CONCLUSIÓNS

III CONGRESO (14-05-2.006)

1-  O monte veciñal ocupa unhas 645.000 has., case a cuarta parte do territorio galego. Pero para a maioría da sociedade é invisible. Na vida diaria de Galicia, o monte veciñal úsase e aprovéitase, pero non se ten en conta.

2-  O monte veciñal galego inviste cada ano centos de millóns de euros en obra social, construíndo e mantendo unha extensa rede de instalacións culturais, deportivas e asistenciais. Acolle e conserva miles de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e etnográfico. Pero tributa diante do Ministerio de Hacienda polo réxime empresarial do Imposto sobre Sociedades.

3-  O monte veciñal galego aporta unha boa parte dos territorios da Rede Natura 2000, dos espacios protexidos e dos conformadores da paisaxe. É o depositario da maior diversidade biolóxica de Galicia e contribúe con miles de mananciais ao abastecemento de cidades, vilas e parroquias. Constitúe o pulmón de todas as cidades galegas e absorbe cada ano millóns de toneladas de CO2, contribuíndo de xeito moi importante ao cumprimento do Protocolo de Kioto. Pero non recibe ningunha retribución por estes servizos.

4-   O monte veciñal é un monte aberto, para o uso e disfrute de toda a sociedade. Está cruzado por miles de quilómetros de roteiros culturais, itinerarios deportivos e rotas turísticas que ofrecen paisaxe e etnografía. Pero a maioría dos seus usuarios non saben da importancia e características do monte veciñal.

5-   Existe un gran descoñecemento do valor e da función vertebradora do monte veciñal en toda a sociedade galega, especialmente nos medios de comunicación social, na política, na educación e na economía. Debemos traballar todos para superar esta situación, para que mesmo as persoas non comuneiras coñezan o beneficio que lles reporta.

6-   Os medios de comunicación transmiten, as máis das veces, unha imaxe negativa do monte veciñal. Debemos reclamar que a prensa corrixa esta visión sesgada e recolla máis frecuentemente os grandes servizos que o noso monte realiza a toda a sociedade.

7-   A nivel político non se ten en conta ao monte veciñal nos seus programas electorais ou fano de xeito marxinal. Hora é de que a clase política recoñeza e potencie as funcións do monte e lexisle en defensa e respecto do noso monte veciñal como propiedade social e inalienable.

8-   As administracións públicas (central, galega e local) deben respectar o poder de decisión dos veciños sobre as súas propiedades comunais e abandonar a súa concepción simplista e miope de considerar ao monte veciñal unicamente como reserva de terreos baratos.

9-   Hoxe en día estase a producir constantemente a eliminación de monte veciñal polas administracións públicas a través das usurpacións e o abuso dos expedientes de expropiación. O uso de terreos veciñais para equipamentos sociais ou industriais debe realizarse a través de acordos sobre cesións de uso coas comunidades de montes e respectando sempre a titularidade veciñal.

10- O monte veciñal debe manter, en todas as normativas que lle afecten, o seu carácter de propiedade xermánica coas súas características (imprescritible, inalienable, indivisible e inembargable) e rexida pola comunidade de montes. A soberanía debe seguir recaendo sobre a asemblea de comuneiros. A condición de comuneiro debe seguir ligada irrenunciablemente á veciñanza e determinada en todo caso á participación nas asembleas.

11-   As comunidades de montes debemos esforzarnos en divulgar o noso labor entre os comuneiros e en toda a sociedade. Debemos utilizar o intercambio de experiencias con outras comunidades, a edición de folletos e revistas e o uso das novas tecnoloxías.

12-   As comunidades de montes debemos reclamar dos medios de comunicación social unha maior atención ás nosas actividades e fomentar o coñecemento do monte veciñal colaborando coas entidades parroquiais e os centros educativos. A Xunta de Galicia debe incorporar o monte veciñal aos contidos curriculares do ensino primario e secundario, salientando as súas características e beneficios sociais.

13-  As comunidades de montes debemos mellorar a xestión do monte veciñal. Temos que esforzarnos por implicar aos comuneiros e aumentar a participación de mulleres e mozos. Sempre que sexa posible debe utilizarse a xestión propia, co asesoramento de técnicos e a contratación de empresas. Na xestión de montes en convenio coa Xunta de Galicia deben facer valer os seus dereitos de propietarios. A asociación en mancomunidades pode mellorar a xestión do monte veciñal.

14-  Nos casos de grave abandono do monte veciñal por incapacidade de xestión dos veciños ou desaparición da poboación, a Xunta de Galicia debe facerse cargo da xestión, coa axuda das comunidades próximas e os concellos. Esta situación debe ser sempre temporal e mentres a comunidade veciñal non poida asumir a xestión.

15-   A xestión do monte veciñal, ben propia ou conveniada, debe ir encamiñada ao desenvolvemento da economía rural e á creación de emprego local.

16-  Reiteramos unha vez máis o noso convencemento de que o monte veciñal debe ser multifuncional, tendo como prioridade en cada caso o mellor servizo aos veciños e baixo os criterios de sustentabilidade.

17-  Na actual revisión do Estatuto de Autonomía de Galicia, reclamamos que o novo texto recoñeza a propiedade veciñal diferenciada da pública e da privada, coas súas características propias derivadas do seu carácter xermánico. Esiximos que Galicia teña competencias plenas e exclusivas sobre o seu monte veciñal, incluído o réxime fiscal.

18-  Creación dentro do organigrama da Consellería de Desenvolvemento Rural dun departamento específico que coordene a revitalización e desenvolvemento do monte veciñal.  Creación da figura do “Axente de desenvolvemento do Monte Veciñal”.