ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
ESTATUTOS
(Aprobados en Asemblea Constituínte o 16 de xaneiro de 1999)
Capítulo I
a- A crecente complexidade lexislativa e de funcións na que se desenvolve a actividade das comunidades de montes veciñais en man común e a toma de conciencia das mesmas do potencial económico, social, cultural e ecolóxico do seu patrimonio para un desenvolvemento harmónico da sociedade galega, induce ás comunidades ó agrupamento nun ámbito máis amplo que lles permita tanto a mellora da xestión como a incidencia nos postulados xerais nos que debe moverse a propiedade veciñal. Destas necesidades nace o anceio da creación dunha Organización Galega de Comunidades de montes veciñais en man común.
b- Os presentes estatutos teñen por obxecto regular o funcionamento da Organización Galega de Comunidades de montes veciñais en man común, ó abeiro do establecido no artigo 15.3 da Lei 13/1989, de 10 de outubro (D.O.G. de 20 de outubro), e no artigo 47 do Regulamento aprobado por Decreto 260/92 do 4 de setembro (D.O.G. de 23 de setembro).
Artigo 2
As normas contidas nos presentes estatutos inspíranse no propios estatutos das comunidades de montes, regulados pola lexislación á que fai referencia o artigo anterior, e na experiencia das comunidades e mancomunidades.
Capítulo II
Artigo 3
A Organización Galega de Comunidades de montes veciñais en man común constitúese cos seguintes fins:
1) A defensa do monte veciñal en comunidade xermánica como realidade singular de Galicia, en tódolos aspectos, e especialmente no xurídico-legal, económico, social e medio- ambiental.
2) A esixencia a tódolos organismos públicos e privados, e especialmente á Administración galega, do cumprimento da lexislación vixente sobre o monte veciñal.
3) A toma de decisións en común ante os problemas, de calquera índole, que afectan á propiedade veciñal. Tamén o posicionamento común das comunidades de montes de Galicia ante as iniciativas lexislativas, políticas, sociais ou económicas que afecten no futuro á titularidade, usufructo ou explotación dos recursos do monte veciñal.
4) Servir de voceiro das comunidades ante organismos públicos e privados sobre tódolos aspectos que incidan na situación da propiedade veciñal, na política forestal e na lexislación colateral.
5) A loita pola devolución dos montes veciñais en mán común ós seus lexítimos donos.
6) A defensa da vocación histórica do monte veciñal.
7) O fomento dun sentimento de apoio e solidariedade entre as comunidades de montes.
8) Promover a creación de mancomunidades de montes veciñais en man común de base territorial inferior.
9) Promover o recoñecemento da parroquia como entidade xurídico-administrativa no marco xeral do ordenamento do territorio galego.
Capítulo III
Sobre os obxectivos específicos
Artigo 4
Para o cumprimento dos fins referidos no artigo anterior, a Organización Galega de Comunidades de montes veciñais en man común terá os seguintes obxectivos específicos:
a) Facilitar asesoramento legal, xurídico, técnico e administrativo ás comunidades de montes integradas e ás xuntas rectoras provisionais.
b) Promover o intercambio de experiencias que contribúan á formación técnica dos directivos de comunidades de montes, á formación social dos veciños comuneiros e ó aproveitamento do monte.
c) Organización de xornadas técnicas sobre cuestións que afectan ó monte veciñal en man común: fiscalidade, xestión administrativa, aproveitamento de recursos, productos forestais, pastoreo, etc.
d) Edición dunha revista de información para tódalas comunidades.
e) Organización das futuras edicións do Congreso Galego de Comunidades de montes.
f) A arbitraxe voluntaria e amigable entre comunidades de montes con desacordos, sen prexuízo da esixencia á Administración da constitución dun Tribunal de Arbitraxe, así como a defensa do monte veciñal frente a particulares.
g) Todas aquelas actividades que se programen para o mellor cumprimento dos fins da Organización.
Capítulo IV
Sobre os membros
Artigo 5 Poderán ser membros plenos da Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común todas aquelas comunidades de montes legalmente constituídas no territorio galego. As comunidades de montes integradas en mancomunidades ou outras organizacións de ámbito territorial inferior serán membros da Organización a título individual.
Artigo 6
Poderán ser membros con voz e sen voto as comunidades de montes que conten con xunta rectora provisional. A súa solicitude deberá ser aprobada pola Asemblea Xeral da Organización.
Artigo 7
As comunidades de montes veciñais en man común integradas na Organización manterán o seu funcionamento individual con independencia, delegando só na Organización as competencias recollidas nestes estatutos ou as que se establezan por acordo xeral da Organización.
Capítulo V
Sobre a adquisición da condición de membro
Artigo 8
A condición de membro, con pleno dereito á participación nos órganos de goberno e uso dos servicios da Organización, adquírese tralo cumprimento dos seguintes trámites:
1)
Aprobación pola Asemblea Xeral da comunidade do acordo de integración na
Organización aceptando os estatutos da mesma.
2) Solicitude por escrito da Xunta Rectora da comunidade á Xunta Rectora
da Organización.
Capítulo
VI
Sobre perda da
condición de membro
Artigo
9
a-
A condición de membro pérdese por calquera das seguintes causas:
1)
Acordo da asemblea xeral da comunidade de abandonar a Organización.
2)
Incumprimento dos presentes estatutos.
3) Incumprimento por parte da comunidade de acordo aprobado na Asemblea
Xeral da Organización.
4) Impago da cota anual sen causa xustificada.
b-
A perda da condición de membro non dá dereito á devolución das cotas
aportadas.
Artigo
10
a-
A perda efectiva da condición de membro irá precedida da apertura dun
expediente, o que garantiza o dereito á defensa pola comunidade afectada.
b-
Namentres non sexa efectiva a perda da condición de membro, a comunidade veciñal
manterá a condición de membro pleno da Organización.
Artigo
11
A
perda da condición de membro non impedirá unha nova adquisición cando se
resolvan as causas que a motivaron. A nova integración deberá ser aceptada
previamente pola Asemblea Xeral de Comunidades.
Capítulo
VII
Sobre os dereitos e obrigas
dos membros
Artigo
12
Ademais
dos que resulten dos restantes preceptos destes estatutos, son dereitos do
membro:
1) Exercer o dereito de voz e voto nas asembleas da Organización.
2) Elixir e ser elixido para os órganos de goberno da Organización.
3) Dirixirse cando o estime oportuno á Xunta Rectora e á Asemblea Xeral
da Organización.
4) Demitir de calquera cargo que ostente na Organización.
5) Impugnar os acordos conforme ó disposto nestes estatutos e a
lexislación vixente.
6) Recibir información das disposicións de carácter legal que se
publiquen e que afecten ós montes veciñais en man común.
7) Recibir información de tódolos datos que lle interese coñecer sobre
a marcha da Organización e formular os reparos que considere precisos.
8) Participar nas actividades programadas e servicios ofrecidos pola
Organización, de acordo coas normas aprobadas pola Asemblea Xeral.
9) Recibir a revista da Organización.
10) Tódolos demais que deriven da súa condición de membro.
Artigo
13
Son
obrigas de todos e cada un dos membros, as seguintes:
1) Enviar representantes ás xuntanzas da Asemblea Xeral de Comunidades
ás que fose convocado en tempo e forma.
2) Cumprir os presentes estatutos e os acordos que saian da Asemblea
Xeral da Organización.
3) Desempeñar con dilixencia os cargos para os que fosen designados.
4) Efectuar o pagamento das cotas que pola Asemblea Xeral se fixen dentro
dos prazos establecidos polos presentes estatutos.
5) Comunicar ós órganos de goberno da Organización a composición da
Xunta Rectora e outros datos estadísticos da comunidade que se lle requiran.
6) Favorecer o bo funcionamento da Organización e os seus órganos de
goberno en tódolos aspectos.
7) Tódalas demais que resulten da aplicación da lexislación vixente,
dos presentes Estatutos e do desenvolvemento funcional da Organización aprobado
en Asemblea Xeral.
Capítulo VIII
Sobre
o reparto de cargas
Artigo
14
As
cotas da Organización serán anuais e aprobadas en Asemblea Xeral a proposta da
Xunta Rectora. A primeira cota será pagada por cada comunidade no intre de
formalizar a súa integración e será igual á cota anual correspondente,
independentemente do mes no que se integre.
Artigo
15
A
cota anual deberá ser satisfeita polas comunidades no derradeiro trimestre de
cada ano.
Artigo
16
Se
excepcionalmente algunha comunidade de montes veciñais demostrase claramente a
súa imposibilidade de pagar a cota anual, poderá quedar exenta da mesma se así
o aproba a Asemblea Xeral da Organización. Esta exención non impide o disfrute
pola comunidade de tódolos dereitos como membro da Organización e será
temporal, pois rematará no momento en que a situación económica da comunidade
posibilite o pagamento da cota anual.
Artigo
17
As
comunidades de montes que soamente dispoñan de xunta provisional quedarán
exentas do pago da cota anual mentres non se constitúa a xunta rectora da
comunidade.
Artigo
18
Os
presupostos extraordinarios aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria serán
sufragados polas comunidades integradas do xeito que a propia Asemblea
estableza.
Capítulo
IX
Sobre
os órganos de goberno
Artigo
19
O
goberno e administración da Organización realizarase por:
-A Asemblea Xeral de Comunidades.
-A Xunta Rectora.
Capítulo
X
Sobre
a Asemblea Xeral de Comunidades
Artigo
20
A
Asemblea Xeral de Comunidades é o órgano supremo da Organización, que expresa
a vontade da mesma e está composta por tódalas comunidades integradas, que
deberán constar no correspondente libro de rexistro.
Artigo
21
A
Asemblea Xeral reunirase en sesión ordinaria unha vez ó ano nos tres primeiros
meses do mesmo. Nela darase contas do exercicio económico anterior, que se
contabilizará por anos naturais, do presuposto do exercicio en curso e das
altas e baixas de comunidades integradas.
Artigo
22
Serán
extraordinarias tódalas demais xuntanzas que se convoquen polo Presidente, a
solicitude da Xunta Rectora ou do 20% das comunidades integradas.
Artigo
23
As
convocatorias da Asemblea Xeral, tanto en xuntanza ordinaria como
extraordinaria, serán efectuadas polo Presidente da Organización, que tamén
ostenta o cargo de Presidente da Xunta Rectora, mediante escrito que realizará
o Secretario, no que se incluirá o lugar, data e hora na que ha celebrarse, en
primeira e segunda convocatoria, o seu carácter ordinario ou extraordinario, e
incluíndo a orde do día cos asuntos a tratar.
Artigo
24
A
convocatoria á que se refire o apartado anterior publicarase nos medios de
comunicación social e comunicarase cun mes de antelación á data de celebración
mediante notificación escrita certificada con acuse de recibo ás xuntas
rectoras de tódalas comunidades integradas.
Artigo
25
Para
a validez dos acordos requerirase, en primeira convocatoria, a asistencia dos
representantes da maioría das comunidades integradas, e en segunda convocatoria
cando menos os representantes do 20 % das mesmas. Entre a primeira e a segunda
convocatorias deberá transcorrer media hora.
Artigo
26
As
comunidades integradas poderán estar representadas por tódolos membros das súas
xuntas rectoras, cún máximo de membros por comunidade se así se considerase
necesario por razóns de operatividade.
Artigo
27
Os
representantes das comunidades deberán presentar previamente ó comenzo de cada
Asemblea Xeral certificación da xunta rectora da comunidade do acordo do seu
nomeamento. Tódolos membros da Asemblea Xeral terán voz. O voto será
individual por comunidade, emitido polo delegado de cada unha, que será
designado por cada xunta rectora, antes de comenzar a asemblea, entre os seus
membros. Tamén se acepta que o delegado dunha comunidade non sexa membro da súa
xunta rectora, inda que deberá contar coa súa autorización e ser comuneiro da
mesma.
Artigo
28
Menos
nos casos tipificados expresamente na actual lexislación ou nos presentes
Estatutos, os acordos para a súa validez deberán ser aprobados pola maioría
dos asistentes. Estes acordos constituirán a postura oficial da Organización,
pero respectaránse as opinións minoritarias e permitirase a discrepancia pública.
Artigo
29
Calquera
comunidade integrada poderá incluir, nun punto específico da orde do día das
asembleas xerais ordinarias, as propostas que considere oportunas para o seu
debate, sen máis condición que a de poñelo en coñecemento do Presidente da
Asemblea antes do comenzo da sesión.
Artigo
30
A
documentación dos asuntos que figuran na orde do día das asembleas poderá ser
revisada polas comunidades integradas unha hora antes do comenzo da sesión ou
ben solicitando copia por escrito con 15 días de antelación.
Artigo
31
Do
resultado da xuntanza redactarase a correspondente acta polo Secretario, na que
deberá constar a decisión da maioría sobre cada un dos temas tratados,
expresando claramente o resultado das votacións efectuadas e, cando algún
asistente así o solicitara, farase constar a súa opinión, o seu nome e
apelidos e a comunidade á que representa.
Artigo
32
Unha
copia da acta de cada asemblea xeral será remitida a tódalas comunidades
integradas no prazo máximo de dous meses.
Artigo
33
Son
competencias da Asemblea Xeral Ordinaria de Comunidades:
1- A elección da Xunta Rectora da Organización e dos seus cargos.
2- A ratificación do ingreso de novas comunidades que reúnan os
requisitos necesarios.
3- A aceptación do ingreso de comunidades de montes con xuntas
provisionais.
4- A aprobación das cotas anuais, a proposta da Xunta Rectora.
5- A aprobación dos presupostos anuais, convenios e as contas do
exercicio anual.
6- O arredamento de comunidades de montes integradas.
7- Decidir, mediante votación, a postura oficial da Organización sobre
calquera cuestión relacionada coa propiedade veciñal en man común.
8- Aprobar o plano xeral anual de actividades presentado pola Xunta
Rectora.
9- Aprobar a celebración dos sucesivos congresos galegos de comunidades
de montes.
10- Ratificación ou rectificación de tódolos acordos da Xunta Rectora
que se consideren prexudiciais ou contrarios a outros da Asemblea Xeral.
11- Resolver as reclamacións previas á vía xudicial contra os acordos
adoptados pola propia Asemblea Xeral e a Xunta Rectora.
12- Colaborar con entidades españolas ou da Unión Europea que teñan
fins semellantes.
13- Cantas competencias lle foran atribuídas pola lexislación vixente
ou a que se dicte no futuro, e cantas outras lles atribúan os presentes
Estatutos, especialmente no exercicio de voto e elección de cargos da
Organización.
Artigo
34
Son
competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria de Comunidades:
1- A reforma dos Estatutos da Organización.
2- A aprobación de cuestións propias da Asemblea Xeral Ordinaria, cando
na mesma non puidera terse realizado.
3- A aprobación de presupostos e cotas extraordinarias.
4- A toma de acordos considerados de urxencia.
Capítulo
XI
Sobre
a Xunta Rectora
Artigo
35
A
administración e xestión da Organización corresponde á Xunta Rectora, que
estará constituída por:
- O Presidente
- O Vicepresidente
- O Secretario
- O Vicesecretario
- O Tesoureiro
- O Vicetesoureiro
- O resposable de comunicación social
- O responsable de comunicación interna
- O Coordinador Xeral
- Os vocais
Artigo
36
a-
Os cargos teñen unha duración de tres anos e son honoríficos e gratuítos,
sufragando a Organización os gastos derivados da súa xestión. Serán substituídos
por outros, do xeito que se estipula máis adiante, nos seguintes casos:
1)
Falecemento ou incapacidade de obrar.
2)
Perda da condición de comuneiro da súa comunidade.
3)
Renuncia voluntaria.
4)
Remoción por Asemblea Xeral extraordinaria.
b-
No caso de baixa ou renuncia do Presidente, ocupará as súas funcións o
Vicepresidente con carácter provisional ata a terminación do mandato, tendo
que ser ratificado pola primeira Asemblea Xeral que se celebre. No caso de que a
Asemblea Xeral non acepte a substitución ou de que máis dun tercio da Xunta
Rectora acorde presentar a súa renuncia, o Presidente deberá convocar Asemblea
Xeral para a celebración de novas eleccións. Do mesmo xeito se procederá en
caso de dimisión do Secretario ou do Tesoureiro, que serán substituídos
respectivamente polo Vicesecretario ou o Vicetesoureiro.
c-
Cando as baixas supoñan a imposibilidade de cubrir os cargos de Presidente,
Secretario ou tesoureiro, procederase á elección dunha nova Xunta Rectora.
d-
No caso de baixa ou renuncia de calquera outro membro da Xunta Rectora, os seus
postos quedarán sen cubrir deica a finalización do mandato.
Artigo
37
Os
vocais da Xunta Rectora, en número indeterminado, serán elixidos en base a
criterios territoriais aprobados en Asemblea Xeral da Organización a proposta
da Xunta Rectora.
Artigo
38
As
mancomunidades de montes de base territorial inferior que teñan comunidades
integradas na Organización, poderán designar un representante da mesma que
formará parte da Comisión de Coordinación, informando de tal elección á
Asemblea Xeral.
Artigo
39
A
Comisión de Coordenación á que fai referencia o artigo anterior terá carácter
estable e estará formada polo Coordinador Xeral, os vocais e os representantes
das mancomunidades de base territorial inferior.
Artigo
40
A
Xunta Rectora poderá nomear comisións de traballo para a mellor atención de
certos aspectos da situación do monte veciñal, para a elaboración de informes
sobre a súa problemática ou cumprir misións específicas dentro da Organización.
Estas comisións estarán presididas por un membro da Xunta Rectora e poderán
estar compostas por membros da Asemblea Xeral e, no seu caso, de asesores
cualificados. Da súa creación e disolución deberá ser informada a Asemblea
Xeral de Comunidades.
Artigo
41
A
Xunta Rectora reunirase en sesión ordinaria obrigatoriamente, cando menos, unha
vez por trimestre e en sesión extraordinaria cando o dispoña o Presidente ou o
pida como mínimo o 20% dos seus membros.
Artigo
42
Para
que fique validamente constituída a reunión da Xunta Rectora, deberán asistir
como mínimo a maioría dos seus membros e en tódolos casos o Presidente ou,
coa súa delegación, o Vicepresidente. Os acordos adoptaranse por maioría. A
asistencia ás reunións da Xunta Rectora será sempre persoal, sen que se
admitan delegacións.
Artigo
43
Son
funcións da Xunta Rectora:
1- A execución dos acordos da Asemblea Xeral da Organización.
2- A presentación á Asemblea Xeral das solicitudes de ingreso de novas
comunidades para a súa ratificación.
3- A presentación á Asemblea Xeral da proposta de cotas ordinarias e
extraordinarias.
4- A realización e presentación á Asemblea Xeral de presupostos,
proxectos e balances.
5- Facer xestións e pagamentos de diñeiro, non incluídos nos
presupostos aprobados, ata un total de cincocentas mil pesetas en cada exercicio
anual, dando conta polo miúdo á Asemblea Xeral Ordinaria seguinte.
6- A creación de comisións temporais de traballo para cumprir os
acordos da Asemblea Xeral ou mellorar o funcionamento da Organización.
7- A esixencia ás comunidades de montes das súas obrigas como membros
da Organización.
8- A realización da revista de información.
9- En xeral, administrar a Organización e exercitar as funcións que
delegue a Asemblea Xeral ou impoñan os presentes Estatutos.
Artigo
44
O
Presidente da Organización ostenta a representación legal da mesma. Convoca e
preside as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Rectora.
Artigo
45
O
Vicepresidente substituirá ó Presidente na súa ausencia ou en asuntos de
representación e axudarao nas súas funcións.
Artigo
46
O
Secretario é o encargado de redactar as actas da Asemblea Xeral e da Xunta
Rectora, expedir certificacións e outros documentos co visto e prace do
Presidente. Así mesmo custodia os libros de actas e inventarios, rexistro de
membros, arquivos e, en xeral, toda a documentación da Organización. Tamén
redacta as convocatorias e a memoria anual da Asemblea Xeral.
Artigo
47
O
Vicesecretario substituirá ó Secretario na súa ausencia, asistirao nas súas
funcións e exercitará aquelas que nel delegue.
Artigo
48
O
Tesoureiro leva o libro de contas e custodia os fondos económicos da Organización,
realizando pagamentos e cobros, e controla os ingresos e gastos da institución.
Levará a cabo a cobranza das cotas ós membros.
Artigo
49
O
Vicetesoureiro substituirá ó Tesoureiro na súa ausencia, asistirao nas súas
funcións e exercitará aquelas que nel delegue.
Artigo
50
Os
fondos económicos da Organización contarán con tres sinaturas recoñecidas na
entidade bancaria. A disposición dos fondos poderase realizar co aval conxunto
de dúas sinaturas, unha delas a do Tesoureiro.
Artigo
51
O
responsable de comunicación social é o encargado das roldas e notas de prensa,
así como doutros actos e campaña de propaganda e imaxe da Organización.
Artigo
52
O
responsable de comunicación interna ten ó seu cargo as relacións coas
comunidades integradas a través de circulares e comunicados. Así mesmo leva a
dirección da revista de información.
Artigo
53
O
Coordinador Xeral preside a Comisión de Coordinación, á cal traslada os
proxectos da Xunta Rectora e da que recolle as actividades e propostas dos
vocais e representantes das mancomunidades para trasladar á Xunta Rectora.
Artigo
54
Os
vocais desempeñarán as funcións que lle sexan asignadas pola Xunta Rectora,
entre as que poderán estar a implantación da Organización nas comarcas do seu
ámbito e impulsar a constitución de mancomunidades de montes nas zonas nas que
non existan.
Capítulo
XII
Sobre
a responsabilidade dos órganos de goberno
Artigo
55
A
Asemblea Xeral será responsable ante as comunidades integradas da boa marcha da
Organización e do cumprimento das súas obrigas, dos presentes Estatutos, da
Lei de Montes Veciñais en Man Común e do seu Regulamento, e da demais
lexislación vixente aplicable.
Artigo
56
A
mesma responsabilidade afecta á Xunta Rectora, tanto no que atinxe ós asuntos
da súa competencia como ós que lle encomende a Asemblea Xeral, e dos danos e
perdas que cause á Organización por culpa, engano, neglixencia ou morosidade
na súa actuación. A súa responsabilidade é colexiada, a non ser que algún
dos seus membros traspase os lindes das facultades que lle fosen outorgadas e
actúe a nivel persoal con terceiros, pois neste caso esixiráselle
responsabilidade individual.
Capítulo
XIII
Sobre
a impugnación dos acordos dos órganos de goberno
Artigo
57
Os
acordos da Asemblea Xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común e
ó seu Regulamento, os que crebanten os presentes Estatutos e os non axeitados
ós intereses xerais da Organización poden ser recorridos por calquera das
comunidades integradas dentro dos 15 días naturais seguintes no caso de que o
representante da tal comunidade asistise á Asemblea na que se tomou o acordo, e
tres meses se non asistiu á mesma, debendo resolver a Asemblea Xeral sobre o
devandito recurso dentro dos dous meses seguintes á súa
presentación. Tal resolución poderá ser recorrida perante a xurisdicción
ordinaria dentro dos dous meses seguintes.
Artigo
58
Se
se trata de acordos da Xunta Rectora que adoezan dos mesmos defectos dos que
trata o artigo anterior, poden ser impugnados polas comunidades integradas que
se consideren prexudicadas ante a Asemblea Xeral no prazo dun mes desde a súa
publicación, e a súa resolución pode ser impugnada do xeito previsto no
artigo anterior.
Artigo
59
Se
a comunidade de montes que quere presentar unha impugnación demostrase que non
tivo información do acordo da Xunta Rectora dentro do prazo para a presentación
da mesma, poderá presentala na Asemblea Xeral seguinte.
Capítulo
XIV
Sobre
as eleccións
Artigo
60
a-
Para a primeira elección da Xunta Rectora convocarase Asemblea Xeral pola Xunta
Xestora da Organización cando menos con trinta días de antelación á data de
celebración. Con tódalas comunidades asistentes realizarase o primeiro censo
de comunidades.
b-
A Mesa Electoral estará integrada polo asistente máis vello como Presidente e
o asistente máis novo como Secretario, que non formen parte de ningunha
candidatura. As candidaturas que concorran poderán nomear cadanseu interventor,
sempre que non formen parte de candidatura algunha.
c-
Tódalas condidaturas deberán ser presentadas inmediatamente despois de
constituirse a mesa electoral. Cada candidatura non deberá incluír máis dun
membro dunha comunidade de montes e deberá facer constar o cargo ó que opta
cada aspirante.
Artigo
61
Tódalas
comunidades de montes integradas serán electores, baixo o principio dun voto
por comunidade, exercido polo delegado da mesma. Son elexibles tódolos membros
da Asemblea Xeral da Organización, tanto representantes como delegados das
comunidades.
Artigo
62
a-
A votación será por sufraxio universal directo e secreto. Resultará elixida a
candidatura que maior número de votos obteña, sempre que supere o número de
abstencións. En caso de empate entre dúas candidaturas, realizarase unha nova
votación entre elas para escoller a elixida.
b-
Se soamente hai unha candidatura presentada, a votación poderá ser a man
alzada, e a candidatura será elixida se obtén maior número de votos a favor
que en contra.
c-
Se ningunha candidatura obtén os requisitos para ser elixida, a Xunta Xestora
da Organización iniciará un novo proceso electoral e convocará nova Asemblea
Xeral no prazo máximo dun mes.
Artigo
63
Para
as demais eleccións, o Presidente da Organización convocará Asemblea Xeral de
Comunidades para elixir ós membros que compoñan a nova Xunta Rectora. A
convocatoria incluirá lugar, día e hora para a celebración
da elección.
Artigo
64
a-
A Xunta Rectora designará de entre os representantes das comunidades, por
sorteo, para compoñer a Mesa Electoral, ó Presidente da mesma, ó Secretario e
un máximo de catro vocais, así como seis suplentes e obter a sucesiva aceptación
dos designados para o desempeño do cargo.
b-
A designación efectuada e a aceptación manifestada para o desempeño deste
cometido é renunciable soamente por imposibilidade ou causa de necesidade
xustificada.
Artigo
65
A
Asemblea Xeral para a elección de nova Xunta Rectora convocarase cando menos
con tres meses de antelación á data de celebración e mediante notificación
escrita con certificación aberta a cada unha das comunidades incritas no censo
de membros. Tamén se deben incluír as normas
que rexerán no proceso, a
composición da Mesa Electoral cos suplentes e a relación de comunidades
integradas co enderezo e teléfono de contacto.
Artigo
66
A
Mesa Electoral, no desenvolvemento das súas responsabilidades, velará pola
igualdade de oportunidades para tódalas candidaturas. A Organización correrá
cos gastos da realización das papeletas electorais.
Artigo
67
a-
As distintas candidaturas depositaranse para a súa formalización ante a
secretaría da Mesa Electoral, presentadas por calquera dos seus compoñentes en
escrito no que figure a composición da mesma e os cargos ós que cadaquén
aspire, dentro dos dous meses seguintes ós da data da convocatoria. Cada
candidatura non deberá incluír máis dun membro dunha comunidade de montes.
b-
A Mesa Electoral notificará ás candidaturas con defectos de forma, dentro dos
3 días seguintes ó remate do prazo anterior e en escrito certificado, as
deficiencias para a súa rectificación, dándolle un periodo dunha semana para
facelo. Unha vez superados estes prazos comunicará, a tódalas comunidades
integradas, as candidaturas presentadas que cumpren os requisitos legais.
Artigo
68
As
candidaturas poderán designar cadanseu interventor, que non será candidato a
ningún dos cargos, e que estará presente na mesa electoral para que fiscalice
a transparencia das eleccións. O
proceso electoral desenvolverase conforme ás normas contidas nos artigos 61 e
62.
Artigo
69
a-
Calquera incidente ou recurso que se presente durante a celebración das eleccións
será resolto pola Asemblea Xeral unha vez rematado o escrutinio dos votos e
recollido na acta a levantar polo secretario da mesa electoral.
b-
Esta resolución poderá ser impugnada ante a xurisdicción ordinaria dentro dos
dous meses seguintes, sen que sexa de aplicación no presente caso o disposto no
artigo 59 dos presentes Estatutos.
Artigo
70
Unha
vez resoltos os recursos ós que se refire o artigo anterior e finalizado o
escrutinio, a Asemblea Xeral ratificará a validez da elección, do escrutinio e
do reconto de votos, procedendo de seguido a declarar electa como nova Xunta
Rectora á candidatura que acadase o maior número de votos, a cal tomará
posesión nese momento. O traspaso de documentación realizarase nun prazo máximo
de 15 días.
Capítulo
XV
Sobre
a lingua da Organización
Artigo
71
O
idioma galego é a lingua de uso da Organización nas súas relacións internas
e externas, así como da súa documentación. Respectarase o uso individual
doutra lingua.
Capítulo
XVI
Sobre
a modificación dos Estatutos e a disolución da Organización
Artigo
72
A
modificación total ou parcial dos presentes Estatutos realizarase a proposta da
Xunta Rectora ou do 30 % das comunidades integradas. Deberá ser aprobada en
Asemblea Xeral Extraordinaria polo voto favorable da maioría dos presentes.
Artigo
73
A Organización de comunidades de montes veciñais en man común poderá disolverse en As