Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais
 en Man Común
ORGACCMM

 

Nota de prensa

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes rexeita categoricamente a situación de incendios xeralizados que está asolando a boa parte de Galicia e que supón un ataque reiterado e organizado, non soamente ao sector forestal, senón a importantes sectores productivos como o agrario, turístico, marisqueiro e outros, que tardarán moitos anos en recuperarse. As circunstancias e os lugares en que aparecen os lumes demostran claramente que responden, non a motivacións sectoriais ou locais en cada caso, senón a un serio intento, máis alá do desastre forestal, de crear unha alarma social continuada que supón un desafío ao Estado de dereito e que debe ser respondido a curto prazo polas autoridades políticas. Este problema ten tal envergadura que debe pasar a primeiro plano das prioridades dos gobernos central e autonómico. Está en xogo a supervivencia do noso mundo rural e de boa parte dos sectores productivos do país.

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes fai un chamamento a todos os veciños e veciñas comuneiros de Galicia, que son centos de miles, para:

 

1- Colaborar activamente cos veciños afectados para protexer as súas casas e medios de subsistencia.

 

2- Colaborar activamente, cos medios de que dispoñan e con prudencia, con todo o persoal de extinción de incendios para defender as zonas de monte que se poida.

 

3- Colaborar activa e decididamente coas forzas de seguridade para poñer en mans da xustiza aos criminais que, sexa cal sexa a súa motivación, están poñendo en perigo vidas e facendas e atacando directamente o noso sistema de vida e a nosa cultura.

 

A Organización Galega de Comunidades de Montes rexeita por extemporáneas as trifulcas entre os políticos a conta da desgraza do país. Non é o momento de loitas partidarias para sacar vantaxes políticas. Tempo haberá de esixir responsabilidades a cada parte implicada na defensa do monte, de revisar as deficiencias nos dispositivos de extinción e de debater fondamente sobre a política forestal de Galicia.

 

Agora mesmo a prioridade é a defensa do monte. Traballar ordenadamente para que os incendiarios causen o menor dano posible. E nesta loita a Organización Galega de Comunidades de Montes quere agradecer publicamente o apoio e a colaboración que desde particulares e institucións se está prestando para salvar ao monte.  

 

Teléfonos de contacto:

 

Presidente: Xosé Alfredo Pereira – 649.137.135

Directivo: Carlos Morgade – 627.625.907