III CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES
CALDAS DE REIS, 13 E 14 DE MAIO DO 2.006
1- O monte veciñal ocupa unhas 645.000 has.,
case a cuarta parte do territorio galego. Pero para a maioría da sociedade é
invisible. Na vida diaria de Galicia, o monte veciñal úsase e aprovéitase, pero
non se ten en conta.
2- O monte veciñal galego inviste cada ano
centos de millóns de euros en obra social, construíndo e mantendo unha extensa
rede de instalacións culturais, deportivas e asistenciais. Acolle e conserva
miles de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico. Pero
tributa diante do Ministerio de Hacienda polo réxime empresarial do Imposto
sobre Sociedades.
3- O monte veciñal galego aporta unha boa parte
dos territorios da Rede Natura 2000, dos espacios protexidos e dos
conformadores da paisaxe. É o depositario da maior diversidade biolóxica de
Galicia e contribúe con miles de mananciais ao abastecemento de cidades, vilas
e parroquias. Constitúe o pulmón de todas as cidades galegas e absorbe cada ano
millóns de toneladas de CO2, contribuíndo de xeito moi importante ao
cumprimento do Protocolo de Kioto. Pero non recibe ningunha retribución por
estes servizos.
4- O monte veciñal é un monte aberto, para o
uso e disfrute de toda a sociedade. Está cruzado por miles de quilómetros de
roteiros culturais, itinerarios deportivos e rotas turísticas que ofrecen
paisaxe e etnografía. Pero a maioría dos seus usuarios non saben da importancia
e características do monte veciñal.
5- Existe un gran descoñecemento do valor e da
función vertebradora do monte veciñal en toda a sociedade galega, especialmente
nos medios de comunicación social, na política, na educación e na economía.
Debemos traballar todos para superar esta situación, para que mesmo as persoas
non comuneiras coñezan o beneficio que lles reporta.
6- Os medios de comunicación transmiten, as
máis das veces, unha imaxe negativa do monte veciñal. Debemos reclamar que a
prensa corrixa esta visión sesgada e recolla máis frecuentemente os grandes
servizos que o noso monte realiza a toda a sociedade.
7- A nivel político non se ten en conta ao
monte veciñal nos seus programas electorais ou fano de xeito marxinal. Hora é
de que a clase política recoñeza e potencie as funcións do monte e lexisle en
defensa e respecto do noso monte veciñal como propiedade social e inalienable.
8- As administracións públicas (central, galega
e local) deben respectar o poder de decisión dos veciños sobre as súas
propiedades comunais e abandonar a súa concepción simplista e miope de
considerar ao monte veciñal unicamente como reserva de terreos baratos.
9- Hoxe en día estase a producir constantemente
a eliminación de monte veciñal polas administracións públicas a través das
usurpacións e o abuso dos expedientes de expropiación. O uso de terreos
veciñais para equipamentos sociais ou industriais debe realizarse a través de
acordos sobre cesións de uso coas comunidades de montes e respectando sempre a
titularidade veciñal.
10- O monte veciñal debe
manter, en todas as normativas que lle afecten, o seu carácter de propiedade
xermánica coas súas características (imprescritible, inalienable, indivisible e
inembargable) e rexida pola comunidade de montes. A soberanía debe seguir
recaendo sobre a asemblea de comuneiros. A condición de comuneiro debe seguir
ligada irrenunciablemente á veciñanza e determinada en todo caso á
participación nas asembleas.
11- As comunidades de montes debemos esforzarnos
en divulgar o noso labor entre os comuneiros e en toda a sociedade. Debemos
utilizar o intercambio de experiencias con outras comunidades, a edición de
folletos e revistas e o uso das novas tecnoloxías.
12- As comunidades de montes debemos reclamar
dos medios de comunicación social unha maior atención ás nosas actividades e fomentar
o coñecemento do monte veciñal colaborando coas entidades parroquiais e os
centros educativos. A Xunta de Galicia debe incorporar o monte veciñal aos
contidos curriculares do ensino primario e secundario, salientando as súas
características e beneficios sociais.
13- As comunidades de montes debemos mellorar a
xestión do monte veciñal. Temos que esforzarnos por implicar aos comuneiros e
aumentar a participación de mulleres e mozos. Sempre que sexa posible debe
utilizarse a xestión propia, co asesoramento de técnicos e a contratación de
empresas. Na xestión de montes en convenio coa Xunta de Galicia deben facer
valer os seus dereitos de propietarios. A asociación en mancomunidades pode
mellorar a xestión do monte veciñal.
14- Nos casos de grave abandono do monte veciñal
por incapacidade de xestión dos veciños ou desaparición da poboación, a Xunta
de Galicia debe facerse cargo da xestión, coa axuda das comunidades próximas e
os concellos. Esta situación debe ser sempre temporal e mentres a comunidade veciñal
non poida asumir a xestión.
15- A xestión do monte veciñal, ben propia ou
conveniada, debe ir encamiñada ao desenvolvemento da economía rural e á
creación de emprego local.
16- Reiteramos unha vez máis o noso convencemento
de que o monte veciñal debe ser multifuncional, tendo como prioridade en cada
caso o mellor servizo aos veciños e baixo os criterios de sustentabilidade.
17- Na actual revisión do Estatuto de Autonomía
de Galicia, reclamamos que o novo texto recoñeza a propiedade veciñal diferenciada
da pública e da privada, coas súas características propias derivadas do seu
carácter xermánico. Esiximos que Galicia teña competencias plenas e exclusivas
sobre o seu monte veciñal, incluído o réxime fiscal.
18- Creación dentro do organigrama da Consellería
de Medio Rural dun departamento específico que coordine a revitalización e
desenvolvemento do monte veciñal. Creación da figura do “Axente de
desenvolvemento do Monte Veciñal”.