FARO DE VIGO DigitalMiércoles, 4 de mayo de 2005

"Ponte... nas ondas" da voz ó patrimonio galego-portugués

 
 

Eva González / TUI

A edición undécima do programa radiofónico interescolar "Ponte... nas ondas!" terá a súa saída desde as 9.45 horas do vindeiro venres ata as 9.30 horas do sábado, coa espectativa de que a Unesco proclame a cultura galego-portuguesa como Obra Mestra da Humanidade. Baixo o lema "Un Patrimonio para o futuro", cincoenta centros educativos participarán nesta iniciativa que conta coas Escolas Asociadas á Unesco de Galicia e Portugal.

Santiago Veloso e Xabier Prado, membros da organización, explicaron onte na presentación desta edición que "será unha festa das escolas dos dous lados do Miño que agardan a proclamación da Unesco; será a edición máis intensa", aseguran.

Destacaron que "se fará visible a ponte Galicia-Norte de Portugal, que é o noso obxectivo como punto contínuo de convivencia".

A emisión realizarase desde oito estudios de radio: Radio Galega (Santiago), Radio Ecca (Vigo), Radio Municipal de Tui (Tui), Radio Allariz (Allariz), Radio de Montalegre (Portugal), Radio Melgaço (Portugal), Radio Ecos da Raia (Monçao-Portugal), e Radio Cultural de Vila Nova de Cerveira (Portugal). En Tui retransmitirase en directo desde o Auditorio Municipal.

Citaron unha das iniciativas que agarda a organización con máis ilusión, a presentación no mes de xullo do disco DVD "Meniños Cantores", calificada polo Consello da Cultura Galega como "a máis bonita iniciativa sobre o patrimonio inmaterial galego-portugués".

Lembraron que será o terceiro ano que se traballa no programa co patrimonio inmaterial. Primeiro foi o agrícola, despois o marítimo fluvial. Este ano dase paso ós xoves para saber si recoñecen este patrimonio poñendo en valor o galego. "Eles serán os protagonistas", dixeron, lembrando que estarán tamén escolas de Cuba e Brasil.