FESTA DA VINCHA EN CERDEDO. QUE NON MORRA!!

Compañeir@s:

    O vindeiro día 5, sábado, a partires das 12 h. vaise celebrar a Vª Edición da Festa da Vincha no adro da parroquial de Cerdedo. Como todos os anos a Asociación de Mulleres Espadela fai un gran esforzo para levala adiante con dignidade cos seus escasos medios, ofertando un postre tradicional elaborado de xeito artesán e familiar (algo moi pouco habitual nas festas gastronómicas) e distintos atractivos de carácter cultural: pregón a cargo dunha coñecida escritora da bisbarra, obradoiros de cestería e ferro, cerámica tradicional de Niñodaguia, xantar enxebre, gaiteiros, servicio de bar, venda de doces e licores propios da zona.....

    Este ano, o Concello axuda menos que nunca (600 €), agardando co seu habitual sectarismo a que a Festa morra, Espadela se desfaga e eles coa súa clientela do PP teñan as mans ceibes para se quedar co evento. Por iso Espadela pediu axuda a Verbo Xido para que botara unha man. En consecuencia, Verbo Xido corre a cargo dun dos obradoiros e instalará un pequeno stand cunha exposición dun casal propio da Terra de Montes en miniatura e procederá á venda das súas diversas publicacións. Nese sentido, temos varias novidades que distibuiremos alí:

* a Guía didáctica do Centro Etnográfico "Terra de Montes".

* O nº 9 do Boletín "Verbo Xido", recén saído do forno.

* un folleto a toda cor do roteiro Sarmiento, elaborado por Carlos Solla, e que sairá xusto para a Festa como unha contribución máis á mesma.

    Entendemos que este ano é moi importante contar coa vosa colaboración, habida conta das especiais circunstancias que concorren. Compre botar unha mán a Espadela e que a Festa non morra nas mans dos que só saben gobernar para si mesmos e para os seus amig@s e clientes, e con ela desapareza un dos poucos espazos de liberdade e creatividade cos que contamos na Terra de Montes. Por iso é decisiva a vosa presencia, que, asemade, fará posíbel pasar un rato agradable, divertido e formativo.

Saúdos: Pola directiva de Verbo Xido, Lola Varela

Máis polo miudo:

-A partir das 12 horas están en funcionamento todas as propostas (obradoiros de cestería e ferro, stand de etnografía, bar, actuacións musicais, venda de doces e licores, publicacións, etc.).

-Ás 13 horas, unha escritora da bisbarra, Chus Nogueira leerá o pregón.

-A partir das 13h 30 se servirán comidas. Pódese elixir entre lacón con grelos, cacheira, polvo ou churrasco por 7 €. Unha botella de viño 3€. En total comida, pan, viño, café, queimada, sae por 12 €. A parte, un plato de cerámica de Niñodaguia cun surtido de postres tradicionais (vincha, orellas, filloas, flores, petotes), son 5€.

Ás 17 horas é o concurso de vinchas e posterior entrega de premios.

-Pola tarde funcionan todas as propostas ate as 20 horas.