optimizada para 800 x 600

 

 

 

 

Primeira Quincena de Novembro

Manifestación para lembrar o desastre do Prestige

Redacción

Xa pasaron dous anos desde aquel fatídico 13 de novembro, no que o accidente do petroleiro Prestige acabou orixinando unha catástrofe. A Plataforma Cidadá Nunca Máis conmemora esta data como o Día da Dignidade coa intención que non se esqueza o que aconteceu e que se realicen accións para que non volva a pasar nunca máis. Denuncian que aínda hoxe non se designou a zona marítima galega como "área especial" ao abeiro do Convenio internacional MARPOL, nin se dispoñen de métodos de control de vixilancia marítima para que outras embarcacións perigosas pasen diante das nosas costas. Esixen, do mesmo xeito, unha dotación de remolcadores de máis de150 Tn de potencia de tiro localizados permanentemente na costa galega e buques anti-contaminación con capacidade de almacenaxe de 3000 m3 e con base en Galiza e que poderían ser construidos nos nosos estaleiros ademais de dispor de estabelecementos de Centros de Almacenamento ao longo da costa galega.

Rexeneración do litoral

Algunhas zonas do litoral galego aínda mostran as rochas de cor negro sinal de que non foron limpadas e algunhas especies mariñas escasean. Para a PNM "a afectación do litoral e do medio mariño exixe un labor continuado de rexeneración, que teña unha planificación clara, así como unha dotación económica e de medios para ese fin". A solución pasaría pola aplicación da biorremediación nas zonas de rochedo afectadas e a recollida sistemática dos residuos de fuel que aínda chegan ás praias galegas.

Apoio real aos sectores productivos
As zonas afectadas pola maré negra de chapapote viron reducidas en case un 25 % as súas capturas e as axudas recibidas foron, ao entender da PNM, insuficientes. Desde o primeiro momento a petición foi de adopción de medidas compensatorias reais de apoio e recuperación económica que viñeran acompañadas dun esforzo investidor que contemplara a excepcionalidade da situación.

Rajoy non falou do Prestige no debate das contas do Estado

Mariano Rajoy, presidente do PP, omitiu toda refencia á catástrofe do Prestige e ao Plan Galicia no debate parlamentario dos orzamentos xerais do Estado español. Mália ser un dos temas que protagoniza sempre o debate político galego a dirección en Madrid non considerou oportuno recriminar ao goberno socialista a falta de investimentos neste sentido.

Autobuses desde Vigo para vir á mobilización do 13-N en Santiago

A plataforma Nunca Máis de Vigo facilitará transporte colectivo para asistir á mobilización do 13 de novembro que terá lugar na cidade de Compostela. Os billetes poderan mercarlos ao prezo de 6 euros na sede da Plataforma en horario de 6 a 9 de tarde (Pz. da Princesa 7, 2º andar 36202 Vigo. Tlf-fax 986 221 510) e nas sedes centrais dos sindicatos CC.OO, UXT e CIG.

Volta a bandeira negra

A Plataforma cidadá Nunca Máis realiza un chamamento aos cidadáns e cidadás galegas á que volten amosar os símbolos da Plataforma Nunca Máis, no seu posto de traballo, no coche cos autocolantes, na bicicleta, nas xanelas da casa, etc. Dous anos despois da catástrofe do Prestige queren, dalgún xeito, voltar amosar que o pobo galego non esquece o que aconteceu en novembro do 2002; e que non só non esquece senón que non estamos dispostos a que outro Prestige tinxa de morte as nosas costas.