Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común

COMUNICADO INFORMATIVO

    O borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia que a Consellería de Medio Ambiente presentou ós distintos compoñentes do sector relacianado co monte, no que fai referencia ós Montes Veciñais en Man Común (MVMC), caracterizase por tres liñas totalmente negativas para esta propiedade especial.

1º Liña

    A primeira liña pon os pasos para a eliminación da figura do MVMC como unha propiedade de natureza especial, de carácter xermánico e titularidade veciñal. Así, elude toda referencia ós MVMC como unha propiedade especial, situándoa con tódalas consecuencias no ambito dos montes privados. Nos MVMC conveniados ou consorciados usúrpalle non só a xestión senón tamén a decisión cando ésta compételle somentes ós donos destas propiedades.

2ª Liña

    A segunda liña eleva a categoría de Lei todas as incompetencias e incumprimentos que ten e fai a Administración Forestal Galega respecto dos MVMC. Deste xeito, deroga por arte de maxia parte do Artigo 25 da Lei de MVMC actualmente vixente que define as obrigas que ten a Administración Forestal Galega. Ó tempo, bótase fora ó proceder a face-los deslindes nestes montes, bótase fora da loita contra os lumes e pragas dos montes, obrigándolle ós donos dos montes a facela e, mesmo, póndolle unha taxa cando se dea a intervención da Administación Forestal Galega. E, por se iso fora pouco, incoalle expedente sancionador a aqueles propietarios que non o fagan.

3ª Liña

    A terceira liña potencia somentes a faciana forestal-madeira dos montes, pondo impedimentos para o desenvolvemento dos outros aproveitamentos dos MVMC como poden ser os agrogandeiros. Así, fomenta a cadea monte-industria só no aspecto forestal-madeira. Non fala nada de fomentar o desenvolvemento das Comunidades de Montes, e cando fala de fomentar nos niveis educativos o coñecimento do monte, esquece os MVMC que son unha propiedade especial de Galicia.

    A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) entende que o Anteproxecto da Lei de Montes de Galicia e totalmente lesivo para a figura do MVMC e, polo tanto, solicitamos que non se faga ningunha referencia ós MVMC na futura Lei de Montes de Galicia, que se cumpla a Lei de MVMC atualmente vixente ou, no seu caso, que se proceda a elaborar unha nova Lei de MVMC.

    Agardamos que o talante de consenso e de diálogo que semella amosar a Consellería de Medio Ambiente, seña real e, xa que logo, non tente aprobar unha Lei de Montes de Galicia que vai contra a figura dos MVMC e do desenvolvemento de todos os seus usos de xeito harmónico e compatibel.

                               Galicia, a 2 de Xuño do 2.004

                O Presidente da ORGACCMM  -Xosé Alfredo Pereira Martínez-