero
En lembranza de Jerónimo Escariz
DISCURSO DE CLAUSURA: Pronunciado polo Ilmo. señor don
Daniel García Ramos,
Maxistrado-xuíz da Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia.
REFLEXIÓN FINAL
ESCOLMA LEXISLATIVA RELACIONADA CO MONTE VECIÑAL EN MAN
COMÚN
COMUNIDADES DE MONTES PARTICIPANTES
Malia a promulgación, nas últimas décadas, de diversa lexislación (1968, 1980, 1989) que recoñecía a existencia dos montes veciñais e posibilitaba a devolución ós seus lexítimos donos, a Administración nunca contou coas comunidades de montes para planificar aquelas políticas que tiñan relación co monte (forestal, ordenamento do territorio, caza, gando, etc) nin os parlamentos estatal e autonómico tiveron en conta as súas opinións cando elaboraban diversas leis relacionadas co sector. Foi ignorado reiteradamente, a pesar de que posúe máis de 600.000 ha. e é o primeiro productor forestal do país.
E nembargantes as comunidades de montes non estiveron paradas na defensa dos seus intereses. Xa a fins de 1977 (aínda desmantelándose a dictadura franquista) nace en Pontevedra a Coordenadora de Montes Comunais co obxectivo principal de recuperar para os veciños a propiedade comunal, o que foi conseguido en gran parte na provincia. Varios anos despois, en 1989, diante do proxecto da primeira lei galega sobre montes veciñais en man común, levado a cabo polo goberno de coalición PSOE-CG-PNG, comunidades de montes de toda Galicia reunidas en Atios (Porriño) forman unha Coordinadora de Comunidades de Galicia co obxectivo de combater a pretensión dos parlamentarios de que a nova lei desnaturalizara a propiedade veciñal e abrira o camiño á privatización. Tamén este obxectivo foi básicamente conseguido, coa importante novidade de que, a iniciativa da Coordinadora, a Lei de 1989 recoñece a posibilidade de crear mancomunidades, o que a longo prazo foi clave para a organización deste I Congreso.
En decembro de 1995 (os días 14, 14 e 16), organizado pola Asociación Forestal de Galicia e apoiado pola propia Xunta de Galicia, celébrase en Mondariz e Ponteareas o chamado "Congreso de Montes Veciñais". Aínda recoñecendo o interese dun foro de debate sobre os problemas do monte, o tal congreso non pasou dunhas xornadas con charlas sobre diversas cuestións relacionadas coa propiedade veciñal, impartidas as máis delas desde a Administración e nas que os asistentes, sen coñecemento previo do contido das charlas, tiñan limitada a súa participación a breves preguntas ó remate das mesmas. A participación dos representantes das comunidades de montes foi minoritaria, xa como asistentes, xa como ponentes. As conclusións, elaboradas a partir das ponencias, non tiveron auténtica participación dos asistentes.
Neste "Congreso", malia a que as ponencias tratan aspectos diversos do monte veciñal, sospeitosamente nunha gran parte delas latexa a idea de que cómpre unha nova lei de montes veciñais e vanse debullando as características básicas que deberá conter a mesma: eliminación do concepto de propiedade xermánica, función productiva do monte (especialmente forestal) como prioritaria, introducción de criterios empresariais na xestión das comunidades con cambio total dos seus órganos de goberno, redefinición do concepto de comuneiro atendendo a unha concepción capitalista da institución... Isto é: novo intento de eliminación da propiedade veciñal da man de intereses privatizadores. Curiosamente, esta vez quere facerse desde argumentos xurídicos e de rendibilidade inmediata. Mesmo se quere potenciar a corrente historiográfica que pon en dúbida a procedencia xermánica do sistema de propiedade veciñal, malia a ser esta corrente moi minoritaria e estar en franca regresión.
Esta nova ofensiva contra os montes veciñais foi corroborada nunhas Xornadas Lexislativas de Política Forestal, organizadas pola Escola Galega da Administración Pública e celebradas en Santiago de Compostela os días 14 e 15 de maio de 1996. Semellaba que a ¡Administración non perdía ocasión para tratar de impoñer as súas ideas.
Diante desta situación, o presidente da Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa, no Concello de Baiona, que tiña asistido ó "congreso" de Mondariz, escribe unha Carta aberta ás comunidades de montes para a reflexión, publicada nos xornais Faro de Vigo, Atlántico Diario e El Mundo. Nela dicía, entre outras cousas, que "...nun mundo onde priva o individualismo, no que o sentimento de solidariedade cotiza á baixa, neste mundo salvaxe, as sucesivas leis de montes veciñais en man común, con tódolos erros que conteñen, significaron un elemento positivo, como foi a creación das agrupacións veciñais para administrar o monte, que actuaron como elemento de cohesión. Os veciños tivemos que xuntarnos e decidir en asemblea(un veciño, un voto) como administrabamos os nosos montes. O señor Raposo, ilustre xurista, pretende eliminar o sufraxio universal, principio fundamental da democracia, e substituílo por un principio fundamental do capitalismo (unha acción, un voto), co que se pretende mudar os órganos de goberno das comunidades de montes a sociedades mercantís ou anónimas. O señor Raposo quere "raposearlle" o monte ós veciños... Tentan botarlle as gadoupas ós montes comunais. Onte privatizaron os servicios municipais, hoxe tentan facelo coa seguridade social e mañá queren que sexan os montes veciñais. Se o monte se privatiza, será para plantar eucaliptos case en exclusiva... Ó monte galego está en perigo de extinción. Se as comunidades de montes, donos lexítimos da propiedade veciñal, non o impedimos, ésta desaparecerá totalmente. O liberalismo salvaxe que nos invade, que mide as nosas vidas polo rendemento económico, non foi quen de conseguilo en épocas negras da Historia, pero hoxe volve a tentalo. Ante esta sorte macabra, as comunidades de montes non podemos ficar caladas...
As CMVMC do Val Miñor, mancomunadas en 1982, acordan en asemblea xeral buscar a unidade das comunidades para opoñerse ás intencións da Administración de privatizar o monte comunal. A este fin póñense en contacto coas CMVMC de Vigo, que estaban nese intre en trámite de mancomunarse. As dúas mancomunidades dan unha rolda de prensa o 16 de maio de 1996 na que denuncian o abandono en que a Administración ten ós montes veciñais e o seu incumprimento da Lei 13/89, ó tempo que anuncian que o mellor xeito de loitar contra estes problemas é buscar a unidade das comunidades de montes nun congreso. Poucos días despois establécense contactos coas CMVMC do Morrazo, tamén en periodo de mancomunarse. Deste xeito, en xuño de 1996, as tres mancomunidades deciden formar unha comisión que organice o I Congreso Galego de Comunidades de Montes.
Xa desde o primeiro intre, a Comisión Organizadora ten como premisa nidia que no congreso a celebrar soamente deben ter poder de decisión as comunidades de montes, un congreso delas e para elas. Por iso no verán do pasado 1996 remítese ás comunidades de montes de toda Galicia unha carta requeríndolle a súa opinión sobre o congreso a celebrar e a súa colaboración na organización do mesmo, e na que tamén se inclúe un adianto sobre os temas a tratar: as leis de montes, o intento de eliminar a propiedade veciñal, o papel da Administración, os incendios forestais, as subvencións, a fiscalidade, etc. Durante os meses de agosto, setembro e outubro foron chegando ducias de cartas de comunidades de toda Galicia interesándose polo proxecto e animando á Comisión Organizadora a levalo adiante. Ante esta alentadora resposta, a Comisión decide, en xuntanza celebrada o 20 de decembro na Casa Veciñal de Baíña (Baiona), a realización definitiva do proxecto e celebralo no Mosteiro de Poio os días 24 e 25 de Maio de 1997 baixo o lema "Unha voz na defensa do monte comunal". Daquela entran a formar parte da Comisión un representante da comunidade de A Ermida (Pazos de Borbén) e outro de Mourente (Pontevedra).
A asistencia ó Congreso de máis de 130 comunidades de montes de toda Galicia, dobrando as máis optimistas previsións da Comisión Organizadora, demostrou a validez de varias aseveracións ata entón hipotéticas:
a- A necesidade das comunidades de contar cunha ocasión onde debater os nosos problemas e intercambiar experiencias.
b- O dinamismo das comunidades de montes e o interese que polos seus problemas teñen os membros das xuntas rectoras.A gran asistencia ó Congreso e a alta participación nos debates desminten categoricamente o argumento da Administración de que os montes están abandonados polos veciños.
c- A acertada análise que da problemática do monte veciñal fixo a Comisión Organizadora, plasmada na redacción das dúas ponencias que serviron de base ós debates. A maioría do texto foi aprobado, enriquecido con interesantes aportacións dos congresistas. As teses contidas nas ponencias e ratificadas despois no Congreso xiran arredor de cinco eixos básicos:
1- Defensa do concepto xermánico da propiedade do monte.
2- Denuncia do abandono dos montes pola Xunta de Galicia.
3- Incumprimento pola Administración de aspectos básicos da Lei de Montes.
4- Defensa dos montes como espacios que cumpren varias funcións.
5- Oposición frontal á privatización mercantil do monte veciñal.
Ás veces, o mellor balance dun acontecemento deste tipo é a recolleita dos comentarios que se fan polos corredores. En Mondariz escoitábase, máis que nada, que as comunidades foran convocadas para "quentar os asentos". En Poio había, sobre todo, un comentario xeralizado: malia a pequenos problemas de organización, por fin as comunidades contaban cun lugar onde falar dos seus auténticos problemas e eran elas as únicas protagonistas dos debates. Ese era o fin que a Comisión perseguía coa celebración do Congreso. O traballo está feito.
Comisión Organizadora voltar ó índice
Redacción das ponencias:
* Belarmino Barreiro Rosales, vicepresidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa María de Cela (Bueu).
* Xosé Carlos Durán Gallego, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa María de Cela (Bueu).
* Xesús García Couso, tesoureiro da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña).
* Jacinto García Piñeiro, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña).
* Xosé Carlos Morgade Martínez, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Mourente (Pontevedra).
* Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona).
* Valentín Piñeiro González, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña). voltar ó índice
I Congreso Galego de Comunidades de Montes
Mesa do Congreso voltar ó índice
Presidente: Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona)
Secretario: Jacinto García Piñeiro, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña)
Moderador: Cándido Iglesias Alfaro, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Coruxo (Vigo)
1ª Comisión
Presidente: Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona)
Secretario: Xesús García Couso, tesoureiro da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña)
Moderador: Latino Rodríguez Areal presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Borreiros (Gondomar)
2ª Comisión
Presidente: Jacinto García Piñeiro, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Meira (Moaña)
Secretario: Domingo Amoedo Amoedo, presidente da Xunta Rectora da CMVMC da Ermida (Pazos de Borbén)
Moderador: Cándido Iglesias Alfaro, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Coruxo (Vigo)
3ª Comisión
Presidente: Belarmino Barreiro Rosales, vicepresidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa María de Cela (Bueu)
Secretario: Xoán Collazo Pazó, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Candeán (Vigo)
Moderador: Francisco Xavier Carrera Pazos, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Coruxo (Vigo)
4ª Comisión
Presidente: Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona)
Secretario: Xosé Carlos Durán Gallego, presidente da Xunta Rectora da CMVMC de Santa María de Cela (Bueu)
Moderador: Isidro Costas Piñeiro, presidente da Xunta Rectora da CMVMC Valadares (Vigo)
5ª Comisión
Presidente: Xosé Carlos Morgade Martínez, secretario da Xunta Rectora da CMVMC de Mourente (Pontevedra)
Secretaria: Antía Castro García, secretaria da Xunta Rectora da CMVMC de Santa María de Cela (Bueu)
Moderador: Ramón Cima Pérez, comuneiro da CMVMC de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona)
Comisión de Organización:
* Francisco Alonso Bastos, vocal da CMVMC de Candeán (Vigo)
* Sergio Alonso Parada, vocal da CMVMC de Vincios (Gondomar)
* Carlos Alonso Piñeiro, comuneiro da CMVMC de Valadares (Vigo)
* Claudio Cameselle Vila, vicesecretario da CMVMC de Cabral (Vigo)
* Francisco Comesaña Diego, vicetesoureiro da CMVMC de Valadares (Vigo)
* Luís Entenza Dominguez, presidente da CMVMC de San Martiño de Moaña
* Francisco Fonseca Costas, vocal da CMVMC de Valladares (Vigo)
* Luís Enrique Martín Uriarte, asesor da Mancomunidade de Vigo
* Antonio Meijón Álvarez, presidente da CMVMC de Baíña (Baiona)
* Elvira Piñeiro Alonso, secretaria da CMVMC de Beade (Vigo)
* Juan Carlos Piñeiro Vila, vicesecretario da CMVMC de Valadares (Vigo)
* Camilo Rodríguez Rial, vocal da CMVMC de Vincios (Gondomar)
* Xosé Ramón Seoane, vocal da CMVMC de Valadares (Vigo)
* Alfonso Troncoso Garrido, vocal da CMVMC de Vincios (Gondomar)
* Marina Vicente, administrativa da CMVMC de Vincios (Gondomar) voltar ó índice
Saúdo da Comisión Organizadora voltar ó índice
Bos días.
A Comisión Organizadora deste I Congreso Galego de Comunidades de Montes, formada polas Mancomunidades de Montes do Morrazo, Val Miñor e Vigo, quere saudarvos e darvos a benvida a esta xuntanza das comunidades e para as comunidades de montes. Queremos darlle a benvida a tódalas comunidades de montes de Galicia para que, coa súa voz e o seu voto, se cumpra o lema e sexamos de verdade "unha voz na defensa do monte comunal".
Damos tamén a benvida ós invitados asistentes, tanto institucionais (organizacións políticas, sindicais, profesionais, ecolóxicas e veciñais) como particulares (avogados, técnicos, biólogos...) relacionados cos montes veciñais ou co sector forestal.
Cando hai máis dun ano as Mancomunidades do Morrazo, Val Miñor e Vigo nos xuntamos para reflexionar sobre os problemas do monte, eramos conscientes de que tódalas comunidades tiñamos que reunirnos, pero non tiñamos claro cal era o mellor xeito de facelo. Estabamos de acordo en que o abandono do monte comunal por parte da Administración e o seu grave incumprimento da lexislación vixente debía ser respostado con firmeza polas comunidades. Estabamos de acordo en que, ante o ataque de certos sectores económicos ó concepto de propiedade xermánica do monte veciñal debía ser oída a nosa voz. Pero eramos sabedores de que acadar esta coñexión entre as comunidades non era doado porque as xuntas de montes traballamos illadamente e sen intercambiar as nosas experiencias.
Se o simple envío dunha carta logra a resposta masiva que nós tivemos, isto é mostra da necesidade das comunidades de compartir os seus problemas e de que, contrariamente á idea que a Administración quere espallar, as comunidades preocupámonos da conservación, mellora e defensa do monte comunal.
Ademais doutras dificultades, a económica é unha das máis importantes. Non sería posible a celebración deste I Congreso sen a colaboración entusiasta, en primeiro lugar, da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, e tamén do apoio da Caixa de Pontevedra, Concello de Poio, Asociación de Rematantes da Madeira e Seganosa.
E como as cousas hai que decilas como aconteceron, debemos informar que a Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia denegounos unha axuda económica para este Congreso. E o máis preocupante é que a razón esgrimida para esta discriminación foi que a opinión da Comisión Organizadora deste Congreso era crítica coa Administración. Este argumento, ademais de antidemocrático e atentatorio coa liberdade de expresión, soamente se explica se se entenden as relacións dos cidadáns coa Administración desde o clientelismo político e o servilismo.
A Comisión Organizadora deste I Congreso Galego de Comunidades de Montes quere pedirvos que sexades indulxentes diante dos fallos que de seguro se producirán no seu desenvolvemento, porque é a primeira vez que nos metemos neste bosque. Pero agardamos esperanzados que nestes dous días os debates sexan profundos e proveitosos, que obteñamos logo unhas conclusións que signifiquen a defensa e mellora de dos montes veciñais en man común e que esta primeira xuntanza sexa o punto de arranque dunhas fluídas relacións entre as comunidades de montes. Reiteramos a nosa benvida e agradecemos a vosa presencia. voltar ó índice
Saúdo do Ilmo. Sr. Alcalde de Poio voltar ó índice
Bos días.
Como alcalde do Concello de Poio, en nome propio e da Corporación Municipal quero dar a benvida a tódolos asistentes, representantes das xuntas de montes e convidados aquí presentes, para celebrar este I Congreso Galego de Comunidades de Montes.
Foi a fins do ano pasado cando tivemos a nova de que as comunidades das comarcas do Val Miñor, Vigo e O Morrazo crearan unha comisión coa idea de organizar un congreso e andaban na procura dunha localidade que dispuxera da infraestructura necesaria para a súa celebración. A través da nosa Concellería de Medio Ambiente dispuxemos poñernos en contacto e ofrecernos para acoller un acto desta importancia. Foi unha grata sorpresa cando a Comisión Organizadora toma a decisión de celebralo neste Mosteiro de Poio. E digo grata sorpresa xa que desde o comenzo deste novo mandato á fronte do Concello, unha das nosas preocupacións é a de tentar de favorecer entre a poboación un achegamento ós nosos montes e medio natural coa posta en marcha de actividades, unhas para adultos e outras dirixidas á concienciación infantil, actividades que por segundo ano levamos celebrando cada vez con maior participación. Velaquí a razón da nosa satisfacción.
As xuntas de montes están chamadas a xogar un papel de vital importancia no desenvolvemento da parroquia e do concello. Desde a súa xestión e apoiadas en criterios de racionalidade deben ser canles de participación veciñal. Por outra parte, os concellos deben contar coa participación dos representantes das comunidades na elaboración de programas encamiñados á defensa do medio ambiente e na xestión de recursos derivados, como pode ser determinadas actuacións relacionadas co turismo, o lecer, o deporte, a educación, e actividades complementarias da actuación municipal nas parroquias.
Deixada atrás a etapa de control dos montes veciñais por parte dos concellos e recuperada a histórica titularidade dos mesmos, o reto de hoxe é a aplicación dun marco lexislativo que protexa estas propiedades, ademais dun modelo de ordenamento dos seus usos e das actividades a desenvolver nestes espacios. O recoñecemento da parroquia como entidade non se pode entender sen a participación das xuntas de montes, xa que hoxe son motor das actividades que se desenvolven no seu ámbito e no futuro deberán ter un peso extraordinario na constitución dos consellos parroquiais, materia pendente na maioría dos concellos. As corporacións locais deben realizar un chamamento ós representantes das comunidades para canalizar as preocupacións e a busca de apoios diante das administracións no obxectivo de dispoñer do asesoramento técnico e administrativo necesario.
De tódolos xeitos a vosa presencia fala do gran interese que tedes en debater todos estes aspectos que rodean ó monte veciñal en man común e a través das ponencias e as enmendas sairán sen dúbida as conclusións que deberán servir para que desde o goberno galego se teñan en consideración e marquen o inicio dunha andaina que todos desexamos fructífera.
Pola miña parte máis nada. Soamente o desexo dunha estadía o máis cómoda e proveitosa posible, e, por mais que non dispoñades do lecer suficiente para percorrer o noso concello (especialmente os que sodes doutras comarcas de Galicia), lembrade que, tanto agora como en futuras visitas, estaremos a vosa disposición. Agardamos que a referencia a Poio a teñades como un punto e seguido cara a acadar esas metas polas que estades a traballar. Adiante co I Congreso Galego de Comunidades de Montes. Por Galicia.
Luciano Sobral Fernández
Alcalde de Poio voltar ó índice
O monte veciñal: da devolución ó abandono,
camiño da privatización
1- O recoñecemento e a devolución dos montes veciñais.
2- As comunidades veciñais de montes en man común.
a- A súa actuación no marco da Lei 13/1989.
b- O seu significado como ente organizativo.
c- A súa actuación como substitutos da acción dos concellos.
d- A concienciación das comunidades de montes.
3- O abandono da Administración.
a- Os deslindes.
b- Os apoios técnicos.
c- As apropiacións por particulares.
d- A consideración do monte nunca como prevalente.
e- Os problemas de inscrición no rexistro da propiedade.
f- As expropiacións.
g- Os montes en estado de abandono.
h- As relacións coas xuntas rectoras.
i- O Plan Forestal Galego.
4- O camiño da privatización.
a- A xustificación da Administración.
b- Poder vender, dividir e embargar.
c- A desnaturalización dos órganos de goberno.
d- A redefinición da condición de comuneiro.
5- As alternativas.
a- O monte non soamente como productivo.
b- O monte como ben común e social.
c- Integración da política forestal nunha política económica xeral.
d- Adecuación da Administración ás características das comunidades de montes.
1- O recoñecemento e a devolución dos montes veciñais.
A orixe do monte veciñal en man común é a posesión inmemorial e, polo tanto, indocumentada. As fontes documentais susceptibles de recopilación non fan senón amosarnos as distintas vicisitudes a que se viron sometidos os montes veciñais en man común a través da historia: réxime foral, desamortización, caracterización como público e municipalización.
Os montes veciñais hoxe conservados son restos de antigas propiedades de titularidade colectiva. A súa propiedade atribúese sempre á comunidade de veciños, independentemente daqueles que a formen nun momento dado. A veciñanza é o único requisito esixido para gozar dos dereitos do monte, e polo tanto, estes non poden ser transmitidos individualmente. Conforman unha comunidade xermánica con estas características: titulares unidos por vencellos de carácter social e ausencia de cotas, o que determinan a inalienabilidade e a indivisibilidade do monte.
A proba de que os montes veciñais en man común eran unha propiedade especial, foi o feito de quedaren fóra do ordenamento xurídico do que se dotou o estado liberal ó longo do seu proceso constituínte; e quedaron fóra porque o estado liberal soamente contemplaba dúas clases de propiedades: a pública e a privada. E o mesmo podemos argumentar cando a Lei da Desarmotización de 1855 puxo en venda os montes de aproveitamento común. Esta lei privatizou menos montes en Galicia porque non había identificación xeográfica entre os concellos e as propiedades veciñais. En Galicia os montes veciñais en man común escaparon á evolución xeral dos bens comúns (que foi a venda a particulares) como consecuencia dunha organización social e xeográfica propia: a parroquia, que era a posuidora dos montes.
Os montes veciñais en man común estiveron moitos anos sometidos a unha indefinición xurídica que favoreceu, trala Guerra Civil, que se realizase neles unha repoboación masiva fomentada polo Patrimonio Forestal do Estado, creado en 1941. Esta repoboación masiva non soamente se baseou na indefinición legal, senón que tamén contou coa municipalización dos montes veciñais, favorecida a partir de 1946 cun novo e poderoso instrumento: a Lei Hipotecaria. Mediante esta lei os concellos podían inscribir no seu inventario de bens os montes veciñais en man común da súa demarcación xeográfica soamente coa certificación do secretario do concello.
A primeira Lei de Montes data do ano 1957. Nela, aínda que se recoñecía a pertenencia dos montes veciñais en man común ós veciños das consuetudinarias demarcacións (parroquias, aldeas e lugares), o seu Regulamento (1962) vencellábaos ós concellos, que "...debían regular el disfrute de sus aprovechamientos dando una justa participación a los vecinos". O primeiro recoñecemento dos montes veciñais como propiedade dos veciños data da Lei de Montes Veciñais de 1968, e do seu Regulamento de 1970. É unha lei cunha doctrina ideolóxica acorde coa situación de dictadura na que se vivía. Os concellos eran os administradores dos montes veciñais, aínda que eles e o sindicato vertical, as "Hermandades de Agricultores y Ganaderos" podían iniciar o expediente para a súa clasificación como montes veciñais en man común. A pesar da situación política antidemocrática, esta Lei de Montes establecía os requisitos para recuperar os baldíos, pois abondaba cunha instancia asinada polo menos por seis veciños e dirixida ó gobernador civil da provincia, que ó tempo era o presidente do Xurado Provincial de Montes. Pero para devolverlle a propiedade dos montes ós veciños era precisa a clasificación por este Xurado, o que ocorreu en poucos casos.
No ano 1980, xa nunha situación política de democracia, sae unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común, que volve a recoñecer á comunidade de veciños a titularidade dos montes. Esta nova lei deixa atrás toda a ideoloxía antidemocrática da anterior, pero mantén algunhas eivas importantes, como son:
1- Os deslindes e sinalamentos dos montes a declarar como veciñais en man común eran feitos pola Administración forestal, asesorada polos alcaldes ou polos pedáneos, que eran os homes de confianza dos alcaldes nas parroquias, aldeas e lugares. Non se contou case nunca cos veciños solicitantes, o que provocou tódolos problemas de deslindes que hai hoxe en día.
2- Para aprobar os estatutos das comunidades, cumpría un quorum dos 2/3 dos veciños comuneiros, o que imposibilitaba na práctica a aprobación dos estatutos das comunidades. Acadar este quorum era moi difícil, sobre todo tendo en conta que algunhas parroquias costeiras e periurbanas chegan a ter máis de 5.000 habitantes. Esta esixencia da lei obrigou ás comunidades de montes (que aplicaban o dito "Feita a lei, feita a trampa") a declarar un número pouco elevado de veciños comuneiros.
3- A Lei de Montes declaraba que os montes veciñais tiñan unha débeda histórica: a diferencia entre os cartos investidos no monte pola Administración e o producto obtido do monte polos veciños. Esta débeda, no suposto de que fose certa -a Administración era xuíz e parte-, sería de calquera menos dos veciños comuneiros, que ata o daquela non tiñan ningún dereito sobre o monte.
Foi nos anos inmediatos á instauración da democracia no Estado Español (do ano 1977 ó 1981) cando, a lo menos no sur da provincia de Pontevedra, sindicatos agrarios e partidos políticos, baixo a consigna " O Monte é Noso" , espallaron diante da poboación a idea de que os montes baldíos debían ser devoltos ás parroquias, aldeas ou lugares. Foi neses momentos cando os veciños escoitamos falar do Catastro do Marqués de Ensenada e da Desamortización de Mendizábal. A loita das parroquias para recuperar os montes veciñais non foi doada. Houbo que rachar a resistencia que puxeron os alcaldes, que non estaban polo labor de renunciar a que a fonte de recursos que significaba o monte veciñal en man común deixase de verter para os concellos. A isto había que engadirlle tamén intereses especulativos. Exemplos desta loita son os casos de Hío, O Grove, Balea, Belesar e as manifestacións da Coordinadora de Montes de Pontevedra. Todo isto favoreceu que entre os anos 1980 e 1983, cando menos no sur da provincia de Pontevedra, fosen clasificados como montes veciñais en man común a meirande parte dos montes baldíos. voltar ó índice
2-As comunidades veciñais de montes en man común.
a- A súa actuación no marco da Lei 13/1989.
No ano 1989, gobernando a Xunta de Galicia o goberno tripartito do PSOE-CG-PNG, o Parlamento galego aprobou a primeira Lei de Montes Veciñais en Man Común de Galicia. Esta lei foi un primeiro intento de privatizar as masas forestais e disolver a propiedade veciñal, mais este obxectivo da Administración fracasou en parte pola loita das comunidades de montes. No ano 1989 a organización das comunidades de montes era moi precaria e non había ningún contacto entre elas. Malia a esta situación difícil, e a inciativa do avogado Xerónimo Escariz (fondo coñecedor da situación xurídica dos montes galegos e persoa insubornable na defensa da propiedade veciñal), convocouse na parroquia de Atios, no concello do Porriño, ás comunidades de montes de toda Galicia. Naquela xuntanza, ademais de rexeitar unha lei feita de costas ós interesados, acórdase crear unha "Coordinadora de Montes de Galicia" con dous obxectivos concretos: a loita contra a lei de montes que se ía aprobar no Parlamento Galego por entender que non era a lei que necesitaba o monte galego, e facer chegar a opinión das comunidades de montes a tódolos grupos parlamentarios.
A pesar da feble organización e da pouca experiencia, o labor da Coordinadora de Montes de Galicia foi importante. Conseguiu que o intento de privatizar as masas forestais e disolver a propiedade comunal fora freado nalgúns dos seus aspectos, acadando ó tempo introducir na lei puntos importantes. As conquistas acadadas foron as seguintes:
1- Eliminación da "débeda histórica" coa que pretendían ser devoltos os montes veciñais.
2- Obriga de investir no monte o 15% do presuposto, aínda que a proposta das comunidades de montes chegaba ó 25%.
3- Posibilidade legal de crear mancomunidades de montes.
4- A división dos montes en lotes soamente se realizará para o uso forestal e por un tempo dunha corta da especie cultivada.
A inexperiencia organizativa provocou que, unha vez aprobada a Lei de Montes por unanimidade no Parlamento Galego e dado que o único obxectivo que tiña a era a loita contra os aspectos negativos deste texto legal, a Coordinadora esmoreceu. Nembargantes esta experiencia deu o seu froito, xa que hoxe existen en Galicia mancomunidades de montes que basean a súa organización nesta iniciativa.
O fundamento xurídico das comunidades de montes parte do recoñecemento da natureza privada deste ben colectivo, que conforma este tipo "especial" de terras que viñan disfrutando as comunidades veciñais no marco das parroquias, por mais que esta non teña aínda o desenvolvemento xurídico recoñecido polo Estatuto de Autonomía de Galicia .
Vai ser coa Lei 13/89 de Montes Veciñais en Man Común onde se consolide definitivamente a esencia xurídica destes montes (propiedade privada colectiva) e liberándoos dos vencellos que os cinguían ós concellos. O marco deste recoñecemento da súa natureza privada non é outro que a función social desta propiedade como uso dunha determinada veciñanza e en consecuencia un mellor aproveitamento dos propios recursos.
A vixente Lei é a mellor de cantas se puxeron en vigor. A pesar das deficiencias e baleiros no seu articulado, eivas na execución e falta de desenvolvemento posterior, garante plena autonomía ós veciños debidamente organizados e constituídos en comunidades para a xestión e mailo aproveitamento dos montes comunais, obrigando a unhas normas básicas de funcionamento que, malia ó risco de burocratizala por demáis, son indispensables para non caer na manipulación e o direccionismo duns poucos e asegurar a soberanía da comunidade.
b- O seu significado como ente organizativo.
O 33% da superficie forestal galega pertence ás máis de 2.700 comunidades de montes existentes, cunha extensión de máis de 600.000 hectáreas, das cales a metade está xestionada conxuntamente coa Administración Forestal. As comunidades de montes son os seus lexítimos propietarios, con independencia da súa orixe, e ostentan a titularidade dominical xuntamente co usufructo ou aproveitamento, con plena capacidade xurídica para o exercicio dos seus dereitos e cumprimento dos seus fins.
O seu carácter como ente organizativo amósase no censo de veciños copropietarios, denominados comuneiros, que conforme á normativa disposta na vixente Lei, integran en cada momento a comunidade, sin máis condicións que o da veciñanza no seu territorio. A súa organización, regulada pola devandita Lei 13/89 e o seu Regulamento 260/92, baséase nun réxime semellante ó previsto para os chamados "concellos abertos", onde a Asemblea Xeral de veciños (neste caso comuneiros), co seu presidente á cabeza (que tamén o é da Xunta Rectora) é o organo máximo da soberanía da comunidade veciñal. Este sistema garante a intervención directa dos comuneiros nas decisións que afectan ó monte veciñal e as delegacións redúcense ó mínimo, xeralmente reflectidas en labores burocráticos. Certamente a validez destas asembleas vese condicionada á consecución dun quorum mínimo, que fai que os comuneiros teñan que asistir coma parte activa e que provocan en moitos casos o retraso na toma de decisións sobre o futuro do monte. En definitiva, a organización das comunidades é o xeito de rexer os destinos dunha propiedade singular de natureza privada e colectiva, axeitando ós tempos democráticos actuais a participación dos veciños sobre uns bens patrimoniais de gran valor social, económico, ecolóxico, histórico e cultural.
Este sistema organizativo racha co individualismo imperante hoxe en día na sociedade, recuperando o sentido da cooperación e da solidariedade que tiña a comunidade tradicional, ó tempo que fomenta a participación e o debate. Ademáis non debemos esquecer que unha parte do presuposto da comunidade veciñal invístese en obras sociais, de xeito que participa tamén na mellora da parroquia. Así o funcionamento das comunidades de montes fortalece a cohesión social e axuda na mellora das condicións de vida dos veciños. Que isto se cumpra na realidade ten que ser un dos obxectivos das xuntas rectoras.
c- A súa actuación como substitutos da acción dos concellos.
Malia ás deficiencias observadas no funcionamento, achacables sobre todo á falta de experiencia, a xestión dos montes realizada polas comunidades de montes mellora con moito o labor desenvolvido polos concellos ata a Lei de 1989, que practicamente foi de abandono, especulación económica en canto a riqueza madeirable, canteiras ... e mesmo como fonte gratuíta de terreos para equipamentos municipais: vertedoiros de lixo, instalacións deportivas, educativas, etc. Por outra banda o estado de abandono en que os concellos tiñan ó monte comunal favoreceu unha chea de prácticas negativas (roubos de toxo, estragos nos matos, pastoreo incontrolado do gando, apropiacións de parcelas...) que hoxe tentan eliminar as xuntas rectoras. Deste xeito os concellos foron causa de gran parte dos graves problemas herdados polas comunidades de montes ben por omisión (apropiacións de particulares, consentimento de prácticas negativas), ben por acción (usurpacións, vendas ilícitas, deterioros medioambientais). As relacións das comunidades cos concellos frecuentemente son tensas, xa que ás veces os municipios ven nas comunidades uns competidores con proxectos enfrontados ós intereses políticos e especulativos municipais.
O labor levado a cabo pola Administración local debe servir de lección ós órganos de goberno das novas comunidades para que na súa xestión non caian nos mesmos defectos da xestión municipal. Constátase actualmente que unha parte importante dos recursos das comunidades de montes invístese en equipamentos alleos ó propio monte e que entra dentro da acción sociopolítica dos concellos: asfaltado de camiños, alumeados públicos, cemiterios, casas de cultura, etc. Diante disto cómpre unha fonda reflexión por parte das propias comunidades, xa que se os concellos son os recadadores de impostos e os que reciben das administracións públicas os recursos para o equipamento de todo o concello, non deben ser os recursos que produce o monte os substitutos do seu labor, sobre todo cando os montes, polo estado en que se atopan, precisan destes recursos para a súa rexeneración e o seu ordenamento. Deste xeito, reclamamos dos grupos parlamentarios galegos a reforma do artigo 23 da Lei 13/89 e do artigo 52 do Regulamento 260/92 para elevar ó 33% a porcentaxe mínima dos rendementos económicos xerados polo monte, a investir en mellora, protección, accesos e servicios do propio monte.
d- A concienciación das comunidades de montes.
Nos tempos que corren, en que a evolución da sociedade parece levarnos por un camiño distinto ó uso tradicional que se viña facendo dos montes comunais, é cando o labor das comunidades de montes esixe un maior esforzo na concienciación dos veciños sobre a participación na xestión dos mesmos, máis alá do aproveitamento económico que cada un obteña do monte. O carácter colectivo e privado destes bens non os coloca por debaixo doutros tipos de bens, nin as decisións sobre o seu uso deben ser tomadas por outros que non sexan os seus lexítimos propietarios. Por iso é importante favorecer a participación dos veciños nas comunidades por medio das asembleas, así como espallar o coñecemento do monte, o interese polo mesmo e a súa importancia socioeconómica, histórica, ecolóxica... entre a totalidade dos veciños e veciñas da parroquia, fomentando estes aspectos principalmente entre a xente máis nova, que de sempre tiveron menos relación co monte veciñal e que é a garantía de recambio no futuro, a base para asegurar a pervivencia e o dinamismo das comunidades. Deste xeito estaremos, ademais, axudando no asentamento dos pilares da práctica democrática e traballando na cohesión social da parroquia, xa que un labor engadido que as comunidades desenvolvemos é a de aprender e ensinar a decidir en democracia e liberdade con respecto ós demáis, pouco a pouco, pero firmes e decididos, dando a cara ante os nosos propios veciños.
A nosa relación cos concellos debe ser, ademáis, de dobre sentido. Por unha banda colaborando con eles no ordenamento e uso social do monte (esixíndolle tamén se é preciso os investimentos necesarios) e pola outra facéndolles ver que as parcelas veciñais xa non son de xestión da Administración local, senón de titularidade da parroquia.
Así pois debemos ser conscientes que temos nas mans a xestión duns bens moi importantes: porque os nosos devanceiros pelexaron por eles para que nós os aproveitemos e porque é imprescindible que os protexamos da especulación para poder asegurar ós veciños da comunidade e ós seus descendentes unha calidade de vida digna. voltar ó índice
3- O abandono da Administración.
A Lei de 1980 devolve a titularidade dos montes veciñais en man común ós veciños, reparando así unha inxustiza histórica cometida coa poboación de Galicia. En virtude do impulso centralista e uniformador iniciado no seculo XIX foi ignorada unha realidade sociolóxica milenaria en Galicia, a parroquia, ó atribuír ós municipios a propiedade dos montes disfrutados en forma comunitaria, cando tradicionalmente estivera ligada a unidades sociais menores como a parroquia, a aldea ou o lugar.
O movemento reivindicatorio dos montes por parte da sociedade rural galega culminou coa Lei de 1980, pola que se devolve ós grupos sociais desposuídos a titularidade dos seus montes; medida que, ademáis da xa mencionada reparación histórica, vai recoñecer en favor das comunidades veciñais a plena capacidade para administrar e dispoñer dos seus montes. Por outra parte favorece o espírito de reforma e preservación dos mesmos, dada a importante función social que cumpre o monte en man común, polo cal reserva á Administración un papel asistencial e tutelar.
En efecto, a Lei de 1980 impón á Administración unha serie de funcións e traballos en relación co monte veciñal e o mesmo mandato lle impón a Lei 13/89. Pero este labor da Administración, polas deficiencias observadas, supón un serio tranco ó traballo das comunidades de montes:
a- Os deslindes.
A Lei de 1980 establece no seu artigo 14 que a Administración asumirá o cometido do deslinde e amolloamento (derrega) dos montes veciñais; o mesmo cometido lle impón a Lei 13/89 no seu artigo 25. Malia a que a clasificación da maior parte dos montes data de hai máis de 15 anos, a Administración competente (Xunta de Galicia) non realizou este labor se non foi por mandato xudicial. Os requerimentos das comunidades de montes son ignorados pola Consellería de Agricultura ou respostados negativamente alegando falta de medios.
No tocante ós deslindes externos (entre comunidades) falta, na maioria dos casos, a documentación necesaria e veraz coa que dar solución ás disputas, constituíndose nun dos problemas máis graves e conflictivos que está a enfrontar a comunidades de montes lindantes. Na maioría dos casos han de ser os tribunais de xustiza os que dictaminen sobre estas cuestións.
Dada o imperativo legal que a obriga a realizar este labor asistencial, a Administración, a través dun procedemento de mediación e arbitraxe, debería fixar provisionalmente os lindes dos montes veciñais; unha resolución que tería validez unha vez que as asembleas das comunidades respectivas o refrendasen, salvo que os tribunais, a requerimento dalgunha das partes en litixio, resolvese doutro xeito. Tal procedemento, fundamentado na audiencia ás comunidades afectadas e en actuacións sobre o terreno para comprobar e identificar o que consta nos documentos aportados por uns e por outros, entendemos que pode ser válido para determinar o contorno dos montes colindantes entre sí, xa que é esta unha das cuestións máis conflictivas que se presentan na práctica. Ante a escasez ou carencia de documentos acreditativos sobre a delimitación do monte veciñal en man común, parece o máis lóxico basearse no deslindes das parroquias, para deslindar o monte entre comunidades contiguas.
Esta solución parécenos a máis axeitada, e posiblemente sexa a máis viable para levar a cabo por parte da Administración, pois non é gravosa para ela en medios humanos e económicos. Sen embargo a súa inhibición na súa obriga legal está suscitando disputas permanentes entre comunidades de montes e obrigando a estas a efectuar importantes gastos para acudir á vía xudicial, ademáis de xerar unha paralise en iniciativas e proxectos para a mellora no aproveitamento do monte coa correspondente perda de beneficios por parte das comunidades.
Sobre os deslindes internos (entre comunidades e particulares) tampouco se coñece comunidade algunha que teña resolto integramente o problema do deslinde entre o monte privado e o comunal. Este inconveniente está a propiciar continuos enfrontamentos entre veciños e as xuntas rectoras das comunidades de montes, imposibilitando a realización de proxectos agrarios, urbanísticos ou sociais e provocando un gran deterioro da convivencia e malestar social nas parroquias. Fronte a estes problemas, a Administración incumpre a lei e adopta unha postura de desidia total.
É obriga da Administración iniciar os expedientes de deslinde e avanzar na solución destes problemas que están a perturbar a paz social na colectividade veciñal. Medios non lle faltan para tal cometido. A Administración Forestal debe facer pública en cada provincia unha relación cos montes veciñais en man común que falten por deslindar e a Administración debe facer os correspondentes deslindes.
b- Os apoios técnicos.
A Lei de 1980 ( Art.14.6) confire a Administración o cometido de "...confeccionar en el plazo de cuatro años un Plan General de Aprovechamiento de Montes Vecinales en Mano Común, con dotaciones técnica, financiera y presupuestaria necesaria , fijación de etapas de ejecución y sistemas de actuación para llevarlo a cabo con la conformidad de las correspondientes comunidades". Este mandato lexislativo implica un estudio das aptitudes específicas de cada monte e unhas previsións para a súa posta en producción.
En efecto, un axeitado aproveitamento do monte, que en Galicia pode representar unha das maiores fontes de riqueza, require un estudio, previo e exhaustivo, das suas características morfolóxicas, xeolóxicas, climáticas e medioambientais. Só despois de coñecer esta realidade poderase acometer con eficacia e perspectivas de futuro o desenvolvemento dun necesario plan de aproveitamento dos montes veciñais en man común, que na nosa opinión debe contemplar aspectos tales como a reforestación, infraestructuras, mellora da masa forestal, planos de acción contra o lume e outros. Pero os catro anos pasaron (e moitos máis tamén), pero a Administración segue sen aportar os medios técnicos e humanos para estas tarefas certamente complexas.
A vixente Lei de montes 13/89 no seu artigo 25 define como unha función da Xunta de Galicia a de asesorar tecnicamente ás comunidades de montes nas redaccións de planos, proxectos técnicos de transformación de montes e mellora dos aproveitamentos agrícola, pecuario e forestal.
c- As apropiacións por particulares.
Son moitos os casos de apropiacións por parte de persoas que consideran o monte comunal como algo do que cada quen se pode apropiar cando lle pete ("o que é do común non é de ningún"), dando lugar a continuos enfrontamentos entre veciños que ás veces acaban nos xulgados. Este tipo de conductas está a ser favorecida, en gran medida, pola neglixencia que está a demostrar a propia Administración, sempre reacia a intervir nestas situacións. Unha actuación seria por parte dos organismos oficiais serviría como medida disuasoria a este tipo de conflictos cada vez máis frecuente.
Asemade a Administración incumpre a normativa vixente, xa que cando se aprecian indicios de intromisión nun monte veciñal en man común esta pode declarar o estado de deslinde de oficio ou a instancia de parte, e tamén pode facultar ós servicios provinciais para sinalar zonas colindantes donde os aproveitamentos deben quedar limitados mentras non se solucione o conflicto.
d- A consideración do monte nunca como prevalente.
Débese avogar, en especial desde os organismos competentes, pola consideración do monte como unha realidade diferenciada e a preservalo en igualdade de condicións que outros elementos do patrimonio. Esta medida implica o abandono da tan xeralizada idea de subsidiariedade que ata o de agora a Admnistración ten do monte veciñal como unha superficie de fácil acceso na busca de solo barato e expropiable para calquera tipo de actuacións, en moitos casos non debidamente xustificados.
e- Os problemas de inscrición no Rexistro da Propiedade.
Os problemas no rexistro da propiedade son numerosos. Moitas comunidades costeiras vense imposibilitadas de inscribir os seus montes porque nas resolucións clasificatorias establecen o mar coma un dos lindes, o que é un erro provocado pola confusión do Xurado Provincial sobre os lindes do monte cos da parroquia. Outras veces a inscrición non se pode realizar porque os lindes son erróneos ou non se corresponden coa realidade. Errores administrativos dos Xurados de Montes, chapuceiros nas súa resolucións e moi limitados na documentación que manexaron. Deste xeito a Xunta de Galicia crea o problema, pero non o resolve, malia a que o artigo 13 da Lei 13/89 establece que "A resolución firme dun terreo como monte veciñal en man común deberá de conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade...". Pero os requerimentos das comunidades de montes á Administración para que solvente o problema teñen respostas como: "A resolución do Xurado é firme; vaian vostedes á xurisdicción ordinaria e plantexen un litixio de propiedades" ou "houbo un tempo de exposición pública para que a comunidade presentara alegacións", respostas axustadas a dereito se non fora que antes xa a propia Xunta de Galicia incumprira a Lei. Ademais todos sabemos que no tempo en que foi clasificada a maior parte dos montes como veciñais en man común (1980 a 1983) as comunidades estaban sen constituír e os veciños desinformados. Asemade, a Consellería de Agricultura incumpre o artigo 25 da vixente Lei. Dá a impresión que quere empuxar ás comunidades de montes a enterrar o seus presupostos en xuízos antes que investilos no monte.
f-As expropiacións forzosas.
Ademáis da declaración de prevalencia, o artigo 6 do Regulamento de Montes (decreto 260/92) esixe que para que un monte poida ser expropiado teñen que ser escoitadas as comunidades de montes afectadas; isto a Administración nunca o cumpre. O desprezo da Administración polos dereitos dos veciños chega a tales extremos que mesmo nos pagamentos das expropiacións non se cuantifica o valor ecolóxico do monte. Tampouco se cuantifica o valor potencial do arboredo en idade non madeirable; outro tanto podemos dicir da súa desidia polos estragos feitos nas pistas forestais de acceso ó monte. Estas prácticas demostran o desinterese máis absoluto dunha Consellería que se nomea "de Montes" por un tipo de superficie que ocupa máis de 600.000 hectáreas de monte en Galicia.
g- Os montes en estado de abandono.
A Lei de Montes Veciñais actualmente vixente posibilita que a Administración se faga cargo dos montes comunais que estean en estado de abandono. Entendemos como correcta esta normativa, xa que os montes deben manterse en bo estado, entendendo dentro desta afirmación os diversos usos do monte. Pero visto o abandono en que a Administración ten ós montes veciñais, estamos convencidos que mentres non mude a súa actitude con eles, non será capaz de levar adiante uns axeitados planos de actuación. E mesmo desconfiamos dos obxectivos da Consellería de Agricultura nos casos de xestión cautelar dos montes, se temos en conta que a metade dos montes veciñais en man común están coxestionados pola Administración a través dos consorcios e dos convenios, e na súa meirande parte estes montes están en peor estado que os que son xestionados soamente polas comunidades de montes.
Dáse tamén o caso de que moitos montes veciñais declarados como tales non dispoñen sequera de xuntas provisionais e a Administración inhíbese á hora de dotalos destes órganos de goberno. Noutras ocasións montes veciñais en man común carecen de comunidade veciñal por desaparición dos seus habitantes e a Administración tenos totalmente abandonados.
h- As relacións da Administración coas xuntas rectoras.
O monte veciñal en man común está rexido polos orgános de goberno da comunidade, que son a Asamblea Xeral e a Xunta Rectora. Os xestores do monte veciñal non son profesionais do sector, nin a xestión do monte é o seu medio de vida, en consonancia coa definición de monte como un ben común. E mentres esta é a situación real das comunidades de montes, a Administración é unha máquina burocrática que cumpre os seus horarios mecanicamente. Non entende as limitacións a que están sometidas as comunidades de montes, e se as entende non fai nada para palialas. Con moita frecuencia os membros das xuntas rectoras pásanse moitas horas de despachos e mostradores para asesorarse e recibir información, coa agravante de que han de facelo case sempre en horarios de oficina, normalmente nas capitais das provincias ou en Santiago.
Por lei, as xuntas rectoras das comunidades de montes precisan asesoramento eficaz e na propia comarca. Este asesoramento pode ser facilitado pola Administración, pois nas súas plantillas conta coa figura do axente forestal, que normalmente vive na zona. Sen embargo, o seu labor está moi limitado polas directrices da propia Administración, polo que na práctica a súa actuación redúcese a marcar e sinalar a madeira nos montes conveniados ou consorciados. E aínda máis: o axente forestal non debe ser o único intermediario e asesor da Consellería de Agricultura, senón que toda a infraestructura administrativa (e mesmo a maquinaria) debe achegarse ás comunidades de montes e adaptarse ás súas nacesidades.
i- O Plan Forestal Galego.
O Plan Forestal de Galicia, aprobado no ano 1993, é hoxe (catro anos despois) máis unha declaración de intencións que unha realidade. Na redacción e no desenvolvemento do Plan Forestal vólvese a amosar de novo o abondono no que a Administración ten os montes veciñais en man común.
O Plan Forestal de Galicia teoricamente está concebido como un instrumento capaz de promover e regular os intereses dos propietarios dos montes, das empresas de transformación e da sociedade civil; esquécense das comunidades de montes en man común, xa que a estas, pola súa condición, non as considera propietarias de montes. De feito, na Mesa Forestal están tódolos sectores relacionados co monte menos as comunidades de montes.
A Administración Galega artella o Plan como a relación da política forestal co desenvolvemento do mundo rural. Como núcleo deste artellamento sitúa á comarca (xa puidemos ver a irracionalidade con que se aprobou a comarcalización de Galicia) e non á parroquia, como parece ser o máis lóxico. Presenta unha política forestal aceptable desde unha visión integradora do territorio:
a) Autónoma: fundamentada en obxectivos propios pero contemplando os intereses xerais do pais e interrelacionada con outras políticas.
b) Global: para o sector forestal no seu conxunto.
c) Integrada: contempla tódalas funcións do monte.
d) Solidaria: implica a tódolos intereses do sector.
e) Estable: sostida no tempo.
Presupostado para rematar en 1997 o seu primeiro quinquenio, o Plan Forestal de Galicia ten demostrado a súa incapacidade para levar adiante unha política forestal coas características anteditas. Desde a perspectiva dos montes veciñais en man común as súas accións foron literalmente inexistentes: establece a creación de montes que satisfagan as demandas sociais de mellora da calidade medioambiental, de lecer e recreo, mesmo inclúe o artellamento dunha rede de espacios naturais e da creación de montes urbanos e periurbános, con gran demanda pola poboación. Pero o quinquenio do Plan rematou e non houbo ningunha axuda económica para estes montes.
Asemade o Plan Forestal de Galicia promove a realización nos montes de aproveitamentos enerxéticos, pero en todo este tempo non se realizou ningún, e mesmo criticou duramente a alternativa do Concello de Allariz na súa posta en práctica dunha central de coxeneración. En remate, aínda que avoga por potenciar a plantación de especies forestais autóctonas, na práctica está potenciando un monte con capacidade de incrementar soamente a producción de madeira baseada fundamentalmente no piñeiro e no eucalipto.
Polo que respecta á súa actuación coas comunidades de montes veciñais en man común, os feitos demostran que a intención do Plan Forestal de Galicia é eliminalas ou deixalas no abandono. Só dende esta perspectiva se entende que intente impulsar a concentración dos montes e de lograr unidades productivas e rendables, cando o monte veciñal en man común xa ten de por sí estas dúas características.
Cando a Xunta de Galicia establece no papel as súas relacións coas comunidades de montes, todo fica nunha idílica declaración de intencións que non cumpre nin ten a máis mínima intención de cumprir. Mentres fala de crear as condicións necesarias para que as comunidades de montes teñan unha xestión adecuada ás súas características socioeconómicas, de adaptar as prestacións da Administración ás características dos diferentes ámbitos mediante un plano de comarcalización, de dinamizar un proxecto de comunicación para o espallamento de técnicas silvícolas, de promocionar o monte, da viabilidade da formación asociativa, a desidia, o desinterese e mesmo o desprezo máis absoluto cara ó monte veciñal e a súa importancia e cara ás comunidades de montes e os seus problemas presiden a gran maioría das súas actuacións administrativas. voltar ó índice
4- O camiño da privatización.
O monte veciñal é unha realidade económica e social que se mantén ó longo do tempo superando unha chea de avatares históricos derivados dos ataques da Administración e da lexislación contemporánea, claramente partidarias de marxinar "este outro modo de posuír" tan importante na vida campesina galega.
Baseado na titularidade en réxime de comunidade xermánica, o monte veciñal galego segue en man común, que é unha forma de réxime privado no que a titularidade e aproveitamento do mesmo están ligados, dende sempre, á pertenza a un grupo veciñal; estamos pois, ante unha forma de propiedade non pública senon plural, e ademais inalienable, indivisible, imprescriptible e inembargable.
Institución consuetudinaria, que segundo algúns historiadores do dereito, remontase á noite dos tempos, os montes veciñais en man común (bens comunais atípicos, en opinión dalgún estudioso do tema) lograron sobrevivir ós embates do fenómeno desamortizador do século XIX e a un atrevido plano de municipalización alentada dende unha cobizosa Administración que chegou a pór en perigo de desaparición esta forma de propiedade colectiva que foi sempre eficaz soporte do sistema agrario tradicional en Galicia.
a- A xustificación da Administración.
A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1989 foi outro intento máis de privatizar os montes e desmantelar a propiedade colectiva. Como este intento quedou medio frustrado pola presión das comunidades de montes, queren tentalo de novo. Para este novo intento, a Administración semella querer facelo de xeito consensuado e pretende, supostamente, contar coa opinión das comunidades de montes.
A filosofía da pretendida nova lei de montes que está a estudiar está baseada na liberalización do sector forestal, reducindo a intervención da Administración a súa mínima expresión. Pretende facer unha lexislación onde se reforce o concepto de propiedade forestal, de propiedade do monte, en detrimento da función do monte como conservación do medio ambiente o como lugar de uso social. Ou o que é o mesmo, queren dar prioridade exclusiva á obtención de beneficios económicos, e dentro destes, a beneficios económicos inmediatos. É dicir, o obxetivo final é abrir camiño á plantación masiva de eucaliptos nos nosos montes. E para convencernos utilizan argumentos do capitalismo: que hai que manter criterios empresariais para facer rendable ó monte, que calquera aproveitamento require unha xestión profesionalizada e mantida a longo prazo, que hai que introducir pragmatismo na xestión cotiá do monte veciñal, que as leis do mercado van mellorar o medio ambiente, que non hai que ser tan ríxidos nin tan puristas... En definitiva e con outras palabras, hai que sacarlle o monte ós veciños.
Por outra parte pretenden introducir, unha vez destruida a propiedade colectiva, o dereito forestal dentro do dereito agrario, co fin de darlle máis prioridade a actividade agraria (no caso dos montes veciñais en man común, á actividade forestal e selvícola). Este obxetivo non é outro que primar a producción e esquecer ou minusvalorar o aspecto máis relevante do dereito forestal que é a atención de certos intereses públicos que teñen os terreos forestais. Esta visión puramente economicista tenta no fondo a eliminación da prevalencia dos obxectivos públicos. A Administración galega quere deixar de considerar o monte veciñal en man común como un ben social tutelado por ela para que se convirta nun ben esencialmente privado.
Nesta mesma liña argumentativa tentan tamén reforzar o dereito individual de voo sobre as plantas, que segundo a Lei de Montes actualmente vixente non pode ser de máis duración que un turno de corta. Agora pretendese que esta duración sexa de veinticinco anos co fin de potenciar a plantación de especies de crecemento rápido, que no noso país non é outro que o eucalipto. Alegan que vai en interese económico das comunidades de montes, cando só están defendendo os intereses económicos dos particulares ó impoñer este novo dereito de voo.
A Administración galega tamén xustifica a necesidade dunha nova lei de montes na falta de consolidación da institución veciñal e na importancia de dotar ó órgano de xestión do monte -a Xunta Rectora- de personalidade xurídica (hoxe xa ten capacidade xurídica) e de profesionalizar esta xestión. Tamén quere xustificar esta nova lei de montes polos supostos incumprimentos das comunidades de montes, centrados en tres argumentos:
1) Que as comunidades de montes non investimos o 15% de presuposto no monte.
2) Que as comunidades de montes non presentamos cada ano o censo de veciños comuneiros nos rexistros provinciais de montes veciñais en man común.
3) Que moitos montes clasificados como veciñais en man común aínda non dispoñen de xuntas provisionais.
Son tres argumentos impresentables e cos que se quere xustificar o inxustificable. Os dous primeiros non son certos para tódalas comunidades de montes; pero aínda supoñendo que fosen certas, a Administración tería unha solución doada: que faga cumprir a lei a estas comunidades de montes, xa que estas obligacións están definidas no artigo 23 da Lei de Montes 13/89 e no artigo 52 do seu Regulamento 260/92. Na terceira argumentación ben podería a Administración axudar e asesorar para que se formen as xuntas provisionais que como único obxectivo teñen a elaboración dos estatutos polos que ha rexerse a xestión dos seus montes.
En definitiva, a Administración galega pretende a privatización dos montes veciñais en man común, eliminando da suposta nova lei as catro características básicas que fixeron posible a persistencia do monte veciñal en man común ata os nosos días: que estas propiedades son indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.
b- Poder vender, dividir e embargar.
Establecer que os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, como recoñece a vixente Lei 13/89; ou pretender que estes mesmos montes se poidan vender, dividir e embargar, coma seguramente postularía unha lei privatizadora desta propiedade colectiva, é unha cuestión que nos leva a indagar na natureza xurídica dos montes veciñais. Esta cuestión foi obxecto de permanente discusión entre especialistas agrupados en torno e dúas teses contrapostas: a que mantén que a propiedade dos montes veciñais é unha comunidade de tipo romano e a que defende a estes montes como propiedades en man común constituídas en comunidade xermánica .
Non é esta unha cuestión sen importancia, pois a súa definición vai determinar gravemente o réxime de propiedade, os aproveitamentos e a propia supervivencia dos montes. Na comunidade romana a titularidade dos montes é individual e aparece ligada ás terras de labor, sendo exercida por cotas de maneira proporcional á extensión das terras cultivadas de cada un . Na comunidade xermánica a titularidade é colectiva e vai ligada á veciñanza, exercendose de maneira indiferenciada por tódolos coparticipes, os cales nunca gozan de dereitos individuais sobre os montes, senon que o grupo social, a comunidade, é o único depositario dos mesmos.
A tese dominante é a xermanista e así ten sido recoñecida nas leis de montes veciñais en man común e tamén na que está agora vixente ( 13/1989, do 10 de Outubro). Non faltan casos, sen embargo, nos que a xurisprudencia recoñeceu a existencia de comunidades de tipo romano nos montes galegos, nos que se chegou a considerar procedente a división, venda e herdanza dos mesmos, coa conseguinte posibilidade de que fosen adquiridos por persoas alleas á comunidade.
Apoiandose nestes precedentes está na actualidade atopando eco nalgúns sectores da sociedade unha liña de traballo que se declara contraria á teoría xermanista, cuestionando a propiedade colectiva dos montes veciñais e sobre todo o carácter indiviso dos mesmos e a titularidade baseada na posesión inmemorial, e polo tanto indocumentada, única orixe historica que se recoñece para os montes veciñais.
Pero o intento de suprimir a propiedade colectiva, considerada "imperfecta" polo liberalismo económico, xa ten moitos anos de historia, que comenza en 1855 coa desamortización de Madoz. Os montes abertos galegos de propiedade plural pero privada pasaron a ser considerados montes públicos e a súa titularidade, co paso do tempo, vaille ser atribuida ós novos concellos desposuíndo da mesma ós grupos de veciños que tradicionalmente as viñan detentando. Pero o golpe de gracia ós montes veciñais en man común darase polo decreto do 17 de Outubro de 1925; con el comeza un proceso artificial de municipalización dos montes, falseando a evolución histórico-cultural que este tipo de bens tivera en Galicia. Esta substitución do grupo veciñal polo concello viña sendo potenciada xuridicamente pola introducción da teoría romanista, que nega personalidade xurídica a estas asociacións sociais e as considera incapaces de ser titulares de dereitos e obligacións, sendo suplantadas polo municipio, ó que se lle atribúen os seus bens.
Pero en Galicia, onde a implantación dos concellos resultou totalmente artificiosa, produciuse unha inadecuación entre as estructuras administrativas e as sociais que vai posibilitar a permanencia da titularidade dos montes en mans das comunidades. Así o novo entramado administrativo ignorou por completo ás comunidades titulares dos montes e a Administración lexislou constantes intervencións que favoreceron a progresiva privatización do monte veciñal: catalogacións, rendas, desposesións, divisións, formación de planos de aproveitamento...
Este proceso de intervención culminará trala Guerra Civil coa creación do Patrimonio Forestal do Estado en 1941 e a aprobación da Lei Hipotecaria de 1946, o que significa a usurpación total do monte veciñal ós seus lexítimos propietarios e a súa atribución ós concellos, que reciben os montes, inclúenos nos seus inventarios de bens simplemente coa certificación do secretario municipal e acaban inscribíndoos nos rexistros de propiedade.
As comunidades veciñais desposuídas víronse na obriga de iniciar un camiño moi dificultoso nos xulgados para ver recoñecida a titularidade legal dos seus montes. Os continuos preitos deron ocasión ós tribunais de xustiza de crear xurisprudencia sobre a natureza xurídica desta clase de montes, fundamentada na existencia de comunidades de tipo xermánico. Esta xurisprudencia así construída foi unha chamada de atención ó poder político e acabou inspirando a lexislación que garantiza a devolución da titularidade dos montes en man común ás comunidades veciñais. Un proceso que a xeito de reparación histórica debida ó oportunismo político, iniciase coa lei de montes de 8 de Xuño de 1957 e ten continuidade en leis e regulamentos posteriores ate culminar na actualmente en vixencia de 1989.
Hoxe novos ventos privatizadores parecen agacharse tralo poder político e queren ameazar de novo "este outro modo de posuír" que se perde na noite dos tempos. Unha vez máis as comunidades de montes veciñais en man común debemos opoñernos a tales pretensións, pois aínda que hoxe o monte xa non é o soporte do sistema agrario coma no pasado, si que continua sendo un ben común que está a proporcionar ós veciños gran cantidade de recursos económicos, sociais, ecolóxicos, deportivos, de lecer... que axudan a mellorar a calidade de vida de toda a poboación.
3- A desnaturalización dos órganos de goberno.
A pretensión de privatizar os montes veciñais en man común non sería efectiva se tan só se quedase na argumentación doutrinal e filosófica. Pero tamén precisa da modificación, tal vez da eliminación, do concepto de comunidade veciñal e os seus orgános de goberno: a asemblea xeral e a xunta rectora.
A nova lei de montes veciñais en man común pretende dotar á xunta rectora da comunidade de personalidade xurídica como medida para acadar unha maior funcionalidade. Con esta competencia, a xunta rectora non tería dificultade algunha de cara a cumprir a finalidade económica que se pretende, funcionando como a dirección dunha empresa, que é o que en exclusiva promoven certos sectores e mesmo a Administración para as comunidades de montes, esquecendo ou desprezando outros cometidos non menos importantes para o común dos veciños, os cales tamén verían moi reducida e mesmo imposibilitada a súa participación nas tarefas de goberno e xestión dos recursos do monte. Dotar de personalidade xurídica á Xunta Rectora das comunidades de montes significaría, en definitiva, ceder os dereitos de posesión dos veciños comuneiros sobre os seus bens ou, o que é o mesmo, renunciar en favor duns poucos a plena capacidade que a comunidade veciñal debe ter para administrar e disfrutar dos seus montes, co correspondente perigo de que unha propiedade colectiva sirva a intereses exclusivamente particulares.
Modificar a actual concepción da comunidade veciñal esixiría posiblemente acabar co sistema de decisión asemblearia e democrática, ó parecer pouco operativo nos tempos actuais; as decisións serían tomadas a traves de orgános tales como fundacións, asociacións, cooperativas ou sociedades mercantís. En remate, substituiríase o principio democrático do sufraxio (un comuneiro, un voto) por outro máis acorde co mundo mercantil e empresarial no que o poder vén outorgado pola cantidade de accións que se posúen. Por outra parte con estes cambios cara a privatización, os montes veciñais en man común serían presa doada para aqueles grupos de presión e especulativos que contan con intereses nos recursos do monte.
4- A redefinición da condición de comuneiro.
Particular importancia ten para os defensores desta nova orientación do monte veciñal a redefinición do concepto de veciño comuneiro, dando entrada nel a aquelas persoas relacionadas co monte a fin de contribuir eficazmente a súa revitalización, inda que non residan na comunidade: o enfoque económico prevalece e invalida tódolos demais. A actual condición de comuneiro, determinada pola obriga de residir "con lume" no lugar choca con esta pretendida orientación. Sería necesario, xa que logo, modificar os requisitos que garanten a condición de copartícipes na comunidade dándolles unha orientación máis profesional, en opinión destes sectores. Unha nova lei sobre os montes veciñais en man común fixaría as novas condicións para ser comuneiro, ademais das actividades profesionais para ter acceso á mesma, e mesmo a antigüidade necesaria para adquirir tal status.
Como se pode apreciar, son estes uns conceptos contrarios á institución dos montes veciñais en man común como unha comunidade de orixe xermánica, composta polos veciños comuneiros que a integran en cada momento, condición que se adquire coa soa veciñanza e non polo maior o menor uso ou disfrute que se fai do monte. Os riscos definitorios do concepto de veciño comuneiro deben vir dados pola residencia na comunidade e a cotitularidade do monte debe ser exercida de modo indiferenciado por tódolos compoñentes do grupo social que conforman a veciñanza en rexime de comunidade xermánica. voltar ó índice
5- As alternativas.
a- O monte non soamente como productivo.
Ó comparar o uso das terras galegas, chama a atención a escasa superficie dedicada a terras agrícolas en oposición á considerablemente maior dedicada ó monte. Esta diferencia faise máis acusada no interior que na costa, así como canto máis retrocedemos no tempo. Isto é, a proporción de terras de labor é maior nas zonas costeiras que nas interiores, onde as dedicadas a monte son claramente superiores. Esta división en terras de labor e monte ou terras incultas pode facer pensar que estas últimas son inútiles e sen aproveitamento algún; máis non é así, e en Galicia aínda menos.
A explotación do monte foi continua e sistemática, constituíndo a base fundamental da coherencia e integración do mundo agrario galego. O monte proporcionaba a leña para a queima nas casas e usos agrícolas: viñas, apeiros de labranza, etc. ; o toxo ou a broza para alimentación do gando, estrume para as cortes e producción de esterco; pastos para o gando, suplindo a falta de campos ou pradeiras propias; mesmo un aproveitamento agrícola temporal como o cultivo de trigo, centeo, etc. a través de rozas e estivadas. Deste xeito existía un equilibrio entre a explotación agraria familiar e o uso tradicional do monte.
Pero este equilibrio, xa cada vez máis ameazado pola falta de recoñecemento xurídico da propiedade veciñal, acaba por romperse a partir das repoboacións sistemáticas impulsadas polo Patrimonio Forestal do Estado, as deputacións provinciais e os concellos no período franquista, especialmente a partir de 1952. Estas campañas de repoboación apóianse, como xa se apuntou, na Lei Hipotecaria de 1946, que permite ós concellos inscribir os montes veciñais no inventario de bens municipais e no rexistro da propiedade únicamente coa certificación do secretario do concello. Os veciños foron expropiados sen pagamento algún e expulsados dos seus montes. A inmensidade das repoboacións transformaron radicalmente o monte e mudaron definitivamente a paisaxe agraria galega.
As repoboacións, realizadas sobre todo con piñeiros e eucaliptos, acabaron por afastar ó monte do sistema agrario. Perdido xa este equilibrio, as explotacións agrarias, sen o apoio do monte, caen nas mans do sistema capitalista. A separación tallante entre o monte e a explotación agraria provoca que o labrego galego viva de costas ó monte, unha terra que xa non ten utilidade na reproducción do sistema agrícola.
No tocante ó argumento, tantas veces repetido, do "aproveitamento deficiente do monte polas comunidades veciñais", hipótese utilizada ata a saciedade por grupos con intereses especulativos no sector, reafirmamos a nosa convicción de que o monte veciñal non é unicamente unha fonte de recursos económicos para explotar e rendibilizar ó máximo. Desde as comunidades defendemos outras funcións igualmente importantes: social, cultural, medioambiental, recreativa, etc. En canto ós beneficios económicos que reporte a xestión do monte veciñal (tamén estamos a favor da obtención de recursos económicos), consideramos necesaria a súa reversión maioritaria ó propio monte para atender ós múltiples e moi variados aspectos do seu ordenamento, como son:
1- Repoboación equilibrada e planificada, combinando especies de crecemento rápido con nobres, autóctonas e cinexéticas.
2- Facilitar a rexeneración natural do monte alí onde sexa posible, como medida de prevención para evitar a degradación do medio e a erosión dos solos.
3- Traballos culturais de limpeza e ordenamento de espacios; labores de prevención de incendios forestais.
4- Apertura, acondicionamento e conservación de accesos, pistas e carreiros.
5- Construcción de fontes, pozos e presas, canalización de augas, instalación de depósitos e mellora xeral da rede hidrolóxica -tanto subterránea como de superficie- para o aproveitamento e a conservación dun recurso escaso e básico como é a auga doce. Os traballos que se realicen no monte (plantacións, construccións...) deberán contar con estudios previos para analizar en qué medida poden afectar ó ciclo da auga.
6- Acondicionamento de áreas de lecer e eliminación de vertedoiros incontrolados de lixo.
7- Defensa, ordenamento e conservación do patrimonio arqueolóxico e cultural (cruceiros, cruces, petos de ánimas, mámoas, petroglifos, etc).
Desde as comunidades defendemos a prevalencia dun réxime xurídico especial para os montes veciñais en man común que garanta a titularidade e o aproveitamento dos mesmos ós grupos sociais, así como o seu carácter de bens inalienables, indivisibles, imprescriptibles e inembargables. Na mesma liña de actuación, reinvindicamos a plena autonomía das comunidades para a xestión e o disfrute dos recursos dos seus montes, reservando para a Administración as funcións de clasificación, deslinde, amolloamento, apoio técnico, tutela, supervisión e defensa da conservación e integridade do monte veciñal. Tamén rexeitamos a práctica e o fomento de medidas especulativas para o monte, polo que non vemos necesario a elaboración dun novo marco legal para acadar unha maior productividade do mesmo: abonda con desenvolver e facer cumplir a lei en vigor.
As comunidades veciñais consideramos o noso monte como soporte de recursos naturais que van proporcionar á colectividade beneficios de tipo económico (producción e postos de traballo), social (ambientais, paisaxísticos, aproveitamentos variados), de protección do medio (consolidación de terreos, defensa da erosión, protección de ecosistemas, conservación do patrimonio, drenaxes), de lecer e descanso, etc. Como unha importante fonte de recursos, hoxe moi fráxil polos ataques que desde hai séculos vén sufrindo, a propiedade veciñal debe ser conservada e aínda potenciada mediante campañas preventivas de sensibilización social encaminadas a fomentar o respecto e coidado do monte, ó tempo que se desenvolven outras actuacións en defensa, reproducción e mesmo ampliación dos seus variados recursos.
O aproveitamento dos montes veciñais en man común debe realizarse de acordo coa normativa vixente e seguindo criterios de racionalidade que poidan garantir a súa viabilidade económica en harmonía con intereses de tipo social, cultural, medioambiental ou recreativo, rexeitando as prácticas especulativas que poidan poñer en perigo a conservación e integridade do monte.
O monte, antes tan coidado, aproveitado e humanizado, vese hoxe como un espacio alleo e descoidado. Anque a lexislación vai dando pasos para fomentar un novo encontro entre o monte e os veciños, ás veces agora non sabemos que facer con él, tendo en conta ademais que xa resulta imposible instaurar aquela relación tradicional fundamentada na agricultura. Pero temos unha gran oportunidade de abrir novas perspectivas no uso do monte veciñal:
1.- Repoboacións forestais limitadas no espacio e no tempo, escollendo as parcelas segundo as condicións morfolóxicas e edafolóxicas, limitando os piñeiros e eucaliptos en favor das frondosas autoctónas.
2.- Revaloración dos productos agrícolas do monte:
a) O toxo como sustancia alimenticia dos animais coa axuda de novas técnicas e con novos usos agrícolas .
b) A utilización do estrume como estrado do gando e base de producción de abonos orgánicos, adaptando esta producción os novos tempos e técnicas.
3.- Reactivación do pastoreo do gando no monte. Estudio de sistemas de compatibilización do pastoreo como axuda para manter o monte limpo de brozas.
4.- Aproveitamento económico doutras produccións vexetais do monte: cogumelos, froitos, plantas medicinais, etc. Estudio doutros usos menos rendibles economicamente, pero de grande aproveitamento social.
5.- Zonas destinadas a reservas naturais de especies animais e vexetais.
6.- Uso turístico e cultural do monte compatible coa conservación do medio ambiente (conservación do patrimonio cultural e arqueolóxico, creación de rutas de senderismo, etc).
7.- Aproveitamento da biomasa que produce o monte ( leñas, estrumes, brozas) para a producción de enerxía (centrales de coxeneración).
8.- Instalación de parques eólicos en puntos costeiros e interiores de situación axeitada para este fin.
O monte veciñal en man común é un ben social, un ben común e unha propiedade colectiva que ten a súa orixe no dereito xermánico, e polo tanto, indivisible, inalienable, imprescriptible e inembargable. É un ben que recibimos dos nosos devanceiros e que se debe transmitir -se pode ser, mellorado- ás xeracións vindeiras. Os usufructuarios actuais dos montes podemos e debemos beneficiarnos dos moitos recursos que produce o monte, pero co tino preciso para non estragar o porvir.
b- O monte como ben común e social.
O monte comunal, que na tradición galega é alicerce económico da agricultura, supon no social un vínculo entre os veciños que conxuntamente teñen que aproveitalo e tamen coidalo. Xa quedaron na historia os grupos de veciños que antes do inverno traballaban no arranxo de camiños, limpeza de regos e regueiros, ou os gandos que pastan no comunal. Agora que temos recuperado os nosos montes, debemos afrontar e aproveitar tódalas posibilidades de uso social que nos ofrece:
1- A comunidade de montes, célula viva da parroquia.
A xestión desta propiedade colectiva esixe unha organización democrática (asemblea de comuneiros, xunta rectora) que ademais espera a participación da totalidade dos veciños. No monte veciñal debe ser a propia comunidade (co necesario asesoramento técnico e xurídico por parte de organismos públicos e privados, e outros servicios precisos a facilitar polo Administración) quen participe nas decisións a tomar con plena autonomía. A eficacia das comunidades de montes débese medir tamén na capacidade que teñan para integrar o maior número de persoas na problemática do monte.
Así pois, podemos entender a xestión do monte veciñal como unha razón para xuntarnos, discutir cuestións da comunidade e exercer a democracia, facendo así das comunidades de montes unha célula social viva dentro da parroquia. Ningún outro ente organizativo é comparable á comunidade de montes, pois este é o único que ten carácter aglutinador capaz de dotar á parroquia como entidade xurídica de seu, xa que os montes veciñais son a única figura que se escapa ó dereito privado romano. Dito doutro xeito, é un legado único de tipo xermánico. De non ser así, estaría convertido hoxe nun ben público, probablemente baixo a tutela municipal.
2- O monte veciñal como reserva natural.
Lonxe de pensar nos montes veciñais como un ben destinado á producción de beneficios económicos exclusivamente ós comuneiros, a súa propia natureza garante unha función pública no seu uso e disfrute:
a) O monte é punto de orixe dos nacementos naturais das augas, usadas tradicionalmente para o regadío, pero importante reserva para un futuro abastecemento das aldeas de hoxe que mañá estarán posiblemente urbanizadas.
b) Ante a paulatina urbanización do noso contorno e mesmo do noso xeito de vida, os montes van tornar na reserva natural que pon en contacto á persoa coa natureza. Debemos escapar do risco que supón desvirtuar os montes transformándoos en "xardíns" ou "áreas deportivas".
3.- O monte veciñal como ben social.
Desde as comunidades de monte somos conscientes da importancia crecente que están a ter os montes veciñais en man común na vida das persoas; pero nós reinvindicamos estes montes desde unha perspectiva integral e non parcial. Por iso entendemos que unha profesionalización da súa xestión entraña un enfoque exclusivamente económico, baseado en actividades productivas e/ou especulativas que se poidan reflectir nunha conta de resultados e esquecendo outros aspectos, para nós igualmente fundamentais, como son a función social, cultural, deportiva, recreativa e medioambental dos montes en man común. Para tales cometidos debemos contar coa participación activa e responsable de tódolos veciños, que non deben incorrer na deixación dos seus dereitos e dos seus deberes con este tipo de bens que se veñen posuíndo "dende sempre".
Na actualidade os montes veciñais están a representar un recurso estratéxico de gran valor para o equipamento e desconxestión de áreas urbanas e periurbanas, dada a súa condición de reserva de solo abundante e barato, así como para o desenvolvemento endóxeno das zonas deprimidas. Deben ser as comunidades de veciños propietarias do monte, con plena capacidade xurídica sobre o mesmo, quen establezan as condicións en que deben levarse a cabo os proxectos e servidumes, dereitos de superficie, permutas, arrendamentos, concentración parcelaria, etc. respectando en cada caso a normativa vixente. Só nos casos de utilidade pública ou interese social prevalente ós do propio monte, poderán os montes veciñais en man común ser obxecto de expropiación forzosa, reclamando o dereito de reversión á comunidade no momento no que deixen de cumprir o fin para o que foron expropiados.
O importe das cantidades aboadas polos negocios xurídicos anteriormente citados deberanse destinar á mellora do monte ou ó establecemento de obras e servicios de interese xeral da comunidade propietaria do monte.
c- Integración da política forestal nunha política económica xeral.
Sen dúbida o futuro dos montes comunais virá determinado polo uso e aproveitamento que deles queiramos facer. Queda xa exposto o uso tradicional no ámbito zonal no que se integrou -o habitat rural- coa súa dobre vertente: sustentadora da economía agraria e o aproveitamento forestal.
Hoxe ábresenos un abano de posibilidades: non debemos ignorar os novos usos dos montes asentados en zonas urbanas e costeiras con destino ó lecer ou a fontes alternativas de enerxía como son os parques eólicos. Malia a isto, os nosos montes están chamados a ser as reservas naturais e forestais que fagan de verdadeiros pulmóns equilibradores da degradación medioambiental producida polas cidades e a industrialización.
Só a través dun marco xeral de ordenamento e desenvolvemento dos bosques alí onde se poidan garantir e preservar -as zonas rurais- contribuiremos a ese equilibrio cada vez máis utópico. Por que o equilibrio medio ambiental é xa un xeito de economía e no futuro a producción de osíxeno será un índice de calidade de vida.
Os obxectivos que deben rexer a política forestal dos montes veciñais en man común en Galicia han de ter en conta:
1- A consolidación dos bosques autóctonos como alternativa ó retroceso da superficie agraria no aproveitamento tradicional de espacios.
2- A obtención dunha estructurada masa forestada que permita a continuidade do bosque, equilibrando a producción e a conservación.
3- A recuperación das superficies desforestadas que evite a erosión e paulatina degradación por efecto dos incendios forestais e da deforestación .
4- A conservación do ecosistema coa súa flora e fauna, así como a regulación do ciclo da auga que garanta a recarga dos acuíferos a través de labores de prevención e protección. Cómpre non esquecer esta dimensión tan importante dos nosos montes con incidencia inmediata na poboación, sobre todo nas áreas urbanas.
5- A consolidación de aproveitamentos complementarios á producción, respectando os ciclos vitais de rexeneración.
O ordenamento do monte debe harmonizar tódalas funcións de xeito que a optimización dos rendementos económicos non vaia en detrimento das outras funcións. Debe ser axeitado a cada contexto socio-económico e tamén satisfacer as demandas sociais dun lugar concreto. Por iso non pode ser unha decisión individual dos propietarios de cada parcela. Ha de ter uns postulados e unhas decisións últimas de responsabilidade política.
O ordenamento do monte non pode significar un reparto do territorio con criterios distintos. Isto provocaría que as medidas conservacionistas soamente serían de aplicación nas zonas pouco productivas, o que empobrecería o ecosistema; e pola outra banda, a ausencia de medidas ecolóxicas nas zonas productivas provocaría nestas unha merma do seu potencial. Xa que logo, hai que aplicar conceptos e principios ecolóxicos en todo o monte, mesmo nas zonas máis productivas. A conservación do medio ambiente debe ser unha loita en todo o territorio forestal, por mais que se apliquen diferentes niveis de protección para cada zona.
A Administración Pública Galega ten que deseñar unha política forestal integrada nunha política económica xeral. De pouco vale ter un monte concreto perfectamente estructurado (mesmo nos montes de propiedade particular) se a política económica forestal do país non permite o seu espallamento. O monte veciñal en man común debe ser o arranque do desenvolvemento forestal de Galicia dadas as súas dimensións (o que o fai máis rendible económicamente) e dado o seu réxime de propiedade (o que favorece unha planificación forestal con futuro, xa que non prima o aspecto económico).
Ó cabo, o ordenamento do monte debe estar integrado harmonicamente no ordenamento do territorio. Cómpre ir máis ala de actuacións concretas e illadas, faltas de continuidade, para construir un marco que garanta e ampare unha política sensibilizadora para salientar que está en xogo a propia supervivencia dos nosos montes e con eles a do actual sistema de poboamento.
4- Adecuación da Administración ás características das comunidades de montes.
Considerando necesario o recoñecemento por parte da Administración de que os montes veciñais representan un ben común e social equiparable ó marítimo, e partindo do interese dun aproveitamento circunscrito a unha determinada veciñanza para producir un beneficio xeral e colectivo, dedúcese a necesidade dun titor que, no caso dos montes veciñais en man común, por dereito da súa orixe e historia, son as comunidades veciñais. A Administración debe garantir a devolución da titularidade de tódolos montes comunais ós seus veciños cunha serie de actuacións concretas:
1- Eliminación dos atrancos legais e administrativos que favorecen ós concellos na permanencia como usurpadores dos montes.
2- Adecuación dos aproveitamentos ás necesidades futuras dos montes, tendo en conta, ademáis dos económicos, os aspectos ecolóxicos e hidrolóxicos.
3- Recoñecemento nas comunidades de montes dun traballo altruista e de vertebración social e cun funcionamento interno máis eficaz que o dos concellos na xestión dos recursos da comunidade.
4- Colaboración coas comunidades para que cada vez sexan máis participativas e comprometidas na tarefa de facérense copartícipes dos propios recursos e abandono dunha política claramente monopolizadora do sector, convertendo ós comuneiros en accionistas especuladores que esquilmen os recursos naturais.
5- Cumprir e facer cumprir a Lei de Montes Veciñais e mailo seu Regulamento, sen permitir abandono algún dos montes veciñais e realizando un control na xestión dos mesmos, facendo responder ás empresas mineiras das súas obrigas legais con respecto ós impactos medioambientais que provocan no monte (cascallos das canteiras, etc).
6- Asesoramento técnico e planificación conxunta coas propias comunidades.
En remate, a Administración debe facer un esforzo para adaptarse á realidade social do monte, porque son as comunidades as que están a dar exemplo, tendo en conta as limitacións técnicas e administrativas, dun proceder e dunha actuación fundamentalmente axeitados sobre uns bens nos que historicamente foi a Administración a verdadeira esquilmadora, permitindo todo tipo de agresións e favorecendo a disgregación da sociedade tradicional. voltar ó índice
A lexislación e a política de montes necesaria.
1- A importancia do monte.
a- A necesidade de madeira en Europa.
b- Outros usos do monte.
c- A importancia da propiedade comunal.
d- A productividade do monte.
e- As dimensións das parcelas.
2- Os problemas do monte.
a- Os convenios coa Xefatura de Producción Forestal.
b- Os incendios forestais.
c- O gando bravo.
d- Os vertedoiros de lixo.
e- A caza e outros deportes.
f- O monte como reserva de terra.
g- A fiscalidade.
h- A lexislación colateral.
i- As parcelas desafectadas pola Administración.
l- As subvencións.
3- A lexislación necesaria.
a- O monte en tódolos aspectos.
. b- A diversidade cuantitativa e cualitativa do monte veciñal..
c- O recoñecemento xurídico da parroquia e o ordenamento do territorio.
d- O papel da Administración Galega.
e- O papel dos concellos.
f- A participación das comunidades de montes na Administración.voltar ó índice
1- A importancia do monte.
a- A necesidade de madeira en Europa.
A Europa industrializada está a importar cada ano enormes cantidades de madeira de diversa procedencia e calidade. É ben coñecida a capacidade productiva do monte galego, que dobra á media europea, sobre todo no que se refire a especies de crecemento rápido (piñeiro e eucalipto maioritariamente) con destino á industria papeleira. Non se debe ignorar, sen embargo, a necesidade que o mercado europeo ten de madeiras de calidade, como o castiñeiro, o carballo, a faia ou o freixo entre outras, que se dan tamén nos nosos bosques e que son igualmente rendibles, aínda que a longo prazo. Unha mellora nas prácticas silvícolas e unha intensificación na investigación xenética forestal axudaría a facer medrar a calidade e a cantidade das nosas árbores autóctonas, pois a producción madeireira e de froitos forestais de Galicia está por debaixo do seu potencial.
Con este panorama da madeira en Europa cómpre avaliar a situación na que se atopa o sector industrial da madeira en Galicia, que poderiamos calificar de terceiromundista nas súas características principais: pouco desenvolvido, con empresas pequenas, mal situadas e que a pouco máis se dedican que a exportar a materia prima galega, desprezando todo o valor engadido que ten a madeira.
b- Outros usos do monte.
O monte galego non só produce madeira, tamén exerce importantes funcións sociais, culturais e medio ambientais que contribúen a mellorar a calidade de vida dos cidadáns , ben sexa en relación coa preservación da vida e da variedade das especies animais e vexetais, ben como protector de recursos non renovables, como o solo, ou tamén proporcionando servicios recreativos e estéticos á comunidade veciñal; e todo isto está garantido, en gran medida, naqueles espacios ocupados con árbores autóctonas e non coa presencia de especies foráneas, introducidas con criterios económicos e especulativos, pero que ó non seren idóneas para as características do clima e do solo, están a provocar unha preocupante degradación do monte como ecosistema. A mesma Unión Europea avoga por un modelo de política forestal que contemple, xunto co aumento do valor da madeira e da producción diversificada da mesma, a conservación e mellora do medio ambiente e a atención ós fins recreativos, culturais e sociais das masas boscosas.
Cómpre pois entender o monte desde unha perspectiva integral e mesmo integradora, en especial desde que se está a abandonar a relación tradicional coa agricultura. Isto nos leva a referirnos a outros usos do monte igualmente importantes para os tempos actuais, tales como o seu aproveitamento económico con outro tipo de produccións vexetais, ata agora pouco frecuentes (cogumelos, froitos de nova introducción, plantas medicinais), instalación de parques eólicos, reservas naturais de flora e fauna, reservas de caza controlada, usos culturais e recreativos compatibles coa conservación do medio (fomento de áreas de lecer e diversión, creación de rutas de senderismo, parques naturais, actividades orientadas á conservación do patrimonio arqueolóxico, etc). Asemade non debemos esquecer outros usos dos nosos montes que revirten directamente na propia comunidade veciñal, tales como o abastecemento de auga para regadíos e usos domésticos, o aproveitamento de pastizais para o gando, a protección de ecosistemas e mesmo a práctica dalgunhas actividades deportivas con respecto e conservación da natureza.
c- A importancia da propiedade comunal.
A lexislación actual recoñece a natureza privada e colectiva do dominio sobre os montes veciñais por determinadas agrupacións sociais. Esta natureza dos montes complétase co seu carácter de bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, como corresponde a unha comunidade de tipo xermánica.
O monte mancomunado é de propiedade veciñal pero non pública, senón plural, e como tal permítelle ós veciños o uso e disfrute dos recursos do seu monte, de forma igualitaria, atendendo ás distintas funcións que éste exerce. Neste sentido debemos recordar que o monte veciñal é unha institución consuetudinaria que vén potenciar vencellos de sociabilidade e solidariedade entre os membros da comunidade veciñal. Esta forma de propiedade comunal, avalada pola posesión inmemorial, esixe para a súa xestión dunha organización veciñal e democrática na que a toma de decisións corresponde en exclusiva ós veciños comuneiros. A confluencia de vontades e de esforzos de cara á consecución de metas comúns contribúe á vertebrar socialmente a comunidade.
O debate sobre a orientación productiva das terras a monte está a enfrontar desde hai tempo ós partidarios de usos gandeiros cos que defenden a primacía de usos forestais. Uns e outros fan valer os seus argumentos en función das potencialidades agro-económicas de Galicia -elevada porcentaxe de poboación agraria e despensa madeireira de Europa- pero ningunha das dúas parece socialmente aceptable no que respecta ó monte veciñal pois, como xa temos denunciado, reducen o uso da propiedade colectiva a criterios exclusivamente económicos. Os veciños comuneiros actualmente están a demandar outros aproveitamentos; non desbotan a producción económica do monte, pero esixen unha planificación de futuro na que se contemple unha maior diversificación dos cometidos do mesmo.
As razóns de tipo ecolóxico e social, entre outras, están a facer xurdir en Galicia un movemento de opinión contrario ás especies de crecemento rápido, que afectan ás repoboacións de montes veciñais, feitas en décadas pasadas á marxe dos seus lexítimos propietarios e sen ordenamento dos demais aproveitamentos do monte. A reforestación con piñeiros e eucaliptos provocou danos importantes, coma o deterioro directo do solo, o estímulo na propagación de incendios forestais, a progresiva desaparición das fragas autóctonas, a eliminación de usos alternativos do monte ou a reducción da variedade e volume da fauna. Coníferas primeiro e eucaliptos logo, ó servicio da producción rápida de madeira, fixeron que hoxe as fragas mixtas de especies autóctonas sexan pouco máis que lembranzas dun pasado xa case perdido.
O monte veciñal en man común debe potenciar o desenvolvemento do bosque autóctono; isto non quere dicir que haxa que prescindir de piñeiros e eucaliptos, pois deben ter o seu espacio. Pero o aproveitamento forestal do monte require:
1- O apoio técnico da Administración para a xestión do monte e o fomento de medidas que acrecenten a rendibilidade das especies autóctonas.
2- Promover o uso integral do monte para permitir aproveitamentos simultáneos de madeira, froitos, pasto e outros de carácter socio-cultural.
3- Unha actuación política que asegure a rendibilidade das especies de longo prazo.
4- O firme convecemento das comunidades de que os montes e os bosques teñen, entre outros, moi importantes cometidos ecolóxico, preservación de especies e de fauna autóctonas, contribución á regulación do ciclo da auga e loita contra a erosión.
En definitiva, para nós non pode ser a eficacia economicista o criterio único de validez para a xestión e a actuación no monte. Tomamos en consideración os custos e beneficios sociais e a aportación de variables dificilmente cuantificables pero de significativa incidencia na calidade de vida da poboación. Dende esta óptica globalizadora, a preservación do monte autóctono é un obxectivo irrenunciable polas comunidades de montes.
d- A productividade do monte.
É interesante reflexionar sobre o que se entende por productividade do monte veciñal en relación coa aseveración, tantas veces repetida por partes interesadas, do presunto "aproveitamento deficiente do monte polas comunidades veciñais". Nós defendemos que a explotación do monte polas comunidades veciñais é rendible socialmente e tamén en parámetros económicos, malia ós atrancos que teñen que salvar. A rendibilidade está avalada pola propia dimensión das propiedades comunais, que na maioría dos casos sobrepasa as dúascentas hectáreas de superficie media; estamos, pois, ante parcelas ben dimensionadas desde o punto de vista da economía capitalista. Por contra, os montes de propiedade individual conforman un sector minifundista, con parcelas que ás veces non chegan a unha hectárea de superficie media, o que as inhabilita para a explotación forestal.
A dicotomía resulta innegable: grandes explotacións con tamaño axeitado a todo tipo de producción forestal, de propiedade colectiva, predominantes en todo o sur das provincias de Pontevedra e Ourense, fronte a outras explotacións de propiedade individual pero con aproveitamento forestal cuestionado pola súa escasa extensión. Contra os que defenden o acceso á propiedade individual do monte como condición sine qua non para un eficaz ordenamento productivo e consideran a existencia do monte comunal como factor de atraso, non faltan voces autorizadas que defenden este sistema como alicerce do sistema agrario e clave da súa tranformación progresiva; tese, esta última, na que se inscribe a actuación da maioría das comunidades.
Desde a ideoloxía liberal tense afirmado que a propiedade comunal exercera como factor institucional de bloqueo do desenvolvemento dun sistema agrícola próspero ó dificultar o acceso dos labregos á propiedade da terra. A investigación histórica, sen embargo, ten demostrado como estes espacios colectivos resultaron eficaces tanto en termos de producción coma de factor de equidade na sociedade rural. Por contra, o resultado da individualización amósase certamente contradictorio, pois conduciu á morte da propia comunidade campesiña sen que, ó tempo, teña xurdido o agricultor como empresario agrario. Así temos o paradoxo de que o monte privatizado, fragmentado, deixou de ser verdadeiramente productivo, xa que acabaría sendo acaparado pola práctica minifundista que caracteriza o espacio cultivado, o que vai dificultar, como ben podemos comprobar na actualidade, unha explotación racional do terreo inculto. A atomización das parcelas e a falta de tradición silvícola nos campesiños galegos explican esa esclerose tan patente no monte de propiedade individual.
e- As dimensións das parcelas.
Unha racionalización económica debe comenzar pola diminución dos custos de explotación para que os labores silvícolas vexan medrar a súa productividade. Pero en Galicia atopamos problemas orográficos e unha excesiva fragmentación das explotacións que dificultan a entrada de melloras técnicas, o que unido ás deficiencias na xestión, impiden corrixir a baixa productividade que está a caracterizar o monte de propiedade individual.
Se as fincas ben dimensionadas debe ser a base sobre a que traballar para acadar unha maior rendibilidade do sector forestal, o monte en man común cumpre tódalas condicións precisas para converter a súa explotación nun modelo de xestión racional e equilibrado. voltar ó índice
2- Os problemas do monte.
a- Os convenios coa Xefatura de Producción Forestal.
Os convenios que moitas comunidades de montes teñen asinados coa Xefatura de Producción Forestal para a defensa, conservación e producción do monte, son en si mesmos positivos, sobre todo para os que entendemos que o monte veciñal é un ben común e social, e xa que logo no seu coidado ten que ter presencia a Administración pública, entendida esta presencia como unha garantía da preservación das características do monte veciñal.
Os problemas dos convenios radican no incumprimento dos mesmos pola Administración. Segundo os convenios, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ten que realizar cada ano, a proposta das comunidades de montes, un plano de traballo. Ata hai uns anos este plano elaborábase, por máis que logo soamente se executaba, como máximo, un vinte por cento do proxectado. Pero nos últimos anos xa nin se elabora o plano de traballo, alegando a Consellería sempre a desculpa de que non hai presuposto. Esta escusa provoca que as propias comunidades de montes teñan que pagar os sinalamentos de madeira, cando este traballo, por disposición dos convenios, ten que ser realizado polos servicios forestais da Xunta. Non hai que esquecer que estamos falando de xornais que andan polas vinte mil pesetas.
Os balances anuais dos convenios nunca son enviados ás comunidades de montes, senón que estas han solicitalos. E cando por fin os envían, atopámonos cunha sorpresa desagradable: a valoración económica que fai a Administración dos traballos realizados por ela segundo os convenios, comparada coa valoración económica que se fan dos mesmos traballos nas solicitudes das subvencións, non coinciden; a primeira están sobrevalorada cando menos no dobre do seu custo respecto da segunda. Unha de dúas: ou a Administración infla os custos cando ela realiza os traballos, ou as valoracións que marca para as subvencións son ridículos e polo tanto a porcentaxe real da subvención non é o estipulado na súa propaganda. E o mesmo podemos dicir se nos referimos ó acondicionamento e apertura de pistas.
Hai que reiterar que os convenios son un bo sistema de atender ó monte, pero non poden seguir como están ata agora. Defendemos que a Xunta debe crear un novo instrumento xurídico que os regule e, en todo caso, A Administración ten que cumprir a letra dos convenios, isto é, ten que facer o ordenamento do monte conveniado, ten que redactar o plano de traballo definitivo e aplicalo, e ten que investir no monte o 30% que obtén das vendas de madeira (descontando evidentemente os gastos de Administración). As comunidades con convenio deben controlar e fiscalizar as contas dos mesmos; para o cal no primeiro trimestre do ano formaríase unha mesa entre a Administración e as comunidades. E o mesmo hai que facer para a contratación dos traballos.
Cando un monte conveniado se queima e se rexenera de xeito natural, consideramos xusto que a Administración non debe percibir beneficio algún desta madeira nova.
b- Os incendios forestais.
Os incendios forestais son un atentado contra o medio natural. Favorecen a desertización e o efecto invernadeiro. Son unha praga que atenta contra unha das riquezas máis sólidas de Galicia e polo tanto contra a calidade de vida dos seus cidadáns. Os incendios forestais, na súa inmensa maioría intencionados, son un elemento a ter en conta na planificación racional do monte, polo que constitúen un problema que demanda solución. Primeiramente hai que intentar que os incendios non se produzan e, unha vez declarados, tentar que os seus efectos destructivos sexan mínimos.
É de xustiza recoñecer o esforzo que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ten na política da loita contra o lume; pero esta política ten unha eiva fundamental: é unha política centrada na eliminación do lume e esquece a súa prevención. Semella que a Administración entende que os incendios forestais son un mal bíblico, algo que ten que vir como veñen as xiadas e as chuvias no inverno, polo que adopta unha postura fatalista na problemática dos incendios forestais.
A falta dunha política de prevención do lume é a eiva máis importante, pero non a única. Outras son:
- Nos meses de marzo e abril saen as subvencións para a loita contra o lume, conxuntamente coas subvencións para traballos culturais (rozas, podas, clareos...), que tamén é un método preventivo da loita contra o lume. De todos é sabido que os meses de verán non son os máis idóneos para estes traballos culturais, polo cal o lóxico sería que estes traballos estivesen rematados antes da chegada do verán que é a época máxima de perigo de lume.
- Nas subvencións da loita contra o lume están excluídas aquelas comunidades de montes veciñais que non acadan as duascentas hectáreas, o que é un criterio puramente economicista.
- Nas subvencións para traballos culturais non se esixe a retirada da broza, o que provoca o seu abandono no monte, facilitando o labor dos incendiarios.
- Os incendios forestais son provocados na súa inmensa maioría, pero case nunca se colle ó incendiario; e nos casos de detención "in situ" sáldase este delito con multas de escasa cuantía. En vez de buscar ós incendiarios, a Administración busca as explicacións máis peregrinas (hai algúns anos culpouse ós mariñeiros do Morrazo).
- Nesta cuestión existe unha tremenda descoordinación entre tódalas entidades que poden formar equipos de loita contra o lume (Administración, concellos, comunidades de montes e propietarios particulares). A multiplicidade de medios, que na teoría é algo excelente, na práctica e por mor da descoordinación, facilita que o lume se espalle aínda mais. Os concellos, as comunidades de montes e os propietarios particulares soamente dispoñen de equipos humanos dotados con batelumes e eixadas para combatir os incendios, medios eficaces soamente para apagar unha fogueira. Soamente se erradicará esta praga se é combatida con medios técnicos axeitados (motobombas, avións, helicópteros) e persoal cualificado.
Debemos incidir máis nas causas que provocan o lume: falta de ordenamento axeitado, abandono dos montes pola Administración, creba do sistema agrario tradicional, plantacións con especies pirofitas e alóctonas, minisvaloración social do monte e existencia de intereses especulativos dos que nunca se afondou na súa investigación policial nin persecución xudicial. Preséntanse os incendios como froito da acción de tolos ou labregos pouco escrupulosos, cando os verdadeiros provocadores e beneficiarios do lume seguen sen desenmascarar.
O pasado ano 1996 a política contraincendios deu un xiro aínda máis negativo, xa que reduciu o investimento nas subvencións para a loita contra o lume destinadas ás comunidades de montes. Para as 2.700 comunidades de montes existentes en Galicia soamente se habilitaron 21 millóns de pesetas, ó tempo que se suprimía a subvención para a adquisición de maquinaria, fundamental para traballos de prevención de incendios forestais. A Administración presentou como novidade e case como panacea contraincendios os convenios asinados cos concellos para que formasen equipos de loita contra o lume, para o cal desviou a inmensa maioría do presuposto destinado a tal fin. Pero a aplicación polos concellos destas subvencións (que chegou ó 80% do investimento) foi desastrosa: montaron os equipos contraincendios para facer traballos municipais, abandonando toda dedicación de prevención ou loita contra o lume. Cando non había lume que combater estes equipos estaban en calquera lugar menos no monte. Este incumprimento do convenio regulador das subvencións foi levado a cabo co consentemento da Consellería de Agricultura, o cal demostra que o interese destas subvencións estaba máis no pagamento de favores políticos e no intento da Administración de librarse da responsabilidade da loita contra o lume, que na organización da mesma e menos aínda na prevención dos incendios.
Pola contra, e como tódolos anos, a Consellería nas subvencións na loita contra o lume segue sen comprometerse a facer o pago das subvencións nun tempo razoable; non soamente non adianta o pagamento do 50% da subvención antes de comenzar a campaña, senón que nin sequera se marca un plazo para facer efectiva o pago da subvención: a maioría das comunidades de montes cobran as subvencións con máis dun ano de retraso. Esta actitude da Administración desmoraliza, cando non imposibilita, que as comunidades de montes se acollan a estas subvencións.
Diante desta situación, a alternativa para a loita contra os incendios forestais debe contemplar medidas como:
1- Desenvolvemento dunha política eficaz contra os incendios forestais, dándolle prioridade á prevención.
2- Responsabilidade única da Administración na loita contra o lume. As comunidades de montes deberían ser subvencionadas para traballos culturais e de prevención do lume, a realizar durante todo o ano.
3- Máis vixiancia policial e endurecemento das penas para os incendiarios.
4- Prohibición legal de vender a madeira queimada a baixo prezo.
5- Reforestación das masas queimadas con especies autóctonas e resistentes ó lume, segundo a tipoloxía dos solos e a criterio das comunidades de montes.
6- Eliminación, na medida do posible, de masas boscosas dunha soa especie, con observancia de factores intrínsecos ó monte tales coma pendentes, ventos predominantes ou posibles accidentes xeográficos, que faciliten unha ruptura da continuidade dos combustibles presentes no monte.
7- Imposibilidade de recalificar ou cambiar de uso os terreos queimados.
8- Declaración das áreas queimadas como zonas catastróficas, para que as comunidades poidan acollerse ás axudas das Administracións Públicas para limpar, desbrozar e reforestar, podendo vender a madeira danada a prezos de mercado cunha merma na súa cotización nunca inferior ó 15%.
9- Priorizar a resolución dos conflictos no monte (gando bravo, deslindes...) como factores de prevención do lume.
10- Na normativa sobre subvencións, eliminación da obriga de que as parcelas das comunidades de montes superen a superficie de 200 ha. para poder optar ás subvencións da loita contra o lume, mentres a Consellería de Agricultura non asuma totalmente este cometido.
c- O gando bravo.
A situación actual no que pastan nos montes veciñais o gando bravo, tanto vacas e cabalos como cabras e ovellas, supón un problema que cómpre solucionar urxentemente:
- Ocupa terras que non lle pertencen, isto é, usa pastos de balde que lle asegura a mantenza sen ningún custo económico para os donos.
- É un importante transmisor de doenzas, ó non estar saneado.
- Favorece a aparición do lume, pois todos sabemos que os montes máis castigados polo lume son aqueles que teñen moito gando bravo.
- Destrúe as plantacións de árbores que fan as comunidades de montes, o que obriga a estas a cercar as plantacións co conseguinte custo económico engadido.
A presencia deste gando ceibo nas condicións actuais en nada beneficia o monte e fai medrar os gastos das comunidades. Doutra parte os investimentos no común (as plantacións, a limpeza do monte, a loita contra o lume, a construcción e conservación de pistas forestais) favorecen a aparición deste gando "sen dono", que se favorece deles sen ningún gasto.
Pero a solución non é expulsar a este gando do monte, senón o establecemento dunha lexislación axeitada. O pastoreo pode compatibilizarse con outros usos do monte veciñal, pero hai que desterrar as prácticas abusivas que teñen os donos deste gando bravo. Un uso racional do pastoreo é beneficioso para o monte (esterco, limpeza do monte baixo, diminución do perigo de incendios, maior eficacia dos traballos culturais...), pero cómpre establecer o número de cabezas por hectárea, facer rotacións, analizar o tipo de gando axeitado, o seu control por medio do pastoreo, etc. A lexislación sobre o particular debe contemplar a esixencia de responsabilidades ós donos deste gando bravo, como poden ser o control do mesmo, a colaboración nos traballos da comunidade de montes e outras. En todo caso, as comunidades deben ter potestade para decidir sobre se consenten ou non gando bravo nos montes.
Ata hai poucos anos, o problema do lixo non estaba na conciencia dos cidadáns. Os habitantes dos núcleos urbanos, que eran os maiores xeradores de lixo, non ollaban o problema; para eles o problema do lixo remataba cando depositaban a súa bolsa no contenedor. Non pensaban onde ía ser depositada.
Todo este lixo ía tirarse ós vertedoiros que proliferaban e proliferan polos montes veciñais, na consideración destes coma reservas de terreo para todo. Estes vertidos constitúen un atentado contra o medio ambiente pola emisión de partículas contaminantes (dioxinas, furanos..), a filtración ás terras, a proliferación de insectos e roedores, o impacto visual (latas, plásticos, papeis...), e mesmo pola ocupación de parcelas cada vez maiores. E a estes vertedoiros, chamados "controlados", hai que engadirlle os vertedoiros e as escombreiras incontroladas que predominan polos montes.
A xeralización da recollida do lixo e o traballo do movemento ecoloxista fixo que a cidadanía comenzase a concienciarse do problema da eliminación do lixo en toda a súa dimensión. Mesmo a Xunta de Galicia crea o Plan Sogama, empresa formada nun 49% con capital de Fenosa e nun 51% con capital da Xunta de Galicia, que non ofrece a solución ecolóxica que precisa o tratamento do lixo pois baséase na incineración o que, ademáis da emisión de contaminantes, vai contra a tendencia máis racional para o tratamento do lixo: reducción, recuperación e reciclaxe.
Por outra parte o desenvolvemento do Plan Sogama, ademáis do seu elevado custo (4.500 ptas. tonelada/día), plantexa outros problemas:
1- Sogama non recolle as lamas das depuradoras, os escombros nin os utensilios domésticos.
2- Non ten política de educación medio-ambiental xa que o lema de Sogama semella ser "produza vostede canta máis basura mellor que nós recollémola toda"; pensemos que a planta incineradora a ubicar en Cerceda está pensada para recoller todo o lixo de Galicia.
3- Non contempla a reciclaxe, perdéndose deste xeito enormes cantidades de papel e cartón que logo teñen que ser compensadas coa producción de pasta de papel fabricada con madeira.
O lixo das lamas das depuradoras prantexa un problema de futuro. A Xunta de Galicia ten previsto sanear dentro duns cantos anos o oitenta por cento do territorio galego. ¿Onde se van depositar as lamas das depuradoras? ¿tamén nos montes? Un dos xeitos de eliminalas é a producción de compost, mesturando estas lamas con restos vexetais. O compost ten unha gran utilidade para a rexeneración dos montes queimados, polo que a demanda deste producto pode ser asumida totalmente pola propia Administración. Pero a producción de compost non está contemplada no Plan Sogama.
Os montes veciñais en man común teñen que deixar de ser vertedoiros de lixo. As comunidades debemos reflexionar sobre este problema e esixir unha alternativa para o tratamento de lixo baseada na reducción, recuperación e reciclaxe-compostaxe. Ó tempo debemos esixir o selado racional (trituración, prensado e cubrimento con terra vexetal) de tódolos vertedoiros de lixo. Que os concellos aboen un canon por botar lixo no monte non é solución, pois contamina igual. Definitivamente os montes deben deixar de ser vertedoiros de lixo.
Pero ademais destes, hai os vertedoiros "incontrolados" ou "ilegais", que aparecen en calquera lugar do monte, á beira dos camiños, contaminan e son difíciles de eliminar. Moitas veces, sen embargo, o seu compoñente principal son cascallos de obras, o que fai doada a investigación sobre a súa orixe e, por outro lado, obriga a actuar ós concellos, pois estes vertidos tamén son da súa competencia e a solución podería ser o seu depósito en canteiras abandonadas ou usados para selar vertedoiros.
A caza é un dos aproveitamentos dos montes veciñais en man común. Na maioría dos casos este uso non é realizado polos propios veciños directamente, senon que as comunidades ceden os dereitos ás sociedades de caza. Polo de agora a lei de caza, permite a apertura de coutos de caza en terreos de cincocentas hectáreas, o que deu lugar a unha proliferación de coutos mentres a caza ía escaseando. Así mesmo esta situación provocou xenreiras entre cazadores e a expresión "prenderlle lume ó monte" estaba en boca de moitos. A lexislación ata agora lesiona tamén os intereses do monte, xa que un monte veciñal inferior ás cincocentas hectáreas, se non chegaba a un acordo cunha sociedade de caza, como non podía facer couto, quedaba libre. É dicir, tódolos cazadores con licencia podían usalo.
É posible que a futura lei de caza limite o couto de caza a unha superficie mínima de 2.000 hectáreas, aínda que os coutos de caza xa existentes van continuar. E seica a nova lei de caza establece que os montes que queden fóra dos coutos van quedar vedados para a caza, o que nos parece unha medida positiva. Sen embargo, esta futura lei non contempla ningún servicio de vixiancia nin participación dos cazadores na loita contra o lume.
O monte veciñal non pode saír prexudicado co establecemento de coutos de caza, nin os problemas entre cazadores poden provocar a queima do monte. A caza é un aproveitamento potencial do monte, pero a lexislación futura sobre este deporte debe establecer medidas garantes da conservación de especies. Ademáis segue a haber hoxe moitos montes que están acoutados para a caza sen autorización ningunha das asembleas de comuneiros. Reclamamos o dereito das comunidades a decidir sobre estes terreos; na nova Lei de Caza debe recaer sobre as comunidades a consideración de título directo.
Por outra banda o uso como coutos de caza de zonas periurbanas supón un perigo para a poboación usuaria destas parcelas. Solicitamos a prohibición do establecemento de coutos para a caza nas parcelas dedicadas a zonas de lecer, residenciais, parques e todas aquelas de frecuente concorrencia de persoas.
Tamén se practican outros deportes no monte veciñal en man común, especialmente os de motor (autocross, catro por catro, trial, motocross...). Supoñen unha agresión ó monte e ó medio ambiente en xeral, debido á contaminación atmosférica e acústica que levan consigo e ó dano causado ó propio monte: destrucción do arboredo e todo tipo de capa vexetal favorecendo a erosión, destrucción do patrimonio histórico-cultural (petroglifos, mámoas, camiños, calzadas...), degradación provocada pola asistencia de miles de persoas ás probas deportivas, etc. Os concellos deben prohibir a celebración destas probas nos montes veciñais (hoxe dáse o caso esperpéntico de que algúns concellos alegan que non poden prohibilas por ser os montes propiedade privada, como se tal condición librara de sacar a correspondente autorización municipal ós organizadores). Reclamamos que estas competicións se leven a cabo en circuítos específicos, coas pertinentes autorizacións legais, e unha lexislación específica que regule a práctica dos deportes que degradan ó monte.
f- O monte como reserva de terra.
Os montes en man común foron usados polos concellos e outras administracións como reserva de espacios para colocar neles calquera instalación. Esta consideración do monte veciñal coma reserva propia de terra barata foi consecuencia da venda do patrimonio municipal debido á falta dunha política urbanística harmónica e á especulación lucrativa sobre todo nos concellos costeiros (un exemplo máis do futuro que lle agardaba ó monte veciñal como terreo municipal).
Así o monte en man común foi o destinatario de campos de fútbol, autoestradas, depósitos de auga... Sen cuestionar a necesidade destas obras de interese social, discutimos que nunca nestes casos o interese por conservar o monte na súa función tradicional foi prevalente. E ademais deu lugar a grandes estragos sociais e urbanos: destrucción do patrimonio histórico, deficiente ou nula planificación urbanística, servicios instalados en lugares de uso moi difícil polos seus teóricos destinatarios, etc.
O mesmo pódese dicir da utilización do monte veciñal en man común como zonas verdes nas urbanizacións. Este é un grave problema de especulación, xa que se utiliza o monte como zona verde a conta dos metros cuadrados de terreo que os promotores urbanísticos teñen que ceder ós concellos. Con estas trampas "legais" os promotores gañan metros cúbicos de edificabilidade (negocio) á conta do monte comunal.
g- A fiscalidade.
Os montes veciñais non están suxeitos a ningunha contribución nin á cota da seguridade social agraria, ó tempo que están exentos doutras tributacións. Esta especial tratamento fiscal e debido á consideración de utilidade pública que teñen.
A Facenda Pública tenta aplicar a fiscalidade xeral ó monte veciñal, inda que sen éxito. Pero agora quere coarse pola porta que deixa aberta a nova lei de montes veciñais en man común ó tentar primar a producción e escurecer o aspecto máis relevante do dereito forestal: o carácter de interese público que teñen os terreos forestais.
Esta nova táctica levaría a aplicar o I.V.E. ós productos do monte, o que entra en contradicción coa consideración do monte veciñal como ben social e a obriga de aplicar os rendementos do monte en melloras do mesmo e en obras de carácter social que beneficia a toda a poboación. Ante esta voracidade recadatoria de Facenda hai que reflexionar sobre a importancia ecolóxica do monte comunal e se a Administración valora esta función.
Por iso, a nosa postura está clara e firme: esiximos unha lexislación tributaria específica que teña en conta os fíns ós que se dediquen os beneficios económicos que xera o monte: os investimentos en actuacións de acción social e as partidas investidas no propio monte non deben ser gravadas fiscalmente; as partidas dedicadas ó reparto de beneficios entre os comuneiros, deben someterse ó gravame xeral. Mentres esta lexislación non estea en vigor, a recadación de tódolos impostos actuais que Facenda quere cobrar ás comunidades de montes debe quedar en suspenso.
Neste desmedido furor impositivo podemos incluír a pretensión dos concellos de aplicar taxas polas licencias de corta de madeira, o que carece de base legal ademáis de representar un agravio comparativo con outras actividades agrarias exentas de taxas municipais.
h- A lexislación colateral.
O monte veciñal en man común está afectado por lexislación colateral como son a Lei de Costas, a Lei de Estradas, a Lei do Solo e a Lei de Espacios Naturais. Estas leis establecen, ás veces gravemente, uns intereses distintos dos do monte e, ó ter competencia sectorial sobre el, determinan gravemente os usos e aproveitamentos do mesmo. Ás veces mesmo nalgúns artigos contradin á propia lexislación do monte. Cómpre, pois, un código forestal clarificador.
i- As parcelas desafectadas pola Administración.
A consideración dos montes veciñais como patrimonio do Estado, normalmente dos concellos, fixo medrar os catálogos dos inventarios de ben municipais e dotou a moitas entidades locais de terreos públicos dos que carecían ou estaban escasos. As parcelas periurbanas de cidades e vilas eran cedidas ós distintos organismos da Administración para instalacións, edificios e equipamento de tipo social (centros educativos, sanitarios), industrial (fábricas, almacéns), militar ou comercial. Este uso foi tan frecuente nos anos 60 e 70 que hoxe podemos dicir que era monte veciñal unha parte importante do solo dedicado a equipamento público das zonas de crecimento de áreas urbanas, sen esquecer os casos de cesións para empresas públicas hoxe privatizadas ou en fase de privatización. Estas cesións realízanse frecuentemente sen posibilidade de reversión, ou teñen carácter indefinido, e nalgunhas nin sequera consta o fin da cesión na documentación correspondente.
Como doadamente se pode supoñer, en todas estas cesións non se teñen en conta os dereitos das comunidades desposuídas nin o seu parecer sobre o novo uso das parcelas. Nin sequera se consideraron os prexuízos que tal cambio de uso supoñían para a economía agraria da poboación afectada. Os argumentos utilizados para xustificar tal proceder eran, por unha parte, que "os montes xa non son dos veciños, senon do concello, e pode facer con eles o que considere máis conveniente", e pola outra, que "os novos usos que terán estas parcelas beneficiarán máis á comunidade que os tradicionais e significará un progreso para a poboación".Todo isto adornado en moitas ocasións polas autoridades con falsas promesas ós veciños sobre supostos dereitos preferentes no uso das novas instalacións ou na ocupación dos postos de traballo xerados.
Estas cesións aumentaron a comenzos dos 70, ante o crecemento das zonas urbanas como consecuencia da expansión económica e a falta ou escasez, por parte dos concellos, de terreos propios para satisfacer as novas necesidades de infraestructura e equipamento. Seguíronse utilizando parcelas de terreo veciñal para construccións da Administración local, provincial ou central, malia que en 1968 foi promulgada unha Lei de Montes Veciñais en Man Común que recoñece a titularidade e o aproveitamento dos montes comunais ós veciños de parroquias e aldeas. Esta nova lexislación non fixo mudar de actitude ás administracións, que seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se de propios se tratase e, particularmente, detraendo parcelas para diversas instalacións públicas sempre que houbera necesidade de solo urbanizable. A nova lei era, na práctica, papel mollado.
Coa chegada da democracia parecía que novos ventos ían correr. A Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1980 recoñece que os montes veciñais en man común son indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, ademáis de reiterar a titularidade de dominio ós veciños integrantes das comunidades. Mesmo no referente ás concesións realizadas pola Administración sen intervención da comunidade, pon nas mans dos veciños as opcións de cobrar un canon ou que se expropie a concesión.
Ó mandado desta lei axilizouse o traballo dos xurados provinciais de clasificación, que en pouco tempo procederon á clasificación de centos de parcelas sobre o papel, sen a penas cartografía e con documentación moi limitada, nuha mestura de chapuza técnica e desidia administrativa impropia do labor de tutela e de velar pola integridade e pola conservación dos montes veciñais que era a función que lle confería a lei á Administración.
Pero esta carencia de medios e de interese no foi atranco para que, atentando precisamente contra a súa integridade e violando o principio de indivisibilidade, os xurados provinciais deixasen á marxe a clasificación das parcelas desafectadas polas entidades locais e cedidas a calquera das administracións para instalacións ou usos públicos.
Estamos pois diante dunha usurpación de terreo comunal ós seus lexítimos propietarios, por canto a non clasificación destas parcelas significa o recoñecemento da titularidade ós seus antigos administradores, os concellos, ou ós destinatarios das cesións, que son os diversos organismos das administracións, e equiparando estes terreos, na práctica, ós de carácter público ou de propios. Que estas parcelas forman parte do patrimonio das administracións vén demostrado polo feito de que nalgúns casos xa foron destinadas, en todo ou en parte, a fins distintos ós contidos nas cesións.
Estas actuacións incorrectas dos xurados provinciais obriga ás comunidades de montes a reclamar xudicialmente a titularidade destas parcelas, detraendo recursos económicos e esforzo humano da xestión do monte, precisamente cando dende a Administración se quere espallar a suposta incapacidade das comunidades na explotación e xestión do monte veciñal.
A solución a este problema é de doada realización:
1º- Os xurados provinciais deben recoñecer o carácter veciñal das parcelas desafectadas utilizando a mesma documentación histórica que serviu para clasificar as parcelas lindantes ou restantes, na liña argumental amosada por diversas sentencias.
2º- Os diversos organismos da Administración usufrutuarios destas parcelas deben establecer convenios sobre dereitos de superficie ou cesións de uso coas comunidades titulares, sempre dende o recoñecemento do carácter veciñal destes terreos.
3º- Cando non sexa posible o establecemento de convenios, a expropiación semella a mellor solución, co xustiprezo que a normativa establece.
l- As subvencións.
A Unión Europea ten un importante déficit de madeira ó tempo que o traballo agrícola xera importantes excedentes, de xeito que está introducindo medidas de desenvolvemento forestal como alternativa á actividade agraria. A pesar desta situación, a U.E. non conta cunha política sectorial forestal coma existe noutros sectores producivos. Isto provoca que países do sur de Europa manteñan certos problemas xa resoltos nos paises do norte: o papel da conservación dos bosques, o escaso papel do patrimonio forestal público ou os montes desarborados con escaso aproveitamento.
O aproveitamento da potencialidade dos bosques e a integridade plena no circuíto da madeira pasa necesariamente polo deseño dunha política forestal integrada, con obxectivos tanto no rendemento económico como no social (servicios recreativos, paisaxe natural, espacios silvestres, asentamento da poboación rural, mantemento de ecosistemas...).
Malia a que as directrices dos regulamentos da Unión Europea están deseñados para que se produza unha forestación de frondosas fronte ás coníferas e eucaliptos, a súa aplicación no Estado español, ademáis de favorecer claramente ás zonas de menor potencial forestal, favorece a forestación con especies de crecemento rápido (unha das fazañas das que máis se vanagloria a Administración actual é a de conseguir que a U.E. subvencione a plantación de eucaliptos).
As únicas subvencións que se aplican en Galicia son as derivadas dos regulamentos da Unión Europea. As subvencións son unha medida necesaria para a mellora dos montes veciñais; sen embargo tamén neste aspecto a Administración quere dar un xiro. No Plan Forestal de Galicia fálase de cambiar as subvencións por accións forestais concertadas coa Administración, impoñendo a condición de que se non se acadan os obxectivos, as comunidades de montes teñen que reintegrar os cartos, amosando unha vez máis que a Administración soamente ten os ollos postos na productividade. Hai traballos importantes a facer no monte (por exemplo, as rozas) que non teñen un obxectivo inmediato e visible, pero son traballos moi positivos, mesmo como preventivos da loita contra o lume. No Plan Forestal de Galicia tamén se establece a esixencia de proxectos e certificacións de obras para tódolos traballos obxecto de subvención, o que supón máis gastos para as comunidades de montes.
Mentres tanto a Administración galega impón un sistema de subvencións que ten tantas eivas que ás veces impide optar a elas pola comunidades de montes:
1- Infravaloración de custos. Os pagamentos por unidade de obra son moi baixos, co resultado de que a porcentaxe real subvencionada é moito menor que a estipulada.
2- Burocracia irracional. As subvencións a labores no monte marcan un máximo dun millón de pesetas para que a súa tramitación se realice mediante unha memoria técnica descritiva, precisando un proxecto técnico asinado por personal cualificado os traballos que sobrepasen esta cantidade. A diferencia entre unha e outra modalidade é o custo económico que supón para as comunidades de montes (maior no proxecto). Este máximo dun millón de pesetas é baixo e contradictorio: os labores de limpeza, poda e plantacións precisan unha memoria técnica se non pasan dun millón de pesetas de presuposto, pero se o sobrepasan hai que presentar un proxecto, cando a técnica a desenvolver é a mesma para unha hectárea que para cen. A racionalidade aconsella distinguir entre memoria e proxecto baseándose na dificultade do traballo e non no custo económico. Para un ordenamento do monte, combater pragas ou a apertura de pistas forestais faise necesario un proxecto técnico independentemente do presuposto da obra.
3- Incumprimento dos prazos de pagamento. A normativa das subvencións establece que 0 50% das mesmas serán aboadas no momento de aprobarse, e o resto ó remate e certificación do traballo. A Administración non soamente non adianta a metade coa aprobación da subvención senón que desde que se remata o traballo ata que se recibe a subvención poden transcorrer moitos meses. A Xunta debería ter un plazo razoable para facer efectivo o pagamento da subvención a partir da data de inspección final da mesma. Pero debemos ser pacientes coa Consellería: tarda un mínimo de cinco meses en notificar a concesión da subvención.
4- Inadecuación estacional dos labores subvencionados. Normalmente saen publicadas en abril-maio (ó mesmo tempo que as subvencións antiincendios). Recíbese a notificación da concesión da subvención en setembro-outubro e daquela coménzanse os traballos subvencionados, despilfarrando o labor preventivo de loita contra o lume de moitos destes traballos. Sería máis eficaz e máis barato para a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a xestión destas axudas para que os traballos estean rematados antes do mes de xuño, excepto que a Administración non queira que se realicen traballos preventivos da loita contra o lume.
Moitas veces esta incoherencia (¿incapacidade, desidia?) da Administración chega a extremos ridículos, coma aconteceu nas subvencións de 1996. Tras amplo despregue propagandístico, ningunha comunidade de montes puido acollerse a elas. Abriron o prazo das subvencións o 20 de maio, obrigando a rematar o prazo de realización de traballos o 21 de xullo. Supoñendo (que xa é moito supoñer, en vista do arriba indicado) que a información da aprobación da subvención tardase dous meses en comunicarse, as comunidades de montes soamente terían un prazo dun mes para facer os traballos. Ningunha comunidade de montes puido aproveitar estas subvencións.
5- Subvencións como esmolas a fondo perdido. A Administración considera as subvencións coma esmolas paternalistas das que non agarda eficacia. Cando se lle plantexan todas estas eivas co fin de melloralas, sempre contesta o mesmo: "as subvencións son as subvencións e son un favor que se concede ás comunidades de montes". Demostrado o interese polo monte veciñal.
6- Subvencións limitadas. Non se subvenciona a retirada da broza (co conseguinte perigo de incendio) nin se subvencionan os traballos de maquinaria para facer os foxos nas plantacións.
As subvencións para traballos culturais son necesarias, pero esixen algúns cambios: que se adapten máis á ideosincrasia das comunidades de montes e que se dirixan inequivocamente á mellora do monte. voltar ó índice
3- A lexislación necesaria.
a- O monte en tódolos aspectos.
O monte, ademáis de productor de materias primas renovables, aporta estabilidade ós ecosistemas, xera actividade de lecer e mellora a calidade de vida.
Os montes en man común, pola súa orixe, polo seu tipo de propiedade e pola súa dimensión, están nas mellores condicións para levar adiante unha política forestal que cumpra perfectamente as funcións citadas. Aínda recoñecendo a importacia que ten a función productiva do monte, no común deixa de ter a prioridade inmediata que ten nos montes de propiedade individual, por máis que estes montes tamén teñan que ser regulados. Nos montes veciñais pódese planificar unha producción a longo prazo, pois a plantación de especies de crecemento lento, e mesmo outras produccións, non teñen aquí a resistencia que atopan nos montes particulares. O mesmo se pode dicir da rendibilidade económica, xa que nos montes en man común maniféstase en mellora de calidade de vida, non soamente para o colectivo veciñal propietario do monte senón para o resto da sociedade, xa que unha parte dos ingresos que xera o monte invístese en obras de carácter social.
No monte veciñal a función protectora do medio ambiente adquire unha importancia relevante. Cando nun monte comunal se efectúa unha plantación con especies autóctonas ou cando se combate o lume, non soamente se está creando riqueza ou salvando a madeira das lapas, senón que ó tempo se está mantendo o equilibrio ecolóxico e evitando a destrucción do medio ambiente. O beneficiado non é soamente o propietario do monte veciñal senón toda a poboación.
A función social do monte (lugar de lecer, distracción, práctica deportiva ou actividade cultural) está adquirindo cada vez máis importancia, sendo ademáis unha función que se incardina totalmente no carácter colectivo do monte veciñal polo que supón de mellora da calidade de vida. Cando nun monte comunal se traza unha rota de senderismo ou se recupera e se conserva unha estación de arte rupestre, estánse creando espacios de lecer e cultura cun número de beneficiados moi superior ós donos do monte.
O monte veciñal precisa promoción e capitalización suficientes que poidan garantir a súa autonomía; neste sentido é camiño útil os acordos e convenios con institucións públicas e empresas privadas para aproveitar os recursos do monte.
A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes está obrigada por lei a darlle ó monte veciñal en man común carácter preferente na súas actuacións de fomento e mellora en tódolos seus usos (agrícola, gandeiro e forestal), especialmente nos seguintes traballos:
- Asesoramento técnico ás comunidades veciñais na redacción de planos e proxectos técnicos de transformación, mellora e aproveitamento agrícola, pecuario e forestal.
- Sinatura de convenios dirixidos a un mellor aproveitamento do monte coas comunidades que o soliciten.
- Impulso do aproveitamento cooperativo do monte.
- Execución de planos de mellora e aproveitamento nos montes veciñais que pasaron a ser xestionados cautelarmente pola Administración, por atoparse en estado de grave abandono ou degradación .
- Supervisión dos acordos das comunidades veciñais con empresas privadas para o aproveitamento dos recursos do monte, por mor de vixiar que se respecta a lexislación vixente en orden a garantir a súa integridade e conservación.
b- A diversidade cuantitativa e cualitativa do monte veciñal.
A lexislación e planificación da política forestal debe distinguir entre montes veciñais e montes de propiedade individual. Os dous sectores serán complementarios nos seus obxectivos e diferentes no seu ordenamento.
A lexislación sobre montes veciñais en man común deberá partir da realidade da comunidade veciñal, diferente segundo a diversas zonas de Galicia, pois temos montes de grandes extensións con comunidades pouco numerosas ou con tendencia a desaparecer, montes preto das cidades e vilas con comunidades moi poboadas e montes con distintos usos productivos: canteiras, madeira, cultivos, pastos...). Mesmo inda que dominase puntualmente o aspecto productivo, a lexislación debe partir do coñecemento real da comunidade veciñal.
Xa que logo, a lexislación de montes debe contemplar, ademáis do sistema de propiedade (neste caso xermánica), as funcións económica, biolóxica, medio ambiental, social e cultural que debe cumprir o terreo comunal. As comunidades de montes debemos xestionar eficazmente o noso patrimonio, sen que isto signifique primar o uso "empresarial". O monte é un ben que non soamente pertence ós veciños nun momento determinado, senón tamén ás xeracións vindeiras. Temos que tomar conciencia de que o noso fin non é aproveitarnos dos beneficios derivados de actuacións, voluntarias ou non, de xeracións anteriores. O porvir da comunidade veciñal está ligada ó futuro do monte.
Desde estes presupostos, entendemos que a política forestal necesaria debe cumprir os seguintes requisitos:
- As actuacións no monte teñen que coincidir cos intereses da comunidade veciñal, sen esquecer os intereses xerais. De aí a importancia de que o órgano supremo das comunidades de montes sexan as asembleas xerais, se ben haberá que actualizar e democratizar algúns aspectos. Expresións como "casa con fume" e "cabeza de familia" son conceptos hoxe en día irreais e discriminatorios, así como a obriga a separar cun mínimo de dúas horas ás convocatorias para as asembleas xerais de comuneiros. Cómpre a reforma legal pertinente para solucionar estas cuestións, por exemplo rebaixando a media hora o intervalo entre as convocatorias.
- Aas actuacións realizadas nos montes non poden ir en contra do medio ambiente. A función ecolóxica do monte debe estar presente na planificación dos usos, que deben estar relacionados. A política axeitada non é crear montes ecolóxicos, senón que tódolos montes teñen que ser ecolóxicos.
- A planificación do monte debe contemplar as distintas funcións que cumpre, cun axeitado equilibrio nas prioridades.
c- O recoñecemento xurídico da parroquia e o ordenamento do territorio.
A orixe e usos dos montes en man común parten dunha unidade organizativa das comunidades veciñais: a parroquia. A propia historia social galega recoñece o papel vertebrador desta institución, que hoxe segue a ter presencia no social, por máis que non teña desenvolvido lexislativamente a súa función.
Nesta falta de artellamento político, a propia pervivencia dos montes veciñais en man común son indicador dunha realidade social e dunha organización singular dos galegos, ademais da resposta natural da comunidade para a integración de vontades. Asemade, son tamén a denuncia da necesidade dunha lei previa de ordenamento do territorio, fracaso rotundo polo de agora no tocante a vertebrar social e politicamente o país, negándolle carácter administrativo e xurídico a unha realidade que todos coñecemos e recoñecemos. Non son aceptables os argumentos para desviar a cuestión identificando parroquia co termo -unicamente eclesiástico- de freguesía, nin tratar de dar carácter de tal a lugares e aldeas en apariencia emancipadas asignándolle equivocadamente usos e costumes que atinxen á parroquia de seu.
Por conseguinte, o primeiro que cabe preguntarse é pola orixe e identidade do que coñecemos como parroquia. Don José Fariña Jamardo, no seu libro "La parroquia rural en Galicia" preséntanola coma o resultado dun proceso evolutivo natural de superposición dos distintos modelos territoriais que cada pobo nos seus respectivos asentamentos ían implantando á súa chegada ó noroeste peninsular.
Nun estadio primitivo, ónde os modelos organizativos eran moi sinxelos, os castros serán a base para a localización e semente de asentamentos posteriores. Coa romanización vanse usando máis as terras cultivables dos vales e sobre os modelos destas comunidades o aumento da poboación vai configurar os "vici", aldeas rudimentarias rexidas polos máis vellos de cada familia, que adoitan xuntarse nas encrucilladas e que recibiron o nome de "vicini".
O medrar dos vici deu lugar ás "villae", unha organización político-social romana clásica, pero que non se deu de xeito xeralizado. Será sobre os vici ónde a cristianización, lonxe de inventar un novo xeito organizativo, sobreponse á propia sociedade galaico-romana. A xuntanza de varios vici, romanizados e en proceso de cristianización, é o que dá lugar á unidade social e territorial que chamamos parroquia, pero que en realidade xa viña existindo anteriormente. A unidade relixiosa fará o resto; na mentalidade das xentes prodúcese un cambio: non son as familias, nin as tribos ou clans, nin os vici o nivel organizativo superior. Establécense vencellos cos próximos e lonxanos: unha xente, un país e unha lei; e despois unha doutrina. É o cristianismo o que cingue veciños e parroquias entre si ata a construcción de igrexas e mosteiros. Velaí un vencello máis: social, territorial e agora relixioso. É o paso da parroquia á freguesía, é dicir "filius eclesiae" (fillo da igrexa = feligrés = fregués).
Ata o liberalismo decimonónico este é o xeito organizativo e xurídico en Galicia: aldeas, parroquias -agora identificadas coma freguesías- e bisbarras chamadas xurisdiccións (conxunto de freguesías). Será a partir de 1812 cando, baixo a nova doutrina liberal, aparezan os concellos e as provincias.
O achegamento da organización administrativa á realidade social galega reclama o recoñecemento xurídico da parroquia coma entidade local primeira. Unha vez elaborado o marco político-administrativo, habería que incardinar nel os montes veciñais en man común. O espacio xeográfico de actuación sobre os montes veciñais ten que estar definido pola parroquia e pola comarca. O territorio parroquial ten que representar a unidade primeira de actuación e a comarca ten que constituir a agrupación administrativa natural. Parroquia e comarca deben ser os eixos dun ordenamento do territorio galego.
d- O papel da Administración galega.
O obxectivo primordial da Administración galega é (ten que ser) cumprir e facer cumprir a Lei de Montes Veciñais en Man Común. É inaceptable que a Consellería se valla dela para favorecer intereses de certos sectores, e mesmo tentar cambiala e lexitimar na lei o que se vai consentindo de feito: a especulación, a intención oscurantista de favorecer o abandono veciñal para de seguido propugnar a súa privatización con capitalización allea ás comunidades de montes.
As ideas básicas que deben rexer unha lei necesaria pasa por establecer o equilibrio medio ambiental, o recoñecemento da veciñanza coma xeito de participación activa, o potenciamento da figura do axente forestal coma asesor cualificado das comunidades tanto no legal como no forestal e o recoñecemento, unha vez máis, de que o monte veciñal é inalienable, imprescriptible, indivisible e inembargable.
O Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, previsto pola lei actual, deberá ser público e contará cos medios necesarios para desempeñar con eficacia as tarefas que lle son asignadas pola citada lei, tales coma a de manter unha relación actualizada dos montes veciñais e da súa situación estatutaria, así como unha relación dos actos de cesión temporal, expropiación forzosa, imposición de servidumes, constitución do dereitos de superficie, permutas e repartos de monte entre os comuneiros para usos agrícolas e gandeiros. Así mesmo as infraccións cometidas nos montes en man común e as súas sancións correspondentes deberánse revisar e ampliar.
No tocante ós Xurados Provinciais de Clasificación, e ante os numerosos erros cometidos por estes organismos, esiximos o establecemento da posibilidade legal de revogar as súas resolucións que estean en contradicción coa documentación histórica referida ó territorio e ó deslinde entre parroquias. Reclamamos a creación dun Tribunal de Arbitraxe onde as comunidades de montes poidan aportar a documentación que avale a propiedade dos seus montes que evite a xeralización de recursos xudiciais.
e- O papel dos concellos.
Como Administración máis próxima á cidadanía e responsable do coñecemento e recoñecemento do seu territorio, compete ós concellos:
1- A correcta organización e distribución interna do territorio, poboación e recursos.
2- O recoñecemento nos seus xustos e legais termos dos montes veciñais en man común e a súa función como ben común e social:
- previndo a súa defensa nos planos xerais de ordenación urbana, nas normas subsidiarias de planeamento municipal, etc.
- servir de ponte entre as comunidades de montes e as administracións autonómica e central.
- a corresponsabilidade na xestión e Administración dos montes: a cotío, alegando a súa titularidade veciñal, non afrontan os seus problemas nin a súa defensa.
3- O cambio de mentalidade respecto dos montes veciñais pola dimensión social e común: non son fonte barata de terreos municipais, madeira, pedra... nin substitutos dos concellos en temas de equipamento básico á poboación: estradas, alumeado, etc.
A colaboración entre concellos e comunidades de montes pode dar froitos moi importantes, inda por descubrir. Non soamente no plano productivo, senón tamén no favorecemento da convivencia democrática.
f- A participación das comunidades de montes na Administración.
Mentres a parroquia non sexa recoñecida coma entidade administrativa e xurídica nun marco xeral de ordenamento do territorio, varias son as alternativas para un axeitado funcionamento do actual sistema organizativo:
a- Regulamentos de participación veciñal.
Son varios xa os concellos que, acolléndose ás disposicións legais vixentes (art.4.1ª, mailo capítulo 4º do Título V da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local), artellaron unha norma interna no ámbito municipal reguladora e específica da participación veciñal co recoñecemento expreso dos deberes e dereitos dos veciños como dinamizadores da vida social e participativa nos asuntos públicos, actuando coma complemento enriquecedor da democracia representativa a través das entidades que lle son propias: asociacións veciñais, deportivas, culturais, profesionais, empresariais e xuntas de montes.
Tres, pois, son os pilares básicos sobre os que se sustentan estas regulamentos: a participación veciñal coma xeito de entender a construcción do futuro social a través da intervención directa; o potenciamento do asociacionismo e o recoñecemento implícito de entidades sociais máis pequenas que os concellos. A diferencia entre eles vén dada polo grao de amplitude que cada corporación outorga a cada un destes pilares.
b- Consellos parroquiais.
Unha canle específica de organización e participación cidadá son os consellos parroquiais. Onde existen e funcionan, éstes son órganos de xestión dunha poboación e dun territorio concreto: a parroquia, entendida coma estructura natural no noso pais.
Estes consellos son a unidade administrativa (que non xurídica) inmediatamente inferior ó concello e superior á aldea, o lugar ou o barrio e polo tanto aglutina a tódalas súas poboacións e entes organizativos: asociacións veciñais, culturais... e xuntas de montes. Incidindo nestas últimas, as comunidades xogan aquí un papel decisivo, xa que son elas as que están xestionando directamente uns bens patrimoniais de natureza privada: os montes veciñais en man común.
De ser un órgano representativo da pluralidade veciñal, os consellos parroquiais serían verdadeiros fitos de integración social.
c- Consellos sectoriais.
Como expresa o seu nome, veñen a ser "colexios veciñais e profesionais", por sectores. Así temos consellos escolares municipais, de cultura, etc. E xa no ámbito supramunicipal, padroados de museos, conservatorios, consellos sectoriais do leite, a pesca...
Como xa quedou dito, posiblemente despois do mar, sexan os montes veciñais en man común a maior riqueza social coa que contamos en Galicia. Non sería inútil falar dun Consello Sectorial de Montes Veciñais que atenda especificamente este aspecto tan importante do sistema agrario galego, con funcións consultivas, informativas e de mediación e arbitraxe. Estas funcións deberían terse en conta na redacción de novas leis que afecten ó monte veciñal ou á tramitación de expedientes de expropiación forzosa, inciados pola Administración ou por particulares. Neste caso reclamamos a inclusión no artigo 6.2 do Regulamento (Decreto 260/92) da obriga de incluir nos expedientes de expropiación o preceptivo informe do Consello Sectorial de Montes Veciñais en Man Común.
En calquera dos casos, a pouco que se reflexione, estes tres xeitos de participación das comunidades de montes ben puideran identificarse con niveis da Administración, facilitando a súa coordinación:
1.- Regulamento de Participación Veciñal = Administración Local (Concellos).
2.- Consellos Parroquiais = Administración Local + Administración Autonómica (recoñecemento da parroquia ).
3.- Consellos Sectoriais = Administración Autonómica (competencias plenas) + Administración do Estado (temas concretos: incendios, forestación, etc).
4- A organización das comunidades de montes.
Desde a constitución legal das primeiras comunidades de montes a hoxe constátase unha evolución evidente. Actualmente hai zonas nas que aínda están a constituirse legalmente as novas comunidades ó abeiro da lexislación vixente, mentres noutras comarcas as comunidades (e mancomunidades) teñen xa unha ampla experiencia na defensa e xestión do monte veciñal. As case dúas décadas transcorridas serviron de madurez para directivos e comuneiros, tomar conciencia clara dos problemas do monte e das solucións e, ó cabo, convencerse de que da Administración actual non se pode agardar recoñecemento e colaboración cos xestores do monte veciñal, unha realidade que está fóra do control político e do mercado especulativo e que, ademais, cada vez está menos proprenso a permitir o uso do monte como obxecto de rápidos negocios especulativos ou moeda de cambio para espurios intereses particulares.
Pero, malia ós seus esforzos, os problemas que teñen que enfrontar superan a miúdo a capacidade de traballo das comunidades. En moitos casos os directivos das xuntas (que non poden ter dedicación total á comunidade) vén como todo o seu tempo se vai en problemas legais (avogados, preitos) e administrativos (reclamacións, solicitudes, informes, subvencións), sen poder dedicarlle ó monte a atención que precisa. Por outra banda, os contactos entre representantes de comunidades demostran que, en gran medida, os problemas das comunidades son os mesmos. Por iso cómpre espallar a idea do asociacionismo entre as comunidades, non só coa creación de mancomunidades (xa previstas na Lei 13/89), senón coa creación dun organismo superior que una esforzos, evite a repetición de traballos e dispoña dun equipo competente para o asesoramento das comunidades asociadas.
O potencial dunha asociación de comunidades de montes sería moi importante, tanto a nivel social como económico. Defendería os intereses das zonas rurais, tradicionalmente esquecidas, e representaría ós propietarios dunha parte moi grande do territorio galego, ó primeiro productor forestal do país e ó máis importante propietario de gando non estabulado de Galicia. A súa voz tería que oírse de xeito inevitable cando se traten iniciativas lexislativas referentes á caza, ó gando, ós aproveitamentos forestais, ó ordenamento do territorio ou á política medioambiental. E sobre todo, prestaría un inestimable servicio de asesoramento (xurídico, técnico, administrativo e económico) ás comunidades de montes, para así poder coordinar o seu traballo en diferentes direccións. Na defensa e xestión dos montes veciñais e na solución dos seus múltiples problemas, a creación dunha entidade organizativa a nivel galego sería un paso quizais decisivo para o futuro.
A Lei 13/89, que é un marco legal aceptable se a Administración cumprise coas súas obrigas, puido nacer con graves eivas de non producirse a unión temporal e reacción de moitas comunidades. Hoxe, que unha nova lei de montes ameaza con roubarlle ás comunidades a propiedade e a xestión das terras veciñais, debemos tomar exemplo desa actitude para facernos oír.
Deste xeito proponse a constitución de asociacións a dous niveis:
a) Favorecer a formación de mancomunidades de montes, a nivel municipal ou comarcal, nun proceso desde as propias comunidades e na medida en que se vaian dando as condicións axeitadas.
b) Formación dunha entidade organizativa que agrupe a tódalas comunidades e mancomunidades de montes interesadas.
Xa que logo, solicítase da Comisión Organizadora deste I Congreso Galego de Comunidades de Montes, que faga chegar á Xunta de Galicia, partidos políticos e outras forzas sociais, a voz das comunidades reunidas neste congreso; así como a como a constitución dunha xunta xestora que teña como obxectivo a creación dun organismo asociativo das comunidades de montes e que cumpra, entre outros, os seguintes labores:
1- Presentar unha voz única e unida diante da Administración e o Parlamento galego para expresar a voz das comunidades veciñais diante de tódalas iniciativas administrativas e lexislativas que afecten directamente ó monte veciñal.
2- Impulsar e favorecer a asociación das comunidades de montes en mancomunidades municipais ou comarcais.
3- Asegurar a organización de posteriores congresos, xornadas e outras actividades de formación, coordinación e asesoramento das comunidades de montes.
4- Asesoramento das comunidades de montes a nivel xurídico, administrativo, técnico e económico.
5- Elaboración de modelos de proxectos de aproveitamento e mellora dos montes veciñais.
6- Edición dun boletín interno de información ás comunidades de montes. voltar ó índice
Conclusións do Congreso aprobadas en pleno:
1- Os montes veciñais en man común son unha propiedade colectiva de procedencia xermánica e a súa titularidade pertence ós veciños de cada parroquia ou lugar.
2- O carácter de bens inalienables, indivisibles, imprescriptibles e inembargables dos montes veciñais está recoñecido pola lexislación vixente, recollendo as características que tiveron desde épocas inmemoriais e reflectido en numerosas sentencias xudiciais nos últimos tempos.
3- As numerosas deficiencias nas resolucións clasificatorias dos montes veciñais que dificultan a súa inscrición nos rexistros da propiedade son responsabilidade exclusiva da Administración, que incumpre gravemente a lexislación vixente. A Xunta de Galicia provocou os problemas e ela debe resolvelos. Esiximos a posibilidade legal de revocación das resolucións dos xurados provinciais de clasificación que estean en contradicción coa documentación histórica referida ó territorio e ó deslinde parroquial. Pedimos a creación dun Tribunal de Arbitraxe onde as comunidades de montes poidan aportar a documentación que avale a propiedade dos seus montes.
4- Tamén as actuacións da Administración nas expropiacións forzosas amosan total desinterese polo monte veciñal, incumprimento da legalidade vixente e indefensión dos veciños.
5- A propiedade veciñal debe ser conservada e aínda potenciada mediante campañas preventivas de sensibilización social encaminadas a fomentar o respecto e coidado do monte, ó tempo que se desenvolven outras actuacións en defensa, reproducción e mesmo ampliación dos seus variados recursos.
6- Na actualidade os montes veciñais están a representar un recurso estratéxico de gran valor para o equipamento e desconxestión de áreas urbanas e periurbanas, dada a súa condición de reserva de solo abundante e barato, así como para o desenvolvemento endóxeno das zonas deprimidas. Deben ser as comunidades de veciños propietarias do monte, con plena capacidade xurídica sobre o mesmo, quen establezan as condicións en que deben levarse a cabo os proxectos e servidumes, dereitos de superficie, permutas, arrendamentos, concentración parcelaria, etc, respectando en cada caso a normativa vixente. Só nos casos de utilidade pública ou interese social prevalente ós do propio monte, poderán os montes veciñais en man común ser obxecto de expropiación forzosa, reclamando o dereito de reversión á comunidade no momento no que deixen de cumprir o fin para o que foron expropiados.
7- A Administración debe garantir a devolución da titularidade de tódolos montes comunais ós seus veciños. A función tutelar da Administración é incompatible cos atrancos administrativos e xurídicos que está a poñer para a xestión e o coidado do monte.
8- Nas parcelas desafectadas pola Administración, os xurados provinciais deben recoñecer o carácter veciñal das mesmas. Os organismos da Administración usufrutuarios destas parcelas deben establecer convenios sobre dereitos de superficie ou cesións de uso coas comunidades desposuídas, sempre dende o recoñecemento do carácter veciñal destes terreos. Cando non sexa posible o establecemento de convenios, a expropiación é a mellor solución, co xustiprezo que a normativa establece.
9- Algúns aspectos da vixente Lei 13/89 son froito da presión social das comunidades de montes, especialmente aqueles que definen a titularidade, características e xestión dos montes veciñais. Esta Lei establece a xestión democrática dos montes polas comunidades e determina os seus órganos de goberno.
10- A lexislación de montes debe contemplar as funcións económica, biolóxica, medio ambiental, social e cultural que debe cumprir o terreo comunal; deberá partir da realidade da comunidade veciñal, diferente segundo a diversas zonas de Galicia.
11- As actuacións no monte teñen que coincidir cos intereses da comunidade veciñal, sen esquecer os intereses xerais. Por iso é irrenunciable que o órgano supremo das comunidades de montes sexan as asembleas xerais. A planificación do monte debe contemplar as distintas funcións que cumpre, cun axeitado equilibrio nas prioridades.
12- O obxectivo primordial da Administración Galega debe ser cumprir e facer cumprir a Lei de Montes Veciñais en Man Común. É inaceptable que a Consellería se valla dela para favorecer intereses de sectores privados, e mesmo tentar cambiala e lexitimar na lei o que se vai consentindo de feito: a especulación, a intención escurantista de favorecer o abandono veciñal para de seguido propugnar a súa privatización con capitalización allea ás comunidades de montes.
13- As ideas básicas que deben rexer unha nova lexislación de montes pasa por establecer o equilibrio medio ambiental, o recoñecemento da veciñanza coma xeito de participación activa e o recoñecemento, unha vez máis, de que o monte veciñal é inalienable, imprescriptible, indivisible e inembargable.
14- O deslinde, amolloamento (derrega) e levantamento de planimetría dos montes veciñais é unha necesidade prioritaria das comunidades e competencia legal da Xunta de Galicia, que polo de agora incumpriu a Lei 13/89 (artigo 11.4) alegando falta de medios.
15- No problema da apropiación por particulares, prodúcese unha indefensión das comunidades de montes, diante da inhibición da Administración e da súa negativa a realizar os deslindes, que resolverían en gran parte os conflictos. Incumprimento dos artigos 13 e 25 da Lei 13/89.
16- Os convenios das comunidades de montes coa Xunta de Galicia son positivos nos seus plantexamentos iniciais. Pero a Consellería de Agricultura debe cumprir a súa propia normativa: planificar o ordenamento dos montes, elaborar os planos de traballo, investir no monte o seu 30% dos beneficios da madeira e dar contas claras e puntuais ás comunidades dos recursos que obtén dos montes conveniados. Instamos á Xunta de Galicia á creación dun novo instrumento xurídico que regule os convenios coas comunidades.
17- Na loita contra o lume a Administración carece dunha política de prevención, desprezando o traballo que neste sentido se pode facer desde as comunidades de montes. Esiximos máis dilixencia, seriedade, coherencia e transparencia na súa actuación nas medidas contra os incendios forestais, especialmente na política de subvencións. A prohibición de vender a madeira queimada a baixo prezo pode ser o comenzo da solución ó problema do lume no monte. A Administración é a responsable única da loita contra o lume.
18- Reclamamos unha lexislación específica sobre o gando bravo que contemple a esixencia de responsabilidades ós donos deste gando, como poden ser o control, coidado e saneamento do mesmo, a colaboración nos traballos da comunidade de montes e a reparación dos danos causados. En todo caso as comunidades deben ter potestade para consentir ou non este gando nos seus montes.
19- Os montes veciñais en man común teñen que deixar de ser vertedoiros de lixo. As comunidades esiximos unha alternativa para o tratamento de lixo baseada na reducción, recuperación e reciclaxe-compostaxe. Tamén esiximos o selado racional (trituración, prensado e cubrimento con terra vexetal) de tódolos vertedoiros de lixo.
20- A caza é un aproveitamento potencial do monte, pero a lexislación sobre este deporte debe establecer medidas garantes da conservación de especies, ademais de regular o correspondente servicio de vixiancia e a participación dos cazadores na loita contra o lume. Así mesmo a nova Lei de Caza debe respectar a decisión das comunidades sobre o establecemento de coutos de caza e facer recaer sobre elas a consideración de título directo. Esiximos tamén unha lexislación específica de deportes agresivos que impida o deterioro do monte por estas prácticas.
21- O intento da Facenda Pública de aplicar a fiscalidade xeral ós productos do monte, entra en contradicción coa consideración do monte veciñal como ben social e a obriga de aplicar os rendementos en melloras do monte e en obras de carácter social que benefician a toda a poboación. Desde as comunidades rexeitamos este tratamento e esiximos unha lexislación tributaria específica que teña en conta os fins ós que se dediquen os beneficios: se son en acción social, sen carga fiscal; se son para reparto de beneficios, con fiscalidade. Mentres esta lexislación non estea en vigor, os cobros dos impostos deben quedar en suspenso.
22- Nas subvencións ós traballos do monte, con axudas da Unión Europea, a Administración Galega arrastra unha chea de eivas: infravaloración de custos, burocracia irracional, incumprimento de prazos de pagamento, inadecuación estacional, prazos absurdos de traballos, subvencións limitadas e sen seguimento, etc. Pedimos máis interese por parte da Consellería.
23- O actual marco legal é unha boa oportunidade para que os veciños recuperen os hábitos antergos de xestión colectiva que posibilitaban un maior protagonismo da comunidade no ordenamento da parroquia. Os erros de funcionamento son normalmente achacables á inexperiencia e á falta de asesoramento da Administración.
24- Os recursos que xenera o monte deben revertir na mellora e acondicionamento do mesmo e soamente de xeito marxinal en investimentos en bens públicos (pistas, sumidoiros, etc) que son competencia das administracións. Reclamamos a reforma da Lei 13/89 para incrementar ó 33% a porcentaxe mínima a investir no monte dos recursos que produce.
25- As xuntas rectoras deben levar a cabo un labor de concienciación dos veciños, mesmo daqueles que non teñen aproveitamentos directos do comunal, para que participen na xestión dos montes, tentando de vencer a indiferencia e o desánimo.
26- Os medios técnicos necesarios para a mellora do monte (estudios previos, planos de aproveitamentos, infraestructuras, etc) deben ser postos pola Administración, segundo a lexislación vixente. Pero a Consellería de Agricultura non dá resposta a estas necesidades.
27- As parcelas comunais nunca aparecen como prevalentes nas actuacións das administracións, minusvalorando a súa función social. Nos proxectos de equipamento e infraestructuras, o monte veciñal debe ser considerado como superficie básica no ordenamento do territorio.
28- O monte veciñal non é unicamente unha fonte de recursos económicos para explotar e rendibilizar ó máximo. Desde as comunidades defendemos outras funcións igualmente importantes: social, cultural, medioambiental, recreativa, etc. A función productiva de madeira non debe ser prioritaria no monte veciñal, senón equilibrada coas outras funcións.
29- É necesario un cambio de mentalidade dos concellos respecto dos montes veciñais pola súa dimensión social e territorial: non son fonte barata de terreos municipais, madeira, pedra... nin substitutos dos concellos en temas de equipamento básico á poboación: estradas, alumeado, etc. A colaboración entre concellos e comunidades de montes pode dar froitos moi importantes, inda por descubrir. Non soamente no plano productivo, senón tamén no favorecemento da convivencia democrática.
30- O Plan Forestal de Galicia non cumpriu nin minimamente as espectativas xeradas. No tocante ós montes veciñais, o desenvolvemento do Plan practicamente ignorounos. As actuacións realizadas ata o de agora demostran que na súa aplicación este non é o plan que necesita o ordenamento do monte galego.
31- O ordenamento do monte non pode significar un reparto do territorio con criterios distintos. Hai que aplicar conceptos e principios ecolóxicos en todo o monte, mesmo nas zonas máis productivas. A conservación do medio ambiente debe ser unha loita en todo o territorio forestal, por mais que se apliquen diferentes niveis de protección para cada zona.
32- O monte, ademáis de productor de materias primas renovables, aporta estabilidade ós ecosistemas, xera actividade de lecer e mellora a calidade de vida. Os montes en man común, pola súa orixe, polo seu tipo de propiedade e pola súa dimensión, están nas mellores condicións para levar adiante unha política forestal que cumpra perfectamente as funcións citadas. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes está obrigada por lei a darlle ó monte veciñal en man común carácter preferente na súas actuacións de fomento e mellora en tódolos seus usos -agrícola, gandeiro e forestal-.
33- A parroquia é a entidade organizativa de base con fonda presencia na historia social de Galicia. As comunidades de montes reclaman o seu ordenamento xurídico (aínda pendente de desenvolvemento lexislativo), que ha de servir de base para o ordenamento do territorio galego.
34- A comunidade de montes é unha célula social viva dentro da parroquia. Ningún outro ente organizativo é comparable á ela, pois é a única, polo de agora, que ten o carácter aglutinador capaz de dotar á parroquia con entidade xurídica de seu.
35- Mentres a parroquia non sexa recoñecida coma entidade administrativa e xurídica nun marco xeral de ordenamento do territorio, reclamamos a participación veciñal no artellamento político e social de concellos, comarcas e políticas sectoriais a través de regulamentos de participación veciñal, consellos parroquiais e consellos sectoriais, e dentro destes a creación dun Consello Sectorial de Montes Comunais, que atenda especificamente este aspecto tan importante do sistema agrario galego.
36- No referente á natureza da titularidade (propiedades en comunidade xermánica) ás súas características (indivisible, inalienable, imprescriptible e inembargable), ó artellamento dos seus órganos de goberno (asemblea xeral e xunta rectora) é as premisas para a condición de veciño comuneiro (ter casa aberta na comunidade) entendemos que a Lei 13/89 recolle as aspiracións de recoñecemento xurídico da propiedade veciñal.
37- Se os cambios que se plantexan para a nova lei de montes supoñen a desnaturalización da propiedade de tipo xermánico, introducindo na xestión dos montes persoas e comportamentos ideolóxicos alleos á tradición das comunidades e falseando as características destas institucións, as comunidades de montes rexeitan totalmente a nova lei de montes polo que supón de regresión lexislativa e un novo ataque da Administración á propiedade veciñal.
38- O I Congreso Galego de Comunidades de Montes acorda crear unha organización a nivel galego que acolla a tódalas comunidades interesadas na defensa do monte veciñal, para facilitar a xestión e aproveitamento dos seus recursos e sirva de interlocutor diante da Administración. voltar ó índice
Institución: Bloque Nacionalista Galego.
Lector: Emilio López Pérez, deputado no Parlamento de Galicia.
Na súa intervención salienta, entre outros aspectos, a importancia que para Galicia supoñen os montes veciñais en man común, defendendo para os mesmos a necesidade dun ordenamento forestal, feito con criterios sociais e non exclusivamente económicos, que permita compatibilizar os usos forestais cos agrarios e gandeiros. Anuncia a presentación polo BNG diante do Parlamento de Galicia dun conxunto de medidas mínimas para unha política forestal galega, así como unha Proposición non de Lei referida á creación dunha normativa reguladora do pastoreo de reses en réxime de liberdade completa.
O representante nacionalista aproveitou para criticar o modelo forestal promovido polo Goberno galego. Denunciou o abandono intencionado dos montes veciñais en man común por parte da Administración, que desde o Servicio de Montes está a protexer determinados intereses en prexuízo de iniciativas e aspiracións de moitas comunidades de montes, que non poden acceder ás axudas para a prevención de incendios ou que aínda teñen os seus montes sen deslindar, incumprindo gravemente a Lei de 1989. Esta actitude forma parte dunha estratexia do actual Goberno galego e do Partido Popular dirixida a afundir as comunidades de montes porque lle estorban por seren entes colectivos cun funcionamento participativo e democrático. voltar ó índice
Institución: CMVMC de Santo Estevo de Budiño (Salceda de Caselas)
Autor: Aquilino González Fernández, presidente da Comunidade
Lector: Cándido Iglesias Alfaro, moderador da mesa do Congreso
Título: O Monumento ós Mártires de Sobredo, símbolo do asociacionismo e movemento veciñal agrario.
Na comunicación presentada nárrase o tráxico suceso ocorrido en Sobredo (Guillarei, Tui) o 28 de novembro de 1922, no transcurso dunha concentración de labregos contra as rendas forais e o embargo de bens a un veciño do lugar que se negara a pagar o foro. Os disparos da forza pública, que acompañaba ó xuíz que ía executar o embargo, causaron a morte dos labregos Venancio González Romero, Joaquín Estévez Besada e Cándida Rodríguez González e feridas a varios labregos máis.
Cando se cumpre o décimo cabodano, as entidades veciñais e agrarias da comarca erguen, por suscrición popular, un monumento no lugar para recordar aquela traxedia como símbolo da loita dos labregos pola súa terra. A partir daquela, cada 28 de novembro se concentran asociacións veciñais, sindicatos agrarios, sociedades labregas, etc. deica o ano 1936 en que o monumento é dinamitado. Será o 28 de novembro de 1987, cando se cumpre o 65 cabodano, cando as entidades veciñais, agrarias e comunidades de montes, considerándose herdeiras das anteriores, fan a colocación da primeira pedra da reconstrucción do monumento, que será reinagurado ó ano seguinte.
Desde aquela cada 28 de novembro unha chea de comunidades de montes, asociacións de veciños, culturais e recreativas, xuntanse diante do monumento para lembrar a aqueles labregos que deron a vida por liberar á terra da inxustiza e ós labregos de manter donos parásitos. Por iso hoxe, dante deste Congreso, solicítase o recoñecemento público a estes mártires. voltar ó índice
Institución: Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas
Lector: José Manuel Quintáns González
Este representante sindical fai unha exposición da problemática que está ameazando ás CMVMC desde o punto de vista fiscal, pois o Ministerio de Facenda pretende atribuírlles a condición de suxeito pasivo do Imposto de Sociedades, esgrimindo como única argumentación o feito de que as comunidades gozan de personalidade xurídica propia. Tras tal pretensión non parece acocharse outra intención que a de obrigar ás CMVMC a tributar nun réxime fiscal que descoñece a realidade xurídica da propiedade veciñal, cunha medida que pretende ignorar a importancia social, económica e agraria destas propiedades colectivas de Galicia.
Por tal motivo, débese avogar e vindicar unha nova lexislación que dispoña un marco xurídico axeitado para tratar a fiscalidade específica dos montes veciñais en man común dun xeito obxectivo. Tal solución fiscal debe abranguer de xeito práctico a toda a problemática tributaria dos mesmos.
Asemade reclámase a competencia exclusiva para a Comunidade Autónoma de Galicia da capacidade lexisladora en materia fiscal e tributaria dos montes veciñais en man común, institución singular que hoxe en día soamente se mantén en territorio galego. voltar ó índice
Institución: Sindicato de Traballadores Forestais - Confederación Intersindical Galega
Lector: Claudio Quintillán Vallejo
O representante sindical fai un percorrido pola historia recente dos montes veciñais en man común, co obxecto de explicar a actual situación dos mesmos partindo dun feito que configura a realidade xeográfica do país: Galicia, con máis de tres millóns de ha. de superficie total, conta con dous millóns de ha. dedicadas ó monte e destes, máis de 600.000 son monte veciñal. A dispersión xeográfica da poboación é outra nota dominante: case tódalas 2.528 parroquias galegas contan con montes veciñais, arazón dunha media de 242 ha. por comunidade.
Estas propiedades viñan sendo, dende séculos, usadas polos veciños de xeito comunitario. Durante o franquismo créase o Patrimonio Forestal do Estado coa misión de levar á práctica o Plan Nacional de Repoboacións. O resultado foi que miles de ha. de montes veciñais, agora rexistrados como bens propios dos concellos, foron cubertas de eucaliptos e piñeiros. Os concellos e o ICONA son os encargados de controlar os recursos do monte, en prexuízo dos seus usufructuarios de sempre, os veciños, que xa nos anos 70 comezan a organizarse baixo a consigna de "O Monte é noso" para reivindicar a súa devolución.
Coa aprobación da Lei de 1980 iníciase o proceso de devolución dos montes, encargándose ós xurados provinciais da súa clasificación e deslinde; tarefas que están por rematar e que deron lugar a enfrontamentos entre particulares e comunidades. Por outra parte os montes devoltos carecían de planos técnicos de viabilidade, o que obrigou ás CMVMC a manter consorcios e convenios coa Administración para a súa xestión técnica, producíndose situacións de clientelismo nas subvencións, que son adxudicadas sen racionalidade nin control. O asociacionismo semella unha solución para estas carencias na xestión dos montes, cando desde a Xunta de Galicia se favorece un certo asociacionismo controlado, potenciando algunhas asociacións privadas que máis parecen empresas de xestión disfrazadas, e apoiadas desde o poder, que utilizan ás comunidades de montes como socias.
Con este panorama a situación non pode ser máis preocupante para o monte veciñal. O Goberno galego está as súas competencias como Administración pública a mans da iniciativa privada e hai indicios para pensar que o novo modelo lexislativo que se quere aprobar para os montes dos veciños artella unha fórmula para privatizar a súa xestión, o que anularía a comunidade xermánica e os seus aspectos máis relevantes.
Esta situación está a demandar cambios radicais nos plantexamentos políticos cara ó monte dos veciños. Así o entende a CIG, que, entre outros, defende os seguintes:
1- Por ser o monte un ben social (e os montes comunais forman parte del) débese rexeitar a privatización do mesmo. A necesaria planificación do territorio debe ter en conta estas 600.000 ha. coas súas peculiaridades administrativas; urxe un Plano de Ordenamento do Territorio que deberá deslindar claramente os montes veciñais e atender ó ordenamento dos diversos usos do monte desde a acción política de goberno, contando coa participación das CMVMC.
2- O Goberno galego debe impulsar medidas de índole diversa (lexislativas, económicas, asesoramento ás comunidades, apoio á iniciativas...) que favorezan o desenvolvemento dos montes dos veciños, grandes xeradores de recursos. Neste senso os montes comunais poden constituírse nun importante motor para a creación de emprego.
3- O montre precisa, asemade, ser coñecido nas escolas, onde os máis novos aprenderán a valoralo e respectalo. Tamén a mocidade debe ser concienciada nestes valores.
En remate, o sindicalista considera que estamos nun momento histórico que esixe o compromiso de todos para reivindicar unha Administración ó servicio das CMVMC, apoiando ás xuntas de montes, ós comuneiros, ós industriais, ós ecoloxistas e a todo o que teña algo que aportar a este proxecto. Ó cabo gañaremos todos, e gañará Galicia. voltar ó índice
Autor: Francisco M. Chivite Mosquera, veterinario oficial da comarca da Cañiza.
Título: Situación sanitaria e productiva da gandería que aproveita pastos veciñais en réxime extensivo (proposta organizativa).
A súa comunicación divídea en dous apartados: gando vacún e equino, con problemáticas e solucións distintas.
Considera que o aproveitamento gandeiro dos productos vexetais do monte é unha das potencialidades básicas destas terras, sendo o pastoreo o uso compatible e mesmo complementario doutros usos do monte. A falta dunha normativa reguladora do pastoreo fomenta enfrontamentos entre este uso e a repoboación forestal.
O gando vacún conta con 2.500 cabezas, pertencentes a 200 propietarios que na maioría dos casos teñen esta actividade como secundaria. Este gando vive ceibe no monte de xeito permanente e non conta con instalacións axeitadas (valados, albergues, mangas de tratamento, etc) que faciliten o manexo destes animais. Doutra parte a inexistencia dunha organización responsable da xestión dos pastos comunais está a facilitar as soltas polo monte de novos animais, sen ningún control previo, e que son posibles portadores de doenzas, ademais de competidores polos pastos en situacións de escasez.
Este veterinario está convencido de que a cría de gando no monte segue a ser unha actividade de interese desde os puntos de vista económico, demográfico e medioambiental, compatible cun aproveitamento forestal racional no mesmo espacio. O conflicto soterrado que na actualidade se está a dar entre o uso gandeiro e a producción forestal debe ser solucionado pola vía do entendemento entre os sectores implicados, para o que se propón unha acción integrada a tres niveis:
1- Regulación normativa da actividade gandeira. A Xunta e o Parlamento de Galicia deben elaborar o proxecto legal que regule o pastoreo no monte, regulamento que se debe desenvolver, asi mesmo, no articulado dos estatutos das CMVMC.
2- Planificación da orientación productiva dos montes e dos sistemas de explotación de gando no monte, actuando conxuntamente os tres estamentos implicados: Consellería de Agricultura, gandeiros e CMVMC; estas últimas ordenarán os recursos do monte reservando parcelas axeitadas para o pastoreo e para a producción forestal.
3- Control sanitario do gando no que se debe implicar, igualmente, a gandeiros, xuntas de montes e servicios veterinarios oficiais. Estes últimos responsabilizaranse do control sanitario oficial, que se plasmará nun certificado de garantía sanitaria dos animais (folla verde: documentación de Explotación Calificada Sanitariamente). As necesarias actuacións dos servicios veterinarios oficiais sobre o gando do monte sería facilitada co establecemento de Unidades Sanitarias, proposta desta intervención, onde se englobarían tódolos animais que pastorean un mesmo pasto comunal. A configuración destas Unidades Sanitarias poderíase facer deixando ás CMVMC o regulamento dos pastos comunais, permitíndolle a estas a planificación dos usos de pastoreo e o control de novas incorporacións de gando ó seu monte. Pola súa parte os gandeiros terían as seguintes obrigas:
a) Adoptar unha marca de identificación diferencial, igual para tódolos animais que conformen unha unidade sanitaria.
b) Estar en posesión dun libro de rexistro dos animais que integren a unidade sanitaria.
c) Corresponsabilizarse no control sanitario do gando, tanto no referente á entrada de novas reses como na realización de probas de saneamento.
Verbo do gando equino, o veterinario considera que os graves problemas que a súa presencia está ocasionando no monte, tantas veces denunciados polas comunidades de montes, veñen causados sobre todo pola total carencia que a nivel administrativo está a caracterizar a este gando bravo; non existen rexistros oficiais de propietarios, nin identificacións oficiais rexistradas, nin cuantificacións de censos... o que impide sometelo a control algún.
Ante esta situación, a promeira actuación que se propón de ser a identificación dos propietarios, tarefa que precisa da estreita colaboración de comunidades de montes, gandeiros organizados en curros, Administración galega e local. De seguido procederíase, polas CMVMC, ó rexistro das marcas existentes ou á asignación de marcas novas a cada gandeiro, previamente autorizado ó aproveitamento dos pastos. Estas actuacións, básicas para tentar de poñer algo de orde no sector, deberá complementarse con outras:
1- Fixar as condicións previas que deben cumprir os animais autorizados ó aproveitamento dos pastos e proceder ó seu rexistro. Entre estas condicións inclúense as sanitarias, cometido facilitado coa configuración das unidades sanitarias, o que favorecería a situación sanitaria do gando no monte.
2- Racionalizar o aproveitamento dos pastos, delimitando superficies de pastoreo e determinando a carga gandeira soportable. As CMVMC deben demandar o apoio técnico e económico necesario para acometer este traballo, aínda que nos montes que non están deslindados deberá realizarse este traballo previamente.
3- Dotar ó monte de infraestructuras (mangas, albergues, valados) que faciliten o manexo do gando, cometido tamén difícil para moitas comunidades e non existir liñas de axuda para a construcción das infraestructuras necesarias nin para o establecemento de pastizais. voltar ó índice
Autor: Fabián Estévez Rodríguez.
Na súa comunicación lembra a memoria de dúas figuras cimeiras na loita levada a cabo nos anos 70 e 80 para recuperar os montes veciñais, aquel patrimonio "que de xeito innobre se lle arrebatara ó pobo". Estas parsoas foron Jerónimo Escariz, avogado, e Xesús Fernández Pita, presidente de Cofan, "homes honestos, traballadores, ilusionados co futuro do noso país e especialmente co agro galego e os seus labregos". En agradecemento póstumo a estes dous galegos de ben, acompáñase esta comunicación con dous dos seus escritos, datados en 1978 e 1985, o primeiro coa proposta dunha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común e o segundo ofrecendo unhas reflexións sobre a explotación da terra no NO da Península Ibérica e a zona cantábrica.
De seguido realiza o comunicante uns comentarios sobre unha loita que el mesmo viviu a través da Coordinadora de Montes Veciñais en Man Común, coa presentación no Parlamento español dunha Proposta de Lei para o que se contou coa colaboración de Jerónimo Escariz e do deputado vasco Juan María Bandrés, a edición do libro "O Monte é noso" e a realización dunha película; iniciativas todas que forman parte daquel esforzo para recuperar os montes.
Para rematar propón ós organizadores do Congreso que se realice unha homenaxe a Jerónimo Escariz, proposta que se debe facer chegar mediante escrito ó Colexio de Avogados para que a faga súa. voltar ó índice
Autor: José Antonio González Ferreira, enxeñeiro agrónomo
Título: La gestión de los Residuos Sólidos Urbanos y los montes vecinales en mano común.
O Plano de Xestión de RSU de Galicia, aprobado en xaneiro de 1992 e actualmente en vigor, contempla a incineración como única forma de tratamento dos residuos, a cal deberá efectuarse nunha instalación centralizada para toda Galicia. Prevee a instalación de catro plantas provinciais de preparación de residuos para a combustión e 30 plantas de transferencia espalladas por todo o territorio. Para executar este plano, cun horizonte temporal fixado inicialmente en 1994, creouse a Sociedade Galega para o Medio Ambiente (SOGAMA). En 1997, de tódolas construccións previstas, só está operativa unha única planta de transferencias -máis coñecida como empacadora- en Guixar (Vigo), que as autoridades pretenden pechar e trasladar a Vilaboa en cumprimento de promesas electorais. A incineradora central atópase en fase de adxudicación do proxecto e neste tempo xurdiu unha nova instalación no concello de Cerceda (A Coruña), non prevista no Plano, que está a funcionar a xeito de depósito só para os residuos transferidos das cidades de Vigo e Pontevedra.
A falta de sintonía entre o Plano de Xestión galego e a estratexia europea das 3R (reducir, reutilizar e reciclar) é evidente. Aquí soamente se contempla a incineración, sistema cuestionado noutros países; en Europa e noutras zonas do estado español úsanse outras fórmulas: reciclaxe, compostaxe, metanización, etc. Pero ademais o modelo de contrato establecido entre Sogama e os concellos de Galicia para o tratamento dos RSU precisa dalgúns comentarios que queremos salientar na medida en que afecta ós montes veciñais:
* Vai obrigar ós concellos a entregar unha cantidade fixa de RSU, en contra das estratexias de reducción da producción recomendadas desde a Unión Europea. Argumentar que o importante é que o lixo salga do municipio sen importarnos o que fagan con el non é o máis correcto, pois seguramente algún monte veciñal pagará as consecuencias.
* Establece unha duración mínima do convenio de 25 anos, o que durante este tempo vai cerrar as portas a outras posibles solucións no tratamento dos RSU, das que se poderían beneficiar os montes veciñais: aboado con compost para manter a festilidade do chan, previr os efectos da erosión, etc.
* Deica máis alá do ano 2000 non será posible a integración de tódolos concellos en Sogama, polo que o lixo que se produza en Galicia irá parar, probablemente, ós montes veciñais.
* Sogama só recollerá o 4,5 % dos residuos que se producen en Galicia; haberá que buscarlle acomodo ó 95,5 % restante. As presións dos concellos sobre os montes veciñais poden converter as estes en lugares de vertidos incontrolados.
* Os RSU non desaparecen totalmente coa incineración, senón que deixan un 25-30 % de escoura e borralla, que acabará probablemente nos montes veciñais.
Xa que logo, a solución ó problema do lixo non está na incineración como única forma de tratamento; haberá que diversificar os sistemas, poñer en marcha a recolleita selectiva, reciclar e compostar o máximo posible de residuos, etc. Soamente despois de afrontar estas medidas débese recorrer á incineración ou ó vertedoiro. Isto é o que se está a facer en Europa e o previsto no Plano de Cataluña. Tamén é a solución que pretende a Mancomunidade de Concellos do Morrazo. voltar ó índice
Institución: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mondariz
Autor: Xosé Manuel Mera Iglesias.
Título: Na procura dun aire anovador no rural.
O comunicante expón que unha análise sinxela do medio rural, onde se asenta a práctica totalidade dos montes veciñais, amósanos de entrada un panorama de escuras perspectivas de futuro. ¿A onde vai o rural galego? Soamente o sector forestal pode dinamizar a vida das aldeas.
Se o obxectivo a fixar para os montes veciñais é o de actuar como verdadeiras empresas cooperativas nas que os comuneiros estean concienciados e dispostos a traballar arreo polo dereito a un futuro digno para as xentes do rural, terase dado o paso decisivo para que xermole o cobizado desenvolvemento do monte comunal galego. Urxe construír unha casa común das comunidades de montes onde se comecen a coordinar accións con auténtica mentalidade empresarial, esquecendo as prácticas caritativas que agachan competencias propias dos concellos e ó cabo realizando no monte as actividades que posibiliten unha rendibilidade económica que convirta ás comunidades de montes en motores da creación de emprego e da mellora da calidade de vida do rural.
Para acadar estes obxectivos cómpre salientar unhas actuacións xenéricas prioritarias, entre as que estarían as seguintes:
1- Redacción dun Plano de Ordenamento que defina os usos do monte, específico para cada comunidade e baseado nas posibilidades do contorno.
2- Asesoramento técnico ás comunidades de montes como empresa de xestión colectiva na que a forza do traballo vive e coñece o medio no que vai desenvolver o seu labor.
3- Mentalidade empresarial con vocación de rendibilidade económica e espírito cooperativo para acadar os obxectivos marcados.
4- Educación forestal; artellamento de programas educativos que traten a explotación forestal sobre todo, mais ampliándoos a outras disciplinas que favorezan a formación dunha cultura do monte. voltar ó índice
Autor: Alberto Irisarri Castro, enxeñeiro de montes.
Título: El monte comunal en mano común en el contexto de la propiedad privada.
A súa intervención xira arredor das seguintes aseveracións:
a) Os montes veciñais en man común son unha figura tradicional en Galicia. Como organización social é, xuntamente coa parroquia, a máis importante figura do noso patrimonio cultural. A importancia que a súa presencia está a supoñer na nosa realidade social e cultural debe obrigar ó seu estudio, defensa e conservación pola Administración.
b) O principio de comunidade xermánica co que naceu esta figura debe ser mantido no futuro.
c) O carácter extrínseco e temporal da propiedade dos comuneiros xustifica por si mesmo o atributo de inalienabilidade destes montes.
d) Debe ser potenciada, tanto pola Administración como polos propios veciños, a mancomunidade de montes veciñais en man común, especialmente daquelas lindantes entre si.
e) Como institución con recoñecido significado social, cultural e económico, a propiedade veciñal debe saír das competencias exclusivas da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pasando a depender directamente da Presidencia da Xunta de Galicia, co fin de posibilitar un mellor desenvolvemento e coordinación de toda a súa problemática. voltar ó índice
Comunicación nº 10
Autor: Xosé Antonio Castro Villaverde, alumno da Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra).
Considera que o monte ten dúas funcións principais: unha productiva e outra social, ademais doutras a ter en conta como a ecolóxica, a paisaxística, etc. Avoga por un equilibrio entre unha función productiva diversificada (madeira, gandería, caza, silvicultura, cogumelos...) e as restantes funcións. Pero a consecución deste obxectivo precisa de medios:
1- Coordinación entre CMVMC lindantes mediante programas comúns para os diferentes aproveitamentos do monte e a súa defensa. A conservación das fragas autóctonas debe ser unha prioridade nestes programas.
2- Subvencións e investimentos no monte.
3- Formación de equipos de traballo, con profesionais especializados, para atender ás diversas tarefas de mantemento do monte. voltar ó índice
Autores: Estudiantes de Enxeñería Técnica de Industrias Forestais e Enxeñería Superior de Montes.
Lector: Daniel Castelo Guerrero
Nesta comunicación reafírmase a singularidade do monte galego verbo do existente no resto do Estado, tanto no referente ó concepto de propiedade como no democrático e asembleario do seu órgano máximo de goberno. Así as CMVMC deben ser reivindicadas como a "única posibilidade de xestión racional do monte galego, coa axuda dos coñecementos dasocráticos e silvícolas dos profesionais.
Obxectivo primordial das CMVMC é demostrar a rendibilidade do monte, non en termos exclusivamente económicos e de beneficios inmediatos, senón buscando novos plantexamentos que permitan optimizar tamén os rendementos ecolóxicos, recreativos e socioculturais. Elementos claves desta política debe ser o ordenamento do monte, a concienciación das novas xeracións na problemática do monte para tentar deter o avellentamento da poboación rural, e a creación de mancomunidades como medio de obter superficies mínimas de explotación que faga viable a xestión sostible do monte. Estas superficies mancomunadas van ser definitivas para a obtención de recursos anuais a través dun aproveitamento diversificado (forestal, apícola, micolóxico, cinexético, piscícola, recreativo, etc) que garantice, asemade, a diminución dos riscos potenciais de cada comunidade e asegura a mellora dos rendementos. voltar ó índice
En lembranza de Jerónimo Escariz
Es un honor poder dirigirme a todos ustedes y hacerlo además para recordar a uno de los compañeros de profesión más notables que he conocido: Jerónimo Escariz. Letrado profundamente vinculado a Galicia, dedicó algo más que su vida profesional a lograr que todos ustedes llegasen a estar hoy aquí.
Luchó incansablemente en favor de la devolución de los montes a los vecinos, colaboró en la redacción de leyes y llevó de la mano a la mayoría de las comunidades de vecinos cuando iniciaban su andadura.El importante desarrollo de las comunidades de montes en la provincia de Pontevedra se debe en gran parte a él.
No obstante, ni su vinculación a Galicia ni su seriedad profesional favorecieron tanto a las comunidades de montes como su voluntad permanente de concordia. Jerónimo Escariz burcó siempre armonizar, favorecer la convivencia en las parroquias e integrar en un proyecto común a todos los vecinos.
Siempre que en una asamblea prima la concordia y la búsqueda de soluciones por encima de antagonismos personales, se le hace a Jerónimo el mejor homenaje: la continuidad fructífera de un proyecto común.
Belén Raposo
Avogada voltar ó índice
DISCURSO DE CLAUSURA
Pronunciado polo Ilmo. señor don Daniel García Ramos, Maxistrado-xuíz da Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Sr. Presidente do I Congreso Galego de Comunidades de Montes,
benqueridos amigas e amigos:
Por forza, e como obriga moral e de afecto, serán as miñas primeiras palabras de gratitude pola deferencia que me dispensastes ó me invitar a este acto de clausura do Congreso. A vosa amabilidade -incrementada pola mediación de tan singular mensaxeira do voso desexo como é a avogada dona Belén Raposo- espertou en min a inmediata e moi gustosa aceptación do voso ofrecemento.
Falei de gratitude para con vós porque me brindades a oportunidade de senti-la vosa presencia coa efectividade real de sintonizar coas vosas inquedanzas, cos vosos proxectos e, sobre todo, coa vosa autenticidade na defensa dunha figura tan peculiar da realidade sociolóxica e do xenuíno Dereito da nosa Terra: os montes veciñais en man común. Reflexionar sobre esta institución, para min tan entrañable, constitúe, mesmo desde a miña perspectiva profesional (hoxe como maxistrado da Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) unha temática da meirande importancia que reviste en función dun sentido solidario colectivo e dunha conciencia comunitaria capaz de xerar nos núcleos rurais de Galicia un sentimento veciñal de cohesión, que se proxecta sobre uns bens capaces de incrementa-la riqueza do pobo pero tamén, e sobre todo, que se erguen como factor esencial para a consecución duns fins supra-individuais tinguidos fondamente de transcendencia social e de interese público, en virtude da súa incidencia ambiental e ecolóxica.
Cohonestar aqueles intereses económicos (que, evidente e licitamente, animan a actuación das comunidades veciñais) con aqueloutros de carácter social e ecolóxico, supón esta integración desexada, non antinómica senón compatible, como así se amosa exemplarmente pola vosa acertada xestión dos montes veciñais e pola profunda conciencia que imbúe os vosos desvelos, ben patentes na seriedade e rigor dos contidos deste Congreso, organizado polas Mancomunidades de Montes do Morrazo, Val Miñor e Vigo.
A vixente Lei de dereito civil de Galicia, de 24 de maio de 1995, no título III, Dos dereitos reais, regula, dentro das comunidades, os montes veciñais en man común, dedicándolle un só artigo -o 14- que di: Son montes veciñais en man común, e rexeranse pola súa lexislación específica, os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades productivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e veñan aproveitándose consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños con casa aberta e con fume.
Partindo deste recoñecemento expreso que dos montes veciñais en man común fai a recente Lei de dereito civil de Galicia, conclúese o propósito indiscutible do lexislador galego -do Parlamento de Galicia- de incorporar ó noso propio ordenamento xurídico a figura dos montes veciñais en man común. Certo que o citado art. 14 da Lei soamente nos dá o substancial concepto dos montes veciñais, mais a vontade lexisladora é nidia, absolutamente nidia: trátase -como veremos- dunha institución de dereito privado en réxime de copropiedade privada na peculiar forma de comunidade xermánica, coa particular regulación e segundo as notas esenciais que os caracterizan, de acordo coa remisión que o tal artigo 14 fai á lexislación específica. Atopámonos ante unha das institucións que conforman a nosa peculiaridade xurídica e que constitúe unha das figuras máis importantes do Dereito galego.
Procurarei que a miña exposición sexa sucinta e sinxela, tanto no que atinxe á expresión terminolóxica como ó contido da problemática que no ámbito deste Congreso nos interesa; así o esixe este acto de clausura, tendo en conta os esforzo da vosa asistencia e da vosa activa participación nas sesións congresuais celebradas nestes dous días; de aí que me cinga a un percorrido polos aspectos máis salientables que, desde unha perspectiva pragmática, amosen, desde a miña óptica de xurista -de xuíz-, a problemática dos montes veciñais; fundamentalmente referida á aplicación práctica da Lei e ás decisións adoptadas polos xuíces e tribunais de Galicia, sempre sobre a base de que -como di a sentencia do 20 de outubro de 1992, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-, sen prexuízo dalgúns aspectos administrativos, constitúen os montes veciñais en man común unha institución propia do Dereito civil de Galicia. Do que se deduce que os litixios que sobre os mesmos poidan xurdir na xurisdicción ordinaria teñen acceso ó recurso de casación perante a Sala do Civil e Penal do citado Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e non ante o Tribunal Supremo.
É por isto polo que, como simples notas previas de clarificación á problemática dos monte veciñais, aludamos á súa natureza xurídica, á súa importancia e transcendencia cuantitativa e cualitativa, á súa conformación histórica e á cronoloxía da súa evolución lexislativa; para de seguido adentrármonos en aspectos de maior relevo na lexislación vixente: isto é, a Lei de montes veciñais en man común de Galicia de outubro de 1989 e o seu Regulamento de setembro de 1992. Por suposto que os xuízos de valor que ante vós faga son a título persoal, dos que de certo outros xuristas discreparán tal vez. En todo caso, son opinións persoais firmes, coas que procuro ser coherente. O que si podo asegurar é a sensibilización especialísima que a Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten en todo canto se refira ós montes veciñais en man común, así como a súa fonda preocupación en canto á súa defensa: defensa da súa integridade, da súa titularidade e dos dereitos dos comuneiros; sendo conscientes do abandono non só lexislativo senón mesmo institucional co que historicamente tiveron que enfrontarse os montes veciñais e, máis en concreto, os veciños que son os seus lexítimos titulares. Por unha vez parece que fora a Xustiza, en termos xerais, a institución máis receptiva e con meirande sensibilidade na defensa dos montes veciñais, malia ós efectos limitados que ata ben pouco eran posibles pola carencia dunha adecuada lexislación.
Para unha mellor comprensión do que é na actualidade a figura xurídica dos montes veciñais, é necesario subliñar que non todos tiveron a mesma orixe. Podemos distinguir tres categorías básicas:
1- Aqueles montes que desde tempo absolutamente inmemorial veñen sendo posuídos neste réxime específico de comunidade polos veciños de determinadas parroquias ou lugares. En Galicia a meirande parte dos montes eran dos pobos e nesa situación persistiron por séculos; sen embargo, sobre eles comezou a cobiza dos concellos, chegando en moitos casos non só a apoderarse do seu aproveitamento, senón mesmo a usurpalos.
2- Montes froito das leis desamortizadoras do ano 1836 e, sobre todo, do ano 1855; unha grande parte dos mesmos reviste a natureza de montes veciñais.
3- Os montes de procedencia foral, que viñan sendo posuídos comunitariamente e a título de donos polos veciños das parroquias, aldeas ou lugares.
Como xa quedou dito, non foi tranquila nin resultou pacífica a vida xurídica dos montes veciñais. O Estado e os concellos, con avidez crematística sen límites, comezaron a interferir no dereito de propiedade que sobre eles viñan posuíndo os veciños. Emporiso, as raizames profundas dunha conciencia colectiva veciñal sobre os seus dereitos foron quen de resisti-los ataques a este tipo de copropiedade; ataques aínda incrementados pola avaricia dalgún comuneiro que, nun clima de anarquía legal e institucional, participaron na rapina e na usurpación. A situación tornou se cabe máis dramática a partir do ano 1941: creado o Patrimonio Forestal do Estado, descubriu este unha fonte de ingresos da que tamén se beneficiaban os concellos. As repoboacións foron masivas, de piñeiros e de eucaliptos, coa conseguinte deforestación da masa arbórea autóctona. O medio legal empregado foi o que lles resultou máis doado: a figura dos consorcios. Mais este foi o punto de inflexión que desencadeou a aberta contraposición: dunha banda o Estado e os concellos, movidos indisimuladamente pola ambición económica; da outra os veciños, os únicos lexítimos titulares, que foron absolutamente marxinados nas relacións consorciais e substituídos, co carácter de único interlocutor, polos concellos, os cales, carecendo dunha mínima conciencia ética de defensa dos veciños, só aspiraban a un doado saneamento das depauperadas arcas municipais.
En intre tan dramático da propia pervivencia dos montes veciñais xurdiu, como único garante ante tanta tropelía, a Xustiza galega que, venturosamente influída por algúns relevantes xuíces e maxistrados (que tiñan e viviran profesionalmente unha conciencia nidia, non mesturada con espurios intereses, da realidade sociolóxica xenuína e multisecular da natureza da institución), consolidou na meirande parte dos litixios a exclusiva titularidade veciñal, non soamente en canto ó dominio dos montes veciñais, senón tamén ó seu aproveitamento. Este foi un momento transcendente: a reflexiva e firme conciencia da titularidade dos montes polos veciños e unha espontánea pero solidaria defensa dos seus lexítimos intereses.
Conste que as últimas palabras non queren ser unha loanza da Administración de Xustiza, senón a constatación dun feito que non pode ser esquecido. Bastantes defectos e atrancos ten a Xustiza noutros eidos, que impiden a vangloria -desde a valoración social- do seu cometido.
A LEXISLACIÓN SOBRE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
A orfandade lexislativa foi absoluta ata mediados deste século, concretamente ata a Lei de Montes de xuño de 1957. Só como precedente -e certamente non positivo- pódese cita-la Real Orde do 22 de maio de 1848, que sinalaba no seu art. 1 que la legislación administrativa vigente no reconoce la diferencia que se pretende establecer entre montes del común de los pueblos y los del común de los vecinos.
A Lei de Montes de xuño de 1957 recolleu, por primeira vez a nivel normativo, a existencia dos montes veciñais en man común en Galicia, se ben vencellándoos ós concellos e limitándose ó seu recoñecemento, sen regula-la súa natureza nin o seu contido. Así o seu art. 4 di: La presente ley reconoce y regulará la existencia en las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra de montes pertenecientes en mano común a los vecinos de las consuetudinarias demarcaciones parroquiales, que serán vinculados a los Ayuntamientos respectivos, quienes regularán el disfrute de sus aprovechamientos de manera que, sin perjuicio de los intereses materiales de cada municipio, reciban una justa parte los vecinos con derecho al mismo. A incoherencia da Lei é ben patente: dun lado, recoñece a titularidade dominical ós veciños; non obstante, vencella o seu aproveitamento ós concellos en forma case omnimoda e carente de control.
Houbo que esperar deica a Lei do 2 de decembro de 1963, sobre a Compilación del derecho civil de Galicia. Cómpre salientar que esta Compilación, hoxe derrogada, ten no seu haber aspectos xurídicos importantes: En primeiro lugar a consagración a nivel lexislativo, aínda nunha moi parca e parcial regulación, dos perfís esenciais que configuran a institución dos montes veciñais. Por outro lado o recoñecemento expreso, por primeira vez no Estado Español, de certas notas esenciais que os definen con efectos de enorme transcendencia xurídica: o art. 89.2 establecía que son indivisibles, inalienables, indivisibles e inembargables. Como aspecto negativo, merecente de grave reproche, cómpre salientar que continuaba mantendo o seu vencellamento e control polos concellos.
Os artigos 88 e 89 da Compilación de Galicia de 1963 foron expresamente derrogados pola Lei de montes veciñais en man común, de xullo de 1968. Nin esta Lei nin o seu Regulamento de 1970 supoñen unha importante alteración da precedente lei de 1957: o vencellamento ós concellos -coa conseguinte administrativización- continúan a estar presentes. Desde unha estricta perspectiva xurídica, a Lei de 1968 significa unha interferencia inadmisible no Dereito civil de Galicia expresamente recoñecido na Compilación daquela vixente; a derrogación que a Lei fai dos artigos da Compilación constitúe unha grave alteración no ámbito lexislativo que a propia Dictadura tiña establecido.
Cunha maior sensibilidade ante a realidade galega, publícase a Lei de montes veciñais en man común de 11 de novembro de 1980, que supón o precedente inmediato da lexislación galega. Consagra definitivamente a titularidade privada dos montes veciñais (art. 1) e desvencéllaos dos concellos; asemade, consagra que a administración, disfrute e disposición dos montes veciñais corresponde exclusivamente á comunidade propietaria (art. 5), quedando reducida a intervención administrativa local á posta en coñecemento do Ministerio Fiscal de calquera acto que atente ou poña en perigo a conservación ou integridade do monte, para os efectos de que o Ministerio Fiscal exercite as accións civís e penais que sexan axeitadas para restablece-la situación xurídica correcta. Por certo, tales previsións legais de defensa dos montes veciñais por parte do ministerio fiscal poucas veces, por non dicir nunca, foron exercidas, amosándose deste xeito unha insensibilidade dos fiscais que agardamos sexa superada.
Con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia (Lei orgánica de abril de 1981, art. 27.11), dictouse polo Parlamento de Galicia a Lei de montes veciñais de man común de 10 de outubro de 1989, que constitúe a regulación específica, en clave xenuinamente galega, dos montes veciñais. Segundo se expón no seu preámbulo, como ideas substanciais que o propio lexislador expresa, podemos salientar: a) o recoñecemento categórico da natureza privada dos montes en favor das comunidades veciñais, ás que lle recoñece a plena titularidade e os aproveitamentos; b) a liberación do vencellamento ós concellos, que a desnaturalizan. É este un aspecto de especial transcendencia, ó consagra-la súa plena dependencia con respecto a aqueles. O cancro da administrativización parece pois desterrado. E se engadimos a palabra "parece" é porque o Regulamento da Lei (de 4 de setembro de 1992), excedéndose do seu ámbito estrictamente regulamentario, introduce certas precisións ou matizacións ó texto da Lei que, baixo unha faciana de asepsia normativa, vén a introducir elementos distorsionantes do espírito da Lei, sobre todo en materia tuitiva por parte da Administración autonómica.
Non se trata agora de facer un estudio exhaustivo da Lei; tampouco isto sería posible, dado o carácter desta miña intervención. Tan só salientarei algúns aspectos que me parecen de especial aplicación desde o interese que pode representar para as comunidades veciñais:
I- A natureza da propiedade. O art. 1 desta Lei de 1989 é substancialmente coincidente co art. 14, xa exposto, da vixente Lei de Dereito civil de Galicia de maio de 1995 coa única diferencia de que esta engade ó final do precepto a expresión ...veciños con casa aberta e con fume. Partindo deste concepto e do disposto no art. 2 da Lei de 1989 que atribúe como notas esenciais ós montes veciñais o carácter de bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, podemos configura-la súa natureza xurídica: a diferencia da copropiedade ou comunidade de tipo romano, os montes veciñais en man común revisten a natureza dun ben privado baixo a modalidade de comunidade xermánica. Isto é, que a titularidade e mailo aproveitamento correspóndenlle, sen asignación de cotas, ó conxunto dos veciños. Trátase pois, dunha titularidade cambiante, dinámica, en función da condición de veciño no que concorran os requisitos que a lei establece. Estase a dicir que a composición da comunidade veciñal propietaria do monte e, xa que logo, os veciños con dereito a participar no seu aproveitamento e rendementos económicos, é variable, de xeito que a perda da condición de veciño supón tamén a separación da comunidade, mentres que o dereito ó aproveitamento xorde mediante a adquisición da dita condición.
II- A propiedade xurídica inherente ós montes veciñais en man común. Da propia natureza da comunidade xermánica que teñen os montes veciñais despréndese como consecuencia, ó tempo que como esixencia esencial, a súa nota de inalienabilidade, da que derivan as de indivisibilidade, imprescriptibilidade e inembargabilidade.
A inalienabilidade do monte supón que non pode ser alleado, isto é, impide a transmisión da súa titularidade; aínda máis, non pode ser gravado, nin voluntariamente nin como consecuencia dun procedemento de execución forzosa, limitándose a posibilidade de gravame ós aproveitamentos, nos termos e de acordo co disposto no art.21.3 da lei: Os aproveitamentos dos montes veciñais en man común poderán ser obxecto de gravame, e neste caso a execución soamente se poderá dirixir contra os aproveitamentos ou as rendas que se puidesen derivar da súa cesión feita de conformidade co disposto na presente lei.
Sen embargo, a lei relativiza a inalienabilidade dos montes con algunhas excepcións, nos termos e cos requisitos que a propia lei establece:
1- Permuta.
2- Cesión.
3- Arrendamento.
4- Dereito de superficie, nos termos regulados no art. 7. Cómpre salientar neste punto que, aínda que a lei nada especifica sobre quen debe adopta-lo acordo nin os requisitos do mesmo, entendemos que é de aplicación o art. 18.1 na forma anteriormente exposta: que o dereito de superficie sobre o monte veciñal soamente pode constituirse a título oneroso, coincidindo coa Lei estatal de 1980.
5- En canto á expropiación forzosa e ás servidumes, aparecen reguladas no art. 6 da lei coa salvidade de que tan só serán posible por causa de utilidade pública ou interese social prevalentes ós dos propios montes veciñais.
6- Finalmente o Regulamento -que non a Lei- refírese a concentración parcelaria (ar. 11), que deberá respecta-la superficie total inicial e a capacidade productiva do monte. Tamén contempla o Regulamento a figura da ocupación, exercicio dunha facultade como algo meramente tolerado e de carácter esencialmente transitorio e que require imprescindiblemente o consentimento da comunidade veciñal.
A imprescriptibilidade dos montes en man común é unha consecuencia da súa natureza de bens non transmisibles, así como unha garantía da súa integridade. O art. 2 declara ós montes en man común como imprescriptibles, nunha clara medidade protección dos mesmos. Esta imprescriptibilidade é predicable non soamente respecto dos titulares -comuneiros-, senón tamén fronte a terceiros, afirmación categórica que facemos extensiva aínda ó suposto de desaparición da comunidade veciñal, pois neste caso o monte veciñal en man común conserva o seu carácter de imprescriptible, sendo xestionado, ben pola parroquia, ben pola Consellería de Agricultura.
III- A clasificación dos montes veciñais. Sobre este aspecto, soamente aludiremos á esencia do acto de clasificación e ó seu efecto de atribución da propiedade á comunidade veciñal que corresponda:
a- A propia lei limita os efectos desta atribución de propiedade feita polo xurado en tanto -di a Lei- mentres -di o Regulamento- non exista sentencia firme en contra, dictada pols xurisdicción ordinaria.
b- A resolución do xurado ou, se é o caso, a sentencia contencioso-administrativa, terán o valor de simple presunción de titularidade.
c- Denegada polo xurado ou pola xurisdicción contencioso-administrativa a clasificación do monte como veciñal en man común, non se esgota a defensa xudicial, ó non constituíren resolucións con efecto de cousa xulgada; calquera comuneiro poderá promove-la cuestión da propiedade e do carácter do monte perante a xurisdicción ordinaria. Así, de maneira categórica, se pronunciou a Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentencia, entre outras, de febreiro de 1996.
IV- O goberno das comunidades de montes. Ímonos referir agora a tres cuestións de importancia na práctica organizativa das comunidades:
1- A Asemblea Xeral. É o órgano da expresión da vontade da Comunidade veciñal, integrada por tódolos comuneiros (art. 14.1 da Lei). Deben os membros de cada casa aberta designa-la persoa que os representará na asemblea. E farao, no seu defecto, quen asuma de feito a dirección da explotación familiar (art. 39 do Regulamento). A asistencia á asemblea é persoal, se ben o art. 14.5 da Lei admite a representación, que haberá de ser expresa para cada xuntanza; representación que soamente poderá recaer noutro comuneiro, non dun estraño, e sen que ninguén poida asumir máis dunha delegación. Restriccións todas elas encamiñadas a evita-la concentración de votos e o control de feito da Asemblea.
Ha de lembrarse, como di a sentencia de xuño de 1995 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que, sendo certo ás comunidades de veciños dun monte en man común non se lles pode esixir un escrupuloso formalismo no seu actuar (tendo en conta a sinxela índole da súa estructura), si deben cumprir cuns mínimos formalismos, por así esixilo a propia lei e o contido mínimo dos estatutos. Entre estas obrigas están a de levar un libro de actas que reflicta os acordos da Asemblea e un Libro de Rexistro de Comuneiros con actualización anual.
2- A Xunta Rectora. É o órgano de goberno, xestión e representación da comunidade. Está composta por un presidente e os vocais que sinalen os estatutos, sen que poidan ser menos que dous, un dos cales será o tesoureiro. O presidente detenta a representación legal da comunidade (art. 15 da Lei) e esta representación abrangue a lexitimación activa e -como recolle a sentencia de decembro de 1992 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- mesmo lle confire plena lexitimación pasiva en calquera demanda presentada contra a comunidade veciñal, sen que concorra litisconsorcio pasivo necesario dos comuneiros.
3- A actuación individual dos comuneiros. Foi sempre característico das formas de comunidade que, con independencia da actuación dos órganos de xestión, se permita ó comuneiro individualmente a realización de tódalas actuacións necesarias en defensa dos intereses comúns, fundamentalmente ante a pasividade dos órganos colectivos. A Lei así o recoñece no seu art. 17: Calquera comuneiro poderá defende-los intereses da comunidade, tendo que serlle reintegrados os gastos que lle ocasione tal defensa sempre que prosperen as súas pretensións ou sexa aprobado pola Asemblea Xeral. A Sala do Civil do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia foi aínda máis lonxe (sentencia de maio de 1995), ó considerar que a lexitimación activa do comuneiro vénlle determinada polo seu fundamento no dereito material exercitado, isto é, actuación en proveito común, bastando que concorra este para que detente plena lexitimación, mesmo -como se trataba no caso resolto- cando se interpón a acción xudicial contra a propia negativa a facelo por parte da comunidade veciñal.
V- Os aproveitamentos. Sobre este aspecto, ben sabedes a obriga de reserva-lo mínimo que a Lei fixa -ou, se é o caso, a cantidade estatutariamente establecida- de tódolos aproveitamentos obtidos. Esta cantidade investirase necesariamente en melloras, protección, accesos e servicios derivados do uso social ó que o monte puidese estar destinado (art. 23 da Lei).
VI- A relación das comunidades veciñais coa Administración autonómica. É evidente que nos montes veciñais concorre unha dobre faceta de singular importancia: por unha banda a dimensión cuantitativa, pois a superficie inventariada e recoñecida polos xurados provinciais -malia a que quedan moitos por clasificar- ascende a 600.000 ha, o que equivale á terceira parte da superficie forestal galega e á quinta parte de todo o espacio xeográfico de Galicia. Respresentan pois un potencial de extraordinaria magnitude en posibilidades de explotación e riqueza. Pero ademais atopamos unha dimensión cualitativa de especial significación económica, social e medioambiental.
Se sostemos (e eu propúgnoo dun xeito contundente) a privacidade, isto é, a titularidade dominical e dos aproveitamentos dos montes veciñais polos veciños, non podemos esquecer que estes montes constitúen así mesmo uns bens nos que está ínsita unha dimensión consubstancial de interese público. Isto implica que o carácter de propiedade privada dos montes veciñais tense que harmonizar e cohonestar coas finalidades públicas e os intereses sociais, dependentes dunha boa e axeitada xestión por parte dos seus lexítimos titulares, as comunidades de veciños. Xustifícase así como necesaria unha intervención dos poderes públicos e en concreto da Administración e esta intervención será a mínima necesaria como punto referencial de garantía para o cumprimento daqueles fins públicos, que se concreta nunha actuación administrativa meramente cautelar a fin de impedir agresións á titularidade dominical dos veciños, pero tamén evitar unha explotación abusiva ou un abandono co deterioro da propiedade. Isto esixe que as comunidades de veciños tomen conciencia responsable dos seus dereitos, pero tamén dos seus deberes, conciliando os seus propios intereses e os públicos, que non teñen por qué ser contrapostos. Esta sensibilización das comunidades veciñais debe asentarse sobre dous principios: o de solidariedade, que emana da propia estructura xurídica e sociolóxica da comunidade xermánica dos montes veciñais, e o do funcionamento democrático, que ha ser asumido tanto na actuación dos órganos rectores das comunidades como no comportamento de todos e cada un dos comuneiros, evitando actitudes de individualismo insolidario e dun propósito simplemente crematístico, impedindo ou entorpecendo accións de claro contido social en prol do grupo ó que pertencen. Temos que pensar que a titularidade que detentamos sobre a titularidade sobre os montes veciñais é unha titularidade con vocación de permanencia en favor dos que no futuro constitúan ese corpo vivo que é a veciñanza. Non se trata de espremer uns dereitos que están limitados no seu contido e na súa pervivencia, non se trata de esgotar o que hoxe é voso pero coa obriga de conservalo para as xeracións futuras.
Deste xeito propugnamos:
* A racional e solidaria explotación dos montes veciñais.
* A contribución de parte dos seus aproveitamentos a obras sociais: camiños, lugares de lecer e equipamentos de carácter colectivo.
* A preservación da natureza e do medio ambiente, rexeitando as especulacións simples das que outros son os que máis se benefician sen que para nada lles importen as cortas indiscriminadas, a deforestación das nosas especies arbóreas autóctonas, erradicadas por plantacións masivas de piñeiros e eucaliptos, cando todos teñen cabida nunha planificación racional da explotación forestal.
Así mesmo anunciamos:
* O perigo que pode presentarse nun futuro próximo: hoxe, que se van superando os ataques que proviñan do Estado ou dos concellos coa pretensión de usurpa-la titularidade privada dos nosos montes, albíscanse no horizonte certas nubes con espurias intencións de esnaquiza-la xenuína natureza comunitaria dos montes veciñais co xa vello e oscurantista propósito de reconducilos a un tipo de propiedade romana, con cotas; individualizando -din tales agoreiros- a propiedade colectiva. As intencións que teñen eu xa o vou sospeitando e vos tamén: converter a nosa terra en elemento dunha explotación aniquiladora: pan (mal pan) para hoxe, fame para mañá. Se ós vosos oídos chegan tales cantos de serea, rexeitádeos. Sería a morte irreversible dos montes veciñais.
Pola contra, as reivindicacións das comunidades veciñais están presentes e parten do recoñecemento da súa plena titularidade, na que de certo conflúen intereses sociais e públicos que fundamentan certas facultades limitativas e preventivas da Administración galega. Estas reivindicacións esixen demandar da Administración unha actitude real de colaboración mediante:
* Un trato específico no ámbito do Dereito tributario: exencións e bonificacións. Convén estar alerta sobre a pretendida imposición ás comunidades veciñais do imposto de sociedades.
* Unha política de subvencións, atendendo ós intereses públicos que a actuación cautelar da Administración ten que garantir e defender.
* Unha actuación conxunta e un decidido apoio en aspectos específicos e transcendentes na explotación dos montes veciñais como:
a) Medidas contra os incendios forestais, tanto en conxuntas operacións de extinción como sobre todo en actuacións preventivas.
b) Asesoramento técnico forestal para a racional explotación dos aproveitamentos madeirables: repoboación de arboredo nobre, conservacións de masas forestais autóctonas, politica racional e de respecto medio ambiental na explotacións de especies de crecemento rápido, aproveitamentos agrícolas, etc.
c) Colaboración eficaz no establecemento de canles de comercialización dos productos forestais.
d) Asesoramento en equipamentos rurais e urbanos (zonas de lecer, contrucción de camiños e estradas, abastecemento de augas) con establecemento de axudas e liñas de subvencións.
e) Planeamento de aproveitamentos secundarios como os dereitos de caza mediante a integración cun trato especial nunha política de conservación da fauna e no establecemento dunha específica modalidade no regulamento dos coutos cinexéticos preservando decote os dereitos dos comuneiros. Abonda con lembrar a gran extensión dos montes veciñais en comparanza co minifundio dos montes de particulares para reclamar novos derroteiros na política cinexética e de coutos de caza.
f) Medidas de favorecemento de réximes de sentido asociativo das comunidades veciñais, con previsión de integración en modalidades cooperativas forestais, atendendo sobre todo ós servicios comúns e á comercialización dos productos.
g) Recoñecemento expreso, coa correspondente articulación institucionalizada, de organismos que, actuando conxuntamente, representen os intereses dos titulares lexítimos dos montes veciñais -as comunidades- e a Administración autonómica en canto garante dos fins públicos que tales montes encarnan.
h) Unha clara asunción de responsabilidades que a propia Lei establece e esixe das institucións públicas: Administración, Ministerio Fiscal e mesmo os Tribunais de Xustiza, coa finalidade de preservar e defende-la integridade dos montes veciñais, así como a súa conservación, impedindo e sancionando, nas vías que procedan, os actos atentatorios e, ás veces, de verdadeira usurpación e rapina dos montes veciñais.
i) Control do pastoreo, pois de ser abusivo é susceptible de xeral danos á riqueza forestal.
l) Realización con rigor técnico das actuacións de deslinde dos montes veciñais, obriga da Administración en virtude da propia resolución clasificatoria do xurado.
m) Establecemento, tipificación e aplicación efectiva de sancións de todos aqueles actos que atenten contra a integridade dos montes.
n) Artellamento de medidas de acción política referidas ós montes que sufriron a devastación por incendio. Estas medidas deben abranguer o control da comercialización da madeira queimada, a reforestación e defensa do solo e mesmo limitacións tendentes a impedir a especulación e axiotaxe urbanísticos, tantas veces causa agachada e maliciosa dos incendios.
Todas estas obrigas da Administración non son favores que se lle imploran nin dádivas graciosas que ela outorga; son deberes que pesan sobre a Administración porque así o establece a Lei e que lle veñen impostos por mor dos fins de interese social e público que cumpren os montes veciñais. Es esta é a razón precisamente de que estean suxeitos a especiais limitacións que non inciden con respecto á propiedade particular na súa concepción estrictamente individualista. Se a Administración non cumpre estes deberes, non soamente incorrerá nunha moi grave actitude omisiva na defensa dos montes veciñais, senón que haberá de asumir tamén unha non menos grave responsabilidade histórica de abrir cancelas a intereses espurios, a conductas de egoísta e insolidaria especulación por parte de persoas, grupos de poder ou empresas que se asocian baixo o denominador común do enriquecemento a conta do pobo, dos intereses de Galicia e das súas xentes.
Remato xa, porque estou a esgota-la vosa paciencia. Eu espero -e así o propugno en tódalas facetas da miña vida: persoal e profesional como xuíz- que nun futuro próximo a normativa sobre montes veciñais se integre, en toda a súa extensión, nun Código de Dereito civil de Galicia, regulando con exhaustividade a materia dos montes veciñais por seren unha das figuras máis significativas pola súas funcións (económica, social e ecolóxica) e xenuínas pola peculiar configuración da súa natureza xurídica, do ordenamento civil da nosa Patria. O noso Dereito, xunto coa Lingua, outórganos, coa raizame da nosa Historia, a categoría de Nación, que non puido ser acernada pola imposición dun centralismo que nos negou o recoñecemento da nosa personalidade colectiva, que nos privou, a diferencia doutros territorios do Estado español, de institucións propias, mesmo da capacidade de elaboración das nosas propias leis que regulasen a especificidade das nosas xenuínas institucións e figuras xurídicas. Malia isto, o pobo conservou insubornablemente, como milagre histórico, aqueles usos e costumes contra os que se pretende, con teimuda uniformidade, establecer un raseiro aniquilador da nosa propia identidade, marxinándonos e aldraxándonos coa indiferencia, disimulada ás veces con graciosas dádivas ou inxuriantes esmolas do que xa era noso e por dereito nos pertence. Isto só ten un nome, por forte que pareza: a colonización da nosa Terra, da que intereses alleos ían zugando a súa escasa e esmorecente riqueza, derivada dunhas condicións de vida e dunhas estructuras socio-económicas que limitaron o noso desenvolvemento. Unha ollada á historia de Galicia desde o século XVI sí o confirma. Ante tanta inxustiza soamente se albiscaba como solución da nosa supervivencia eses regos de hemorraxia humana que eran os vieiros da emigración, enchidos de dor e sufrimento tan ben vivenciados e expresados por Rosalía, Curros, Daniel Castelao ou Celso Emilio.
Neste I Congreso Galego de Comunidades de Montes non esaxero nada ó dicir que a defensa dos montes veciñais contribúe esencialmente á defensa da nosa Terra. Que este Congreso sirva para espertar en todos nós unha firme conciencia na defensa desta forma de propiedade comunitaria de grande parte dos montes do noso país. Neste momento asumo ante vós o meu compromiso sen reservas de ser, como di o lema do Congreso, "unha voz -a miña voz unida ás vosas- na defensa do monte comunal". Se disto nos decatamos e con este compromisos somos coherentes, todos nos unimos cara a un horizonte dun amencer de esperanza no que sexamos donos do noso destino e sentíndonos solidariamente nós, nós mesmos fronte a todo e a todos, para que sexamos capaces de asumir, con convicción e orgullo, a responsabilidade persoal e colectiva da máis sublime tarefa: a de que, defendendo os nosos montes -que son terra da nosa Terra-, seremos quen de transformar en realidade esa idea-forza do noso sentimento que é Galicia. Moitas gracias. voltar ó índice
REFLEXIÓN FINAL
O I Congreso Galego de Comunidades de Montes, un fito histórico con obriga de continuidade
En avaliación da Comisión Organizadora, o Congreso cumpriu sobradamente os obxectivos marcados. E vistos os resultados do mesmo, o Congreso foi un éxito rotundo. A alta participación (dadas as dificultades existentes), a riqueza dos debates, as ponencias e as conclusións aprobadas e mesmo a brillante lección maxistral impartida na clausura polo maxistrado Daniel García Ramos son alicerces que conformaron a forza desta xuntanza.
Este Congreso constituiu un fito histórico porque, por vez primeira desde que existen, as comunidades de montes se reúnen nunha iniciativa propia e sen o paternalismo de ninguén. Unha xuntanza onde soamente teñen voz e voto as comunidades. A necesidade de asociarse quedou clara. Estaba no certo o autor da comunicación "Mártires de Sobredo, símbolo do asociacionismo veciñal agrario" cando solicitou que o Congreso recoñecera publicamente o significado histórico dos feitos de Sobredo na defensa da terra e recoñecera o monumento como símbolo das entidades veciñais (entre as que están as comunidades de montes) das que dalgún xeito podemos considerarnos herdeiros.
A xuntanza de Poio significou, contrariamente ó que quere dar a ver a Administración, unha movilización masiva de representantes de comunidades de montes, non para defender un problema específico dunha parcela concreta (movilización tamén lexítima, pero máis doada de realizar), senón para tratar, debater e esixir solucións á problemática xeral do monte, isto é, para defender intereses xerais, sociais e colectivos.
Pero o I Congreso Galego de Comunidades de Montes, tras debater a situación da propiedade veciñal, repara que, sen continuidade, o tratado pode ficar nunha declaración de intencións. Consciente de que a forza das comunidades de montes reside na súa unión, plantexa a creación dunha estructura permanente. A proposta da Mancomunidade do Val Miñor e comunidades de Candeán (Vigo) e Rebordechán (Crecente), o Congreso aprobou a creación dunha entidade asociativa que acollera ás comunidades de montes, unificara os seus esforzos e asegurara a celebración de futuros congresos, encargando á Comisión Organizadora da constitución da xunta xestora.
Recollendo o sentir das comunidades, a futura entidade deberá cumprir dúas condicións: ser independente de todo poder (político ou económico) e dar cabida no seu seo exclusivamente a comunidades de montes. Estas condicións, fundamentais para asegurar o futuro da asociación e definir claramente os seus obxectivos, non se dan nas asociacións forestais existentes hoxe: Asociación Forestal de Galicia, Afrifoga e Silvanus. Estas asociacións, cun campo de actuación a ter en conta no sector forestal, desenvolven gran parte do seu traballo fortemente subvencionadas polo poder político, do que son dependentes para manter os seus presupostos e, xa que logo, a súa liña de actuación fortemente influída pola Administración. Por outra parte, ó acoller nas súas organizacións a comunidades de montes con propietarios particulares e industrias madeireiras, os seus obxectivos están confusos ó defender intereses contrapostos.
A futura organización galega de comunidades de montes debe nacer, pois, en clave de autoorganización, cun funcionamento interno nidiamente democrático onde as comunidades teñan o poder de decidir. Deberá ter en conta a estructura, hoxe emerxente día a día, das mancomunidades que se están a contituír por concellos, comarcas ou bisbarras, de xeito que o debate dos problemas se produza nas propias comunidades. Artelladas as mancomunidades, os niveis superiores deben realizar sobre todo un labor de coordinación e unificación de criterios.
Pero ademais, esta futura organización debe ser unha escola de aprendizaxe, onde os comuneiros coñezan a fondo os problemas do monte, os seus grandes recursos e as liñas da súa defensa. Non podemos reducir a súa función a ser oficina de xestión administrativa (borradores de estatutos, solicitudes de subvención, certificados, instancias...) como o veñen realizando as asociacións existentes. Nós debemos reflexionar sobre o monte e adoptar posturas independentes na súa defensa. O contrario sería caer no clientelismo e na dependencia doutros intereses.
A actuación no futuro desta entidade por nacer debe incidir en dous campos: por un lado o labor reivindicativo (inexistente nas asociacións forestais citadas), imprescindible no convencemento de que as intencións da Administración sobre o monte non coinciden co que esperan as comunidades veciñais e de que unha acción coordenada e unida das comunidades pode influír na política que se realice no futuro sobre a propiedade comunal. Por outro lado unha acción concreta sobre os montes, defendéndoo de roubos legais e ilegais, definindo o seu futuro, ordenando os espacios, aproveitando os seus recursos. E aquí é onde o labor das mancomunidades se debe desenvolver totalmente. Por iso é importante que a constitución de mancomunidades obedeza sempre a un criterio de operatividade e eficacia. A función dunha mancomunidade debe ser a coordinación de esforzos das comunidades dunha zona , a realización de traballos comúns (asesoramento legal, loita contra o lume, explotación racional dun monte, uso de maquinaria, etc), a unidade de acción diante dos problemas... Por iso unha mancomunidade é boa se funciona, se cumpre os obxectivos para os que foi creada. É secundario o ámbito territorial da mesma (concello, comarca, etc) ou que algunhas comunidades non queiran mancomunarse.
Ademais as mancomunidades así estructuradas permiten axeitadamente a participación. Xa comentamos no Congreso que un dos problemas do monte era o desinterese de parte dos veciños polo monte, que se traducía en accións incontroladas no mesmo e na ausencia ás asembleas xerais. Xestionar o monte deixando as decisións en mans de catro técnicos e dous liberados (como fan algunhas organizacións a nivel forestal) non é o mellor xeito de concienciar ós indiferentes. A formación de mancomunidades operativas permite dotar de medios (legais, económicos, etc) para realizar traballos que cada comunidade non pode afrontar soa, co que estamos favorecendo a participación e evitando o sentemento que teñen algúns comuneiros de que a propiedade veciñal non pode ser obxecto dun traballo eficaz.
Autoorganización, independencia, defensa inequívoca do monte veciñal, escola de aprendizaxe e concienciación, participación, coordinación e apoio nas mancomunidades. Aquí temos as características da futura organización para cumprir os seus obxectivos. E entre eles está o de servir de interlocutor diante da Administración á hora de definir a política e a lexislación forestal, ademais doutros non menos importantes: organización de xornadas técnicas (lexislación, fiscalidade, ecoloxía...), intercambio de experiencias, edición dunha revista informativa, etc. Este é o mandado do I Congreso. As comunidades deben mancomunarse. A Comisión Organizadora debe designar a Xunta Xestora. Para que esta asociación de comunidades sexa axiña unha realidade. Se queremos defender con éxito o monte veciñal, non hai outro xeito. voltar ó índice
ESCOLMA LEXISLATIVA RELACIONADA CO MONTE VECIÑAL EN MAN COMÚN
* Decreto 569/1970, de 26 de febrero, pòr el que se aprueba el Reglamento de Montes Vecinales en Mano Común (B.O.E. nº 58, do 9 de marzo de 1970).
* Lei 4/95, do 24 de maio, do Dereito Civil de Galicia (D.O.G. nº107, do 6 de xuño de 1995).
* Lei 1/1997, do 24 de marzo, do Solo de Galicia (D.O.G. nº 59, do 26 de marzo de 1997).
* Ley 22/1988, de Costas (B.O.E. nº 181, do 28 de setembro de 1988).
* Ley 21/1973, de Minas (B.O.E. nº 170, do 24 de setembro de 1973).
* Lei 4/1994, de Estradas de Galicia (D.O.G. nº 210, do 31 de outubro de 1994).
* Ley 4/1989, de 27 de marzo, de Conservación de los Espacios Naturales y de la Flora y Fauna Silvestres (B.O.E. nº 74, de 28 de marzo de 1989).
* Ley 81/1968, de 6 de diciembre, sobre Incendios Forestales (B.O. E. nº 294, do 7 de decembro de 1968).
* Decreto del 23 de diciembre de 1972, por el que se aprueba el Reglamento de la Ley de Incendios Forestales.
* Lei 4/1997, do 25 de xuño, de Caza de Galicia (D.O.G. nº 133, do 11 de xullo de 1997). voltar ó índice
COMUNIDADES DE MONTES PARTICIPANTES
PROVINCIA DA CORUÑA
Concello Parroquia Comunidade de Montes
A Capela A Capela Forgoselo
Boiro Abanqueiro San Cristovo de Abanqueiro
Boiro Boiro Monte Peón
Carnota Lira Lira
Dodro Dodro Santa Cruz de Avelán
Irixoa Mántaras San Antón
Lousame Camboño Barbanza de Camboño
Lousame Lesende Béxeres, Quintáns e Horta
Lousame Lousame Ces
Lousame Vilacova Vilacova
Noia Roo Castelo de Nimo
Padrón Carcacía Monte Lapido
Porto do Son Xuño Xuño
Ribeira Carreira Carreira
Sobrado dos Monxes Codesoso San Miguel de Codesoso
Vimianzo Vimianzo Tendín-Trasouteiro
PROVINCIA DE LUGO
Concello Parroquia Comunidade de Montes
A Fonsagrada Allonca Allonquiña
Abadín Labrada Labrada
Baleira Pousada Rego da Pereira
Baralla Picato Santa Cruz de Picato
Bóveda Teilán Teilán
Castroverde Mirandela Mirandela
Cervo Cervo Medela e Rozada
Guitiriz Santo Estevo de Parga Santo Estevo de Parga
O Corgo Fonteita Chavín, Rubial e Soutolubián
Pantón Eiré Eiré
Ribas de Sil Ribas de Sil Pumares e San Román
Viveiro Galdo Galdo
Viveiro Santiago e Santa María Montemaior, San Roque e Penedo do Galo
PROVINCIA DE OURENSE
Concello Parroquia Comunidade de Montes
A Pobra de Trives Cova Cova
Castrelo de Miño Barral Santo Estevo de Barral
Castrelo de Miño Santa María de Castrelo de Miño Santa María de Castrelo de Miño
Cenlle Laias Barbantes-Estación
Cortegada Refoxos Refoxos
Laza Laza Laza, Cimadevila e Souteliño
Punxín Ourantes San Xoán de Ourantes
Riós Castrelo de Cima Castrelo de Cima
Rubiá Pardellán Vilar da Silva
PROVINCIA DE PONTEVEDRA
Concello Parroquia Comunidade de Montes
A Cañiza Couto Noceifas
A Cañiza Parada das Achas Santiago de Parada
A Guarda A Guarda A Guarda
Arbo Cabeiras Cabeiras
As Neves Cerdeira Cerdeira
Baiona A Ramallosa Santa Cristina da Ramallosa
Baiona Baíña Baíña
Baiona Baiona Santa María
Baiona Belesar Belesar
Barro Curro Santa María de Curro
Barro Perdecanai Perdecanai
Bueu Bueu Beluso
Bueu Cela Cela
Bueu Ermelo Ermelo
Cangas Coiro Coiro
Cangas Darbo Darbo
Cerdedo Pedre Pedre
Cotobade Carballedo Carballedo
Cotobade Loureiro Loureiro
Covelo Fofe San Miguel de Fofe
Covelo Santiago de Covelo Santiago de Covelo
Covelo Santiago de Covelo Pazos
Crecente Quintela Quintela
Crecente Rebordechán Rebordechán
Cuntis Cuntis Meira
Gondomar Borreiros San Martiño de Borreiros
Gondomar Chaín Chaín
Gondomar Mañufe Mañufe
Gondomar Peitieiros Peitieiros
Gondomar Vilaza Castelo de Vilaza
Gondomar Vincios Vincios
Marín Marín San Xulián
Marín Piñeiro San Tomé de Piñeiro
Meis Armenteira Chan da Fonte
Meis San Tomé de Nogueira San Tomé de Nogueira
Meis San Vicente de Nogueira San Vicente de Nogueira
Meis San Salvador de Meis San Salvador de Meis
Moaña Domaio Domaio
Moaña Meira Meira
Moaña San Martiño de Moaña San Martiño de Moaña
Mondariz Mondariz Mondariz
Nigrán Camos Camos
Nigrán Panxón Monteferro
O Grove San Vicente do Grove San Vicente do Grove
O Grove San Martiño do Grove San Martiño do Grove
O Porriño Atios Atios
O Porriño Torneiros Torneiros
O Rosal O Rosal Santa Mariña do Rosal
O Rosal San Xoán de Tabagón San Xoán de Tabagón
Pazos de Borbén A Ermida A Ermida
Pazos de Borbén Amoedo Amoedo
Pazos de Borbén Borbén Borbén
Pazos de Borbén Moscoso Moscoso
Pazos de Borbén Nespereira Nespereira
Pazos de Borbén Pazos Pazos
Pazos de Borbén Xunqueiras Xunqueiras
Poio Combarro Rega dos Agros
Poio Samieira Rega do Can
Ponteareas Arcos Arcos
Ponteareas San Lourenzo de Oliveira San Lourenzo de Oliveira
Ponte Caldelas A Insua Chaín
Ponte Caldelas A Insua A Insua
Ponte Caldelas A Insua A Roca
Ponte Caldelas Caritel Caritel
Ponte Caldelas Ponte Caldelas Cuñas
Ponte Caldelas Tourón A Reigosa
Ponte Caldelas Tourón Buchabade
Ponte Caldelas Tourón Santa María de Tourón
Pontevedra Bora Bora
Pontevedra Lérez Lérez
Pontevedra Mourente Mourente
Pontevedra Santa María de Xeve Santa María de Xeve
Pontevedra Santo André de Xeve Santo André de Xeve
Porriño Atios Atios
Redondela Chapela Chapela
Redondela O Viso O Viso
Redondela Reboreda Reboreda
Salceda de Caselas Santo Estevo de Budiño Santo Estevo de Budiño
Salvaterra de Miño Pesqueiras Pesqueiras
Tui Caldelas Caldelas
Tui Guillarei A Gándara
Tui Guillarei Guillarei
Tui Randufe Randufe
Valga Valga San Miguel de Valga
Vigo Beade Beade
Vigo Bembrive Bembrive
Vigo Candeán Candeán
Vigo Castrelos Castrelos
Vigo Comesaña S. Andrés de Comesaña
Vigo Coruxo Coruxo
Vigo Oia San Miguel de Oia
Vigo Saiáns Saiáns
Vigo Valadares Valadares
Vigo Zamáns Zamáns
Vilaboa San Adrián de Cobres San Adrián de Cobres
Vilanova de Arousa Tremoedo Tremoedo voltar ó índice